Mesía - ORDENANZA REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POLO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR NO CONCELLO DE MESÍA
Artigo 1.º.-Fundamento e natureza.
De conformidade co previsto no artigo 127 en relación co artigo 41, e segundo as normas contidas no Capítulo VI do Título I do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da lei reguladora das facendas locais, este concello establece o prezo público pola prestación do servizo de axuda a domicilio, que se rexerá por esta ordenanza.
Artigo 2.º.-Concepto.
O prezo público regulado neste acordo constitúe unha prestación patrimonial de carácter público que se satisfará pola prestación do servizo de axuda no fogar concedida a través dos servizos sociais municipais, de conformidade coa ordenanza reguladora do SAF.
Artigo 3.º.-Obrigados ao pagamento.
Están obrigados ao pagamento do prezo público regulado mediante a presente Ordenanza as persoas usuarias do servizo de axuda no fogar segundo o establecido na Ordenanza do servizo de axuda no fogar do Concello de Mesía.
Se o/a beneficiario/a carecera da capacidade para obrar, a dita obriga recaerá sobre quen ostente a súa representación legal ou, no seu caso, sobre quen exerza de feito o seu coidado.
Artigo 4.º.-Contía.
Aos efectos previstos para a aplicación das tarifas previstas nesta ordenanza, establécese o prezo da hora por prestación en 12 €/hora.
Artigo 5.º.-Determinación da capacidade económica do sistema de atención a persoas usuarias da dependencia.
1. A capacidade económica das persoas dependentes, valoradas con dereito recoñecido de atención, mediante o servizo de axuda no fogar, calcularase de acordo coas normas de valoración contidas no capítulo II do título III do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, observándose as normas de aplicación á materia, vixentes en cada momento, polo órgano competente en materia de servizos sociais da Xunta de Galicia.
2. O resultado do cálculo da capacidade económica, correspondente ás persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido no servizo de axuda no fogar, constará na resolución do plan individualizado de atención que se desenvolva en cada caso, de conformidade co que establece o artigo 38 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.
Artigo 6.º.-Determinación da capacidade económica das persoas usuarias doutros servizos que impliquen o copagamento.
No servizo de axuda no fogar prestado a persoas ou unidades de convivencia distintas ás referidas no artigo anterior, o cómputo da capacidade económica farase de acordo cos seguintes criterios:
1. Computarase a renda de todas as persoas residentes na mesma unidade de convivencia. Para estes efectos considérase renda a suma de calquera das modalidades de ingreso a que se refire o artigo 6.2 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.
2. Computarase, así mesmo, o patrimonio neto de todas as persoas residentes na unidade de convivencia. Para estes efectos, enténdese por patrimonio neto o conxunto de bens e dereitos de contido económico de que sexan titulares, determinados consonte as regras de valoración recollidas na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, con dedución das cargas e gravames de natureza real que diminúan o seu valor, así como das débedas e obrigas persoais das cales deba responder. Igualmente, para o cómputo do patrimonio neto deberán terse en conta as exencións que prevé a Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, ao respecto da vivenda habitual e doutros bens e dereitos.
3. A capacidade económica calcularase sumando todas as rendas computables, modificadas á alza pola suma dun 5% do patrimonio neto en cómputo anual, e dividindo o resultado da dita suma entre o total de persoas que convivan no fogar.
Artigo 7.º.-Participación no financiamento do servizo das persoas dependentes con dereito de atención recoñecido como usuarias do servizo de axuda no fogar.
1. No caso de que a capacidade económica da persoa usuaria do servizo de axuda no fogar para persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido, sexa igual ou inferior ao indicador público de rendas a efectos múltiples (IPREM), quedará exenta da obriga de participar no custo do servizo.
2. Nos demais supostos, aplicarase a seguinte táboa, na cal se expresa o copagamento en termos de porcentaxe sobre a capacidade económica da persoa usuaria e en función da intensidade do servizo asignado:
Capacidade económica | Grao I | Grao II | Grao III |
<=20 horas | <=45 horas | <=70 horas | |
100% | 0% | 0% | 0% |
115% | 4,52% | 9,61% | 14,70% |
125% | 5,41% | 11,50% | 17,58% |
150% | 5,55% | 11,79% | 18,03% |
175% | 5,65% | 12,00% | 18,35% |
200% | 5,72% | 12,16% | 18,60% |
215% | 5,81% | 12,34% | 18,87% |
250% | 6,03% | 12,82% | 19,61% |
300% | 6,24% | 13,26% | 20,29% |
350% | 6,42% | 13,63% | 20,85% |
400% | 6,54% | 13,90% | 21,25% |
450% | 6,63% | 14,09% | 21,55% |
500% | 6,70% | 14,25% | 21,79% |
> 500% | 6,76% | 14,36% | 21,97% |
3. Nos casos en que, por renuncia parcial expresa da persoa beneficiaria ao seu dereito de atención co número de horas expresadas no PIA, ou cando por tratarse dun suposto de compatibilización do SAF con outro servizo ou prestación do catálogo as horas reais prestadas de servizo de axuda no fogar sexan inferiores á cantidade expresada en cada columna da táboa anterior para o grao e nivel correspondente, a cantidade a pagar será minorada proporcionalmente á diminución das horas efectivas de servizo.
4. En ningún caso, o importe da participación económica que deberá ingresar a persoa beneficiaria en concepto de participación no custo do servizo, poderá exceder o 90% do custo do servizo determinado en termos de prezo/hora.
5. No caso das atencións e servizos complementarios do nivel básico do servizo de axuda no fogar, prestados ás persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido, para os efectos de facer efectiva a obriga de participar no custo do servizo por parte das persoas usuarias, aplicarase a seguinte táboa, na cal se expresa a súa participación en termos de porcentaxe sobre a capacidade económica da persoa usuaria e en función da intensidade e do tipo de atención ou servizo asignado:
% Capacidade económica (referencia ao IPREM) ata | Grao I | Grao II | Grao III | ||||||
Adaptacións funcionais do fogar, podoloxía e fisioterapia | Actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables | Servizo de préstamo de axudas técnicas | Adaptacións funcionais do fogar, podoloxía e fisioterapia | Actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables | Servizo de préstamo de axudas técnicas | Adaptacións funcionais do fogar, podoloxía e fisioterapia | Actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables | Servizo de préstamo de axudas técnicas | |
<=15 | <=28 | <=45 | |||||||
100,00% | 0,00% | 12,87% | 13,76% | 0,00% | 22,73% | 24,29% | 0,00% | 35,51% | 37,95% |
115,00% | 5,98% | 13,10% | 14,00% | 10,56% | 23,12% | 24,71% | 16,50% | 36,13% | 38,61% |
125,00% | 7,15% | 13,39% | 14,31% | 12,63% | 23,64% | 25,26% | 19,73% | 36,94% | 39,47% |
150,00% | 7,34% | 13,52% | 14,44% | 12,95% | 23,87% | 25,50% | 20,24% | 37,29% | 39,85% |
175,00% | 7,47% | 13,61% | 14,54% | 13,18% | 24,03% | 25,67% | 20,60% | 37,54% | 40,12% |
200,00% | 7,57% | 13,76% | 14,70% | 13,36% | 24,29% | 25,96% | 20,87% | 37,96% | 40,56% |
215,00% | 7,68% | 13,83% | 14,78% | 13,56% | 24,42% | 26,09% | 21,18% | 38,16% | 40,77% |
250,00% | 7,98% | 13,96% | 14,91% | 14,09% | 24,64% | 26,33% | 22,01% | 38,50% | 41,14% |
300,00% | 8,25% | 14,06% | 15,02% | 14,57% | 24,82% | 26,52% | 22,77% | 38,78% | 41,44% |
350,00% | 8,48% | 14,16% | 15,13% | 14,98% | 25,00% | 26,72% | 23,40% | 39,07% | 41,74% |
400,00% | 8,65% | 14,35% | 15,33% | 15,27% | 25,33% | 27,06% | 23,85% | 39,57% | 42,29% |
>400,00% | 8,77% | 14,48% | 15,48% | 15,48% | 25,57% | 27,32% | 24,19% | 39,95% | 42,69% |
Artigo 8.º.-Participación das persoas usuarias no financiamento doutros servizos que impliquen copagamento.
1. Para o servizo de axuda no fogar, en réxime de libre concorrencia, para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia, ou non as asista o dereito de acceso efectivo ao catálogo de servizos de atención á dependencia, segundo o calendario de implantación que se establece na Lei 39/2006, aplicarase a seguinte táboa que regula unha progresiva participación económica no custo do servizo en base ó cálculo da capacidade económica per cápita, de acordo co establecido nesta ordenanza.
CAPACIDADE ECONÓMICA | Participación no custe do servizo de SAF básico |
Menor de 0,80 IPREM | 0% |
Maior de 0,80 e menor ou igual a 1,00 IPREM | 10% |
Maior de 1,00 e menor ou igual a 1,50 IPREM | 12% |
Maior de 1,50 e menor ou igual a 2,00 IPREM | 20% |
Maior de 2,00 e menor ou igual a 2,50 IPREM | 40% |
Maior de 2,50 IPREM ou igual a 3,50 IPREM | 60% |
Maior de 3,50 IPREM | 90% |
2. Sen prexuízo do anterior, poderán establecerse excepcións aos criterios xerais do referido copagamento por prezo público nos casos en que a situación causante da aplicación do servizo de axuda no fogar sexa unha problemática de desestructuración familiar, exclusión social ou pobreza infantil, circunstancia que deberá estar debidamente xustificada no correspondente informe social.
3. En calquera caso, establecerase un límite máximo de participación económica por prezo público das persoas usuarias do 40% da súa capacidade económica.
Artigo 9.º.-Normas de xestión.
1. A obriga de pagar os prezos públicos regulados nesta ordenanza nace dende que se inicie a prestación do servizo.
2. As liquidacións, que serán aprobada polo Alcalde mediante resolución, practicaranse por meses naturais, e deberán ser aboadas polos/as usuarios/as mediante cargo na conta corrente que o/a usuario/a do servizo indicará no modelo oficial de solicitude, ou ingreso en calquera das entidades colaboradoras co Concello de Mesía.
3. A falta de pagamento dos prezos suporá a esixibilidade destes en vía de constrinximento.
4. Se a algún/unha dos/as beneficiarios/as non se lle prestase o servizo por causas non imputables a el/ela mesmo/a, cobraranse as horas efectivamente prestadas.
Artigo 10.º.-Afectación dos ingresos municipais polo copagamento dos servizos.
De conformidade co artigo 56.7 de Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, en todo caso, os ingresos que recade o concello de Mesía en concepto de achega das persoas usuarias para a súa participación no custo dos servizos sociais comunitarios, estarán afectados ao financiamento dos servizos sociais que reciban.
Artigo 11.º.-Infraccións e sancións.
As infraccións e sancións rexeranse, no relativo aos pagamentos, pola Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e polo Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de recadación, e no resto das materias, polo disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.
Disposición derradeira
Esta Ordenanza, unha vez aprobada definitivamente, será publicada na forma legal establecida e entrará en vigor conforme ao previsto no artigo 70.2 e concordantes da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.