Índice
Teo - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POR OCUPACIÓN DE TERREOS DE USO PÚBLICO CON MESAS E CADEIRAS E ELEMENTOS ANÁLOGOS CON FINS LUCRATIVOS
Publicación provisional:
14/12/2007
BOP Nº:
287
Publicación definitiva:
07/02/2008
BOP Nº:
31
Aplicable dende:
01/01/2021
Artigo 1.-Fundamento e natureza
En uso das facultades outorgadas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, de Bases do Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo que aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, este Concello establece a taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas e elementos análogos con fins lucrativos que se rexerá pola presente Ordenanza Fiscal e polos artigos 20 a 27 do TRLRFL.
Artigo 2.-Feito Impoñible
Constitúe o feito impoñible da taxa regulada nesta Ordenanza Fiscal, a ocupación de terreos de uso público local con:
a) mesas e cadeiras de cafeterías, cervexarías, café-bar, restaurantes ou pastelerías.
b) Tribunas e estrados instalados con carácter lucrativo.
Artigo 3.-Suxeito pasivo
Son suxeitos pasivos obrigados ao pago da taxa regulada nesta Ordenanza Fiscal as persoas ou entidades a favor das cales se outorguen as licenzas ou quen se beneficie do aproveitamento se se procedeu sen a oportuna autorización.
Artigo 4.-Responsables
1.-Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo, as persoas físicas e xurídicas ás que se refire o artigo 42 da Lei 58/2003, Xeral Tributaria.
2.-Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades, os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 43 da Lei Xeral Tributaria.
Artigo 5.-Beneficios fiscais
Non se recoñecerán máis beneficios fiscais que aqueles recoñecidos en virtude de lei ou dos tratados internacionais.
Artigo 6.-Base impoñible
Os elementos determinante da base impoñible virán dados pola natureza do negocio, e pola superficie ocupada.
Artigo 7.-Cota tributaria
A cota tributaria ven determinada polo seguinte cadro de tarifas:
Tarifa 1.- Cafeterías, café-bar, bares, cervexarias e pastelerías:
- Por metro cadrado e ano: 15€
Tarifa 2.-Restaurantes e casas de comidas
- Por metro cadrado e ano: 24€
Tarifa 3.- Por tribunas ou estrados
a) con carácter permanente, por metro cadrado e ano: 15€
b) con carácter esporádico, por metro cadrado e día: 6€
Artigo 8.-Devengo
A taxa devéngase o primeiro día do período impositivo que coincide co ano natural, agás nos casos de alta e baixa en día distinto do 1 de xaneiro, que se prorrateará por trimestres naturais.
Artigo 9.-Xestión da taxa
Os titulares dos negocios deberán presentar solicitude no Rexistro Xeral do Concello na que se especifique o enderezo do local de negocio, o tipo de establecemento e o tipo de ocupación (mesas,cadeiras, estrados...)
Posteriormente a Policía Local levantará informe sobre a superficie a ocupar, e dará traslado da mesma aos servizos económicos que procederán a practicar a liquidación correspondente ao primeiro período, na mesma Resolución na que se autoriza a ocupación solicitada.
As altas formarán parte do padrón que se elaborará anualmente para o cobro dos recibos.
As baixas deberán comunicarse por escrito ao Concello de xeito que se teña dereito á devolución correspondente ao número de trimestres completos que resten para completar o ano.
Artigo 10.-Protección contra a contaminación acústica
O pago da taxa que permite a ocupación de terreos de uso público local obriga ao estrito cumprimento da Ordenanza tipo sobre a protección contra a contaminación acústica, decreto 320/2002 publicado no DOG do 28 de novembro de 2002, que o Concello de Teo adopta como ordenanza de referencia
Artigo 11.-Infraccións e sancións tributarias
Para a cualificación das infraccións tributarias e as sancións que correspondan ás mesmas estarase no disposto nos artigos 178 e ss. Lei 58/2003, Xeral Tributaria.
Disposición final
A redacción da presente Ordenanza Fiscal foi aprobada inicialmente polo Pleno da Corporación en sesión de data 28 de novembro de 2007, entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e manterá a súa vixencia en tanto non sexa modificada ou derrogada expresamente.
Teo, vinte e tres de xaneiro de 2008.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA PRIMEIRA.
1.- Con carácter excepcional, debido á crise económica e social causada pola pandemia do COVID19, suspéndese a aplicación e vixencia desta Ordenanza Fiscal desde o día 01/01/2021 até o día 31/12/2021.
2.- Unha vez transcorrido o prazo sinalado no parágrafo primeiro desta disposición, a Ordenanza volverá a se aplicar, a partires do 01/01/2022.