Arzúa - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POR OCUPACIÓN DE TERREOS DE USO PÚBLICO, POR MESAS E CADEIRAS, TRIBUNAS, TABOADOS E OUTROS ELEMENTOS ANÁLOGOS

Publicación provisional: 24/11/2020 BOP Nº: 200
Publicación definitiva: 25/01/2021 BOP Nº: 15
Aplicable dende: 01/01/2021

ÍNDICE

- ARTIGO 1.º.-FUNDAMENTO E OBXECTO.

- ARTIGO 2.º.-FEITO IMPOÑIBLE.

- ARTIGO 3.º.-SUXEITOS PASIVOS E OBRIGADOS TRIBUTARIOS.

- ARTIGO 4.º.-BENEFICIOS FISCAIS.

- ARTIGO 5.º.-OBRIGADOS TRIBUTARIOS.

- ARTIGO 6.º.-BASE IMPOÑIBLE.

- ARTIGO 7.º.-TARIFAS.

- ARTIGO 8.º.-PERÍODO IMPOSITIVO E DEVENGO DA TAXA.

- ARTIGO 9.º.-NORMAS DE XESTIÓN.

- ARTIGO 10.º.-INGRESO.

- ARTIGO 11.º.-INFRACCIÓNS E SANCIÓNS TRIBUTARIAS.

- DISPOSICIÓN DERROGATORIA.

- DISPOSICIÓN TRANSITORIA.

- DISPOSICIÓN FINAL.

ARTIGO 1.º.-FUNDAMENTO E OBXECTO.

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado por Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, este Concello establece a taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, taboados e outros elementos análogos con finalidade lucrativa, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, que atende ao previsto no artigo 57 do citado R.D. Lex. 2/2004.

ARTIGO 2.º.-FEITO IMPOÑIBLE.

Constitúe o feito impoñible desta taxa as ocupacións de terreos de uso público local con mesas, cadeiras, veladores, paraventos, macetas, parasoles, felpudos, tribunas, taboados e outros elementos análogos.

ARTIGO 3.º.-SUXEITOS PASIVOS E OBRIGADOS TRIBUTARIOS.

Serán suxeitos pasivos desta taxa as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 35 da Lei xeral tributaria que utilicen ou aproveiten especialmente o dominio público local en beneficio particular, en relación a algún dos supostos citados no feito impoñible.

ARTIGO 4.º.-BENEFICIOS FISCAIS.

Non se aplicarán outros beneficios fiscais que os expresamente previstos en normas con rango de lei e nos tratados internacionais.


ARTIGO 5.º.-OBRIGADOS TRIBUTARIOS.

1. Son obrigados tributarios, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei xeral tributaria a cuxo favor se outorguen as autorizacións e se beneficien ou realicen os aproveitamentos.

2. Serán responsables solidarios da débeda tributaria as persoas ou entidades a que se refire o artigo 42 da Lei xeral tributaria.

3. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores e liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 43 da Lei xeral tributaria.

ARTIGO 6.º.-BASE IMPOÑIBLE.

Tomarase como base para determinar o importe da cota tributaria o número de metros cadrados de vía pública delimitada polas mesas, cadeiras e demais elementos instalados.

ARTIGO 7.º.-TARIFAS.

Establécense as seguintes:

7.1.-Para a ocupación da vía pública nas rúas Avda. de Lugo, Rúa Santiago e praza de Galiza: por cada m2 de terreo de uso público delimitado con mesas, cadeiras, voadores, paraventos, macetas, parasoles, tribunas, taboados e outros elementos análogos, ao mes 2,10 €/m2.

7.2.-Para os supostos de ocupación da vía pública no resto de rúas e prazas do municipio: por cada m2 de terreo de uso público delimitado con mesas, cadeiras, voadores, cadeiras, paraventos, macetas, parasoles, tribunas, taboados e outros elementos análogos, ao mes 1,80 €/m2.

7.3.-Para a aplicación deste artigo terase en conta o seguinte:

a) Se como consecuencia da colocación de toldos, marquesiñas, separadores e outros elementos auxiliares se delimita unha superficie maior á ocupada por mesas e cadeiras, tomarase aquela como base de cálculo.

b) Os aproveitamentos poden ser anuais ou mensuais, segundo que a autorización sexa polo ano natural ou unha parte deste, respectivamente. Neste último caso, a efectos do cálculo da taxa tomarase en consideración un número enteiro de meses, redondeandose por exceso, sen que en ningún caso proceda prorrateo da taxa.

ARTIGO 8.º.-PERÍODO IMPOSITIVO E DEVENGO DA TAXA.

1. No caso de ocupacións permanentes, o período impositivo coincide co ano natural, agás cando se trate de supostos de inicio da utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local, caso no que abarcará dende a data da concesión da autorización municipal ata o remate do ano natural.

2. Nos casos de autorización de temporada o período impositivo iniciase o 1 de marzo e finaliza o 31 de outubro.

3. A taxa devéngase o 1 de xaneiro de cada ano nos supostos de autorización anual e o 1 de marzo nos casos de autorización de temporada, e as cotas serán irreducibles agás cando nos casos de inicio da utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local a data de inicio non coincida coa data do devengo, de tal xeito que neste caso as cotas calcularánse proporcionalmente ao número de meses enteiros naturais, incluíndo o mes da data de autorización.

4. No caso de cese na utilización privativa as cotas non serán prorrateables e non procederá a anulación de liquidación da taxa por este concepto

ARTIGO 9.º.-NORMAS DE XESTIÓN.

1.-Cando se conceda a autorización para a realización dos aproveitamentos previstos nesta ordenanza, dictarase resolución aprobatoria da liquidación en concepto de taxa por oucupación da vía publica con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos.

2.-Para os supostos de autorizacións anuais periódicas, a taxa xestionarase mediante padrón tramitado anualmente polos servizos económicos do Concello e comprenderá a relación de suxeitos pasivos e cotas tributarias.

ARTIGO 10.º.-INGRESO

O pagamento da taxa regulada nesta ordenanza realizarase:

a) Nas liquidacións de contraído previo, nas entidades financeiras onde establecese o Concello na notificación da liquidación efectuada.

b) Nas liquidacións por recibo ou censo, nas datas e entidades financeiras ou oficinas que se sinalen no edito de exposición pública do censo.

ARTIGO 11.º.-INFRACCIÓNS E SANCIÓNS TRIBUTARIAS.

Para a cualificación das infraccións tributarias, así como das sancións que a elas corresponden en cada caso, estarase ao disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei xeral tributaria e na Ordenanza xeral de xestión.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA.

A partir da entrada en vigor desta ordenanza queda derrogada a anterior reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos con finalidade lucrativa, que fora aprobada polo Pleno do Concello en sesión celebrada o día 29 de outubro do 2003.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA.

Suspéndese a aplicación desta ordenanza Fiscal tras a aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, regulada na Orde SND/399/2020, do 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma, e durante todo o exercicio 2021.

DISPOSICIÓN FINAL.

A presente ordenanza, que consta de once artigos, unha disposición derrogatoria, unha disposición transitoria e unha disposición final, foi aprobada polo Pleno en sesión realizada no ano 2012, entrará en vigor o día 1 de xaneiro do 2013 e aplicarase mentres non se acorde a súa modificación ou derogación, aínda que se suspenderá a súa aplicación conforme se determina na súa disposición transitoria.