Curtis - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DO DEPÓSITO, CARGA E TRANSPORTE DA MADEIRA DE TALA

Publicación provisional: 16/01/2020 BOP Nº: 10
Publicación definitiva: 23/06/2020 BOP Nº: 93
Aplicable dende: 16/07/2020

TÍTULO I.-REGULACIÓN DO DEPÓSITO, CARGA E TRANSPORTE DA MADEIRA DE TALA

Artigo 1.-Obxecto.

A presente Ordenanza ten por obxecto garantir a preservación do medio ambiente e a conservación dos camiños e pistas municipais, así como a seguridade das persoas e das cousas, regulando as condicións das tarefas e as operacións de extracción, depósito, carga e transporte da madeira procedente das talas.

Artigo 2.-Corta de plantacións. Comunicación previa.

2.1.-Para garantir a preservación do medio ambiente e a conservación dos camiños e pistas municipais, e sen prexuízo da necesaria obtención doutros permisos ou autorizacións, establécese a obrigatoriedade da comunicación previa da corta de plantacións forestais neste termo municipal ou, producíndose a tala total ou parcialmente noutro termo municipal, se a madeira se transporta en todo ou en parte por viais municipais do Concello de Curtis. Esta comunicación será efectuada pola persoa física ou xurídica responsable da tala no Rexistro de Entrada, en calquera das formas previstas no art. 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, debendo constar na mesma o seguinte:

- Declaración responsable identificando á empresa ou persoa física encargada da tala, constando expresamente en dita declaración que posúe os permisos ou licenzas de actividade preceptivos para a realización da actividade e a duración estimada dos traballos indicando data de inicio e de fin dos mesmos.

- Copia da comunicación ou, no seu caso, da autorización da tala polo órgano competente en materia forestal da Xunta de Galicia, na que deberán constar os datos da clase da madeira da tala e as toneladas a extraer.

- Identificación da/s parcela/s afectada/s e a súa situación nun plano axeitado.

- Identificación do/s lugar/es de depósito e de carga, que deberán ser de titularidade privada, e das vías a utilizar para o transporte da madeira en plano axeitado ao efecto.

- Xustificante de ter presentada a fianza, descrita no artigo 3 para responder do amaño dos deterioros que puideran producirse no viario e da limpeza dos restos das operacións de depósito e carga da madeira de ser o caso.

2.2.-Estas comunicacións previas deberán presentarse cun mínimo de 15 días antes do inicio dos traballos, prazo no que os servizos municipais poderán comprobar o estado inicial do viario a utilizar pola empresa, a existencia ou non no mesmo de servizos municipais soterrados que se deban protexer, etc.

Artigo 3.-Fianza.

3.1.-A persoa ou empresa responsable da tala deberá presentar xustificante de ter presentada fianza, por calquera dos procedementos establecidos pola lexislación vixente, polo importe que se indica no apartado seguinte, para responder do amaño dos deterioros que puideran producirse no viario e/ou a terceiros que circulen polo mesmo, e da limpeza dos restos das operacións de depósito, carga e transporte da madeira.

Sendo depositada unha fianza por parte dunha persoa ou empresa para levar a cabo unha tala, rematada esta sin haber motivos para a execución total ou parcial de dita fianza por parte do Concello, e sempre que dita fianza sexa suficiente e non fose requirida a súa devolución, esa persoa ou empresa poderá solicitar ao Concello a validez da dita fianza para talas posteriores.

No caso de que nas operacións de depósito, carga e transporte interveña persoal e/ou maquinaria subcontratados pola persoa ou empresa responsable da tala que fixese a comunicación previa, as súas responsabilidades para con o Concello entenderanse subrogadas na fianza depositada.

3.2.-Establécense os seguintes parámetros a efectos de fixación das fianzas:

a) Por cada kilómetro ou fracción de viario municipal utilizado para calquera operación realizada pola persoa ou empresa responsable con pavimento de zahorra ou terras 1.800,00 €.

b) Por cada kilómetro ou fracción de vial municipal utilizado para calquera operación realizada pola persoa ou empresa responsable con pavimento de rego asfáltico 1000,00 €.

c) Por cada kilómetro ou fracción de vial municipal utilizado para calquera operación realizada pola persoa ou empresa responsable con pavimento de aglomerado asfáltico 1.000,00 €.

d) Por causas xustificadas, os servizos técnicos municipais poderán minorar ou aumentar as cantidades anteriores.

3.3.-A fianza será reintegrada e/ou cancelada previo informe favorable municipal, unha vez finalizada a tala forestal, no prazo de dous meses, sen prexuízo de que, de non obter dito informe favorable, se produza a incautación definitiva da mesma e a aplicación do réxime sancionador e demais consecuencias legais esixibles.

Artigo 4.-Prohibicións específicas.

4.1.-Prohíbese o almacenamento de madeira nas vías públicas e o vertido dos residuos procedentes das operacións reguladas na presente ordenanza en lugares non autorizados expresamente para elo.

4.2-Prohíbese realizar operacións de carga da madeira ocupando todo ou parte das vías públicas municipais, salvo que se traten de pistas forestais. Nas vías públicas municipais que non teñan a consideración de pistas forestais, esas operacións deberán facerse en espazos privados se fora posible, ou de dominio público municipal contando coa autorización pertinente. En todo caso deberá indicar as actuacións para coñecemento da administración local e dos demais usuarios da vía, para que se estudien e sinalicen itinerarios alternativos ou se dispoñan  ampliacións laterais temporais da vía, segundo instruccións dos servizos técnicos municpais, co obxectivo de que non se impida o uso das vías públicas municipais aos demais usuarios en ningún momento.

4.3.-Prohíbense os depósitos de rolla, ramas ou podalla que invadan e/ou molesten a zona de circulación, tanto de vehículos como de persoas ou menoscaben a funcionalidade das cunetas, bueiro, canalizacións, pontes ou calquera outra infraestrutura auxiliar ou anexa ao viario, ou supoñan risco para os usuarios da vía e/ou os seus vehículos.

Artigo 5.-Obrigas específicas. Comunicación e reparación de danos.

5.1.-Sen prexuízo do cumprimento do establecido na lexislación urbanística, na de medio ambiente forestal, no Código de circulación, e demais lexislacións, normas e/ou ordenanzas que poidan ser de aplicación, a persoa ou empresa responsable da tala estará obrigada á comunicación inmediata ao Concello dos deterioros producidos no viario ou nas infraestruturas soterradas ou anexas, á súa reparación de ser o caso e á retirada do dominio público municipal dos restos procedentes das operacións de depósito, carga e transporte da madeira. No caso de deterioro grave dos viais ou de roturas de canalizacións de abastecemento ou saneamento de auga ou de gas avisará sin demora aos servizos técnicos municipais ou a Emerxencias e correrán da súa conta o establecemento de todas as medidas necesarias para a sinalización e reparación dos danos causados.

5.2.-A persoa ou empresa responsable deberá adoptar as medidas oportunas para que as vías municipais, polas que se fai o transporte da madeira, estean en todo momento aptas para o uso normal das mesmas, libres de ramas, podalla, barro ou calquera outro elemento que supoña risco para os usuarios da vía e/ou os seus vehículos.

Artigo 6.-Execución da fianza.

Transcorrido un prazo de quince días dende que se constate a existencia dos danos ou acumulación de restos, o que se fará a través do correspondente informe técnico, o Concello poderá realizar con cargo á fianza as operacións de amaño, corrección e/ou retirada de restos, sen prexuízo de exercer as accións oportunas para resarcirse dos custes, se non foran totalmente cubertos pola fianza.

TÍTULO II.-INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

Artigo 7.- Infraccións

Para os efectos da presente ordenanza, será infracción administrativa calquera incumprimento das obrigas, das prohibicións e dos requisitos establecidos nela.

Artigo 8.- Clases de infraccións.

8.1.-As infraccións á presente Ordenanza clasifícanse en moi graves, graves e leves.

8.2.-Con carácter xeral, calquera incumprimento do contido da presente ordenanza considerarase como infracción de carácter leve.

8.3.-Son infraccións graves:

a) A realización das operacións de tala, depósito, carga e transporte de madeira da tala sen facer a comunicación previa que prevé o artigo 2.1. da ordenanza ou falsear os datos que nela consten.

b) A realización das operacións de tala, depósito, carga e transporte de madeira da tala sen ter constituída a fianza prevista no artigo 3.

c) A non comunicación inmediata ou no seu caso a non reparación dos deterioros producidos no viario, ou nas infraestruturas anexas, así como a non retirada dos restos procedentes das operacións de depósito, carga e transporte de madeira.

d) A utilización de calquera subterfuxio, no caso de que nas operacións de tala, depósito, carga e transporte interveñan persoal ou maquinaria de empresas distintas á que se encarga da tala, para non responsabilizarse dos danos causados.

e) O depósito de madeira e/ou a carga da mesma nas vías públicas e o vertido dos residuos procedentes das operacións reguladas na presente ordenanza en lugares públicos municipais non autorizados expresamente para elo.

f) Os depósitos de rolla, ramas ou podalla que invadan a zona de circulación, tanto de vehículos como de persoas, menoscaben a funcionalidade das cunetas, bueiro, canalizacións, pontes ou calquera outra infraestrutura auxiliar ou anexa ao viario, ou supoñan risco para os usuarios da vía.

g) A non adopción das medidas oportunas para que as vías municipais, polas que se fai o transporte da madeira, estean en todo momento libres de ramas, podalla, barro ou calquera outro elemento que supoña risco para os usuarios da vía.

h) A reincidencia en dúas infraccións leves. Entenderase que existe reincidencia cando se cometan dúas faltas leves no prazo dun ano, contado dende a data na que se constate polo Concello a existencia dos danos.

8.4.-Son infraccións moi graves:

a) Os feitos tipificados como infracción grave cando a perturbación ou os danos causados a elementos de titularidade pública municipal revistan unha especial gravidade ou relevancia e así se constate no informe técnico emitido ao efecto ou se dificulte ou impida o tráfico de vehículos e persoas polas vías municipais a causa de operacións de carga da madeira ou de calquera outra operación que levara a cabo o responsable.

b) A reincidencia en dúas infraccións graves. Entenderase que existe reincidencia cando se cometan dúas faltas graves no prazo dun ano, contado desde a data na que se constate dende o Concello a existencia dos danos.

Artigo 9.-Prescrición das Infraccións.

1. As infraccións previstas na presente ordenanza prescribirán nos seguintes prazos:

a) as infraccións moi graves, aos tres anos.

b) as infraccións graves, aos dous anos.

c) as infraccións leves, aos seis meses.

2. O prazo de prescrición comezará a contar desde o día en que a infracción se cometese.

3. Interromperá a prescrición a iniciación, co coñecemento da parte interesada, do procedemento sancionador, reanudándose o prazo de prescrición se o expediente sancionador estivera paralizado durante máis dun mes por causa non imputable á parte presuntamente responsable.

Artigo 10.-Sancións.

10.1.-As infraccións á presente ordenanza serán sancionadas do seguinte xeito:

* As leves, con multa de 100,00 € a 300,00 €.

* As graves, con multa de 300,01 € a 750,00 €.

* As moi graves, con multa de 750,01 € a 1.500,00 €.

10.2.-Graduación das sancións.

Para a gradación das multas atenderase:

* á natureza do risco ou dano ocasionado, considerando dano extremo dificultar e/ou impedir o tráfico normal de vehículos e persoas polas vías públicas municipais.

* á súa repercusión e transcendencia polo que respecta ó prexuízo causado.

* ó custo de restitución.

* á existencia de intencionalidade ou reiteración na comisión de infraccións a esta ordenanza.

* ó retraso inxustificado na reparación dos elementos danados.

Artigo 11.-Procedemento.

O exercicio da potestade sancionadora prevista nesta ordenanza requirirá a incoación e instrución do correspondente expediente administrativo de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 40/2015, de 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público e demais normativa aplicable.

Artigo 12.-Obriga de repoñer e indemnizar os danos.

1. Sen prexuízo da sanción administrativa que se impuxera, quen infrinxa a presente ordenanza terá a obriga de repoñer e restaurar as cousas ao ser e estado anteriores á infracción cometida e responder dos danos e prexuízos causados, na forma e condicións establecidas polo órgano que impuxo a sanción. A tal fin a resolución sancionadora determinará o contido desta obriga, así como o prazo para a súa execución.

2. A prescrición de infraccións e sancións non afectará á obriga de repoñer ou restaurar as cousas ao seu ser e estado primitivo, nin á de indemnizar polos danos e prexuízos causados.

Disposición derrogatoria.

Coa entrada en vigor da presente ordenanza queda derrogada a anterior ¿Ordenanza municipal reguladora do depósito, carga e transporte da madeira de tala" publicada definitivamente en data 9 de xuño de 2017 no BOP n.º 108.

Disposición final

De acordo co establecido nos artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, a presente ordenanza entrará en vigor aos quince días hábiles da súa publicación completa no Boletín Oficial da Provincia.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza dispón a súa entrada en vigor ós 15 días hábiles seguintes a súa publicación no B.O.P., pero se debe ter en conta que o artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril , reguladora das Bases do Réxime Local establece que:

 

¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales....." (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).

 

Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."