Coristanco - ORDENANZA MUNICIPAL NON FISCAL PARA PROTECCIÓN E CONSERVACIÓN DOS CAMIÑOS E VÍAS PÚBLICAS EN RELACIÓN COAS OPERACIÓNS DE SACA DE MADEIRA DO CONCELLO DE CORISTANCO

Publicación provisional: 08/06/2020 BOP Nº: 82
Publicación definitiva: 05/10/2020 BOP Nº: 166
Aplicable dende: 27/10/2020

Preámbulo

As administracións públicas están obrigadas a remover os obstáculos que impiden o normal exercicio da actividade económica e están obrigadas a simplificación e axilidade na tramitación administrativa, e ao tempo a manter o equilibrio debido coa sustentabilidade mediambiental das ditas actividades e mais a dos servizos públicos que debe prestar.

Dende o ano 2000 o Concello conta cunha Ordenanza fiscal reguladora do depósito, carga e transporte de madeira de tala, e son moitos os cambios normativos habidos dende aquela data e tamén as disfuncións detectadas pola inaplicación da norma municipal.

A situación de partida por tanto é a de protexer o viario público por actividades que debido a súa intensidade e incidencia no seu uso poidan supor unha ameaza ao seu bo estado de conservación. Esta é a finalidade desta Ordenanza recuperar o equilibrio entre a actividade económica relacionada coa saca de madeira o bo mantenemento do dominio público viario así como a garantía da seguridade viaria dos veciños de Coristanco.

Seguindo o espíritu da norma óptase polo procedemento de intervención menos lesivo para as persoas que realizan este tipo de actividade (comunicación previa) e ao tempo regúlase o réxime de depósito de garantías e sancionador polo incumprimento dos preceptos da ordenanza e a incidencia dos danos no dominio público viario.

Título I.-Obxecto, fundamento xurídico e ámbito de aplicación

Artigo 1.-Obxecto.

A presente ordenanza ten por obxecto garantir a preservación do medio ambiente e a conservación dos camiños e pistas rurais do termo municipal de Coristanco, como consecuencia dos danos que podan ocasionar as tarefas de corta de plantacións e as operacións de saca, depósito e transporte de madeira.

Artigo 2.-Fundamento xurídico.

2.1.-A presente ordenanza fundamentase no uso das competencias que lle atribúe ó Concello os artigos 4.1.a), 25.2.d), e 84 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; os artigos 6.1 a), 80.2.d) e 286 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia; e os artigos 3.1 e 74 e seguintes do Real Decreto 1372/1986, do 13 de xullo, polo que se aproba o regulamento de bens das corporacións locais.

2.2.-Así mesmo, para a aplicación da presente ordenanza mediante a presentación dunha comunicación previa fundaméntase nos artigos 4 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico das administracións públicas e 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo das administracións públicas e nos artigos 84.c), 84 bis e 84 ter da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Artigo 3.-Ámbito de aplicación.

3.1.-Inclúese dentro desta ordenanza tódalas operacións que den lugar a saca de madeira, isto é, as previas á corta de madeira (desprazamento de vehículos, maquinaria, preparación de terreos de acceso) e as posteriores (preparación, depósito, carga e transporte) a realizar no termo municipal de Coristanco.

3.2.-Excepcións:

- Todas as actividades de saca de madeira para uso doméstico <20 m3.

- Podas ou talas puntuais (árbore tirada).

- As talas que teñan por finalidade a eliminación dunha situación de perigo para as persoas ou bens.

Título II.-Réxime xurídico da actividade

Artigo 4.-Procedemento comunicación previa.

4.1.-Para garantir o cumprimento desta ordenanza e así preservar os camiños e vías municipais como consecuencia das sacas de madeira dentro do termo municipal de Coristanco será obrigatorio presentar nas oficinas do Concello de Coristanco comunicación previa da corta segundo modelo Anexo I, todo elo sen prexuízo da necesaria obtención doutros permisos e autorizacións sectoriais pertinentes.

4.2.-A comunicación da corta será efectuada pola persoa física ou xurídica responsable da tala segundo modelo Anexo I, debendo constar na mesma o seguinte:

- Identificación da empresa encargada da tala.

- Especie de madeira obxecto da tala.

- Declaración responsable, comunicación previa ou, no seu caso, autorización da tala polo órgano competente en materia forestal da Xunta de Galicia.

- Identificación da parcela afectada e a súa situación no Plan Xeral de Ordenación Municipal.

- Identificación do lugar de depósito e das vías a utilizar para o transporte de madeira.

- Identificación dos vehículos que interveñan na saca de madeira no caso de que dita operación se realice por empresas distintas á que realiza a tala, no caso contrario será responsable dos danos ocasionados nas vías e camiños municipais a empresa encargada da tala.

- Xustificante de ter presentado a fianza esixida no artigo seguinte para responder do amaño dos danos que puideran producirse nas vías e camiños, para a limpeza dos restos ou calquera outro que puidera ser consecuencia directa da saca e tala de madeira. No caso de que os traballos de depósito, carga e transporte interveñan vehículos de empresas distintas as encargadas da tala, estarán obrigados a subrogalos na súa fianza, ou ben a que a propia empresa de transporte deposite a súa propia fianza. No caso contrario a empresa encargada da tala será responsable de calquera dano ocasionada pola empresa de transporte.

- Duración estimada dos traballos así como a data prevista para o comezo destes.

- Autorizacións sectoriais (de ser o caso).

4.3.-A presentación da comunicación previa levarase a cabo nas oficinas do Rexistro Xeral do Concello de Coristanco ou ben nalgún dos medios establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

4.4.-O Concello de Coristanco establece un prazo de 15 días hábiles para declarar completa a documentación presentada, por este motivo a comunicacion deberá presentarse alo menos con esta antelación a realización das tarefas. Con todo poderáse suspender os efectos da comunicación previa nos termos indicados na Lei 39/2015.

4.5.-No caso de que a documentación presentada sexa incompleta ou non correcta concederalle ó interesado un prazo de 10 días hábiles para posibles emendas da documentación presentada, consonte ó establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro. Con todo, no caso de non emendarse a dita comunicación, ou nos casos de inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore a comunicación, ou a non presentación ante a Administración competente da comunicación, a actividade non poderá desenvolverse suspendéndose os efectos da comunicación presentada dende o momento no que se teña coñecemento destas incidencias consonte ao disposto no art. 69 da Lei 39/2015.

4.6.-O Concello resérvase o dereito a propoñer cambios na ruta de acceso proposta, motivada en circunstancias metereolóxicas, de seguridade viarias ou outras razóns de interese público que deberán figurar expresamente na comunicación que, para esta finalidade, se dirixa a interesada.

4.7.-O alcalde poderá ordenar a suspensión e a reanudación de calquer tala de madeira, aínda que esta se estivera levando a cabo segundo o calendario previsto na comunicación previa, se as condicións climatolóxicas foran tan adversas que comprometeran a rodadura ou o estado en xeral de estradas municipais así como de camiños públicos ou veciñais de uso común.

4.8.-A comunicación previa pode ser válida para varias parcelas sempre que os traballos se fagan simultáneamente.

Artigo 5.-Garantía.

5.1.-A persoa ou empresa encargada da tala estará obrigada a presentar xustificantes de ter constituído fianza en metálico ou aval bancario, polos importes que se indican no apartado seguinte, para responder do amaño dos danos causados nas vías e camiños ou a terceiros que circulen polo mesmo; a limpeza dos restos das operacións de depósito, carga e transporte de madeira ou calquera outro dano que sexa consecuencia directa da tala obxecto da comunicación previa.

5.2.-No caso de que na carga e transporte da madeira interveña outra empresa distinta da encargada da tala, deberá ou ben subrogalos na súa fianza ou ben que a empresa do transporte presente o seu propio aval ou fianza en metálico.

No caso contrario a empresa de tala será a responsable de todo dano que ocasione.

5.3.-Establécense dúas categorías de aval ou fianza en metálico:

a) Vehículos con peso máximo autorizado inferior a 16 Tm. 2.704,55 €

b) Vehículos con peso máximo autorizado maior ou igual a 16 Tm. 4.207,08 €

5.4 No caso de que a persoa ou empresa obrigada optara pola constitución de fianza en metálico, deberá facer o ingreso que corresponda segundo o disposto no artigo anterior na conta operativa do Concello de Coristanco:

ES20 2080 0071 2331 1000 0013

E achegar xunto coa comunicación previa da actividade o xustificante bancario de tela constituída.

5.5. No caso de que a empresa presente aval bancario, este deberá ser documento orixinal, facer constar expresamente a renuncia ao beneficio de excusión e que a garantía mantén a súa vixencia durante o prazo de desenvolvemento da actividade e ate que sexa solicitada e autorizada a súa devolución por quen resulte competente.

5.6. Unha vez que o Concello teña coñecemento da produción de danos e logo do debido requirimento de emenda das deficiencias detectadas, o órgano municipal competente poderá realizar, con cargo á garantía depositada, as operacións de reparación, acondicionamento ou retirada de residuos, logo da audiencia do interesado polo prazo de dez días hábiles, sen prexuízo de recadar as contias correspondentes en concepto de ingreso público, se os custos da dita operación non fosen totalmente cubertos co importe da garantía depositada.

5.7. Rematados os traballos, a interesada comunicará ao Concello esta circunstancia, para que no prazo de 30 días dende a súa solicitude lle sexa devolta a garantía, logo do informe técnico de comprobación do estado do dominio público afectado.

Artigo 6.-Facultades de policía.

6.1.-Se faculta ao corpo da policía local do Concello de Coristanco a adoitar as medidas de carácter provisional que estimen necesarias, incluíndo o comiso e precinto, para evitar a continuidade do dano ocasionado polo actividade presuntamente infractora da Ordenanza ou no caso de detectarse a realización da actividade sen a precisa comunicación previa.

6.2.-O alcalde deberá confirmar, modificar ou deixar sen efecto as medidas de carácter provisional acordadas polo corpo de Policía Local, cando se incoe o correspondente expediente sancionador, ou incluso antes de dita incoación, se comprobando o cumprimento por parte do interesado, o atraso na tramitación do expediente puidera causarlle un grave prexuízo.

Artigo 7.-Obrigas e prohibicións.

7.1.-A empresa madeireira está obrigada a presentar a comunicación previa de tala e saca de madeira antes do inicio dos traballos, coa antelación suficiente para que o Concello poda facer as tarefas de verificación previas.

7.2.-A empresa madeireira está obrigada a recollida de todos os residuos xerados pola corta así como a súa retirada, de xeito que os camiños, estradas ou espazos públicos estean en todo momento nun estado de limpeza axeitado sin que supoñan perigo para o resto de viandantes e vehículos.

7.3.-Os depósitos de madeira, ramas ou poda que se fagan como consecuencia da tala obxecto da comunicación previa non poderán invadir a circulación viaria, as gabias, taxeas, canalizacións de auga, pontes ou calquera outra infraestrutura auxiliar de camiños, estradas e vías públicas anexas, de cara a evitar un risco para o resto de viandante e vehículos.

Nas zonas forestais en que o Concello, ou as respectivas Comunidades de Montes, teñan disposto unha parcela ou espazo específico, destinado para o depósito transitorio da madeira xa cortada, as empresas que leven a cabo a tala e/ou o transporte deberán utilizar estes espazos sempre que non sexa posible facelo directamente desde a finca afectada pola tala ata o lugar de destino. De igual modo deberán proceder cando as dimensións, trazado ou condicións de conservación dos camiños de acceso ao monte, aconsellen empregar vehículos de pequena dimensión para o traslado da madeira ata o espazo de depósito transitorio.

7.4.-Consonte ó punto anterior tampouco se poderán obstaculizar ou impedir a normal circulación nesas mesmas zonas cando se proceda a carga e a descarga da madeira polos vehículos encargados do traslado da madeira.

7.5.-Non se poderá realizar desprazamentos de terra que polas súas características deban ser considerados como movemento de terra suxeito a licenza.

7.6.-Sen prexuízo da sanción administrativa que se impuxera, quen infrinxa a presente ordenanza terá a obriga de repoñer e restaurar o dano causado, na forma e condicións establecidas polo órgano que impuxo a sanción. A tal fin a resolución sancionadora determinará o contido desta obriga, así como o prazo de execución. No caso de non atender a dita obriga o Concello procederá a súa execución subsidiaria imputándolle o custo á empresa responsable.

Título III.-Procedemento sancionador

Artigo 8.-Infraccións.

Son infraccións desta ordenanza os actos e omisións que contraveñan o establecido nela. A comisión de calquera infracción levará aparellada a imposición das correspondentes sancións, ademais da obriga de indemnizar aos prexudicados polos danos derivados da súa comisión.

 8.1.-Será infraccións moi graves:

a) Non realizar os traballos necesarios para que as pistas, camiños e espazos públicos municipais utilizados se manteñan en perfecto estado de conservación e limpeza unha vez rematados os traballos e realizado o requirimento por parte do Concello.

b) Realizar traballos de saca de madeira usando pistas, camiños ou espazos públicos municipais respectos dos cales se lle denegara por parte do Concello a súa utilización.

c) Deixar as vías municipais nun estado que supoña unha situación de risco para a seguridade viaria.

d) A comisión, nun prazo dun ano, de dúas faltas graves que sexan firmes en vía administrativa.

 8.2.-Serán infraccións graves:

a) Realizar calquera das actividades relacionadas coa saca de madeira sen o previo depósito da garantía no importe que corresponda.

b) Non presentar o escrito de comunicación previa a que se refire esta ordenanza no artigo 4, unha vez requirida polo Concello e dentro do prazo establecido no requirimento.

c) Non achegar a documentación sinalada no artigo 4.2 desta ordenanza, unha vez requirido polo Concello e dentro do prazo establecido no requirimento. Non presentar o escrito de comunicación previa.

d) Ocultar ou falsear os datos e documentos presentados en relación con esta ordenanza.

e) Deixar as vías públicas en deficiente estado, segundo comprobación e informe técnico expedido ó efecto.

f) Non demoler ou non repor ao seu estado orixinal os accesos que se construíron ou abriron para entrar nos terreos.

g) A comisión, nun prazo dun ano, de dúas faltas leves, que sexan firmes en vía administrativa.

8.3.-Serán infraccións leves:

Calquera outro incumprimento dos requisitos, obrigas e/ou prohibicións establecidos nesta ordenanza que non estea cualificado como grave ou moi grave.

8.4.-Na graduación destas infraccións atenderase:

a) A intensidade da perturbación ocasionada na tranquilidade ou no pacífico exercicio dos dereitos doutras persoas ou actividades.

b) A intensidade da perturbación causada á salubridade ou ornato públicos.

c) A intensidade da perturbación ocasionada no uso dun servizo ou dun espazo público por parte das persoas con dereito a utilizalos.

d) A intensidade da perturbación ocasionada no normal funcionamento dun servizo público.

e) A intensidade dos danos ocasionados aos equipamentos, infraestruturas, instalacións ou elementos dun servizo ou dun espazo público.

Artigo 9.-Sancións.

9.1.-As infraccións desta ordenanza serán sancionadas do seguinte xeito:

- As leves, con multa de 600,00 € a 750,00 €.

- As graves, con multa de 750,01 € a 1.500 €.

- As moi graves, con multa de 1.500 € a 3.000 €.

9.2.-A imposición das sancións que proceda non exime da realización dos traballos de limpeza que sexan necesarios, así como da reparación e indemnización dos danos causados e perdas as que houbese lugar.

9.3 En todo o relativo á imposición e cobro das sancións rexerá o disposto con carácter xeral nos artigos 178 e seguintes da Lei Xeral Tributaria.

A falta de pagamento das sancións impostas en período voluntario determinará o inicio do procedemento de apremio de conformidade co disposto nos artigos 167 e seguintes da Lei Xeral Tributaria.

Artigo 10.-Procedemento.

10.1.-O exercicio da potestade sancionadora prevista nesta ordenanza fiscal requirirá incoación e instrución do correspondente expediente administrativo consonte o establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común e Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico das administracións públicas.

10.2.-Atribúese ó corpo de Policía Local a competencia para denunciar e instruír os procedementos sancionadores derivados do cumprimento desta ordenanza.

Artigo 11.-Órganos competentes.

11.1.-Será órgano competente para iniciar o procedemento sancionador o alcalde ou concelleiro en quen delegue, consonte ó regulado no artigo 21.1 h) da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local.

11.2.-A funcións instrutora exercerase pola autoridade que designe o órgano competente para a incoación do procedemento, sen que poida recaer en quen tivera competencia para resolver o mesmo.

11.3.-Será órgano competente para resolver o procedemento sancionador a Alcaldía, segundo o establecido no dito artigo.

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

Primeira.-En cumprimento do establecido no artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, a presente ordenanza entrará en vigor unha vez que se publique o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e transcorra o prazo de quince días hábiles previstos no artigo 65.2 do citado texto legal.

Segunda.-O modelo normalizado de escrito de comunicación previa manterase permanentemente actualizado e publicado na páxina web municipal.

O anexo que se incorpora nesta ordenanza non terá carácter regulamentario e tanto o seu número como o seu contido poderá ser adaptado, modificado ou ampliado por resolución da Alcaldía ou órgano delegado.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

A partir da entrada en vigor da presente ordenanza queda derrogada a Ordenanza Fiscal n.º16 reguladora do depósito, carga e transporte de madeira e tala, publicada no BOP núm. 133, 12.06.2000.

Consonte ao disposto no artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra esta ordenanza poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo diante da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses dende o día seguinte ó da súa publicación definitiva no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.

ANEXO

COMUNICACIÓN PREVIA DE TALA FORESTAL NO CONCELLO DE CORISTANCO

DATOS MADEIREIRO

Nome e apelidos/razón social

 

 

D.N.I. - C.I.F.

Enderezo a efectos de notificación

  

Código postal

 

 

Teléfono

Municipio

 

 

Provincia

REPRESENTANTE

Nome e apelidos

 

DNI

  

Enderezo a efectos de notificación

  

Código postal

 

 

Teléfono

Municipio

 

 

Provincia

 

EXPÓN: Que pretende realizar traballos de tala de madeira

 

DATOS DA/S PARCELA/S

(no caso de que se fagan varios traballos simultáneamente reflectir os datos de todas as parcelas afectadas)

Referencia catastral

 

 

 

  

Superficie da parcela

Superficie talada

 

 

Coordenadas UTM

  

 

  

Polígono

Parcela

Especie

 

 

Lugar - Parroquia

 

 

 

DATOS PROPIETARIO DA PARCELA

Nome e apelidos /razón social

 

 

D.N.I. / C.I.F.

 

 

Enderezo a efecto de notificacións

 

 

Municipio

Provincia

Dirección electrónica/email a efecto de notificacións

 

 

 

Teléfono

 

Código postal

 

 

DATOS DA MAQUINARIA E CAMIÓNS DE TRANSPORTE

TIPO MAQUINARIA

MODELO

MATRICULA

P.M.A.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

DURACIÓN ESTIMADA DOS TRABALLOS

 

 

Tm. DE MADEIRA A TALAR (APROX.)

Data inicio:

Data remate:(aprox.)

 

 

 

DOCUMENTACIÓN QUE SE ACHEGA (marcar a que se achega)

Fotocopia do CIF/NIF do/a solicitante e, no seu caso do/a representante.

Solicitude de autorización para aproveitamento madeireiro achegada á Consellería competente en materia forestal (Consellería de Medio Rural e do Mar)

Autorización/s sectorial correspondente/s (se procede)

Xustificante de pago da fianza o artigo 5 da Ordenanza reguladora.

Plano identificando o lugar de deposito e das vías a utilizar para o transporte da madeira.

 

En ¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿., a ¿¿¿., de¿¿¿¿¿¿¿¿¿.. de 2¿¿¿..

Asdo. __________________________

SR. ALCALDE DO CONCELLO DE CORISTANCO

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza dispón a súa entrada en vigor ós 15 días hábiles seguintes a súa publicación no B.O.P., pero se debe ter en conta que o artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril , reguladora das Bases do Réxime Local establece que:

¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales....." (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).

 Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."