Pontes de García Rodríguez As - ORDENANZA MUNICIPAL DA UTILIZACIÓN PUNTUAL DO LOCAL DE USOS MÚLTIPLES (ANTIGO LOCAL DO POLBO-FEIRA DO GANDO) E MUÍÑO DE PRIETO
PREÁMBULO
O Concello das Pontes de García Rodríguez conta con dous inmobles, cuxo uso está a ser demandado cada vez máis polos veciños e veciñas da localidade, tanto a nivel colectivo como individual. Un deles, o Local de Usos Múltiples (situado na antiga Feira do Gando, ao carón do Parque da Fraga) é de propiedade municipal (ben de dominio público, destinado ao servizo público). O outro, o denominado Muíño de Prieto, situado preto do local anterior, a rentes do río Eume, foi cedido en propiedade á entidade local por parte dos antigos donos.
A competencia municipal respecto desta materia está recoñecida no artigo 25.2.l) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local LRBRL, -"l) Promoción do deporte e instalacións deportivas e de ocupación do tempo libre"-.
Pola súa vez, o Regulamento de bens das entidades locais, aprobado polo Real decreto 1372/1986, do 13 de xuño (RBEL), no seu Capítulo IV, Sección 1.ª, trata da utilización dos bens de dominio público. E o artigo 75 do dito Regulamento establece as distintas categorías ou tipos de uso, podendo estimarse que o que se fai dos locais e un uso común especial normal (pola intensidade do uso, derivado da demanda), o que conleva que non se poida exercer libremente como no caso dos bens de uso común xeral (artigo 76) senón a través de licenza directa (artigo 77).
Consonte o disposto no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP) con carácter previo á celebración do proxecto de ordenanza, levouse a cabo unha consulta pública, anunciada no BOP do 31/01/2017, a través do portal web municipal, na que se recabou a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representantivas potencialmente afectadas pola futura norma, sobre os seguintes extremos:
a) Os problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa.
b) A necesidade e oportunidade da aprobación.
c) Os obxectivos da norma.
d) As posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.
Este texto contén a regulación imprescindible para atender a necesidade a cubrir pola norma e, coa finalidade de garantir o principio de seguridade xurídica, esta iniciativa normativa exerceuse de xeito coherente co resto do ordenamento xurídico, estatal e da Unión Europea, para xerar un marco normativo estable, predecible, integrado, claro e de certidume, que facilite o seu coñecemento e comprensión e, en consecuencia, a actuación e toma de decisións das persoas e entidades.
Artigo 1.-OBXECTO.
A presente Ordenanza ten como obxecto establecer a regulación dos procedementos e os criterios para a cesión puntual (por un día), de xeito individualizado ou compartido, dos locais de titularidade municipal coñecidos como o Local de Usos Múltiples e o Muíño de Prieto, así como ditar as normas xerais para a súa óptima utilización e conservación.
Artigo 2.-ÁMBITO DE APLICACIÓN.
A presente Ordenanza é de aplicación ao Local de Usos Múltiples e ao Muíño de Prieto.
1.º) Local de Usos Múltiples:
Será susceptible de cesión e/ou utilización para uso sen ánimo de lucro, establecendo como prioridades de cesión as seguintes actividades:
1.ª. Actividades socio-culturais (inclúense celebracións de carácter familiar e demais eventos sociais).
2.ª. Fomento do uso compartido de locais municipais para encontro entre a veciñanza, asociacións, colectivos e demais entidades integrantes da vida municipal.
3.ª. Actividades realizadas por entidades privadas ou públicas que se refiran e/ou beneficien á veciñanza das Pontes.
4.ª. Uso e goce para festas e celebracións particulares o veciñais.
Este inmoble divídese en dous locais e o concello atribuirá o uso en función das preferencias expresadas na solicitude, a dispoñibilidade ou non dun local ou doutro e a previsión de afluencia.
Cando a previsión de asistencia de público exceda da capacidade dun local o concello pode autorizar o uso dos dous, de estaren dispoñibles, para o mesmo acto.
2.º) Muíño de Prieto:
Este inmoble será susceptible de utilizar nas actividades e eventos que a seguir se indican, por orde de prioridade:
1. Cerimonias de vodas civís (estritamente a cerimonia de casamento).
2. Actividades socio-culturais.
3. Actividades realizadas por entidades privadas ou públicas que se refiran e/ou beneficien á veciñanza das Pontes de García Rodríguez.
Neste inmoble non se autorizarán, por razóns de seguridade, as festas de cumpreanos, despedidas, banquetes nupciais e doutro tipo, fin de ano, e aquelas outras celebracións que pola súa natureza poidan supor un risco para a integridade física das persoas asistentes, dada a ubicación da instalación.
Artigo 3.-BENEFICIARIOS.
Terán capacidade para realizar a reserva do local:
1. Todas aquelas persoas físicas que actúen en nome propio, maiores de idade, empadroadas no Concello das Pontes de García Rodríguez, que non teñan en vigor unha sanción de suspensión temporal de uso de locais segundo o establecido na presente Ordenanza.
No caso de menores de idade, a solicitude deberá ser presentada polo pai, nai ou o/a titor/a, que asumirá o compromiso das obrigas reflectidas neste Regulamento.
2. Persoas físicas que actúen en representación de Asociacións, colectivos ou grupos que estean inscritas/os no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello das Pontes (RMA).
Artigo 4.-XESTIÓN E PROCEDEMENTO DAS SOLICITUDES.
1. As solicitudes poderán ser realizadas:
a) De forma telemática mediante o modelo de solicitude xeral á cal poderase acceder a través do enlace existente na páxina web do concello (http://aspontes.org/o-teu-servizo/varios/).
b) Presentando a solicitude xeral no rexistro do Concello, no caso de suxeitos non obrigados a relacionarse electronicamente coa administración.
2. A solicitude poderá ser realizada, ben polo interesado ou interesada, ou ben pola persoa física ou xurídica representante das entidades segundo o estipulado nos artigos 2 e 3.
3. Poderase presentar unha (1) solicitude ao día por persoa ou entidade beneficiaria, e ata un máximo de tres (3) solicitudes anuais por beneficiario/a. Se se presenta máis dunha solicitude por beneficiario/a, só será atendida a primeira recibida, segundo orde de rexistro.
4. A documentación a presentar xunto coa solicitude será a seguinte:
a) Solicitude de cesión do local debidamente cuberta, xa sexa de forma telemática ou presencial, segundo corresponda.
b) DNI actualizado.
c) No caso de entidades privadas ou públicas, asociacións, colectivos, etc., deberase achegar o CIF da entidade solicitante e DNI do/a representante, que acredite que desenvolve a súa actividade no Concello das Pontes de García Rodríguez.
De non presentarse toda a documentación requirirase a quen formulou a solicitude para que acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixera, teráselle por desistido/a da súa petición, previa resolución que se ditará de acordo co previsto na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
5. As solicitudes serán atendidas por rigorosa orde de rexistro.
6. Unha vez completa a solicitude, confirmarase a reserva do local, que non habilitará para o seu uso até que se obteña a confirmación da cesión.
Unha vez confirmada a reserva, para obter a CONFIRMACIÓN DA CESIÓN o concello verificará que se efectuou o pago da taxa/prezo público cunha antelación de trinta días naturais ao da data solicitada para a cesión do local e que a persoa interesada ten o seu empadroamento no concello das Pontes.
Despois de ser CONFIRMADA A CESIÓN DO LOCAL DE QUE SE TRATE, seguirase o seguinte procedemento:
1.º) A persoa responsable da xestión emitirá o modelo de confirmación/denegación da cesión que se entregará ao/á solicitante e arquivará unha copia na oficina de obras, xunto co resto de documentación recibida.
2.º) Dúas copias da confirmación da cesión serán remitidas á Policía Local.
3.º) As solicitudes denegadas serán arquivadas na oficina de Obras.
Artigo 5.-PRAZOS DE PRESENTACIÓN DAS SOLICITUDES.
Para facilitar os criterios de prioridade da cesión do Local de Usos Múltiples e/ou Muíño de Prieto, os prazos para a presentación de solicitudes quedarán establecidos do seguinte modo:
1. Asociacións, grupos, colectivos, entidades públicas e privadas, etc., integrantes da vida asociativa municipal: deberán de presentar as solicitudes de cesión dende os días 20 ao 30 de decembro do ano inmediatamente anterior ao da data da solicitude. Unha vez pasado o período correspondente ás datas anteriormente descritas, poderán presentar as solicitudes optando á cesión dos días que non estean previamente reservados por calquera beneficiario ou beneficiaria.
2. Para o resto de beneficiarios/as o prazo de presentación de solicitudes no rexistro comezará o primeiro día hábil para cada ano en curso. As solicitudes entregadas con anterioridade serán denegadas, por extemporáneas.
Artigo 6.-TAXAS/PREZOS PÚBLICOS.
Artigo 7.-OBRIGAS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS.
Todos/as os beneficiarios/as e acompañantes terán a obriga de cumprir as seguintes normas:
1.ª. Mostrar unha actitude cívica, coidar as instalacións, tendo presente que os locais son de uso municipal, e polo tanto han de coidarse respectando o dereito das persoas que as utilicen no futuro.
2.ª. Utilizar as instalacións para os fins solicitados.
3.ª. Responsabilizarse dos danos que se causen no inmoble, aboando ao Concello a cantidade que corresponda.
4.ª. Coidar de que o local se devolva limpo unha vez rematado o período de cesión. De non ser así deberase aboar ao Concello a cantidade correspondente aos labores de limpeza que sexan necesarias.
5.ª. Non superar o tempo estipulado de cesión do local, sendo o horario límite de ocupación dende as 09.00 horas para a retirada de chaves, ata as 02.00 horas do día seguinte para a entrega das mesmas.
6.ª. Está terminantemente prohibida a venda de calquera tipo de produto, agás autorización previa e expresa do Concello en casos debidamente xustificados.
7.ª. Non facer ruído que moleste á veciñanza, nin utilizar os exteriores do recinto de xeito que a poida perturbar. No caso de realizar algún tipo de evento ou celebración que, ao contrario do anteriormente exposto, poida resultar molesta para a cidadanía, os/as axentes municipais serán os encargados/as do inmediato e obrigado desaloxo do local.
8.ª. En ningún caso se poderá superar a capacidade máxima fixada para o local segundo o cálculo de ocupación definido no proxecto de acondicionamento do edificio, quedando establecida da seguinte forma:
Local de Usos Múltiples:
1) Zona de uso múltiple de pública concorrencia: 110 persoas.
2) Zona de uso infantil (xogos e festas): 33 nenos/as + persoas adultas.
Muíño de Prieto:
1) Zona de uso múltiple de pública concorrencia: 32 persoas.
9.ª. Os/as menores de idade non poderán consumir alcohol no local.
10.ª. Queda prohibido consumir drogas e tabaco dentro do local.
11.ª. As persoas usuarias deben atender os requirimentos das autoridades públicas ou dos corpos de seguridade.
12.ª. Prohíbese o uso lucrativo do local, sen prexuízo do disposto no artigo 7.6 da presente Ordenanza.
Artigo 8.-RESPONSABILIDADE E INFRACCIÓNS.
1. Será responsable das infraccións establecidas na presente Ordenanza toda persoa física ou xurídica que realice calquera das accións ou omisións constitutivas das mesmas.
2. Cando as persoas usuarias das instalacións sexan asociacións e demais persoas xurídicas estas responderán solidariamente das infraccións cometidas por calquera das súas persoas integrantes ou designadas ou autorizadas por elas para o uso da instalación, nos termos que así o prevexa a normativa de aplicación, sen prexuízo dos efectos que as ditas infraccións puideran supor para as autorizacións.
Artigo 9.-POTESTADE SANCIONADORA.
A facultade de instruír e resolver os procedementos sancionadores por infraccións a esta Ordenanza compételle á Alcaldía ou, de ser o caso, ao órgano que teña delegada por esta a competencia, logo da instrución do correspondente expediente, de conformidade cos principios e procedemento regulados na Lei 40/2015, do 1 de outubro de réxime xurídico do sector público (LRXSP) e mais na Lei 39/2015, do 1 de outubro do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP) e demais normativa de aplicación.
Artigo 10.-INFRACCIÓNS.
1. As infraccións clasificaranse en leves, graves e moi graves.
2. Considéranse infraccións leves:
a) Introducir no local animais de calquera clase (agás os cans-guía das persoas invidentes ou con discapacidade visual) e obxectos que polo seu tamaño, deseño, ou natureza poidan supor un risco ou perigo potencial para os usuarios.
b) Fumar nas instalacións.
c) A práctica de xogos, quecementos ou deportes con balóns, pelotas ou outros obxectos inapropiados.
d) Entrar con patíns, monopatíns, bicicletas, motocicletas ou calquera outro vehículo nas instalacións.
e) Faltar ao respecto e non atender as indicacións ou instrucións das persoas responsables das instalacións.
f) Calquera outro incumprimento das normas establecidas na presente Ordenanza que non se atope cualificado como infracción grave ou moi grave.
3. Considéranse infraccións graves:
a) A alteración da orde no interior das instalacións.
b) Desatender de xeito reiterado as indicacións e instrucións que as persoas responsables establezan para o normal funcionamento dos servizos e instalacións.
c) Causar dano ou deteriorar as instalacións, material ou equipamento do local.
d) A realización de actos que impliquen obstrución ou alteración do uso das instalacións ou equipamentos por calquera persoa.
4. Son infraccións moi graves:
a) Ceder a autorización ou permitir o uso a unha terceira persoa ou entidade, sen autorización municipal.
b) A alteración reiterada da orde no interior das instalacións.
c) Causar danos ou deteriorar gravemente as instalacións, equipamentos e elementos anexos.
d) A realización de actos que impliquen impedimento ou grave ou relevante obstrución do uso das instalacións por parte doutras persoas usuarias.
e) A utilización das instalacións para fins distintos dos previstos na autorización de uso.
Artigo 11.-SANCIÓNS.
1. Agás que a infracción se atope tipificada pola lexislación sectorial aplicable, en cuxo caso a natureza e contía da sanción adecuarase á prevista na dita lexislación, aplicaranse as seguintes sancións:
a) Pola comisión de infraccións leves: apercibimento e suspensión temporal da cesión do local polo período de ata tres meses e prohibición do uso das instalacións por igual período.
b) Pola comisión dunha infracción grave: suspensión temporal da cesión do local por un período de máis de tres meses e ata doce meses e prohibición do uso das instalacións polo mesmo período.
c) Pola comisión de infraccións moi graves: suspensión do dereito de cesión do local por máis de doce meses e ata trinta e seis meses e prohibición do uso das instalacións por igual período.
Artigo 12.-PRESCRICIÓN.
As infraccións e as sancións prescribirán conforme ao establecido no artigo 30 da LRXSP.
Artigo 13.-REPARACIÓN DO DANO CAUSADO, OBRIGA DE RESTAURACIÓN, MULTAS COERCITIVAS E EXECUCIÓN SUBSIDIARIA.
1. Con independencia das sancións que se impoñan, esixiráselles ás persoas infractoras a reparación dos danos e perdas ocasionados aos bens de dominio público municipal e patrimonial, así como a reposición das cousas ao seu estado anterior na forma e nos prazos que determine o órgano que exerza a potestade sancionadora, e cando iso non sexa posible fixaranse as indemnizacións que procedan.
2. A esixencia de repor as cousas ao seu estado primitivo obrigará á persoa infractora a executar cantos traballos sexan precisos para tal fin, de acordo cos prazos, forma e condicións que fixe o órgano competente.
3. Naqueles supostos en que non se aprecie forza maior ou caso fortuíto e non exista unha infracción administrativa, pero nos que se produza un dano ás instalacións de dominio público, a persoa causante do dano terá a obriga de repoñer as cousas ao seu estado primitivo, o que se concretará na retirada dos obxectos, materiais ou elementos, así como na reparación dos bens de dominio público afectados. Esta obriga de repor en ningún caso terá a consideración de sanción.
4. A esixencia destas medidas reparadoras ou restauradoras, que inclúen as posibles indemnizacións por danos e perdas, poderase facer no propio procedemento sancionador ou, de ser o caso, tramitarse noutro complementario.
5. Se a persoa infractora ou causante do dano non executa as accións necesarias para proceder á reposición ou restauración na forma e prazos sinalados no oportuno requirimento, poderase acordar a execución subsidiaria por conta da persoa infractora e pola súa conta logo de apercibimento e establecemento dun prazo para a execución voluntaria, ou ben a imposición de multas coercitivas.
6. As multas coercitivas serán sucesivas e reiterables, ata conseguir a execución do ordenado, consonte o disposto no artigo 103 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
7. A obriga de repor as cousas ao seu estado primitivo ou de reparar os danos causados ao dominio público prescribirá nun prazo de dous anos.
Artigo 14.-VALORACIÓN DE DANOS.
Artigo 15.-CONDICIÓNS XERAIS.
1. O Concello das Pontes de García Rodríguez non se responsabiliza das actividades que se realicen dentro do local cedido, sendo a persoa que presentou a solicitude responsable do incumprimento das obrigas e calquera outras infraccións que se poidan realizar.
2. A entidade local queda facultada para denegar a cesión no caso de que o solicitante incumpra os requisitos establecidos na presente Ordenanza.
3. As solicitudes suxeitaranse á dispoñibilidade de datas que o Concello poida ofertar do local solicitado, e a entidade local poderá autorizar a cesión de xeito máis conveniente para os intereses públicos, establecéndose as seguintes preferencias de cesión:
1.º) Asociacións, colectivos, grupos e demais elementos integrantes da vida municipal, que estean inscritas/os no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello das Pontes.
2.º) Outras entidades privadas ou públicas sempre que as actividades a realizar se refiran ou beneficien á veciñanza do Concello das Pontes de García Rodríguez.
3.º) Persoas físicas que actúen en nome propio, sendo de obrigado cumprimento que estean empadroadas no Concello das Pontes de García Rodríguez.
Asemade, o Concello das Pontes de García Rodríguez resérvase o dereito de denegar ou cancelar a autorización concedida cando circunstancias de interese municipal o fixeran necesario sen dereito a indemnización. Neste caso procederase ao reintegro das taxas/prezos públicos que previamente se fixeran efectivas/os.
4. O horario máximo de ocupación será dende as 09.00 horas do día solicitado ata as 02.00 horas da mañá seguinte.
5. Recollida e entrega de chaves e documento de cesión:
a) A recollida de chaves realizarase nas instalacións da Policía Local ás 09.00 horas do día solicitado, e só poderá facela a persoa que conste como solicitante na instancia de solicitude de cesión presentada. As chaves serán entregadas unha vez exhibido o DNI da persoa solicitante. A persoa solicitante acompañará ao/á axente municipal ou persoal municipal designado para acreditar o estado no que se atopan as instalacións antes da concesión do uso solicitado. Unha vez verificado o estado do local, a beneficiaria asinará o documento de confirmación da cesión acreditando a recepción do local.
b) A entrega das chaves realizarase in situ no Local de Usos Múltiples ou Muíño de Prieto. Para isto, a persoa responsable da solicitude informará á Policía Local da hora en que deixará as instalacións, tendo como límite máximo de ocupación as 02.00 horas do día seguinte ao día solicitado. A persoa solicitante acompañará ao/á axente municipal designado/a para realizar a inspección e reportaxes fotográficas, de seren necesarias, acreditando o estado no que se deixa o local, procedendo a asinar o documento de confirmación de cesión conforme o local se entrega en boas condicións. No caso de atoparse desperfectos o/a axente municipal procederá á redacción do informe necesario para a apertura do correspondente expediente sancionador.
No momento da concesión faráselle entrega da copia da Ordenanza que rexa o uso das as instalacións e que debe ser cumprida na súa integridade.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA ÚNICA
As autorizacións para as cesións de locais efectuadas con anterioridade á entrada en vigor do presente Regulamento manterán a súa vixencia. Porén, os actos de uso dos locais deberán adaptarse á nova normativa
DISPOSICIÓN DERRADEIRA ÚNICA
1. Consonte o disposto nos artigos 56.1, 65 e 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (LRBRL), a publicación e entrada en vigor desta Ordenanza producirase da seguinte forma:
a) O acordo de aprobación definitiva comunicarase á Administración do Estado e á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Transcorrido o prazo de quince días hábiles desde a recepción da comunicación sen que o Concello teña recibido ningún requirimento, o acordo e a Ordenanza publicaranse no Boletín Oficial de Provincia de Coruña (BOP).
c) A Ordenanza entrará en vigor ao día seguinte da súa íntegra publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
2. O acordo de aprobación definitiva e a Ordenanza publicaranse ademais no taboleiro de anuncios do Concello e na páxina web municipal.