Carral - ORDENANZA REGULADORA DO APROVEITAMENTO DE TERREOS, TANTO DE DOMINIO PÚBLICO COMA PRIVATIVOS DE USO PÚBLICO, MEDIANTE A OCUPACIÓN TEMPORAL CON TERRAZAS E INSTALACIÓNS ANÁLOGAS, ANEXAS A ESTABLECEMENTOS DE HOSTALARÍA NO CONCELLO DE CARRAL
ARTIGO 1.- OBXECTO
1.-A presente Ordenanza ten por obxecto a regulamentación do réxime xurídico a que debe someterse o aproveitamento de terreos, tanto de dominio público coma privativos de uso público, dentro do concello de Carral mediante a ocupación temporal con terrazas e instalacións análogas que constitúan complemento da actividade que desenvolven os establecementos de hostalería de carácter permanente.
2.-Esta Ordenanza non será de aplicación aos actos de ocupación do dominio público de carácter hostaleiro que se realicen con motivo da celebración das festas patronais, feiras e festexos populares, os que se rexerán polas súas normas específicas.
3.-Non son obxecto desta Ordenanza a instalación de quioscos ou instalacións permanentes en espazos exteriores de dominio público municipal. Ditas ocupacións suxeitaranse a previa concesión administrativa.
ARTIGO 2.- INSTALACIÓNS AUTORIZABLES
Aos efectos desta Ordenanza, entenderase por terrazas, as instalacións formadas por mesas, cadeiras, parasoles, toldos, xardineiras e outros elementos de mobiliario urbano móbiles e desmontables, que desenvolven a súa actividade de forma accesoria a un establecemento principal de hostalaría tal como bar, café-bar, cafetería, restaurante o similares.
ARTIGO 3. AUTORIZACIÓNS
1.-A implantación destas instalacións require a previa obtención de licenza municipal nos termos previstos nesta ordenanza e na normativa sectorial aplicable. Prohíbese a instalación de terrazas na vía pública sen licenza municipal. Todas as licenzas outorgaranse deixando a salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiro, entendéndose concedidas en precario. O exercicio da actividade desenvolverase a risco e ventura dos interesados.
2.-O peticionario da licenza non ostenta un dereito preexistente a súa obtención, polo que nin a presentación da solicitude de autorización de ocupación de vía pública nin o pagamento das taxas correspondentes, autorizan ao interesado para instalar a terraza.
3.-A instalación de terrazas sen a preceptiva licenza ou sen axustarse ás condicións da licenza, dará lugar a inmediata orde de retirada que, de non ser executada voluntariamente polo interesado, executarase subsidiariamente polo Concello, a custa do obrigado, sen prexuízo das sancións que proceda impoñer.
ARTIGO 4.- SOLICITUDES
1.-Poderán solicitar licenza para este tipo de ocupacións, os titulares do correspondente título habilitante (licenza ou comunicación previa) dos establecementos de hostalaría que linden co espazo exterior que se pretende ocupar, sempre que a actividade se desenvolva de conformidade coas normas urbanísticas e sectoriais que a regulan.
2.-As solicitudes presentaranse, cun mes, como mínimo, de antelación á data de instalación que se interesa, debendo especificar os datos persoais, nome comercial do establecemento e licenza de actividade del, ámbito temporal da instalación, dimensións da terraza, largo da beirarrúa libre para peóns, número de cadeiras, mesas, toldos, parasoles e demais elementos decorativos.
3.-De tratarse da primeira instalación, a solicitude acompañarase necesariamente da seguinte documentación:
a).-Copia do título habilitante (licenza ou comunicación previa) da actividade do establecemento de hostalaría. Para a concesión da licenza, o establecemento non poderá ter abertos expedientes de disciplina urbanística ou de contaminación acústica.
b).-Memoria descritiva do tipo de ocupación que se vai realizar e do mobiliario que se pretende instalar. Deberá expresar o número de mesas e cadeiras a instalar e a superficie de m2 a ocupar.
c).-Achegarase unha fotografía do mobiliario e da fachada do establecemento.
d).-Plano de situación da terraza, no que se reflictan a superficie a ocupar, a lonxitude da fachada do establecemento, largo da beirarrúa, distancias ás esquinas, paradas de autobuses, saídas de emerxencia, pasos de vehículos, así como todos os elementos de mobiliario urbano existentes na área de influencia da ocupación.
e).-No caso dunha instalación xa autorizada en períodos anteriores e sen pretender cambio ningún, non será necesario presentar a documentación esixida no apartado anterior, e o interesado fará constar na súa solicitude a circunstancia de ter realizado a instalación de terraza en período anterior, indicando o número de expediente e a data da licenza de ocupación de dominio público, sinalando que se mantén o mesmo titular, a mesma actividade e as mesmas condicións da instalación da terraza.
ARTIGO 5.-CONDICIÓNS DE UBICACIÓN
As instalacións, deberán cumprir as seguintes condicións:
1.-Condicións xerais:
-.A colocación de terrazas nas vías públicas deberá en todo caso respectar o uso común xeral preferente delas. En consecuencia, non suporán obstáculo para o tránsito peonil nin poderán prexudicar a seguridade deste ou do tráfico rodado. En todo caso, cando o titular da vía non sexa o Concello de Carral, deberase presentar a autorización do organismo titular da vía, previamente á presentación da solicitude no rexistro do Concello.
A autoridade municipal competente denegará a autorización destas instalacións temporais en calquera dos seguintes supostos:
-Cando se incumpran os requisitos esixidos na presente Ordenanza.
-Cando a instalación se pretenda realizar en calzada na zona reservada en exclusiva para o tránsito de vehículos.
-Cando supoña un prexuízo para a seguridade vial (diminución da visibilidade, distracción para o condutor, etc...) ou dificulte sensiblemente ao tráfico dos peóns.
-Cando poida incidir na seguridade (evacuación) dos edificios e locais próximos.
-Cando supoña para a súa atención atravesar a calzada.
-Cando impida ou dificulte gravemente o uso de equipamentos ou mobiliarios urbanos (fontes, cabinas telefónicas, etc...).
-Cando resulte inadecuada ou discordante co seu entorno, por exemplo, menoscabando o interese de edificios públicos ou espazos públicos ou de carácter histórico-artístico.
-Cando estean en tramitación expedientes administrativos de disciplina urbanística e/ou contaminación acústica que afecten ao establecemento de hostalería.
2.-Condicións particulares:
a).-Condicións no caso de ocupación das beirarrúas e ocupación permitida:
Será requisito indispensable para autorizar a instalación da terraza que a beirarrúa na que se instale teña un largo mínimo de 2,20 metros e que se deixe, cando menos, un espazo de 1,50 metros libres de obstáculos para o tránsito dos viandantes.
Nas beirarrúas de largo igual ou superior a 2,20 metros e inferior a 3 metros, tan só se permitirán dúas cadeiras por mesa, debendo colocarse a mesa apegada á liña da fachada do establecemento principal e as cadeiras enfrontadas, co fin de que quede, cando menos, un espazo de 1,50 metros libres de obstáculos para o tránsito dos peóns.
b).-Condicións no caso de ocupación dos espazos de aparcamento:
Se a instalación ocupase a calzada, e existise desnivel entre a beirarrúa e a terraza, deberá colocarse unha tarima desmontable ao mesmo nivel có da beirarrúa, para protección das persoas que utilicen a instalación, e para impedir o estacionamento de vehículos no espazo reservado á terraza. En ningún caso se poderá autorizar a ocupación de parte dos carrís de circulación de vehículos na calzada.
En todo caso, deberán de colocarse proteccións laterais, tales como varandas ou outros elementos semellantes, que delimiten o perímetro máximo de ocupación autorizada da terraza, salvo na parte que linde coa beirarrúa. Estes elementos se deberan suxeitar mediante unha base de suficiente peso, de xeito que non produzan ningún deterioro ao pavimento. En ningún caso poderán fixarse no pavimento mediante fixacións mecánicas.
A autorización quedará supeditada ás indicacións que a Policía Local poida realizar para garantir unha maior seguridade da circulación.
c).-Condicións no caso de ocupación de vías de plataforma única, mixtas peonís e de circulación de vehículos:
En rúas de coexistencia de peóns e vehículos, a instalación deixará libre para o paso dos peóns e dos vehículos polo menos 4 metros.
A autorización quedará supeditada ás indicacións que a Policía Local poida realizar para garantir unha maior seguridade da circulación.
ARTIGO 6.- MOBILIARIO
1.-O mobiliario utilizado nestas instalacións deberá ser acorde coas características da zona onde se sitúe.
2.-O Concello poderá esixir que o mobiliario se axuste a determinadas características estéticas e de uniformidade entre os diversos establecementos, en concordancia coa realidade arquitectónica do entorno. Ditas características poderán ser esixidas tanto ás novas instalacións como ás xa autorizadas.
3.-O material do mobiliario que ocupe o espazo acoutado (mesas, cadeiras, etc.) deberá ser de boa calidade, discreto, hixiénico, sen arestas nin saíntes e con certo estilo e deseño. Acéptase o emprego de materiais tales como madeira, aluminio.
4.-No caso de instalar parasoles, deberanse suxeitar mediante una base de suficiente peso, de xeito que non produzan ningún deterioro ao pavimento e non supoña perigo para os usuarios e viandantes. En ningún caso poderán fixarse no pavimento mediante fixacións mecánicas. Tanto o voo como o pé de apoio quedarán dentro da superficie que ocupa a terraza, debendo ter os toldos e parasoles unha altura mínima de 2,20 metros para non molestar aos peóns.
5.-Non poderá obstaculizarse a saída á calzada dende os portais das fincas nin dificultar as manobras de entrada ou saída dos vaos permanentes.
ARTIGO 7.- OBRIGAS
Os titulares das licenzas de terrazas quedarán obrigados especialmente a cumprir o seguinte:
1.-Cumprir as condicións impostas polo Concello na autorización concedida.
2.-Cinguirse estritamente á zona autorizada sen pasala por ningún concepto, evitando que os clientes o fagan. Deixarase expedito o acceso a edificios, vivendas, vaos de vehículos e locais comerciais.
3.-Manter as terrazas e cada un dos elementos que as compoñen nas debidas condicións de limpeza, seguridade e ornato.
4.-Fora do horario autorizado para a terraza, o titular da licenza virá obrigado a retirar do exterior a totalidade dos seus elementos de mobiliario, incluíndo as bases dos parasoles. As mesas, cadeiras e parasoles serán recollidos diariamente no interior do local ao que pertenza a terraza ou en local habilitado para tal finalidade polo interesado. Non cabe deixalos na rúa, amontoados e suxeitos con cadeas. A instalación e maila recollida da terraza realizarase co menor ruído posible co obxecto de garantir o descanso da cidadanía.
5.-Corresponde ao titular da licenza a limpeza da superficie ocupada. En todo caso, o espazo ocupado pola terraza deberá quedar limpo todas as noites trala retirada da terraza.
6.-Unha vez retirada a terraza, se resultase afectado o pavimento pola instalación, o titular da licenza será responsable dos danos causados, debendo repoñer as cousas ao seu estado inicial, nun prazo máximo de quince días hábiles. Igualmente serán responsables dos danos ocasionados ás persoas ou ás cousas con motivo da instalación ou retirada da terraza.
ARTIGO 8.-PROHIBICIÓNS
1.-Por razóns de estética, decoro e hixiene, non se permitirá almacenar ou amorear produtos, caixas de bebidas e outros materiais xunto as terrazas, así como tampouco residuos propios das instalacións.
2.-Non se permitirá a instalación de mostradores e outros elementos para o servizo da terraza no exterior desta, que deberá ser atendida desde o propio establecemento.
3.-Non se permitirá a instalación e uso nas terrazas de aparatos audiovisuais, equipos de música, amplificadores e outros elementos que produzan emisións acústicas de calquera tipo.
4.-Prohíbese instalar nas terrazas billares, futbolíns, máquinas recreativas, máquinas expendedoras de produtos ou instalacións análogas.
ARTIGO 9. HORARIOS
O funcionamento das terrazas axustarase ao seguinte horario (sen prexuízo das limitacións adicionais que poidan establecer outras Administracións competentes na materia):
1.- O inicio do funcionamento das terrazas non poderá ser anterior ás 08:00 horas da mañá.
No caso de rúas semipeonís nas que, a certas horas do día, a circulación estea permitida, o horario de inicio de colocación do mobiliario quedará suxeito ao devandito horario de circulación,
Os días de celebración de feiras e mercados, o inicio da colocación do mobiliario, nas rúas nas que se sitúen os postos, estará supeditado á finalización do horario da feira ou mercado.
2.- O horario máximo de peche será:
¿ En días laborables e festivos : 00:00 horas.
¿ En sábados e vésperas de festivos: 01:00 horas.
3.- Durante o período comprendido entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, os establecementos poderán ampliar o seu horario de terraza até as 01:00 horas, excepto os sábados e vésperas de festivos, en que se poderá ampliar até as 02:00 horas.
RÉXIME SANCIONADOR
ARTIGO 10.- INSPECCIÓN
Corresponde aos Axentes da Policía Local a inspección do cumprimento do disposto na presente Ordenanza.
ARTIGO 11.- POTESTADE SANCIONADORA
As infraccións a esta Ordenanza serán sancionadas polo órgano competente municipal, previa instrución do correspondente expediente, de conformidade cos principios e procedemento regulados nas Leis 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, e 40/2015, do 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público.
ARTIGO 12.- INFRACCIÓNS
Constitúen infraccións a esta Ordenanza os actos ou omisións que contraveñan o disposto nela, que se clasifican en leves, graves e moi graves.
ARTIGO 13.- INFRACCIÓNS LEVES
Considéranse infraccións leves:
-Ocupar coa terraza maior superficie que a autorizada na licenza.
-O incumprimento da obrigación de manter as terrazas e cada un dos elementos que as compoñen nas debidas condicións de limpeza, seguridade e ornato.
-O deterioro leve nos elementos do mobiliario e ornamentais urbanos anexos ou líndante ao establecemento que se produzan como consecuencia da actividade obxecto da licenza.
-O incumprimento da obrigación de retirar do exterior a totalidade dos elementos da terraza ao finalizar o horario autorizado.
-Almacenar produtos, caixas de bebidas e outros materiais xunto as terrazas, así como residuos propios das instalacións.
-Instalar mostradores e outros elementos no exterior da terraza para o servizo desta.
-Instalar e usar nas terrazas aparatos audiovisuais, equipos de música, amplificadores e outros elementos que produzan emisións acústicas de calquera tipo.
-Instalar nas terrazas billares, futbolines, máquinas recreativas, máquinas expendedoras de produtos ou instalacións análogas.
-O incumprimento do horario de funcionamento das terrazas establecido no artigo 9.
-As infraccións que non teñan o carácter de graves ou moi graves.
ARTIGO 14.- INFRACCIÓNS GRAVES
Considéranse infraccións graves:
-A instalación dunha terraza carecendo da preceptiva licenza municipal.
-A negativa ou obstrución ao labor inspectora, como sería negarse a facilitar, cando sexa requirida polos Inspectores ou Axentes da Autoridade, a licenza da instalación autorizada.
-Cando a instalación da terraza supoña un prexuízo para a seguridade vial (diminución da visibilidade, distracción para o condutor, etc...) ou dificulte sensiblemente o tráfico dos peóns.
-Cando a terraza se instale en xardíns públicos ou comunitarios.
-Cando a instalación poida incidir na seguridade (evacuación) dos edificios e locais próximos.
-Cando impida ou dificulte gravemente o uso de equipamentos ou mobiliarios urbanos (fontes, bancos, cabinas telefónicas, etc).
-O deterioro grave nos elementos do mobiliario e ornamentais urbanos anexos ou colídantes ao establecemento que se produzan como consecuencia da actividade obxecto da licenza.
-A reincidencia por dúas veces, na comisión (no período de 1 ano), de infraccións leves da mesma natureza.
ARTIGO 15.- INFRACCIÓNS MOI GRAVES
Considéranse infraccións moi graves:
-A ocultación, manipulación ou falsidade dos datos consignados na solicitude ou da documentación anexa aportada en orde á obtención da correspondente autorización.
-A reincidencia por dúas veces, na comisión no período de 1 ano, de infraccións graves da mesma natureza.
ARTIGO 16.- SANCIÓNS
As infraccións á Ordenanza tipificadas nos artigos anteriores serán sancionadas:
-As leves, con multa de ata 600 €.
-As graves, con multa de 601 a 1.200 € que poderá acompañarse da clausura temporal da terraza por un espazo de tempo non superior a un mes.
-As moi graves, con multa de 1.201 a 2.000 € que poderá acompañarse da retirada da licenza da terraza con carácter definitivo.
Na imposición das sancións, deberase gardar a debida adecuación entre a gravidade da infracción cometida e a sanción aplicada, debéndose seguir para a gradación da sanción a aplicar os seguintes criterios:
-A gravidade da infracción.
-O prexuízo causado.
-O beneficio obtido.
-A reiteración.
-As circunstancias do responsable.
-A reincidencia, na comisión no período de 1 ano, de máis dunha infracción da mesma natureza, cando así se declarase por resolución firme.
-A intencionalidade.
ARTIGO 17.- PRESCRICIÓN
1.-As infraccións leves prescriben aos 6 meses, as graves aos dous anos e as moi graves aos 3 anos.
2.-As sancións impostas por faltas leves prescribirán ao ano, as graves aos dous anos e as moi graves aos tres anos.
3.-O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse desde o día en que a infracción se cometese. No caso de infraccións continuadas ou permanentes, o prazo comezará a correr dende que finalizou a conduta infractora.
O prazo de prescrición das sancións comezará a contarse dende o día seguinte a aquel en que sexa executable aa resolución pola que se impón a sanción ou transcorrese o prazo para recurrila
DISPOSICIÓNS
DISPOSICIÓN TRANSITORIA ÚNICA
As licenzas concedidas con anterioridade á entrada en vigor da presente Ordenanza deberán axustarse ao disposto nela no prazo máximo de 6 meses dende a entrada en vigor.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Queda derrogada a ¿Ordenanza reguladora do aproveitamento de terreos mediante a ocupación temporal con terrazas e instalacións análogas que constitúan complemento da actividade que desenvolven os establecementos de hostelaría de carácter permanente" publicada no BOP Nº 188 de 30/09/2011.
DISPOSICIÓN FINAL
A presente ordenanza entrará en vigor, logo da súa publicación íntegra no BOP da Coruña, despois de transcorrer o prazo previsto no artigo 70 en relación co 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto ao que se refiren os artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:
Artigo 70.2: ¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en
Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."
Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.