Brión - Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola utilización privativa da vía pública para facilitar a entrada a garaxes particulares
Artigo 1. Natureza e fundamento.
De conformidade co disposto no artigo 20.1 A) do RDL 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais ( en adiante TRLRFL), este Concello establece a taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local, pola entrada de vehículos a través da vía pública a que se refire o art. 20.3.h) do TRLRFL e que se rexerá pola presente ordenanza fiscal que atende ao previsto no artigo 57 do TRLRFL e na ordenanza xeral municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria.
Artigo 2. Feito impoñible.
Constitúe o feito impoñible a utilización privativa ou o aproveitamento especial do dominio público local pola ocupación deste para a entrada de vehículos a través da vía pública.
Artigo 3. Suxeito pasivo.
1. Son suxeitos pasivos, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas, así como as entidades ás que se refire o art. 35 da Lei xeral tributaria que gocen, utilicen ou aproveiten especialmente o dominio público local en beneficio particular.
2. Terán a condición de substitutos do contribuínte os propietarios das fincas e locais a que dean acceso as entradas de vehículos, que poderán repercutir, no seu caso, as cotas sobre os beneficiarios.
Artigo 4. Cota tributaria.
1. A contía da taxa regulada nesta ordenanza será a resultante de aplicar as seguintes tarifas:
a) Por concesión de aproveitamento a pagar por unha soa vez: 63,00 euros.
b) Entrada de vehículos en vivendas unifamiliares, por metro liñal e ano: 6,00 euros.
c) Entrada de vehículos en garaxes comunitarios, locais, almacéns e resto, por metro liñal e ano: 9,00 euros, multiplicados polos seguintes coeficientes, segundo o caso:
- De 2 a 9 prazas: coeficientes que van do 1,2 ó 1,9, segundo o número de prazas. (Exemplo: un garaxe de 5 prazas e tres metros de entrada sería: 9,00 x 3 x 1,5= 40,50 euros)
- De 10 a 19 prazas: coeficientes do 2,0 ó 2,9 (Exemplo: garaxe de 15 prazas sería 9,00 x 3 x 2,5 = 67,50 euros)
- De 20 a 29 prazas: coeficientes do 3,0 ó 3,9
- De 30 a 39 prazas: coeficientes do 4,0 ó 4,9
- De 40 a 49 prazas: coeficientes do 5,0 ó 5,9
Cando o número de prazas exceda de 49 irase calculando a taxa por tramos de dez en dez e multiplicando polo coeficiente que corresponda. O coeficiente calcúlase de acordo coa seguinte fórmula: coeficiente = (nº de prazas+10)/10.
Dentro do importe da taxa que se liquida coa concesión da autorización se entende incluído o importe da placa que subministra o concello aos interesados.
Artigo 5. Período impositivo e devengo.
1. O período impositivo coincide co ano natural, excepto cando se trate de supostos de inicio da utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local, xa que, neste caso abranguerá desde a data da concesión da autorización municipal ata o remate do ano natural.
2. A taxa se devenga o 1 de xaneiro de cada ano e as cotas serán irreducibles, agás nos casos de utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local no que a data de solicitude non coincida co ano natural, no que prorratearase por semestres a partir da aprobación da solicitude polo órgano municipal competente.
3. Así mesmo, e no caso de cesamento na utilización privativa ou aproveitamento especial as cotas serán prorrateables por semestres naturais, computando no prorrateo aquel no que se produce o cesamento.
Artigo 6. Normas de xestión.
1. Os interesados na obtención dunha autorización para utilizar privativamente ou para o aproveitamento especial do dominio público local para a entrada de vehículos a través das vías públicas, deberán presentar unha solicitude nas oficinas xerais do concello, cubrindo o modelo establecido, que se lles facilitará nas devanditas oficinas.
2. Neste impreso especificarase o lugar exacto da ocupación e se fará unha descrición desta.
3. Coa solicitude iníciase o expediente, inscrición no rexistro de vados e informe sobre a viabilidade desta ocupación.
4. Os servizos técnicos e policía local do concello comprobarán as solicitudes presentadas e informaranas propoñendo a concesión ou denegación da autorización de ocupación.
5. Coa concesión da autorización practicarase a liquidación da taxa, e non se poderá utilizar o sinal de reserva ata tanto non se xustifique o pagamento da débeda tributaria.
6. Unha vez autorizada a ocupación entenderase prorrogada anualmente mentres o interesado non presente declaración de baixa ou sexa revogada polo concello, de acordo co que se estableza na ordenanza municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria.
Artigo 7. Infraccións e sancións.
En materia de infraccións e sancións será aplicable segundo dispón o artigo 11 do TRLRFL a regulación contida nos artigos 178 e seguintes da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria e nas disposicións que a complementen e desenvolvan.
Disposición derrogatoria.
A partir da entrada en vigor desta ordenanza quedará derrogada a ordenanza fiscal reguladora do prezo público pola utilización privativa da vía pública para facilitar a entrada a garaxes particulares publicada no BOP do 18.02.1998, con modificación posterior publicada no BOP do 20.12.1999.
Disposición final.
Esta ordenanza fiscal foi aprobada polo Pleno e entrará en vigor o día seguinte ao da publicación do seu texto definitivamente aprobado no BOP, permanecendo vixente en tanto non se acorde a súa modificación ou derrogación expresas.