Boqueixón - ORDENANZA SOBRE IMPOSTO SOBRE CONSTRUCCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS
Artigo 1.º.-Fundamento e natureza.
No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 100 a 103 da lei reguladora das facendas locais, este Concello estableceu o imposto sobre construcións, instalacións e obras para o que se aprobou a correspondente ordenanza fiscal.
Artigo 2.º.-Feito impoñible.
1.-Constitúe o feito impoñible do Imposto, a realización no termo municipal de Boqueixón de calquera construción, instalación ou obra, para a que se esixa a obtención da correspondente licenza urbanística, ou comunicación previa e declaración responsábel, obtivérase, ou non, a devandita licenza ou presentárase a declaración, sempre que a súa expedición corresponda a este Concello.
2.-Son construcións, instalacións e obras suxeitas ó imposto, todas aquelas na que a execución implique a realización do feito impoñible definido no apartado anterior; e en particular as seguintes:
a) As obras da nova planta e de ampliación de edificios, ou necesarias para a implantación, ampliación, modificación ou reforma de instalacións de calquera tipo.
b) As obras de modificación ou de reforma que afecten a estrutura, o aspecto exterior ou a disposición interior dos edificios, ou que incidan en calquera clase de instalacións existentes.
c) As obras provisionais.
d) A construción de vaos para a entrada e saída de vehículos das fincas na vía pública.
e) As construcións, instalacións e obras realizadas na vía pública por particulares ou polas empresas subministradoras de servizos públicos, que corresponderán tanto as obras necesarias para a apertura de calas e pozos, colocación de postes de soporte, canalizacións, conexións e, en xeral, calquera remoción do pavimento ou beirarrúas, como as necesarias para a reposición, reconstrución ou amaño do estragado coas calas mencionadas.
f) Os movementos de terra, tales como desmontes, explanacións, escavacións, terraplenados, salvo que estes actos estean detallados e programados como obras a executar nun proxecto de urbanización ou edificación aprobado ou autorizado.
g) As obras de peche dos solares ou dos terreos e dos valados, os andamios e as andamiaxes de precaución.
h) A nova implantación, a ampliación, a modificación, a substitución ou o cambio de emprazamento de todo tipo de instalacións técnicas dos servizos públicos, calquera que sexa seu emprazamento.
i) Os usos e instalacións de carácter provisorio.
l) A instalación, reforma ou calquera outra modificación dos soportes ou valados que teñan publicidade ou propaganda.
ll) As instalacións subterráneas dedicadas ós aparcamentos, as actividades industriais, mercantís ou profesionais, ós servizos públicos ou a calquera outro uso a que se destine o subsolo.
m) A realización de calquera outra actuación establecida polos plans de ordenación ou polas ordenanzas que lles sexan aplicables como suxeitas a licenza municipais, sempre que se trate de construcións, instalacións ou obras.
n) Derrubamentos.
ñ) Aliñacións e rasantes.
o) As que se realicen en cemiterios.
p) As declaracións de fóra de ordenación de edificacións existentes, que procedan.
q) Calquera outra construción, instalación ou obra que precise licenza de obra ou urbanística.
3.-Quedan tamén incluídas no feito impoñible do imposto, as construcións, instalacións e obras que se realicen en cumprimento dunha orde de execución municipal, ou aquelas outras que requiran a previa existencia dun acordo aprobatorio ou dunha concesión. Nestes supostos a licenza ou declaración aludida no apartado 1, considerarase outorgada unha vez ditada a orde de execución, adoptado o acordo ou adxudicada a concesión polos órganos municipais competentes, con cumprimento da tramitación preceptiva, e legalmente notificado o acto administrativo o interesado.
Artigo 3.º.-Supostos de non suxeición.
Non estarán suxeitas ao imposto regulado na presente ordenanza:
a) As obras, construcións e instalacións que, debendo ser entregadas ao Patrimonio Municipal, fosen executadas por outras administracións públicas en virtude de convenio de colaboración ou cooperación co Concello.
b) As obras, construcións e instalacións realizadas por entidades de interese público ou asociacións veciñais en bens de uso ou servizo público municipal, coa autorización previa do órgano correspondente.
c) As obras que consistan en construción e reconstrución de muros, como consecuencia da necesidade de ensanche das vías públicas, se efectuouse a cesión gratuíta dos terreos polos propietarios.
d) As obras, construcións e instalacións que promovan dentro do termo municipal de Boqueixón, a Mancomunidade de Concellos de Compostela.
e) A execución de obras de urbanización realizadas polos propietarios afectados, sempre e cando se entreguen posteriormente ao Patrimonio municipal.
f) As obras realizadas nos centros públicos e nos centros privados concertados, sempre que estas se realicen nos niveis de educación obrigatoria.
Artigo 4.º.-Exencións.
Esta exenta do pagamento do imposto a realización de calquera construción, instalación ou obra da que sexa dono o Estado, as comunidades autónomas ou as entidades locais, que estando suxeitas a este, sexan directamente destinadas a carreteiras, ferrocarrís, portos, aeroportos, obras hidráulicas, saneamentos de poboacións e das súas augas residuais, aínda que a súa xestión se leve a cabo por organismos autónomos, tanto si se trata de obras de inversión nova, coma de conservación.
A concesión ou denegación da exención será efectuada pola Xunta de Goberno Local, previo informe dos servizos económicos.
Artigo 5.º.-Suxeitos pasivos e substitutos do contribuínte.
1.-Son suxeitos pasivos deste imposto a título de contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, que sexan donos das construcións, instalacións ou obras, sexan ou non propietarios do inmoble sobre o que se realicen aquelas.
Ós efectos deste punto terán a consideración de donos das construcións instalacións ou obras quen soporten os gastos ou costos que comporten a súa realización.
2.-Teñen a consideración de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte, no caso de que a construción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte, quen soliciten as correspondentes licenzas ou fagan as comunicacións previas ou realicen as construcións, instalacións ou obras .
Para a aplicación deste apartado considerarase substituto de primeiro grado ao solicitante da licenza ou presentación da comunicación previa e contra este obrigado exercitarase a acción administrativa dirixida ao cobro do imposto. Cando non exista solicitude de licenza ou comunicación previa esixirase a presentación da declaración e o ingreso, á empresa que realice a construción, instalación ou obra.
3.-O substituto poderá esixir do contribuínte o importe da cota tributaria satisfeita.
Artigo 6.º.-Base impoñible.
A base impoñible do imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra; e se entende por tal, a estes efectos, o custo de execución material de aquela.
Non formarán parte de dita base o imposto sobre o valor engadido e demais impostos análogos propios de réximes especiais, as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas, no seu caso, coa construción, instalación ou obra, nin os honorarios de profesionais, o beneficio empresarial do contratista, nin calquera outro concepto que non integre o custo de execución material.
Artigo 7.º .-Tipo de gravame e cota tributaria.
1.-A cota íntegra do imposto será o resultado de aplicar á base impoñible o seguinte tipo de gravame:
Tipo único: 1,9%.
2.-A cota líquida do imposto será, no seu caso, o resultado de aplicar a cota, as bonificacións que se establecesen no artigo 9.º desta ordenanza, cando procedan.
Artigo 8.º.-Devengo do imposto.
1.-A obriga de contribuír nace no intre de se comezar a construción, instalación ou obra, mesmo nos casos en que se comece sen ter obtido a licenza que proceda, ou presentada a declaración responsábel ou comunicación previa.
2.-Para aos efectos deste imposto, entenderanse iniciadas as construcións, instalacións ou obras, salvo proba en contrario, nos seguintes casos:
a) No suposto de precisar licenza urbanística, cando esta fose concedida, no momento no que sexa notificada e recibida polo interesado (ou o seu representante), o Acordo de concesión da mesma, polo Órgano municipal competente.
b) No suposto de precisar a presentación de declaración responsábel ou comunicación previa, deberá estar abonado o imposto, á data do rexistro de entrada.
c) No suposto de se iniciar as construcións, instalacións ou obras, sen solicitar a correspondente licenza urbanística, ou sen ter presentado a declaración responsábel ou comunicación previa, nos casos nos que sexa procedente, entenderanse iniciadas na data na que se dite o acto administrativo polo que a Administración tome coñecemento, por calquera medio, da execución das amentadas construcións, instalacións ou obras.
Artigo 9.º.-Bonificacións.
Primeira.-Cando se conceda a licenza preceptiva, ou se presente a declaración responsábel ou comunicación previa, ou cando non habéndose solicitado, concedido ou denegado a dita licenza, ou presentado a declaración responsábel ou comunicación previa, se inicie a construción, instalación ou obra, practicarase unha liquidación provisional a conta, determinándose a base impoñible:
a) En función do orzamento presentado polos interesados, sempre que fose visado polo colexio oficial correspondente, cando isto constitúa un requisito preceptivo.
b) Cando a ordenanza fiscal así o estableza, en función dos índices ou módulos que esta sinale ao efecto.
Unha vez finalizada a construción, instalación ou obra, e tendo en conta o custo real e efectivo, o Concello, mediante a oportuna comprobación administrativa, modificará, no seu caso, a base impoñible á que se refire o apartado anterior, practicando a correspondente liquidación definitiva, e esixindo ao suxeito pasivo, ou reintegrándolle, no seu caso, a cantidade que corresponda.
Segunda.-As construcións, instalacións ou obras terán as seguintes bonificacións na cota:
a) Fomento de emprego.
1.-De acordo co establecido no artigo 103.2 do Real decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora de Facendas Locais, terán dereito a unha bonificación de ata o 95 para as construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración. A gradación da porcentaxe de bonificación aplicarase do seguinte xeito:
a) Un 95 por cento da cota íntegra pola creación de máis de 20 postos de traballo.
b) Un 75 por cento da cota íntegra polo creación de entre 11 e 20 postos de traballo.
c) Un 50 por cento da cota íntegra pola creación de ata 10 postos de traballo.
Esta bonificación será de aplicación unicamente a aquelas construcións, instalacións ou obras destinadas á implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como a aquelas outras que consistan nunha ampliación das instalacións sempre e cando implique creación de emprego.
2.-Para o goce desta bonificación, os interesados xunto coa solicitude de licenza deberán presentar un escrito solicitando a bonificación acompañado de:
Copia do recibo do imposto sobre bens inmobles, correspondente ó terreo onde se vai levar a cabo a obra, instalación ou construción ó que se refire a solicitude de bonificación. No caso de que non se dispoña deste, certificación expedida pola Xerencia Territorial do Catastro de A Coruña, no que se faga consta-la referencia catastral do terreo onde se vai construír o referido inmoble.
Escrituras públicas de propiedade onde acrediten que a empresa ou o autónomo/a solicitante da bonificación é titular do ben inmoble afecto á actividade económica ou empresarial.
Declaración responsable do representante legal da empresa no que indique o número de postos creados acompañados dos correspondentes contratos laborais.
Compromiso de presentación da declaración censual do IAE
3.-Á vista da documentación presentada, o Pleno do Concello de Boqueixón ditará resolución concedendo ou denegando a bonificación solicitada. A bonificación concederase polo pleno condicionada a comprobación da efectiva creación e mantemento das prazas. A comprobación delegase polo pleno en Xunta de Goberno Local, e realizarase da seguinte maneira:
A empresa beneficiaria da bonificación deberá presentar nos 30 días seguintes a que remate o prazo dun ano dende a data de fin de obra, os RNT (antigo TC2), correspondentes ao ano de inicio da actividade. No caso de non ter un ano completo de actividade empresarial estará obrigado a presentar os correspondentes dende o inicio efectivo da actividade co compromiso de presentación do resto ata completar un ano, ao efectos de poder comprobar polo Concello a creación e mantemento dos postos de traballo que deron lugar a bonificación.
Os postos de traballo serán valorados pola Xunta de goberno local como media de postos existentes en cada exercicio na empresa.
No caso de que se verifique que o número de postos creados non sexa igual ao do tramo de bonificación concedida, senón inferior, dará lugar a perda automática da bonificación.
A perda da bonificación implicará que no momento no que se emita a liquidación definitiva polo Concello aplicarase a cota íntegra do imposto sobre o importe total da obra realmente executada.
a) Establécese unha bonificación do 95% da cota, para as construcións, instalacións ou obras, nas que se incorporen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar. A aplicación desta bonificación estará condicionada a que as instalacións para produción de calor, inclúan colectores que dispoñan da correspondente homologación da Administración competente. A tal efecto, os interesados, con anterioridade ao devengo do imposto, deberán presentar a solicitude no Concello achegando; o proxecto técnico visado polo Colexio Oficial correspondente, acreditativo da incorporación á construción, instalación ou obra, de instalacións de enerxía solar térmica ou de enerxía solar fotovoltaica para autoconsumo, así como da homologación dos colectores empregados para a produción de calor.
b) Establécese unha bonificación do 50% da cota, para as construcións, instalacións ou obras vinculadas a plans de fomento das inversións privadas en infraestruturas. Para poder disfrutar desta bonificación, deberán achegarse os referidos plans de fomento de inversión aos que se vincula a construción, obra ou instalación. A tal efecto, os interesados con anterioridade ao devengo do imposto, deberán presentar a solicitude da bonificación no Concello.
d) Establecese unha bonificación do 50% da cota, para as construcións, instalacións ou obras, referentes a vivendas de protección oficial. A tal efecto, os interesados, con anterioridade ao devengo do imposto, deberán presentar a solicitude no Concello, achegando a cédula de cualificación provisional como VPO, emitida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, ou declaración, ou visado emitido polo mesmo Instituto, considerando protexida a actuación en que consiste a construción, instalación ou obra.
e) Establécese unha bonificación do 90% sobre a cota para as construcións, instalacións ou obras, que favorezan as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados. A tal efecto, os interesados, con anterioridade ao devengo do imposto, deberán presentar a solicitude no Concello, achegando a documentación xustificativa de tal circunstancia.
Terceira.-As bonificacións previstas neste artigo esixirán:
a) Informe dos servizos municipais correspondentes (Urbanismo, Cultura, Emprego, Medio Ambiente, que sexan procedentes).
b) Acordo do Pleno e, no seu caso da Xunta de Goberno Local.
Artigo 10.º.-Normas de xestión.
1.-Os suxeitos pasivos virán obrigados a presentar a solicitude de licenza, ou comunicación previa con declaración responsábel, acompañada dos correspondentes orzamentos, nos casos e modos que sinala a normativa aplicable ao solo e á edificación, tanto estatal, como autonómica e local. A solicitude de licenza, ou a comunicación previa, terá o valor de declaración tributaria, por canto dos orzamentos que acompañan a aquelas, deducirase a base impoñible do imposto. De non mediar solicitude de licenza ou comunicación previa, antes do inicio das obras, a conduta, sen prexuízo das súas repercusións urbanísticas, constituirá unha infracción tributaria, segundo o disposto no artigo 11, desta Ordenanza.
2.-Concedida a licenza, ou adoptado o acordo aprobatorio, ou autorización en relación coas construcións, instalacións e obras, que se realicen en cumprimento dunha orde de execución municipal e, en todo caso, no prazo máximo dun mes, contado a partir do momento no que se inicie a construción, instalación ou obra, incluso cando non fose solicitada, concedida ou denegada, aínda a devandita licenza, ou presentada a comunicación previa, o suxeito pasivo estará obrigado a abona-la liquidación pertinente nos prazos establecidos no artigo 62.2 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria, sen que o pagamento comporte ningún tipo de acto declarativo de dereito a prol daqueles.
A base impoñible para esta liquidación, determinarase en función do orzamento presentado polos interesados, sempre que o mesmo estivera visado polo Colexio Oficial correspondente, cando elo constitúa un requisito preceptivo. Tamén se poderá practicar a liquidación, en base ao orzamento que se presente, asinado por técnicos competentes, ou empresas construtoras (no caso de obras menores). Noutro caso, a base impoñible será determinada pola oficina técnica municipal, en función dos módulos previstos na presente ordenanza, e que figuran como anexo da mesma.
3.-O pagamento da liquidación practicada terá carácter provisorio, e será á conta da liquidación definitiva que se practique, unha vez rematadas as construcións, instalacións ou obras.
4.-Tendo en conta a obra realizada, e o seu custo real e efectivo, o Concello, previa comprobación, poderá modifica-la base impoñible a que se refiren os apartados anteriores, facendo a correspondente liquidación definitiva, e esixindo, ou reintegrando ó suxeito pasivo, da cantidade que resulte.
Para estes efectos, e no caso de que se modificara o proxecto inicial das construcións, instalacións ou obras, e se incrementara o orzamento, unha vez aceptada a modificación pola Administración municipal, os suxeitos pasivos están obrigados a facer o ingreso da liquidación complementaria pola diferenza entre o orzamento inicial e o modificado, con suxeición a prazos, requisitos e efectos indicados nos apartados anteriores.
5.-No caso de que non se executen as construcións, instalacións ou obras, o interesado terá dereito á devolución do ingresado, unha vez que formule renuncia expresa á licenza, ou caducara a licenza, ou á correspondente comunicación previa.
6.-Nos supostos de licencias concedidas, en virtude da aplicación das normas sobre silencio administrativo, o pagamento do imposto deberá realizarse antes de dar comezo as obras.
Artigo 11.º.-Infraccións e sancións.
Para todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias e a imposición das sancións correspondentes, rexerá o disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral tributaria.
Disposición adicional única
As modificacións que se introduzan na regulación do imposto, polas leis de orzamentos xerais do Estado ou por calquera outra lei ou disposición, e que resulten de aplicación directa, producirán, no seu caso, a correspondente modificación tácita da presente ordenanza fiscal.
Disposición final
A presente ordenanza foi modificada incluíndo unha bonificación por fomento de emprego, no Pleno da corporación en sesión realizada o día ¿... de¿¿. de 2018, e publicada no BOP n.º _____ de ___________:
ANEXO
1.-OBRAS MENORES E MAIORES
1.1.-Demolicións:
1.1.1.-Demolición de muros: 14,89 €/m2.
1.1.2.-Demolición de tabiques: 3,96 €/m2.
1.1.3.-Levantado de solainas: 4,33 €/m2.
1.1.4.-Picado de azulexados e revestimentos: 5,19 €/m2.
1.1.5.-Demolición de forxados: 9,69 €/m2.
1.1.6.-Demolición completa 9,37 €/m2.
1.2.-Movemento de terras:
1.2.1.-Escavación de gabias: 7,76 €/m3.
1.2.2.-Escavación de baleirado: 2,14 €/m3
1.2.3.-Recheo de gabias: 11,12 €/m3.
1.2.4.-Recheo de ceo aberto: 6,42 €/m3.
1.2.5.-Carga e transporte de terras a vertedoiro: 4,36 €/m3.
1.2.6.-Tubos de canalización: 3,64 €/m.
1.3.-Peches:
1.3.1.-Peche de estacas e arame: 3,64 €/m.
1.3.2.-Peche de tea: 19,33 €/m.
1.3.3.-Peche de zócalo fábrica e tea: 31,11 €/m.
1.3.4.-Peche de fábrica h. 1 m: 23,51 €/m.
1.3.5.-Peche de zócalo fábrica e celosía: 44,99 €/m.
1.3.6.-Peche de cachotería e celosía: 72,62 €/m.
1.3.7.-Peche de cachotería e reixa: 34,59 €/m.
1.3.8.-Colocación de columna para contador da luz: 193,61 €/ud.
1.4.-Cuberta:
1.4.1.-Demolición de cuberta de fibrocemento: 2,09 €/m2.
1.4.2.-Demolición de cuberta de tella: 3,64 €/m2.
1.4.3.-Cuberta de fibrocemento: 13,17 €/m2.
1.4.4.-Cuberta de tella: 31,11 €/m2.
1.4.5.-Cuberta de lousa: 44,99 €/m2.
1.4.6.-Substitución de tella por fibrocemento: 17,30 €/m2.
1.4.7.-Substitución de tella por tella: 27,68 €/m2.
1.4.8.-Substitución de tella por fibrocemento e tella: 38,07 €/m2.
1.5.-Albanelería:
1.5.1.-Formigón en masa: 8,10 €/m3.
1.5.2.-Estrutura completa de formigón armado: 57,41 €/m2.
1.5.3.-Estrutura completa de aceiro: 62,93 €/m2.
1.5.4.-Estrutura naves de formigón armado: 35,98 €/m2.
1.5.5.-Estrutura naves metálica: 42,89 €/m2
1.5.6.-Soleira: 15,20 €/m2.
1.5.7.-Forxado: 48,42 €/m2.
1.5.8.-Muro de contención de formigón armado: 51,90 €/m2.
1.5.9.-Muro de cachotería: 103,74 €/m2.
1.5.10.-Muro de bloque: 24,20 €/m2.
1.5.11.-Muro de ladrillo (tabiquería): 12,48 €/m2.
1.5.12.-Cerramento de dobre folla de ladrillo: 35,93 €/m2.
1.5.13.-Celosía, balaustrada: 26,24 €/m2.
1.5.14.-Azulexado: 17,30 €/m2.
1.5.15.-Solaina: 24,90 €/m2.
1.5.16.-Enfuscado: 9,00 €/m2.
1.6.-Pinturas:
1.6.1.-Pintura interior: 4,12 €/m2.
1.6.2.-Pintura exterior: 6,59 €/m2.
1.7.-Galpóns:
1.7.1.-Galpón de bloque ou ladrillo: 141,76 €/m2.
1.7.2.-Galpón de madeira: 72,62 €/m2.
1.8.-Carpintería:
1.8.1.-Porta de entrada: 242,09 €/m2.
1.8.2.-Porta interior: 107,12 €/ud.
1.8.3.-Fiestra: 146,85 €/m2.
1.8.4.-Fiestra en plano de tellado: 152,21 €/m2.
1.8.5.-Peche de balcóns e terrazas con galería: 138,34 €/m2.
1.8.6.-Reixa de seguridade e portas e fiestras: 44,99 €/m2.
1.8.7.-Fronte de portal: 117,61 € m2.
1.9.-Instalación de fontanería e saneamento:
1.9.1.-Instalacións en aseo (sen aparatos sanit.): 152,21 €/ud.
1.9.2.-Instalacións en baños (sen aparatos sanit.): 200,63 €/ud.
1.9.3.-Instalación de cociña: 172,89 €/ud.
1.9.4.-Lavado incluso billame: 172,89 €/ud.
1.9.5.-Inodoro: 186,75 €/ud.
1.9.6.-Bidé incluso billame: 141,36 €/ud.
1.9.7.-Bañeira incluso billame: 165,98 €/ud.
1.10.-Instalación de electricidade:
1.10.1.-Instalación de electricidade: 1.245,00 €/ud.
1.11.-Instalación de calefacción:
1.11.1.-Instalación. Mínimo ata 100 m2: 3.804,15/ud. 13,87 €/m2.
1.12.-Pozos:
1.12.1.-Pozo de barrena: 1.314,14 €/ud.
1.12.2.-Pozo artesán: 1.729,13 €/ud.
1.13.-Depuración:
1.13.1.-Fosa séptica e pozo filtrante: 1.245,00 €/ud.
1.14.-Piscinas:
1.14.1.-Piscina completa. Mínimo: 10.374,89 €/ud.
1.15.-Pistas:
1.15.1.-Pista deportiva: 69,09 €/m2.
1.15.2.-Beirarrúa: 17,99 €/m2.
1.16.-Guindastre:
1.16.1.-Guindastre: 300 €/ud.
1.17.-Colocación de andamios:
1.17.1.-Colocación de andamios: 30,00 €/ud.
2.-OUTRAS OBRAS MAIORES
Relación de prezos medios de execución material (m2 construído).
Uso de vivenda en edificio de vivendas plurifamiliares: 390,08 €/m2.
Outros usos en edificio de vivendas plurifamiliares:
Espazos baleiros, sotos, semisotos e garaxes: 155,10 €/m2.
Usos de vivenda unifamiliar: 465,11 €/m2.
Outros usos en edificio de vivenda unifamiliar:
Espazos baleiros, sotos, semisotos e garaxes: 150,59 €/m2.
Edificios con uso exclusivo industrial.
Sen proceso produtivo: 193,83 €/m2.
Edificio con uso exclusivo terciario: 348,68 €/m2.
Acondicionamento ou reforma de locais comerciais: 338,68 €/m2.
NOTA.-No caso de que unha obra non atope un encadre directo nas distintas aquí tipificadas, aplicaráselle a tarifa que máis se aproxime por identidade de razón entre os supostos tipificados neste anexo, salvo que o suxeito pasivo aduza razóns suficientes para desestima-la valoración realizada".