Boqueixón - ORDENANZA REGULADORA DAS AXUDAS DE EMERXENCIA SOCIAL DO CONCELLO DE BOQUEIXÓN

Publicación provisional: 24/07/2018 BOP Nº: 140
Publicación definitiva: 20/09/2018 BOP Nº: 180
Aplicable dende: 08/10/2018

Exposición de motivos

Nos últimos anos, o contexto socioeconómico no noso país está a potenciar e incrementar o desenvolvemento, por parte da administración local, de medidas que garantan á cidadanía a cobertura das necesidades básicas, ao considerar, entre outras, as graves consecuencias da crise económica, a falta de emprego, o deterioro das condicións laborais, a perda de capacidade adquisitiva incluso das persoas que desempeñan actividade laboral, etc.

O Concello é a única administración que pode ofrecer unha resposta rápida e urxente ás necesidades da súa veciñanza. A súa intervención neste sentido ampárase no marco lexislativo xeral e específico dos servizos sociais, onde existen numerosas referencias que confiren a esta administración potestade para establecer e regular este tipo de recursos. Entre elas podemos atopar:

- A Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración Local. No seu artigo primeiro, apartado oito modifica, entre outros, ao artigo 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, quedando redactado do seguinte xeito o artigo 25.2.e): ¿O municipio exercerá, en todo caso como competencias propias, nos termos da lexislación do Estado e das Comunidades Autónomas, nas seguintes materias: e) avaliación e información de situacións de necesidade social e a atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social".

- A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, onde quedan recollidas as competencias, actuacións e funcións dos servizos sociais comunitarios, concretando un catálogo de servizos sociais.

- O Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, onde se establece de forma máis ampla o contido de cada un dos programas e servizos sociais comunitarios básicos.

O Concello de Boqueixón precisa contar cunha ordenanza áxil e efectiva, de forma que poida conciliarse a atención ás persoas con escasos recursos coa normativa e cos procedementos propios dunha administración.

Artigo 1.-Obxecto e definición.

A presente ordenanza ten por obxecto regular as axudas de emerxencia social no Concello de Boqueixón destinadas a persoas ou familias empadroadas e residentes no municipio.

Considéranse axudas de emerxencia social as prestacións económicas non periódicas destinadas a paliar ou resolver, por si mesmas ou complementariamente con outros recursos ou prestacións, situacións de necesidade sobrevidas e transitorias ocasionadas por gastos de carácter extraordinario e urxentes.

A finalidade destas axudas é a de dar unha resposta inmediata no momento en que estas situacións de necesidade se produzan e a de previr situacións de risco ou exclusión social por falta de medios para a cobertura das necesidades básicas.

As axudas de emerxencia social formarán parte, de ser o caso, dun proxecto de intervención social que inclúa unha análise completa da situación individual e familiar de cara a superar a situación de necesidade existente baixo unha perspectiva integral e normalizadora.

Artigo 2.-Tipoloxía das axudas.

Para os efectos da presente ordenanza consideraranse situacións de necesidade, susceptibles de ser atendidas a través destas prestacións, as seguintes:

a) Necesidades básicas de carácter persoal: alimentación básica, hixiene persoal, vestido, etc.

b) Gastos de atención sanitaria non cubertos polo sistema público de saúde: adquisición de medicinas na porcentaxe non cuberta polo sistema, lentes, próteses, órteses, etc.

c) Uso e mantemento da vivenda: alugueiro, hipoteca, gastos de subministracións (auga, electricidade e gas) e situacións de emerxencia ou sinistro, tales como incendio, inundación, ruína ou outras causas imprevisibles ou inevitables que obrigasen ao abandono da mesma.

d) Habitabilidade e equipamento da vivenda: dotación de mobiliario esencial, instalacións de carácter básico que resulten imprescindibles para a subsistencia en condicións mínimas de habitabilidade, reparacións extraordinarias e urxentes para manter a vivenda en condicións de seguridade e hixiene ...

e) Gastos relativos á educación dos menores da unidade familiar en idade escolar, sempre que non estivesen cubertos por outras axudas públicas e fosen fundamentais para a súa correcta inserción escolar.

f) Aloxamento alternativo temporal derivado dunha causa grave allea á vontade da persoa destinataria.

g) Asistencia a actividades que favorezan a inserción socio-laboral e educativas: matrícula e material para a asistencia a cursos formativos.

h) Adaptación funcional da vivenda para persoas cun recoñecemento de discapacidade ou dependencia con graves problemas de mobilidade, sempre e cando se trate de gastos non cubertos ou cubertos de forma insuficiente por outras axudas públicas, e que se consideren imprescindibles e de primeira necesidade para o desenvolvemento normal da súa vida cotiá.

i) Outras axudas para a atención de situacións que non poidan ser encadradas en ningún dos conceptos contemplados nos epígrafes anteriores e que sexan consideradas necesarias polos servizos sociais.

Artigo 3.-Persoas beneficiarias.

Poderán beneficiarse destas axudas aquelas persoas ou unidades familiares que se atopen nunha situación de precariedade económica e nas que concorran factores de risco tal que lles dificulten ou imposibiliten a cobertura dalgunha das súas necesidades básicas, de xeito inmediato.

Entenderase por unidade familiar ao conxunto de persoas que convivan no mesmo marco físico e se atopen vinculadas coa persoa solicitante por matrimonio ou calquera outra forma de relación análoga á conxugal, por adopción, acollemento ou parentesco, ata o 4.º grao por consanguinidade, ou ata o 2.º por afinidade.

Considerarase que se trata de unidades de convivencia independentes, malia que compartan o mesmo domicilio, nos seguintes casos:

- Cando nunha unidade existan menores a cargo.

- Cando estea conformada por persoas, con ou sen fillos, que se atopen en proceso ou situación de nulidade, divorcio ou separación legal, ou ben de cese acreditado dunha relación análoga á conxugal.

- Cando non exista ningún tipo de vinculación de parentesco nin de relación análoga á conxugal entre as persoas que convivan.

- Cando, por causas de forza maior, accidente ou desafiuzamento, unha unidade de convivencia se vexa obrigada a residir con outra.

- Con carácter excepcional, aqueles outros casos en que exista unha valoración técnica que recomende recoñecela como tal.

Artigo 4.-Requisitos xerais.

Serán requisitos necesarios para acceder a estas axudas os seguintes:

a) Ser maior de idade ou menor emancipado/a.

b) Estar empadroado/a e residir de forma efectiva no termo municipal de Boqueixón cunha antelación mínima de seis meses á data de formulación da solicitude.

Excepcionalmente, cando así sexa valorado polos servizos sociais por razón de necesidade, precariedade ou urxencia, poderán ser beneficiarias aquelas persoas que non reúnan o requisito anteriormente mencionado.

c) Carecer de medios económicos para facer fronte á situación de necesidade, de acordo co establecido no artigo 5.

d) Non dispoñer de bens mobles ou inmobles, distintos dos da vivenda habitual, sobre os que se posúa un dereito de propiedade, usufruto ou calquera outro, que, polas súas características, valoración, posibilidades de venda, ou calquera outra forma de explotación, indiquen de xeito notorio a existencia de medios suficientes para atender o gasto obxecto da solicitude.

e) Non figurar a persoa solicitante, nin outro membro da unidade familiar, como titular de industria, comercio ou calquera outro negocio con persoal asalariado.

f) Non ter concedidas axudas polo mesmo concepto por parte doutros organismos, entidades ou administracións públicas que cubran a totalidade da necesidade pola que se solicita a prestación.

g) Non ter solicitado ningún outro membro da unidade familiar unha axuda municipal de emerxencia social para a mesma finalidade, nos últimos doce meses, agás en casos excepcionais en que a natureza da necesidade sobrevida así o requira.

h) Presentar a solicitude no modelo normalizado e na forma establecida na presente ordenanza.

Para beneficiarse destas axudas non será preciso atoparse ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social.

Artigo 5.-Baremo económico.

Considerarase a carencia de medios económicos de acordo co establecido no artigo 4.c. cando a suma de ingresos de todos os membros da unidade familiar, unha vez deducidos os gastos ocasionados polo alugueiro ou amortización da vivenda ata un máximo de 300 €, non superen as porcentaxes do IPREM mensual que se indican a continuación:

Membros da UF

Límite de ingresos (% sobre o IPREM vixente)

1

Até o 100% do IPREM

2

Até o 120% do IPREM

3

Até o 140% do IPREM

4

Até o 160% do IPREM

5

Até o 180% do IPREM

6 ou máis

Até o 200% do IPREM

Os límites para ter acceso aos recursos actualizaranse de forma automática na medida en que o fagan os indicadores que se toman como referencia.

Computaranse como ingresos da unidade familiar a totalidade de ingresos netos, dos seis meses anteriores á data de solicitude, en concepto de rendementos de traballo, pensións, prestacións ou calquera outro título, agás: a prestación familiar por fillo a cargo da Seguridade Social, a libranza para coidados no contorno familiar e os complementos de axuda por terceira persoa (da pensión de gran invalidez do INSS, da PNC, PF maiores de 18 anos e LISMI). Así mesmo, tomarase como referencia a base impoñible xeral e de aforro da última declaración do IRPF, para os efectos de constatar a variación das circunstancias económicas con respecto ao momento de formular a solicitude.

Artigo 6.-Documentación.

Con carácter xeral, a documentación a presentar xunto coa solicitude será a seguinte:

- Fotocopia do documento nacional de identidade ou documento de identificación persoal de todos os membros da unidade familiar.

- Volante de empadroamento e convivencia (achégao de oficio o Concello de Boqueixón).

- Fotocopia do libro de familia ou, no seu defecto, documento acreditativo da garda, custodia ou tutela.

- Xustificantes da situación económica de cada un dos membros da unidade familiar maiores de 18 anos:

Fotocopia da última declaración do IRPF ou, no caso de non ter que presentala, certificado de imputación de rendas ou autorización para solicitala directamente á Axencia Tributaria.

Se están en situación de desemprego: fotocopia da tarxeta de demandante de emprego e certificado expedido polo SEPE no que se recolla se percibe ou non prestación ou subsidio por desemprego.

Se están desempeñando actividade laboral por conta allea: fotocopia das seis últimas nóminas.

No caso de estar de alta no réxime de autónomos, fotocopia das dúas últimas declaracións trimestrais a conta do IRPF.

Se perciben algunha pensión ou prestación, certificado expedido polo organismo competente da contía mensual percibida.

Declaración responsable (xurada) de ingresos nos casos en que estes non se poidan acreditar documentalmente por parte da unidade familiar.

- Copia do contrato de alugueiro ou amortización da vivenda habitual con xustificación de pagamento por este concepto.

- Extracto das contas bancarias de todos os membros da unidade familiar onde se reflictan os movementos dos últimos 12 meses.

- Calquera outra documentación que se estime necesaria para a valoración da situación de necesidade por parte dos servizos sociais: certificado de escolarización das familias con menores en idade de escolarización obrigatoria, copia da sentenza de separación ou divorcio e do convenio regulador, certificado acreditativo do grao de discapacidade e/ou dependencia, título de familia numerosa, etc.

Artigo 7.-Importe das axudas.

O importe das axudas establecerase para cada caso concreto en función do tipo de necesidade, das circunstancias socioeconómicas da persoa solicitante e das previsións de gasto que ocasione a situación de emerxencia.

A axuda poderá cubrir o gasto total da necesidade cando así sexa avaliado pola traballadora social dos servizos sociais, que así o fará constar no informe social.

Establécese en 1000 € o importe máximo anual a conceder polo conxunto de axudas solicitadas. Sempre e cando non se supere o dito importe poderase solicitar unha axuda deste tipo en máis dunha ocasión. Excepcionalmente poderase superar o importe máximo anual establecido, sempre e cando concorran circunstancias excepcionais avaliadas tecnicamente e claramente motivadas no correspondente informe social.

Artigo 8.-Procedemento de tramitación.

A tramitación e resolución destas axudas seguirá o seguinte procedemento:

1.º. Presentación da solicitude segundo o modelo oficial no Rexistro Xeral do Concello de Boqueixón, ou por calquera dos medios indicados na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento administrativo común das administracións públicas, xunto coa documentación que se recolle na presente ordenanza. A solicitude poderase iniciar tamén de oficio, mediante informe técnico emitido polo propio departamento, que iniciará o expediente a todos os efectos.

2.º. Revisión da solicitude e da documentación presentada por parte dos servizos sociais. Se esta non reunise todos os datos ou documentos aludidos con anterioridade, requirirase á persoa interesada para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixese, teráselle por desistido da súa petición, co conseguinte arquivo tal e como reflicte a vixente lei de procedemento administrativo.

3.º. Estudo e valoración da situación de necesidade por parte da traballadora social dos servizos sociais e elaboración dun informe social no que se recollan as circunstancias socio familiares e económicas da unidade familiar, os datos da vivenda, a situación de necesidade e calquera outro dato que se considere relevante. Así mesmo, deberá recoller unha valoración profesional e unha proposta de resolución.

4.º. Presentación da solicitude, xunto coa documentación e o informe social, á Xunta de Goberno Local para a emisión da resolución correspondente. No suposto de ditarse unha resolución desfavorable deberá ser motivada.

5.º. Notificación á persoa interesada, no prazo máximo de 10 días hábiles, da resolución de concesión ou denegación, con indicación dos recursos que poderá interpoñer contra á mesma.

A concesión destas axudas estará condicionada pola existencia de crédito orzamentario dispoñible nos orzamentos municipais de cada anualidade.

Artigo 9.-Pagamento.

A forma de concesión da axuda quedará determinada na resolución, e poderá ser:

a) A través dun pago directo, a favor da persoa solicitante, por medio de transferencia bancaria.

b) A través dun pago delegado ao provedor do servizo, en función das características da emerxencia, cando así se determine no informe social.

Artigo 10.-Xustificación.

A xustificación do gasto acreditarase mediante as facturas dos pagamentos e dos gastos realizados, que deberán cumprir os requisitos regulamentarios establecidos na normativa vixente, ou mediante outros documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil.

Tentarase, na medida do posible, realizar o pagamento ao provedor do servizo con base na cesión que dos dereitos de cobro fai a persoa beneficiaria a través da correspondente autorización. Se isto non é posible realizarase o pagamento á persoa solicitante, á que se lle establecerá un prazo máximo para a xustificación do importe da axuda.

Artigo 11.-Obrigas das persoas beneficiarias.

As persoas beneficiarias das axudas estarán obrigadas a:

- Comunicar aos servizos sociais calquera variación acontecida na situación sociofamiliar que poida ser obxecto de modificación das circunstancias que motivaron a concesión da axuda.

- Destinar a contía percibida aos fins para os que foi concedida.

- Reintegrar os importes concedidos cando non se apliquen aos fins para os que foron concedidos.

- Cumprir os obxectivos establecidos no proxecto de intervención social que, de ser o caso, se estableza para cada caso concreto.

Artigo 12.-Perda do dereito e reintegro do pagamento.

Procederá a declaración da perda do dereito ao cobro da axuda ou o reintegro total ou parcial da contía percibida, nos seguintes supostos:

- Incumprimento das obrigas e requisitos establecidos na presente ordenanza e na resolución de concesión da axuda.

- Incumprimento da obriga de xustificar no prazo establecido.

- Falseamento ou ocultación de datos de cara a obter ou conservar o dereito á axuda.

- Desaparición das circunstancias que deron orixe á concesión da axuda.

- Baixa no Padrón Municipal.

As cantidades a reintegrar terán a consideración de créditos de dereito público, resultando de aplicación para o seu cobro o previsto no Regulamento xeral de recadación.

Disposición adicional

En todo aquilo non previsto nesta ordenanza estarase ao disposto na normativa vixente na materia.

Disposición final primeira

De conformidade co disposto no artigo 70.2 da Lei 7/85, reguladora das bases do réxime local, esta ordenanza entrará en vigor unha vez que se publique o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e logo de que transcorra o prazo de 15 días hábiles ao que se refire o artigo 65.2 da mesma lei, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto ao que se refiren os artigos 70.2 e 65.2  da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:

Artigo 70.2: ¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales....." (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).

Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."

Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.