Curtis - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS
Artigo 1.º.-Fundamento e réxime.
No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e dos artigos 15.1 e 59.2 do Texto Refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, este Concello establece o imposto sobre construcións, instalacións e obras, que se rexerá polo disposto na devandita lei, polas disposicións que a desenvolvan e pola presente ordenanza fiscal.
Artigo 2.º.-Feito impoñible.
Este imposto é un tributo indirecto, e o seu feito impoñible está constituído pola realización, dentro do termo municipal, de calquera construción, instalación ou obra para a que se esixa a obtención da correspondente licenza de obras ou urbanística, se obtivera ou non dita licencia, ou para a que se esixa a presentación de declaración responsable ou comunicación previa, sempre que a súa expedición ou a actividade de control corresponda a este Concello.
Artigo 3.º.-Suxeitos pasivos.
1. Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuíntes, as persoas físicas, xurídicas e as entidades á que se refire o artigo 35.4 da Lei Xeral Tributaria, que sexan donos da construción, instalación ou obra, sexan ou non propietarios do inmoble sobre o que se realice aquela. A estes efectos terá a consideración de dono da construción, instalación ou obra, quen soporte os gastos ou custo que comporte a súa realización.
2. No suposto de que a construción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte, terán a condición de suxeitos pasivos substitutos do mesmo os que soliciten as correspondentes licenzas ou presenten as correspondentes declaracións responsables ou comunicacións previas, ou os que realicen as construcións, instalacións ou obras.
O substituto poderá esixir do contribuínte o importe da cota tributaria satisfeita, consonte ás normas de dereito privado.
Artigo 4.º.-Exencións.
Está exenta do pagamento do imposto a realización de calquera construción, instalación ou obra da que sexa titular o Estado, as comunidades autónomas ou as entidades locais, que estando suxeita ao imposto, vaia ser directamente destinada a estradas, ferrocarís, portos, aeroportos, obras hidráulicas, saneamento de poboacións e das súas augas residuais, aínda que a súa xestión se leve a cabo por organismos autónomos, tanto se se trata de obras de inversión nova como de conservación.
Artigo 5.º.-Base impoñible, cota e devengo.
1. A base impoñible do imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra, e enténdese por tal, a estes efectos, o custo de execución material daquela.
Non forman parte da base impoñible o Imposto sobre o Valor Engadido e demais impostos análogos propios de réximes especiais, as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas, no seu caso, coa construción, instalación ou obra, nin tampouco os honorarios de profesionais, o beneficio empresarial do contratista nin calquera outro concepto que non integre, estritamente, o custo de execución material.
2. A cota deste imposto será o resultado de aplicar á base impoñible o tipo de gravame.
3. O tipo de gravame será o 2%.
4. O imposto devengarase no momento de iniciarse a construción, instalación ou obra, aínda cando non se obtivera o correspondente título habilitante.
Artigo 6.º.-Bonificacións.
1.-En virtude do previsto no art. 103.2 do TRLRFL, establécense as seguinte bonificacións:
1.1.-Bonificación do art. 103.2 a) do TRLRFL.
- Unha bonificación do 95% a favor das construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias culturais ou histórico artísticas que xustifiquen tal declaración. Corresponderá a devandita declaración ao Pleno da Corporación e acordarase, logo de solicitude de suxeito pasivo, por voto favorable de maioría simple dos seus membros.
- Unha bonificación de ata o 90 % sobre a cota tributaria en favor das construcións, instalacións ou obras destinadas á realización de actividades industriais ou comerciais, cando as mesmas sexan declaradas en cada caso concreto de especial interese ou utilidade municipal polo devandito órgano, por concorrer circunstancias que poñan de manifesto a creación de emprego. A bonificación dependerá da puntuación que se obteña en función do orzamento de execución material e do número de postos de traballo, conforme o que se indica a continuación:
ORZAMENTO DE EXECUCIÓN
De 100.000 € a 4,999 millóns de € .................................... 1 PUNTO
De 5 millóns a 9,999 millóns de € ....................................... 2 PUNTOS
De 10 millóns a 19,999 millóns de € ................................... 3 PUNTOS
De 20 millóns a 49,999 millóns de € ................................... 4 PUNTOS
De 50 millóns a 99 millóns de € .......................................... 5 PUNTOS
De 100 millóns de € en adiante ........................................... 6 PUNTOS
POSTOS DE TRABALLO
De 5 a 14 postos de traballo ............................................... 1 PUNTO
De 15 a 24 postos de traballo .............................................. 2 PUNTOS
De 25 a 49 postos de traballo .............................................. 3 PUNTOS
De 50 a 99 postos de traballo .............................................. 4 PUNTOS
De 100 a 199 postos de traballo .......................................... 5 PUNTOS
De 200 postos de traballo en adiante .................................... 6 PUNTOS
PORCENTAXE DE BONIFICACIÓN:
12 PUNTOS ................................ 90% BONIF. ICIO
11 PUNTOS ................................ 85%
10 PUNTOS ................................ 80%
9 PUNTOS ................................. 75%
8 PUNTOS ................................. 70%
7 PUNTOS ................................. 65%
6 PUNTOS .................................. 60%
5 PUNTOS .................................. 55%
4, 3, 2 e 1 PUNTOS .................... 50%
Corresponderá esta declaración ao Pleno da Corporación e acordarase, logo de solicitude de suxeito pasivo, por voto favorable de maioría simple dos seus membros.
1.2.-Bonificación do art. 103.2 b) do TRLRFL.
Unha bonificación do 5% a favor das construcións, instalacións ou obras nas que se incorporen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar. A aplicación desta bonificación estará condicionada a que as instalacións para produción de calor inclúan colectores que dispoñan da correspondente homologación da Administración competente.
A bonificación prevista neste parágrafo aplicarase á cota resultante de aplicar, no seu caso, a bonificación a que se refire o parágrafo a anterior.
1.3.-Bonificación do art. 103.2 c) do TRLRFL.
Unha bonificación do 50% a favor das construcións, instalacións ou obras vinculadas aos plans de fomento dos investimentos privados en infraestruturas.
A bonificación prevista neste parágrafo aplicarase á cota resultante de aplicar, no seu caso, as bonificacións a que se refiren os parágrafos anteriores.
1.4.-Bonificación do art. 103.2 d) do TRLRFL.
Unha bonificación do 50% a favor das construcións, instalacións ou obras referentes ás vivendas de protección oficial.
A bonificación prevista neste parágrafo aplicarase á cota resultante de aplicar, no seu caso, as bonificacións a que se refiren os parágrafos anteriores.
1.5.-Bonificación do art. 103.2 e) do TRLRFL.
Unha bonificación do 90% a favor das construcións, instalacións ou obras que favorezan as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados.
A bonificación prevista neste parágrafo aplicarase á cota resultante de aplicar, no seu caso, as bonificacións a que se refiren os parágrafos anteriores.
2.-As bonificacións reguladas no apartado anterior serán de carácter rogado, debendo presentar o suxeito pasivo a correspondente solicitude, coa que se adxuntarán os documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos establecidos en cada caso.
Para xustificar o requisito da contratación de traballadores farase inicialmente coa presentación dunha declaración xurada por parte do promotor das obras, na que figuren os datos dos postos de traballo que se van a cubrir cando rematen as obras. Neste suposto a bonificación concederase baixo condición resolutoria, de xeito que de non presentarse copia autenticada dos correspondentes contratos de traballo no prazo de seis meses dende o comenzo da actividade, quedará sen efecto esta bonificación, e esixirase o importe do pago da cantidade bonificada. Estes postos deberán manterse a lo menos durante dous anos dende o comenzo da actividade.
3.-As construcións, instalacións ou obras que se inicien sen terse concedido a licenza municipal ou presentado a declaración responsable ou comunicación previa, no seu caso, non poderán acollerse aos beneficios fiscais previstos neste artigo.
Artigo 7.º.-Normas de xestión.
1.-O procedemento de xestión do tributo será diferenciado en función do tipo de construción ou obra e do seu título habilitante.
2.-No suposto de construcións ou obras para as que sexa precisa a presentación de declaración responsable ou comunicación previa, o interesado presentará xunto con esta o xustificante de autoliquidación do ICIO, determinándose a base impoñible da súa declaración-liquidación.
A Administración poderá ditar unha liquidación provisional modificando a autoliquidación nos supostos nos que se aprecie un erro na confección da mesma, xa sexa aritmético ou formal, sen prexuízo da ulterior comprobación da obra efectivamente executada para efectuar a liquidación definitiva do imposto.
Nos supostos de obras que desexen acollerse ás bonificacións contidas no art. 6 da presente Ordenanza, non será de aplicación o réxime de autoliquidación, someténdose ao réxime de liquidación administrativa previsto no parágrafo seguinte para as obras suxeitas a licenza.
3.-No suposto de construcións ou obras suxeitas a licenza, cando se dite o acto administrativo de concesión da mesma, aprobarase así mesmo a correspondente liquidación provisional, que deberá ser notificada ao suxeito pasivo nos termos establecidos na Lei Xeral Tributaria.
4.-No caso de que se modificase o proxecto inicial das construcións, instalacións ou obras e se incrementase o presuposto, con independencia da necesidade de presentar a comunicación previa ou declaración responsable ou obter a preceptiva licenza urbanística municipal, os suxeitos pasivos están obrigados a presentar unha nova autoliquidación complementaria pola diferenza entre o presuposto inicial e o modificado.
5.-Os suxeitos pasivos virán obrigados a presentar solicitude de licenza urbanística, comunicación previa ou declaración responsable, nos casos e modos que sinala a normativa aplicable ao solo e á edificación, tanto estatal, coma autonómica e local.
A dita solicitude de licenza urbanística, presentación de declaración responsable ou comunicación previa, terá o valor de declaración tributaria, por canto dos elementos que acompañan a aquela poderase deducir a base impoñible do imposto.
De non mediar solicitude de licenza, comunicación previa ou declaración responsable, antes do inicio das obras, a conduta, sen prexuízo das súas repercusións urbanísticas, constituirá unha infracción tributaria.
6.-No suposto de que non se inicien ou non se executen integramente as construcións, instalacións ou obras, o interesado terá dereito á devolución das cotas do ICIO satisfeitas e correspondentes á base impoñible das non realizadas, sempre e cando formule renuncia expresa á licenza, ou sexa declarada caducada mediante resolución administrativa firme e teñan transcorrido os prazos para a interposición do correspondente recurso contencioso-administrativo contra a dita declaración de caducidade. Igualmente terá dereito á devolución do ingresado unha vez formule expresa renuncia nos supostos de presentación dunha comunicación previa ou declaración responsable.
7.-As devolucións, cando procedan, axustaranse ao procedemento establecido para as devolucións de ingresos indebidos.
8.-Cando a autoliquidación fora presentada e pagada aquela por cantidade inferior á cota que resulte do presuposto achegado, o Concello poderá practicar e notificar unha liquidación complementaria pola cantidade que proceda.
Asemade, poderá practicar unha liquidación complementaria no suposto de que os Servizos Técnicos Municipais, constaten que o presuposto achegado non se axusta aos valores reais.
Cando os suxeitos pasivos non teñan efectuado o pagamento da correspondente liquidación polo imposto, nos prazos anteriormente sinalados, seguirase a vía de constrinximento, para os efectos de recadar as cotas tributarias resultantes.-
Artigo 8.º.-Inspección e recadación.
A inspección e recadación do imposto realizarase de acordo co previsto na Lei Xeral Tributaria e nas demais Leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.
Artigo 9.º.-Infraccións e sancións.
En materia de infraccións e sancións, será aplicable, segundo o dispón o artigo 11 do Real decreto lexislativo 2/2004, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, a regulación contida na Lei 58/2003, xeral tributaria, e demais disposicións que a complementen e a desenvolvan.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Coa entrada en vigor da presente ordenanza fiscal queda derogada a anterior ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras deste concello.
DISPOSICIÓN FINAL
A presente Ordenanza fiscal entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no BOP, permanecendo en vigor ata súa modificación ou derogación expresa.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
BOP nº 156 de 18/08/2018:
Corrección de erros no anuncio sobre aprobación definitiva da Ordenanza fiscal reguladora do imposto de construcións, instalacións e obras do Concello de Curtis, publicado no BOP nº 149 de 8/08/2017. Detéctase un erro no art. 6, no apartado 1.1