Muros - ORDENANZA REGULADORA DA PRESTACIÓN DAS AXUDAS DE EMERXENCIA SOCIAL NO CONCELLO DE MUROS

Publicación provisional: 03/12/2020 BOP Nº: 207
Publicación definitiva: 28/01/2021 BOP Nº: 18
Aplicable dende: 19/02/2021

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Os servizos sociais xerais constitúen o primeiro nivel do Sistema Público de Servizos Sociais e proporcionan unha atención que ten por obxecto favorecer o acceso aos recursos dos sistemas de benestar social, xerando alternativas ás carencias ou limitacións na convivencia, favorecendo a inclusión social e promovendo a cooperación e solidariedade social nun determinado territorio.

De acordo co exposto, redáctase esta ordenanza reguladora da prestación de axudas de emerxencia social do Concello de Muros, xa que é de interese xeral recoller e regular os dereitos e deberes da veciñanza de Muros para acceder a unha axuda de emerxencia social e unha ordenanza municipal é a ferramenta coa que conta a corporación para facelo.

Esta ordenanza redactouse respectando os principios de boa regulación. Dunha parte, os de necesidade e eficacia, xa que atende á aprobación dunha ordenanza reguladora da prestación de axudas necesaria para paliar situacións de necesidade; proporcionalidade, establecendo as mínimas obrigas para ás persoas destinatarias; seguridade xurídica, e transparencia, mediante a previsión da publicación do seu contido e a participación na tramitación; e eficiencia, xa que potencia a atención social ás familias e persoas en situacións de vulnerabilidade, mellorando a aplicación dos recursos dispoñibles.

O Concello de Muros como administración pública máis próxima á poboación, ten o dereito e a responsabilidade de establecer e regular o conxunto de dereitos e recursos municipais específicos dirixidos a persoas en situación de risco ou exclusión social, de conformidade coa lexislación vixente.

TÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS


ARTIGO 1. OBXECTO, RÉXIME XURÍDICO E ÁMBITO DE APLICACIÓN

1. Obxecto

É a finalidade desta ordenanza establecer as bases reguladoras para o procedemento de concesión de axudas municipais de emerxencia social no concello de Muros, destinadas a persoas naturais ou unidades de convivencia con recursos económicos insuficientes para atender os gastos básicos de carácter ordinario ou extraordinarios e co fin de previr, evitar ou paliar situacións de marxinación social.

Enténdese por axudas de emerxencia social o conxunto de axudas e prestacións económicas non periódicas, destinadas a paliar ou resolver por si mesmas ou complementariamente con outros recursos e prestacións, situacións transitorias de necesidade, garantir mínimos de subsistencia, reforzar procesos de integración familiar e inclusión social e previr situacións de exclusión social, para que as persoas naturais ou unidades de convivencia beneficiarias poidan evolucionar cara á súa autonomía e integración social, dada a temporalidade destas axudas.

Tamén se pode considerar susceptibles de encadrar nesta ordenanza situacións excepcionais, de forza maior ou de catástrofe sobrevida e imprevisible ante a que a persoa non dispoña de recursos para a súa solución.

As axudas de emerxencia social municipais, de ser o caso, formarán parte dun proxecto de intervención social encamiñado a superar a situación de necesidade formulada.

2. Réxime xurídico

A concesión das axudas rexeranse polo disposto no artigo 25.2 da Lei reguladora das bases de réxime local exercitando a potestade normativa que se regula no artigo 84.1 da lei, así como na Lei 38/2003 xeral de subvencións e a súa normativa de desenvolvemento.

3. Ámbito de aplicación

O ámbito de aplicación desta ordenanza é o termo municipal de Muros e o ámbito funcional é a atención de situacións de necesidade.

ARTIGO 2. DEFINICIÓN

1. As axudas de emerxencia social teñen o carácter de subvencións de carácter directo, destinadas a aquelas persoas que se atopen nunha situación de extrema urxencia ou grave necesidade cuxos recursos non lles permitan facer fronte aos gastos máis imprescindibles para a súa propia subsistencia ou a da súa familia.

2. As axudas de emerxencia social caracterízanse por:

¿ O seu carácter finalista, debendo destinarse a satisfacer a necesidade especificamente sinalada no acordo de recoñecemento da axuda, feito que debe quedar acreditado.

¿ O seu carácter subsidiario, respecto doutras prestacións económicas recoñecidas ou recoñecibles segundo a lexislación vixente

¿ O seu carácter persoal e intransferible.

¿ O seu carácter transitorio.

ARTIGO 3. OBXECTIVOS

1. A concesión de axudas de emerxencia persegue o obxectivo primordial de satisfacer necesidades puntuais e urxentes, que permitan reconducir na medida do posible a situación.

2. A partir da concesión dunha axuda de urxencia, abrirase un proceso no que:

¿ Analizarase a realidade social individual para detectar as situacións de necesidade do suxeito para elaborar a estratexia máis adecuada a fin de favorecer en diante o benestar social e mellorar a calidade de vida.

¿ Adoptaranse as medidas oportunas para promover a autonomía persoal, familiar da persoa beneficiaria e familia, a través do desenvolvemento das súas capacidades.

¿ Contribuirase ao desenvolvemento humano asegurando o dereito da cidadanía a vivir dignamente durante todas as etapas da súa vida.

¿ Favorecerase, no seu caso, a integración social das persoas.

ARTIGO 4. CONTIDO DAS AXUDAS

1. As axudas de emerxencia social aquí reguladas destinaranse á satisfacción dunha necesidade primaria e esencial para a subsistencia da persoa e da súa unidade familiar.

2. O límite de recursos económicos e a contía das axudas establécese segundo o IPREM anual vixente en cada anualidade (12 pagas).

3. A contía da axuda cubrirá o 100% do gasto, sempre que no concepto non se contemple outro porcentaxe ou contía.

4. Para os efectos desta ordenanza establécese as seguintes tipoloxías de axudas:

A) Axuda para cubrir necesidades básicas de carácter persoal

Concepto: Axuda económica para alimentos e produtos básicos indispensables para a vida diaria.

Contía: A contía mensual establécese en función do número de membros da unidade de convivencia, e segundo se recolle na táboa seguinte:

Nº MEMBROS

CONTÍA MENSUAL

1

90 €

2

110 €

3

130 €

4

150 €

5

170 €

6 ou máis

190 €

Duración: un máximo de 6 meses nun período de 12 meses.

Cando algunha das persoas da unidade de convivencia sexa menor de 2 anos de idade o límite da axuda incrementarase nun 10% por cada un dos/as menores.

En casos excepcionais debidamente acreditados con informe das traballadoras sociais as contías sinaladas poderán ser incrementadas ata un máximo do dobre das cantidades fixadas.

B) Gastos de vivenda

Conceptos:

1. Subministración básica da vivenda: auga, enerxía eléctrica, gas butano...

Contía: Con carácter xeral o importe da axuda será do 75% da contía da factura mensual, agás en situacións excepcionais nas que polas características persoais e económicas sexa necesario ampliar ou reducir a porcentaxe.

Duración: 3 meses prorrogables, establecéndose un máximo de 6 mensualidades por ano, e en todo caso sen que a contía máxima anual por unidade de convivencia exceda os 600 €.

No caso de subministración, a persoa beneficiaria deberá acreditar ser a pagadora da factura, mediante unha declaración responsable.

2. Adquisición de equipamento básico da vivenda habitual: cociña, quentador, frigorífico, colchón, enxoval e roupa para o fogar...

Contía: 100% do custo, ata un máximo do 50% do IPREM fixado para cada ano.

Duración: unha única vez nun período de 12 meses.

C) Outros gastos excepcionais debidamente acreditados e non encadrados en ningún dos tipos de axudas anteriores

Concepto: Contempla situacións excepcionais tales como limpeza extraordinaria en domicilios cando exista risco sanitario e sen posibilidade dun aloxamento alternativo, enterramentos... ou calquera outro suposto avaliado como de emerxencia polo servizos sociais comunitarios.

Contía: A contía económica deste suposto axustarase á situación de necesidade.

No son susceptibles de esta axuda

¿ Os gastos derivados de obrigacións tributarias e débedas coa Seguridade Social.

¿ Os gastos derivados de multas e outras sancións pecuniarias debidas ao incumprimento de ordenanzas municipais.

¿ Os gastos derivados do cumprimento dunha sentenza xudicial condenatoria.

ARTIGO 5. CONTIDO DAS AXUDAS

1. O programa de prestacións municipais diríxese a aquelas persoas e familias que se atopan en situación de necesidade social e non teñen cobertura por outros sistemas de protección social.

2. As prestacións teñen un carácter voluntario, temporal e extraordinario. O que supón que as prestacións se concederán para un período de tempo establecido podendo ser renovadas se se mantivesen as condicións en que se concederon e sempre que se cumprira o proxecto de integración ou inserción social.

3. O/a titular das prestacións municipais e outros membros da unidade familiar de convivencia, de ser o caso, subscribirán cos servizos sociais do Concello de Muros un proxecto de inserción que recollera as intervencións ou actuacións específicas en materia de inserción cuxo contido será determinado polos servizos sociais municipais.

4. As prestacións sociais municipais concedidas non poderán ser invocadas como precedente.

5. Estas prestacións serán intransferibles, e por tanto, non poderán ofrecerse en garantía de obrigacións, ser obxecto de cesión total ou parcial, compensación ou desconto, salvo para o reintegro das prestacións indebidamente percibidas, nos supostos e cos límites previstos na lexislación xeral do estado que resulte de aplicación.

6. A concesión das prestacións axustarase á correspondente partida de gasto e de acordo coas bases de execución do orzamento municipal vixente. Con todo, se se dese un incremento da demanda que xere un gasto superior ao previsto, habilitarase a partida na medida que fose posible e necesario, sempre que haxa recursos financeiros suficientes para cubrir este gasto de acordo á legalidade vixente en materia orzamentaria.

7. As situacións de excepcionalidade que puidesen darse en relación a conceptos non contemplados ou condicións para acceder a este programa serán recollidas polos Servizos Sociais, que emitirán os correspondentes informes proposta.

8. Os servizos sociais comprobarán, polos medios oportunos, a situación económica, laboral e social dos/as solicitantes, o destino das prestacións ao obxecto previsto e o cumprimento dos proxectos de inserción que se realicen.

ARTIGO 6. PERSOAS BENEFICIARIAS E REQUISITOS DAS DESTINATARIAS

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas individuais ou unidades familiares que carezan de medios económicos suficientes, e nas que concorran os factores de risco de exclusión social determinados segundo a lexislación vixente, e precisen dunha axuda para satisfacer as súas necesidades básicas, sempre coma un apoio á intervención social. En condicións de igualdade de cumprimento dos requisitos, darase preferencia no acceso á titularidade desta prestación a unha das mulleres integrantes da unidade de convivencia.

2. A efectos desta ordenanza enténdese por unidade familiar de convivencia as persoas que vivan soas ou o grupo de persoas que convivan no mesmo marco físico e se atopen vinculadas co/coa solicitante por matrimonio ou calquera outra forma de relación estable análoga a conxugal, por adopción ou acollemento ou por parentesco ata o 4º grao, por consanguinidade, ou ata o 2º grao por afinidade, coa excepción de unidades de convivencia con dinámicas de relación negativa, avaliadas polo persoal técnico dos servizos sociais comunitarios.

Cando por causa de forza maior, accidente ou desafiuzamento debidamente acreditado, unha familia se vexa obrigada a residir temporalmente no domicilio doutra, non perderá a condición de unidade de convivencia.

Requisitos das persoas destinatarias

Serán requisitos necesarios para a concesión destas axudas:

1. Ser maior de idade ou menor legalmente emancipado/a.

2. Residir, real e efectivamente no Concello de Muros, e estar de alta no Padrón municipal de habitantes, cunha antigüidade mínima de 1 ano, inmediatamente anteriores á data da solicitude.

Poderase eximir deste requisito cando así se valore a excepcionalidade polo persoal técnico dos Servizos Sociais comunitarios e se recolla no documento de informe social, como as vítimas de violencia de xénero que cambian o seu domicilio por motivos de seguridade, as persoas emigrantes galegas que proveñan do concello e fixen o seu domicilio nel, ou as persoas refuxiadas ou con solicitude de asilo en trámite, ou as que teñan autorizada a súa estancia por razóns humanitarias, sempre que cumpran co restos dos requisitos para solicitar esta axuda.

3. Acreditar a situación da necesidade, situación que será valorada polo/a traballador/a social e integrada nun proceso de intervención social.

4. Achegar a documentación requirida en cada caso.

5. Aceptación expresa por parte da persoa solicitante das condicións que figuran no proxecto de integración social.

6. Dispor de recursos económicos limitados: Os ingresos mensuais netos da unidade de convivencia non poderán ser superiores ao 100% do IPREM vixente para cada ano, incrementándose nun 10% por cada membro adicional, ata un máximo do 170%. Para a valoración da situación económica tomarase como referencia os ingresos netos obtidos nos 6 meses anteriores á data da solicitude. A persoa solicitante ou calquera membro da unidade familiar non será propietaria ou usufructuaria de bens mobles ou inmobles que, polas súas características ou valoración indiquen de xeito notorio a existencia de medios materiais suficientes para non atoparse en situación de necesidade, agás a propiedade referente á vivenda destinada a uso propio.

7. Ter xustificadas as axudas de emerxencia social municipal que foran recoñecidas con anterioridade.

8. Non ter dereito a percibir a RISGA, nin as pensións non contributivas nin calquera outra prestación ou pensión de contía igual ou superior a estas prestacións.

Con carácter excepcional poderanse valorar aquelas solicitudes que, pese a non cumprir algún dos requisitos ou condicións esixidas nestas bases presenten unhas circunstancias persoais, familiares ou socioeconómicas de especial gravidade que precisen dalgunha das axudas recollidas nesta ordenanza.

Os requisitos deben reunirse no momento da solicitude e manterse ao longo do período durante o que se está a percibir a axuda.

De acordo co artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, non se esixirá para estas axudas o requisito de que se atopen ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

ARTIGO 7. OBRIGAS DAS PERSOAS DESTINATARIAS

Serán obrigacións do/a titular e dos membros da unidade económica de convivencia:

¿ Aplicar a prestación á finalidade para a que foi concedida.

¿ Comunicar os cambios que en relación ás condicións xerais e requisitos específicos das prestacións, puidesen dar lugar á modificación, suspensión, denegación das mesmas.

¿ Comunicar calquera cambio relativo ao domicilio de residencia habitual do/a titular.

¿ Reintegrar o importe das prestacións indebidamente percibidas ou en contía indebida.

¿ Subscribir e cumprir o proxecto de inserción alcanzado e asinado co Servizo Social do Concello de Muros

¿ Facilitar o labor dos/as traballadores/ as sociais ofrecéndolles canta información sexa necesaria para a elaboración do informe social que permita valorar as súas circunstancias económicas e persoais, mantendo en todo momento unha actitude colaboradora.

¿ Aceptar ofertas de emprego adecuadas, entendendo por tales as que así considera a normativa de prestacións autonómica ou estatal.

ARTIGO 8. RÉXIME DE INCOMPATIBILIDADES

Ninguén poderá ser beneficiario simultaneamente de máis dunha prestación para a mesma finalidade, calquera que sexa a administración pública outorgante. Excepcionalmente poderán concederse axudas cando as prestacións económicas ou servizos que se reciban doutras administracións públicas non cubran a totalidade do importe da prestación para a que se solicitou a axuda.

En xeral, será compatible o goce pola mesma persoa beneficiaria de varias prestacións económicas e a utilización gratuíta por este dos servizos das administracións públicas ou de entidades privadas financiadas con fondos públicos, cando teñan distinta natureza e atendan diferentes necesidades, dentro dos límites e contías económicas establecidas.

ARTIGO 9. SEGUIMENTO DAS AXUDAS

Serán os Servizos Sociais do Concello de Muros quen faga o seguimento das situacións de necesidade protexida polas axudas de emerxencia social, así como o destino dado ás mesmas, podendo requirir ás persoas beneficiarias a información ou documentación necesaria para o exercicio desta función de forma adecuada.

TÍTULO II. NORMAS DE PROCEDEMENTO

 

ARTIGO 10. SOLICITUDE

As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral Municipal deste concello, segundo o modelo establecido, sen prexuízo do establecido no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

ARTIGO 11. DOCUMENTACIÓN

Xunto á solicitude que se presentará no modelo normalizado, as persoas interesadas deberán achegar os documentos necesarios para xustificar o cumprimento dos requisitos establecidos para cada unha das prestacións solicitadas. Entre as que se atopan os seguintes:

1. Datos persoais ou familiares:

· Copia compulsada do DNI, NIE ou pasaporte de todos os membros da unidade de convivencia

· Copia compulsada do libro de familia ou documento acreditativo de filiación.

· Copia do fallo da sentenza de separación ou divorcio ou do inicio do procedemento de separación xudicial ou divorcio, cando proceda.

· Copia do convenio regulador ou calquera outro documento onde se recolla a atribución da garda e custodia das crianzas da unidade de convivencia, cando proceda.

· Copia da demanda polo non pagamento da pensión alimenticia ou pensión compensatoria, cando proceda.

· Certificado de empadroamento colectivo, no caso de non autorizar a consulta de oficio.

2. Datos da situación económica (referida a todos os membros da unidade de convivencia maiores de 18 anos):

· Copia da declaración do IRPF correspondente ao último exercicio económico.

· No caso de non ter obriga de presentar a declaración do IRPF, certificado negativo emitido pola Axencia Tributaria, no caso de non autorizar a consulta de oficio.

· Último recibo abonado do IBI e IVTM, no caso de non autorizar a consulta de oficio.

· Copia das nóminas dos últimos 6 meses.

· Informe da Vida Laboral.

· Certificado de percibir ou non prestacións económicas por parte do SEPE.

· Certificado de percibir ou non prestacións ou pensións por parte da SS.

· Copia da tarxeta de demandante de emprego.

· Extracto dos movementos bancarios correspondente aos últimos 6 meses anteriores á data de formulación da solicitude e saldo existente nas contas onde sexa titular.

3. Datos sobre a vivenda:

· Documentación acreditativa da titularidade da vivenda, de ser en propiedade.

· Copia do contrato de arrendamento onde figure a referencia catastral.

· Copia dos recibos ou xustificantes do pagamento do alugueiro, no que deberán constar os datos e sinatura do arrendador, o enderezo da vivenda e o importe mensual. No caso de non pagamento de recibos, xustificante da débeda contraída con motivo do alugueiro, subministración...

· Certificación bancaria acreditativa da sinatura dun préstamo hipotecario e últimos 6 recibos do pagamento da hipoteca ou xustificante de non ter amortizado o préstamo indicando o número de non pagamento.

· Autorización expresa da persoa solicitante e demais membros da unidade de convivencia para a comprobación de non ser propietario doutra vivenda.

4. Outros:

· Informes médicos, se procede.

· Copia do certificado do grao de discapacidade ou do recoñecemento da situación de dependencia.

· Autorización expresa da persoa solicitante e demais membros da unidade de convivencia para a comprobación de non ter solicitadas ou recibidas axudas doutros organismos para a mesma finalidade.

· Calquera outra documentación que a criterio do persoal técnico dos Servizos Sociais se estime necesaria para acreditar e xustificar a necesidade da axuda solicitada ou para completar a información.

ARTIGO 12. INSTRUCIÓN E RESOLUCIÓN DO EXPEDIENTE

1. Se a solicitude non reúne todos os datos e documentos sinalados ou non constan na administración, requirirase á persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixese, teráselle por desistido da súa petición, previa resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A solicitude e documentación presentada será estudada e valorada polas traballadoras sociais do Concello. Estes técnicos emitirán un informe escrito no que se poñerá de manifesto se o interesado cumpre os requisitos sinalados para percibir as prestacións solicitadas e contempladas no servizo.

3. Poderase crear unha Comisión de Valoración, na que en todo caso figurará unha traballadora social, un funcionario/a municipal e o/a delegado/a de Servizos Sociais municipal, a cal, decidirá a concesión ou non da axuda proposta polos Servizos Sociais fundamentándoo xuridicamente e indicando as causas de desestimación, no seu caso.

4. A Alcaldía, visto o informe social e a acta da comisión de valoración se esta fose necesaria, resolverá a adxudicación das axudas de emerxencia social no prazo máximo de dous meses. Se transcorrido este prazo non obtén contestación, considerarase desestimada.

ARTIGO 13. CREACIÓN DA COMISIÓN DE VALORACIÓN

1. A valoración do expediente poderá efectuarse, polo órgano instrutor das solicitudes, ou se así o decide a Alcaldía, e en casos nos que resulte necesario, por unha comisión técnica de valoración, se existise, que estará integrada por unha traballador social, funcionariado municipal que actuará como Secretaría e a delegación de Servizos Sociais municipal que a presidirá.

2. Con carácter xeral, serán funcións básicas da comisión técnica de valoración as seguintes:

a. Examinar o cumprimento dos requisitos de concesión.

b. Valorar os expedientes.

c. Elaborar as propostas de resolucións nos casos en que se requira pola Alcaldía.

d. Informar dos recursos de reposición presentados contra as resolucións de Presidencia ou persoa en quen delegue.

e. Resolver as reclamacións que se presenten ante a Comisión e realizar as aclaracións que lle sexan requiridas.

f. Todas aquelas outras cuestións que sexan necesarias

3. A comisión de valoración de existir, será convocada con carácter ordinario, con vinte e catro horas de antelación ao comezo da correspondente sesión, pola Presidencia da comisión, cando se considere oportuno por existir materias das que debater e resolver. Para a súa celebración esíxese, en todo caso, a presenza de todos os membros da mesma ou persoas que lles substitúan.

4. De cada sesión que celebre a comisión, a Secretaría levantará unha acta no que constarán:

a. Lugar, data e hora en que comeza e se levanta a sesión.

b. Nome e apelidos do Presidencia, dos membros presentes e ausentes e dos que lles substitúan.

c. Asuntos que se examinan, contido conciso dos acordos adoptados e parte dispositiva dos acordos que sobre os mesmos recaian.

d. Cantos incidentes se produzan na sesión e foren dignos de apuntar a criterio da Secretaría.

ARTIGO 14. XUSTIFICACIÓN

1. Na resolución de concesión expresarase a obrigación da persoa beneficiaria de xustificar a aplicación da axuda á situación de necesidade á que se orientaba.

2. A xustificación da axuda realizarase no prazo máximo fixado na resolución de concesión, mediante a presentación de facturas, recibos ou xustificantes que acrediten de forma fidedigna os gastos realizados.

3. As facturas e xustificantes presentados a efectos da xustificación deberán ser orixinais e conter, como mínimo, os datos do/a emisor/a e destinatario/a, facendo constar o seu número de identificación fiscal, o ben ou servizo obxecto da contraprestación e o importe deste, con expresión da parte correspondente ao IVE e a data de expedición.

4. Dado o carácter destas axudas, excepcionalmente admitiranse outras formas de xustificación que serán valoradas polos Servizos Sociais de base e a Intervención municipal.

ARTIGO 15. DENEGACIÓN DA PRESTACIÓN

A denegación das solicitudes que deberá ser motivada, procederá por algunha das seguintes causas:

¿ Non cumprir os requisitos esixidos.

¿ Poder satisfacer adecuadamente as necesidades en por si e/ou co apoio dos seus familiares, representación legal ou garda de feito.

¿ Corresponder a atención á persoa solicitante pola natureza da prestación ou por razón de residencia a outra administración pública.

¿ Por constar no seu expediente persoal non ter cumprido noutras ocasións en que se concederon axudas de emerxencia, coas obrigacións mínimas impostas no acordo e convenio de concesión.

¿ Por calquera outra causa debidamente motivada.

ARTIGO 16. SUSPENSIÓN DA PRESTACIÓN DE AXUDAS

A suspensión da prestación poderá ser motivada pola perda temporal dalgúns dos requisitos ou polo incumprimento das obrigacións da persoa destinataria recollidas no artigo 7 desta ordenanza.

A suspensión manterase mentres persistan as circunstancias que desen lugar á mesma por un período continuado máximo de 3 meses transcorrido o cal se procederá á extinción do dereito á prestación.

ARTIGO 17. MODIFICACIÓN DA PRESTACIÓN DE AXUDAS

A prestación poderá ser modificada, sempre con informe motivado, por:

¿ Modificación do número de membros da unidade económica de convivencia independente.

¿ Modificación das circunstancias que se tiveron en conta para a concesión da axuda.

- Calquera outra que consideren debidamente motivada polos Servizos Sociais municipais.

ARTIGO 18. EXTINCIÓN DA PRESTACIÓN DE AXUDAS

Producirase a extinción da prestación polos seguintes motivos:

¿ Por falecemento, renuncia ou traslado da persoa solicitante fóra do municipio.

¿ Pola desaparición da situación de necesidade.

¿ Por ocultamento ou falsidade nos datos que foron tidos en conta para conceder a prestación.

¿ Pola perda dalgúns dos requisitos ou condicións esixidos para ser beneficiario/a da prestación.

¿ Por non destinar a prestación ao obxecto da mesma.

ARTIGO 19. SUSPENSIÓN CAUTELAR DA PRESTACIÓN DA AXUDA

Con independencia de se iniciou ou non un procedemento de extinción, ben de oficio ou a instancia de parte, poderase proceder á suspensión cautelar do pagamento da prestación cando se detecten na unidade económica de convivencia indicios dunha situación que implique a perda dalgún dos requisitos esixidos para o recoñecemento ou mantemento desta.

Deberase resolver achega do mantemento, suspensión ou extinción da prestación nun prazo máximo de 3 meses desde a adopción da suspensión cautelar.

ARTIGO 20. DESESTIMIENTO E RENUNCIA

A persoa solicitante poderá desistir da súa solicitude ou renunciar ao seu dereito á prestación recoñecida, mediante escrito dirixido ao Concello. Este ditará resolución en que se exprese a circunstancia en que concorre con indicación dos feitos producidos e as normas aplicables.

ARTIGO 21. REINTEGRO

Procederá o reintegro das cantidades obtidas en concepto de axuda de emerxencia social, coa esixencia do interese de mora establecido legalmente, nos seguintes casos:

a) Obter a axuda falseando ou ocultando datos que determinasen a súa denegación.

b) Destinar a axuda a outros fins distintos daqueles que se especificaron na resolución de concesión.

c) Non xustificar a aplicación da axuda, ou xustificar fóra de prazo.

d) Nos demais supostos previstos na lexislación reguladora de subvencións.

ARTIGO 22. PROCEDEMENTO DE URXENCIA

En caso de urxencia debidamente xustificada e valorada polos/as profesionais dos servizos sociais municipais, procederase a conceder unha parte proporcional da axuda precisa coa maior rapidez posible sen prexuízo da adopción das medidas necesarias que garantan a súa finalidade e a aprobación posterior por órgano competente sempre de acordo coas normas orzamentarias e as bases de execución do orzamento.

TÍTULO III. POTESTADE SANCIONADORA, INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

 

ARTIGO 23. POTESTADE SANCIONADORA

A potestade sancionadora corresponderá á Alcaldía, dentro do ámbito das súas competencias, sen prexuízo de dar conta no seu caso ás autoridades gobernativas e xudiciais, no caso de que poidan constituír un obxecto constitutivo de delito ou falta das condutas e infraccións cuxa sanción e inspección teñan atribuídas legal ou regulamentariamente, sempre previa incoación do expediente administrativo correspondente, de conformidade coa Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público e o Título XI da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Para a adecuada ordenación das relacións de convivencia de interese local e do uso dos seus servizos, equipamentos, infraestruturas, instalacións e espazos públicos, os entes locais poderán, en defecto de Normativa sectorial específica, establecer os tipos das infraccións e impoñer sancións polo incumprimento de deberes, prohibicións ou limitacións contidos nas correspondentes ordenanzas, de acordo cos criterios establecidos nos artigos 139 e seguintes da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

ARTIGO 24. INFRACCIÓNS

A efectos desta ordenanza, as infraccións clasifícanse en moi graves, graves e leves.

Considéranse infraccións moi graves a reincidencia na comisión das graves, e calquera das que se enumeran a continuación:

· O impedimento ou a grave e relevante obstrución ao normal funcionamento deste servizo.

· A obtención da axuda de emerxencia social falseando ou ocultando os datos en base aos cales se elaborou o informe social, determinantes para a concesión.

· A non aplicación ou aplicación parcial da axuda á finalidade específica determinada na resolución.

Considéranse infraccións graves a reincidencia na comisión de 3 faltas leves, e as que a continuación se enumeran:

· Unha perturbación do normal funcionamento deste servizo.

· O incumprimento da obrigación de comunicar no prazo establecido a concesión doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade.

· Falta de xustificación da aplicación da axuda.

Consideraranse faltas leves todas aquelas infraccións a esta ordenanza que non estean tipificadas nin como graves nin como moi graves.

Incumprimento das obrigacións de comportamento impostas.

Falsear ou ocultar datos na documentación presentada na solicitude.

ARTIGO 25. SANCIÓNS

1. As infraccións serán sancionadas con:

¿ Infraccións moi graves: ata 3.000 €.

¿ Infraccións graves: ata 1.500 €.

¿ Infraccións leves: ata 750 €.

2. Poderase decidir o cesamento da prestación da axuda en caso de comisión de falta grave ou moi grave, para o que se precisará previamente o informe da traballadora social.

ARTIGO 26. PRESCRICIÓN

As infraccións moi graves prescribirán aos 3 anos, as graves aos dous anos e as leves aos seis meses.

As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos 3 anos, as impostas por faltas graves aos dous anos e as impostas por faltas leves ao ano.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

Esta ordenanza entrará en vigor aos quince días da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia de conformidade cos artigos 65.2 e 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.

DISPOSICIÓN FINAL

Facúltase á Alcaldía para ditar cantas disposicións internas sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta norma, sempre que non supoña a súa modificación, dándose conta á comisión informativa correspondente.