Irixoa - ORDENANZA MUNICIPAL DE EMERXENCIA SOCIAL

Publicación provisional: 23/12/2016 BOP Nº: 242
Publicación definitiva: 14/02/2017 BOP Nº: 31
Aplicable dende: 15/02/2017

Exposición de motivos

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, atribúe aos concellos, entre outras, a competencia para a creación, xestión e mantemento dos servizos sociais comunitarios básicos e específicos.

Os servizos sociais comunitarios, de carácter predominantemente local, están referidos a un territorio e a unha poboación determinados e constitúen o punto de acceso normalizado e o primeiro nivel de intervención do sistema galego de servizos sociais (artigo 9).

Con base no anterior, o artigo 9 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento contempla como Programa básico dos servizos sociais comunitarios o Programa de inserción social que ¿procure valorar, dar resposta ou derivar ao recurso idóneo as persoas en situación de risco de exclusión social, aplicando tanto proxectos de intervención personalizados ou de grupo como prestacións económicas específicas".

Así mesmo, a Lei de bases do réxime local, 7/1985 do 2 de abril, modificada pola Lei 27/2013 de racionalización e sostenibilidade da Administración Local establece no artigo 25.2. ¿O municipio exercerá, en todo caso como competencias propias, nos termos da lexislación do Estado e das comunidades autónomos, nas seguintes materias:...e) Avaliación e información de situacións de necesidade social e a atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social".

Artigo 1.-Obxecto.

Este regulamento ten por obxecto desenvolver un conxunto de prestacións dirixidas a paliar situacións carenciais graves que afecten ás necesidades básicas das persoas residentes e empadroadas no Concello de Irixoa.

Artigo 2.-Definición.

Considéranse medidas de apoio ás familias de Irixoa, as prestacións económicas ou en especie destinadas a previr, evitar ou paliar con carácter de urxencia situacións de vulnerabilidade ou exclusión social.

Artigo 3.-Persoas beneficiarias.

1. Poderanse beneficiar destas medidas de apoio aquelas persoas ou unidades familiares que se atopen nunha situación de precariedade económica tal que dificulte ou imposibilite a cobertura dalgunha das súas necesidades básicas que cómpre cubrir de xeito urxente.

2. No caso de que no mesmo fogar convivan máis dunha unidade familiar deberá de xustificarse a consideración de unidade familiar independente.

Artigo 4.-Requisitos.

4.1. Ter residencia efectiva e estar de alta no padrón municipal do Concello de Irixoa cunha antigüidade mínima de seis meses.

Poderase eximir deste requisito a aquelas persoas ou unidades familiares que, por razón de necesidade, precariedade ou urxencia se atopen nunha situación de desprotección. Neste suposto será necesaria a achega dun informe social que xustifique a dita excepcionalidade.

4.2. Acreditar a situación de necesidade mediante a presentación da documentación que se sinala no artigo 7.

Considerarase que non se dispón de ingresos suficientes para atender ás necesidades expostas neste regulamento, cando a persoa individual non dispoña de ingresos ou recursos económicos mensuais por calquera concepto, superiores ao importe vixente para o IPREM en cada momento.

Se a unidade familiar está integrada por máis dun membro, a renda calcularase incrementándoa nun 15% por cada un dos membros adicionais da unidade familiar.

Con carácter excepcional, eximirase deste requisito ás persoas ou unidades familiares que por presentar unha problemática social máis complexa estean incluídas no Programa municipal de intervención familiar ou subscritas a un proxecto de integración social. Nestes supostos, o concepto da axuda axustarase ao proxecto deseñado para esta persoa ou unidade familiar e incluirá a conformidade doss técnicos municipais vinculadas ao dito programa.

Artigo 5.-Tipos de prestacións.

5.1. Alimentación e hixiene.

Os bonos de alimentos e hixiene persoal e do fogar son unha prestación en especie na que as persoas beneficiarias reciben un lote de produtos destinados a apoiar a cobertura das necesidades básicas de alimentación e hixiene naquelas familias que, pola súa situación económica precaria, teñan especiais dificultades en garantilas.

O contido dos bonos recóllese nos anexos.

Os citados bonos poderán incluír produtos específicos adaptándose a situacións excepcionais de cada unidade familiar debidamente acreditadas.

5.2. Sanitarios.

Consisten na axuda do importe que lle corresponda asumir á persoa solicitante e/ou outros membros da unidade familiar no custo de produtos ou servizos non cubertos polo Servizo Galego de Saúde tales como; medicación, lentes, próteses, órteses, probas, diagnoses e tratamentos médicos ou psicolóxicos ou axudas técnicas.

5.3. Vivenda.

Enténdese por necesidades básicas da vivenda, o mantemento da vivenda habitual que comprende, axudas para o pagamento do alugueiro ou hipoteca e os recibos de subministros básicos así como reparacións urxentes que impidan a habitabilidade da mesma ou a adaptación funcional do fogar.

5.4. Aloxamento alternativo temporal.

Cobertura de gastos de aloxamento temporal ante emerxencias ou sinistros como incendios, desafiuzamentos, ruína ou por situacións de problemática convivencial, de saúde ou de risco social.

5.5. Atención ao menor.

Estas axudas prestaranse ás familias que precisen dun apoio temporal para o coidado dos seus fillos. Terán carácter subsidiario respecto doutras axudas de carácter público e engloban prestacións tales como: servizo de conciliación familiar e laboral, apoio educativo, formación, actividades extraescolares, vestiario, libros e material escolar e aquelas outras que garantan a cobertura das necesidades básicas dos menores.

5.6. Transporte.

Son axudas que permiten viaxar no transporte público. Excepcionalmente poderanse entregar vales de carburante para o automóbil particular.

Neste suposto, ademais de cumprir cós requisitos xerais establecidos no artigo 4, as persoas solicitantes deberán acreditar a necesidade de desprazamento por razóns laborais, centros de tratamento, de formación ou cobertura das necesidades máis básicas.

5.7. Outros gastos.

Este apartado recolle calquera outros gastos destinados a cubrir, con carácter urxente, necesidades primarias e outras de natureza análoga, non cubertos polos diferentes sistemas de protección social. Neste caso achegarase un informe social que motive a necesidade da axuda.

Artigo 6.-Importe das axudas.

Con carácter xeral, a cantidade percibida nun ano pola unidade familiar beneficiaria das axudas comprendidas neste regulamento, non poderá superar na súa totalidade o importe para o IPREM vixente incrementando un 15% por cada un dos membros adicionais da unidade familiar.

Así mesmo establécese que, fronte a situacións de proximidade ao importe máximo anual de cada unidade familiar, priorizaránse as axudas descritas no artigo 5.5.

Con carácter excepcional, eximirase deste límite ás persoas ou unidades familiares que por presentar unha problemática social máis complexa estean incluídas no Programa municipal de intervención familiar ou subscritas a un proxecto de integración social. Nestes supostos, o límite da axuda axustarase ao desenvolvemento do proxecto deseñado para esta persoa ou unidade familiar e incluirá a conformidade dos técnicos municipais vinculadas ao dito programa.

En todo caso, a suma da totalidade das axudas non poderá exceder á consignación orzamentaria prevista para o exercicio económico correspondente.

Artigo 7.-Documentación.

A. Documentación xeral:

- Modelo de solicitude (anexo I)

- DNI, NIE ou Pasaporte.

- Volante de empadroamento no Concello de Irixoa que será tramitado e expedido polo Concello.

- Volante de empadroamento doutros concellos, se fose o caso.

 

B. Documentación xustificativa:

- Informe de vida laboral actualizado.

- Fotocopia das últimas tres nóminas ou, no se caso, certificación acreditativa do INEM de estar en situación de desemprego con percepción ou non de prestación.

- Se realizan algunha actividade de carácter laboral sen asegurar. deberá achegar unha declaración responsable dos ingresos que perciben mensualmente por esta actividade.

- Fotocopia das certificacións de pensións, se é o caso.

- Copia certificada pola Administración tributaria da declaración do IRPF ou a certificación de ingresos das persoas que non presentasen declaración do IRPF.

- Extracto das contas bancarias onde se reflictan os movementos dos últimos 6 meses.

C. Outros documentos: nos que consten incidencias familiares, económicas e sociais necesarios para a valoración da solicitude, así como aqueles outros necesarios para a súa tramitación.

Artigo 8.-Tramitación.

O procedemento de concesión destas axudas iniciarase de oficio ou por instancia da persoa interesada presentada no Rexistro Xeral municipal ou por calquera dos medios indicados no artigo 16.4 da Lei 39/205, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, acompañada da documentación esixida en cada caso.

Correspóndelle o traballador social, informar, asesorar e orientar ás persoas interesadas en todo o relacionado cos requisitos, características, documentación necesaria, contías, etc. deste réxime de axudas, así como realizar posteriormente a valoración profesional de cada caso e emitir un informe-proposta da resolución.

A Alcaldía ou a Concellería na que delegue será a competente para resolver sobre a aprobación ou denegación destas axudas. Esta Resolución será notificada regulamentariamente ás persoas interesadas nos termos previstos nos artigos 40 e 42 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Si a proposta é de concesión darase traslado do expediente ao Departamento de Intervención Municipal que deberá emitir o preceptivo informe de fiscalización.

Por último elaborarase a resolución de concesión ou denegación da axuda solicitada que será notificada ao interesado.

O prazo máximo para resolver a solicitude será dun mes (1 mes) contado a partir do rexistro da solicitude, ou dende a subsanación da documentación, no seu caso. Se transcorrido este prazo non obtén contestación, considerarase desestimada.

Artigo 9.-Xustificación do gasto.

Unha vez concedida a axuda ou prestado o servizo, a persoa beneficiaria disporá dun prazo de 10 días dende a recepción da mesma para presentar a xustificación perante o traballador social, mediante facturas ou documentos acreditativos do gasto realizado.

Procurarase, na medida do posible, realizar o pagamento ao prestador do servizo ou produto. Non obstante, se isto non fose posible ou dificulta a tarefa administrativa ou impide o desenvolvemento do proxecto intervención ou inserción deseñado, realizarase o pagamento á persoa solicitante da axuda. Neste último caso, a axuda económica non poderá superar a cantidade de 150 €.

Artigo 10.-Obrigas das persoas beneficiarias.

10.1. Aplicar a prestación á finalidade para as que foi concedida.

10.2. Permitir e facilitar a labor do persoal designado para comprobar a situación económica e sociofamiliar das posibles persoas beneficiarias.

10.3. Cumprimento do proxecto de intervención familiar ou de integración social naqueles casos nos que a axuda estea vinculada ao seu desenvolvemento.

10.4. Comunicar os cambios que puidesen dar lugar á modificación dos requisitos que deron lugar á concesión da prestación.

10.5. Presentar as facturas xustificativas da axuda recibida no prazo indicado para tal efecto.

10.6. O incumprimento destas obrigas poderá implicar o reintegro a axuda e a non concesión de ningunha outra dentro deste programa.

Artigo 11.-Denegación da prestación.

A denegación das solicitudes, que deberá ser motivada, procederá por algunha das seguintes causas:

1. Non cumprir os requisitos esixidos.

2. Negativa a subscribir e negociar un proxecto de inserción.

3. Poder satisfacer adecuadamente as necesidades por si mesmo e/ou co apoio dos seus familiares, representante legal ou gardadores de feito.

4. Corresponder a atención ao solicitante a outra administración pública ben pola natureza da prestación ou por razón de residencia.

5. Por constar no seu expediente persoal non ter cumprido noutras ocasións en que se concedesen axudas puntuais de emerxencia coas obrigacións mínimas impostas no acordo e convenio de concesión.

6. Por calquera outra causa debidamente motivada.

Artigo 12.-Desestimento e renuncia.

A persoa solicitante poderá desistir da súa solicitude ou renunciar ao seu dereito á prestación recoñecida, mediante escrito dirixido ao alcalde do Concello. Ditarase resolución na que se exprese a circunstancia en que concorre con indicación dos feitos producidos e as normas aplicables.

Artigo 13.-Reintegro.

Procederá o reintegro das cantidades obtidas en concepto de Axuda de Emerxencia Social, coa esixencia do interese de demora establecido legalmente, nos seguintes casos:

a) Ter obtido a axuda falseando ou ocultando datos que determinasen a súa denegación.

b) Destinar a axuda a outros fins distintos daqueles que se especificasen na resolución de concesión.

c) Non xustificar a aplicación da Axuda.

d) Nos demais casos previstos na lexislación reguladora de subvencións.

Artigo 14.-Confidencialidade.

Segundo o disposto na Lei Orgánica 15/1999, de Protección de Datos de Carácter Persoal e no artigo 6.3.f) da Lei 13/2008, do 3 de decembro de Servizos Sociais de Galicia (DOG núm 245 do 18/12/2008), garántese ás persoas usuarias dos servizos sociais o dereito ¿á confidencialidade, ao sixilo e ao respecto en relación cos seus datos persoais e coa súa información que sexa coñecida polos servizos sociais en razón da intervención profesional...".

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

Primeira.-Modelos normalizados.

Os anexos que se incorporan a esta ordenanza non teñen carácter regulamentario, polo que o seu contido poderá ser adaptado, modificado ou ampliado por Resolución da Alcaldía ou órgano delegado, se ben a súa obrigatoriedade supedítase á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia. Tamén se publicarán na páxina web municipal.

Segunda.-Normativa de aplicación.

En todo o non previsto na presente Ordenanza, estarase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e os seus correspondentes regulamentos, así como na Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

Disposición final

A presente ordenanza entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia, logo de transcorrido o prazo previsto nos artigos 65.2 e 70.2 da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local.

ANEXOS

ANEXO I

 

SOLICITUDE DE MEDIDAS ECONÓMICAS MUNICIPAIS DE APOIO ÁS FAMILIAS

Núm. de solicitude:

Data:

DATOS RELATIVOS AO/Á SOLICITANTE

D./dona:

D.N.I.: Teléfono:

Enderezo:

Membros da unidade familiar:

SOLICITA A PRESTACIÓN QUE SEGUE

Alimentación e hixiene

Sanitarios

Vivenda

Aloxamento alternativo temporal

Atención ao menor

Transporte

Outros gastos:

 

DOCUMENTACIÓN QUE ACHEGA

DNI, NIE ou pasaporte.

Volante de empadroamento

Informe de vida laboral actualizado.

Xustificación de ingresos (artigo 7)

Copia certificada pola Administración Tributaria da declaración IRPF ou a certificación de ingresos das persoas que non presentasen declaración do IRPF.

Extracto das contas bancarias onde se reflictan os movementos dos últimos 12 meses.

Outros documentos:

DECLARO baixo a miña responsabilidade que son certos os datos que consigno na presente solicitude e acepto as obrigas de xustificación e publicidade reguladas na Ordenanza.

 

Irixoa, ___ de ___________ de __________

O/a solicitante

Asdo.:

 

 

SR. ALCALDE DO CONCELLO DE IRIXOA

 

==============================================================

 

ANEXO II

 

Solicitante/teléfono:

Resolución núm.:

Escollerase, salvo excepción previamente xustificada, produtos de cada un dos bloques marcados cun asterisco e ata as cantidades máximas indicadas

Máx. 5

leite iogures café

cacao en pó azucre manteiga

marmelada cereais almorzo galletas

pan de molde outro: outro:

*Máx. 4

laranxas plátanos mazás

peras outro: outro:

*Máx. 7

allos cebolas tomates

leituga pemento verde pemento vermello

cenorias xudías cabaciña

brócoli porros cabaza

berenxena outro: outro:

*Máx. 5

polo carne picada filetes

costeletas carne guisar outro:

ovos chourizos outro:

pescado branco pescado azul outro:

*Máx. 4

lentellas fabas garavanzos

patacas macarróns espaguetes

fideos fariña outro:

Máx. 3

friame xamón friame pavo chourizo

queixo salchichón outro:

Máx. 3

tomate fritido tomate natural outro:

lata sardiñas lata atún outro:

aceite oliva aceite xirasol outro:

Máx. 5

xampú xel de ducha pasta dentífrica

deterxente chan deterxente louza deterx. lavadora

papel hixiénico lixivia outro:

Esp.

Irixoa, .... de .... de ....

O/a solicitante O traballador social....."

O que se publica para coñecemento xeral segundo o disposto no art. 70 da Lei 7/10985, do 2 de abril, de Bases do Réxime Local e no art. 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Contra a citada aprobación, que é definitiva en vía administrativa, pode interporse o recurso contencioso-administrativo diante do Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de 2 meses, segundo o disposto no art. 46.1 da Lei 29/1198, do 13 de xullo, reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa.