Arzúa - PREZO PÚBLICO POLA REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES CULTURAIS
1.-Fundamento legal.
De conformidade co previsto no artigo 127 do texto refundido da Lei reguladora de facendas locais, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo; en relación cos artigos 41 a 47 desta norma, este Concello establece o prezo público pola realización de actividades culturais.
2.-Concepto.
Estes prezos públicos son ingresos de dereito público que se satisfarán polos usuarios que voluntariamente soliciten a prestación dos servizos aos que se refire o artigo anterior.
3.-Obrigados ao pagamento.
Están obrigados ao pagamento do prezo público regulado nesta ordenanza os/as solicitantes ou beneficiarios/as da prestación do servizo.
No suposto de que os beneficiarios sexan menores de idade e/ou incapacitados/as, consideranse obrigados ao pagamento aos pais, ás nais, aos titores ou quen ostente a súa representación legal.
4.-Contía.
As contías do prezo público serán as seguintes:
I. Actividades culturais de pintura: 11,57 €/mes.
II. Actividades culturais de robótica: 16,53 €/mes.
III. Activiades culturais de baile: 16,53 €/mes.
Sobre o importe da cota repercutirase o IVE correspondente.
5.-Normas de xestión.
1.-Establecense dous prazos únicos de inscrición nas actividades . O primeiro prazo será de 15 días naturais e será establecido e publicitado con antelación suficiente polo Departamento Municipal de Cultura. Rematado este prazo abrirase un novo prazo de 30 días naturais para cubrir as prazas vacantes na actividade correspondente. Rematado este segundo prazo non se admitirán novas inscricións.
2.-A obriga de pagar o prezo público nace dende o momento en que se formalice a inscrición, debendo aboarse en réxime de autoliquidación o importe da primeira mensualidade.
3.-No impreso de autoliquidación deberá constar a validación mecánica ou selo da entidade bancaria a través da cal se acredita o pagamento da liquidación correspondente.
4.-A inscrición non será formalizada ou carecerá de validez, se non consta documentalmente que se efectuou o pagamento do prezo público.
5.-No mesmo impreso de autoliquidación, asinarase un apartado para autorizar a domiciliación bancaria dos posteriores pagamentos mensuais.
6.-As liquidacións practicaranse con carácter posterior á prestación do servizo, por meses naturais. O prezo público xestionarase mediante listas cobratorias que serán elaboradas mensualmente polo Departamento de Cultura, das cales se dará traslado aos servizos económicos do Concello para a súa tramitación.
7.-As baixas voluntarias deberán comunicarse por escrito dirixido ao Departamento de Cultura indicando a mensualidade a partir da cal os interesados causarán baixa. En calquera caso, as baixas que se produzan surtirán efectos a partir da mensualidade seguinte a aquela que se tivera aboado, sen que proceda realizar a devolución da cota correspondente a aquela que xa fora ingresada.
8.-Os obrigados ao pago terán dereito á devolución do prezo -na parte proporcional que corresponda- cando a prestación do servizo non se poidera realizar por causa imputable ao Concello, despois da solicitude do interesado, da acreditación do pagamento e do informe do Técnico de Cultura xustificativo dos motivos que poideran dar lugar a devolución.
En ningún caso se entenderá por causa imputable ao Concello a orixinada, motivada ou promovida por vontade propia ou actuacións dos interesados.
9.-Para o suposto de que algún recibo fora devolto, efectuarase un requerimento, otorgando un prazo de dez días aos interesados para presentar alegacións, advertindolle:
Que se non atende o pagamento daráselle de baixa no curso ou actividade nas que estivera matriculado, mediante notificación da Resolución da Alcaldía correspondente.
Que se tramitará o procedemento de recadación das cotas adebedadas en vía de prema con ofrecemento dos recursos procedentes.
Nas devolucións de recibos por causas non derivadas de erros materiais ou outros non imputabeis ao Concello, o importe das cotas incrementarase nun 10% sobre as contías dos recibos devoltos para compensar a actividade administrativa que se xenera nos procedementos de requerimento e novas remesas de cobro que tiveran que realizarse.
6.-Bonificacións e descontos.
I. No caso de inscribirse máis dun membro da unidade familiar na actividade, aplicarse unha bonificación do 30% para o 2.º e seguintes membros da unidade familiar.
Para aplicar este desconto será preciso aportar un certificado de convivencia. En todo caso a porcentaxe de desconto aplicarse a aquel membro da unidade familiar que se inscriba nos cursos cuxas contías acaden un menor importe.
II. No caso de inscribirse unha mesma persoa en varias actividades culturais, aplicarse un desconto do 30% sobre o prezo da actividade de menor importe.
DISPOSICIÓN ADICIONAL
De conformidade co establecido no artigo 44 do texto refundido da Lei reguladora de facendas locais, declárase expresamente a existencia de razóns sociais e de interese público que aconsellan a fixación do prezo público por debaixo do custo da actividade, xa que se trata de promover o acceso da poboación á cultura, de conformidade co mandato establecido no artigo 44 da Constitución Española, a cal establece que os poderes públicos promoverán o acceso á cultura a todos os que teñan dereito.