Mazaricos - REGULAMENTO DE USO DO XIMNASIO MUNICIPAL DE MAZARICOS

Publicación provisional: 19/01/2017 BOP Nº: 13
Publicación definitiva: 19/01/2017 BOP Nº: 13
Aplicable dende: 06/02/2017

CAPÍTULO I.-DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.

Este regulamento ten por obxecto ordenar o uso do ximnasio de titularidade do Concello da Mazaricos, sexan xestionados por este directamente ou ben indirectamente por calquera das modalidades de xestión de servizos públicos previstas nas normas, e será de aplicación ás actividades que se desenvolvan neste espazo.

Artigo 2.

O ximnasio ten a condición de ben de dominio público, destinado á prestación dun servizo público municipal á cidadanía, de acordo co artigo 4 do Regulamento de Bens das Corporacións Locais, aprobado por Real decreto 1372/1986, do 13 de xuño e, co artigo 85 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

Artigo 3.

A finalidade do servizo público que se presta no ximnasio e promover o acceso da cidadanía, sen discriminacións ou límites de idade, á práctica de actividades físicas, como ocupación saudable do tempo de lecer.

Artigo 4.

As condicións hixiénico-sanitarias do ximnasio serán as establecidas na normativa correspondente.

Artigo 5.

O ximnasio estará aberto ao público no horario que se aprobe e deberase atopar nun lugar visible na instalación

CAPÍTULO II.-ACCESO Á INSTALACIÓN

Artigo 6.

1.- O acceso ás instalacións do ximnasio farase co carné de abonado da instalación, sempre que estea actualizado e a persoa interesada non teña pendente o pagamento das cotas establecidas.

2.- Co carné de abonado terá acceso libre ao ximnasio en todo o horario de apertura.

3.- A idade mínima para ter o carné será de 18 anos e debe acreditarse a idade coa fotocopia do DNI.

4.- O documento de abono será persoal e intransferible, e autoriza ao uso da instalación durante os horarios de apertura ao público, polo que só poderá ser utilizados polo titular; o incumprimento desta obriga dará lugar ás consecuencias previstas neste regulamento.

Artigo 7.

No caso de ter dúbidas sobre a identidade do/a titular do abono, e por requirimento do persoal da instalación, a persoa interesada deberase identificar mediante o documento acreditativo que corresponda (DNI, pasaporte ou similar).

A utilización fraudulenta do abono dará lugar á imposición á persoa titular das sancións previstas neste regulamento.

Artigo 8.

A inscrición como abonado/a da instalación farase mediante a presentación da correspondente folla de solicitude de ingreso, o impreso de domiciliación bancaria e documentación solicitada (fotografía e fotocopia do DNI do titular do abono).

Artigo 9.

A condición de abonado/a manterase mentres non sexa acordada a súa baixa por vontade da persoa interesada ou ben por imposición dunha sanción, conforme ao establecido neste Regulamento.

A persoa abonada queda obrigada a comunicar os cambios que se produzan nos seus datos persoais, que servirán de base para o recoñecemento daquela condición ou para a realización de xestións a ela ligadas.

Cando unha persoa desexe causar baixa como abonada, deberá comunicar esta circunstancia por escrito mediante un impreso de baixa voluntaria; este escrito presentarase a lo menos 15 días antes do final do período de devengo mensual no que se quere causar baixa.

Artigo 10.

O pagamento das cotas mensuais establecidas para o abono realizarase mediante domiciliación bancaria. Se o recibo fora devolto pola entidade bancaria, o/a abonado/a deberá realizar o ingreso en metálico.

Os abonados que non estean ao corrente do pago dos seus recibos, non poderán acceder ás instalacións e perderán aquela condición segundo o establecido neste regulamento. Cando se perda a condición de abonado/a por este motivo e se realice nova solicitude de ingreso como abonado/a da instalación será requisito necesario o pago das débedas pendentes.

Artigo 11.

A condición de abonado/a dá dereito ao acceso ás salas de acondicionamento físico das instalacións, dentro dos horarios establecidos correspondentes ao seu tipo de abono.

CAPÍTULO III.-NORMAS DE UTILIZACIÓN DAS INSTALACIÓNS MUNICIPAIS

Sección 1.ª.-Disposicións xerais

 Artigo 12.

O acceso ás instalacións municipais supón a aceptación das persoas usuarias das normas contidas neste regulamento e no resto da normativa de aplicación.

Artigo 13.

As persoas que utilicen as instalacións do ximnasio deberán respectar as seguintes normas xerais:

a) Está prohibido fumar en todos os espazos da instalación.

b) Non se poderá acceder ás instalacións con animais (agás cans-guía).

c) Para facilitar a convivencia de todas as persoas usuarias, non se debe correr nin berrar nin calquera outra conduta que poda molestar aos demais usuarios nas zonas compartidas con outra xente.

e) É obrigatorio pasar o carné de usuario da instalación polo lector do control de accesos instalado na recepción, tanto ao entrar como ao saír da instalación.

f) Está prohibido o nudismo nas instalacións, agás nos vestiarios.

Artigo 14.

As persoas que utilicen as instalacións do ximnasio de Mazaricos deberán amosar un comportamento correcto e respectuoso para o resto das persoas coas que as compartan e cara ás instalacións e os bens que nelas se atoparen, así como manter estas nas axeitadas condicións de limpeza e hixiene tras o seu uso.

Artigo 15.

Na instalación do ximnasio de Mazaricos existirán follas de reclamación a disposición das persoas que as utilicen, segundo o establecido na normativa sobre consumo.

Artigo 16.

As persoas usuarias disporán dunha caixa de correo onde poder dirixir as súas queixas ou suxestións sobre o funcionamento do servizo; para esta finalidade existirá na instalación un espazo especialmente destinado a recoller as suxestións, que estará en lugar visible e accesible. Así mesmo, deberase informar nun lugar visible ás persoas interesadas da existencia desta caixa e da posibilidade de presentar nela as súas queixas ou suxestións.

Artigo 17.

O Concello de Mazaricos non se fará responsable dos obxectos perdidos, abandonados, ou subtraídos nas instalacións mesmo dos depositados nos armarios que se baleirarán polas noites despois do peche da instalación.

Artigo 18.

Os acompañantes aos usuarios non poderán acceder aos vestiarios co acompañado, nin facer uso da instalación reservada aos usuarios, sen prexuízo do disposto na sección 7.ª.

 Sección 2.ª.-Utilización dos vestiarios

Artigo 19.

As persoas usuarias teñen a obriga de colaborar en manter os vestiarios e demais espazos da instalación en correctas condicións hixiénicas para a súa utilización.

Artigo 20.

É obrigatorio o uso de chancletas para se duchar e circular polos vestiarios.

Artigo 21.

Está prohibido realizar accións como afeitarse, depilarse ou tinxirse, cortar as uñas ou outras accións de hixiene persoal dentro do recinto dos vestiarios

Artigo 22.

Os armarios débense deixar baleiros despois do seu uso. As chaves dos armarios non poderán saír das instalacións en ningún caso.

Artigo 23.

O lixo deberase deixar en recipientes destinados para o efecto.

Artigo 24.

As persoas cunha discapacidade física ou psíquica de carácter permanente, utilizarán o vestiario correspondente ao sexo da persoa que os acompañe.

Artigo 25.

Pola súa propia seguridade, non se permite o uso de aparatos eléctricos que non sexan os da propia instalación, agás que non se dispoña dos necesarios e sempre baixo o permiso e baixo as indicacións do persoal das instalacións.

Artigo 26.

Non se pode comer no interior dos vestiarios, nin na instalación destinada á práctica deportiva.

Artigo 27.

Os papeis, compresas, pelos¿ deberán ser depositados nos contedores destinados para tal fin.

Artigo 28.

O número máximo de usuarios que de xeito simultáneo poden utilizar os vestiarios é de 15 persoas para o vestiario masculino e de 15 persoas para o vestiario feminino.

 Sección 3.ª.-Utilización do ximnasio

Artigo 29.

Non está permitida a entrada no ximnasio a menores de 18 anos agás estean a participar nun programa dirixido polo Concello de Mazaricos. Os maiores de 16 anos e menores de 18 poderán acceder unicamente en horario que haxa presenza dun monitor.

Artigo 30.

Por motivos hixiénicos é obrigatorio levar unha toalla para realizar os exercicios nos distintos aparatos e bancos.

Artigo 31.

Non se pode acceder á sala co mesmo calzado que se utilice para acceder desde o exterior, e deberá ser sempre calzado deportivo.

Artigo 32.

A persoa usuaria debe respectar o material da sala e recollelo unha vez que remate o seu uso.

Artigo 33.

A persoa usuaria debe desaloxar a máquina ou o aparato a utilizar entre series, de xeito que permita unha rotación a outros abonados. No caso de máquinas de exercicios cardiovasculares a frecuencia de uso será a especificada en cada caso polo Concello de cara a garantir un uso saudable das mesmas.

Artigo 34.

Ao rematar o adestramento deberase recoller o material utilizado.

Artigo 35.

Non se permite a entrada á sala con mochilas, botellas de cristal e comida.

Artigo 36.

No caso de haber xente esperando deberase respectar o tempo de limitación estipulado para as máquinas de cardiovascular e musculación.

Artigo 37.

Queda terminantemente prohibida a utilización de calquera espazo da instalación deportiva para impartir clases con finalidade de uso e beneficio particular, agás as autorizadas expresamente por escrito polo Concello de Mazaricos.

 Sección 4.ª.-Utilización das salas de actividades dirixidas

Artigo 38.

En xeral non se permite a participación nas actividades a persoas menores de 16 anos, de maneira xeral. Os maiores de 16 anos poderán acceder sempre que presenten a correspondente autorización do pai, nai ou titor.

Artigo 39.

Non se permite a utilización da sala nin a manipulación do material sen a presenza dun monitor.

Artigo 40.

Por motivos de hixiene, é obrigatorio levar unha toalla para asistir ás clases.

Artigo 41.

Por cuestións de orde e para respectar a dinámica das actividades non se permite, entrar nas clases 10 minutos despois do seu comezo (no caso das de 50 minutos ou unha hora) nin 5 minutos despois do comezo das actividades de 30 minutos.

Artigo 42.

Non está permitida a entrada ás salas con mochilas, botellas de cristal ou comida.

Artigo 43.

A persoa usuaria deberá colocar o material no seu lugar, unha vez rematada a sesión.

Artigo 44.

Aquelas actividades con capacidade limitada xestionaranse mediante a reserva de praza realizada na instalación unha hora antes do inicio da mesma, tendo prioridade en primeiro lugar os/as abonados/as.

 Sección 5.ª.-Normas para os participantes en cursos

Artigo 45.

O primeiro día de clase presentarase o xustificante de pagamento ao/á monitor/a.

Artigo 46.

As persoas que non sexan abonadas deberán presentar o carné de asistente ao curso na recepción e recollelo ao abandonar a instalación. Os adultos responsables de menores participantes en cursos que non sexan abonados deberán abandonar o recinto durante o curso.

Artigo 47.

A confirmación de asistencia a un curso farase antes do día 25 do mes anterior, quedando no caso contrario a praza a disposición doutros usuarios. A inscrición nun dos cursos implica días e horarios concretos. As baixas dalgún curso deberase comunicar á recepción antes do día 27 do mes anterior ao da baixa.

Artigo 48.

O pago en efectivo efectuarase antes do día 5 do mes en curso. Poderase impedir a entrada a partir desta data, no caso de falta de pago. Os días festivos ou de peche obrigado non serán recuperables en ningún caso. As faltas por enfermidade non serán recuperables, agás as de máis de 16 días e sempre xustificadas polo médico.

Artigo 49.

As persoas asistentes ao curso non abonadas terán limitado o acceso exclusivo aos vestiarios o ao curso no que estean apuntadas. Tamén terán limitado o tempo de permanencia na instalación á duración do curso máis 30 minutos para cambiarse (entrada + saída).

Artigo 50.

Para os efectos da Lei orgánica 15/1999 do 13 de decembro de protección de datos de carácter oficial, ao inscribirse na instalación autorízase a utilización dos datos persoais e o seu tratamento informático para a xestión da instalación e no seu caso, envío de información comercial inherente á xestión do centro.

Artigo 51.

Prohíbese a captación, reprodución ou publicación por fotografía, filme, ou calquera outro procedemento, da imaxe dunha persoa en lugares ou momentos da súa vida privada ou fora deles (Lei orgánica 1/1982).

CAPÍTULO IV.-NORMAS ADMINISTRATIVAS

Artigo 52.

A totalidade dos pagamentos deberán facerse por domiciliación bancaria, agás no que se estableza para os cursos na súa normativa específica.

Artigo 53.

As persoas que acrediten unha discapacidade psíquica, que derive nunha diminución da súa idade mental, terán os dereitos e os deberes correspondentes á idade que acrediten.

Artigo 54.

Todas as persoas que non aboen as respectivas cotas non poderán acceder á instalación. Serán baixas automáticas aqueles abonados que deixen de aboar dúas mensualidades consecutivas.

Artigo 55.

Para darse de baixa en calquera actividade haberase de notificar por escrito co correspondente formulario a lo menos 15 días antes do fin do mes anterior ao que se desexe facer efectiva a baixa.

Artigo 56.

Cando o recibo dunha persoa abonada é devolto pola entidade bancaria, o/a abonado/a deberá pagalo mediante ingreso na conta bancaria do Concello

CAPÍTULO V.-INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

Artigo 57.

Consideraranse faltas leves as seguintes condutas:

a) A desobediencia das instrucións e advertencias que o persoal da instalación determine co fin de cumprir este regulamento ou as normas sobre a utilización do ximnasio, en especial os artigos referentes ao comportamento das persoas usuarias e a utilización da instalación.

b) As accións que causen danos na instalación ou no equipamento.

Consideraranse faltas graves as seguintes condutas:

a) A falta de respecto cara ao persoal da instalación ou demais persoas usuarias.

b) As accións ou omisións que impliquen deterioración grave da instalación ou equipamento.

c) A subtracción de obxectos situados na instalación

d) O uso fraudulento de documentos para o acceso á instalación ou a cesión destes documentos a terceiros non autorizados.

e) A reiteración de faltas leves.

Consideraranse faltas moi graves:

a) As accións que prexudiquen gravemente ou supoñan riscos para a saúde dos/as usuarios/as ou persoal da instalación.

b) As accións que impliquen unha deterioración moi grave ou irreversible nos equipamentos da instalación.

c) A reiteración de faltas graves.

Artigo 58.

As faltas leves serán sancionadas con multa de 6 euros a 200 euros. Estas sancións serán impostas por un acordo da Alcaldía.

As faltas graves serán sancionadas con multa de 201 € a 400 €. Estas sancións serán impostas pola Alcaldía, despois da audiencia á persoa usuaria.

As faltas moi graves serán sancionadas coa expulsión das instalacións por un período máximo dun ano, perdendo, no seu caso, a condición de abonado/a. Estas sancións serán impostas pola Alcaldía.

A comisión dunha infracción poderá dar lugar á expulsión inmediata do recinto, coa posterior perda, no seu caso, da condición de abonado ou participante nos cursos ou actividades que se realicen.

Artigo 59.

As sancións impostas en cumprimento deste regulamento son independentes das responsabilidades civís, penais ou de calquera orde en que puidesen incorrer os autores de danos aos bens ou á instalación.

O autor de danos, roturas ou deterioracións aos elementos da instalación deportiva deberá aboar o importe que corresponda con independencia das sancións administrativas que se impoñan.

Disposición final primeira.

O presente Regulamento entrará en vigor unha vez publicado integramente no Boletín Oficial da Provincia e transcorrido o prazo a que se refire o artigo 70.2 en relación co 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.

 

Disposición final segunda.

Para o non previsto neste Regulamento será de aplicación o establecido na Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

O regulamento dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto ao que se refiren os artigos 70.2 e 65.2  da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:

Artigo 70.2: ¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales....." (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).

Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."

Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.