Fisterra - ORDENANZA REGULADORA DA TAXA POLA UTILIZACIÓN DO PAVILLÓN POLIDEPORTIVO MUNICIPAL

Publicación provisional: 23/02/1999 BOP Nº: 43
Publicación definitiva: 23/02/1999 BOP Nº: 43
Aplicable dende: 24/02/1999

Art. 1.º .-Fundamento e Natureza

No uso das facultades conferidas polos artigos 133.2 e 142 da constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos do 15 o 19 e 20, apartados 4 o) da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, este Concello establece a Taxa por utilización do Pavillón Polideportivo Municipal

Art. 2.º .-Obriga de contribuír.

1.-Feito impoñible: Está constituído pola utilización de calquera das instalacións que constitúen o obxecto desta Ordenanza, cos fins deportivos,culturais, sociais e benéficos.

2.-A obriga de contribuír nace desde o momento en que se concede a utilización das instalacións

3.-Suxeito pasivo:

Están obrigados ó pagamento desta taxa :

a) As persoas naturais ou xurídicas que soliciten a utilización das instalacións.

b) As Entidades, Organismos,Asociacións,Federacións,Clubes, etc., en nome dos cales se solicitará autorización para a utiliza-las instalacións.

Artigo 3.º .-Contía.

1.-A contía da taxa regulada nesta Ordenanza será a fixada na tarifa contida no apartado seguinte para cada un dos distintos servicios ou actividades.

2.-Tarifa:

a) Utilización para adestramentos entendido por tal cando non se utilicen árbitros e un só vestiario. Por hora ou fracción: 500 ptas.

b) Xogo de partidos amigables ou oficiais con entrada gratuíta (sen utilización de despacho de billetes), por hora ou fracción: 500 ptas.

c) Partidos de competición oficial con cobramento de entrada, por hora ou fracción: 2.000 ptas.

d) Actos benéficos, sociais ou culturais: 1000 ptas por hora ou fracción.

e) En tódolos casos ós que se feriren os apartados A,B,C,D, con utilización de luz eléctrica aboará o usuario a cantidade de 500 ptas/hora.

f) Utilización do polideportivo para espectáculos deportivos:

- Con cobramento de entrada: 20.000 ptas/día.

- Sen cobramento de entrada. 8.000 ptas/día.

g) Utilización do polideportivo para actividades non incluídas nos apartados anteriores, cun límite de 24 horas: 30.000 ptas., podendo incrementarse ou diminuír en función do tipo de actividade previo acordo coa Comisión de Goberno.

Artigo 4.º .-Concertos fiscais, exencións e bonificacións.

1.-Estará exento do pagamento desta Taxa o Concello de Fisterra nas actividades organizadas ou patrocinadas por el. O patrocinio será sempre obxecto de previo acordo da Comisión de Goberno ou Concelleiro delegado.

2.-As persoas xurídicas residenciadas no Término Municipal de Fisterra debidamente federados nos Organismos Deportivos Oficiais, que organicen actos con carácter periódico no Polideportivo Municipal, poderán solicita-lo correspondente concerto económico co Excmo. Concello de Fisterra, as condicións do mesmo serán fixadas pola comisión de Goberno.

3.-Atendendo ó interese social e cultural e formativo, os actos deportivos de carácter afeccionado poderán gozar dunha bonificación de ata o 50% das tarifas.A antedita bonificación será outorgada para cada caso pola Comisión de Goberno.

4.-A Comisión de Goberno poderá conceder bonificacións ou a total exención desta taxa no caso de utilización das instalacións para a celebración dos actos organizados con fins benéficos.

5.-As persoas ou entidades interesadas na obtención das exencións ou bonificacións establecidas nesta Ordenanza, solicitarano ó Concello con anterioridade á celebración das actividades, acreditando suficientemente as circunstancias que xustifiquen a súa pretensión.

Artigo 5.º .-Publicidade.

A publicidade gráfica fixa no Pavillón Polideportivo será de explotación exclusiva da Corporación, segundo as tarifas que ó efecto se aproben polo Pleno Municipal. Poderase realizar no valado móbil da pista polideportiva, debendo autorizar igualmente a Corporación o soporte material da mesma. A tarifa será de 3.000 pesetas/m2. anual (máximo 6 m2).

Artigo 6.º .-Persoal discontinuo.

O persoal discontinuo necesario para a realización de cada acto (Porteiros,cobradores,vixiantes...), será aportado polos organizadores.As necesidades do persoal deste tipo serán fixadas pola Corporación atendendo á categoría das actividades a realizar. estarán suxeitos na súa actuación ás indicacións que veñan do persoal municipal.

Artigo 7.º .-Solicitudes de utilización.

1.-As persoas, clubes, entidades, federacións, etc., que desexen utiliza-las instalacións deberán solicitalo por escrito, con tres días de antelación, polo menos, ante o Concello, expresando os días e as horas que desexen efectua-la utilización e demais circunstancias que estimen expoñer.

As actividades de carácter periódico deberán solicita-la utilización do Pavillón Polideportivo Municipal, antes do inicio das competicións oficiais, achegando calendario dos mesmos e debendo advertir ó Concello de calquera alteración que se produza no mesmo.

As solicitudes, debidamente tramitadas, serán resoltas polo Sr. Alcalde-Presidente ou Delegado de deportes, se se delegase nel esta facultade.

Artigo 8.º .-Liquidación e recadación.

1.-A liquidación da Taxa efectuarase pola Administración Municipal e o ingreso será efectuado a través das contas correntes abertas a nome deste Concello.

2.-A Taxa aboarase no momento da concesión da utilización das instalacións e o encargado das mesmas non as abrirá se non se presentase autorización de utilización e o xustificante de ter ingresado o prezo público.

Artigo 9.º .-Dereito supletorio.

No non previsto nesta Ordenanza será de aplicación a vixente lexislación de Réxime Local e demais disposicións complementarias.

Disposición final.

A presente Ordenanza entrará en vigor unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia e trancorrerse o prazo a que se refire o artigo 70.2 en relación co 65.2 da Lei 7/85, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, e comenzará a aplicarse a partir do día seguinte á antedita publicación.