Carral - Ordenanza reguladora da taxa por entradas de vehículos a través das beirarrúas e as reservas de vía pública para aparcamento, carga e descarga de mercadorías de calquera clase
Artigo 1.º .-Fundamento e natureza
Facendo uso das facultades concedidas polos artigos 133. 2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de Réxime Local e de conformidade co disposto no artigo 20, alínea 3, letra h) da Lei 39/1988, reguladora das Facendas locais, modificado pola Lei 25/1998, do 13 de xullo, de modificación do Réxime legal das Taxas Estatais e Locais e de Reordenación das Prestacións patrimoniais de carácter público, este Concello establece a " Taxa por entradas de vehículos a través das beirarrúas e a reservas da vía pública para aparcamento, carga e descarga de mercadorías de calquera clase", da que as súas normas atenden ó prevido no artigo 58 da Lei 39/1988, reguladora das Facendas locais, modificado así mesmo polo artigo 66 da Lei 25/1998, do 13 de xullo.
Artigo 2.º .-Feito impoñible
Constitúe o feito impoñible desta taxa a utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público mediante as entradas de vehículos a través das beirarrúas e reservas de vía pública para aparcamento, carga e descarga de mercadorías de calquera clase.
Artigo 3.º .-Suxeito pasivo
Son suxeitos pasivos da taxa en concepto de contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas, así como as entidades a que se refire o art. 33 da Lei xeral tributaria, ó favor das que se outorguen as licencias, ou que se beneficien do aproveitamento, se se procedeu sen a oportuna autorización.
Terán a consideración de substitutos do contribuínte de conformidade coa alínea 2, d) do artigo 23 da Lei 39/1988, reguladora das Facendas locais, os propietarios dos predios e locais a que dean acceso as ditas entradas de vehículos, os que poderán repercutir, se é o caso, as cotas sobre os respectivos beneficiarios.
Artigo 4.º .-Categoría das rúas ou polígonos
1. Para os efectos previstos para a aplicación da cota do artigo seguinte, as vías deste Municipio clasifícase en única categoría.
Artigo 5.º .-Cota tributaria
A cota tributaria é a fixada nas seguintes tarifas:
Por cada badén na beirarrúa para facilita-la entrada de vehículos nun edificio: 5.000 ptas./m.l.
Artigo 6.º .-Normas de xestión
1. As cantidades esixibles de acordo coas tarifas liquidaranse por cada aproveitamento solicitado ou realizado.
2. As persoas ou entidades interesadas na concesión de aproveitamentos regulados nesta ordenanza deberán solicitar previamente a correspondente licencia, realiza-lo depósito previo a que se refire o artigo seguinte e formular declaración achegando un plano pormenorizado do aproveitamento e da súa situación dentro do Municipio.
3. Os Servicios Técnicos deste Concello comprobarán e investigarán as declaracións formuladas polos interesados, e concederanse as autorizacións de non atopar diferencias coas peticións de licencias; se se desen diferencias, notificaranse estas ós interesados e xiraranse, se é o caso, as liquidacións complementarias que procedan, e concederanse as autorizacións unha vez subsanadas as diferencias polos interesados e, de se-lo caso,realizados os ingresos complementarios que procedan
4. No caso de denegarse as autorizacións, os interesados poderán solicitar a este Concello a devolución do importe ingresado.
5. Unha vez autorizada a ocupación entenderase prorrogada mentres non se presente a declaración de baixa polo interesado.
6. A presentación da baixa producirá efectos a partir do día primeiro do semestre natural seguinte ó da súa presentación. A non presentación da baixa determinará a obriga de continuar aboando a taxa.
Artigo 7.º .-Obriga de pagamento
1. A obriga de pagamento da taxa nace:
a) Tratándose de concesións de novos aproveitamentos da vía pública, no momento de solicita-la correspondente licencia.
b) Tratándose de concesións de aproveitamentos xa autorizados e prorrogados, o día primeiro de cada semestre natural.
2. O pagamento da taxa realizarase:
a) Tratándose de concesións de novos aproveitamentos, por ingreso directo na Tesourería Municipal ou onde establecese o Concello, mais sempre antes de retira-la correspondente licencia.
b) Tratándose de concesións de aproveitamentos xa autorizados e prorrogados, unha vez incluídos nos padróns ou matrículas desta taxa, por anos naturais nas oficinas da Recadación Municipal, durante o primeiro trimestre do ano
Disposición final
A presente Ordenanza fiscal, aprobada provisionalmente polo Pleno da Corporación na sesión realizada o 23 de decembre de 1998 e que quedou definitivamente aprobada con data 6 de febreiro de 1999, rexerá a partir da publicación do texto íntegro desta ordenanza e manterase vixente ata a súa modificación ou derrogación expresa.