Coristanco - ORDENANZA FISCAL NÚMERO 13, REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS.

Publicación provisional: 15/11/2003 BOP Nº: 263
Publicación definitiva: 20/12/2003 BOP Nº: 291
Aplicable dende: 03/10/2019

Artigo 1.- Feito impoñible

1.- Constitúe o feito impoñible do imposto a realización, dentro do termo municipal, de calquera construción, instalación ou obra para a que se esixa a obtención da correspondente licencia de obra urbanística, obtivérase ou non dita licencia, sempre que a súa expedición corresponda a esta Municipio.

2.- As construcións, instalacións ou obras a que se refire o apartado anterior poderán consistir en:

A) Obras de construción de edificacións e instalacións, de todas clases, de nova planta.

B) Obras de demolición

C) Obras en edificios, tanto aquelas que modifiquen a súa disposición interior como o seu aspecto exterior.

D) Aliñacións e rasantes

E) Obras de fontanería e sumidoiro

F) Obras en cemiterios.

G) Calquera outras construcións, instalacións ou obras que requiran licencia de obra urbanística.

Artigo 2.- Suxeitos pasivos

1.- Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuínte, as persoas físicas, xurídicas ou as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria, que sexan donos da construción, instalación ou obra, sexan ou non propietarios do inmoble sobre o que se realice aquela.

Ós efectos previstos no parágrafo anterior terá a consideración de dono da construción, instalación ou obra quen soporte os gastos ou o coste que comporte a súa realización.

2.- Ten a consideración de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte quen soliciten as correspondentes licencias ou realicen as construcións, instalacións ou obras, se non foran os propios suxeitos pasivos contribuíntes.

Artigo 3.- Base impoñible, cota e devengo

1.- A base impoñible deste imposto está constituída polo coste real e efectivo da construción, instalación ou obra, e se entende por tal, a estes efectos, o coste de execución material de aquela.

Non forman parte da base impoñible o Imposto sobre o Valor Engadido e demais impostos análogos propios de rexímenes especiais, as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas, no seu caso, ca construción, instalación ou obra, nin tampouco os honorarios de profesionais, o beneficio empresarial do contratista nin calquera outro concepto que non integre, estritamente, o coste de execución material.

2.- A cota do imposto será o resultado de aplicar á base impoñible o tipo de gravame.

3.- O tipo de gravame será o 4 por 100.

4.- O imposto devengarase no momento de iniciarse a construción, instalación ou obra, aínda cando non se obtivese a correspondente licencia.

Artigo 4.- Bonificacións.

1.- En aplicación do artigo 103.2.a) do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, as construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración, poderán beneficiarse das seguintes bonificacións na cota tributaria:

a) As promovidas polas administracións públicas para a implantación de servizos públicos ou servizos de interese comunitario, bonificación do 95%.

b) As promovidas por entidades inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións e destinadas a fins ou actividades non lucrativas que complementen ou suplan os servizos de competencia municipal, bonificación do 75%.

c) As de reparación ou conservación de inmobles declarados de interese cultural ou incluídos nun catálogo municipal como de protección urbanística integral, bonificación do 75%. Cando os bens catalogados gocen de protección non íntegra aplicarase a bonificación do 50%.

d) A construción, rehabilitación ou reparación de vivendas promovidas por persoas en situación de emerxencia social, ou cando nelas conviva algunha persoa que teña recoñecido pola Seguridade Social un grado de Incapacidade Permanente Absoluta para todo traballo, terá unha bonificación do 95%.

e) As promovidas por traballadores autónomos que xeren 1 posto de traballo adicional, a maiores do propio autónomo, sempre que sexa a xornada completa e o contrato acade unha duración mínima de 2 anos, terá unha bonificación do 95%.

f) As construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal, por concorrer circunstancias de fomento do emprego, regulado no artigo 74.2 do Real Decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei reguladora de facendas locais. Esta medida será de aplicación unicamente a aqueles supostos de implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como a aqueles outros que consistan nunha ampliación das instalacións sempre e cando implique creación de emprego. Se o número de postos creado fose igual ou superior a catro, o 25 % dos novos contratos ha de ser de carácter indefinido. Cando resulte un número de contratos indefinidos non enteiro, redondearase ao enteiro inferior.

A bonificación contemplada neste último apartado aplicarase conforme aos seguintes tramos e requisitos de emprego creado:

I. Bonificación do 25% cando se contraten ate 5 traballadores a xornada completa e cun contrato mínimo de 2 anos e que figuren como demandantes de emprego nas oficinas do INEM.

II. Bonificación do 50% cando se contraten entre 6 e 10 traballadores a xornada completa e cun contrato mínimo de 2 anos e que figuren como demandantes de emprego nas oficinas do INEM.

III. Bonificación do 75% cando se contraten entre 11 e 20 traballadores a xornada completa e cun contrato mínimo de 2 anos e que figuren como demandantes de emprego nas oficinas do INEM.

IV. Bonificación do 95% cando se contraten mais de 20 traballadores a xornada completa e cun contrato mínimo de 2 anos e que figuren como demandantes de emprego nas oficinas do INEM.

As circunstancias na duración das contratacións dos traballadores, deberán ser acreditadas polos beneficiarios ante os servizos tributarios do Concello dentro dos 15 días seguintes ao remate de cada trimestre. O non cumprimento deste requisito dará lugar ao inicio do correspondente expediente de reintegro.

Os beneficiarios deberán solicitar a bonificación presentando as altas na Seguridade Social e contratos de traballo dos novos empregados/as dentro do prazo de 15 días dende o outorgamento da licenza de primeira ocupación. No momento da solicitude da Licenza axuntarase un compromiso de creación do número de postos de nova creación que vaia a xerar.

2.–A bonificación regulada no apartado anterior será de carácter rogado, debendo presentar o suxeito pasivo a correspondente solicitude, coa que se achegaran os documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos establecidos en cada caso no momento de achegar a documentación necesaria para a obtención da correspondente licencia.

Corresponde ao Pleno do Concello a declaración de especial interese ou utilidade municipal e o outorgamento das anteriores bonificacións, que se acordará previa solicitude do interesado, presentada con anterioridade é realización do feito impoñible.

Para xustificar o requisito da contratación de traballadores abondará inicialmente coa presentación dunha declaración xurada por parte do promotor ou titulado mercantil das obras, na que figuren os datos dos traballadores que van a ser contratados na realización da construción, instalación ou obra ou, no caso de establecemento de novas actividades comerciais ou industriais, cando se rematen as obras.

A bonificación concederase baixo condición resolutoria, de maneira que de non presentarse copia autenticada dos correspondentes contratos de traballo no prazo de 15 días desde o inicio das obras ou seis meses desde o remate das obras, no caso de establecemento de novas actividades comerciais ou industriais, quedará sen efecto a bonificación concedida e a Tesourería Municipal esixirá o importe da bonificación pola vía de constrinximento.

3.–A bonificación concedida en ningún caso será superior aos 500.000 €.

4.–As bonificacións previstas neste artigo esixiran:

– Solicitude do interesado

– Informe dos servizos municipais correspondentes (urbanismo, cultura, emprego, medio ambiente, servizos sociais) e demais informes que consonte á normativa de aplicación sexan preceptivos.

– Acordo do pleno.

– As solicitudes de bonificación incluídas neste artigo deberán presentarse coincidindo coa solicitude da correspondente licenza ou presentación da correspondente comunicación previa de obras

Artigo 5.- Xestión

1.- Cando se conceda a licencia preceptiva practicarase unha liquidación provisional, determinándose a base impoñible en función do presuposto presentado polos interesados, sempre que o mesmo visarase polo Colexio Oficial correspondente; noutro caso, a base impoñible será determinada polos técnicos municipais, de conformidade co custo estimado do proxecto.

2.- Á vista das construcións, instalacións ou obras efectivamente realizadas e do custo real efectivo das mesmas, o Concello, mediante a oportuna comprobación administrativa, poderá modificar, no seu caso, a base impoñible a que se refire o apartado anterior, practicando a correspondente liquidación definitiva, e esixindo do suxeito pasivo ou reintegrándolle, no seu caso, a cantidade que corresponda.

Artigo 6.- Inspección e recadación

A inspección e recadación do imposto realizarase de conformidade co previsto na Lei Xeral Tributaria e nas demais Leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións ditadas para o seu desenrolo.

Artigo 7.- Infraccións e sancións

En todo o relativo á cualificación das infraccións tributarias así como á determinación das sancións que polas mesmas correspondan en cada caso, aplicarase o réxime regulado na Lei Xeral Tributaria e nas demais disposicións que a complementan e desenrolan.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

O réxime de bonificacións contemplado no artigo 4º desta ordenanza será de aplicación a todas as obras cuxo feito impoñible se produza durante a vixencia desta ordenanza, sempre e cando se cumpran a totalidade dos requisitos esixidos no indicado artigo 4.

DISPOSICION FINAL

A presente Ordenanza Fiscal, cuxa redacción definitiva foi aprobada polo Pleno da Corporación en sesión celebrada o 30 de xullo de 2019, entrará en vigor e será de aplicación no momento da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.