Valdoviño - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POR DEREITOS DE EXAME

Publicación provisional: 24/04/2020 BOP Nº: 63
Publicación definitiva: 24/11/2020 BOP Nº: 200
Aplicable dende: 24/11/2020

ARTIGO 1. Fundamento e Obxecto

En uso das facultades contidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución, polo artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto no artigo 20 en relación cos artigos 15 a 19 do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, este Concello establece a taxa por dereitos de exame, que estará ao establecido na presente Ordenanza Fiscal cuxas normas atenden ao previsto no artigo 57 do citado texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais.

ARTIGO 2. Feito Impoñible

Constitúe o feito impoñible da taxa, a actividade técnica e administrativa conducente á selección do persoal funcionario e laboral entre quen solicite participar como aspirantes en probas de acceso ou promoción aos Corpos ou Escalas de Funcionarios ou ás categorías de persoal laboral convocadas por este Concello.

ARTIGO 3. Suxeito Pasivo

Serán suxeitos pasivos desta taxa, todas as persoas físicas que soliciten a inscrición como aspirantes nas probas selectivas ou de aptitude ás que se refire o artigo anterior.

ARTIGO 4. Responsables

Responderán da débeda tributaria os debedores principais xunto a outras persoas ou entidades. A estes efectos consideraranse debedores principais os obrigaos tributarios do artigo 35.2 da Lei 58/2003, de 17 de Decembro, Xeral Tributaria.

Salvo precepto legal expreso en contrario, a responsabilidade será sempre subsidiaria.

Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 42 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria.

En relación á responsabilidade solidaria e subsidiaria da débeda tributaria estarase ao establecido, respectivamente, nos artigos 42 e 43 da Lei 58/2003, de 17 de decembro Xeral Tributaria.

5. Cota tributaria

A cota tributaria determinaráse por unha cantidade fixa sinalada segundo o grupo ou categoría laboral da praza á que se pretenda acceder, en función da titulación esixida para a mesma, e dacordo coas tarifas seguíntes:

CONCEPTO Importe euros

1.- Probas de acceso ó grupo A1 ou categorías de persoal laboral asimilables 50,00

2.- Probas de acceso ó grupo A2, B ou categorías de persoal laboral asimilables 40,00

3.- Probas de acceso ó grupo C1 e C2, ou categorías de persoal laboral asimilables 30,00

4.- Probas de acceso ó grupo E ou categorías de persoal laboral asimilables ou

outros non tarifados expresamente 25,00

ARTIGO 6. Exencións e Bonificacións

Estarán exentas do pago as persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, que se acreditará mediante orixinal ou copia compulsada do certificado de discapacidade emitido pola Dirección Xeral de Servizos Sociais, e que se deberá atopar actualizado á data da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Terán unha redución do 50% da taxa, as persoas que figuren como demandantes de emprego durante o prazo, de polo menos seis meses á data de convocatoria. Para o goce desta bonificación, será requisito que no prazo de que se trate, non rexeitasen oferta de emprego axeitado nin se negaran a participar, salvo causa xustificada, en accións de promoción, formación e que, así mesmo carezan do dereito de prestación por desemprego e/ou rendas superiores en cómputo mensual ao salario mínimo interprofesional. Estas condicións acreditaranse por medio de certificacións emitidas pola administración competente no momento da solicitude.

Os expresados beneficios fiscais non terán carácter acumulativo, polo cal, en supostos de concorrencia de diversas causas que sexan a orixe do dereito a demandar os beneficios citados, o interesado deberá optar só por un deles. No caso de que o interesado non exercitase a opción anterior, procederase de oficio, a considerar por orde de preferencia decrecente no que se atope debidamente xustificado ou resulta máis favorable ao interesado.

De conformidade co artigo 9 do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, en relación co artigo 18 da Lei 8/1989, de 13 de abril, de Taxas e Prezos Públicos, non se admitirá beneficio tributario algún, salvo a favor do Estado e os demáis Entes Publicos territoriais ou institucionais ou como consecuencia do establecido nos Tratados ou Acordos Internacionais, excepto a posibilidade de terse en conta criterios xenéricos de capacidade económica dos suxeitos obrigados a satisfacelas -art. 24.4 TRLRHL.

ARTIGO 7. Devengo

O devengo da taxa produciarase no momento da solicitude de inscrición nas probas selectivas ou de actitude a que se refire o artigo 2, sendo preciso o pago da taxa para poder participar nas mesmas.

A taxa abonarase durante o período de tempo en que permaneza aberto o prazo para a presentación de solicitudes de participación, que será o determinado en cada unha das bases que rexan as convocatorias para a provisión, nos seus distintos réximes, as prazas que se oferten.

ARTIGO 8 . Normas de Xestión.

1. A taxa regulada nesta ordenanza esixirase en réxime de autoliquidación. Os suxeitos pasivos deberán practicar autoliquidación nos impresos habilitados ao efecto pola Administración municipal e realizar o seu ingreso en calquera entidade bancaria auotizada, antes de presentar a correspondente solicitude de inscrición, non admitíndose o pago fóra do devandito prazo.

2. A falta de pago da taxa no prazo sinalado no paragrafo anterior, determinará a inadmisión do aspirantes ás probas selectivas.

3. A solicitude de inscrición deberá acompañarse, en todo caso, copia da autoliquidación debidamente ingresada. No caso de que o suxeito pasivo sexa unha das persoas a que se refire o artigo 6 desta ordenanza, deberá acompañarse a documentación que no mesmo indícase.

4. Cando por causas non imputables ao suxeito pasivo, a actividade técnica e/ou administrativa que constitúe o feito impoñible da taxa non se realice, procederá a devolución do importe correspondente. Procederá, así mesmo, a devolución cando os ingresos se declaren indebidos por resolución ou sentenza firme ou cando se produciu unha modificación substancial das bases de convocatoria. Por tanto, non procederá devolución algunha dos dereitos de exame nos supostos de exclusión das probas selectivas por causa imputable ao interesado.

ARTIGO 9. Infraccións e Sancións

En todo o referente a infraccións e sancións, será de aplicación a Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria, en concreto os artigos 181 e seguintes, así como as súas disposicións de desenvolvemento, segundo o disposto no artigo 11 do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo.

ARTIGO 10. Lexislación aplicable

En todo o non previsto na presente Ordenanza estarase ao disposto no Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, a Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, a Lei 58/2003, de 17de decembro, Xeral Tributaria e a Lei 8/1989, de 13 de abril, de Taxas e Prezos Públicos.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente Ordenanza fiscal, cuxa redacción definitiva foi aprobada polo Pleno do Concello en sesión celebrada en data tres abril de 2020, entrará en vigor o mesmo día da súa públicación no Boletín Oficial da Provincia e será de aplicación a partir da data, permanecendo en vigor até a súa modificación ou derrogación expresa".