Teo - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DAS TARXETAS DE ACCESIBILIDADE DO CONCELLO DE TEO
Artigo 1. Obxecto
A presente ordenanza ten por obxecto a regulamentación da expedición polo concello de Teo das tarxetas de accesibilidade, de estacionamento e de persoas usuarias, previstas nos artigos 32 e seguintes da Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade, e demais normativa aplicable.
Poderán ser persoas beneficiarias das tarxetas de accesibilidade as persoas con mobilidade reducida, ou que teñan recoñecida unha discapacidade visual que implique un grao das limitacións na actividade igual ou superior ao 75 %.
A través das tarxetas de accesibilidade, na súa dobre tipoloxía, preténdese favorecer o uso dos transportes privados a través do aparcamento reservado (tarxeta de estacionamento), e o uso dos transportes públicos (tarxeta de persoa usuaria).
Artigo 2. Titulares
1.- As tarxetas de estacionamento e de persoas usuarias poderán ser solicitadas polas persoas empadroadas no concello de Teo, que teñan recoñecida mobilidade reducida polo Equipo de Valoración e Orientación (EVO), dependente da sección de cualificación e valoración de discapacidade da Xunta de Galicia, ou que teñan recoñecida unha discapacidade visual que implique un grao das limitacións na actividade igual ou superior ao 75%.
2.- Con carácter excepcional, as persoas que presenten mobilidade reducida, aínda que non fora ditaminada oficialmente, por causa de enfermidade ou patoloxía de extrema gravidade que supoña fehacentemente unha redución substancial da esperanza de vida, dentro da media da poboación de similares características, e que polo tanto impida tramitar en tempo a solicitude ordinaria da tarxeta de estacionamento, poderán solicitar unha tarxeta de estacionamento provisional. Para a obtención da tarxeta de estacionamento provisional, a acreditación dos extremos citados efectuarase mediante certificado do persoal médico dos servizos públicos de saúde, validado pola inspección dos servizos sanitarios competentes por razón de domicilio da persoa solicitante.
3.- As persoas que teñan tarxeta de estacionamento ou tarxeta de persoa usuaria, expedida polas autoridades competentes en calquera pais da Unión Europea, ou noutra Comunidade Autónoma, poderán solicitar unha tarxeta no concello de Teo que se emitira de xeito automático, previa declaración responsable na que se poña de manifesto que cumpre con todos os requisitos contemplados na presente ordenanza e normativa aplicable, isto sen prexuízo da posibilidade de que se solicite dende o concello calquera tipo de documentación que se estime precisa.
Artigo 3. Solicitudes
1.- A solicitude da tarxeta de estacionamento para vehículos privados e de persoas usuarias de transporte público deberá acompañarse da seguinte documentación:
a) Modelo de instancia recollido no anexo I, no caso de solicitar a de estacionamento, e no anexo II para a de persoas usuarias.
b) Fotocopia do DNI, ou documento identificativo da persoa física que a solicita.
c) Dúas fotografías tamaño carne.
d) Certificado de discapacidade ou informe da Equipa de Valoración e Orientación (EVO), ou informe dos servizos médicos competentes no caso dar tarxeta de estacionamento provisional.
e) No caso de que a persoa con dificultades sexa menor de idade, a documentación necesaria para comprobar que o solicitante ten a capacidade xurídica necesaria para desempeñar a súa representación, e copia do documento de identidade da persoa que ostenta dita representación.
f) No caso de que a persoa con dificultades sexa maior de idade incapacitada xudicialmente, copia compulsada da sentenza de inhabilitación e copia do documento de identidade da persoa que é titora.
2.- No caso de que a persoa solicitante sexa unha persoa xurídica a solicitude debera acompañarse da seguinte documentación:
a) Modelo de instancia do anexo III.
b) Documentación do vehículo ou vehículos para os que se solicita a tarxeta, na que constara a/s matrícula/s do/s mesmo/s.
c) Escritura de constitución ou estatutos da Entidade, na que se ten que comprobar que os fins da mesma teñen congruencia coa solicitude.
c) Identificación da persoa que ten a capacidade de representación da entidade.
Artigo 4. Procedemento e competencia
Recibida no concello a solicitude e a documentación sinalada, o departamento de benestar e igualdade comprobara a congruencia da solicitude e a documentación presentada, podendo solicitar nova documentación ou subsanación da aportada, no caso de que así o estimase. O prazo para a emenda será de 10 días, transcorrido o cal entenderase que a/o interesada/o desiste da súa solicitude.
No caso de que a solicitude non fose congruente coa situación persoal da persoa solicitante, poderáselle indicar cal é a solicitude acaída.
Unha vez completa a documentación, formularase polo departamento de benestar e igualdade unha proposta de concesión ou denegación do solicitado, elevándose a citada proposta, xunto co expediente completo, á Alcaldía, ostentando esta a competencia, mediante Resolución motivada, de conceder ou denegar a tarxeta solicitada.
A devandita resolución será notificada á/ao interesada/o de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións Públicas e do procedemento administrativo común ou normativa que resulte aplicable.
Nas situacións nas que a persoa con discapacidade presente un certificado no que non se recollan explicitamente dificultades para o uso do transporte colectivo, ou unha discapacidade visual que implique un grao de limitacións na actividade igual ou superior ao 75 %, o concello remitira copia da solicitude á EVO, solicitando que informe sobre estas cuestións. O informe emitido será vinculante para a concesión ou denegación da tarxeta solicitada.
Artigo 5. Vixencia e renovación
1. - As tarxetas de accesibilidade terán, con carácter norma xeral, unha vixencia de 10 anos.
2. - As tarxetas de estacionamento provisional terán unha vixencia máxima de un ano, podendo prorrogarse por un período igual, sempre que se manteñan as condicións iniciais requiridas para o seu outorgamento.
3. - A morte das persoas titulares da tarxeta determina automaticamente a perda de vixencia da mesma.
4. - A renovación das tarxetas axustarase ao mesmo procedemento que o da súa emisión. Esta renovación deberase solicitarse, como mínimo, cunha antelación dun mes á data de finalización da vixencia da tarxeta.
Artigo 6. Dereitos
1.- As persoas titulares da tarxeta de estacionamento de vehículos beneficiaranse das seguintes facilidades:
a) Utilización das prazas de aparcadoiro reservadas para tal efecto no ámbito de Galicia.
b) Ampliación do tempo máximo de estacionamento, cando así estea contemplado.
c) Autorización para que se poidan realizar paradas en vías publicas durante o tempo imprescindible, sempre que non entorpezan a circulación peonil ou viaria, e non provoquen situacións de risco.
2.- A tarxeta de persoas usuarias dará dereito na comunidade autónoma de Galicia a:
a) Reservas de praza nos transportes públicos.
b) Bonificación nas tarifas de transportes públicos que a teñan establecida.
Artigo 7. Obrigas
1.- As persoas titulares, ou os seus titores, deberan comunicar calquera modificación das condicións que deron lugar a concesión da tarxeta. Esta comunicación farase por escrito que deberá presentarse no rexistro municipal.
2.- No caso de roubo, perda ou deterioro, deberase solicitarse outra tarxeta, quedando entre tanto suspendidos os dereitos inherentes á mesma.
3.- As persoas titulares das tarxetas e os seus titores ou acompañantes, deberan identificarse mediante documento oficial, cando así llo solicite un axente da autoridade.
Artigo 8. Uso
1.- As tarxetas son de uso persoal e intransferible.
2.- As tarxetas de estacionamento de vehículos so poderán utilizarse cando viaxe no seu interior a persoa titular.
3.- A tarxeta de estacionamento debera colocarse de xeito visible dende fora no cristal dianteiro do automóbil. Debe ser o documento orixinal.
4.- As tarxetas de estacionamento cuxo titular sexa unha persoa xurídica estarán vinculadas á/s matricula/s concedida/s, non podendo utilizarse noutro/s. Ademais so serán validas cando realicen funcións de transporte con persoas con mobilidade reducida.
Artigo 9.- Infraccións e Sancións
1.- O incumprimento das obrigas previstas na presente ordenanza poderá producir a cancelación das tarxetas, ou a súa retirada temporal, sen prexuízo das sancións previstas no ordenamento xurídico. Esta decisión tomarase despois de aberto o oportuno expediente, que garanta os dereitos de todas as partes implicadas. En todo caso, a incoación do expediente e a duración da retirada provisional, será unha proposta realizada polo persoal técnico da concellería de benestar e igualdade.
2.- Cando se comprobe o uso fraudulento e reiterado das tarxetas, darase traslado á Comisión Técnica de Accesibilidade dun informe da situación, de acordo co contido do artigo 70 da lei 10/2014 , do 3 de decembro, de accesibilidade.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Queda derrogada a Ordenanza das tarxetas de estacionamento para persoas con minusvalidez do concello de Teo (BOP nº 174, do 06/08/2009 ).
DISPOSICIÓN FINAL
A presente ordenanza entrará en vigor unha vez publicado integramente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.
ANEXOS