Cee - ORDENANZA REGULADORA DA TAXA POR UTILIZACIÓN DE BENS DE DOMINIO PÚBLICO
ARTIGO 1. FUNDAMENTO E OBXECTO
No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 144 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da lei reguladora das facendas locais, o Concello de Cee establece a taxa por utilización privativa de bens de dominio público local, a que se refire o artigo 20.3 do citado Real decreto, que se rexerá pola presente Ordenanza fiscal e cuxas normas atenden ao previsto no artigo 57 da Lei reguladora das facendas locais.
ARTIGO 2. FEITO IMPOÑIBLE
Constitúen o feito impoñible desta taxa o uso e o aproveitamento das instalacións deportivas municipais e de todos aqueles locais que teñan o carácter de bens de dominio público.
ARTIGO 3. BENEFICIOS FISCAIS
Aplicaranse os beneficios fiscais previstos en normas con rango de lei nos tratados internacionais.
ARTIGO 4. SUXEITOS PASIVOS
1. É suxeito pasivo, en concepto de contribuínte, a persoa física ou xurídica e as entidades a que se refire a Lei xeral tributaria a cuxo favor se outorguen as licenzas ou quen se beneficie ou realice os aproveitamentos, se se procedeu sen a oportuna autorización . Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren por tal concepto a Lei xeral tributaria.
2. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores e liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala a Lei xeral tributaria.
ARTIGO 5. TARIFAS
Establécense as seguintes:
1. Utilización de polideportivo para espectáculos ou actos non deportivos: 350 euros/día de espectáculo.
2. Utilización das aulas do concello para cursos, charlas, etc. Por persoas entidades sen ánimo de lucro, en virtude do período solicitado:
· Se é por días: 10 euros/día.
· Se é por meses: 7 euros/día.
· Se é por ano: 5 euros/día.
3. Utilización de aulas de informática nas mesmas condicións que no apartado anterior: 5 euros/día + 1 euros/ordenador ou outro aparato/día.
4. O cobro da taxa non exime de que os usuarios dos mesmos fagan efectivos os danos e prexuízos causados nos bens públicos como consecuencia da utilización dos mesmos.
ARTIGO 6. NORMAS DE XESTIÓN
1. As cantidades esixibles con arranxo ás tarifas liquidaranse por cada aproveitamento solicitado ou realizado.
2. As persoas ou entidades interesadas na concesión de aproveitamentos regulados na presente ordenanza deberán cumprimentar o modelo realizado ao efecto, cubrindo todos os datos que nel constan. Coa solicitude de licenza, abonarase a cantidade resultante de aplicar a tarifa.
3. Cando se realicen aproveitamentos sen licenza ou excedendo do autorizado, practicaranse de oficio as liquidacións que correspondan e impoñeranse as sancións que procedan.
4. Esta taxa esíxese en réxime de autoliquidación.
5. A solicitude debe facer constar a clase de utilización, días, horas e demais circunstancias que se desexen expoñer.
6. No caso de espectáculos públicos, só haberá dereito á devolución das taxas abonadas cando sexa o propio concello o responsable da non celebración, non tendo o solicitante dereito a reclamar danos e prexuízos.
ARTIGO 7. INFRACCIÓNS E SANCIÓNS TRIBUTARIAS
Para a cualificación das infraccións tributarias, así como das sancións que ás mesmas corresponden en cada caso, estarase ao disposto na Lei xeral tributaria.
ARTIGO 8. DISPOSICIÓN FINAL
Esta ordenanza entrará en vigor unha vez aprobada e cumpridos os trámites oportunos de publicidade e producirá efectos en tanto non se acorde a súa modificación ou derrogación.