Val do Dubra - Ordenanza fiscal núm. 15, reguladora do imposto sobre construccións, instalacións e obras

Publicación provisional: 20/11/2004 BOP Nº: 268
Publicación definitiva: 31/12/2004 BOP Nº: 300
Aplicable dende: 11/06/2018

Artigo 1.º . Fundamento e natureza

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e dos artigos 15.1 e 59.2 do Texto refundido da lei reguladora das facendas locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, este Concello establece o Imposto sobre construcións, instalacións e obras, que se rexerá polo disposto na devandita lei e pola presente ordenanza fiscal.

Artigo 2.º . Feito impoñible

1.-Constitúe o feito imponible do Imposto a realización no municipio de Val do Dubra, de calquera construción, instalación ou obra para a que se esixa a obtención da correspondente licenza de obras ou urbanística, obtivérase ou non a devandita licenza, sempre que a súa expedición corresponda a este Concello.

2.-Son construcións, instalacións e obras suxeitas ó imposto todas aquelas nas que a execución implique a realización do feito impoñible definido no apartado anterior; e en particular as seguintes:

a) As obras de nova planta e de ampliación de edificios, ou necesarias para a implantación, ampliación, modificación ou reforma de instalacións de calquera tipo.

b) As obras de modificación ou de reforma que afecten á estrutura, o aspecto exterior ou a disposición interior dos edificios, ou que incidan en calquera clase de instalacións existentes.

c) As obras provisionais.

d) A construción de vaos para a entrada e saída de vehículos das fincas na vía pública.

e) As construcións, instalacións e obras realizadas na vía pública por particulares ou polas empresas subministradoras de servizos públicos, que corresponderán tanto as obras necesarias para a apertura de calas e pozos, colocación de postes de soporte, canalizacións, conexións e, en xeral, calquera remoción do pavimento ou beirarrúas, como as necesarias para a reposición, reconstrución ou amaño do estragado coas calas mencionadas.

f) Os movementos de terra, tales como desmontes, explanacións, escavacións, terraplenados, salvo que estes actos estean detallados e programados como obras a executar nun proxecto de urbanización ou edificación aprobado ou autorizado.

g) As obras de peche dos solares ou dos terreos e dos valados, os andamios e as andamiaxes de precaución.

h) A nova implantación, a ampliación, a modificación, a substitución ou o cambio de emprazamento de todo tipo de instalacións técnicas dos servizos públicos, calquera que sexa seu emprazamento.

i) Os usos e instalacións de carácter provisorio.

l) A instalación, reforma ou calquera outra modificación dos soportes ou valados que teñan publicidade ou propaganda.

ll) As instalacións soterradas dedicadas ós aparcadoiros, ás actividades industriais, mercantís ou profesionais, ós servizos públicos ou a calquera outro uso a que se destine o subsolo.

m) A realización de calquera outra actuación establecida polos plans de ordenación ou polas ordenanzas que lles sexan aplicables como suxeitas a licenza municipais, sempre que se trate de construcións, instalacións ou obras.

n) Derrubamentos.

ñ) Aliñacións e rasantes.

o) As que se realicen en cemiterios.

p) Calquera outra construción, instalación ou obra que precise licenza de obra ou urbanística.

3.-Quedan tamén incluídas no feito imponible do imposto, as construcións, instalacións e obras que se realicen en cumprimento dunha orde de execución municipal ou aquelas outras que requiran a previa existencia dun acordo aprobatorio ou dunha concesión. Nestes supostos a licenza aludida no apartado 1, considerarase outorgada unha vez ditada a orde de execución, adoptado o acordo ou adxudicada a concesión polos órganos municipais competentes, con cumprimento da tramitación preceptiva, e legalmente notificado o acto administrativo ó interesado.

Artigo 3º . Supostos de non suxeición

Non estarán suxeitas ao imposto regulado na presente ordenanza:

a) As obras, construcións e instalacións que, debendo ser entregadas ao Patrimonio Municipal, fosen executadas por outras administracións públicas en virtude de convenio de colaboración ou cooperación co Concello.

b) As obras, construcións e instalacións realizadas por entidades de interese público ou asociacións veciñais en bens de uso ou servizo público municipal, coa autorización previa do órgano correspondente.

c) As obras que consistan en construción e reconstrución de muros, como consecuencia da necesidade de ancheamento das vías públicas se se efectou a cesión gratuíta dos terreos polos propietarios.

d) As obras, construcións e instalacións que promova dentro do municipio de Val do Dubra a Mancomunidade da Área de Santiago de Compostela.

e) A execución de obras de urbanización realizadas polos propietarios afectados, sempre e cando se entreguen posteriormente ao Patrimonio municipal.

f) As obras realizadas nos centros públicos e nos centros privados concertados sempre que estas se realicen nos niveis de educación obrigatoria.

Artigo 4º . Exencións

Esta exenta do pagamento do imposto a realización de calquera construción, instalación ou obra da que sexa dono o Estado, as Comunidades Autónomas ou as entidades locais, que estando suxeitas a este, sexan directamente destinadas a estradas, ferrocarrís, portos, aeroportos, obras hidráulicas, saneamentos de poboacións e das súas augas residuais, aínda que a súa xestión se leve a cabo por organismos autónomos, tanto se se trata de obras de investimento novo como de conservación.

A concesión ou denegación da exención será efectuada pola Xunta de Goberno Local, previo informe dos servizos económicos.

Artigo 5.º . Suxeitos pasivos e substitutos do contribuínte

1.-Son suxeitos pasivos deste imposto a título de contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58 / do 28 de decembro, que sexan donos das construcións, instalacións ou obras, sexan ou non propietarios do inmoble sobre o que se realicen aquelas.

Para os efectos deste punto terán a consideración de donos das construcións instalacións ou obras quen soporte os gastos ou custos que comporte a súa realización.

2.-Teñen a consideración de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte, no caso de que a construción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte, quen solicite as correspondentes licenzas ou realice as construcións, instalacións ou obras .

Para a aplicación deste apartado considerarase substituto de primeiro grao ao solicitante da licenza e contra este obrigado exercitarase a acción administrativa dirixida ao cobro do imposto. Cando non exista solicitude de licenza esixirase a presentación da declaración e o ingreso, á empresa que realice a construción, instalación ou obra.

3.-O substituto poderá esixir do contribuínte o importe da cota tributaria satisfeita.

Artigo 6.º . Base impoñible

A base impoñible do imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra; e se entende por tal, a estes efectos, o custo de execución material daquela

Non formarán parte da dita base o imposto sobre o valor engadido e demais impostos análogos propios de réximes especiais, as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas, no seu caso, coa construción, instalación ou obra, nin os honorarios de profesionais, o beneficio empresarial do contratista nin calquera outro concepto que non integre o custo de execución material.

Artigo 7.º . Tipo de gravame e cota tributaria

1.-A cota íntegra do imposto será o resultado de aplicar á base impoñible os seguintes tipos de gravame:

a) Tipo xeral: 2 %.

b) Construccions, instalacións e obras en solo industrial: 2,5 %

c) Construción de edificacións plurifamiliares, vivendas colectivas ou promocións que na solicitude de licenza conteñan máis dunha vivenda unifamiliar: 3%

2.-A cota líquida do Imposto será, no seu caso, o resultado de aplicar á cota as bonificacións que establecesen no artigo 9.º desta ordenanza.

Artigo 8.º . Devengo do imposto

1.-A obriga de contribuír nace no intre de comeza-la construción, instalación ou obra, mesmo nos casos en que comece sen ter obtido a licenza que proceda.

2.-Para os efectos deste imposto, entenderanse iniciadas as construcións, instalacións ou obras, agás proba en contrario, cando fora concedida a preceptiva licenza municipal; no momento no que sexa retirada a devandita licenza polo interesado ou o seu representante, ou noutro caso, transcorrido un mes dende a data do Decreto ou do acordo da Xunta de Goberno Local

Artigo 9.º . Bonificacións

1.- a) Establecese un beneficio fiscal do 90% da cota para instalacións, construcións e obras promovidas directamente por outras administracións públicas e destinadas ao equipamento comunitario primeiro, sempre e cando non estea prevista a súa repercusión no prego de condicións que rexa para a contratación da obra.

b) Terán unha bonificación do 50% da cota as construccions, instalacións e obras, realizadas por asociacións sen ánimo de lucro, en centros destinados a asistencia e integración social ou desenvolvemento de actividades culturais de libre acceso e participación. Para acceder a esta bonificación será necesario acompañar a solicitude dos estatutos da asociación debidamente rexistrados, así como unha memoria explicativa da actividade que se vai desenvolver no local. A inactividade por un prazo superior a 6 meses ou o cambio de actividade nos locais dentro dos cinco anos seguintes ao outorgamento do beneficio darán lugar á perda da bonificación e liquidaranse as cantidades bonificadas coa aplicación dos xuros de demora correspondentes.

c) Establécese unha bonificación de ata o 95% da cota íntegra do imposto para as construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego, regulada no artigo 103.2 a) do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais. A gradación da porcentaxe de bonificación aplicarase do seguinte xeito:

− Ata 95 por 100 pola creación de máis de 20 postos de traballo

− Cando menos o 75 por 100 pola creación de entre 11 e 20 postos de traballo

− Cando menos o 50 por 100 pola creación de ata 10 postos de traballo.

Esta bonificación será de aplicación unicamente a aquelas construcións, instalacións ou obras destinadas á implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como a aquelas outras que consistan nunha ampliación das instalacións sempre e cando implique creación de emprego.

Corresponderá ao Pleno da Corporación a dita declaración de especial interese ou de utilidade municipal, previa solicitude so suxeito pasivo, debendo contar co voto favorable da maioría simple dos seus membros.

O emprego comprometido deberá manterse, cando menos, un período de tres anos dende o inicio da actividade polo suxeito pasivo. Tal circunstancia deberá ser acreditada por este ante os servizos tributarios do concello dentro dos 15 días seguintes ao remate de cada trimestre. O non cumprimento deste requisito dará lugar o inicio do correspondente expediente de reintegro”

d) Establécese ademais unha bonificación do 30% a favor doutras construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración.

A súa concesión requirirá o informe ou memoria motivadora do especial interese ou utilidade municipal.

En todos os casos recollidos nas letras anteriores, e que requiren dunha declaración de especial interese o utilidade municipal, a mesma corresponderá, previa solicitude do suxeito pasivo, ao Pleno da Corporación; con acordo adoptado con por maioría simple dos seus membros.

2.-Establécese unha bonificación a favor das construcións, instalacións ou obras nas que se incorporen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar para autoconsumo. A aplicación desta bonificación estará condicionada a que as instalacións para produción de calor inclúan colectores que dispoñan da correspondente homologación da Administración competente.

A bonificación establécese no 25% dos gastos de execución material dos sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar, a deducir da cota íntegra do imposto, sen que en ningún caso a dedución poida exceder da porcentaxe do 50% da cota.

O suxeito pasivo deberá achegar, xunto coa solicitude da licenza, o proxecto técnico visado polo Colexio Oficial correspondente, acreditativo da incorporación á construción, instalación ou obra de instalacións de enerxía solar térmica ou de enerxía solar fotovoltaica para autoconsumo, así como da homologación dos colectores empregados para a produción de calor.

3.-Establécese unha bonificación do 30 % a favor das construcións, instalacións ou obras referentes a actuacións protexidas en materia de vivenda, de conformidade co disposto no Decreto da Xunta de Galicia 199/2002, do 6 de xuño e demais normativa estatal e autonómica sobre a materia.

Para o goce desta, o suxeito pasivo deberá achegar, no momento previo á retirada da licenza, a cédula de cualificación provisional como VPO emitida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou declaración ou visado emitido polo mesmo Instituto considerando protexida a actuación en que consiste a construción, instalación ou obra.

4.-Establécese unha bonificación a favor das construcións, instalacións e obras que, en edificacións e instalacións xa existentes, favorezan as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados. A bonificación establécese no 10% dos gastos de execución material das obras que favorezan as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados, a deducir da cota íntegra do imposto, sen que en ningún caso a dedución poida exceder da porcentaxe do 30% da cota.

5.-As bonificacións previstas neste artigo esixirán:

a) Solicitude do interesado

b) Informe dos Servizos municipais correspondentes (Urbanismo, Cultura, Emprego, Medioambiente) e, en todo caso, informe do Servizo de Xestión, Recadación e Inspección Tributaria do Concello

c) Acordo da Xunta de Goberno Local ou, en caso de non existir a mesma, da Alcaldía; sen prexuízo da competencia atribuída ao Pleno para a declaración de especial interese ou utilidade municipal que se require respecto dos supostos indicados.

6.-As solicitudes de bonificacións incluídas neste artigo deberán presentarse coincidindo coa solicitude das correspondentes licenzas.

7.-As bonificacións aplicaranse sobre a cota íntegra do imposto e serán compatibles, salvo as recollidas no apartado 1 deste artigo que serán incompatibles entre sí, e a recollida no apartado 1 a), que será incompatible con ningunha outra. En todo caso as bonificacións aplicadas de forma acumulativa neste artigo en ningún caso poderán exceder do 75% da cota íntegra.

Artigo 10.º . Normas de xestión

1. Os suxeitos pasivos virán obrigados a presentar solicitude de licenza urbanística, acompañada dos correspondentes presupostos, nos casos e modos que sinala a normativa aplicable ao solo e á edificación, tanto estatal, como autonómica e local. A solicitude de licenza urbanística terá o valor de declaración tributaria, por canto dos presupostos que acompañan a aquela deducirase a base imponible do imposto. De non mediar solicitude de licenza antes do inicio das obras, a conduta, sen prexuízo das súas repercusións urbanísticas, constituirá unha infracción tributaria, segundo o disposto no artigo 11 desta ordenanza.

2. Concedida a licenza ou adoptado o acordo aprobatorio ou autorización en relación coas construcións, instalacións e obras que se realicen en cumprimento dunha orde de execución municipal e, en todo caso, no prazo máximo dun mes contado a partir do momento no que se inicie a construción, instalación ou obra, incluso cando non fose solicitada, concedida ou denegada aínda a devandita licenza, o suxeito pasivo estará obrigado a aboa-la liquidación pertinente nos prazos establecidos no artigo 62.2 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, sen que o pagamento comporte ningún tipo de acto declarativo de dereito a prol daqueles.

A base impoñible para esta liquidación determinarase en función do presuposto presentado polos interesados, sempre que este estivera visado polo Colexio Oficial corrrespondente cando isto constitúa un requisito preceptivo. Noutro caso, a base impoñible será determinada pola oficina técnica municipal en función dos módulos previstos na presente ordenanza, e que figuran como anexo desta.

3.-O pagamento da liquidación practicada terá carácter provisorio e será a conta da liquidación definitiva que se practique unha vez rematadas as construcións, instalacións ou obras

4.-Tendo en conta a obra realizada e o seu custo real e efectivo, o Concello, previa comprobación, poderá modifica-la base impoñible a que se refiren os apartados anteriores, facendo a correspondente liquidación definitiva, e esixindo ou reintegrando ó suxeito pasivo a cantidade que resulte.

Para estes efectos, e no caso de que se modificara o proxecto inicial das construcións, instalacións ou obras e se incrementara o presuposto, unha vez aceptada a modificación pola Administración municipal os suxeitos pasivos están obrigados a facer o ingreso da liquidación complementaria pola diferenza entre o presuposto inicial e o modificado con suxeición a prazos, requisitos e efectos indicados nos apartados anteriores.

5.-No caso de que non se executen as construcións, instalacións ou obras, o interesado terá dereito á devolución do ingresado, unha vez que formule renuncia expresa á licenza ou caducara a licenza.

6.-Nos supostos de licenzas concedidas en virtude da aplicación das normas sobre silencio administrativo, o pagamento do imposto deberá realizarse antes de dar comezo as obras.

Artigo 11.º . Infraccións e sancións

Para todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias e a imposición das sancións correspondentes, rexerá o disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

Disposición final

A presente ordenanza fiscal foi aprobada polo Pleno da Corporación na sesión que tivo lugar o día 12 de novembro de 2004, entrará en vigor o día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e comezará a aplicarse a partir do día 1 de xaneiro de 2005, continuando vixente en tanto non se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.

ANEXO

1.-Obra menor:

1.1. Demolición de muros: 14,89 euros/m2.

1.2. Demolición de tabiques: 3,96 euros/m2.

1.3. Levantado de solainas: 4,33 euros/m2.

1.4. Picado de azulexados e revestimentos: 5,19 euros/m2.

1.5. Demolición de forxados: 9,69 euros/m2.

1.6. Demolición completa 9,37 euros/m2.

2.-Movemento de terras:

2.1. Escavación de gabias: 7,76 euros/m3.

2.2. Escavación de baleirado: 2,14 euros/m3

2.3. Recheo de gabias: 11,12 euros/m3.

2.4. Recheo de ceo aberto: 6,42 euros/m3.

2.5. Carga e transporte de terras a vertedoiro: 4,36 euros/m3.

2.6. Tubos de canalización: 3,64 euros/m.

3.-Peches:

3.1. Peche de estacas e arame: 3,64 euros/m.

3.2. Peche de tea: 19,33 euros/m.

3.3. Peche de zócalo fábrica e tea: 31,11 euros/m.

3.4. Peche de fábrica h. 1 m: 23,51 euros/m.

3.5. Peche de zócalo fábrica e celosía: 44,99 euros/m.

3.6. Peche de cachotería e celosía: 72,62 euros/m.

3.7. Peche de cachotería e reixa: 34,59 euros/m.

3.8. Colocación de columna para contador da luz: 193,61 euros/ud.

4.-Cuberta:

4.1. Demolición de cuberta de fibrocemento: 2,09 euros/m2.

4.2. Demolición de cuberta de tella: 3,64 euros/m2.

4.3. Cuberta de fibrocemento: 13,17 euros/m2.

4.4. Cuberta de tella: 31,11 euros/m2.

4.5. Cuberta de lousa: 44,99 euros/m2.

4.6. Substitución de tella por fibrocemento: 17,30 euros/m2.

4.7. Substitución de tella por tella: 27,68 euros/m2.

4.8. Substitución de tella por fibrocemento e tella: 38,07 euros/m2.

5.-Albanelería:

5.1. Formigón en masa: 8,10 euros/m3.

5.2. Estrutura completa de formigón armado: 57,41 euros/m2.

5.3. Estrutura completa de aceiro: 62,93 euros/m2.

5.4. Estrutura naves de formigón armado: 35,98 euros/m2.

5.5. Estrutura naves metálica: 42,89 euros/m2

5.6. Soleira: 15,20 euros/m2.

5.7. Forxado: 48,42 euros/m2.

5.8. Muro de contención de formigón armado: 51,90 euros/m2.

5.9. Muro de cachotería: 103,74 euros/m2.

5.10. Muro de bloque: 24,20 euros/m2.

5.11. Muro de ladrillo (taboquería): 12,48 euros/m2.

5.12. Cerramento de dobre folla de ladrillo: 35,93 euros/m2.

5.13. Celosía, balaustrada: 26,24 euros/m2.

5.14. Azulexado: 17,30 euros/m2.

5.15. Solaina: 24,90 euros/m2.

5.16. Enfoscado: 9,00 euros/m2.

6.-Pinturas:

6.1. Pintura interior: 4,12 euros/m2.

6.2. Pintura exterior: 6,59 euros/m2.

7.-Galpóns:

7.1. Galpón de bloque ou ladrillo: 141,76 euros/m2.

7.2. Galpón de madeira: 72,62 euros/m2.

8.-Carpintería:

8.1. Porta de entrada: 242,09 euros/m2.

8.2. Porta interior: 107,12 euros/ud.

8.3. Fiestra: 146,85 euros/m2.

8.4. Fiestra en plano de tellado: 152,21 euros/m2.

8.5. Peche de balcóns e terrazas con galería: 138,34 euros/m2.

8.6. Reixa de seguridade e portas e fiestras: 44,99 euros/m2.

8.7. Fronte de portal: 117,61 euros m2.

9.-Instalación de fontanería e saneamento:

9.1. Instalacións en aseo (sen aparellos sanit.): 152,21 euros/ud.

9.2. Instalacións en baños (sen aparellos sanit.): 200,63 euros/ud.

9.3. Instalación de cociña: 172,89 euros/ud.

9.4. Lavado incluso billame: 172,89 euros/ud.

9.5. Inodoro: 186,75 euros/ud.

9.6. Bidé incluso billame: 141,36 euros/ud.

9.7. Bañeira incluso billame: 165,98 euros/ud.

10.-Instalación de electricidade:

10.1. Instalación de electricidade: 1.245,00 euros/ud.

11.-Instalación de calefacción:

11.1. Instalación. Mínimo ata 100 m2: 3.804,15/ud. 13,87 euros/m2.

12.-Pozos:

12.1. Pozo de barrena: 1.314,14 euros/ud.

12.2. Pozo artesano: 1.729,13 euros/ud.

13.-Depuración:

13.1. Fosa séptica e pozo filtrante: 1.245,00 euros/ud.

14.-Piscinas:

14.1. Piscina completa. Mínimo: 10.374,89 euros/ud.

15.-Pistas:

15.1. Pista deportiva: 69,09 euros/m2.

15.2. Beirarrúa: 17,99 euros/m2.

16.-Guindastre:

16.1. Guindastre: 300 euros/ud.

17.-Colocación de andamios:

17.1. Colocación de andamios: 30,00 euros/ud.

2.-Obra maior.

Relación de prezos medios de execución material (m2 construído).

Uso de vivenda en edificio de vivendas plurifamiliares: 390,08 euros/m2.

Otros usos en edificio de vivendas plurifamiliares:

(Espazos baleiros, sotos, semisotos e garaxes): 155,10 euros/m2.

Usos de vivenda unifamiliar: 465,11 euros/m2.

Outros usos en edificio de vivenda unifamiliar:

(Espazos baleiros, sotos, semisotos e garaxes): 150,59 euros/m2.

Edificios con uso exclusivo industrial.

Sen proceso produtivo: 193,83 euros/m2.

Edificio con uso exclusivo terciario: 348,68 euros/m2.

Acondicionamento ou reforma de locais comerciais: 338,68 euros/m2.

Nota: no caso de que unha obra non atope un encadre directo nas distintas aquí tipificadas, aplicaráselle a tarifa que máis se aproxime por identidade de razón entre os supostos tipificados neste anexo, salvo que o suxeito pasivo aduza razóns suficientes para desestima-la valoración realizada. Estos prezos sufrirán un incremento anual automático igual ó IPC oficial correspondente ó ano natural anterior