Negreira - REGULAMENTO DE VENDA AMBULANTE DO CONCELLO DE NEGREIRA

Publicación provisional: 15/11/2019 BOP Nº: 218
Publicación definitiva: 13/01/2020 BOP Nº: 7
Aplicable dende: 03/02/2020

Artigo 1.-Marco normativo.

O presente regulamento aprobase de acordo co disposto na lexislación seguinte:

1.-O presente regulamento dítase en exercicio das competencias que se atribúen ao municipio pola Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, e a Lei do Comercio Interior de Galicia.

2.-Será de aplicación a esta materia, ademais do contido neste Regulamento, a seguinte normativa: Lei 1/2010, do 1 de marzo, de reforma da Lei 7/1996, do 15 de xaneiro, de Ordenación do Comercio Minorista. R. D. 199/2010, do 26 de febreiro, polo que se regula o exercicio da venda ambulante ou non sedentaria. Lei 13/2010 do 17 de decembro do Comercio Interior de Galicia. R.D. 1/2007, do 16 de novembro, Texto Refundido da Lei 26/1984, do 19 de xullo, xeral para a defensa dos consumidores e usuarios.

Artigo 2.-Obxecto.

O presente regulamento ten por obxecto a regulación do exercicio da venda ambulante ou non sedentaria no Concello de Negreira, entendendo por tal a exercida por comerciantes, personas físicas ou xurídicas fóra de establecementos comerciais permanentes de forma habitual, ocasional, periódica ou continuada, nos perímetros ou lugares debidamente autorizados en instalacións desmontables ou transportables, incluíndos os camións ou vehículos- tenda.

Artigo 3.-Modalidades de venda ambulante.

A venda ambulante realizarase baixo as modalidade seguintes:

1.-Venda ambulante en mercados periódicos ou ocasionais: a autorizada nos espazos de uso público previamente determinados, cunha periodicidade habitual establecida ou esporádica. Esta modalidade inclúe as vendas realizadas en feiras, festas, mercados e rastros.

2.-Venda ambulante en postos desmontables instalados na vía pública: a autorizada para un número de postos, situacións e períodos determinados en espazos de uso público.

3.-Venda ambulante mediante camións ou vehículos- tenda: é a realizada mediante vehículos e autorizada en zonas ou lugares determinados.

4.-Venda ambulante en mercados ocasionais que teñan lugar con motivo de feiras, festas ou acontecementos populares.

Artigo 4.-Suxeitos da venda.

A venda ambulante poderá ser exercida por toda persoa física ou xurídica que posúa a capacidade precisa, que se dediquen profesionalmente ao comercio polo miúdo, e cumpran os requisitos establecidos no presente regulamento e demais normativa de aplicación.

A venda de productos agrícolas de temporada poden realizala persoas físicas ainda no caso de que non se dediquen profesionalmente á actividade de comercio polo miúdo, sempre que cando reunan os demáis requisitos que para este tipo de actividades se establezcan neste regulamento.

Artigo 5.-Condicións para o exercicio da venda ambulante.

Para o exercicio da venda ambulante será indispensable dispoñer da pertinente autorización municipal de acordo cos contidos que establece este regulamento.

Artigo 6.-Postos de venda ambulante.

1.-Únicamente se autorizará a venda ambulante en postos desmontables e en camións ou vehículos-tenda.

2.-As instalacións desmontables e os camións ou vehículos-tenda deberán reunir as necesarias condicións de salubridade, seguridade e ornato público e aquelas outras esixidas pola normativa aplicable ao producto co que se comercie.

3.-O concello poderá fixar as características, deseño e materiais dos postos de venda coa finalidade de que se adapten ao entorno no que se sitúen. Con carácter xeral, os postos terán un fondo máximo de 2.50 metros, sen prexuizo da autorización por razóns xustificadas de postos de maiores dimensións.

4.-Os postos de venda e camións ou vehículos-tenda emprazanse nos lugares autorizados, prohibíndose a colocación nos accesos a edificios, establecementos comerciais ou industriais e coidando de non facelo tapando de xeito notorio os escaparates ou exposicións ou de xeito que dificulten a circulación de peóns ou vehículos

Prohíbese expresamente o emprego de sistemas de ancoraxe ou elementos que poidan danar o pavimento, o mobiliario urbano ou as árbores

Artigo 7.-Lugares, datas e horarios de venda.

A venda ambulante en mercados periódicos ou ocasionais desenvolverase nas rúas e espazos públicos e coa periodicidade e horarios que determine o órgano municipal competente.

O concello por causa de interés xeral ou por forza maior, poderá dispor o traslado dos postos de venda así como a reducción ou ampliación do número e superficie dos postos do mercado, sen xerar dereito á percepción de ningún tipo de indemnización.

Con carácter xeral e sen prexuizo do determinado no apartado anterior, a venda en mercados de carácter periódico ou ocasional desenvolverase OS DOMINGOS en horario de 8.00 a 14.30 horas, debendo realizarse a montaxe dos postos entre as 8.00 e as 9.30 horas e desmontaxe a partir das 14.00 horas. A partir das 10.00 horas prohíbese o acceso e estacionamento de vehículos aos espazos habilitados para a venda, agás nos días de temporal ou por causa de forza maior, e previa comunicación á Policía Local.

Nas restantes modalidades de venda ambulante a actividade desenvolverase nas datas, lugares e horarios expresamente autorizados. Con carácter xeral, o horario habilitado para estas modalidades de venda comprenderá desde as 10.00 horas ás 22.00 horas.

Artigo 8.-Produtos autorizados para á venda.

Poderán venderse artigos téxtiles, de artesanía, bisutería, marroquinería, calzado, confección, droguería, artigos de coiro ou pel, de ornato de pequeno volume, así como produtos alimentarios que non estean expresamente prohibidos pola normativa vixente. Autorizase a venda en camións-tenda de pan, froita, queixos, produtos envasados, peixe fresco e conxelado, así como outros produtos alimentarios nos que a súa venda en réxime de ambulancia estea autorizada pola normativa estatal ou autonómica aplicable, cando se cumpran as condicións sanitarias e hixiénicas que establece a lexislación sectorial sobre a materia para cada tipo de produto. En concreto, non poderán vender produtos destinados ao consumo humano as persoas quen carezan do carné de manipulación de alimentos.

Os titulares da autorización de venda ambulante non poderán vender produtos diferentes aos autorizados sen a previa aprobación municipal.

O Concello de Negreira procurará a diversidade de artigos presentes no mercado de venda ambulante, favorecendo a competencia e o desenvolvemento sostible do comercio local, e non permitindo que a venda dun mesmo artigo supere as tres cuartas partes dos postos de venda autorizados en cada un dos mercados.

Artigo 9.-Requisitos para exercer a actividade.

O exercio da venda ambulante no Concello de Negreira requírese a previa obtención da autorización municipal para o que deberá acreditarse o cumprimento dos seguintes requisitos:

1.-Estar dada de alta no correspondente epígrafe do Imposto de Actividades Económicas ou, no caso de estar exente desa obriga, no censo de obrigados tributarios.

2.-Satisfacer as taxas ou tributos fixados na correspondente ordenanza fiscal.

3- Estar dada de alta no réxime correspondente da Seguridade social e atoparse ao corrente no pago das súas cotizacións.

4.-Ter contratada unha póliza de seguro de responsabilidade civil que cubra os riscos que puideran derivarse do exercicio da actividade.

5.-Cumprir todos os requisitos que establezan as regulamentacións específicas aplicables aos produtos obxecto da venda. Con carácter específico, a venda de produtos de herboristería e dietética esixirá acreditar o cumprimento dos requisitos impostos pola normativa sanitaria.

6.-Gozar do oportuno permiso de residencia e permiso traballo, en caso de non posuír nacionalidade española, conforme á normativa vixente na materia. No caso de traballadores comunitarios deberán estar en posesión da tarxeta de residencia.

7.-Estar en posesión da correspondente autorización municipal para este tipo de venta.

8.-Estar en posesión do carné de manipulador/a de alimentos, actualizado, nos casos que proceda a venda de produtos alimentarios.

9.-Os/as vendedores/as ambulantes deberán cumprir no exercicio da súa actividade, a obriga de coñecer e cumprir a normativa xeral de ordenación do comercio, disciplina de mercado e protección do consumidor, e cumprir as condicións e requisitos esixidos pola normativa reguladora dos produtos que sexan obxecto da venda.

10.-Estar debidamente autorizado/a como comerciante ambulante (quen exerza o comercio ambulante, deberá ter expostos os seus datos de identificación de modo que resulten facilmente visibles cara ao público).

11.-As instalacións e maquinaria que se empreguen para os postos de venda terán que ser desmontables, transportables ou realizarse en camións ou vehículos tenda, e reunir, en todos os casos, as debidas condicións de seguridade, salubridade, limpeza e presentación. O Concello poderá ordenar a retirada das instalacións ou maquinaria que non reúnan as devanditas características.

12.-O Concello de Negreira promoverá a venda da produción dos labregos e labregas locais ou da contorna para que, ben individualmente ou organizados de forma colectiva, comercialicen os alimentos producidos nas súas explotacións, recoñecidos historicamente como produtos tradicionais, ou ben protexidos como produtos alimentarios tradicionais por unha norma comunitaria, nacional, rexional ou local. Con este obxectivo habilitaranse espazos reservados para a venda destes produtos e poderase autorizar a celebración de feiras temáticas de promoción deste tipo de produción.

No suposto de agrupación de produtores e produtoras agrícolas locais ou de concellos da contorna, o Concello de Negreira esixirá, coa suficiente antelación, a remisión da identificación documental das persoas autorizadas para a presenza no posto ambulante de venda. En todo caso, deberán ter expostos, de xeito facilmente visible para o público, os datos de identificación en cada un dos produtos dos distintos labregos e labregas que comercialicen no mesmo posto, e deberán permitir un seguimento da trazabilidade dos alimentos.

Artigo 10.-Competencias municipais.

Correspóndelle ao Concello de Negreira dentro do seu territorio municipal:

- Conceder autorización para o exercicio da venda ambulante dentro do territorio municipal. A concesión da autorización municipal para o exercicio da venda ambulante estará sometida á comprobación previa por parte do Concello de que o/a solicitante cumpra os requisitos legais en vigor para o exercicio do comercio; así como o establecido pola regulación do produto para o que se autoriza a venda.

- O Concello pode revogar ou anular a autorización concedida cando se incumpran as causas que motivaron a concesión ou cando se acredite o incumprimento de calquera das condicións da autorización.

- Fixar as taxas para o exercicio da actividade no dominio público municipal, na correspondente ordenanza fiscal.

- Establecer a localización, datas e horarios de celebración de mercados e feiras ata a súa modificación ou suspensión.

- Determinar os artigos ou produtos dos que se autoriza a venda nos mercados do territorio municipal, de conformidade coa normativa específica que regula a comercialización de cada grupo de produtos ou artigos, e as prohibicións específicas contidas na Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

- Establecer as condicións necesarias para o normal desenvolvemento do tránsito de vehículos e peóns, indicando as vías de circulación e os espazos de aparcamento, carga e descarga.

- Establecer as condicións de vixilancia e control do normal desenvolvemento da feira ou mercado.

- Impoñer as sancións correspondentes ás condutas constitutivas de infracción.

Artigo 11.-Características da autorización municipal para o exercicio da venda ambulante:

1.-A súa concesión ten carácter discrecional e está supeditada ao interese xeral.

2.-A autorización é persoal e non poderá ser cedida ou subarrendada a terceiros, dando lugar o incumprimento á anulación da autorización sen prexuizo das contías que corresponda aboar ós interesados

3.-Os/as titulares da autorización ou licenza, nos mercados periódicos, poderán designar un/unha suplente, cuxos datos persoais se farán constar na autorización. O/a suplente deberá ser familiar en primeiro grao ou empregados/as dados de alta na seguridade social por conta do/a titular. O/a suplente non poderá ser titular de licenza deste Concello para o exercicio da venda ambulante. A condición de suplente non xerará dereito ningún de cara á ulterior concesión de licenzas para o exercicio da venda ambulante.

4.-O/a titular da autorización poderá contratar persoal que o/a asista na atención do posto.

Artigo 12.-Obrigas das persoas titulares da autorización.

O carné de venda ambulante é o documento que autoriza o exercicio da venda no Concello de Negreira

O Concello poderá conceder autorización provisional para exercer a venda ambulante nos supostos en que, pola súa natureza ou situación especial da persoa que exerza a venda, se considere oportuno, sen prexuízo do réxime xeral de autorización e demais normativas legais.

A cada titular seralle concedido un só posto de venda, e esta concesión implicará para as persoas titulares as obrigas que seguen:

- Ter visible a autorización formalizada por parte Concello.

- Respectar os horarios de mercado nos que estea autorizado.

- Acudir ao mercado con asiduidade mantendo o posto con actividade, cumprindo co establecido no artigo 15.1.G e comunicándolle ao Concello a súa ausencia temporal debidamente xustificada. O posto manterá as debidas condicións de hixiene e presentación sanitarias.

- Cumprir as condicións impostas na autorización relativas ao posto e aos produtos obxecto da autorización.

- Manter o decoro e as boas formas coa clientela e cos/coas axentes da autoridade encargados do control e vixilancia do mercado.

- Depositar os residuos xerados pola actividade nos colectores habilitados polo Concello ao remate da actividade.

- Comunicar ó Concello os cambios de domicilio sinalado na autorización.

Artigo 13.-Solicitudes de autorización.

A autorización para o exercicio da actividade deberá solicitala a persoa interesada, ou que a represente coa debida autorización, en impreso normalizado facilitado polo Concello. Nesa solicitude farase constar o seguinte:

1.º.-Nome e apelidos ou denominación social, enderezo para efectos de notificación, número do DNI ou NIF. As persoas estranxeiras, número de identificación (do pasaporte en vigor). Faranse constar os mesmos datos cando a solicitude sexa formulada por representante autorizado/a.

2.º.-Mercadoría que se pretende vender, coa epígrafe correspondente.

3.º.-Dimensións do espazo que se pretende ocupar e tipo de instalación pretende introducir no recinto do mercado.

4.º.-Modalidade de venda ambulante.

5.º.-Determinación das persoas habilitadas.

6.º.-Sinatura da persoa solicitante.

7.º.-Declaración responsable asinada, na que manifeste:

7.1.-O cumprimento dos requisitos establecidos.

7.2.-Estar en posesión da documentación que así o acredite a partir do inicio da actividade.

7.3.-Manter o seu cumprimento durante o prazo de vixencia da autorización.

7.4.-Estar dado de alta na epígrafe correspondente do imposto de actividades económicas e estar ao corrente no pago da tarifa ou, en caso de estar exentos, estar dado de alta no censo de obrigados tributarios.

7.5.-Estar ao corrente no pago das cotizacións da Seguridade Social.

7.6.-Os/as procedentes de terceiros países deberán acreditar o cumprimento das obrigacións establecidas na lexislación vixente en materia de autorizacións de residencia e traballo.

7.7.-Reunir as condicións esixidas pola normativa reguladora do produto ou produtos obxecto da venda ambulante ou non sedentaria.

7.8.-Ter subscrito póliza de seguro de responsabilidade civil que cubra calquera clase de risco derivado do exercicio da súa actividade comercial.

7.9.-Declaración expresa de que o solicitante coñece a normativa sectorial aplicable no territorio municipal.

Artigo 14. Documentación para a autorización.

Aquelas solicitudes que non sexan admitidas e cumpran cos requisitos esixidos pasarán a formar parte dunha lista de agarda, que deberá ser renovada anualmente entre os días 1 e 31 de decembro, prazo no que as persoas interesadas tramitarán unha nova solicitude. O prazo de resolución será de tres meses a partir da entrada da solicitude no rexistro do Concello de Negreira. Se no prazo indicado non se dita resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 4/1999 e na Lei 30/1992.

Unha vez recibida a comunicación favorable, os e as solicitantes deberán remitir, cun prazo de quince días hábiles, a seguinte documentación orixinal ou copia cotexada:

1.-Copia do DNI. No caso de que a persoa solicitante sexa estranxeira, deberá acompañar fotocopia do pasaporte, en vigor.

2.-No caso de persoas solicitantes estranxeiras, copia do permiso de traballo e permiso de residencia. Se a persoa solicitante é dun país comunitario, copia da tarxeta de residencia.

3.-Dúas fotografías tamaño carné.

4.-Compromiso expreso, que deberá constar así na solicitude, no que se indique que a persoa que vai exercer a actividade será a titular da autorización, e declare que coñece e cumpre as normas as que deberá axustarse a súa actividade, no caso de ser autorizada. Do mesmo xeito, deberá incluír o nome da persoa ou persoas que ocasionalmente poidan substituta no exercicio da actividade, segundo o que se expresa no artigo 8 da presente ordenanza.

5.-Das persoas autorizadas, acompañarase o xustificante da relación familiar existente, e a documentación que se relaciona nos puntos 1, 2, e 3 do presente artigo.

6.-Se a autorización afecta á venda de produtos alimentarios, deberá achegar fotocopia do carné de manipulador/a de alimentos, en vigor.

7.-Estar en posesión do seguro de responsabilidade civil que garanta a cobertura de calquera clase de risco que pola maquinaria ou instalacións poida orixinar.

8.-Copia de alta no IAE que corresponda a actividade para a que se solicita autorización.

9.-Copia da alta e do último recibo da seguridade social. Se é empregado/a, copia do último TC2.

10.-Para os supostos contemplados no artigo 9.12 da presente Ordenanza, os/as solicitantes do posto de agricultores locais ou da contorna deberán presentar, cando menos, documentación acreditativa dos seguintes requisitos: -Estar dado de alta no correspondente epígrafe do IAE e ao corrente nas taxas municipais.

- Estar dado de alta no réxime correspondente da Seguridade Social.

- Ter contratada unha póliza de seguro de responsabilidade civil que cubra os riscos que puideran derivarse do exercicio da actividade.

- Estar en posesión do carné de manipulador/a de alimentos, actualizado, da persoa solicitante así como dos distintos labregos e labregas que estean presentes na comercialización no mesmo posto.

No caso de non presentar a documentación no prazo concedido, sen xustificación ningunha, o Concello entendera que desiste da súa solicitude.

Artigo 15.-Contido da autorización.

A autorización municipal de exercicio da venda ambulante terá como mínimo o seguinte contido:

a) Nome e apelidos ou denominación social, domicilio DNI / CIF da persoa titular da autorización.

b) Modalidade de venda ambulante que se autoriza.

c) Determinación dos artigos que poden ser obxecto de comercialización, especificando as condicións particulares de hixiene ou seguridade especialmente necesarias para o caso.

d) Determinación dos lugares e dimensións para os que se autoriza o exercicio da venda ambulante.

e) Determinación do número de persoas habilitadas para a venda baixo a dependencia da persoa titular da autorización.

f) Referencia á obriga de coñecer e cumprir a normativa xeral de ordenación do comercio, a disciplina do mercado e a protección do/a consumidor/a.

g) Condicións particulares ás que, se é o caso, quede suxeita a persoa titular da autorización.

h) Período de vixencia da autorización.

Artigo 16.-Criterios de autorización.

1. As autorizacións, que sexan concedidas polo Concello de Negreira, estarán suxeitas a comprobación polo Concello do cumprimento por parte da persoa peticionaria dos requisitos esixidos por este Regulamento e pola restante normativa de aplicación. O Concello poderá conceder autorización provisional para exercer a venda ambulante nos supostos en que, pola súa natureza ou situación especial da persoa que exerza a venda, se así o considera oportuno, sen prexuízo do réxime xeral de autorización e demais normativas legais.

2. O Concello de Negreira establecerá as novas autorizacións seguindo os seguintes criterios:

a) Terán prioridade aquelas solicitudes nas que as actividades sexan novas ou pouco desenvoltas no mercado.

b) Cando non existan actividades contempladas nos anteriores puntos, atenderase por rigorosa orde de entrada na lista de agarda.

3. Non se concederá máis dunha autorización por persoa física ou xurídica e mercado.

4. Os e as comerciantes que solicitasen un posto no mercado periódico e non se lles concedera pasarán a formar parte dunha bolsa para cubrir de forma provisional as baixas ou ausencias superiores a un mes, que se produzan ao longo do ano natural, ata a nova adxudicación. Os/as beneficiarios/as deberán cumprir os requisitos deste Regulamento e pagar a taxa correspondente para o posto que van ocupar. Ser beneficiario/a dun posto ocasional no mercado non da dereito a obter unha adxudicación.

Artigo 17.-Renovación de autorización.

A renovación da autorización realizarase cada cinco anos. O Concello de Negreira poderá comprobar o estado das condicións que motivaron a adxudicación en calquera momento da vixencia desta. Cada cinco anos renovarase o carné de vendedor ambulante, entre o 1 e o 31 de decembro, esixindo en cada caso, se fose necesario, a documentación oportuna. Anualmente terá que acreditar, estar de alta na seguridade social, ter subscrito o seguro de responsabilidade civil e aboar as taxas municipais correspondentes.

Artigo 18.-Extinción da autorización.

1.-Sen prexuízo do disposto noutros preceptos deste Regulamento, a autorización extinguirase, previa audiencia coa persoa interesada e resolución da Alcaldía:

a) Transcorrido o prazo polo que se outorgaron, sen solicitar a renovación ou sen pagar as taxas municipais correspondentes, dentro do prazo establecido para tal efecto.

b) Renuncia expresa por escrito da persoa titular.

c) Causas de interese público sobrevidas antes do remate do prazo polo que se outorgou a autorización, tales como a execución de obras ou reestruturación dos emprazamentos nos que se sitúe o mercado, ou por incompatibilidade sobrevida da instalación con outros servizos e obras que se estean executando na zona.

d) Subarrendo ou venda do posto a un terceiro.

e) Morte do titular.

f) Perda dalgún dos requisitos establecidos no seu outorgamento.

g) Non asistir a oito mercados seguidos ou dez alternos, ao longo dun ano, salvo causa xustificada que deberá por en coñecemento do Concello. Neste caso, a extinción quedará a criterio do órgano que outorgou a autorización.

h) Falta de pago das sancións municipais impostas polo Concello, xulgado ou calquera órgano da Administración con competencias en materia relativa a comercio interior.

i) Cometer algunha das infraccións contidas nesta ordenanza, tipificadas como infracción grave ou moi grave, ou reincidir na infracción.

2.-Salvo nos supostos de extinción polo transcurso do prazo, que operará automaticamente, os expedientes de extinción poderán iniciarse de oficio ou a instancia de parte. A súa resolución correspóndelle á Alcaldía Presidencia ou ao/á concelleiro/a no que delegue. Todo expediente de extinción será sometido a tramite de audiencia.

3.-As autorizacións quedarán sen efecto e poderán ser revogadas cando se incumpran as condicións coas que foron outorgadas.

Artigo 19.-Infraccións.

Constitúen infraccións á presente ordenanza as seguintes condutas, que se clasificarán en leves, graves e moi graves.

Serán faltas leves:

- Producir ruídos, berros ou música que incumpran a ordenanza de ruídos e vibracións.

- A falta de ornato ou limpeza das instalacións e da súa zona circundante e non depositar o lixo nos colectores instalados no perímetro do mercado.

- Instalar o posto fóra do lugar sinalado para tal fin, sempre e cando non prexudique a un terceiro nin altere o normal desenvolvemento do mercado.

- Non respectar os horarios establecidos polo Concello para o mercado. Non ter á vista a autorización municipal de venda ambulante en vigor.

Serán faltas graves:

- Uso de violencia física ou verbal.

- A reiteración der dúas faltas leves no transcurso dun ano a contar dende a comisión da primeira, declaradas por resolución firme.

- Non cumprir as normas de seguridade.

- A venda de produtos distintos dos autorizados.

- Non estar en posesión do carnet de manipulador de alimentos en vigor cando a actividade así o requira.

- Non acreditar mediante factura ou autorización correspondente, a procedencia de mercadoría.

- A desobediencia das instrucións particulares de bo goberno, transmitidas polos axentes da autoridade, ou incumprir as normas de orde e indicacións da Policía municipal.

- Non reunir algún dos requisitos para o exercicio da venda ambulante.

- Modificación na estructura das instalación.

Serán faltas moi graves:

- A reiteración de dúas veces de faltas graves no transcurso dun ano a contar dende a comisión da primeira, declaradas por resolución firme.

- O exercicio da actividade por parte de persoa diferente da autorizada ou do seu suplente.

- A información e publicidade que induza a engano ou confusión.

- A negativa ou resistencia a subministrar datos ou facilitar a información requirida polas autoridades competentes, así como a subministración de información inexacta ou documentación falsa.

- A venda de produtos non autorizados ou en mal estado que cause dano para a saúde.

- A instalación de postos sen autorización ou fóra de recinto acoutado para o mercado.

- Causar prexuízos a terceiros pola instalación do posto ou alterando o normal desenvolvemento do mercado.

Artigo 20.-Sancións.

Aplicaranse as sancións por infraccións da presente ordenanza:

1.-Por faltas leves:

* Apercibimento.

*Multa de 1 a 300 euros.

2.-Por faltas graves:

* Multa de 300,1 a 1.000 euros.

* Suspensión de 1 mes.

3.-Por faltas moi graves:

- Multa de 1000,1 a 3.000 euros.

- Suspensión de 2 meses hasta 6 meses ou revogación da autorización sen dereito a indemnización.

- Comiso da mercadoría nos casos de venda de produtos non autorizados.

- Correspóndelle á Alcaldía ou ao/a concelleiro/a no que delegue, a imposición de multas e demais sancións.

Artigo 21.-Medidas cautelares.

En todos os casos de suposta infracción establecidos nos artigos anteriores poderase, ao tempo de apreciarse a súa comisión, reter cautelarmente a autorización de venda ambulante, en tanto se tramite o expediente correspondente e se resolva definitivamente a sanción a aplicar. A retención cautelar significará a prohibición de exercer a actividade comercial, e o tempo de retención cautelar será reducido do que, se é o caso, se fixe na sanción.

Artigo 22.-Reincidencia.

Producirase reincidencia cando no transcurso dun ano o suxeito cometa máis dunha infracción da mesma natureza, e feitos sancionados en resolución administrativa firme. A reincidencia así apreciada poderá dar lugar. ademais da sanción económica, a retirada definitiva da autorización de venda ambulante no territorio municipal.

Artigo 23.-Procedemento.

Para a determinación das infraccións e a imposición das sancións previstas nesta ordenanza, será de aplicación o RD 1398/1993 de 4 de agosto, polo que se aproba o regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora; a Lei 30/1992, do 26 de novembro, reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas concordantes.

Disposición adicional

Quedan excluídos do ámbito desta ordenanza a regulación dos postos autorizados na vía pública de carácter fixo e estable, nos que se desenvolvan actividades comerciais de forma habitual e permanente mediante a oportuna concesión administrativa (quioscos de prensa e similares ), que se rexerán polas súas normativas específicas.

Disposición derrogatoria

Á entrada en vigor desta Ordenanza quedan derogadas cantas disposicións municipais anteriores regularan a mesma materia.

Disposición final

A entrada en vigor desta ordenanza será tras a súa publicación no BOP da Coruña e unha vez transcorrido o prazo establecido no art. 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local. Haberá un período de adaptación ó novo Regulamento con vixencia de 3 meses dende a publicación do mesmo.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

 

O regulamento dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:

 

¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."

 

Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.