Teo - ORDENANZA DA VENDA AMBULANTE NO CONCELLO DE TEO

Publicación provisional: 07/06/2016 BOP Nº: 107
Publicación definitiva: 02/08/2016 BOP Nº: 145
Aplicable dende: 02/02/2017

CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta ordenanza ten por obxecto regular, con carácter xeral, o exercicio da venda ambulante que se realice no termo municipal de Teo, entendendo por tal a exercida na vía pública por comerciantes fora dun establecemento comercial permanente.

Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta ordenanza:

a) A venda directa de excedentes de produción das explotacións agrarias, que se rexerá polo establecido no Decreto 125/2014, do 4 de setembro, que regula en Galicia a venda directa dos produtos primarios dende as explotacións á persoa consumidora final.

b) Os postos autorizados na vía pública de forma fixa e estable, nos que se desenvolva unha actividade comercial de xeito habitual e permanente en virtude dunha concesión administrativa, que se rexerán pola súa normativa específica.

c) Os espectáculos públicos e actividades recreativas, que se rexerán polo establecido na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Artigo 2. Marco normativo

A venda ambulante no concello de Teo rexerase, ademais de polo disposto na presente ordenanza, polo establecido no Título V, Capítulo V da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do Comercio Interior de Galicia, e polas normas sectoriais reguladoras da venda e comercialización de cada produto en concreto, en especial os regulamentos técnico- sanitarios aplicables á produción e comercialización de cada produto.

Artigo 3. Competencia

Corresponde ao Concello de Teo, dentro do seu termo municipal, e sen prexuízo das competencias doutras Administracións, conceder a autorización para o exercicio da venda ambulante no seu territorio e a ordenación, execución, inspección e control das medidas necesarias para un desenvolvemento satisfactorio das feiras, mercados e outros acontecementos extraordinarios, nos que se desenvolvan actividades de venda ambulante, do cumprimento dos requisitos para a obtención das licenzas e de facer cumprir a presente ordenanza.

CAPITULO II. DA VENDA AMBULANTE EN XERAL

Artigo 4. Concepto de venda ambulante

Tal como establece o artigo 70 da Lei 13/2010, considérase venda ambulante ou non sedentaria a realizada por persoas comerciantes, fora dun establecemento comercial permanente, de xeito habitual, ocasional, periódico ou continuado, nos perímetros ou nos lugares debidamente autorizados en instalacións comerciais desmontables ou transportables, incluíndo os camións tenda.

Artigo 5. Modalidades de venda ambulante

A tipoloxía de venda ambulante ou non sedentaria, de acordo co artigo 71 da Lei 13/2010, comprende:

a).- Venda ambulante en mercados periódicos: aquela autorizada nos mercados situados en poboaciónS, en lugares e espazos determinados, cunha periodicidade establecida. Dentro deste epígrafe enténdense comprendidas, entre outras, as realizadas en feiras populares, mercadiños e rastros.

b).- Venda ambulante en mercados fixos: aquela autorizada en lugares anexos aos mercados municipais ou de abastos, con instalacións permanentes nas poboacións.

c).- Venda ambulante en postos desmontables instalados na vía pública: aquela autorizada para un número de postos, situacións e períodos determinados.

d).- Venda ambulante en mercados ocasionais: aquela autorizada en mercados esporádicos, que se celebren con motivo de feiras, festas ou acontecementos populares.

e).- Venda ambulante mediante camións ou vehículos tenda: aquela realizada nos citados medios e autorizada en zonas ou lugares determinados.

Artigo 6. Suxeitos da venda

A venda ambulante no termo municipal poderá ser exercida por toda persoa física ou xurídica legalmente constituída que se adique profesionalmente á actividade do comercio polo miúdo e reúna os requisitos establecidos na presente ordenanza e demais normativa que fose de aplicación.

Artigo 7. Produtos obxecto de venda ambulante

En ningún caso poderán ser obxecto de venda ambulante os bens ou produtos cuxa normativa o prohiba e aqueles outros que, en razón á súa presentación ou outros motivos, non cumpran a normativa técnico-sanitaria e de seguridade.

Artigo 8. Sobre as autorizacións de venda ambulante

O exercicio da actividade de venda ambulante dentro do Concello de Teo, en calquera das súas modalidades, requirirá da previa obtención da correspondente autorización municipal.

As autorizacións serán transferibles a outras persoas físicas ou xurídicas que reúnan os requisitos establecidos nesta ordenanza para o seu outorgamento e logo de comunicación escrita á autoridade municipal competente. A transmisión dunha autorización non afectará ao seu prazo de vixencia, que se manterá polo tempo que reste ata a finalización do seu prazo de duración.

Unha autorización municipal non poderá ser obxecto de subarrendo a terceiros.

O outorgamento farase directamente aos solicitantes que reúnan as condicións requiridas, salvo que, por calquera circunstancia, se encontrase limitado o número de licenzas, en cuxo caso outorgaranse en réxime de concorrencia pública, respectando as previsións contidas nos artigos 86 e seguintes da Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das Administracións Públicas, e 76 e seguintes do Regulamento de Bens das Entidades Locais, así como o capítulo II da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizo e ao seu exercicio en condicións non discriminatorias.

Esta autorización só dará dereito á instalación dun posto de venda.

O outorgamento das autorizacións será competencia do Alcalde.

A autorización municipal poderá ser revogada por incumprimento dos requisitos esixidos na presente ordenanza e nas normas aplicables ao respecto.

Artigo 9. Requisitos para a concesión da autorización

Serán de obrigado cumprimento para a concesión da autorización municipal, conforme ao artigo 72.2 da Lei 13/2010, os seguintes requisitos:

1.- Estar inscrito no epígrafe do IAE, na modalidade de venda ambulante e ao corrente, no seu caso, no pagamento do citado imposto.

2.- Estar en situación de alta na Seguridade Social e ao corrente no pagamento das cotas correspondentes.

3.- Dispoñer do Seguro de Responsabilidade Civil que cubra os danos que se podan ocasionar polos elementos do posto.

4.- Estar en posesión do certificado, diploma ou carné de manipulación de alimentos, cando a licenza solicitada sexa para a venda de produtos alimentarios.

5.- Cumprir todos os requisitos que establezan as regulamentacións específicas aplicábeis aos produtos autorizados que teñan á venda.

6.- Satisfacer as taxas e tributos fixados na correspondente ordenanza municipal.

7.- Dispor dos permisos de residencia e traballo que, en cada caso, fosen esixible, se se tratara de persoas extranxeiras.

8.- Tratándose de persoas xurídicas, deberán acreditar os seguintes extremos: CIF, acta de constitución, estatutos e escritura de poder outorgada á persoa que asina a solicitude de autorización en representación da empresa.

Aínda que a inscrición na sección de vendedores ambulantes do Rexistro Galego de Comercio da Xunta de Galicia non é un requisito previo para a solicitude de autorización municipal, de non presentar a correspondente tarxeta acreditativa de dita inscrición, será o Concello quen comunique os datos da persoa solicitante para a correspondente inscrición.

Artigo 10. Solicitude de autorización

Poderán solicitar a autorización municipal de venda ambulante as persoas físicas maiores de 16 anos ou persoas xurídicamente constituidas, directamente ou a través de representante debidamente autorizado, en impreso normalizado que figura como anexo I, acompañado da seguinte documentación, debidamente cotexada:

Copia do DNI ou pasaporte, no caso de ser persoa física. Copia do CIF, da acta de constitución da sociedade, dos estatutos e escritura de poder outorgada á persoa que asina a solicitude de obtención da licenza en representación da empresa, no caso das persoas xurídicas.

Certificado acreditativo de estar dado de alta e ao corrente de pagamento do Imposto sobre Actividades Económicas, no epígrafe correspondente á actividade para a que solicita licenza ou, no seu caso, no censo de obrigados tributarios.

Certificado acreditativo de estar dado de alta e ao corrente de pagamento no réxime correspondente da Seguridade Social.

Certificado acreditativo de ter recibido formación en materia de manipulación de alimentos, no seu caso.

Declaración responsable de cumprir cos requisitos das regulamentacións de cada tipo de produto, segundo modelo normalizado que figura como anexo II.

Permisos de residencia e traballo, no caso de cidadáns estranxeiros.

Seguro de responsabilidade civil.

Xustificante de aboamento das taxas establecidas na ordenanza municipal.

Se o solicitude non reúne os requisitos establecidos nesta ordenanza, e os esixidos, no seu caso, pola lexislación específica aplicable, requiriráselle á persoa interesada para que, nun prazo de 10 días hábiles, subsane a falla e presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera, terase por desistida da súa petición.

As autorizacións para venda ambulante na vía pública outorgaranse, como maximo, por 1 ano, prorrogable por períodos idénticos, ata un máximo de 5.

As autorizacións para mercados periódicos outorgaranse, como mínimo, por 1 ano, prorrogable por períodos idénticos, ata un máximo de 5.

Para a concesión de dita prórroga será preciso solicitala, cunha antelación mínima de 1 mes ao vencemento da autorización, xustificando que seguen a concorrer as circunstancias que deron orixe á súa concesión.

A solicitude de autorización deberá ser formulada cunha antelación mínima de 15 días á data de inicio da actividade ou celebración do mercado.

No caso de autorizacións para feiras e mercados non periódicos, ou de celebración anual, a autorización limitarase aos días sinalados na mesma.

Poderán concederse autorizacións de venda en mercados periódicos semanais nas que o espazo solicitado sexa compartido por dous vendedores, ocupando o mesmo espazo de maneira alterna, e previo acordo entre ambos, de maneira que un ocupe o espazo a metade dos mercados, e o outro a outra metade.

Así mesmo, as autorizacións para a venda de tempada circunscribiranse ao período concreto concedido nas mesmas.

A venda de produción propia, á que fai referencia o Decreto 125/2014, de 4 de setembro, polo que se regula en Galicia a venda directa dos produtos primarios dende as explotacións á persoa consumidora final, non está afecta a unha autorización municipal para o exercicio da súa actividade. Para o seu exercicio na vía pública ou mercados públicos esixirase a presentación dun certificado que acredite a inscrición da explotación no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA), e a súa alta na Sección de Explotacións Acollidas á Venda Directa (SEVEDI), así como, o seguro de responsabilidade civil e, no caso de ofrecer produtos baixo a calificación de produto ecolóxico, haberá de acreditalo co correspondente certificado expedido polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA). Dita documentación incorporarse coforme ao anexo III que se achega co presente.

Artigo 11. Contido da autorización

A autorización municipal conterá, como mínimo, os seguintes datos:

a) Datos identificativos do titular

b) Prazo de validez da autorización.

c) Número de autorización.

d) Produtos cuxa venda se autoriza.

e) Dimensións do posto autorizado.

f) Lugar autorizado para a venda.

O Concello fará entrega ao autorizado dunha tarxeta acreditativa da autorización, na que constarán os datos enumerados neste artigo e un enderezo facilitado polo titular para a recepción de posibles reclamacións durante o exercicio da actividade. Esta tarxeta deberá estar exposta ao público e ás autoridades inspectoras, nun lugar visible.

Artigo 12. Extinción da autorización

As autorizacións extinguiranse automaticamente polas seguintes causas:

a) Transcurso do prazo.

b) Renuncia expresa e escrita do titular.

c) Causas sobrevidas de interese público.

d) Perda dalgún dos requisitos esixidos nesta ordenanza e demais normativa de aplicación.

e) Falta de pagamento das taxas correspondentes dentro do prazo fixado na corresponde ordenanza fiscal.

f) Nas autorizacións de venda ambulante dentro dos mercados periódicos, será motivo de extinción da autorización municipal a inasistencia de maneira consecutiva e non xustificada a 3 mercados, ou non consecutiva a 4 dentro do prazo de 2 meses. A estes efectos, considerarase causa procedente de inasistencia, e sempre que se xustifique documentalmente:

1.- Vacacións, comunicadas previamente ao Concello, e por un total dun mes nun período dun ano, dispensándose a asistencia aos mercados que se celebren nese período, que no caso de ser semanal, correspondería con 4 mercados.

2.- Enfermidade ou accidente do vendedor

3.- Grave enfermidade ou accidente de familiar en primeiro grao de afinidade ou consanguinidade

4.- Falecemento de familiar en primeiro ou segundo grao de afinidade ou consanguinidade, dando dereito á inasistencia de 1 semana aos mercados celebrados nese período

5.- Matrimonio do vendedor, que daría dereito á inasistencia aos mercados celebrados nun período de 15 días; no caso de ser semanais, 2

6.- Nacemento ou adopción dun fillo, polo período de inactividade profesional que solicite á Administración da Seguridade Social

Nos casos recollidos nos apartados 2, 3, 4, 5 e 6, e sempre que se xustifique correctamente, extornarase a taxa cobrada pola ocupación de dominio público, a solicitude do titular da licenza.

No suposto recollido no apartado c) do presente, poderase extornar a parte da taxa aboada e non consumida.

CAPITULO III. DOS MERCADOS

Artigo 13. Emprazamento

1.- A venda ambulante en mercados só estará autorizada nos lugares, datas e horarios que se determinen por acordo da Xunta de Goberno Local, a proposta do concelleiro delegado da área.

2.- Na autorización de espazos para a instalación de mercados e mesmo venda en enclaves illados da vía pública en camións e vehículos tenda, teranse en conta:

a) As características do terreo, densidade de tráfico, acceso peonil e rodado a vivendas, garaxes, edificios públicos, locais comerciais ou industriais e os seus escaparates e exposicións.

b) O interese das persoas consumidoras.

c) A tradición e raizame na zona da modalidade de venda na zona proposta.

d) As condicións do entorno no aspecto hixiénico e sanitario.

e) O tipo de produtos que se poñerán á venda.

3.- Por causa de forza maior, de interese xeral ou municipal, o concello poderá modificar o emprazamento dos mercados, una vez escoitada a representación dos/as vendedores/as. En todo caso o novo emprazamento deberá reunir as condicións hixiénicas e sanitarias axeitadas á actividade e de doado acceso para vendedores e compradores.

Artigo 14. Periodicidade e horarios

1. Atendendo ás características de cada un dos mercados que puideran ser creados, e unha vez escoitada a opinión dos/as vendedores/as, a Xunta de Goberno Local fixará a periodicidade e os horarios de cada un deles.

2. Por razóns de venda de tempada, tipo de venda a realizar, acontecementos especiais, campañas de Nadal e outras circunstancias extraordinarias, poderá ser autorizada a venda en días festivos, en horarios nocturnos ou en días consecutivos.

3. Cando por causas de obras, festas ou causas de forza maior se suspenda a celebración dos mercados periódicos, a Xunta de Goberno poderá autorizar a celebración de mercados extraordinarios para compensar aos vendedores polas perdas consecuencia da non celebración dos mercados suspendidos.

Artigo 15. Os Postos

1. A venda autorízase en postos de carácter desmontable que serán retirados unha vez remate a xornada autorizada.

2. Os postos terán no voo unha superficie máxima de 3 metros de ancho pola cantidade de metros de largo que cada vendedor solicitase e lle fose adxudicado polo Concello. Para protexerse das inclemencias meteorolóxicas, poderá ampliarse o voo sempre que iso non dificulte o tránsito de peóns e non moleste aos demais comerciantes. O espazo así gañado non poderá ser ocupado con xénero algún.

3. É responsabilidade do vendedor a limpeza e a hixiene dentro dos límites do seu posto de venda.

4. Queda expresamente prohibida a exposición de mercadorías no chan, debendo estar estas en mesas para garantir unhas condicións mínimas de limpeza, hixiene e salubridade.

5. Poderán coexistir nos mercados postos de varias medidas, non podendo superar en ningún caso os 9 metros lineais. A separación entre postos será a determinada polo Concello para cada mercado.

6. Nos mercados, agás os vehículos expresamente autorizados, e coa finalidade de achegar mercadorías e os elementos do propio posto de venda, tan só poderán acceder ao recinto os vehículos durante a hora inmediatamente anterior á fixada para a apertura dos mercados, debendo ser retirados, como máximo, dez minutos antes desta. Do mesmo xeito, e para facilitar a recollida, poderán entrar igualmente no recinto unha vez rematado o horario de venda por un período máximo dunha hora.

7. Para cada mercado periódico crearase un plano de situación dos postos, respectandose, na medida do posible, no procedemento de outorgamento das autorizacions correspondentes, a ubicación dos que tradicionalmente se instalasen nunha ubicación concreta.

Artigo 16. Organización, intervención e inspección dos mercados

A organización, intervención e inspección dos mercados corresponde ao Alcalde ou ao responsable do servizo en quen delegue, sen prexuízo das competencias correspondentes aos servizos municipais en materia de Policía, Sanidade e Tráfico.

Artigo 17. Da venda

Os vendedores ambulantes deberán cumprir, no exercicio da súa actividade, coa normativa vixente en materia do exercicio do comercio e da disciplina do mercado, e deberán observar as normas da competencia leal e usos mercantís. De igual xeito, responderán de que os produtos obxecto de venda cumpran as condicións e requisitos esixidos polas normativas que os regulan, tanto en materia sanitaria como no referente á súa presentación, etiquetaxe e demais, que se establezan nelas.

Artigo 18. Dos produtos

1.- Os postos que expendan artigos de peso ou medida, deberán dispoñer de cantos instrumentos sexan necesarios para pesar ou medir os mesmos, podéndoselles ser solicitada en calquera momento a comprobación da súa exactitude.

2.- Os artigos de uso alimentario deberán situarse a unha distancia do chan non inferior a 0,60 m.

3.- Os artigos á venda deberán cumprir o establecido en materia de seguridade e hixiene.

4.- A venda de produtos perecedoiros adecuarase en todo momento ás condicións e exixencias hixiénico sanitarias vixentes. En caso de infracción de tales leis ou normas que sexan detectadas polos responsables do control, estableceranse as oportunas sancións por parte da autoridade competente.

5.- A autoridade municipal poderá decomisar os produtos que non cumprisen tales condicións e, baixo a consideración de falta moi grave, abrir o oportuno expediente sancionador ao responsable da venda.

Artigo 19. Obrigas e dereitos dos vendedores

Son obrigas dos vendedores autorizados:

a) Abonar a taxa establecida na ordenanza reguladora da venda ambulante.

b) Manter aberto ao público o posto, debidamente atendido e abastecido.

c) Acatar as normas que dite o Concello para o bo funcionamento dos mercados.

d) Realizar ao final da xornada a limpeza dos espazos ocupados, recoller os refugallos xerados pola actividade comercial e depositalos nos contenedores destinados a tal efecto.

e) Manter un trato correcto co público, persoal municipal e usuarios dos mercados.

f) Expoñer en lugar visible a tarxeta de autorización municipal de venda ambulante.

g) Asistencia aos mercados.

h) No Mercado de Alimento Labrego será de obrigado cumprimento a exposición do cartaz identificativo do tipo de produto que ofreza cada posto, clasificado en ecolóxico, sustentable ou convencional.

i) En xeral, cumprir todas e cada unha das condicións establecidas nesta ordenanza e demais disposicións legais que sexan de aplicación.

Son dereitos dos vendedores autorizados:

a) Procurar a debida protección das autoridades locais para poder realizar a actividade para a que están autorizados.

b) Presentar alegacións e suxestións para o mellor desenvolvemento da actividade.

Artigo 20. Das asociacións

1.- As asociacións profesionais legalmente constituídas gozarán dos seus dereitos inherentes, actuando como interlocutoras e podendo exercer funcións de consulta, participación e proposta diante da Administración.

2.- O Concello tratará de potenciar as asociacións con implantación acreditada, de tal xeito que se potencie o desenvolvemento de proxectos viables presentados polas mesmas que teñan por obxecto o fomento da boa imaxe dos mercados municipais.

Artigo 21. Mercados autorizados

Os mercados e feiras de celebración periódica no concello de Teo son:

a) Mercado de Alimento Labrego dos Tilos.

Ten lugar os sábados entre as 10,00 e as 14,00h, na Praza dos Tilos.

Con carácter xeral, serán obxecto de venda exclusiva neste mercado os produtos das explotación agrícolas do concello de Teo e concellos da contorna, quedando prohibida a venda de produtos previamente mercados polo vendedor.

Excepcionalmente, e co gallo das festas estacionais ou temáticas que se celebren no mercado, poderán asistir postos convidados que ofrezan outro tipo de produtos artesanais.

Este mercado poderá celebrarse, de maneira excepcional e previa autorización da Xunta de Goberno Local, en día e emprazamento distinto para promocionar a súa actividade por todo o concello.

b) Mercadiño de Cacheiras.

Ten lugar os venres entre as 09,00 e as 14,00h, na vía de servizo da travesía de Cacheiras, á altura dos números 67-69, na parroquia de Cacheiras.

CAPÍTULO IV. DA FEIRA DO SAN MARTIÑO

Artigo 22. Lugar e data de celebración

A Feira de San Martiño celébrase todos os anos na Carballeira de Francos, na parroquia de Calo, o día 11 de novembro. A data e lugar de celebración non poderá ser variada, salvo acordo tomado polo Pleno da Corporación.

Dada a importancia histórica e cultural desta feira, é preciso atender á súa singularidade nalgún dos aspectos regulados en capítulos anteriores.

Así por exemplo, e dada a consolidación polos usos tradicionais, a instalación dos postos de venda ambulante poderá producirse ademais de nos espazos públicos, nos espazos privados de uso público, non requeríndose nestes casos autorización de ningún tipo, porén, aos efectos de poder ordenar a actividade e garantir a seguridade da feira, lle resultará aplicable o sistema de comunicación previa segundo o anexo IV da presente.

Artigo 23. Dos postos

Os postos nos que se elaboran e serven comidas -polvo, churrasco, etc- disporán de medidas especiais, sen máis limitacións que as propias do espazo dispoñible, dadas as súas especiais características.

Dentro do recinto no que se celebra a Feira de San Martiño, delimitarase un espazo específicamente dedicado á instalación de carpas para a elaboración e degustación de comidas (polbo, churrasco e outros), que estará organizado de maneira específica, co obxecto de garantir a correcta evacuación de público, o acceso aos servizos de eliminación de residuos sólidos e líquidos derivados da súa actividade e de dotalo dun programa propio de seguridade. Ningunha instalación deste tipo poderá ubicarse fora deste espazo diferenciado.

Artigo 24. Da prevalencia da antigüidade na concesión de licenzas

Na medida do posible, no procedemento de outorgamento das autorizacións correspondentes a esta feira, primarase, como criteiro principal, a antiguidade acreditada na obtención da autorización e na ubicación concreta, respectandose, na medida do posible, a situación tradicional dos postos.

CAPITULO V. NORMAS DE SEGURIDADE NAS INSTALACIÓNS DE ELABORACIÓN E SERVIZO DE PRODUTOS ALIMENTARIOS

Artigo 25.- Establecementos alimentarios temporais

Os establecementos de carácter temporal, como carpas ou postos desmontables, nos que se leve a cabo a elaboración e servizo de comidas, deben cumprir coas normas establecidas no RD 3484/2000, de 29 de decembro, polo que se establecen as normas de hixiene para a elaboración, distribución e comercio de comidas preparadas, no Regulamento 852/2004, de 29 de abril, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á hixiene dos produtos alimentarios, e demáis normativa específica que lle sexa de aplicación, ademáis do contido na presente ordenanza.

Artigo 26.- As instalacións

a) Os establecementos nos que se elaboren e sirvan comidas, tales como carpas de degustación do polbo, churrasquerías, asadores de polo, etc, deberán ter separados os espazos dedicados á elaboración-manipulación de alimentos (cociña), almacenamento e servicio (barra) e comedor, con sistemas que imposibiliten o acceso do público ás zonas de manipulación de alimentos.

b) As instalacións deberán estar debidamente teitadas.

c) Deberán dispoñer de auga corrente ou dun depósito de auga e útiles de aseo, para garantir as condicións hixiénicas dos operarios que manipulan os alimentos.

d) Deberán dispoñer de instalacións frigoríficas que permitan garantir a conservación e frescura dos produtos alimentarios.

e) Ningún tipo de alimento, nin os recipientes que os conteñan, poderán estar en contacto co chan en calquera dos procesos de almacenamento, manipulación ou preparación culinaria. Tampouco poderá permitirse a presencia de animáis dentro destas instalacións.

f) Deberá dispoñerse dentro das instalacións de cubos con bolsa para o lixo.

g) As superficies de manipulación de alimentos deberán estar en bo estado e ser fáciles de limpar.

h) Os produtos de limpeza ou calquera substancia perigosa, deberá ser almacenada por separado, onde non exista risco de contaminación para os produtos alimentarios e estarán debidamente identificados, para evitar equívocos ao respecto do seu contido.

i) As instalacións nas que se elaboren comidas quentes, deberán posuir un estintor homologado.

CAPITULO VI. REXISTRO MUNICIPAL DE VENDEDORES AMBULANTES

Artigo 27. Rexistro Municipal de Vendedores Ambulantes

1.- Créase o Rexistro Público Municipal de Vendedores Ambulantes, de carácter público, que será xestionado polo Concello de Teo e a inscrición neste será consecuencia inmediata da concesión da licenza municipal correspondente para o exercicio da actividade.

2.- A inscrición dos titulares de licenzas de venda ambulante vixentes ao tempo da posta en funcionamento deste rexistro farase de oficio pola autoridade municipal, sen que sexa precisa a solicitude formalizada por aqueles. Non obstante están obrigados a comunicar e acreditar os datos que lles fosen requiridos para a efectiva inscrición no rexistro.

CAPITULO VII. DA INSPECCIÓN E DO RÉXIME SANCIONADOR

Artigo 28. Competencias inspectoras

O Concello, así como a Xunta de Galicia a través da dirección competente en materia de comercio, no exercicio das súas funcións de vixilancia, poderán inspeccionar os produtos, actividades, instalacións e postos, así como procurar das súas persoas titulares canta información resulte necesaria con relación aos mesmos, a fin de garantir o cumprimento da presente ordenanza.

O exposto no parágrafo anterior entendese sen prexuízo das competencias inspectoras noutros ámbitos sectoriais nos que, en razón da materia, outras Administracións resulten competentes.

Artigo 29. Réxime xeral de infraccións e sancións.

A infracción das obrigas e demais normas de obrigado cumprimento establecidas nesta ordenanza serán obxecto dun procedemento sancionador nos termos dos artigos 127 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, reguladora do réxime xurídico das Administracións Públicas e do procedemento administrativo común, e do Regulamento sancionador de desenvolvemento da citada lei, aprobado por Real Decreto 1398/1993 de 4 de agosto.

Artigo 30. Infraccións.

Sen prexuízo das responsabilidades que de outra orde podan derivarse, considerarase infracción calquera incumprimento do estipulado na presente ordenanza, e clasificarase de acordo co artigo 140 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, en moi graves, graves e leves.

1. Terán a condición de infracción leve:

· Incumprir os horarios de montaxe e desmontaxe dos postos.

· Non exhibir a autorización ou tarxeta acreditativa da mesma.

· A simple inobservancia de calquera precepto desta ordenanza que non teña repercusións económicas nin prexuízo para as persoas consumidoras.

2. Terán a condición de infracción grave:

· A venda de produtos distintos dos autorizados na licenza.

· O exercicio da actividade por persoa diferente da autorizada.

· A falta de ornato ou limpeza das instalacións.

· Non deixar limpo e recollido o lugar onde estivo instalado o posto e non depositar o lixo nos colectores instalados a tal efecto.

· Aumentar a superficie do posto con máis metros dos autorizados, así como a instalación de postos en lugar distinto do autorizado.

· A desobediencia das ordes e indicacións dadas pola autoridade competente.

· Non posuír a documentación acreditativa da procedencia da mercadoría.

· Non cumprir as normas de seguridade das instalacións e dos seus elementos.

· Estacionar os vehículos non autorizados dentro do recinto da feira, fora das horas de montaxe e desmontaxe dos postos.

· A reiteración, por terceira vez, dunha falta leve

3. Terán a condición de infracción moi grave:

· A instalación de postos sen autorización.

· O exercicio de venda ambulante sen autorización.

· Non estar dado de alta no censo do imposto de actividades económicas ou non estar ao día no pagamento das obrigas tributarias respecto da actividade que se realiza.

· Non estar dado de alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou non estar ao corrente no pago das cotas correspondentes.

· A venda de produtos non autorizados.

· A reiteración, por terceira vez, dunha falta grave.

· A perturbación relevante da convivencia, que afecte de maneira grave, inmediata e directa á tranquilidade ou ao exercicio de dereitos lexítimos doutras persoas, ao normal desenvolvemento de actividades de toda clase e á salubridade ou ornato públicos, sempre que se trate de condutas non subsumibles nos tipos previstos no capítulo IV da Lei orgánica 4/2015, do 30 de marzo, de proteccion da seguridade cidadá.

· Os actos de deterioro grave e relevante de espazos públicos ou de calquera das súas instalacións e elementos, sexan mobles ou inmobles, non derivados de alteracións da seguridade cidadá.

Artigo 31. Sancións

De acordo co artigo 141 da Le 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, as multas por infracción da presente ordenanza terán os seguintes límites:

1) Infracción leves: multa de ata 750 €

2) Infraccións graves: multa de ata 1500 €

3) Infraccións moi graves: multa de ata 3000 €

Como sanción accesoria a unha infracción leve poderá acordarse a suspensión temporal por un período máximo de 2 meses, e para as sancións graves e moi graves poderá acordarse a suspensión da autorización por un período máximo de 6 meses ou a súa revogación, así como a posibilidade de decomisar a mercadoría nos casos de venda de produtos non autorizados e nos casos legalmente establecidos.

A imposición da revogación da autorización levará consigo a imposibilidade de volver a obtela durante un período máximo de 3 anos.

Para a gradación da sanción a aplicar teranse en conta as seguintes circunstancias:

- A reiteración das infraccións ou reincidencia.

- A existencia de intencionalidade do infractor.

- A transcendencia social dos feitos.

- A gravidade e natureza dos danos ocasionados.

- A intensidade da perturbación ocasionada na tranquilidade ou no pacífico exercicio dos dereitos doutras persoas ou actividades.

- A intensidade da perturbación causada á salubridade ou ornato públicos.

- A intensidade da perturbación ocasionada no normal funcionamento dun servizo público.

- A intensidade dos danos ocasionados aos equipamentos, infraestruturas, instalacións ou elementos dun servizo ou dun espazo público.

Artigo 32. Prescrición das faltas

As faltas prescribirán:

- As leves aos 15 días

- As graves aos 30 días

- As moi graves aos 60 días

O prazo de prescrición comezará a contarse dende que a falta se comete e, unha vez iniciado o expediente, quedará paralizado o prazo de prescrición.

DISPOSICIÓNS

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

As licenzas concedidas no momento de entrada en vigor do presente, conservarán a súa vixencia ata o momento da súa extinción ben por transcurso do prazo ou por calquera dos motivos previstos no presente, debendo en todo caso axustarse ao presente nos restantes aspectos recollidos no mesmo.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

Queda derrogada a Ordenanza Municipal da Venda Ambulante no Concello de Teo, aprobada polo Pleno da Corporación en sesión de 26 de setembro de 2007 e publicada no BOP nº 21 do 25 de xaneiro de 2008.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente ordenanza entrará en vigor unha vez publicado integramente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Anexos

Anexos I, II, III e IV da Ordenanza de venda ambulante do concello de Teo:

SOLICITUDE DE LICENZA PARA A VENDA AMBULANTE NO CONCELLO DE TEO (Anexo I)

SOLICITANTE

Nome

NIF

Enderezo

Concello

Teléfono

Correo-e:

Autónomo

Cooperativista

Outras sociedades

Razón social

CIF

DATOS DO POSTO

Mercado/Feira

Mercado Labrego de Os Tilos - Sábados de 10,00 a 14,00 h

Mercadiño de Cacheiras - Venres de 09,00 a 14,00 h

Feira de San Martiño - Carballeira de Francos (Novembro)

Outro:

Vía pública

Ubicación

Itinerario

Medidas do posto (fronte e fondo)

Produtos obxecto de venda

Datas/prazos

DOCUMENTACIÓN QUE ADXUNTA

PERSOA FÍSICA

DNI / NIE

PERSOA

XURÍDICA

Fotocopia compulsada do CIF

Fotocopia compulsada da acta de constitución e estatutos

Documentación acreditativa de ostentar a representación da entidade

TODOS

Documentación acreditativa de estar dado de alta e ao corrente no pagamento do Imposto sobre Actividades Económicas ou, no seu caso, no censo de obrigados tributarios

Certificado acreditativo de estar dado de alta e ao corrente no pagamento das cuotas da Seguridade Social

Certificado de estar ao corrente de pagamento das obrigas tributarias

Certificado acreditativo de ter recibido formación en materia de manipulación de alimentos, no seu caso.

Declaración responsable de cumprir cos requisitos das regulamentacións de cada tipo de produto, conforme ao Anexo III, que se achega xunto co presente

Permiso de residencia e traballo, no caso de cidadáns estranxeiros

Seguro de Responsabilidade Civil

Xustificante de aboamento das taxas establecidas na ordenanza municipal

Quen suscribe, e considerando reunir os requisitos que se precisan e se acreditan coa achega da documentación requirida, aceptando todos os termos expresados no vixente Regulamento de Venda Ambulante no concello de Teo, SOLICITA se lle conceda a correspondente licenza nas condicións establecidas, declarando ser certos os datos do presente documento.

Teo, a ____ de ______________ de 2.0____

Asdo:

DECLARACIÓN RESPONSABLE

DE CUMPRIMENTO DAS NORMATIVAS TÉCNICO-SANITARIAS DE PRODUCIÓN E COMERCIALIZACIÓN DOS PRODUTOS OBXECTO DE VENDA AMBULANTE

(Anexo II)

O Sr./Sra........................................................................................... con DNI................................................e con domicilio a efecto de notificacións en: ........................................................................................................ e teléfono de contacto ......................................................., no seu nome propio ou en representación de ........................................................................................................., con DNI/CIF...........................................................

Declara, baixo a súa resonsabilidade que, para a obtención da autorización municipal da actividade de venda ambulante no Concello de Teo, cumpre todos os requisitos establecidos nas distintas normativas ténico-sanitarias que son de aplicación á actividade para a que solicita a licenza.

Teo, ____ de ______________ de 20___

Asina:

SOLICITUDE DE OCUPACIÓN DE DOMINIO PÚBLICO PARA A VENDA DIRECTA DE PRODUTOS DA HORTA

(Anexo III)

SOLICITANTE

Nome

NIF

Enderezo

Concello

Teléfono

Correo-e:

DATOS DO POSTO

Mercado/Feira

Mercado Labrego de Os Tilos - Sábados de 10,00 a 14,00 h

Mercadiño de Cacheiras - Venres de 09,00 a 14,00 h

Feira de San Martiño - Carballeira de Francos (Novembro)

Outro:

Vía pública

Ubicación

Itinerario

Medidas do posto (fronte e fondo)

Produtos obxecto de venda

Datas/prazos

A EXPLOTACIÓN

Nome

Persoas que traballan na explotación

m² de plantación aberta

Cultivos

m² de plantación baixo abrigo

Cultivos

CULTIVO:

Ecolóxico

Sostible

Convencional

Árbores froiteiras

Superficie

Cría de animais: especies e unidades

DOCUMENTACIÓN QUE ADXUNTA

DNI / NIE

Certificado de alta no REAGA (Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia)

Certificación da comunicación ao SEVEDI (Sección deExplotacións acollidas á Sección de Venda Directa)

Certificación do CRAEGA (Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia), no seu caso

Seguro de Responsabilidade Civil

Quen suscribe, considerando reunir os requisitos establecidos no Decreto 125/2014, de 4 de setembro, para exercer a venda directa de produtos da horta, e acreditandoo coa achega da documentación requirida, SOLICITA se lle conceda a autorización para exercer a venda directa dos excedentes da súa horta no espazo público refirido.

Teo, a ____ de ______________ de 2.0____

Asdo:

COMUNICACIÓN PREVIA PARA A INSTALACIÓN DUN POSTO DE VENDA AMBULANTE NA FEIRA DO SAN MARTIÑO EN PARCELAS DE TITULARIDADE PRIVADA E USO PÚBLICO

(Anexo IV)

SOLICITANTE

Nome

NIF

Enderezo

Concello

Teléfono

Correo-e:

Autónomo

Cooperativista

Outras sociedades

Razón social

CIF

O POSTO

Medidas do posto (fronte e fondo)

Produtos obxecto de venda

Ubicación da parcela/s

Titular da parcela/s

O presente documento, ten os meros efectos de comunicar a actividade comercial con carácter previo á celebración da feira, para que o Concello de Teo poda organizar un plan de seguridade e evacuación baseado na ocupación real da carballeira.

A comunicación detes datos non outorga dereitos de ocupación sobre ninguha parcela de titularidade privada, que estará condicionada pola aceptación do seu titular. A negociación previa entre ocupante e propietario realizarase de maneira allea ao Concello.

Teo, a ____ de ______________ de 2.0____

Asdo:

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A modificación da ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:

¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."

Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.