Rois - REGULAMENTO ORGÁNICO MUNICPAL DO CONCELLO DE ROIS

Publicación provisional: 26/11/2019 BOP Nº: 225
Publicación definitiva: 05/08/2020 BOP Nº: 123
Aplicable dende: 27/08/2020

ÍNDICE

TÍTULO PRELIMINAR. DISPOSICIONS XERAIS

Artigo 1. Obxecto e natureza

Artigo 2. Fontes normativas

Artigo 3. Interpretación

TÍTULO I. DA ORGANIZACIÓN MUNICIPAL

Artigo 4. Órganos municipais necesarios e complementarios

Artigo 5. O Pleno

Artigo 6. A Comisión especial de contas

Artigo 7. A Xunta de Goberno Local

Artigo 8. O equipo de goberno

TITULO II. ESTATUTO DOS CONCELLEIROS

Artigo 9. Réxime

Artigo 10. Dereito e deber de asistencia

Artigo 11. Retirbucións

Artigo 12. Asistencia xurídica

Artigo 13. Abstención e recusación

Artigo 14. Comportamento

Artigo 15. Divulgación de información e deber de reserva

Artigo 16. Declaración de intereses

Artigo 17. Rexistros de intereses

Artigo 18. Responsabilidade

Artigo 19. Dereito a información dos membros dos órganos colexiados

Artigo 20. Dereito á información para os efectos de fiscalización e control

TÍTULO III. OS GRUPOS POLÍTICOS MUNICIPAIS

Artigo 21. Grupos municipais. Constitución

Artigo 22. Voceiros

Artigo 23. Designación de representantes ou mebros nos órganos colexiados

Artigo 24. Dotación económica aos grupos municipais

Artigo 25. Concelleiros non adscritos

TÍTULO III. FUNCIONAMENTO DO PLENO DA CORPORACIÓN

Capítulo I. Tipos de sesións, convocatoria, orde do día e documentación

Artigo 26. Tipos de sesións plenarias

Artigo 27. Sesións ordinarias de Pleno

Artigo 28. Sesións extraordinarias de Pleno

Artigo 29. Sesións extraordinarias por solicitude dos concelleiro

Artigo 30. Sesións extraordinarias de carácter urxente

Artigo 31. Convocatoria das sesións plenarias

Artigo 32. Notificación e publicación da convocatoria das sesións plenarias

Artigo 33. A axenda ou orde do día das sesións plenarias

Artigo 34. Documentación dos asuntos da orde do día

Capítulo II. Lugar e duración das sesións

Artigo 35. Lugar de celebración das sesións plenarias

Artigo 36. Orde de colocación dos concelleiros nas sesións

Artigo 37. Duración das sesións e unidade de acto

Capitulo III. Publicidade, gravación e difusión das sesións

Artigo 38. Publicidade, gravación e difusión das sesións plenarias

Capítulo IV. Quórum de constitución das sesións

Artigo 39. Quórum de constitución da sesión plenaria

Capítulo V. Presidencia e secretaría das sesións

Artigo 40. Presidencia das sesións. Funcións. Suplencia

Artigo 41. Secretaría das sesións

Capítulo VI. Estrutura da sesión e terminoloxía

Artigo 42. Estrutura orientativa das sesións ordinarias

Artigo 43. Terminoloxía dos asuntos

Artigo 44. Cualificación e presentación das iniciativas

Artigo 45. Número máximo de iniciativas

Capítulo VII. Desenvolvemento das sesións

Artigo 46. Orde dos asuntos

Artigo 47. Asuntos retirados ou sobre a mesa

Artigo 48. Do uso da palabra nas sesións

Artigo 49. Das chamadas á cuestión

Artigo 50. Das chamadas á orde

Artigo 51. Cuestións de orde

Artigo 52. Intervencións por alusións

Capitulo VIII. Das deliberacións e dos debates

Artigo 53. Ordenación das deliberacións

Artigo 54. Ausencia por causa de abstención

Artigo 55. Asuntos sen debate

Artigo 56. Desenvolvemento dos debates

Artigo 57. Regras de debate das emendas

Capítulo IX. Dos acordos e as votacions

Artigo 58. Termos e clases de votacións

Artigo 59. Carácter e sentido do voto

Artigo 60. Adopción dos acordos. Empates.

Artigo 61. Proclamación do resultado da votación

Artigo 62. Quenda de explicación de voto

Capítulo X. Do control do goberno nas sesións plenarias

Artigo 63. Control do Goberno

Artigo 64. Das comparecencias

Artigo 65. Desenvolvemento das comparecencias

Artigo 66. Das interpelacións

Artigo 67. Das preguntas

Capítulo XI. Do uso do galego

Artigo 68. O galego como lingua propia da Corporación

DISPOSICION FINAL.- ENTRADA EN VIGOR.

TÍTULO PRELIMINAR. DISPOSICIONS XERAIS

Artigo 1. Obxecto e natureza

Este regulamento orgánico, que se dita ao abeiro do artigo 20.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, establece o estatuto dos concelleiros da Corporación e dos órganos municipais, así como as normas de organización e funcionamento do Pleno do Concello e a publicidade das súas actuacións, con suxeición á normativa reguladora do réxime local.

Artigo 2. Fontes normativas

A organización e o funcionamento do Concello de Rois axustarase ás seguintes normas:

a) Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (en diante, LBRL).

b) Os artigos con carácter básico Real decreto lexislativo 781/1986 do 18 de abril, que aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local (en diante, TRRL).

c) A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (en diante, LALG).

d) Este regulamento orgánico municipal.

e) O Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, (en diante, ROF).

Artigo 3. Interpretación do Regulamento orgánico municipal

Correspóndelle á Alcaldía do Concello, tralo correspondente informe xurídico se fose preciso, interpretar as normas deste regulamento para os efectos da súa aplicación.

TÍTULO I. A ORGANIZACIÓN MUNICIPAL

Artigo 4. Órganos municipais necesarios e complementarios

1. Os órganos necesarios do Concello de Rois son:

- O Pleno da Corporación

- A Comisión especial de contas

- A Xunta de Goberno Local

- A Alcaldía

- As Tenencias de alcaldía

2. Son órganos complementarios as concellerías con delegacións da Alcaldía.

3. As competencias de cada un dos anteditos órganos son as previstas na lexislación reguladora do réxime local e, se é o caso, as que resulten dos acordos de delegación que se adopten.

Artigo 5. O Pleno da Corporación

1. O Pleno da Corporación está formado polo alcalde e os concelleiros. É o órgano de máxima representación política dos cidadáns no goberno do municipio.

2. Consonte os artigos 22 da LBRL e 64 da LALG correspóndenlle ao Pleno as seguintes competencias:

a) Controlar e fiscalizar os órganos de goberno.

b) Os acordos tocantes á participación en organizacións supramunicipais, a alteración do termo municipal, a creación ou supresión de municipios e de entidades de administración descentralizada, a creación de órganos desconcentrados, a alteración da capitalidade ou do nome do municipio e a adopción ou modificación da bandeira, insignia ou escudo do concello.

c) Aprobar inicialmente do planeamento xeral e a aprobación que lle pon fin á tramitación municipal dos plans e demais instrumentos de planeamento nos termos previstos na lexislación urbanística galega, así como os convenios que teñan por obxecto alterar calquera deses instrumentos.

d) Aprobar o regulamento orgánico e as ordenanzas municipais.

e) Crear e regular órganos complementarios.

f) Determinar os recursos propios de carácter tributario, aprobar e modificar os orzamentos, dispoñer gastos nos asuntos da súa competencia e aprobar as contas, consonte a lexislación reguladora das facendas locais.

h) Aprobar as formas de xestión dos servizos e expedientes de municipalización.

i) Aceptar as delegacións de competencias feitas por outras administracións públicas.

k) Promover conflitos de competencias a outras administracións públicas.

l) Aprobar o cadro de persoal, a relación dos postos de traballo, a contía das retribucións complementarias fixas e periódicas dos funcionarios e o número e réxime do persoal eventual nos termos establecidos pola lexislación sobre función pública local.

m) Exercitar as accións administrativas e xudiciais e a defensa da Corporación en materias da súa competencia.

n) A declaración de lesividade dos actos do Concello.

o) Alterar a cualificación xurídica dos bens de dominio público

p) Concertar operacións de crédito se a súa contía acumulada dentro de cada exercicio económico supera o 10% dos recursos ordinarios do orzamento, agás as de tesourería que lle corresponderán cando o importe acumulado das operación vivas en cada momento supere o 15% dos ingresos correntes liquidados no exercicio anterior.

q) Aprobar os proxectos de obras e servizos cando sexa competente para a súa contratación ou concesión, e cando non estivesen previstos nos orzamentos.

r) Aqueloutras materias que lle deben corresponder por esixir a súa aprobación unha maioría especial.

s) As demais que expresamente lle atribúan as leis.

3. O Pleno da Corporación pode delegar as súas competencias a favor da Xunta de Goberno Local e da Alcaldía nos termos previstos pola lexislación reguladora do réxime local.

Artigo 6. A Comisión especial de contas

1. Correspóndelle á Comisión especial de Contas o exame, estudo e informe das contas orzamentarias e extraorzamentarias que deba resolver o Pleno da Corporación, consonte a lexislación reguladora das facendas locais. Actuará tamén como comisión informativa permanente para os asuntos de economía e facenda.

2. A Comisión especial de contas estará constituída por concelleiros de todos os grupos políticos da Corporación con suxeición á proporcionalidade na que estean presentes no Pleno. A súa presidencia nata correspóndelle á persoa titular da Alcaldía, aínda que a pode delegar no concelleiro que elixa a propia Comisión.

3. A adscrición concreta dos concelleiros á Comisión informativa realizarase por medio de escrito dos voceiros dos grupos políticos, que se lle comunicará ao Pleno. Poderase designar un concelleiro suplente por cada titular.

4. Os ditames da Comisión teñen carácter preceptivo e non vinculante, e adoptaranse por maioría simple. Os empates dirímense co voto de calidade da súa presidencia.

Artigo 7. A Xunta de Goberno Local

1. A Xunta de Goberno Local estará integrada pola persoa titular da Alcaldía e un número de concelleiros non superior á terceira parte do número legal de membros da Corporación, que son nomeados e separados libremente pola Alcaldía, dándolle conta ao Pleno.

2. Á Xunta de Goberno local correspóndenlle as seguintes atribucións:

a) A asistencia á Alcaldía no exercicio das súas atribucións.

b) As competencias que a Alcaldía ou o Pleno da Corporación lle deleguen.

c) As competencias que lle atribúen as leis.

Artigo 8. Equipo de goberno

A expresión equipo de goberno que se emprega neste regulamento refírese ao conxunto formado pola persoa titular da Alcaldía e as que compoñen a Xunta de Goberno Local así como, se é o caso, aos demais concelleiros con delegacións da Alcaldía.

TITULO II. ESTATUTO DOS CONCELLEIROS

Artigo 9. Réxime

Son dereitos e deberes dos concelleiros os establecidos na lexislación reguladora de réxime local e neste regulamento.

Artigo 10. Dereito e deber de asistencia

Os concelleiros teñen o dereito e o deber de asistir, con voz e voto, ás sesións do Pleno e ás daqueloutros órganos colexiados dos que formen parte, a non ser que unha causa xusta llelo impida, o que deberán comunicar con antelación suficiente á presidencia do órgano de que se trate.

Artigo 11. Retribucións

Os concelleiros teñen dereito a percibir as retribucións que correspondan ao seu réxime de dedicación consonte a lexislación reguladora das bases de réxime local e as disposicións que dite o Pleno no seu desenvolvemento.

Artigo 12. Asistencia xurídica

Os concelleiros teñen dereito a solicitar asistencia xurídica dos servizos da Corporación con relación aos procedementos xudiciais derivados de actos ou omisións relacionados directamente co exercicio do seu cargo e sempre que non exista conflito de intereses, nos termos establecidos para a defensa das autoridades e empregados públicos pola Lei 4/2016, do 4 de abril, da asistenza xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.

Artigo 13. Abstención e recusación

1. Sen prexuízo das causas de incompatibilidade establecidas pola lei, os concelleiros débense absterse de participar na deliberación, votación, decisión e execución de calquera asunto con relación ao que que concurra algunha das causas ás que se refire a lexislación de procedemento administrativo común e de contratos do sector público.

2. A actuación dos concelleiros en que concurran motivos de abstención implicará, cando fose determinante, a invalidez dos actos en que interviñesen.

3. As persoas interesadas poderán promover a recusación dos concelleiros cando consideren que concorre algunha causa de abstención. Correspóndelle ao Pleno resolver sobre as ditas recusacións.

Artigo 14. Comportamento

1. Os concelleiros, no exercicio do seu cargo, están obrigados a axustar a súa conduta aos principios de bo goberno recollidos no artigo 26 da Lei 19/2013, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e ao Código Ético Institucional da Xunta de Galicia.

2. En concreto, os concelleiros deberán respectar a orde e a cortesía propias do funcionamento da Corporación.

Artigo 15. Divulgación de información e deber de reserva

1. Os concelleiros están obrigados a non divulgar as actuacións das que teñan coñecemento por razón do seu cargo con relación a asuntos cuxo debate e votación fosen declarados secretos pola Corporación.

2. Os concelleiros deben gardar reserva con relación ás informacións ás que accedan no desenvolvemento das súas funcións, singularmente das que sirvan de antecedente para decisións que aínda estean pendentes, e que non sexan de libre acceso público consonte a lexislación reguladora sobre transparencia e acceso á información pública.

3. Os concelleiros deberán respectar a normativa sobre protección de datos de carácter persoal.

Artigo 16. Declaración de intereses

1. Os concelleiros formularán declaración sobre causas de posible incompatibilidade e sobre calquera actividade que lles dea ou poida proporcionar ingresos económicos. Formularán, así mesmo, declaración dos seus bens patrimoniais.

2. As declaracións realizaranse antes de tomaren posesión, ao cesaren e cando se produza unha modificación de circunstancias, neste caso no prazo de dous meses desde que se produzan as variacións.

3. As declaracións realizaranse nos modelos elaborados pola Secretaría da Corporación e aprobados polo Pleno, cuxo uso será obrigatorio para normalizar a documentación.

Artigo 17. Rexistros de intereses

1. Ambas as dúas declaracións inscribiranse en cadanseu rexistro de intereses constituídos no Concello: o de causas de posibles incompatibilidades e de actividades, e o Rexistro de bens patrimoniais.

2. Corresponderalle á Secretaria da Corporación levar e custodiar os rexistros de intereses.

Artigo 18. Responsabilidade

1. Os concelleiros están suxeitos á responsabilidade civil e penal polos actos e omisións realizados no exercicio do seu cargo, nos termos establecidos no ordenamento xurídico.

2. Son responsables dos acordos do Concello os membros da Corporación que votasen a favor da súa adopción.

3. A Corporación poderalles esixir responsabilidade aos seus membros cando por dolo ou culpa grave lle causen danos e perdas á Corporación ou a terceiras persoas, se estas tivesen que ser indemnizadas polo Concello.

Artigo 19. Dereito a información dos membros dos órganos colexiados

1. Na súa condición de membros do Pleno, das súas comisións ou doutros órganos colexiados, os concelleiros poderán obter información dos asuntos incluídos na orde do día das sesións que celebren aqueles órganos dos que froman parte mediante o acceso aos expedientes correspondentes.

2. A información estará a dispor dos concelleiros na secretaría do órgano colexiado desde o momento da convocatoria da sesión.

Artigo 20. Dereito á información para os efectos de fiscalización e control

1. Os concelleiros teñen dereito a obter da Alcaldía e da Xunta de Goberno Local Goberno os antecedentes, datos e informacións en poder dos servizos municipais que sexan necesarios para desenvolver as súas funcións.

2. A solicitude deberá concretar o seu obxecto e resolverase de xeito motivado nos cinco días naturais seguintes á súa presentación. Enténdese autorizada por silencio se non se ditase e notificase a resolución no prazo establecido.

3. A información facilitarase normalmente mediante o acceso do concelleiro solicitante á documentación de que se trate e no departamento municipal no que estea depositada.

4. Os concelleiros teñen dereito a obter copia de documentos concretos contidos nos expedientes administrativos. Non obstante, non se admitirán peticións xenéricas ou indiscriminadas que poidan prexudicar o normal funcionamento da Administración ou nas que concurran as seguintes circunstancias:

a) Que se refiran a información que aínda estea en curso de elaboración ou de publicación xeral.

b) Que se refiran a información que teña carácter auxiliar ou de apoio como a contida en notas, borradores ou opinión non formalizadas.

c) Relativas a información para cuxa divulgación sexa necesaria una acción previa de reelaboración.

d) As dirixidas a un órgano en cuxo poder non estea a información e se descoñeza o competente.

e) Que sexan manifestamente repetitivas ou teñan un carácter abusivo non xustificado coa finalidade de transparencia da actuación administrativa.

TÍTULO III. OS GRUPOS POLÍTICOS MUNICIPAIS

Artigo 21. Grupos municipais. Constitución.

1. Para os efectos da súa actuación corporativa, os concelleiros constituiranse en grupos municipais. Estes grupos corresponderanse coas listas electorais dos partidos políticos, federacións, coalicións ou agrupacións que obtivesen representación na Corporación, coa excepción dos concelleiros que teñan a condición de non adscritos.

2. Cada partido político, federación, coalición ou agrupación constituirá un único grupo e ninguén pode pertencer simultaneamente a máis dun grupo.

3. Para constituír un grupo político municipal requirirase un mínimo de dous escaños e os concelleiros elixidos en candidaturas electorais que non obtiveran ese número mínimo integran o grupo mixto.

No suposto de que non existise grupo mixto , èste quedarà constituido polo membro do partido político, federación coalición ou agrupación que obtivera un so escaño.

4. Os grupos políticos constituiranse mediante escrito dirixido á Alcaldía e subscrito por todos os seus integrantes no prazo de cinco días hábiles seguintes á constitución a Corporación, no que constará a denominación do grupo e a designación do seu voceiro e, se é o caso, dos seus suplentes. Se algún concelleiro non subscribise o escrito de constitución do grupo correspondente á candidatura electoral pola que saiu elixido ou abandonase posteriormente, estes pasarán á condición de concelleiro non adscritos.

5. O alcalde comunicaralle ao Pleno da Corporación, na primeira sesión que celebre despois do prazo sinalado no apartado anterior, a constitución dos grupos políticos, os seus integrantes e voceiros.

6. Os concelleiros que adquiran a súa condición con posterioridade á sesión constitutiva da Corporación deberanse incorporar aos grupos municipais correspondentes no prazo e forma sinalada nos apartados anteriores.

Artigo 22. Voceiros

1. Cada grupo municipal terá un voceiro titular e, se é o caso, un voceiro suplente, que será nomeado por maioría dos concelleiros integrantes do grupo.

Os grupos municipais poden cambiar os seus voceiros titulares e suplentes polo mesmo procedemento cando o xulguen oportuno. A nova designación será comunicada ao Concello por medio de escrito asinado polos concelleiros integrantes do grupo.

2. O voceiro será a persoa encargada de intervir normalmente nas deliberacións das sesións plenarias en nome do grupo correspondente.

3. Os concelleiros do grupo mixto poderán exercer por rotación o cargo de voceiro segundo a orde que eles determinen. Salvo acordo en contra dos seus membros, nos debates do Pleno o tempo que lle corresponde ao voceiro do grupo mixto distribuirase por partes iguais entre os concelleiros integrados nese grupo.

Artigo 23. Designación de representantes ou membros nos órganos colexiados

Correspóndelles aos grupos políticos municipais designar, mediante escrito do seu voceiro e nos termos previstos en cada caso neste regulamento, aos compoñentes deles que os representen nos órganos colexiados en que deban estar presentes.

Artigo 24. Dotación económica aos grupos municipais

1. O Pleno, con cargo aos orzamentos anuais do Concello, asignaralles aos grupos políticos unha dotación económica cun componente fixo, idéntico para todos os grupos, e outro variable, en función do número de membros de cada un deles, no marco dos límites que establezan con carácter xeral as leis de orzamentos xerais do Estado. Esa dotación económica non poderá destinar ao pagamento de remuneracións de persoal de calquera tipo ao servizo da Corporación ou á adquisición de bens que poidan constituír activos fixos de carácter patrimominial.

2. Os grupos políticos deberán levar unha contabilidade específica da dotación a que se refire o parágrafo anterior, que poñerán a disposición do Pleno.

Artigo 25. Concelleiros non adscritos

1. Terán a consideración de non adscritos os concelleiros que non se incorporen ao grupo municipal que constitúa a formación electoral pola que saìron elixidos ou que abandonen o grupo de procedencia.

2. Se a maioría dos concelleiros dun grupo municipal abandonan a formación política que presentou a candidatura pola que concorreron ás eleccións ou son expulsados dela, serán os concelleiros que permanezan na devandita formación política os lexítimos representantes do citado grupo municipal para todos os efectos.

A Alcaldía pode dirixirse ao representante legal da formación política que presentou a candidatura para os efectos de que notifique a concorrencia das circunstancias indicadas.

3. O disposto nos dous apartados anteriores non se aplicará no caso de candidaturas presentadas como coalición electoral cando algún dos partidos políticos que a integran deciden abandonala.

TÍTULO IV. FUNCIONAMENTO DO PLENO DA CORPORACIÓN

 

Capítulo I. Tipos de sesións, convocatoria, orde do día e documentación

Artigo 26. Tipos de sesións plenarias

As sesións plenarias poden ser de de tres tipos:

a) Ordinarias

b) Extraordinarias

c) E extraordinarias de carácter urxente.

Artigo 27. Sesións ordinarias do Pleno

1. Son sesións ordinarias do Pleno as que teñen unha periodicidade fixada pola propia Corporación na primeira sesión extraordinaria subseguinte á constitutiva, sen prexuízo das modificacións que se poidan introducir con posterioridade.

2. O Pleno celebrará sesión ordinaria con carácter bimensual no día e hora fixados pola propia Corporación.

3. De concorreren razóns de interese público que o xustifiquen, a presidencia, logo de consultar os voceiros dos grupos políticos, pode cambiar a data ou a hora dunha sesión ordinaria, para outraa data ou hora inmediatamente anterior ou posterior á prefixada.

Artigo 28. Sesións extraordinarias do Pleno da Corporación

Son sesións extraordinarias as que convoque a presidencia con ese carácter ou por iniciativa da cuarta parte, como mínimo, do número legal de membros da Corporación.

Artigo 29. Sesións extraordinarias por solicitude dos concelleiros

1. A solicitude desta sesión extraordinaria realizarase por medio de escrito asinado polos concelleiros que promovan a convocatoria no que se explicará brevemente as razóns que a motivan e conterá a axenda ou orde do día así como o texto das propostas de acordo que se pretenden. Ningún concelleiro poderá solicitar máis de tres sesións extraordinarias en cómputo anual.

2. A sesión extraordinaria promovida polos concelleiros deberá celebrarse no prazo máximo de quince días 15 días hábiles desde que se presentou a solicitude e os asuntos aos que se refira non se poderán incorporar á axenda ou orde do día dunha sesión ordinaria ou doutra extraordinaria con máis asuntos, de non o autorizaren expresamente os solicitantes da convocatoria.

3. Se a presidencia non convocase a sesión extraordinaria regulamentariamente solicitada polos concelleiros no prazo antedito, esta quedará automaticamente convocada para o décimo día hábil seguinte ao da finalización daquel prazo, ás 12:00 horas. A Secretaría da Corporación notificaralles esta convocatoria legal a todos os concelleiros ao día seguinte ao da finalización do prazo citado anteriormente.

4. De non estar presente nesa sesión o titular da presidencia ou quen legalmente o substitúa, o Pleno será presidido polo membro da Corporación de máis idade entre os asistentes.

Artigo 30. Sesións extraordinarias de carácter urxente

1. Son sesións extraordinarias urxentes as convocadas pola presidencia con ese carácter cando a premura dos asuntos non permita a convocatoria da sesión extraordinaria coa antelación mínima de dous días hábiles prevista pola lei.

2. Neste caso, o primeiro punto da axenda ou orde do día será a ratificación polo Pleno da urxencia da convocatoria co voto favorable da maioría simple dos concelleiros. Se a devandita urxencia non fose ratificada, levantarase a sesión.

Artigo 31. Convocatoria das sesións plenarias

1. As sesións plenarias serán convocadas, como mínimo, con dous días hábiles de antelación, agás as extraordinarias de carácter urxente.

2. A convocatoria das sesións extraordinarias deberá ser motivada.

Artigo 32. Notificación e publicación da convocatoria das sesión plenarias

1. A notificación da convocatoria xunto coa orde do día comunicaráselles aos concelleiros preferentemente por medios electrónicos, debendo garantizarse o cumprimento dos requisitos legais mínimos para que dita convocatoria produza os efectos legais que lle corresponden.

2. A convocatoria das sesións publicarase na sede dixital da Corporación.

3. A convocatorias tamén se lles notificará ás persoas titulares da Intervención e da Tesourería municipais, cando deban asistir as sesión por incluír a orde do día asuntos de contido económico ou acordos relativos á aprobación ou modificación de ordenanzas fiscais respectivamente.

Artigo 33. A axenda ou orde do día das sesións plenarias

1. A presidencia é o órgano competente para fixar a axenda ou orde do día das sesións plenarias coa asistencia da Secretaría da Corporación e trala consulta, cando o xulgue oportuno, dos membros da Xunta de Goberno Local e dos voceiros dos grupos políticos municipais.

2. A axenda das sesións ordinarias incluirá un apartado de control do goberno.

Artigo 34. Documentación dos asuntos da orde do día

A documentación íntegra dos asuntos incluídos na orde do día que servirá de base ao debate e, se é o caso, votación deberá estar a dispor dos concelleiros na Secretaría da Corporación desde o momento no que se convoque a sesión.

Capítulo II. Lugar e duración das sesión

Artigo 35. Lugar de celebración das sesión plenarias

1. O Pleno da Corporación celebrará as súas sesións na Casa do Concello.

2. A presidencia, previa consulta dos voceiros dos grupos políticos municipais, poderá dispoñer a celebración dunha sesión noutra instalación municipal cando concurran circunstancias que así o xustifiquen e que se expoñerán na propia convocatoria.

Artigo 36. Orde de colocación dos concelleiros nas sesións

1. A presidencia, previa consulta cos voceiros dos grupos, dispoñerá a orde de colocación dos concelleiros no salón de 18esión, empregando como criterio de preferencia o número de votos que obtivese cada un deles nas eleccións locais. En último lugar irán os concelleiros non adscritos.

2. Sempre que sexa posible, os concelleiros de cada grupo sentarán xuntos.

Artigo 37. Duración das sesións e unidade de acto

1. As sesións respectarán o principio de unidade de acto e, agás que concurran circunstancias excepcionais debidamente xustificadas, concluirán o mesmo día en que comecen.

2. Durante o transcurso da sesión, a presidencia, pola súa propia initiciativa, dos voceiros dos grupos municipais ou da Secretaría, poderá acordar as interrupcións que xulgue convenientes coa finalidade de facilitar as deliberacións dos grupos, realizar consultas, por razóns de orde pública ou para permitir un descanso.

3. De concorreren circunstancias que impidan ou dificulten gravemente o desenvolvemento da sesión ou se rematase o día sen que se tratasen todos os asuntos da orde do día, a presidencia levantará a sesión e decidirá, tras consultar aos portavoces dos grupos, se se convoca unha nova sesión ou se os asuntos pendentes se inclúen na seguinte sesión ordinaria.

Capitulo III. Publicidade, gravación e difusión das sesión

Artigo 38. Publicidade, gravación e difusión das sesións plenarias

1. As sesións plenarias son públicas. Non obstante, serán secretos o debate e a votación dos asuntos da axenda que poidan afectar ao dereito fundamental dos cidadáns aos que se refire o artigo 18.1 da Constitución cando así o decida o Pleno por maioría absoluta do número legal de membros da Corporación.

2. O Concello rexistrará as sesións plenarias a través de medios audiovisuais.

As gravacións recibirán o nome de actas audiovisuais e o seu soporte electrónico conservarase de forma que se garanta a integridade e autenticidade dos ficheiros correspondentes e mailo acceso público a eles na sede dixital da Corporación, agás naqueles asuntos cuxo debate e votación se declaren secretos consonte o apartado anterior.

En todas estas actuacións respectaranse as normas sobre protección de datos de carácter persoal e os criterios para a súa aplicación aprobados pola Axencia Española de Protección de Datos.

3. Se algunha das persoas asistentes impide ou dificulta gravemente o desenvolvemento da sesión plenaria, ou altera a orde pública do acto, a presidencia poderá dispoñer a súa expulsión e, se fose o caso, suspender ou levantar a sesión, ou decidir a súa continuidade noutro lugar.

Capítulo IV. Quórum de constitución das sesións

Artigo 39. Quórum de constitución da sesión plenaria

1. Para constituír válidamente a sesión requírese a asistencia da terceira parte do número legal de membros da Corporación, que nunca poderá ser inferior a tres. Este quórum débese mantener durante toda a sesión. En todo caso, requírese a presenza das persoas titulares da presidencia e da secretaría da Corporación ou de quenes legalmente as substitúan.

2. Se en primera convocatoria non concorrese o quórum requirido no apartado anterior, enténdese convocada a sesión automáticamente para a mesma hora do segundo día hábil seguinte. Se tampoco daquela se acadase o quórum, a presidencia deixará sen efecto a convocatoria.

Capítulo V. Presidencia e secretaría das sesión

Artigo 40. Presidencia das sesións. Funcións. Suplencia.

1. A presidencia das sesións correspóndelle á persoa titular da Alcaldía ou á persoa que legalmente a substitúa, agás nos casos en que a lexislación de réxime local dispoña específicamente outra cousa.

2. presidencia convoca e dirixe as sesións, e debe respectar e coidar de que se cumpra este regulamento. Ten a facultade de interpretalo en caso de dúbida ou omisión con suxeición ás normas e principios reguladores do réxime local.

3. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, se non houbese unha delegación expresa da Alcaldía, exercerá a presidencia a persoa titular dunha tenencia de Alcaldía segundo a orde do seu nomeamento.

Artigo 41. Secretaría das sesións

1. A Secretaría da Corporación estenderá as actas das sesións e expedirá as certificacións dos acordos que se adopten. Asistirá á Alcaldía no tocante á convocatoria das sesións, elaboración da orde do día, disposición da documentación e o normal desenvolvemento dos traballos do Pleno e das súas comisións informativas.

2. Tamén lle corresponde á Secretaría da Corporación:

a) Dispoñer que se publiquen cando sexan preceptivo os acordos plenarios da entidade local e remitir a administración do estado e da comunidade autónoma copia ou , no seu caso , extracto dos acordos do Pleno.

b) O asesoramento legal preceptivo ao Pleno e ás comisións cando o ordene a presidencia ou o solicite a terceira parte dos membros da Corporación; cando se trate de materias para as que a lei esixe unha maioría especial; e cando unha lei o esixa específicamente.

c) O control e custodia do Rexistro de Intereses dos membros da Corporación.

Capítulo VI. Estrutura da sesión e terminoloxía

Artigo 42. Estrutura orientativa das sesións ordinarias

Con carácter orientativo, a axenda ou orde do día das sesións axustarase aos seguintes apartados:

1. Aprobación da acta da sesión anterior

2. Dación de conta de resolucións da Alcaldía e da Xunta de Goberno Local.

3. Dación de conta de informes de Intervención e Tesourería

4. Propostas do equipo de goberno

5. Proposicións dos diversos grupos políticos

6. Mocións de urxencia

7. Interpelacións e preguntas

Artigo 43. Terminoloxía dos asuntos

Para os efectos de desenvolvemento das sesións, utilizarase a seguinte terminoloxía:

1. Proposta: a iniciativa de acordo que a Alcaldía ou calquera dos membros da Xunta de Goberno Local lle presentan ao Pleno da Corporación.

2. Proposición: a iniciativa de acordo que os grupos políticos ou os concelleiros non adscritos lle presentan ao Pleno da Corporación.

3. Moción de urxencia: a proposta ou proposición que se presentan directamente ao Pleno, por razóns de urxencia, nas sesións ordinarias.

4. Ditame: o informe favorable ou desfavorable emitido pola Comisión de especial de contas ou, se fose o caso, pola comisión informativa competente con relación a unha proposta ou proposición.

5. Emenda: a iniciativa de modificación dunha proposta, proposición, moción ou ditame presentada por calquera membro da Corporación. Débese presentar por escrito polo menos cunha antelación dúas horas ao comezo da sesión.

A emenda pode ser de rexeitamento, alternativa ou parcial segundo pretenda que se rexeite a iniciativa presentada, que se substitúa por outra alternativa ou que se modifique parcialmente o seu texo. As emendas non substanciais ou de detalle poden presentarse oralmente no decurso da deliberación do asunto.

6. Voto particular: a iniciativa de modificación dun ditame formulada por un concelleiro no seo da comisión informativa da que forma parte.

7. Interpelación: o requirimento ou proposta de actuación escrito dirixido por un grupo político ou calquera concelleiro ao equipo de goberno sobre motivos ou propósitos de actuacion en materias de competencia municipal ou cuestións de relevancia para o Concello.

8. Pregunta: a cuestión oral ou escrita dirixida por un grupo político ou calquera concelleiro ao equipo de goberno sobre actuacións concretas en materias de competencia municipal ou cuestions de relevancia para o Concello.

9. Declaración institucional: iniciativas consensuadas previamente polos grupos municipais nas que se expón o posicionamento do Concello de Rois con relación a cuestions de interese xeral e que se aproban por unanimidade.

Artigo 44. Cualificación e presentación das iniciativas

1. As iniciativas dos grupos municipais e dos concelleiros non adscritos deberán cualificarse, en atención ao seu contido, segundo as normas deste regulamento. O presidente, oída se é o caso a secretaria da Corporacion, invitará á persoa promovente da iniciativa para que a axuste á cualificación que lle corresponde consonte as previsións deste regulamento.

2. As propostas e proposicions deberán formularse por escrito cunha breve explicación de motivos e o texto da resolución que se defende, coa antelación mínima de sete días hábiles á data da sesión da que se vaia tratar.

3. As mocións de urxencia deberanse presentar por escrito cunha antelación mínima de 24 horas ao comezo da sesion ordinaria. Conterán unha breve explicación de motivos e das razóns que xustifican a súa urxencia, asi como o texto da resolución que se propón. A presidencia trasladará unha copia das mocións de urxencia aos voceiros dos grupos municipais antes de principiar a sesión.

4. As emendas deberán presentarse por escrito polo menos cunha antelación 2 horas ao comezo da sesión. Precisarán se son de oposición, alternativas ou parciais e conteran unha breve explicación de motivos da iniciativa asi como, se e o caso, o texto que se defenda. A presidencia trasladará unha copia das emendas aos voceiros dos grupos municipais antes de principiar a sesión.

As emendas non substanciais ou de detalle poden presentarse oralmente no decurso da deliberación do asunto.

5. O voto particular podese formular por escrito ou oralmente no decurso da deliberación do asunto no seo da comision informativa.

Artigo 45. Número máximo de iniciativas

1. Cada grupo político poderá presentar como máximo para cada sesión dúas proposicións, dúas mocións de urxencia, tres interpelacións e tres preguntas.

Compútanse no cupo de cada grupo as interpelacións e preguntas presentadas por calquera dos concelleiros pertencentes ao grupo.

2. Os concelleiros non adscritos non poderán presentar máis que unha proposición, unha moción, unha interpelación e unha pregunta por cada sesión.

Capítulo VII. Desenvolvemento das sesión

Artigo 46. Orde dos asuntos

1. Os asuntos débense debater e votar segundo a orden na que aparecen na orde do día.

2. A presidencia pode alterar a orde de tratamento dos asuntos da orde do día por iniciativa propia ou petición dalgún dos voceiros dos grupos municipais.

3. A presidencia, por propia iniciativa ou petición dalgún dos voceiros dos grupos municipais, pode decidir que se debatan conxuntamente varios asuntos que garden relación entre si, aínda que a votación de cada un deles deberá levarse a cabo por separado.

Artigo 47. Asuntos retirados ou sobre a mesa

1. Os promoventes das distintas iniciativas poden retiralas antes de que comece a súa deliberación. Neste caso, a presidencia anunciará, sen máis trámites, que o asunto queda retirado, o que constará na acta da sesión.

2. A presidencia pode retirar un asunto cando a súa aprobación esixe unha maioría especial e esta non se poida obter no momento previsto inicialmente na orde do día. Así constará na acta da sesión.

Se con posterioridade ao momento da retirada do asunto, se puidese obter a maioría especial esixida pola lei e ningún dos concelleiros asistentes á sesión se ausentara, a presidencia poderá propoñerlle ao Pleno que se pronuncie sobre o dito asunto na mesma sesión. Se o Pleno, por maioría simple, acepta esa proposta da presidencia, a Corporación entrará a debater e pronunciarse sobre o asunto inicialmente retirado da orde do día.

Calquera concelleiro poderá solicitar durante o debate a retirada dalgún asunto incluído na orde do día coa finalidade de que se incorporen ao expediente documentos ou informes que xulgue relevantes. Tamén poderá solicitar que o asunto se deixe sobre a mesa para debater e resolver noutra sesión posterior coa finalidade de estudar mellor a cuestión.

En ambos os dous casos, a solicitude será resolta a través de votación por maioría simple, logo de rematar o debate e antes de votar sobre o fondo do asunto. Se a Corporación acollese a petición, non procederá votar sobre o fondo do asunto.

4. De se tratar de asuntos que non viñan incluídos na orde do día e requiran o informe preceptivo da Secretaría e/ou da Intervención da Corporación e non fose posible emitilo no acto, a presidencia deixaraos sobre a mesa ata a próxima sesión.

Artigo 48. Do uso da palabra nas sesións

1. Os concelleiros teñen dereito á palabra e farán uso dela trala autorización da presidencia.

2. Ningún concelleiro no uso da palabra poderá ser interrompido mentres fale máis que pola presidencia para lle advertir que esgotou o seu tempo, para chamalo á cuestión ou á orde, para lle retirar a palabra ou para facer chamadas á orde a algún dos concelleiros ou ao público asistente á sesión.

3. Transcorrido o tempo establecido para o uso da palabra, a presidencia, tras indicarlle dúas veces ao orador que conclúa, retiraralle a palabra.

Artigo 49. Das chamadas á cuestión

1. Os concelleiros serán chamados á cuestión pola presidencia sempre que estiveren fóra dela por digresións alleas ao asunto que se trate ou por volveren sobre o que xa estiver debatido e votado.

2. A presidencia retiraralle a palabra ao concelleiro ao que houber que facerlle unha terceira chamada á cuestión nunha mesma intervención.

Artigo 50. Das chamadas á orde

1. Os concelleiros serán chamados á orde pola presidencia:

a) Cando proferiren palabras, expresións ou conceptos ofensivos ao decoro da Corporación ou dos seus membros, das institucións do Estado ou de Galicia, ou de calquera persoa ou entidade.

b) Cando faltaren oa establecido para a boa marcha das deliberacións.

c) Cando con interrupcións ou de calquera forma alteraren a orde das sesións.

d) Cando, retirada a palabra a un orador, pretenda continuar facendo uso dela.

2. Ao concelleiro que for chamado á orde tres veces nunha mesma sesión, advertido unha segunda vez das consecuencias dunha terceira chamada, retiraráselle, se é o caso, a palabra e a presidencia, sen debate, poderá ordenarlle que abandone o salón de sesións.

Artigo 51. Cuestións de orde

En calquera momento, os concelleiros poderán solicitar a palabra para propoñer brevemente unha cuestión de orde cando consideren que no desenvolvemento da sesión se infrinxiu un precepto ou se omitiu un trámite ou actuación preceptiva en relación con esta, con invocación expresa da norma cuxa aplicación reclama. A presidencia resolverá o procedente sen que por este motivo se poida suscitar ningún debate.

Artigo 52. Intervencións por alusións

1. Cando a presidencia considere que no desenvolvemento dun debate se fixeron alusións que impliquen xuízos de valor ou inexactitudes sobre a persoa ou conduta dun concelleiro que afecten á súa dignidade, poderá concederlle ao aludido o uso da palabra, se a solicitase, por un tempo non superior a dous minutos para que, sen entrar no fondo do asunto obxecto de debate, conteste ás alusións realizadas.

2. Só se poderá contestar ás alusións na mesma sesión na que se produzan.

Se a persoa aludida non está presente poderá contestar á alusión na sesión seguinte.

3. Cando a alusión afecte ao decoro ou á dignidade dun grupo municipal, a presidencia poderá concederlle a un representante daquel o uso da palabra polo mesmo tempo e coas condicións que se establecen no apartado 1 anterior.

Capitulo VIII. Das deliberacións e dos debates

Artigo 53. Ordenación das deliberacións

1. Correspóndelle á presidencia dirixir as deliberacións e garantir a súa orde e correcto desenvolvemento.

2. A presidencia administrará as diveras intervencións e a súa duración con suxeición ao previsto neste regulamento.

Artigo 54. Ausencia por causa de abstención

Se consonte o establecido na lexislación vixente un concelleiro incorre en causa de abstención con relación a algún asunto da orde do día, comunicarallo á presidencia e deberá ausentarse do salón de sesións mentres se discute vota ese asunto.

Artigo 55. Asuntos sen debate

Se trala lectura do enunciado da orde do día, non se suscita debate con relación ao asunto de que se trate, a presidencia someterá directamente o asunto a votación.

Artigo 56. Desenvolvemento dos debates

1. Cada punto da orde do día comezará coa lectura íntegra ou resumida do ditame da comisión informativa, proposta, ou, de se tratar dun asunto urxente, da iniciativa que se somete á Corporación. De solicitalo calquera grupo, cumprirá ler aquelas partes do expediente, informes ou ditames que se consideren convenientes para unha mellor comprensión.

2. A deliberación iníciase cunha exposición e xustificación da proposta, proposición ou moción pola Alcaldía, o voceiro do equipo de goberno ou o voceiro do grupo municipal promovente da iniciativa, que non se prolongará máis alá de 5 minutos. A xustificación previa da urxencia dunha moción non se prolongará máis alá de 3 minutos.

3. Regrais xerais dos debates.

- As quendas de intervención dos grupos políticos municipais desenvolveranse en orde inversa á súa importancia numérica e, no caso de empate, principiarase polo que obtivera menos votos nas eleccións locais.

- Se houber concelleiros non adscritos, os debates iniciaranse coa intervención destes.

4. Primeira quenda. Logo da exposición inicial da iniciativa ou xustificación da súa urxencia, os diversos grupos terán dereito a unha primeira quenda de intervencións. A presidencia velará para que todas as intervencións teñan unha duración semellante sen superar cadanseus 5 minutos, agás no caso da xustificación da urxencia, que non poderán superar cadanseus 3 minutos.

5. Segunda quenda. Haberá lugar a unha segunda quenda de intervencións por un tempo non superior a outros 5 minutos coa finalidade de que os intervinientes poidan replicar ou rectificar por unha soa vez as argumentacións dos demais oradores.

6. Consumida esta segunda quenda, poderá intervir, durante o tempo máximo de 3 minutos, o concelleiro que defendese a iniciativa presentada para manifestar se a mantén, a retira ou a rectifica.

7. A seguir, a presidencia dará por concluída a deliberación se a xulga suficientemente debatida e, antes de someter o asunto a votación, poderá tomar a palabra por un período máximo de 3 minutos para precisar a súa opinión sobre a cuestión debatida.

8. No marco establecido neste regulamento, a presidencia ten a facultade de ordenar os debates e incrementar a duración das intervencións ou o número destas, singularmente cando se delibere sobre o proxecto de orzamento ou a aprobación de normas regulamentarias ponderando para iso a importancia do asunto de que se trate e as circunstancias concorrentes.

En calquera caso, no exercicio desta facultade, deberá respectar sempre o principio de igualdade.

9. Durante o desenvolvemento dos debates e antes do anuncio de inicio da votación, as persoas titulares da Secretaría e da Intervención poderán informar nas sesions da Pleno às que asisten e cando media requerimento expreso de quien Presida, acerca dos aspectos legais do asunto que se discuta , co obxecto de colaborar na corrección xuridica da decisión que debe adoptarse.

Se no debate se plantexa algunha cuestión nova sobre cuxa legalidade poda dubidarse , poderàn solicitar ao presidente o uso da palabra para asesorar à Corporaciòn.

Artigo 57. Regras de debate das emendas

1. De se presentaren emendas, seguiranse as regras xerais coa única particularidade de que os diversos intervinientes no debate deberán precisar se están conformes ou nos coas emendas presentadas, explicando a xustificación da súa posición con relación a elas.

2. As emendas de modificación aceptadas incorporaranse, se é o caso, ao texto da iniciativa inicial antes de someter o asunto a votación.

3. As emendas ás proposicións e mocións de urxencia non serán obxecto de votación separada. Concluído o debate do asunto, someterase a votación o texto da proposición ou da moción coas emendas aceptadas pola persoa que propuxo a iniciativa.

Capítulo IX. Dos acordos e as votacions

Artigo 58. Termos e clases de votacións

1. Concluído o debate, ou se non o houber, a presidencia someterá o asunto a votación. Previamente formulará de forma clara e concisa os termos do acordo sobre o que se vai pronunciar o Pleno e, se é o caso, a forma de votación que se vai empregar.

2. As votacións poden ser:

- Por asentimento, cando tralo anuncio das propostas non se suscita obxección nin oposición ningunha.

- Ordinarias, nas que se manifesta o sentido do voto erguendo a man.

- Nominais, nas que se chama individualmente a cada un dos membros da Corporación e estes responden de palabra afirmativa, negativamente ou abstención. A votación realizarase por orde alfabética dos apelidos e, en último lugar, a presidencia.

- Secretas, nas que cada concelleiro emite o seu voto mediante papeleta depositada en urna, tralo seu chamamento individual na orde sinalada no apartado anterior.

3. O sistema normal de votación será a votación ordinaria. A votación nominal require a solicitude dun grupo municipal e a aprobación do Pleno da Corporación por maioría simple nunha votación ordinaria. A votación secreta só se empregará para a elección da persoa titular da Alcaldía e nos demais casos sinalados específicamente pola lei.

Artigo 59. Carácter e sentido do voto

1. O voto dos concelleiros é persoal e indelegable.

2. O voto dos concelleiros pode ser afirmativo ou negativo, ou poden abstérense de votar.

3. Cando un concelleiro ou grupo manifesta que non vota, considérase que a súa posición é de abstención.

4. Enténdese que se absteñen os concelleiros que se ausenten do salón de sesións durante a deliberación dun asunto e que non estean presentes no momento da votación.

5. Iniciada unha votación, esta non se pode interromper por motivo ningún. A presidencia coidará de que mentres se desenvolve a votación ninguén faga uso da palabra, entre ou saia do salón de sesións, ou realice actos ou manteña actitudes quen poidan perturbar a orde do acto ou a capacidade dos concelleiros para emitir libremente o seu voto.

Artigo 60. Adopción dos acordos. Empates.

1. O Pleno adopta os seus acordos, como regra xeral, por maioría simple dos membros presentes. Existe maioría simple cando os votos afirmativos son máis cós negativos.

2. Enténdese que hai maioría absoluta cando os votos afirmativos son máis da metade do número legal de membros da Corporación.

3. No caso de votacións con resultado de empate, efectuarase unha segunda votación e, de persistir o empate, decidirá o voto de calidade da persoa titular da Alcaldía, sempre e cando esta, antes de realizar esa segunda votación, anuncie que vai utilizar o seu voto de calidade.

Artigo 61. Proclamación do resultado da votación

1. Concluída a votación ordinaria, a presidencia declarará inmediatamente o seu resultado e o acordo adoptado.

2. Trala votación nominal ou secreta, a Secretaría da Corporación computará o sufraxios emitidos e anunciará publicamente o seu resultado. A presidencia proclamará inmediatamente o acordo adoptado.

Artigo 62. Quenda de explicación de voto

1. Trala proclamación do acordo, os grupos ou os concelleiros non adscritos que non interviñesen no debate, ou que despois del cambiaron o sentido do seu voto, poderán solicitar da presidencia unha quenda de explicación de voto.

2. A quenda de explicación de voto será breve sen que as intervencións poidan superar os 2 minutos. Nesta quenda só se poderán expoñer as razóns que motivaron a posición de voto.

Capítulo X. Do control do goberno municipal nas sesións plenarias

Artigo 63. Control do goberno

Nas sesións plenarias ordinarias, concluído o tratamento das propostas, proposicións e mocións incluídas na parte resolutiva, haberá unha fase dedicada ao control de Goberno consistente na tramitación das interpelacións, preguntas e, se fose o caso, na comparecencia dos membros do equipo de goberno.

Artigo 64. Das comparecencias

1. Os concelleiros do equipo de goberno están obrigados a comparecer ante o Pleno cando este o decida, para responder ás preguntas concretas que se lle formulen no escrito de solicitude de comparecencia sobre a súa actuación. A solicitude de comparecencia deberá ser formulada polomenos polos voceiros de dous grupos municipais cunha antelación de sete día hábiles á data da sesión na que se vaia tratar a petición.

2. Acordada polo Pleno a comparecencia, esta será incluída pola presidencia na orde do día da seguinte sesión ordinaria ou extraordinaria que celebre o Pleno da Corporación. O acordo notificaráselle ao interesado coa indicación da data na que se celebrará a comparecencia.

3. Entre a notificación do acordo e a sesión deberán transcorrer polo menos dez días hábiles. Só se poderá tramitar, como máximo, unha solicitude de comparecencia en cada sesión ordinaria. Se existen varias solicitudes de comparecencia, tramitaranse por orde de rexistro de entrada.

4. 3. Así mesmo, calquera do equipo de goberno poderá comparecer ante o Pleno por iniciativa propia para informar da xestión dos asuntos da súa competencia sempre que o admita a presidencia mediante a inclusión do punto na orde do día da correspondente sesión.

Artigo 65. Desenvolvemento das comparecencias

O desenvolvemento das comparecencias axustarase aos seguintes trámites:

a) Exposición oral dos voceiros dos grupos municipais que solicitaron a comparecencia. A duración destas intervencións terán un máximo de candaseus cinco minutos, co obxecto de precisar exclusivamente as razóns que motivaron a comparecencia e formular as preguntas nas que se concrete.

b) Intervención do concelleiro comparecente por tempo máximo de dez minutos.

c) Intervencións dos representantes dos grupos municipais e concelleiros non adscritos por un tempo máximo de cinco minutos para fixar posicións, facer observacións ou formular preguntas.

d) Contestación do comparecente por un tempo máximo de dez minutos.

En ningún caso, da comparecencia poderá derivarse a adopción de acordos sen os trámites legalmente establecidos.

Ningún voceiros dos grupos municipais poderá asinar durante o seu mandato máis de tres solicitudes de comparecencia referidas ao mesmo membro do equipo de goberno, a non ser que este cambie de área de responsabilidade.

Artigo 66. Das interpelacións

1. As interpelacións deberanse presentar por escrito cunha antelación mínima de cinco días hábiles á data de celebración da sesión na que se vaian tratar.

2. O promovente expoñerá oralmente a interpelación durante un máximo de dous minutos e a contestación por parte dalgún membro do equipo de goberno tampouco superará ese límite.

3. A interpelación pode ser obxecdo dun breve debate, consistente no dereito de réplica polo promovente e de contrarréplica polo equipo de goberno. Estas intervencións terán unha duración máxima de cadanseu minuto.

4. Os grupos municipais non poderán presentar máis de tres interpelacións para cada sesión. Compútanse no cupo de cada grupo as interpelacións presentadas por concelleiros pertencentes a el.

Artigo 67. Das preguntas

1. As preguntas poden escritas ou orais. As que se presenten por escrito cunha antelación mínima de cinco días hábiles á data da sesión nas que se vaian tratar, contestaranse nela. As demais preguntas incluiranse para contestar na seguinte, a non ser que a Alcaldía prefira que se contesten inmediatamente.

2. Se non hai outra indicación entenderase que quen formula a pregunta solicita que se lle conteste verbalmente no decurso da sesión plenaria. De preferir unha contestación escrita, deberá sinalalo expresamente. Neste caso o equipo de goberno cumprimentará a contestación no prazo de un mes desde que se presentou a pregunta.

3. As preguntas non poden versar sobre:

a) Asuntos alleos ás competencias do Concello.

b) Asuntos de exclusivo interese persoal de quen as formula ou de calquera outra persoa singularizada.

c) Consultas de carácter estritamente xurídico.

d) Que sexan reiteración doutras xa fosen oportunamente contestadas.

4. As preguntas de contestación oral tramítanse mediante a formulación concisa da pregunta por parte do concelleiro e a contestación polo represnetante do equipo de Goberno encargado de responder en nome deste.

O tempo para expoñer e contestar cada pregunta non poderá exceder de un minuto para cada interviniente.

Capítulo XI. Do uso do galego

Artigo 68. O galego como lingua propia da Corporación

1. O galego, como lingua propia de Galicia, tamén o é do Concello de Rois.

2. Os actos preparatorios das sesións dos órganos da Corporación, deliberacións dos órganos colexiados, resolucións, actas e notificacións que se orixinen no seo de ou procedan dos órganos e da administración do Concello de Rois redactaranse en lingua galega.

3. Os recursos, comparecencias, escrituras públicas e actuacións procesuais que promova ou nos que interveña o Concello de Rois e que se desenvolvan no territorio de Galicia tamén se redactarán no idioma propio do país.

4. O Concello de Rois promoverá o incorporación e normalización da lingua galega en todos os ámbitos sociais nos que desempeñe as súas competencias.

5. O anterior enténdese sen prexuízo do respecto ao dereito das persoas a usar nas súas relacións administrativas e xurisdicionais calquera a lingua oficial da súa elección ou, se é o caso, a súa lingua propia cando non entendan ningunha das linguas oficiais de Galicia.

Disposiciòn final. Entrada en vigor.

1.- Este regulamento entrarà en vigor unha vez que a aprobación sexa definitiva o dìa seguinte ao da publicación do texto ìntegro no Boletìn oficial da Provincia, sempre que houbera transcorrido o prazo previsto polo artigo 65.2 da Lei 7/1985 , de 2 de Abril , Reguladora das Bases de Rèxime local.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

O regulamento dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:

 

¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."

 

Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.