Baña A - ORDENANZA REGULADORA DA OCUPACIÓN DA VÍA PÚBLICA CON MESAS, CADEIRAS E OUTROS ELEMENTOS MÓBILES

Publicación provisional: 23/06/2017 BOP Nº: 118
Publicación definitiva: 21/08/2018 BOP Nº: 158
Aplicable dende: 07/09/2018

TÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS

ARTIGO 1. Fundamento Legal e Obxecto

Esta Corporación, en uso das competencias que lle confire o artigo 25.2.m) da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, establece a través desta Ordenanza a regulación dos aproveitamentos privativos ou especiais de terreos municipais de uso público mediante a instalación de mesas, cadeiras, antucas, toldos e demais bens mobles que se autoricen con finalidade lucrativa neste termo municipal.

ARTIGO 2. Solicitantes

Poderán solicitar autorización para instalación de terrazas ou veladores as persoas físicas ou xurídicas que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ser titular da licenza de apertura dun establecemento destinado á actividade de café, bar, restaurante, mesón, xeadaría ou similar.

2. Estar ao corrente do cumprimento das obrigacións tributarias con este Concello.

3. Abonar a taxa correspondente de conformidade co disposto na Ordenanza Fiscal reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras e outros elementos móbiles.

ARTIGO 3. Definicións

1. A efectos desta ordenanza enténdese por terraza a instalación en espazos de uso público dun conxunto de mesas, as súas correspondentes cadeiras e elementos auxiliares tales como antucas, toldos, mobiliario e estruturas temporais análogas. En ningún caso se permite a instalación de máquinas ou outros mobles.

2. Considérase velador o conxunto composta por mesa e catro cadeiras.

TÍTULO II. REQUISITOS PARA A INSTALACIÓN

ARTIGO 4. Condicións da Vía Pública

1. Só se concederá autorización cando o establecemento solicitante estea situado nunha vía pública cuxas características permitan a ocupación sen causar prexuízo ou detrimento ao tránsito peonil e á libre circulación de persoas, e sempre que do aproveitamento non derive perigo para a seguridade das persoas e bens nin interrompa a evacuación do local propio ou dos lindeiros.

2. A terraza non poderá afectar os accesos a locais ou edificios contiguos nin invadirá os espazos de escaparates doutros establecementos. Así mesmo, non poderá interromper o acceso a pasos de peóns.

3. A autorización para ocupación da vía pública con veladores non implica autorización algunha para efectuar obras no pavimento.

4. O número de veladores autorizados determinarase en función das condicións da vía pública na que se pretenda instalar.

5. A superficie susceptible de ser ocupada, será con carácter xeral a de a beirarrúa lindeira co establecemento, salvo en supostos en que pola estreiteza da vía ou outras circunstancias poida ser autorizada nas proximidades do local, sempre que non prexudique os intereses de establecementos lindeiros.

6. Non se instalarán terrazas fronte a pasos de peóns nin a vaos de vehículos.

7. O paso libre en veladores descubertos será igual ou superior ao sinalado pola normativa autonómica e estatal vixente en materia de accesibilidade.

8. O mobiliario será apilable e non se almacenará na vía pública.

ARTIGO 5. Mobiliario.

O mobiliario que compoña a terraza deberá cumprir as normas de calidade e seguridade legalmente esixibles. O diseño, materiais empregados e cores gardarán harmonía co entorno.

O pleno da corporación, a proposta dos servizos técnicos municipais, poderá aprobar catálogos detallados de estruturas e mobiliario adaptado ás peculiaridades urbanísticas das rúas ou lugares. Ditos catálogos serán publicados no BOP como Anexo á presente Ordenanza.

ARTIGO 6. Terrazas Cubertas

1. Poderanse instalar terrazas cubertas desmontables, autoportantes, mesmo pechadas, con carácter temporal, sempre que o seu emprazamento e características sexan correctos desde o punto de vista urbanístico, a xuízo razoado dos técnicos municipais. Cando se pretenda unha instalación permanente, esta será obxecto de concesión administrativa.

2. As terrazas poden ser encostadas ou exentas, en todo caso deben cumprir os seguintes requisitos:

1. O conxunto será predominantemente transparente, a estrutura será lixeira, de madeira, aluminio, vidro, etc, non podendo exceder ningún elemento da construción a liña baixo forxado do primeiro andar do edificio en en ningún caso os 3,00 m de altura.

2. A dimensión máxima da terraza exterior (calquera das súas fachadas) non poderá exceder a dimensión da fachada á que está adscrita (fachada do local á que dá fronte).

3. Autorízase unha soa terraza por local.

4. As acometidas de servizos serán supervisadas polos servizos municipais.

3. O solicitante presentará proxecto técnico de terraza, sinalando cores e características da ancoraxe, o cal será informado polos Servizos Técnicos Municipais e aprobado polo Alcalde ou Concelleiro en quen delegue.

TÍTULO III. PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN DE AUTORIZACIÓNS

ARTIGO 7. Solicitudes

1. A solicitude de primeiro aproveitamento deberá reunir a seguinte documentación:

a) Titular da licenza de apertura e representante, no seu caso.

b) Nome comercial e dirección do establecemento.

c) Copia da licenza municipal de apertura a favor do solicitante

(comprobarase e incorporarase de oficio ao expediente).

d) Plano de situación do local.

e) Plano a escala 1:100 e acoutado da terraza sinalando:

¿ Implantación da terraza.

¿ Zonas de tránsito peonil afectadas (pasos de peóns, farois, zonas axardinadas, etc.).

¿ Superficie solicitada.

f) Fotografía do lugar.

g) Memoria descritiva de materiais e cores.

h) Certificado da Tesouraría Municipal de acharse ao corrente do cumprimento das obrigacións tributarias con este Concello (Incorporarase de oficio).

i) Acreditación do ingreso previo da taxa.

j) Autorización do titular do local ou do presidente da comunidade no caso de que a superficie de ocupación exceda a fachada do local ao que serven e afecten a establecementos lindeiros ou a elementos comúns dun inmoble.

k) Copia da póliza do seguro de responsabilidade civil e o pago periódico que acredite a súa vixencia.

2. A solicitude presentarase durante o primeiro trimestre do ano, salvo establecementos de nova apertura.

ARTIGO 8. Autorización

1. Presentada a solicitude e documentación esixida no artigo 7, os Servizos Técnicos Municipais emitirán informe sobre a procedencia da autorización sinalando se a instalación da terraza causa prexuízo ou detrimento ao tránsito peonil, propondo, no seu caso, a redución do número de veladores solicitado, ou un lugar alternativo de localización.

2. A autorización concederase polo Alcalde ou Concelleiro en quen delegue e terá vixencia durante unha tempada, entendendo por tempada o período comprendido entre o 1 de maio e o 30 de setembro, ambos inclusive.

A tempada ordinaria poderá anticiparse ou prolongarse por razóns de conveniencia ou oportunidade apreciadas discrecionalmente polos órganos municipais competentes.

De igual modo poderá autorizarse a instalación fóra da tempada ordinaria con motivo da celebración de festexos ou outros eventos sociais.

3. A tarifa por tempada non será reducible, aínda que o aproveitamento non teña lugar a totalidade dos días. No entanto, durante o transcurso da tempada o titular pode renunciar ao aproveitamento comunicándoo á Administración Municipal e nese caso terá dereito á devolución da diferenza entre a taxa por tempada e a cota resultante da liquidación que corresponda polos días de efectiva ocupación, calculando esta de acordo co que determine a correspondente Ordenanza Fiscal.

ARTIGO 9. Renovación das Autorizacións

1. Os titulares de establecementos poderán solicitar a renovación da autorización durante os anos seguintes sempre que non se altere ningunha das condicións de mobiliario, vía pública ou calquera outra á que se suxeitou a primeira licenza.

2. Dita renovación solicitarase no primeiro trimestre do ano, previo pago da taxa por ocupación da vía pública prevista na Ordenanza Fiscal e terá vixencia durante o ano natural para o que se solicite.

3. Cando se modificara algunha das condicións a que se suxeita a primeira licenza, deberase solicitar de igual forma que no primeiro aproveitamento.

ARTIGO 10. Revogación

As autorizacións para a ocupación da vía pública con mesas, cadeiras e outros elementos móbiles con finalidade lucrativa terán carácter discrecional e poderán ser modificadas, condicionadas ou revogadas en calquera momento en aras do interese público sen dereito a indemnización algunha para o titular.

ARTIGO 11. Obrigacións dos Titulares

O titular da autorización queda sometido ás seguintes obrigacións:

1. Retirada do mobiliario da terraza da vía pública durante as horas en que o establecemento permaneza pechado ao público.

2. Mantemento do espazo público ocupado en perfectas condicións de limpeza.

3. Exhibición da autorización municipal na propia instalación, sinalando vixencia, número de mesas autorizadas e planos que serviron de base á concesión da licenza.

4. Evitar todo tipo de molestias ou incomodidades a terceiros.

5. Pago da taxa por ocupación de vía pública segundo a correspondente Ordenanza Fiscal.

TÍTULO IV. RÉXIME SANCIONADOR

ARTIGO 12. Infraccións

1. Tipifícanse como infraccións leves as seguintes:

a) A instalación de mesas, cadeiras, antucas e toldos nas zonas de dominio público sen a autorización requirida, cando poida ser obxecto de legalización posterior.

b) O incumprimento dalgunha das prescricións impostas na autorización outorgada.

c) A non retirada da terraza dentro do horario autorizado.

d) O uso da vía pública como almacén ou depósito do mobiliario.

e) As accións ou omisións con inobservancia ou vulneración das prescricións establecidas nesta ordenanza e non tipificadas na mesma como infraccións graves ou moi graves.

2. Tipifícanse como infraccións graves as seguintes:

a) A posta en funcionamento de aparellos prohibidos na autorización outorgada.

b) Non prestar a colaboración necesaria para facilitar a vehículos autorizados ou de servizos de urxencia a circulación pola vía en que se realiza a ocupación.

c) A instalación de mesas, cadeiras, antucas e toldos nas zonas de dominio público sen a autorización requirida, cando non poida ser obxecto de autorización.

d) A reiteración ou reincidencia a comisión dunha mesma infracción leve máis de dúas veces dentro dun período de 4 meses.

3. Tipifícanse como infraccións moi graves as seguintes:

a) As instalacións de mesas, cadeiras, antucas e toldos nas zonas de dominio público non autorizable que orixine situacións de risco grave para a seguridade viaria.

b) As cualificadas como graves cando exista reincidencia.

ARTIGO 13. Sancións

Conforme ao disposto no artigo 141 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, que fixa os límites das sancións económicas por infracción de Ordenanzas locais, salvo previsión legal distinta, establécense as seguintes contías, en función da gravidade das infraccións.

1. As faltas leves sancionaranse con multa de até 750,00 € ou apercibimento.

2. As faltas graves sancionaranse con:

¿ Multa de 750,01 € a 1.500,00 €.

¿ Suspensión temporal da autorización, de 1 a 4 meses, en caso de reiteración de faltas graves, sen dereito á devolución da taxa abonada que se corresponda co período de suspensión, e sen posibilidade de solicitar unha nova autorización en devandito período.

3. As moi graves sancionaranse con:

¿ Multa de 1.500,01 euros, a 3.000,00 euros.

¿ Revogación definitiva da autorización polo período que se solicitou, sen posibilidade de solicitar unha nova autorización durante o mesmo ano e sen dereito á devolución da taxa abonada polo período que reste até a súa finalización.

4. Para determinar a contía ou natureza da sanción que debe imporse atenderase aos seguintes criterios:

¿ A natureza da infracción.

¿ Trastorno producido.

¿ O grao de intencionalidade.

¿ A reincidencia na comisión de infraccións.

¿ A reiteración, aínda non sancionada previamente, na comisión da mesma infracción.

ARTIGO 14. Procedemento Sancionador

1. Para impor sancións ás infraccións previstas na presente ordenanza deberá seguirse o procedemento sancionador regulado na Lei 40/2015, de 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público e o título XI da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local.

2. As infraccións aos preceptos desta ordenanza serán sancionadas polo Alcalde a proposta dos servizos competentes, quen instruirán os oportunos expedientes.

3. Serán responsables das infraccións ás normas desta ordenanza os titulares das autorizacións, estean ou non presentes no momento da infracción.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente Ordenanza entrará en vigor ao quince días da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia de conformidade cos artigos 65.2 e 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, permanecendo en vigor até a súa modificación ou derrogación expresa.

En tanto non se produza a entrada en vigor, aplicarase o réxime transitorio acordado polo concello Pleno, no que se terán en conta as normas recollidas no anterior texto articulado.