Arzúa - ORDENANZA MUNICIPAL PARA A PROTECCIÓN E CONSERVACIÓN DOS CAMIÑOS E VÍAS PÚBLICAS MUNICIPAIS EN RELACIÓN COAS OPERACIÓNS DE SACA DE MADEIRA
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A presente ordenanza ten como finalidade primordial a de velar pola debida conservación dos camiños e vías públicas municipais, en relación cos danos e desperfectos que poden sufrir os mesmos, como consecuencia das operacións de saca de madeira, comprendéndose dentro desta tanto as operacións preparatorias da corta da madeira como as posteriores.
Resulta tamén prioritario o interese en protexer as persoas, vivendas e outras edificacións nos supostos de incendios forestais; e para elo é esencial que as vías de acceso ás zonas forestais se atopen sempre en perfecto estado.
O uso dos camiños e vías públicas municipais en condicións óptimas é un dereito de toda a comunidade de usuarios, e esixe dunha intervención administrativa que regule as condicións nas que se deben de realizar as operacións de saca de madeira nos montes e parcelas do Concello, tanto públicos como privados, xa que son por todos coñecidos os importantes danos e desperfectos que ás veces ocasionan estas actividades nos nosos camiños.
Trátase, en definitiva, con esta ordenanza, de facer compatible a actividade de aproveitamento forestal coa preservación do medio natural, a protección paisaxística, a conservación dos camiños e a seguridade vial.
Artigo 1. Obxecto.
A presente ordenanza ten por obxecto a protección e conservación dos camiños e vías públicas municipais fronte os danos e desperfectos que poden sufrir os mesmos como consecuencia das sacas de madeira que se produzan dentro do termo municipal de Arzúa.
Artigo 2. Fundamento.
A regulamentación por medio da presente ordenanza das operacións de saca de madeira fundaméntase no uso das competencias que lle atribúen ao Concello os artigos 25.2.d) e 84 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local; os artigos 6, 80.2.d) e 286 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia; e os artigos 74 e seguintes do R.D. 1372/1986, do 13 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de Bens das Corporacións Locais.
Artigo 3. Ámbito de aplicación.
1.- Para os efectos desta ordenanza, enténdese por operacións de saca de madeira a totalidade das que se desenvolvan para a obtención de madeira de tala, tanto as previas á corta de madeira (desprazamento de vehículos e/ou maquinaria, preparación dos terreos, accesos ás fincas) como as posteriores (preparación, depósito, carga e transporte).
2.- Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta ordenanza:
- as talas puntuais de exemplares de árbores illadas
- as podas e refaldes en plantacións forestais
- o clareo de rebrotes de cepa de menos de tres anos
- os traballos de desbroce e limpeza de predios
- as talas que teñan por finalidade os aproveitamentos para uso doméstico, a eliminación dunha situación de perigo para persoas ou bens, ou as que se produzan como consecuencia da enfermidade da especie.
Artigo 4. Comunicación previa.
1.- Para garantir a conservación dos camiños e vías públicas municipais con motivo da execución de operacións de saca de madeira dentro do termo municipal de Arzúa, será obrigatorio presentar nas oficinas municipais, con 15 días hábiles de antelación á data prevista para o inicio da súa execución, un escrito de comunicación previa, conforme ao modelo contemplado no Anexo desta ordenanza, e sen prexuízo da obtención dos permisos e/ou autorizacións sectoriais que, conforme á normativa vixente, sexan necesarios para cortar montes ou terreos forestais.
2.- O escrito de comunicación previa deberá estar asinado polo madeireiro, e nel deberán constar os seguintes datos:
- Datos de identificación do madeireiro e do propietario forestal:
¿ Persoa física: nome, apelidos, NIF, enderezo e teléfono.
¿ Persoa xurídica: razón social, NIF, enderezo, teléfono, nome, apelidos e NIF do representante da empresa.
- Datas previstas de inicio e remate dos traballos de saca de madeira.
- Identificación da finca ou monte afectado, lugar e parroquia onde se sitúa.
- Especie de madeira obxecto da corta.
- Toneladas métricas de madeira que se prevén extraer.
- Modelo, matrícula e peso máximo autorizado dos vehículos e maquinaria a empregar nas operacións a desenvolver.
- Lugares previstos para depósito da madeira á espera da súa carga.
- Camiños e vías a empregar nas operacións de saca de madeira.
3.- Xunto co escrito de comunicación previa, deberase aportar a seguinte documentación:
- Fotocopia compulsada do NIF do madeireiro.
- No seu caso, fotocopia da solicitude de autorización para aproveitamento madeireiro, ou da notificación, ante o organismo que corresponda, de conformidade co disposto na Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia.
- Ficha catastral dos montes e/ou parcelas afectados/as.
- Plano indicativo dos camiños e vías a empregar nas operacións de saca de madeira.
- Plano indicativo das zonas elixidas para depósito da madeira.
4.- Poderase facer unha comunicación previa para varios montes e/ou parcelas cando os traballos vaian a realizarse simultaneamente. Neste caso deberán constar na comunicación os seus datos identificativos (conforme ao establecido nos apartados anteriores deste artigo e no Anexo -páx. 10-), incorporando a correspondente ficha catastral.
5.- No caso de que se incumpra a obriga de comunicación previa establecida neste artigo, o Concello poderá suspender os actos de saca de madeira que se estean realizando, e proceder de conformidade co establecido nos apartados 2º e 3º do seguinte artigo.
6.- Unha vez presentada no rexistro xeral do Concello a documentación sinalada nos apartados 2º e 3º deste artigo, e previamente ao inicio dos traballos de saca de madeira, os servizos técnicos urbanísticos municipais ou ben os funcionarios da Policía Local, comprobarán o estado físico dos camiños e vías que vaian ser utilizados, obtendo as fotografías que sexan pertinentes para acreditar a súa realidade física.
7.- O Concello, excepcionalmente, poderá denegar ou limitar o acceso e/ou o depósito por calquera das vías ou zonas indicadas no escrito de comunicación previa, de forma motivada, tendo en conta o seu estado, a resistencia do seu firme, a súa ubicación, a súa utilización na data solicitada para outros fins, ou calquera outra causa xustificada.
Artigo 5. Obrigas.
1.- Son obrigas do madeireiro encargado de realizar as operacións de saca da madeira as seguintes:
- Presentar nas oficinas municipais o escrito de comunicación previa nos termos indicados no artigo anterior.
- Sinalizar os viais situados nas zonas de extracción e depósito da madeira, conforme ao establecido na normativa vixente en materia de tráfico, circulación e seguridade vial.
- Limpar, retirar ou eliminar os residuos procedentes da corta da madeira e das operacións de carga e almacenamento, de xeito que as pistas, camiños ou espazos públicos queden en todo momento no mesmo estado de limpeza e conservación que tiñan antes de levarse a cabo esas operacións. Esta obriga deberá cumprirse todos os días ao final da xornada de traballo.
- Limpar as superficies dos montes e terreos forestais de xeito que non queden restos ou materiais que poidan constituír risco de incendio.
- Repor ao seu estado anterior as ramplas abertas para facilitar o acceso ás fincas ou montes.
- Responder dos danos e desperfectos ocasionados nos lugares da tala, viais de acceso, instalacións e demais infraestructuras, como consecuencia da realización das actividades de saca de madeira.
- Constituír a garantía a prol do Concello, conforme ao establecido no artigo 6.
2.- En caso de que o madeireiro incumpra algunha das obrigas contidas no apartado anterior, o Concello requirirao para o seu cumprimento, outorgándolle o prazo que se considere oportuno en cada caso, sen que poda exceder dun mes. Cando o madeireiro non puidera ser identificado, serán responsables do cumprimento desas obrigas os propietarios dos montes e/ou parcelas de que se trate.
3.- O disposto no apartado anterior deste artigo, enténdese sen prexuízo da imposición das sancións que correspondan polos incumprimentos desta ordenanza, conforme ao establecido nos artigos 8 a 12 da mesma.
Artigo 6. Garantía.
1.- Para responder das obrigas establecidas nesta ordenanza, o madeireiro deberá depositar garantía a prol do Concello, en calquera das formas establecidas no Texto Refundido da Lei de Contratos del Sector Público, aprobado por Real Decreto Lexislativo 3/2011, de 14 de novembro.
2.- Os servizos técnicos municipais, á vista do escrito de comunicación previa e da documentación sinalada no artigo 4.3, emitirán un informe, no prazo de cinco días hábiles a contar dende o seguinte ao da súa presentación, onde concretarán o importe da garantía en función das características das operacións a realizar. Para a súa fixación, teranse en conta, entre outras circunstancias, o peso da madeira que se vai extraer, o peso dos vehículos e/ou maquinaria que se vai utilizar e o estado do vial afectado.
3.- O madeireiro deberá depositar a garantía na Tesourería Municipal, no prazo de cinco días hábiles a contar dende a recepción do informe no quede fixada a súa contía, e en todo caso, con anterioridade á data prevista para comezar os traballos de saca de madeira.
4.- No caso de que se incumpra a obriga a que se refire o apartado anterior, o Concello poderá suspender os actos de saca de madeira que se estean realizando, e proceder de conformidade co establecido nos apartados 2º e 3º do artigo 5 desta ordenanza.
5.- Unha vez rematados os traballos de saca de madeira, os Servizos Técnicos Municipais deberán emitir un informe, no prazo de cinco días hábiles a contar dende o seguinte ao previsto como data de remate no escrito de comunicación previa, no que se deixe constancia do cumprimento ou incumprimento das obrigas das que a garantía debe responder.
6.- En caso de cumprimento, o Concello devolverá a garantía, previo informe favorable dos Servizos Técnicos Municipais, no que quede reflexado que non se causaron danos nin desperfectos nas vías e infaestructuras públicas municipais, e de que as pistas, camiños ou espazos públicos utilizados se atopan en perfecto estado de conservación e limpeza unha vez rematados os traballos.
7.- En caso de incumprimento, o Concello procederá de conformidade co establecido nos apartados 2º e 3º do artigo 5 desta ordenanza.
Transcorrido o prazo outorgado no requirimento, si este foi atendido, o Concello devolverá a garantía, previo informe favorable dos Servizos Técnicos Municipais.
Transcorrido ese prazo sen que se de cumprimento ao requirimento, o Concello acordará a realización dos traballos que sexan necesarios, a costa do obrigado, sobre o importe da garantía depositada.
8.- Cando as cantidades depositadas en concepto de garantía resulten insuficientes para sufragar os traballos mencionados no parágrafo anterior, recadarase a diferencia en concepto de ingreso de dereito público.
9.- O disposto no apartado 7º deste artigo, enténdese sen prexuízo da imposición das sancións que correspondan polo incumprimento desta ordenanza.
Artigo 7. Prohibicións.
O madeireiro encargado de realizar as operacións de saca da madeira deberá respectar as seguintes prohibicións:
- Iniciar os traballos de tala sen contar cos permisos e/ou autorizacións sectoriais correspondentes.
- Usar as vías públicas para almacén ou depósito da madeira. Os depósitos de rolla, ramas ou podalla, non poderán invadir as zonas de circulación de vehículos e persoas, nin menoscabar as infraestructuras anexas aos viais, nin supoñer un risco para os usuarios da vía.
- Efectuar desprazamentos de terra que polas súas características deban ser considerados como movementos de terra.
Artigo 8. Infraccións.
1.- Constitúen infraccións a esta ordenanza as accións ou omisións tipificadas como moi graves, graves e leves, de conformidade co disposto nos apartados 2º, 3º e 4º deste artigo.
2.- Son infraccións moi graves:
a) Realizar calquera das actividades relacionadas coa saca de madeira sen o previo depósito da garantía no importe que corresponda.
b) Non presentar o escrito de comunicación a que se refire o artigo 4.2 desta ordenanza, unha vez requirido polo Concello e dentro do prazo establecido no requirimento.
c) Non achegar a documentación sinalada no artigo 4.3 desta ordenanza, unha vez requirido polo Concello e dentro do prazo establecido no requirimento.
d) Non realizar os traballos necesarios para que as infraestruturas, pistas, camiños e/ou espazos públicos municipais utilizados se manteñan en perfecto estado de conservación e limpeza unha vez rematados os traballos, unha vez requirido polo Concello e dentro do prazo establecido no requirimento.
e) Ocultar ou falsear calquera dos datos a que se refire o artigo 4.2 desta ordenanza.
f) Ocultar ou falsear a documentación relacionada no artigo 4.3 desta ordenanza.
g) Realizar os traballos de saca de madeira usando infraestruturas, pistas, camiños e/ou espazos públicos municipais respecto dos cales se tivese denegado por parte do Concello a súa utilización, de conformidade co disposto no artigo 4.7.
h) Deixar as vías públicas municipais nun estado que supoña unha situación de risco para a seguridade vial, segundo o informe municipal que se emita.
i) A comisión, nun prazo dun ano, de dúas faltas graves que sexan firmes na vía administrativa.
3. Son infraccións graves:
a) Non presentar o escrito de comunicación previa (aínda que se achegue despois de ser requirido polo Concello).
b) Deixar as vías municipais en deficiente estado, segundo o informe municipal que se emita.
c) Non demoler ou non repor ao seu estado orixinal as ramplas ou accesos que se construíron ou abriron para entrar nos terreos.
d) A comisión, nun prazo dun ano, de dúas faltas leves, que sexan firmes na vía administrativa.
3.- Constitúe infracción leve calquera outro incumprimento dos requisitos, obrigas e/ou prohibicións establecidas nesta ordenanza, e que non estea cualificada como moi grave ou grave.
4.- Na valoración da gravidade das infraccións teranse en conta a existencia de intencionalidade, a natureza dos prexuízos causados, a reiteración dos feitos, a capacidade económica do infractor e a intensidade dos danos causados ás vías públicas e/ou aos usuarios das mesmas.
Artigo 9. Responsables.
1.- Serán responsables das infraccións sinaladas no artigo anterior as persoas físicas e xurídicas que as cometan en calidade de madeireiros.
2.- Os propietarios dos montes e/ou parcelas serán responsables das infraccións de que se trate no suposto de non identificar aos madeireiros, unha vez sexan requiridos polo Concello, e transcorrido o prazo de dez días hábiles a contar dende o seguinte ao da recepción do requirimento.
Artigo 10. Sancións.
1.- As infraccións desta ordenanza serán sancionadas coas seguintes multas:
- Infraccións leves: multa de ata 300,00 euros.
- Infraccións graves: multa de contía comprendida entre 300,01 euros e 1.000,00 euros.
- Faltas moi graves: multa de contía comprendida entre 1.000,01 euros e 3.000,00 euros.
2.- Na gradación das sancións deberase gardar a axeitada adecuación entre a gravidade da infracción cometida e a sanción aplicada.
3.- A imposición das sancións que procedan non eximirá aos responsables de realizar os traballos de limpeza que sexan necesarios, da reparación dos danos causados e de indemnizar polos prexuízos e perdas a que houbese lugar.
Artigo 11. Órganos competentes.
1.- Será órgano competente para iniciar o procedemento sancionador o alcalde ou concelleiro en quen delegue.
2.- A función instructora exercerase pola autoridade ou funcionario que designe o órgano competente para a incoación do procedemento, sen que poida recaer en quen tivera competencia para resolver o mesmo.
3.- Será órgano competente para resolver o procedemento sancionador a Xunta de Goberno Local.
Artigo 12. Procedemento sancionador.
A imposición das sancións requirirá a tramitación do correspondente procedemento, de conformidade co disposto nos artigos 127 a 138 da LRX-PAC e no Real Decreto 1398/1993, de 4 de agosto, polo que se regula o procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.
DISPOSICIÓNS FINAIS.
Primeira.- Habilítase á Alcaldía para dictar as disposicións ou instruccións que resulten necesarias para a interpretación, desenvolvemento e aplicación da presente ordenanza.
Segunda.- En cumprimento do disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, a presente ordenanza entrará en vigor unha vez que se publique o seu texto integramente no Boletín Oficial da Provincia e transcorra o prazo de quince días hábiles previsto no artigo 65.2 do citado texto legal
ANEXO
COMUNICACIÓN PREVIA
DATOS DE IDENTIFICACIÓN DO MADEIREIRO
NOME E APELIDOS/RAZÓN SOCIAL ______________________________________________________________________ NIF: _________________________ ENDEREZO: _____________________________________________________________ CP ____________ CONCELLO: ____________________________________ PROVINCIA:_____________________________ Teléfono: ______________________ Teléfono móbil: ____________________ Fax: ________________________________ Correo electrónico/e-mail: ______________________________________________________________________________ REPRESENTANTE / APODERADO (Para persoas xurídicas): ________________________________________________________________ NIF: _________________________________ |
DATAS PREVISTAS
PARA COMEZAR OS TRABALLOS DE SACA DE MADEIRA _________________ /_______________ /_______________ PARA REMATAR OS TRABALLOS DE SACA DE MADEIRA _________________ /_______________ /_______________ |
DATOS DE IDENTIFICACIÓN DOS VEHÍCULOS E/OU MAQUINARIA A EMPREGAR
VEHÍCULO/MAQUINARIA | MODELO | MATRÍCULA | PMA |
DOCUMENTACIÓN QUE SE AXUNTA:
Fotocopia compulsada do NIF do madeireiro. No seu caso, fotocopia da solicitude de autorización para aproveitamento madeireiro, ou da notificación, ante o organismo que corresponda, de conformidade co disposto na Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia. Ficha catastral dos montes e/ou parcelas afectados/as. Plano indicativo dos camiños e vías a empregar. Plano indicativo das zonas elixidas para depósito da madeira. |
Arzúa, .......... de .............................. de ...............
Asdo:
A/A ALCALDE DO CONCELLO DE ARZÚA
DATOS DE IDENTIFICACIÓN DO MONTE OU PARCELA AFECTADO
NOME _________________________________________ REFERENCIA CATASTRAL________________________________ LUGAR/PARROQUIA ______________________________________________ SUPERFICIE(M2)______________________ ESPECIE DE MADEIRA ____________________________________________ TN A EXTRAER_______________________ ESPECIE DE MADEIRA ____________________________________________ TN A EXTRAER_______________________ ESPECIE DE MADEIRA ____________________________________________ TN A EXTRAER_______________________ ESPECIE DE MADEIRA ____________________________________________ TN A EXTRAER_______________________ SUPERFICIE TOTAL A TALAR (M2) ___________________________TN TOTALES A EXTRAER_______________________ |
DATOS DE IDENTIFICACIÓN DO PROPIETARIO DO MONTE OU PARCELA AFECTADO
NOME E APELIDOS/RAZÓN SOCIAL _____________________________________________________________________ NIF:___________________________ENDEREZO:____________________________________________________________ CP _______________ CONCELLO: _______________________ PROVINCIA:______________________________________ Teléfono: _____________________ Teléfono móbil:______________________ Fax:________________________________ Correo electrónico/e-mail:______________________________________________________________________________ REPRESENTANTE / APODERADO (Para persoas xurídicas): ___________________________________________________________________ NIF: _____________________________ |
LUGARES PREVISTOS PARA DEPÓSITO DA MADEIRA
______________________________________________________________________________________________________
______________________________________________________________________________________________________
______________________________________________________________________________________________________
CAMIÑOS E VÍAS A EMPREGAR NOS TRABALLOS DE SACA DE MADEIRA
______________________________________________________________________________________________________
______________________________________________________________________________________________________
______________________________________________________________________________________________________
Arzúa,..........de.............................. de ...............
Asdo:
A/A ALCALDE DO CONCELLO DE ARZÚA
DATOS DE IDENTIFICACIÓN DA EMPRESA TRANSPORTISTA (para cubrir só no caso de que as operacións de transporte se realicen por empresa distinta do madeireiro)
NOME E APELIDOS/RAZÓN SOCIAL _____________________________________________________________________ NIF:___________________________ENDEREZO:____________________________________________________________ CP _______________ CONCELLO: _______________________ PROVINCIA:______________________________________ Teléfono: _____________________ Teléfono móbil:______________________ Fax:________________________________ Correo electrónico/e-mail:______________________________________________________________________________ REPRESENTANTE / APODERADO (Para persoas xurídicas): ___________________________________________________________________ NIF: _____________________________ |
DATOS DE IDENTIFICACIÓN DOS VEHÍCULOS E/OU MAQUINARIA A EMPREGAR PARA O TRANSPORTE (para cubrir só no caso de que nas operacións de transporte se utilicen vehículos de empresa distinta do madeireiro)
VEHÍCULO/MAQUINARIA | MODELO | MATRÍCULA | PMA |
Arzúa, .......... de .............................. de ...............
Asdo:
A/A ALCALDE DO CONCELLO DE ARZÚA