Betanzos - ORDENANZA FISCAL Nº 9 REGULADORA DA TAXA POR OCUPACIÓN DE TERREOS DE USO PÚBLICO POR MESAS E CADEIRAS, TRIBUNAS, TABLADOS E OUTROS ELEMENTOS ANÁLOGOS CON FINALIDADE LUCRATIVA

Publicación provisional: 11/11/2003 BOP Nº: 259
Publicación definitiva: 27/12/2003 BOP Nº: 296
Aplicable dende: 23/09/2020

Artigo 1.º.–Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible desta taxa a ocupación de terreos de uso público local con mesas, cadeiras, veladores, paraventos, macetas, antucas, felpudos, tribunas, estrados e outros elementos análogos.

Artigo 2.º.–Suxeitos pasivos.

Se os aproveitamentos se realizasen sen obter licenza, considerarase que ten a condición de suxeito pasivo o titular da empresa que explote a instalación á que esta afecto o elemento situado en terreo público.

Artigo 3.º.–Base impoñible e cota tributaria.

A base impoñible e a cota tributaria determinarase de acordo coa seguinte tarifa:

1. Por cada mesa que se corresponderá con catro cadeiras ao mes (cando cada mesa exceda do metro de lonxitude, tributarán como dúas; se pasan de dous metros, tributarán como tres; e así sucesivamente:

1.1. Nas rúas e prazas do primeiro grupo (mínimo 37,05 €) 2,60 €

1.2. Nas rúas e prazas do segundo grupo (mínimo 31,35 €) 2,20 €

2. Terrazas, estrados e calquera outro elemento, ao mes:

2.1. Nas rúas e prazas do primeiro grupo (mínimo 37,05 €) 2,60 €

2.2. Nas rúas e prazas do segundo grupo (mínimo 31,35 €) 2,20 €

Artigo 4.º.–Devindicación.

1. A taxa devindicarase na súa totalidade no momento de solicitarse a licenza ou de iniciarse o aproveitamento, cando non se obtivese a correspondente licenza.

Artigo 5.º.–Grupos de rúas.

O primeiro grupo comprenderá: rúa Ferradores, praza Domingo Echeverría Naveira, cantón Claudino Pita, praza de Galicia, praza dos Irmáns García Naveira e cantón San Roque.

O segundo grupo comprenderá o resto de vías públicas.

Artigo 6.º.–Bonificacións.

Establecerase unha bonificación do 30% para os negocios situados no ámbito do PEPOCH e na zona ARICH, exceptuando os emprazados no grupo de rúas I.

Artigo 7.º.–Exencións.

Durante o ano 2020 quedan exentas todas as solicitudes debido á Pandemia do Covid-19.

Disposición final

A presente Ordenanza foi aprobada con data de vinte de decembro de 2001 e comezará a rexer efectos o día 1 de xaneiro de 2002 e producirá efectos en tanto non se acorde a súa modificación ou derrogación.