Cambre - ORDENANZA REGULADORA DA PROTECCIÓN DOS CAMIÑOS PÚBLICOS, CON MOTIVO DA EXECUCIÓN DE TALLAS, DEPÓSITO, CARGA E TRANSPORTE DE MADEIRA NO TERMO MUNICIPAL

Publicación provisional: 07/03/2018 BOP Nº: 46
Publicación definitiva: 12/06/2018 BOP Nº: 110
Aplicable dende: 13/06/2018

Exposición de motivos

A presente ordenanza ten como finalidade velar pola debida conservación dos camiños e vías públicas municipais, en relación cos danos e deterioracións que poden sufrir como consecuencia das operacións de talla, depósito, carga e transporte de madeira no termo municipal.

Como sucede en gran parte do territorio galego dentro do noso termo municipal as zonas de uso residencial atópanse diseminadas e mesturadas coas zonas forestais, de xeito que nas distintas parroquias conviven os dous usos.

A actividade de aproveitamento forestal debe polo tanto facerse compatible coa conservación dos camiños e a seguridade viaria, xa que a utilización axeitada dos camiños municipais é un dereito que corresponde a todos os cidadáns.

Resulta tamén prioritario o interese en protexer as persoas, vivendas e outras edificacións fronte aos incendios forestais; e para iso é esencial que as vías de acceso ás zonas forestais se atopen sempre en perfecto estado.

Todo isto esixe unha intervención administrativa que regule as condicións nas que se deben realizar as operacións de saca de madeira nos montes e parcelas do termo municipal, tanto para previr como para reparar, no seu caso, os danos e deterioracións ocasionados por estas actividades nos camiños municipais.

A regulación desta materia está prevista como unha das competencias dos municipios, segundo os artigos 25.2 d) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e 80.2 d) Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da administración local de Galicia, tratándose dunha regulación de aspectos parciais dela e sen un impacto significativo na actividade económica para os efectos do disposto no artigo 133.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 1.º.-Obxecto.

O obxecto desta ordenanza é a protección dos camiños municipais en relación cos danos e deterioracións que poden sufrir como consecuencia das operacións de talla, depósito, carga e transporte de madeira no termo municipal, a regulación dos lugares de depósito, almacenamento e carga da madeira, así como a esixencia da responsabilidade polos posibles danos producidos neles.

Artigo 2.º.-Intervención administrativa nas tallas de masas arbóreas.

1.-Cando se pretenda realizar a talla dunha masa arbórea dentro do termo municipal de Cambre será obrigatorio:

a) Se a talla se realiza en terreos incorporados a procesos de transformación urbanística, a presentación dunha solicitude de licenza por parte da persoa física ou xurídica que actúe en calidade de madeireiro, consonte ao modelo normalizado que se incorpora a esta ordenanza.

b) Nos restantes casos, a presentación dunha comunicación de talla por parte da persoa física ou xurídica que actúe en calidade de madeireiro, consonte ao modelo normalizado desta ordenanza, cunha antelación mínima de quince días hábiles, sen prexuízo da obtención doutras autorizacións sectoriais que sexan necesarias para a talla das plantacións forestais.

2.-Na comunicación de talla, ou no seu caso na solicitude de licenza de talla, deberá constar, segundo o modelo que se incorpora a esta ordenanza:

- Data na que se procederá á talla e data en que rematarán todos os traballos (incluíndo a retirada da madeira da parcela e dos restroballos resultantes).

- Identificación do propietario do monte e do madeireiro, con designación do representante deste no suposto de ser unha persoa xurídica.

- Especie da madeira obxecto de talla, así como toneladas a extraer.

- Identificación nun plano do catastro ou do SIXPAC do monte afectado e referencia catastral deste, así como indicación do lugar de depósito e viarios a utilizar para o transporte da madeira, debendo ter en conta para tal efecto o sinalado no art. 28 da Lei 3/2007, de prevención de incendios de Galicia.

- Identificación da/s empresa/s encargada/s da talla, depósito, carga e transporte da madeira (razón social, N.I.F., vehículos cos que se van a realizar as operacións de depósito, carga e transporte así como a indicación da súa marca, modelo, matrícula e peso máximo autorizado ou declaración responsable do interesado comprometéndose a presentar esta información cunha antelación mínima de 48 horas ao inicio dos traballos.

- Xustificante do título hablilitante da Consellería competente en materia forestal, segundo modelo oficial.

- Autorización sectorial, cando proceda.

- Xustificante do depósito da garantía de acordo co establecido no artigo 4.4 desta ordenanza.

No suposto de tratarse dunha talla sen aproveitamento madeireiro, o titular do monte deberá comunicar igualmente a talla, indicando o seu motivo (obtención de leña para autoconsumo, enfermidade da especie, situación de perigo para as persoas e bens, etc.), e achegando o título habilitante da Consellería competente.

3.-Previamente ao inicio dos traballos, o madeireiro deberá presentar no rexistro municipal a solicitude de licenza ou comunicación de talla nos modelos normalizados que constan no anexo desta ordenanza, cunha antelación mínima de quince días hábiles no caso das comunicacións, co obxecto de que os Servizos Técnicos municipais inspeccionen os viarios e accesos aos montes que vaian ser utilizados.

4.-Non se poderán utilizar as vías públicas para o almacenamento da madeira, aínda que se autoricen as operacións para a súa carga, debendo solicitarse de ser o caso, o permiso municipal correspondente para a ocupación de vía pública municipal, quedando suxeita ás taxas correspondentes. No suposto de referirse a vías de titularidade estatal, da Xunta de Galicia ou da Deputación Provincial da Coruña, con carácter previo deberá obter autorización destes organismos. Non obstante, as cunetas quedarán sempre limpas e en bo estado de utilización.

Artigo 3.º.-Actividades excluídas.

A efectos desta ordenanza, non teñen a consideración de ¿tallas forestais" os seguintes traballos:

Podas e refaldes en plantacións forestais

Roza e limpeza de predios

Clareo de rebrotes de cepa de menos de tres anos

Tallas puntuais de menos de 5 exemplares

Artigo 4.º.-Requisitos e obrigas para os madeireiros ou propietarios que realicen a talla e o depósito, carga e transporte da madeira tallada.

1.-O madeireiro encargado da talla será o responsable dos danos ocasionados nos lugares de talla, viarios de acceso, instalacións ou demais infraestruturas anexas, tanto como consecuencia da talla como do depósito, carga e transporte da madeira, quedando obrigado ao arranxo e reparación inmediata da deterioración producida neles, incluíndo a limpeza, retirada ou eliminación de residuos procedentes da talla e das operacións de carga e almacenamento. No suposto de non ser identificado o mesmo, será responsable subsidiario o propietario do monte ou parcela.

As cantidades depositadas en concepto de garantía responderán da dita obriga, sen prexuízo de que no suposto de non ser suficientes, se recade a diferenza en concepto de ingreso de dereito público, coa correspondente vía de constrinximento, de ser necesaria.

2.-Nos supostos previstos nos dous apartados anteriores, o madeireiro ou o propietario, deberán atender ao requirimento de reparación ou limpeza que efectúe o concello, dentro do prazo que para tal efecto se outorgue.

3.-Establécense tres categorías para os efectos da fixación da correspondente garantía, segundo o peso máximo autorizado do vehículo de maior peso que se vaia a utilizar na realización das operacións de depósito, carga e transporte da madeira tallada:

Vehículos con peso máximo autorizado inferior a 16 TN: 1.800 €/ comunicación talla.

Vehículos con peso máximo autorizado entre 16-24 TN: 3.600 €/comunicación talla.

Vehículos con peso máximo autorizado superior a 24 TN: 5.000 €/comunicación talla.

Non obstante, a contía da dita garantía poderá ser incrementada polo concello cando as circunstancias o aconsellen, logo do informe dos técnicos municipais.

Cando o concello o estime oportuno, logo do informe dos técnicos municipais, poderase esixir a constitución dunha garantía xenérica que permita responder en cada caso dos danos que se poidan ocasionar como consecuencia delas. A contía da garantía nestes casos será proporcional á superficie da zona de afección das actuacións e determinarase polos técnicos municipais.

4.-As correspondentes garantías deberanse depositar na Tesourería Municipal mediante: fianza en metálico, aval solidario e por tempo indefinido, seguro de caución nos termos previstos para o depósito daquelas pola normativa reguladora de contratos do sector público.

A devolución das ditas garantías, deberá ser solicitada polos depositantes, requirindo previamente á resolución, informe dos servizos técnicos municipais, no que se deixe constancia de que non foron ocasionados danos nas vías, servizos e infraestruturas públicas municipais.

5.-Esta administración poderá limitar ou denegar o acceso polos viarios solicitados por mor da capacidade de resistencia do firme da vía ou do seu mal estado, ou pola utilización dos ditos viarios na data solicitada para outros fins, o que se porá en coñecemento do solicitante de forma motivada, coa achega do correspondente informe técnico ou da policía municipal, no prazo máximo de quince días dende a comunicación de talla, debendo realizar posteriormente unha nova comunicación de talla en caso de ser denegado o dito acceso.

6.-En ningún caso poderán iniciarse os traballos de talla, sen contar previamente coa autorización sectorial correspondente, cando as parcelas obxecto da actuación, estean afectadas pola normativa sectorial de augas, patrimonio, estradas ou calquera outra que resulte de aplicación.

7.-As garantías reguladas neste artigo poderán ser igualmente esixidas cando a talla se estea a realizar noutro termo municipal, pero os vehículos teñan que circular por algún camiño de titularidade deste concello. Para tal efecto, unha vez que se teña coñecemento desta circunstancia, realizarase o oportuno requirimento ao madeireiro responsable.

Artigo 5.º.-Potestades da administración.

Unha vez que o Concello teña coñecemento da produción de danos ou da acumulación de residuos vexetais combustibles e logo do debido requirimento de emenda das deficiencias detectadas, o órgano municipal competente poderá realizar, con cargo á garantía depositada, as operacións de reparación, acondicionamento ou retirada de residuos, logo da audiencia do interesado polo prazo de dez días hábiles, sen prexuízo de recadar as cotas correspondentes en concepto de ingreso público, se os custos da dita operación non fosen totalmente cubertos co importe da garantía depositada.

O anterior, enténdese sen prexuízo da imposición das sancións que correspondan polo incumprimento do previsto nesta ordenanza.

Artigo 6.º.-Réxime sancionador.

Constitúen infraccións administrativas, as accións ou omisións que comporten un incumprimento das obrigas, prohibicións ou requisitos que establece esta ordenanza.

O procedemento sancionador, suxeitarase ao previsto nos artigos 54 e ss. da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e 25 e ss. da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, iniciarase mediante resolución motivada da Alcaldía, ou de ser o caso, do concelleiro/a delegado/a, sendo o prazo máximo de resolución e notificación seis meses, transcorridos os cales, producirase a caducidade do procedemento con arquivo das actuacións, sen prexuízo do inicio dun novo expediente cando a infracción non prescribise.

En calquera caso, con carácter previo á finalización do procedemento sancionador, a proposta do interesado, poderá efectuarse o remate convencional do procedemento, dando lugar á redución da sanción ata un 50%, sempre e cando este recoñeza súa responsabilidade e repare o dano ocasionado e/ou repoña os feitos que deron lugar ao expediente sancionador, no prazo que para tal efecto se fixe polo órgano municipal competente, renunciando expresamente ao exercicio de toda acción de impugnación ao respecto.

A resolución que poña fin ao procedemento sancionador identificará aos responsables dos feitos, coa imposición das sancións individualizadas que procedan, ordenando de ser o caso os traballos de reposición, de reparación ou de limpeza das vías, servizos e infraestruturas que procedan, que poderán executarse con cargo ás garantías depositadas.

Artigo 7.º.-Responsabilidade.

Son responsables das infraccións administrativas as persoas físicas ou xurídicas que as cometan en calidade de madeireiro ou propietario do monte ou parcela.

En todo caso, será responsable o propietario no suposto de non identificar ao madeireiro, sinalando o seu NIF ou CIF e enderezo, cando sexa requirido polo concello, no prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte á recepción da notificación.

Artigo 8.º.-Clasificación das infraccións e sancións.

1. As infraccións administrativas desta ordenanza clasifícanse en leves, graves e moi graves.

2. As infraccións administrativas sancionaranse con multa nas seguintes contías:

Infracción leve: ata 300 €.

Infracción grave: de 301 a 1000 €.

Infracción moi grave: de 1001 a 3000 €.

3. Para a clasificación das infraccións e a determinación da contía da sanción, teranse en conta as seguintes circunstancias:

a) O grao de culpabilidade ou a existencia de intencionalidade.

b) A continuidade ou persistencia na conducta infractora.

c) A natureza dos prexuízos causados

d) A reincidencia por comisión no termo dun ano de máis dunha infracción da mesma natureza cando así teña sido declarado por resolución firme en vía administrativa.

Artigo 9.º.-Competencia.

A competencia para a iniciación e resolución dos expedientes por infracción desta ordenanza, corresponde ao alcalde, ou concelleiro/a en quen delegue, debendo nomearse instrutor/a ou secretario/a, para os efectos de garantir a debida separación entre a fase instrutora e a resolutoria.

Artigo 10.º.-Infraccións.

1.-Constitúen infraccións moi graves:

A realización das ditas actividades sen o previo depósito da garantía no importe que corresponda.

Non proceder á reparación dos danos e/ou limpeza dos restos forestais dentro do prazo sinalado de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte da notificación do requirimento municipal.

A reincidencia na comisión de tres infraccións graves da mesma natureza, no prazo dun ano, cando así teña sido declarado por resolución firme en vía administrativa.

2.-Constitúen infraccións graves:

Non achegar a documentación requirida antes de efectuar a talla da madeira.

Non achegar ou falsear os datos que se esixen segundo o artigo 2.º desta ordenanza.

A non comunicación da talla por parte do madeireiro no prazo sinalado.

A reincidencia na comisión de tres infraccións leves da mesma natureza, no prazo dun ano cando así teña sido declarado por resolución firme en vía administrativa.

A realización dos traballos de talla sendo denegada previamente a utilización da vía pública para a súa realización.

Incumprimento polo propietario do monte ou parcela da obriga de identificar ao madeireiro.

3.-Constitúen infraccións leves:

Calquera acción ou omisión que infrinxa as disposicións desta ordenanza e non estea tipificada expresamente nela como moi grave ou grave.

4.-A imposición das sancións pecuniarias anteriormente sinaladas, non eximirá aos responsables dos feitos da obriga de reparar os danos ou deterioracións causados.

Artigo 11.º.-Prescrición das infraccións.

1.-As infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as graves aos dous anos e as leves aos seis meses, computándose dende o día en que a infracción fora cometida.

2.-As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as impostas por faltas graves aos dous anos e as impostas por faltas leves ao ano, computándose dende o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que foi imposta a sanción.

Disposición final

A presente ordenanza entrará en vigor a partir do día seguinte a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, e transcorrido o prazo previsto no art. 65.2.º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.