Laxe - ORDENANZA MUNICIPAL DE EMERXENCIA SOCIAL DO CONCELLO DE LAXE

Publicación provisional: 02/11/2020 BOP Nº: 184
Publicación definitiva: 21/12/2020 BOP Nº: 218
Aplicable dende: 21/12/2020

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Os poderes públicos deberán asegurar a protección social, económica e xurídica da familia, así como a protección das persoas en situación de necesidade, desamparo, circunstancias graves ou de urxente necesidade por carencias económicas e socio-familiares. A Constitución española atribúe a competencia nesta materia a través do artigo148.1.20 ás Comunidades Autónomas e estas, no marco dos seus estatutos, promulgaron as leis de servizos sociais (en Galicia, a Lei 13/2008,de 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia).

Pola súa banda, a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e a lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establece nas competencias dos municipios a prestación de servizos sociais e de promoción e inserción social.

A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia, establece como principio de responsabilidade pública, entre outros, dispensar especial atención ás familias con dificultades derivadas da súa estrutura ou das súas circunstancias e mais a aquelas que se atopan en situación de especial vulnerabilidade ou en risco de exclusión social.

Os servizos sociais constitúen un nivel de protección pública relevante no conxunto do sistema público de protección social e proporcionan una atención que ten por obxecto favorecer o acceso aos recursos dos sistemas de benestar social, xerando alternativas ás carencias ou limitacións na convivencia, favorecendo a inclusión social e promovendo a cooperación e solidariedade social.

A pesar da idea inicial da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración Local, que realizaba unha nova distribución de competencias municipais en materia de servizos sociais para que foran asumidas polas CCAA, esta quedaba supeditada en todo caso na súa disposición transitoria segunda á aprobación dun novo réxime de financiamento autonómico e local. Polo tanto, apenas houbo mudanzas reais por esa falta de aprobación das normas de financiamento autonómico e local, reforzada ademais pola redacción do artigo 64 bis da Lei de Servizos Sociais de Galicia efectuada pola Lei 9/2017, de medidas fiscais e administrativas, onde se dispón que corresponden aos concellos como competencias propias as relativa á creación, xestión e mantemento dos servizos sociais comunitarios. En suma, na actualidade aínda se manteñen vixentes as competencias municipais en servizos sociais comunitarios (en calidade de competencias propias), que abranguen entre outras prestacións as relativas ás axudas para atender situacións de necesidade individual e emerxencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, atribúe aos concellos, no artigo 60 as competencias para a creación, xestión e mantemento de servizos sociais comunitarios básicos), define os servizos sociais comunitarios como de carácter local (artigo 9), indicando ademais que compete aos concellos asegurar a prestación de ditos servizos comunitarios (artigo 61.1). Entre as funcións que comprenden os servizos comunitarios, figuran a atención das situacións individuais (artigo 11,c)). Ademais, dita Lei, no artigo 20.2,b) contempla como prestacións do sistema de servizos sociais as axudas de emerxencia e necesidade social.

As administracións públicas, neste caso o Concello, precisan dispoñer dunha ordenanza áxil e efectiva, de maneira que poida conciliarse a atención ás persoas en situación de emerxencia social coa normativa e os procedementos propios da administración e os que son de aplicación nestes casos. A presente ordenanza trata de reunir ámbolos requisitos -atención efectiva ás necesidades sociais e cumprimento normativo- poñendo especial énfase na axilidade do procedemento xa que unha parte importante da eficacia da prestación económica reside en que poida ser cuberta de inmediato.

As axudas deberán concederse unicamente seguindo os criterios establecidos na presente ordenanza, mediante unha valoración profesional que teña en conta a tipoloxía do problema ou a necesidade social que se vaia a cubrir, a pertinencia da axuda económica para dar resposta á demanda ou necesidade, o seu grao de urxencia, a non existencia doutros medios ou recursos para solucionala, a prevención da situación de risco e/ou desprotección para persoas maiores e a necesidade de evitar deterioración de situacións persoais que poidan rematar en procesos de exclusión social.

O procedemento regulado será o de concesión directa regulado de conformidade co artigo 22.2,c) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións, pois resulta máis acaído pola natureza das prestacións a conceder, polas condicións sociais dos/as beneficiarios/as, así como as razóns de interese público social, humanitarias que dificultan unha convocatoria pública en réxime de concorrencia.

 

TÍTULO I.-DISPOSICIÓNS XERAIS

 Artigo 1.-Réxime xurídico.

A concesión das prestacións municipais baixo a denominación de emerxencia social rexéranse polo disposto na presente Ordenanza e nas disposicións que se adopte para a súa aplicación e desenvolvemento.

Artigo 2.-Obxecto.

1.A presente ordenanza ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión das axudas de emerxencia social municipais.

2. As axudas de emerxencia social teñen a natureza de subvencións de carácter directo, de carácter no periódico destinadas a aquelas persoas integradas nunha unidade de convivencia cuxos recursos económicos resulten insuficientes para facer fronte a gastos específicos de carácter ordinario ou extraordinario, co fin de prever, evitar ou paliar situacións de marxinación social.

A finalidade destas axudas é dar unha resposta rápida e inmediata ás necesidades das persoas ou unidades familiares que se atopen nunha situación de carencia urxente para que poidan evolucionar cara á súa autonomía e integración social, dado que estas axudas son un apoio temporal.

Tamén se pode considerar emerxencia calquera situación de catástrofe sobrevida por accidente, incendio, inundación, afundimento ou calquera outra que sexa imprevisible e que ocasione na persoa afectas a falta de recursos para a súa solución.

3. A natureza destas axudas económicas obxecto desta ordenanza, consonte o seu réxime normativo, e as atencións as que responden, terán un carácter sempre temporal para paliar as necesidades extraordinarias e urxentes das persoas afectadas por unha situación de emerxencia. Por iso, deberán estar necesariamente enmarcadas nun proceso de intervención social se así o determina o persoal técnico de servizos sociais, no que se inclúa unha análise completa da situación familiar.

Artigo 3.-Criterios xerais para a concesión as axudas.

1. As axudas de emerxencia social destinaranse á satisfacción dunha necesidade primaria e esencial da persoa beneficiaria e da súa unidade familiar.

2. Aos efectos desta Ordenanza, considéranse situación de extrema e urxente necesidade susceptibles de ser obxecto da axuda de emerxencia social as seguintes situacións:

a) Gastos derivados da vivenda ou aloxamento:

- Gastos derivados do risco inminente de imposibilidade de continuar na vivenda habitual e de posibilidade de afrontar os gastos que permitan conservar o dereito ao uso da mesma, sexa cal for a causa: situacións de emerxencia ou sinistro, tales como incendio, inundación, ruína, roubos; así como situacións de desafiuzamento ou outras causas imprevisibles ou inevitables que obrigasen ao abandono da vivenda.

- Gastos derivados do aluguer, incluídas as fianzas para aluguer de vivendas.

- Gastos derivados da amortización ou o pago de intereses derivados da adquisición de vivenda.

- Gastos de auga, enerxía eléctrica, gas ou outras subministracións esenciais.

- Lugar alternativo de aloxamento cando é inviable a permanencia da persoa no seu domicilio habitual por situación de catástrofe, violencia de xénero e/ou a situación persoal, familiar, sanitaria e/ou social e cando se poida acreditar a inexistencia ou falta de praza destes centros para cubrir a necesidade de aloxamento.

b) Necesidades básicas de subsistencia non cubertas por outros sistemas de protección:

- Alimentos, vestiario, aloxamento e demais indispensables para o desenvolvemento da vida diaria.

- Gastos relativos á educación de menores da unidade familiar en idade escolar, sempre que non estivesen cubertos por outras axudas públicas e fosen fundamentais para a continuidade da súa asistencia, ademais das relativas a actividades extraescolares necesarias para súa formación, e libros e material escolar de apoio.

- Gastos sanitarios: desprazamentos, próteses oculares, axudas técnicas, próteses e arranxos dentais e gastos farmacéuticos e outros de análoga natureza.

- Gastos derivados da manutención e coidado dos fillos menores dun ano a cargo.

c) Adaptación funcional da vivenda para persoas que teñan recoñecida a condición sobrevida de discapacitado, ou para aquelas que, aínda non tendo tal condición, teñan graves problemas de mobilidade, sempre que se trate de gastos non cubertos ou cubertos de forma insuficiente por outras axudas públicas e considérense imprescindibles e de primeira necesidade para o desenvolvemento normal da súa vida, sempre que a súa falta de atención puidesen supor un risco para a súa vida e a súa saúde.

d) Obras necesarias para a habitabilidade da vivenda:

- Reparacións extraordinarias e urxentes necesarias para manter a vivenda en condicións de seguridade, hixiene e salubridade de carácter primario, sempre que a súa falta de atención puidesen supor un risco para a súa vida e a súa saúde.

- Instalacións de carácter básico que resulten imprescindibles para a subsistencia en condicións mínimas de habitabilidade da vivenda.

- Gastos de mobiliario esencial e imprescindible, talles como cama, colchón, frigorífico, cociña, roupa de abrigo para a mesma¿

- Pequenos arranxos en vivenda habitual cando estes se consideren imprescindibles para a permanencia no fogar.

e) Endebedamentos, contraídos con anterioridade á axuda e referidos a algún dos gastos relacionados nos apartados anteriores, sempre que non se conte con outros medios económicos para satisfacelo e exista perigo de desafiuzamento, embargo ou outro procedemento xudicial de execución.

f) Nos casos de violencia de xénero, para aloxamento de urxencia, manutención e gastos de desprazamento en casos de violencia de xénero.

g) Outros gastos non relacionados, considerados de primeira e urxente necesidade, cuxa necesidade se xustifique suficientemente no informe social elaborado ao efecto coa finalidade de prever a marxinación e favorecer a normalización de individuos e familias.

Non son susceptibles desta axuda:

- Os gastos derivados de obrigación tributarias e débedas coa Seguridade Social.

- Os gastos derivados de multas e outras sancións pecuniarias debidas ao incumprimento de ordenanzas municipais.

- Os gastos derivados do cumprimento dunha sentenza xudicial condenatoria.

3. En todo o caso, a necesidade obxecto da axuda estea valorada polo/a traballador/a social do Departamento de servizos sociais do Concello e integrada nun proceso de intervención social.

Artigo 4.-Incompatibilidade das axudas.

Será incompatible a concesión da axuda económica co desfrute gratuíto de servizos que cubran as mesmas necesidades. Asemade, non poderán outorgarse axudas polo mesmo concepto que foran concedidas por outras administracións ou organismo público. Poderase facer unha excepción neste último requisito , cando, se a axuda concedida non cubrise a necesidade, podendo neste caso completarse dende o Concello, sen que en ningún caso poida superar o custe total do obxecto da axuda.

Artigo 5.-Criterios de valoración.

Os criterios a valorar para a concesión destas axudas son os recollidos no artigo 10 desta Ordenanza.

TÍTULO II.-BENEFICIARIOS DAS AXUDAS

Artigo 6.-Beneficiarios/as.

1.Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas individuais ou unidades familiares que carezan de medios económicos e nas que concorran factores de risco social e precisen dunha axuda para satisfacer as súas necesidades básicas, sempre como un apoio á intervención social.

2. Para os efectos desta ordenanza municipal, enténdese por unidade familiar de convivencia ás persoas que vivan soas ou ó conxunto de persoas que convivan no mesmo marco físico e se atopen vinculadas co solicitante por matrimonio ou calquera outra forma de relación estable análoga á conxugal, por adopción ou acollemento ou por parentesco ata o 4.º grao, por consanguinidade, ou ata o 2.º grao, por afinidade.

Cando, por causa de forza maior, accidente ou desafiuzamento, unha familia se vexa obrigada a residir con outra, non perderá a condición de unidade de convivencia independente.

3. Nunha unidade familiar un dos seus membros terá a condición de persoa beneficiaria das axudas, aínda que se outorguen en beneficio da unidade familiar.

4. Dada a natureza desta axuda, de acordo co establecido no artigo 13.2,e) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións, exceptúase aoS beneficiarios/as de estar ao corrente das obrigas tributarias ou da Seguridade Social.

Artigo 7.-Requisitos dos/as beneficiarios/as.

1. Ser maior de idade ou menor emancipado.

2. Estar empadroado no municipio de Laxe de forma ininterrompida por un período mínimo de un seis meses inmediatamente anterior á data da solicitude, coas seguintes excepcións:

 As vítimas de violencia de xénero.

 As persoas emigrantes galegas que sexan orixinarias do Concello e fixen a súa residencia nel.

 As persoas estranxeiras, refuxiadas ou con solicitude de asilo en trámite, así como as que teñan autorizada a súa estancia por razóns humanitarias, sempre que en todos os casos cumpran o resto de requisitos para solicitar esta axuda.

3. Dispor dunha renda mensual, deducidos dos ingresos líquidos, os gastos de alugueiro ou amortización da vivenda, de acordo coa seguinte escala:

- No caso de 1 membro da unidade familiar: igual ou inferior ao 100% do IPREM.

- No caso de 2 membros da unidade familiar: igual ou inferior ao 120% do IPREM.

- No caso de 3 membros da unidade familiar: igual ou inferior ao 140% do IPREM.

- No caso de 4 membros da unidade familiar: igual ou inferior ao 160% do IPREM.

- No caso de 5 membros da unidade familiar: igual ou inferior ao 180% do IPREM.

- No caso de 6 membros da unidade familiar: igual ou inferior ao 200% do IPREM.

- No caso de 7 membros da unidade familiar: igual ou inferior ao 220% do IPREM.

- No caso de 8 membros da unidade familiar: igual ou inferior ao 240% do IPREM.

- No caso de máis de 8 membros da unidade familiar: igual ou inferior ao 250% do IPREM.

Para efectos do cómputo de ingresos poderase solicitar calquera documentación que se considere necesaria para a acreditación dos recursos económicos familiares no momento de realizar a solicitude.

4. Non contar con medios económicos suficientes no que respecta aos recursos procedentes do capital mobiliario. A estes efectos, para a concesión destas axudas, entenderase que dispoñen de medios suficientes aquelas persoas que dispoñan dun saldo en contas bancarias ou produtos financeiros cun saldo positivo superior a 5 veces o IPREM.

5. A persoa solicitante ou calquera membro da unidade familiar, non poderá ser propietaria e/ou usufrutuaria de bens inmobles que, polas súas características, valoración, posibilidade de venda ou calquera outra forma de explotación, indique de xeito notorio a existencia de medios materiais suficientes para atender ao gasto obxecto da solicitude, agás a propiedade referente á vivenda destinada ao uso propio.

6. Non figurar, o/a solicitante nin outro membro da unidade familiar, como titular de industria, comercio ou calquera outro negocio con persoal asalariado.

7. Non dispoñer de máis dun vehículo na unidade familiar calquera que sexa o seu titular.

8. No caso de ter expediente aberto nos servizos sociais, que a unidade familiar cumprira co plan de traballo e/ou seguimento establecido polos servizos sociais comunitarios, básicos ou polo servizo especializado que corresponda.

9. No caso de vítimas de violencia de xénero, poderán excluírse dos anteditos requisitos, previa xustificación da urxencia do caso.

TÍTULO III.-XESTIÓN E PROCEDEMENTO PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS

Artigo 8.-Documentación.

1. Orixinal e fotocopia para compulsar o documento nacional de identidade dos membros da unidade familiar que o posúan. No suposto de estranxeiros, tarxeta de residente, de asilo ou refuxio ou calquera outro documento que permita a súa estancia legal no país.

2. Orixinal e fotocopia para compulsar do Libro de Familia ou calquera outro documento que acredite filiación.

3. Acreditación dos ingresos económicos de tódolos membros da unidade familiar a través de:

a) Nóminas, recibos, xustificantes de pensións, certificados do INEM ou calquera outro documento que acredite os ingresos da persoa ou unidade familiar.

b) Declaración responsable do interesado na que se faga constar, no seu caso, a carencia absoluta de rendas familiares.

c) Declaración responsable do interesado onde se faga constar que non se recibiu doutros organismos, e para a mesma finalidade e alcance, a axuda que se solicita.

d) Declaración de non estar incurso en ningunha das causas de prohibición para obter a condición de beneficiario da axuda.

4. Volante de empadroamento colectivo e informe que acredite la convivencia real y efectiva.

5. Certificado de titularidade de vehículos.

6. Compromiso de destinar a axuda para o que é concedida.

7. Outro tipo de documentación que acredite circunstancias tales como: discapacidade, enfermidade, violencia de xénero, separación ou divorcio e outros que, a xuízo do técnico/instrutor do procedemento se estimen necesarios para a valoración da solicitude.

8. Xustificantes de gastos de vivenda: contrato de aluguer, recibos de aluguer, xustificantes de préstamos hipotecario, etc.

9. En caso e solicitar axuda para tratamento farmacolóxico, deberá aportar receita médica e documentación acreditativa da farmacia do custe do produto.

10. Orzamento da obra / servizo /subministración ou actividade a solicitar.

11. Última declaración da renda ou certificado de imputacións do IRPF.

12. Certificado do banco que acredite os rendementos efectivos xerados por capital mobiliario do ano anterior dos maiores de 18 anos.

13. Xustificantes de patrimonio rural ou urbano.

Artigo 9.-Procedementos para a concesión das axudas.

A tramitación das axudas de emerxencia social axustarase aos seguintes procedementos:

A. Procedemento ordinario.

1. Inicio: o procedemento iniciarase mediante unha solicitude do interesado en obter a axuda de emerxencia social. Así mesmo, poderase tamén iniciar de oficio, mediante informe emitido polo técnico de Servizos Sociais que iniciará o expediente a tódolos efectos. A solicitude dirixirase ao alcalde e será obxecto de rexistro.

Coa solicitude achegarase a documentación que acredite a situación de carencia. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto todo o ano.

2. Instrución: o alcalde trasladará a solicitude ao departamento de Servizos Sociais. O técnico emitirá o correspondente informe-proposta no que valorará debidamente a situación que interesado acreditou documentalmente e cuantifica. Ademais, no informe técnico cuantificarase o importe da axuda. Unha vez completo o expediente, o departamento de Servizos Sociais remitirao á Intervención Municipal para a súa fiscalización previa.

3.Resolución: Logo que a Intervención Municipal realice a fiscalización previa, remitiralle o expediente ao alcalde (ou órgano que teña delegada a competencia) para que dite a correspondente resolución administrativa.

B. Procedemento de urxencia.

En aqueles supostos na que a situación do/a beneficiario/a sexa de extrema urxencia e gravidade, o alcalde ou, no seu caso, o concelleiro delegado, mediante Decreto, resolverá o expediente nun prazo máximo de 72 horas, a contar dende a presentación da solicitude con todos os documentos preceptivos , considerando vinculante o informe da traballadora social, que terá que conter a mesma información que no procedemento ordinario e gozando estes expedientes de preferencia para a súa tramitación en todos os departamentos municipais. Posteriormente o expediente continuará o trámite habitual.

As solicitudes das axudas de emerxencia social poderán presentarse en calquera momento do ano.

TÍTULO IV.-CRITERIOS DE VALORACIÓN

Artigo 10.-Contía da axuda.

Establécense diversas contías anuais a percibir en función do concepto da axuda.

A saber:

1. Necesidades básicas (alimentación, hixiene, etc.): ata o máximo do 100% do IPREM/mes ao ano. Este importe incrementarase un 10% por cada fillo menor a cargo. Este importe poderá repartirse en diferentes vales ao longo do ano. As cantidades fixaranse a proposta do instrutor do procedemento que valorará as dispoñibilidades monetarias e a situación familiar.

2. Leite infantil e cueiros: ata un máximo do 100% do IPREM/mes ao ano. É necesario informe médico que prescriba a necesidade de leite especial infantilOFICIAL DA PROVINCIA DA CORUÑA

3. Medicación: ata un máximo do 50% do IPREM/mes ao ano. É imprescindible a presentación de receita médica/informe médico. A axuda cubrirá a parte non financiada pola seguridade social.

4. Outros gastos sanitarios non cubertos pola Seguridade Social: máximo do 100% do IPREM/mes ao ano.

5. Vivenda:

Mobiliario e equipamento básico: importe máximo do 60% do IPREM/mes ao ano.

Habitabilidade: 200% do IPREM/mes ao ano.

Obras de rehabilitación de infravivenda: Segundo orzamento presentado e función das dispoñibilidades orzamentarias.

Alugueres, gastos hipotecarios: 125% do IPREM/mes ao ano como importe máximo a percibir.

Subministración: luz, auga, gas, comunidade: ata o 60% do IPREM/mes ao ano.

Outros a xustificar: ata o 60% do IPREM/mes ao ano.

6. Gastos de transporte (motivos sanitarios, sociais e vítimas de violencia): ata o 40% do IPREM/mes ao ano.

7. Atención ao menor:

 Actividades extraescolares: A contía máxima da prestación será o custe da actividade e un máximo de 2 actividades por ano escolar.

 Libros e material escolar: A contía máxima da axuda será de 250 € por menor e curso académico.

8. Aloxamento/manutención en situación de urxencia (vítimas de violencia de xénero e vítimas de catástrofes e emerxencia):

Aloxamento: ata o 50% do IPREM/mes cun máximo de sete días.

Manutención: ata o 40% do IPREM/mes máis un 15% do IPREM/mes por cada fillo menor ou persoa dependente ao cargo.

9. Limpezas e rebo: segundo orzamento presentado e función das dispoñibilidades monetarias.

10. Outras situacións de necesidade debidamente xustificadas: ata un máximo do 150% do IPREM ao ano.

O conxunto de axudas concedidas non poderá superar por diferentes conceptos e por unidade familiar o 300% do IPREM/mes ao ano, excepto a axuda destinada a rehabilitación de infravivenda que farase en función do orzamento necesario e da disponibilidade orzamentaria.

TÍTULO V.-XESTIÓN ORZAMENTARIA E XUSTIFICACIÓN

Artigo 11.-Abono da axuda.

A xestión orzamentaria das axudas recollidas na presente Ordenanza efectuárase pola técnica de xestión orzamentaria quen emitirá a correspondente orde de pago e transferencia con cargo a partida destinada a este fin e co límite dos créditos consignados na mesma.

Intentarase, na medida do posible, realizar o pago ó acredor do servizo en función das características da emerxencia. Si isto non é posible ou dificulta a tarefa administrativa realizárase o pago o/a usuario/a que dispoñerá dun prazo máximo de 8 días para xustificar -mediante factura- o importe da axuda.

Artigo 12.-Xustificación do gasto.

A xustificación do gasto acreditárase mediante as facturas dos pagos e gastos realizados que deberán cumprir os requisitos regulamentarios establecidos, ou mediante outros documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil.

Con carácter excepcional e debidamente xustificado no expediente por parte do/a traballador/a social do departamento de servizos sociais e ante determinadas situacións extremas, ó/á perceptor/a da axuda non se lle requirirá a xustificación do gasto polos medios determinados con carácter xeral e sinalados no primeiro parágrafo deste artigo, senón mediante calquera medio admisible en dereito ou, no seu caso, mediante o informe correspondente dos Servizos Sociais, sobre a base da concorrencia dunha determinada situación extrema de necesidade (artigo 30.7 de la Lei Xeral de Subvencións)

Artigo 13.-Obrigas dos beneficiarios/as.

1. Permitir e facilitar o labor das persoas designadas para verificar a súa situación familiar e económica.

2. Cumprimento do proxecto de intervención naqueles casos que as axudas teñan uns obxectivos concretos, previo informe do técnico social.

3. Reintegro dos importes concedidos cando impliquen para os fins para os que se concederon.

4. Comunicar ao departamento municipal de Servizos Sociais todas aquelas variacións habidas na situación socio-familiar que poidan modificar as circunstancias que motivaron a solicitude.

Artigo 14.-Límite orzamentario.

Estas axudas estarán supeditadas ás limitacións orzamentarias que anualmente se establezan.

Artigo 15.-Inspección e control.

O Concello poderá realizar as comprobacións que estime oportunas respecto dos conceptos subvencionados e terá acceso a toda a documentación xustificativa dos mesmos, así como requirir aos beneficiarios nos termos que precise todo aquilo de acordo co disposto no Título III da Lei 38/2003.

Artigo 16.-Extinción e reintegro.

1. Serán causas de extinción das axudas concedidas:

1. Falseamento ou ocultación de datos para obter ou conservar o dereito á axuda.

2. Desaparición das circunstancias que deron lugar a súa concesión.

3. Baixa no padrón municipal.

4. Non presentación das facturas que deron lugar á axuda concedida.

5. Cumprimento do prazo de duración da prestación económica.

6. Incumprimento reiterado dos obxectivos que, de ser o caso, se marcasen no proxecto de intervención.

7. Falecemento do/a beneficiario/a.

2. Procederase o reintegro das cantidades percibidas e a esixencia dos intereses que en cada caso corresponden dende o momento de abono da axuda ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro, cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

1. A obtención da axuda sen reunir os requisitos esixidos para a súa concesión.

2. O incumprimento da finalidade ou condicións impostas na concesión.

3. O incumprimento do deber de xustificación do uso dos fondos recibidos nos prazos establecidos.

4. A percepción de idéntica axuda con posterioridade por outro organismo.

5. O incumprimento das obrigacións establecidas no artigo 13.

6. Calquera outra causa ou circunstancia previstas na normativa xeral que lle sexa de aplicación.

Artigo 17.-Causas de denegación.

Poderán ser denegadas aquelas solicitudes que pese a cumprir cos requisitos establecidos no artigo 7, poida concorrer algunha das seguintes circunstancias:

1. Que a axuda solicitada non sexa axeitada para a resolución da problemática planteada ou detectada ou que a súa mera concesión non sexa suficiente para a súa resolución.

2. Que non exista crédito suficiente para a atención da solicitude.

3. Que no prazo dos 12 meses anteriores á solicitude lle fora extinguida ou revocada calquera outra axuda ou prestación social por incumprimento das condicións establecidas na súa concesión.

4. Que a axuda solicitada sexa para cubrir débedas derivadas do incumprimento de obrigacións tributarias con calquera Administración Pública, incluída a Seguridade Social.

5. Que a axuda solicitada sexa para cubrir débeda derivadas do incumprimento de obrigacións civís ou mercantís, agás as ocasionadas polo subministro imprescindible de bens de primeira necesidade.

6. Que a axuda solicitada sexa para cubrir gastos de asistencia médica ou farmacéutica susceptible de ser prestada na súa totalidade polo Servizo Galego de Saúde.

7. Que a asistencia solicitada sexa para cubrir os gastos derivados de situacións que dean lugar a reclamacións cuxa resolución é competencia xurídica doutras administracións públicas.

Artigo 18.-Confidencialidade.

Garántese a confidencialidade dos datos obtidos na tramitación dos expedientes. Estarase ao disposto na lexislación de protección de datos de carácter persoal.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

Primeira.-Actualización

Os valores económicos regulados no artigo 7 da presente ordenanza, poderán ser actualizados e revisados periodicamente mediante acordo da Xunta de Goberno Local, sempre que as circunstancias así o aconsellen.

Disposición final única

A presente Ordenanza entrará en vigor no día da publicación no Boletín Oficial da Provincia da súa aprobación definitiva.

De non presentarse reclamacións e suxestións, entenderase aprobado o acordo ata ese momento provisional.

Quedan derrogadas cantas disposicións municipais se opoñan ao disposto nesta ordenanza.