Teo - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DAS PRESTACIÓNS MUNICIPAIS DE EMERXENCIA SOCIAL DO CONCELLO DE TEO
PREÁMBULO
Os servizos sociais municipais teñen como unha das súas funcións e tarefas a de proporcionar atención e axuda a persoas que atravesan unha situación vital de dificultade, derivada, a meirande parte das veces, da imposibilidade de facer fronte a determinados gastos que, ou ben son necesarios para o mantemento dunha forma de vida compatible coa dignidade, á que toda persoa ten dereito, ou que incluso son precisos, en determinadas ocasións, para a supervivencia.
O Concello de Teo tiña reguladas estas axudas na Ordenanza Reguladora da prestación municipal de axudas para situacións de emerxencia social do Concello de Teo, publicada no BOP 267, do 21 de novembro do ano 2000. A visión social dos servizos sociais e a evolución no tratamento e satisfacción das necesidades de emerxencia social fai necesario proceder a unha nova regulación destas, que se adapte ao que lle pide a sociedade, a unha administración eficaz e eficiente.
A súa competencia vén determinada de conformidade co previsto na Lei 7/1985, reguladora das bases de réxime local, reformada pola Lei 27/2013 do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración Local, que atribúe aos municipios no artigo 25.2.e a competencia propia de avaliación e información de situacións de necesidade social e atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social.
Na Lei 13/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, especificamente no artigo 21.º.1.º, indica que ¿son prestacións económicas do sistema galego de servizos sociais as achegas en diñeiro, de carácter periódico ou de pagamento único, que teñen como finalidade, entre outras, apoiar o coidado de menores, paliar situacións transitorias de necesidade, garantir mínimos de subsistencia e reforzar procesos de integración familiar e inclusión social", entre elas, conforme ao artigo 21.º.2, ¿b) As axudas de emerxencia e necesidade social"
Finalmente, o artigo 14.3 da Lei orgánica 4/2000, de 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social garante que ¿os estranxeiros, calquera que sexa a súa situación administrativa, teñen dereito aos servizos e prestacións sociais básicas", debendo entenderse e aplicarse os citados dereitos conforme ás normas previstas no artigo 3 da mesma lei, nomeadamente a condición de igualdade coas persoas de nacionalidade española e, nos dereitos fundamentais, a interpretación conforme á Declaración Universal de Dereitos Humanos e tratados e acordos internacionais sobre as mesmas materias vixentes en España.
De acordo co exposto redáctase o presenta Ordenanza que, cumprindo o disposto no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), adecúase aos principios de boa regulación recollidos no citado artigo. Os principios de necesidade e eficacia cúmprense, xa que é de interese xeral recoller e regular os dereitos e deberes da veciñanza de Teo para acceder a unha axuda de emerxencia social, e un regulamento municipal é a ferramenta coa que conta a Corporación para facelo. O principio de proporcionalidade está asegurado xa que non é unha medida que limite ningún tipo de dereitos nin impón obrigas. A seguridade xurídica desta regulación fundaméntase na congruencia coa normativa emanada sobre a materia polas restantes institucións con capacidade normativa. O tramite de exposición pública garante o principio de transparencia e a ausencia de cargas administrativas e a xestión racional dos recursos públicos fano co principio de eficiencia.
En desenvolvemento dos principios e obrigas anteriores, o Concello de Teo ten o dereito e a responsabilidade de establecer e regular o conxunto de dereitos e recursos municipais específicos dirixidos a persoas en situación de risco ou exclusión social, de conformidade coa lexislación vixente.
A partir deste marco normativo xeral, o concello, como institución máis achegada á cidadanía, debe promover e garantir políticas de integración e normalización dos dereitos de todas as persoas que vivan en Teo, de maneira que poidan desfrutar de todos os recursos e servizos que lles permitan levar unha vida digna.
Nunha situación de crise estrutural coma a actual increméntase a demanda de recursos económicos e sociais, evidénciase a insuficiencia dos existentes, amplíase o perfil de persoas solicitantes e aumentan as necesidades detectadas dende o concello de Teo, polo cal resulta preciso un novo instrumento normativo complementario das ferramentas e prestacións autonómicas de inclusión social.
Este novo instrumento normativo artéllase respectando o marco normativo vixente en materia de subvencións, nomeadamente a partir do artigo 2.2.a da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, conforme ao cal non teñen o carácter de subvención as prestacións previstas no artigo 2.4 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, destinadas a persoas físicas, e as prestacións autonómicas de natureza similar a estas ou de carácter asistencial, como veñen sendo o suposto das prestacións reguladas na presente ordenanza.
TÍTULO I.-DISPOSICIÓNS XERAIS
ARTIGO 1.-OBXECTO.
Esta ordenanza ten por obxecto regular as prestacións municipais de emerxencia social para a cidadanía do Concello de Teo que se atope en situación de vulnerabilidade social ou risco de exclusión social.
ARTIGO 2.-DEFINICIÓNS.
Para efectos desta ordenanza, entenderase por:
1. Vulnerabilidade social: condición social de risco ou dificultade que inhabilita e invalida de maneira inmediata ou no futuro as persoas afectadas para cubrir as necesidades básicas como alimentación, coidados hixiénicos básicos, mantemento da vivenda habitual, atención educativa e sociosanitaria.
2. Situación ou risco de exclusión social: ausencia ou déficit grave de recursos económicos, situación de desemprego, con concorrencia de factores de exclusión, previstos na normativa estatal ou autonómica, cando supoña especiais dificultades de integración social e laboral.
3. Emerxencia social: situación de necesidade económica grave e urxente, con afectación severa da saúde e o benestar dunha persoa ou dunha familia, afectando especialmente á alimentación, vestido, vivenda, asistencia médica e servizos sociais básicos.
4. Residencia colectiva: conxunto de persoas físicas que convivan nun mesmo enderezo sen manter os vínculos dunha unidade de convivencia.
5. Residente: persoa física que ten a súa residencia habitual no municipio de Teo.
6. Unidade de convivencia ou unidade de convivencia independente: conxunto de persoas físicas que convivan nun mesmo domicilio e manteñan con respecto á persoa solicitante un vínculo por matrimonio ou relación análoga estable, por adopción ou acollemento, ou por parentesco de consanguinidade ou afinidade ata o cuarto e segundo grao, respectivamente. Asimilarase a descendente o fillo ou a filla concibido ou concibida e computará, xa que logo, como membro da unidade familiar. En ningún caso unha persoa poderá formar parte de máis dunha unidade de convivencia. A unidade de convivencia non perderá esta condición cando, por causa de forza maior, enfermidade grave, accidente ou desafiuzamento, se vexa obrigada a compartir domicilio con outra, tras o previo informe do/a traballador/a social municipal xustificativo das circunstancias descritas.
ARTIGO 3.-LÍMITES.
O outorgamento das prestacións previstas nesta ordenanza axustarase ás partidas de gasto dos orzamentos municipais.
Para o caso de que se dese un incremento da necesidade social que xerase un gasto municipal superior ao previsto habilitarase a aplicación orzamentaria que fose precisa, sempre que houbese recursos financeiros de abondo para cubrir o citado gasto, de acordo coa legalidade vixente en materia orzamentaria.
TÍTULO II.- DAS PRESTACIÓNS DE EMERXENCIA SOCIAL
ARTIGO 4.-AS PRESTACIÓNS DE EMERXENCIA SOCIAL.
Considéranse prestacións de emerxencia social, para os efectos da presente ordenanza, ao conxunto de prestacións económicas de carácter extraordinario e puntual, subsidiarias e complementarias dos servizos sociais previstos na lexislación vixente, destinadas a atender situacións de urxencia sobrevidas que afecten a persoas ou unidades de convivencia que non podan facer fronte a necesidades básicas.
ARTIGO 5.-REQUISITOS DE ACCESO ÁS PRESTACIÓNS DE EMERXENCIA SOCIAL.
Poderá ser perceptora das prestacións de emerxencia social a persoa que se atope nunha situación de vulnerabilidade social e/ou en risco ou exclusión social e reúna os seguintes requisitos:
1. Vulnerabilidade ou situación de risco ou exclusión social.-Ter sido avaliado/a en situación de vulnerabilidade ou en risco ou exclusión social polos servizos sociais municipais.
2. Residencia habitual, real e efectiva en Teo.-Estar empadroado/a e ter domicilio real e efectivo no termo municipal de Teo cunha antigüidade mínima de tres (3) meses, inmediatamente anteriores e continuados á data de presentación da solicitude, agás as excepcións previstas na normativa autonómica de inclusión social vixente en cada momento.
3. Idade.-Ter 18 anos cumpridos ou estar emancipado ou emancipada, agás as excepcións previstas na normativa autonómica de inclusión social vixente en cada momento.
4. Circunstancias económicas.-Presentar dificultades para a cobertura de necesidades básicas e non dispor de recursos económicos suficientes na unidade de convivencia. Para o cómputo deste límite de ingresos respectaranse os requisitos establecidos para cada prestación.
Consideraranse os ingresos da unidade de convivencia, derivados tanto do traballo como do capital, así como calquera outro substitutivo destes.
Considerarase o patrimonio da unidade de convivencia, incluíndo nel o conxunto de bens e dereitos de contido económico dos que sexa titular ou perceptor calquera membro, con dedución das cargas e gravames que diminúan o seu valor, así como as débedas e obrigas persoais das que deba responder. Exclúese para todo caso a vivenda habitual da unidade de convivencia.
Non se considerarán como recursos económicos dos que dispón a unidade de convivencia os que seguen:
a) Os ingresos non regulares de escasa contía que unicamente resulten un complemento de supervivencia.
b) Os ingresos de carácter finalista dirixidos á formación regulada.
c) Os ingresos por asistencia a cursos de formación non regulada, sempre que pola súa natureza e menor contía se deduza que só remuneran os gastos de asistencia ao curso ou incentivan a formación.
d) Os ingresos dirixidos a paliar situacións de emerxencia social.
e) As prestacións familiares por fillo ou filla menor a cargo xeradas polas persoas integrantes da unidade de convivencia.
f) As prestacións económicas e libranzas derivadas da Lei 39/2006, de 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.
5. Unidade de convivencia independente.-Ter constituída unha unidade de convivencia independente.
6. Protección ás persoas menores de idade.-Acreditar a escolarización e asistencia regular ao centro escolar dos/as menores da unidade de convivencia que estean en idade de escolarización obrigatoria.
A maiores, deberán cumprirse os requisitos específicos de cada prestación, e xustificarase coa solicitude cada concepto para o cal se solicite, achegando a documentación correspondente en función do tipo de prestación.
Os requisitos deberán reunirse no momento de presentar a solicitude e todos eles deberán manterse durante todo o período en que a persoa estea percibindo a prestación.
Excepcionalmente, e por causas obxectivamente xustificadas, poderán ser perceptoras das prestacións de emerxencia social aquelas persoas nas cales, mesmo non cumprindo todos os requisitos de inicio ou en calquera momento posterior, concorran circunstancias especiais das que se poida derivar para elas, ou para as persoas da unidade de convivencia, unha situación de extrema necesidade que poña en perigo o dereito á vida, á integridade física ou moral ou á saúde. Neste caso incorporarase ao expediente un informe técnico dos servizos sociais municipais no que se xustificará a concorrencia destas circunstancias.
ARTIGO 6.-DOCUMENTACIÓN.
A documentación para achegar será a seguinte:
1. Certificado de empadroamento da persoa solicitante, sen prexuízo das restantes alternativas previstas pola normativa vixente en cada momento.
2. Documento de identidade ou certificación literal de nacemento, sen prexuízo das restantes formas de acreditación previstas pola normativa vixente en cada momento.
3. Acreditación da unidade de convivencia:
a) En canto á composición de membros da unidade de convivencia, calquera documento previsto pola normativa vixente.
b) En canto á identidade dos membros da unidade de convivencia, calquera documento previsto pola normativa vixente.
4. Acreditación das circunstancias económicas da unidade de convivencia:
a) Último recibo aboado do IBI e IVTM (no caso de ser titulares de bens).
b) Copia do contrato de alugueiro ou do préstamo hipotecario, e os últimos xustificantes de pagamento.
c) Xustificación de ingresos de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia en idade laboral relativo aos últimos tres meses anteriores á presentación da solicitude, en concreto e en relación con todos os membros da unidade de convivencia:
Informe de vida laboral.
Follas de salario.
Certificación de percibir ou non prestacións económicas por parte do Servizo Público de Emprego.
Certificación de percibir ou non prestacións ou pensións por parte da Seguridade Social.
Autorización ao Concello para acceder ós datos tributarios debidamente asinada por tódolos membros que formen parte da unidade familiar de convivencia ou certificación dos mesmos expedida pola axencia tributaria.
Extracto das entidades bancarias nas que confiasen as contas ou depósitos sobre os movementos bancarios existentes nos tres (3) meses anteriores á solicitude.
Declaración xurada de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas polo mesmo concepto polas distintas administracións públicas competentes ou institucións privadas.
Cando non se poidan acreditar documentalmente todos ou algúns destes documentos, declaración responsable de ingresos explicando os motivos concretos polos cales non se pode achegar cada documento concreto.
1. No caso de padecer enfermidade, informe médico emitido polo sistema público de saúde que acredite tal circunstancia.
2. Certificado de grao de discapacidade e/ou grao de dependencia, se é o caso.
3. Calquera outra documentación acreditativa da situación de necesidade determinante da solicitude.
4. Certificación expedida polo centro escolar acreditativa da escolarización e asistencia regular ao centro escolar dos/as menores da unidade de convivencia que estean en idade de escolarización obrigatoria.
5. Calquera outra documentación que se considere pertinente para avaliar a situación de vulnerabilidade, risco ou exclusión social, en particular a que acredite a pertenza a un colectivo considerado en situación de risco ou exclusión social pola normativa autonómica vixente en cada momento.
Durante a tramitación poderanse pedir cantos datos ou documentos sexan necesarios á propia persoa solicitante ou a outras persoas ou entidades públicas ou privadas, previa autorización desta.
A negativa ou imposibilidade de facilitar datos ou documentos non eximirá da obriga de efectuar proposta e ditar resolución, sen prexuízo de poder tomar en consideración esa negativa á hora de efectuar a avaliación.
ARTIGO 7.-PRESTACIÓN PARA COBERTURA DE NECESIDADES BÁSICAS.
1. Concepto: prestación económica destinada a cubrir as necesidades básicas de carácter xeral indispensables para a vida diaria, entre outras, alimentación diaria, vestido, e coidados básicos das persoas da unidade de convivencia.
2. Prestación económica.
Límite de recursos:
N.º. MEMBROS UNIDADE DE CONVIVENCIA | LIMITE DE INGRESOS (% SOBRE IPREM) |
1 | 100,00% |
2 | 110,00% |
3 | 120,00% |
4 | 130,00% |
5 | 140,00% |
6 ou máis | 150,00% |
Para o cómputo do límite de ingresos descontarase o alugueiro ou hipoteca até un máximo do 60% do IPREM.
Contía máxima a percibir:
N.º. MEMBROS UNIDADE DE CONVIVENCIA | CONTÍA MÁXIMA QUE SE PODE PERCIBIR (% SOBRE IPREM) |
1 | 20,00% |
2 | 29,00% |
3 | 38,00% |
4 | 47,00% |
5 | 56,00% |
6 ou máis | +9% do IPREM por cada membro adicional |
A prestación económica para cobertura de necesidades básicas aboarase a través dunha tarxeta de crédito coa que se poderán adquirir os produtos básicos de alimentación e hixiene persoal nos establecementos acordados co Concello de Teo.
Con carácter xeral quedan excluídos da compra coa citada tarxeta os seguintes:
As bebidas alcohólicas, bebidas gaseosas e enerxéticas e os refrescos
As carnes, peixes e mariscos de primeira categoría
Os produtos ¿gourmet"
Produtos de pastelería e alta repostería
Cosméticos e perfumes
Calquera outro que determinen os servizos sociais
Esta prestación poderá concederse por un período máximo de seis (6) meses por cada unidade de convivencia e ano natural.
3. Documentación: a documentación xeral do artigo 6 desta ordenanza, máis a específica acreditativa do gasto ou necesidade concreta para os cales se solicita a prestación económica.
ARTIGO 8.-PRESTACIÓN PARA MANTEMENTO E USO DA VIVENDA.
1. Concepto.-En relación coa vivenda que sexa residencia habitual, real e efectiva de quen a solicita, e sempre que estea situada dentro do termo municipal de Teo, entenderanse como gastos ou axudas os dous seguintes:
a) Gastos asociados ao alugamento de vivenda, pagamento da cota de préstamo hipotecario da vivenda ou pagamento da habitación en vivenda compartida ou similares.
b) Axudas asociadas ao contrato de nova vivenda en alugueiro, cando supoña un desembolso inicial extraordinario.
2. Límite de recursos da unidade de convivencia:
N.º. MEMBROS UNIDADE DE CONVIVENCIA | LÍMITE MÁXIMO DE INGRESOS (% SOBRE IPREM) |
1 | 100,00% |
2 | 110,00% |
3 | 120,00% |
4 | 130,00% |
5 | 140,00% |
6 ou máis | 150,00% |
3. Contía e límite temporal:
Para calcular a contía máxima a aboar teranse en conta os seguintes criterios:
a) Por gastos asociados a alugueiro de vivenda, pagamento da cota de préstamo hipotecario da vivenda ou pagamento da habitación en vivenda compartida ou similar, aboarase como máximo o 75% do gasto mensual de aloxamento, ata o importe máximo do 85% do IPREM, ou índice que o substitúa no caso de alugueiro de vivenda ou habitación, e un 50% do IPREM no caso de tratarse de cotas hipotecarias. Excepcionalmente, cando a unidade de convivencia non dispoña dos ingresos suficientes para pagar a cantidade restante do gasto mensual de alugamento, poderase aboar o 100% de dito gasto ata un máximo do 100% do IPREM, previo informe social municipal que o xustifique. A duración desta prestación non poderá ser superior a seis (6) meses, nun período de doce (12) meses.
b) Pola axuda á formalización de contrato de nova vivenda en alugamento, aboarase un pagamento único do 100% ata o máximo do 75% do IPREM ou índice que o substitúa; e só se poderá conceder unha prestación por este concepto nun período de 3 anos.
4. Documentación: a documentación xeral do artigo 6 desta ordenanza, máis a específica acreditativa do gasto ou necesidade concreta para o cal se solicita a prestación económica.
ARTIGO 9.-PRESTACIÓNS DE HABITABILIDADE E POBREZA ENERXÉTICA, E EQUIPAMENTO BÁSICO DE VIVENDA.
En relación coa vivenda que sexa residencia habitual, real e efectiva de quen a solicita, e sempre que estea situada dentro do termo municipal de Teo, poderanse outorgar prestacións para os seguintes conceptos:
1. HABITABILIDADE E POBREZA ENERXÉTICA.
1.1. Prestacións para sufragar:
a) Débedas por subministro de luz e/ou gas que procedan dun impagamento puntual.
b) Gastos asociados a altas de contratos de subministracións enerxéticas nunha nova vivenda.
c) Gastos asociados á débeda de comunidade de propietarios, cando exista un requirimento por parte da Comunidade de Propietarios ou risco de desafiuzamento por este motivo.
d) Gastos por endebedamento previo, relacionados co aloxamento habitual, que sexa residencia real e efectiva, da persoa solicitante.
No caso de gastos asociados á acumulación de débedas de aloxamento e comunidade, a concesión destas prestacións quedará condicionada a que por parte da persoa perceptora se xustifique que a prestación contribúe á permanencia no domicilio habitual, evitando situacións de desafiuzamento, acreditándose por algunha das seguintes circunstancias:
Queda cuberta a débeda porque dispón do 10% restante para solucionala.
Queda cuberta a débeda porque dispón de apoios económicos, dentro da rede familia extensa, ámbito comunitario, ou outras prestacións públicas ou prestacións de entidades de iniciativa social.
Existe un acordo coa comunidade de propietarios, co/a propietario/a da vivenda, coa entidade financeira ou con calquera outra acredora para aboar de xeito fraccionado o importe da débeda restante.
1.2. Límite de recursos da unidade de convivencia:
N.º. PERSOAS DA UNIDADE DE CONVIVENCIA | LÍMITE MÁXIMO DE INGRESOS (% IPREM) |
1 | 125,00% |
2 | 140,00% |
3 | 155,00% |
4 | 170,00% |
5 | 185,00% |
6 ou máis | 200,00% |
1.3. Contía e límite temporal:
a) Débedas por subministro de luz e/ou gas que proceda dun impagamento puntual, aboaranse recibos impagados ata o 100% do gasto, ata un máximo do 100% do IPREM, ou índice que o substitúa durante un período dun (1) ano.
b) Por gastos asociados a altas de contratos de subministracións enerxéticas de vivenda, aboarase o 100% do gasto, ata un máximo do 100% do IPREM, ou índice que o substitúa; e non poderá solicitarse dúas veces polo mesmo concepto.
c) Por gastos asociados a débedas da comunidade de propietarios, cando exista un requirimento por parte da comunidade de propietarios ou risco de desafiuzamento por este motivo, aboarase ata o 90% da débeda de comunidade, ata un máximo do 200% do IPREM, ou índice que o substitúa; e só se poderá conceder unha prestación por este concepto nun período de tres (3) anos.
d) Por gastos por endebedamento previo, relacionados co aloxamento habitual, que sexa residencia real e efectiva, da persoa solicitante, aboarase o 90% da débeda ata un máximo do 200% do IPREM, ou índice que o substitúa; e só se poderá conceder unha prestación por este concepto nun período de tres (3) anos.
1.4. Documentación: a documentación xeral do artigo 6 desta ordenanza, máis a acreditativa do gasto ou débeda concretos para os cales se solicita a prestación.
2. EQUIPAMENTO BÁSICO DE VIVENDA.
2.1. Concepto: prestacións non cubertas por outra administración pública ou entidade privada, entendendo por estes os de mobiliario e electrodomésticos básicos.
2.2. Límite de recursos da unidade de convivencia independente:
N.º. PERSOAS DA UNIDADE DE CONVIVENCIA | LÍMITE MÁXIMO DE INGRESOS (% IPREM) |
1 | 125,00% |
2 | 140,00% |
3 | 155,00% |
4 | 170,00% |
5 | 185,00% |
6 ou máis | 200,00% |
2.3. Contía e límite temporal: aboarase o 90% do gasto até o máximo do 200% do IPREM, ou índice que o substitúa. Só se poderá conceder unha prestación para o equipamento básico da vivenda cada tres (3) anos, ou ben varias prestacións para distintos conceptos dentro do período de tres (3) anos sempre e cando sumadas as distintas concesións non se supere o referido límite máximo do gasto.
CONCEPTO | IMPORTE MÁXIMO (€) |
Lavadora | 300 |
Frigorífico | 300 |
Cociña | 250 |
Termo de auga de 80 litros | 250 |
Termo de auga de 50 litros | 150 |
Estufa eléctrica | 75 |
Estufa de gas | 125 |
Caldeira de calefacción | 600 |
Outros | 600 |
2.4. Documentación: a documentación xeral do artigo 6 desta ordenanza, máis a acreditativa do equipamento concreto para o cal se solicita a prestación.
ARTIGO 10.-PRESTACIÓN PARA COBERTURA DE GASTOS FARMACÉUTICOS.
1. Concepto: prestacións, non cubertas por outra administración pública ou entidade privada, para adquisición de menciñas na porcentaxe non cuberta polo sistema sanitario, e daquelas non incluídas no sistema público de saúde.
2. Límite de recursos:
N.º. PERSOAS DA UNIDADE DE CONVIVENCIA | LÍMITE MÁXIMO DE INGRESOS (% IPREM) |
1 | 125,00% |
2 | 140,00% |
3 | 155,00% |
4 | 170,00% |
5 | 185,00% |
6 ou máis | 200,00% |
3. Contía e límite temporal: 100% do custo ata un máximo do 100% do IPREM ou índice que o substitúa. Duración máxima seis (6) meses nun período máximo de doce (12) meses.
Excepcionalmente, se persisten as circunstancias e a necesidade farmacolóxica pode prorrogarse outros 6 meses nun período de 12 meses. Neste caso incorporarase ao expediente o informe social emitido pola traballadora social de referencia e a prescrición médica que así o acrediten.
4. Documentación: a documentación xeral do artigo 6 de esta ordenanza, máis a acreditación da súa prescrición polo persoal médico de referencia do sistema público de saúde.
ARTIGO 11.-OUTROS GASTOS EXCEPCIONAIS.
1. Concepto: gastos asociados a outras situacións de difícil previsión relacionadas con colectivos de especial vulnerabilidade social.
Nestes supostos, será preceptivo que no informe social emitido polo traballador ou traballadora social de referencia quede acreditado e se avalíe especificamente a excepcionalidade da situación e a súa extrema gravidade.
2. Límite de recursos da unidade de convivencia:
N.º. PERSOAS DA UNIDADE DE CONVIVENCIA | LÍMITE MÁXIMO DE INGRESOS (% IPREM) |
1 | 125,00% |
2 | 140,00% |
3 | 155,00% |
4 | 170,00% |
5 | 185,00% |
6 ou máis | 200,00% |
3. Contía e límite temporal: aboarase o 90% do gasto ata o máximo do 200% do IPREM, ou índice que o substitúa; e só se poderá conceder unha prestación por este concepto cada dous (2) anos.
4. Documentación: a documentación xeral do artigo 6 desta ordenanza, máis a acreditativa da necesidade, realidade e importe do gasto excepcional para o cal se solicita a prestación.
ARTIGO 12.-PRESTACIÓNS DE FOMENTO DO DEREITO Á EDUCACIÓN PARA ESTUDOS NON OBRIGATORIOS.
1. Concepto: gastos por mor de matrículas, materiais, desprazamentos, manutención ou outros destinadas a preescolar, estudantes de formación profesional, nos seus ciclos de grao medio e superior, bacharelato ou universidade do sistema educativo público; e demais formación complementaria asociada a un itinerario de inclusión cidadá.
2. Límite de recursos da unidade de convivencia independente: poderán ser solicitadas por alumnos e alumnas cuxas unidades de convivencia non superen os seguintes límites económicos:
N.º. PERSOAS DA UNIDADE DE CONVIVENCIA | LÍMITE MÁXIMO DE INGRESOS (% IPREM) |
1 | 125,00% |
2 | 140,00% |
3 | 155,00% |
4 | 170,00% |
5 | 185,00% |
6 ou máis | 200,00% |
Estas prestacións son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda, pública ou privada, polo mesmo concepto.
3. Contía e límite temporal: aboarase un pagamento único anual por importe máximo de:
CONCEPTO | IMPORTE (€) |
Escolarización non obrigatoria de 0-6 anos | 400 |
Estudos non universitarios | 100 |
Estudos universitarios ou de postgrao (primeira matrícula universitaria) | Total do custo, cun máximo de 1.000 |
Formación complementaria asociada a un itinerario de inclusión cidadá | 200 |
Complemento por transporte interurbano | 200 |
Complemento de manutención | 200 |
As persoas perceptoras quedan obrigadas a solicitar a correspondente bolsa ou axuda ao estudo na seguinte convocatoria, no caso de habela.
4. Documentación: a documentación xeral do artigo 6 desta ordenanza, máis a matrícula do curso en vigor.
ARTIGO 13.-INCOMPATIBILIDADES DAS PRESTACIÓNS DE EMERXENCIA SOCIAL.
1. As prestacións de emerxencia social para cobertura de necesidades básicas do artigo 7 desta ordenanza e as prestacións para mantemento e uso da vivenda do artigo 8 desta ordenanza son incompatibles:
a) Coa Renda Social municipal da cal sexa perceptora a solicitante ou calquera outra persoa da súa unidade de convivencia.
b) Coa Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA), ou prestación autonómica que a substitúa da cal sexa perceptora a solicitante ou calquera outra persoa da súa unidade de convivencia, e son subsidiarias desta; sen prexuízo do anterior, cando a persoa perceptora da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA), ou prestación autonómica que a substitúa, non percibise o complemento de alugueiro de dita prestación poderá compatibilizarse a percepción da citada renda coa prestación de emerxencia social para mantemento e uso da vivenda do artigo 8 desta ordenanza.
c) Calquera outro ingreso outorgado para a mesma finalidade, e do cal sexa perceptora a solicitante ou calquera outra persoa da súa unidade de convivencia.
2. O resto de prestacións de emerxencia social desta ordenanza son incompatibles:
a) Coas Axudas de Inserción Social (AIS) ou axudas autonómicas que as substitúan, sempre e cando a prestación de emerxencia social solicitada e a Axuda de Inserción Social (AIS) fosen para a mesma finalidade, e, ademais, aquelas serán subsidiarias destas.
b) Calquera outro ingreso outorgado para a mesma finalidade, e do cal sexa perceptora a solicitante ou calquera outra persoa da súa unidade de convivencia.
3. Todas as prestacións de emerxencia social son compatibles entre elas.
ARTIGO 14.-OBRIGAS DERIVADAS DO ACCESO A UNHA PRESTACIÓN DE EMERXENCIA SOCIAL.
A persoa perceptora dunha prestación municipal de emerxencia social terá as seguintes obrigas:
1. Cumprir co disposto na resolución administrativa, en particular destinar a contía económica da axuda á finalidade para a que esta foi concedida.
2. Xustificar suficientemente ante o concello o efectivo gasto da contía no concepto para o cal se concedeu a prestación.
3. Comunicar ao Concello calquera feito sobrevido posteriormente á solicitude en relación con calquera dos requisitos, en particular:
a) Calquera cambio relativo ao domicilio e residencia habitual (empadroamento ou residencia efectiva) da persoa perceptora, e das persoas da súa unidade de convivencia.
b) Acceso a un emprego ou prestación pública por parte da persoa perceptora, ou de calquera das persoas da súa unidade de convivencia.
c) Modificación dos recursos económicos da persoa perceptora, ou de calquera das persoas da súa unidade de convivencia que servisen de base para o cálculo.
d) Calquera modificación que afecte á composición da unidade de convivencia independente.
e) Calquera outra situación que puidese implicar a suspensión ou extinción temporal ou definitiva de calquera prestación.
En todo caso, as comunicacións de modificación de datos deberán facerse no prazo máximo de dez (10) días, contados a partir do momento en que acaeceron os feitos sobrevidos dos que se trate, e por calquera medio que permita ter constancia ao Concello de Teo.
4. Exercitar calquera dereito económico que puidese corresponder á persoa perceptora ou ás persoas da súa unidade de convivencia, segundo a lexislación vixente consonte, tanto con carácter previo á solicitude como durante o período de percepción das prestacións.
5. Cantas outras obrigas deriven desta ordenanza e da normativa complementaria vixente en cada momento.
ARTIGO 15.-TRAMITACIÓN.
A solicitude presentarase en calquera día do ano nos modelos formalizados establecidos polo Concello de Teo, achegando a documentación correspondente, preferentemente no rexistro municipal, sen prexuízo de poder ser presentada en calquera lugar dos previstos na normativa de procedemento administrativo.
Informarase á persoa solicitante do seu dereito a non presentar documentos que xa se atopen en poder do Concello de Teo, así como da posibilidade de autorizar a este para obter a información e documentación sobre eles en poder de terceiros, en particular das administracións públicas con competencias tributarias, laborais e de Seguridade Social.
ARTIGO 16.-RESOLUCIÓN.
A resolución de outorgamento corresponderá á Alcaldía. Deberá facer constar:
1. Contía da prestación.
2. Conceptos para os que se concede a prestación, no seu caso.
3. Límite temporal de concesión.
Poderá consistir nun pagamento único ou en varios.
A resolución poderá ser denegatoria polos seguintes motivos:
1. Non reunir os requisitos establecidos nesta ordenanza.
2. Falsear ou non permitir verificar a situación económica e social da unidade de convivencia.
3. Non ter xustificado de conformidade outras rendas, subvencións ou axudas concedida con anterioridade polo Concello de Teo.
4. Non existir consignación orzamentaria suficiente.
Denegada a prestación de emerxencia social por non existir consignación orzamentaria suficiente, poderá ditarse posteriormente, e tras o cumprimento do requisito de fiscalización previa, nova resolución estimatoria cando se aumente a dotación orzamentaria por calquera causa ou cando se inicie un novo exercicio orzamentario e exista crédito adecuado. Nestes casos, requirirase informe social municipal previo acreditativo de que continúan inalterables as mesmas circunstancias, de feito e de dereito, da persoa solicitante e das restantes integrantes da unidade de convivencia no momento de ser informada favorablemente a concesión da prestación.
ARTIGO 17.-DURACIÓN MÁXIMA DO PROCEDEMENTO.
O procedemento terá unha duración máxima de tres (3) meses desde a solicitude, podendo de oficio ou por petición de persoa interesada solicitarse unha ampliación de prazos nos termos previstos na normativa administrativa xeral vixente en cada momento.
Se transcorrido ese prazo non tivese recaído resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada.
Como excepción, para as prestacións para cobertura de necesidades básicas e para mantemento e uso da vivenda, os Servizos Sociais do Concello, unha vez achegada toda a documentación, elaborarán no prazo máximo de 10 días hábiles o informe e proposta de resolución, e logo da resolución poderá ser efectuado o pagamento de maneira anticipada.
ARTIGO 18.-TRAMITACIÓN SIMPLIFICADA.
A tramitación simplificada do procedemento será posible nos termos previstos na normativa administrativa xeral.
ARTIGO 19.-RECURSOS.
Contra a resolución recaída poderá formularse recurso de reposición diante do mesmo órgano que a ditou ou directamente recurso contencioso administrativo.
ARTIGO 20.-PAGAMENTO.
Para o caso de ser estimatoria a resolución, poderá efectuarse o pagamento inmediatamente.
Cando conste no expediente de concesión declaración da titular autorizando a cesión do seu dereito de crédito en favor dun terceiro/a previamente identificado/a procederase ao pagamento directo polo Concello a ese terceiro/a, ou á entidade ou entidades colaboradoras do Concello coas que este teña subscrito convenio para a provisión e prestación de bens e produtos de alimentación, hixiene, roupa e calzado mediante sistema de vales, bonos canxeables, tarxetas ou outro sistema similar. Neste último suposto, o pagamento efectuarase facilitando á perceptora unha tarxeta municipal onde conste cargado o importe correspondente a cada pagamento.
O pagamento poderá consistir nun pagamento único ou en varios, nos termos acordados na resolución de outorgamento.
ARTIGO 21.-XUSTIFICACIÓN.
Cada prestación xustificarase por medio das correspondentes facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa e, no seu caso, mediante a documentación acreditativa do pago. A xustificación terá lugar dentro do prazo máximo de dous (2) meses posteriores a cada pagamento.
ARTIGO 22.-REINTEGRO.
Procederase ao reintegro das cantidades percibidas e, no seu caso, á esixencia dos xuros de mora correspondentes dende a data de abono ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, cando se produza algunha das causas que se establecen na presente ordenanza.
A obriga de reintegro tamén será de aplicación no caso de que a persoa perceptora tivera percibido indebidamente ou en contía indebida a prestación municipal.
O procedemento de reintegro iniciarase de oficio, e rexerase polas disposicións xerais sobre procedementos administrativos contidas no título IV da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
O órgano competente para adoptar a resolución de reintegro total ou parcial de importes percibidos será o órgano que concedeu a prestación.
A resolución pola que se determine a obriga do reintegro da prestación será motivada, con indicación expresa da causa que orixina o deber de reintegro, indicará a contía que debe reintegrarse e o prazo voluntario para o seu ingreso, coa advertencia de que de non efectuar o reintegro no prazo concedido, procederase pola vía de constrinximento.
Contra a resolución recaída poderá formularse recurso de reposición diante do mesmo órgano que a ditou ou, directamente, recurso contencioso administrativo.
A obriga de reintegro será independente das sancións que, no seu caso, resulten esixibles.
Para os efectos previstos nos parágrafos anteriores, o Concello de Teo poderá recorrer de oficio á compensación ou desconto das contías indebidamente percibidas.
As contías que se obteñan, durante cada exercicio orzamentario, pola devolución e a compensación de prestacións indebidas deberán destinarse á cobertura das prestacións económicas reguladas na presente ordenanza nos termos establecidos nas bases de execución do orzamento.
ARTIGO 23.-SUSPENSIÓN, REVISIÓN E EXTINCIÓN.
As prestacións de emerxencia social poderán ser revisadas, suspendidas temporalmente ou extinguidas definitivamente no caso de existir indicios obxectivos de ter perdido, temporal ou definitivamente, os requisitos para o seu outorgamento, ou no caso de non cumprir algunha das obrigas previstas nesta ordenanza e no resto da normativa de aplicación.
No caso da perda temporal dalgún dos requisitos esixidos suspenderase a prestación se a previsión é que a temporalidade pola que se prevé que se alongue a dita circunstancia sexa igual ou inferior a 6 meses. No caso de que o tempo de perda dalgún dos requisitos sexa maior a 6 meses extinguirase o dereito á percepción da prestación de emerxencia social municipal.
O procedemento de suspensión, revisión ou extinción farase previa audiencia da persoa interesada, que deberá verificarse seguindo os trámites previstos na normativa xeral do procedemento administrativo común, podendo acordarse a suspensión do pagamento da prestación ou retención de pagamentos durante dous meses, ata a resolución de dito procedemento, que decidirá sobre o restablecemento da percepción da prestación, modificación ou extinción.
A percepción da prestación reiníciase ao concluír o prazo de suspensión por desaparición da causa ou causas determinantes da suspensión.
A competencia para a resolución do procedemento polo que se acorda a suspensión, restablecemento e no seu caso modificación ou extinción corresponderá á Alcaldía.
Contra a resolución recaída poderá formularse recurso de reposición diante do mesmo órgano que a ditou ou directamente recurso contencioso administrativo.
ARTIGO 24.-INFRACCIÓNS E SANCIÓNS ADMINISTRATIVAS.
O réxime de infraccións e sancións será o recollido nos Títulos IX e X da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.
O procedemento será tramitado conforme ao disposto na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
A competencia para a resolución dos procedementos sancionadores corresponderá á Alcaldía, con competencias en materia de servizos sociais.
A imposición de calquera sanción será, en todo caso, independente da obriga de reintegro das prestacións indebidamente percibidas.
DISPOSICIÓNS
DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA.-Modificación de límites cuantitativos.
O Pleno da Corporación poderá modificar os límites máximos de ingresos admisibles para a renda social municipal e as prestación de emerxencia social, así como as súas contías. A resolución modificativa será publicada na sede electrónica da Corporación e no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, e producirá efectos desde a antedita publicación.
DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA.-Instrucións.
A Alcaldía-Presidencia, ou concelleira/o en quen delegue, é o órgano municipal facultado para ditar cantas instrucións resulten necesarias para a adecuada interpretación, desenvolvemento e aplicación desta ordenanza.
DISPOSICIÓN ADICIONAL TERCEIRA
Igualdade de xénero. Dentro da unidade de convivencia, en caso de igualdade preferirase á muller como titular do dereito para o caso de resultar posible dentro dos límites desta ordenanza e sempre que non supoña perda de dereitos para esa unidade de convivencia ou discriminación por ese motivo.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA ÚNICA
Tramitacións derivadas da Ordenanza reguladora da prestación municipal de axudas para situacións de emerxencia social do Concello de Teo. Os expedientes en tramitación derivados de prestación de servizos sociais e de promoción e reinserción social iniciados ao abeiro da Ordenanza reguladora da prestación municipal de axudas de emerxencia social do Concello de Teo continuarán a súa tramitación ata a súa terminación de acordo coas normas previstas na citada ordenanza.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA ÚNICA.-Derrogación normativa.
Queda derrogada a Ordenanza Reguladora da Prestación Municipal de axudas para situacións de emerxencia social do Concello de Teo, publicada no BOP 267, do 21 de novembro do ano 2000.
DISPOSICIÓN FINAL.-Entrada en vigor.
A presente Ordenanza entrará en vigor unha vez publicado integramente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia e transcorrido o prazo previsto no artigo 65,2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:
¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."
Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.