Sobrado - ORDENANZA REGULADORA DA TENZA DE ANIMAIS POTENCIALMENTE PERIGOSOS DO CONCELLO DE SOBRADO
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A nivel estatal aprobouse normativa específica en materia de animais potencialmente perigosos, en concreto, a Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos. Esta lei, que posteriormente o Real Decreto 287/2002, do 22 de febreiro desenvolvería, aborda a regulación normativa referente á tenza, adestramento e manexo de animais potencialmente perigosos, co obxecto de preservar a seguridade das persoas, bens e outros animais. Esta lei asigna no artigo 3º aos concellos a competencia para conceder a licenza administrativa que habilite para a tenza de animais potencialmente perigosos. Ademais, no seu artigo 6, establece que en cada concello existirá un rexistro de animais potencialmente perigosos.
O Goberno Autonómico, en virtude das súas competencias, regulou mediante o Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, a posesión de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e creou os rexistros galegos de identificación de animais de compañía e potencialmente perigosos e de adestradores caninos. Tanto a normativa estatal como a normativa autonómica estableceron as competencias municipais nesta materia, competencias que son clave no control administrativo das obrigas da cidadanía, como son a concesión das licenzas e o rexistro municipal propio para este tipo de animais. Esta ordenanza inclúe estas obrigas específicas para as persoas propietarias e posuidoras destes animais para contribuír así ao seu coñecemento por parte dos suxeitos obrigados.
Posteriormente se aprobou por parte da administración autonómica a Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia, para dar un paso máis na mellora e actualización da defensa, o benestar e a protección dos animais, que inclúe unha regulación específica dos animais potencialmente perigosos.
O Concello de Sobrado non dispón de ordenanza reguladora da tenza de animais potencialmente perigosos que regule os requisitos para a obtención da licenza e a creación do Rexistro de Animais Potencialmente Perigosos polo que procede a súa aprobación.
Capítulo I. Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto.
1.- É obxecto desta ordenanza, a regulación da concesión e renovación das licenzas administrativas para a tenza de calquera animal clasificado como potencialmente perigoso, aos que se refire a Lei 4/2017, do 3 de outubro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia, así como a regulación do Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.
2.- Esta ordenanza será de aplicación a toda persoa física ou xurídica que se relacione de forma permanente, ocasional ou accidental con animais considerados potencialmente perigosos, no termo municipal de Sobrado.
3.- Quedan excluídos da aplicación desta ordenanza os cans e animais pertencentes ás Forzas Armadas, Forzas e Corpos da Seguridade do Estado, Corpos da Policía das Comunidades Autónomas, Policía Local e empresas de seguridade con autorización oficial.
Artigo 2. Definición de animal potencialmente perigoso.
1.- Consideraranse animais potencialmente perigosos todos aqueles animais de compañía pertencentes tanto á fauna autóctona como alóctona, independentemente da súa condición, natureza, especie ou raza á que pertencen, que poidan causar a morte ou provocar lesións ás persoas ou a outros animais, ou de producir danos de certa entidade ás cousas, salvo o suposto previsto no artigo 1.2 da Lei 50/1999, de 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos.
2.- En particular terán a cualificación de potencialmente perigosos, os animais domésticos ou de compañía que regulamentariamente se determinen pola Comunidade Autónoma de Galicia. Respecto á raza canina consideraranse potencialmente perigosos os definidos no artigo 16 da Lei 4/2017 do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia e especialmente nos que concorra calquera das condicións seguintes:
a) Cans que polas súas características raciais puidesen ser aptos para o adestramento, para a garda e defensa e en concreto os pertencentes ás razas seguintes: american stafforshire terrier, pit bull terrier, bullmastif, dobermann, dogo arxentino, dogo de Bordeus, dogo do Tíbet, fila brasileiro, mastín napolitano, presa canario, presa mallorquino (ca de bou), rottweiler, bull terrier, staffordshire bull terrier, tosa inu e akita inu, e as restantes razas que puidesen determinarse na normativa estatal sobre animais potencialmente perigosos de obrigado cumprimento. Tamén serán considerados potencialmente perigosos os cruces en primeira xeración destas razas ou cruces destas razas con outras.
b) Cans que fosen adestrados para a garda e defensa.
c) Cans que tiveron algún episodio de agresións a persoas ou ataques de certa entidade a animais ou cousas, ou aqueles que manifesten un carácter marcadamente agresivo. Nestes casos, o potencial perigo deberá ser apreciado pola autoridade competente municipal, de oficio ou despois de notificación ou denuncia, atendendo a criterios obxectivos e logo do informe dunha ou un profesional veterinario designado para o efecto.
Capítulo II. Licenzas
Artigo 3. Licenza municipal.
1.- A tenza no municipio de animais clasificados como potencialmente perigosos requirirá a obtención, con carácter previo á adquisición do animal, da correspondente licenza municipal.
2.- Están obrigados á obtención da licenza municipal para a tenza de animais clasificados como potencialmente perigosos os propietarios ou posuidores destes incluídos no padrón de habitantes, así como os establecementos ou asociacións, con sede neste municipio, que alberguen animais potencialmente perigosos aos que se refire a Lei 4/2017, do 3 de outubro e que se dediquen á súa explotación, cría, comercialización ou adestramento, incluídos os centros de adestramento, criadeiros, centro de recollida, residencia, centros recreativos e establecementos de venda situados neste municipio.
3.- Os propietarios de animais potencialmente perigosos non aveciñados neste municipio deberán acreditar, cando se atopen residindo temporalmente nel e mentres permaneza o animal no termo municipal, a tenza da licenza no municipio de orixe.
4.- Nos supostos previstos no apartado 2.a) do artigo 2º, o titular do can dispoñerá do prazo dun mes para solicitar a licenza administrativa, contado desde a resolución ditada para tales efectos, efectuándose en caso contrario a retirada e depósito do animal de conformidade co establecido nesta ordenanza.
5.- Nos supostos previstos no apartado 2.d) do artigo 2, o concello comunicará os feitos á autoridade competente da Consellería correspondente, achegando os informes esixidos no devandito apartado, debidamente motivados. No caso de que se ditase resolución na que se aprecie agresividade, o titular dispoñerá do prazo dun mes, contado desde a súa notificación, para solicitar a licenza administrativa, coas mesmas consecuencias que no apartado anterior en caso de incumprimento.
6.- A falta de licenza municipal para a tenza de animais potencialmente perigosos dará lugar a, tras expediente contraditorio, un único requirimento municipal para a súa obtención no prazo de dez días e á retirada e depósito dos animais, nos termos establecidos no artigo 7 desta ordenanza.
7. Toda persoa que conduza e controle , de forma habitual, ocasional ou puntual,un animal calificado como potencialmente perigoso haberá de estar en posesión da correspondente licenza municipal para a tenza de animais potencialmente perigosos expedida ó seu nome.
Artigo 4. Requisitos e documentación para a obtención da licenza.-
1.- A obtención da licenza con destino á tenza de calquera dos animais cualificados como potencialmente perigosos realizarase mediante solicitude que presentará o interesado no Rexistro Xeral do concello, previamente á adquisición, salvo os supostos de cambio de residencia do seu responsable. A instancia poderase presentar por calquera outro medio permitido en dereito.
2.- Xunto á solicitude, deberá presentar a seguinte documentación (en orixinal ou copia autenticada) acreditativa do cumprimento dos requisitos legalmente esixidos para obter a licenza, que son;
a) Personalidade: para o suposto de persoa física: ser maior de idade e non estar incapacitado para proporcionar os coidados necesarios ao animal: acreditarase mediante fotocopia do DNI ou do pasaporte. Para o suposto de persoa xurídica: acreditarase mediante a presentación da escritura de constitución e de modificación, no seu caso, debidamente rexistrada no Rexistro Mercantil e do número de identificación fiscal (NIF), cando a inscrición fose esixible conforme á lexislación mercantil que lle sexa aplicable. Se non o fose a acreditación da capacidade de obrar realizarase mediante a escritura ou documento de constitución, estatutos ou acto fundacional, no que constaren as normas polas que se regula a súa actividade, rexistrados, no seu caso, no correspondente Rexistro oficial. Os que actúen en representación doutro deberán presentar escritura de poder suficiente. Se fose persoa xurídica, este poder deberá figurar rexistrado no Rexistro Mercantil.
b) Non ser condenado por delitos de homicidio, lesións, torturas, contra a liberdade ou contra a integridade moral, a liberdade sexual e a saúde pública, de asociación con banda armada ou de narcotráfico, así como non estar privado por resolución xudicial do dereito á tenza de animais potencialmente perigosos. Acreditarase mediante certificado de antecedentes penais.
c) Non ser sancionado por infraccións graves ou moi graves con algunha das sancións accesorias das previstas na Lei 4/2017 do 3 de outubro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos. Con todo, non será impedimento para a obtención ou, no seu caso, renovación da licenza, ser sancionado coa suspensión temporal desta, sempre que, no momento da solicitude, a sanción de suspensión anteriormente imposta fose cumprida integramente: acreditarase mediante certificado negativo expedido pola Consellería de Medio Ambiente.
d) Dispoñer de certificado de capacidade física e aptitude psicolóxica para a tenza de animais potencialmente perigosos: acreditarase mediante certificado expedido polo director dun centro médico-psicotécnico debidamente autorizado, conforme se recolle na Lei 4/2017, do 3 de outubro.
e) Subscribir un seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros que poida causar o animal, cunha cobertura mínima de 125.000 euros. Este seguro deberá renovarse anualmente: acreditarase mediante presentación de copia da póliza claramente detallada ou certificado da compañía aseguradora.
f) Microchip: copia cotexada do documento onde figure o número de microchip.
3.- Os requisitos esixidos deberán manterse vixentes durante todo o período da tenza do animal; a perda destes dará lugar á revisión da licenza. Calquera variación dos datos que figuran na licenza deberá ser comunicada polo seu titular no prazo de quince días, contados dende a data na que se produza, ao órgano competente do municipio ao que corresponde a súa expedición. A intervención, medida provisional ou suspensión que afecte á licenza administrativa en vigor, acordada en vía xudicial ou administrativa, serán causa para denegar a expedición doutra nova ou a súa renovación ata que aquelas sexan levantadas.
4.- No caso de que a licenza sexa para animais salvaxes en catividade, esixirase, ademais do previsto no apartado 1 deste artigo, unha memoria descritiva das instalacións e medidas seguridade utilizadas para impedir a fuxida dos animais conforme á Lei 4/2017, do 3 de outubro
Artigo 5.- Acreditación da licenza.
A tenza da licenza municipal acreditarase mediante a entrega dunha copia da resolución do expediente administrativo iniciado a solicitude do interesado, e mediante a entrega dunha tarxeta acreditativa expedida polo concello, onde se fagan constar os seguintes datos:
-Número de licenza municipal.
-Data de resolución do expediente de solicitude da licenza.
-Data de caducidade da vixencia da licenza.
-Nome e apelidos do titular.
-D.N.I. do titular.
-Enderezo do titular.
-Fotografía actualizada do titular.
-Selo do concello.
Artigo 6.- Vixencia e renovación das licenzas
1.- As licenzas terán unha vixencia de cinco anos e estarán condicionada, en todo caso, ao mantemento dos requisitos para obtela. Unha vez transcorrido o período de cinco anos as licenzas deberán ser obxecto de renovación, por período de igual duración, mediante a presentación da mesma documentación esixida para á súa obtención e sinalada no artigo anterior e especificamente, acreditando:
a) A subscrición do seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros.
b) A expedición do certificado de sanidade animal, expedido por autoridade competente, que acredite con periodicidade anual a situación sanitaria do animal e a inexistencia de enfermidades ou trastornos que o fagan especialmente perigosos.
2.- A licenza perderá a súa vixencia no momento no que o seu titular deixe de cumprir calquera dos requisitos establecidos no artigo anterior.
3.- A condena por calquera dos delitos recollidos no apartado 1. b) do artigo anterior dará lugar á revisión da licenza polo concello.
4.- Non obstante o anterior, o concello pode comprobar, de oficio ou por denuncia, durante a vixencia da licenza que calquera propietario ou posuidor dun animal potencialmente perigoso mantén os requisitos para obter a licenza, e, no caso de que, tras a correspondente inspección, se comprobase que o propietario ou posuidor dun animal potencialmente perigoso carece dalgún dos requisitos, considerarase que non ten licenza para a tenza do animal e iniciaranse as accións legais oportunas.
5.- Para a renovación da licenza municipal deberase achegar a mesma documentación que para a súa obtención ao que se deberá engadir un certificado de sanidade animal efectuado nunha data non anterior a dous meses da solicitude de renovación de licenza expedida polos servizos sanitarios da comunidade autónoma galega ou por un veterinario colexiado.
Artigo 7- Órgano competente para o outorgamento das licenzas.
As licenzas municipais para a tenza de animais potencialmente perigosos, concederanse ou denegaranse mediante resolución do órgano municipal que teña atribuida a competencia en materia de licenzas , se prexuízo das delegacións que este órgano poida realizar. Este órgano tamén será o competente para decidir sobre a renovación e revisión e revogación das licenzas.
Artigo 8- Revisión, perda da licenzas e depósito de animais.
1.- A perda de calquera dos requisitos esixidos no artigo 4º desta ordenanza, dará lugar á revisión das licenzas municipais concedidas e á súa retirada, logo da tramitación previa do expedientes contraditorio.
2.- A retirada da licenza dará lugar á perda do dereito á tenza do animal e á obriga do interesado de proceder, no prazo máximo de dez días contado desde a recepción do requirimento, á súa entrega e depósito no establecemento adecuado para o efecto ata a obtención desta, salvo que o animal sexa obxecto de entrega a outro propietario ou de sacrificio nos termos establecidos na Lei 4/2017, do 3 de outubro.
3.- En caso de incumprimento da obriga de depósito, procederase á súa execución subsidiaria polo concello, ou pola comunidade autónoma, a través dos seus servizos ou mediante empresa contratada, sendo os gastos que tal actuación comporta a cargo e por conta do antigo titular da licenza.
4.- O concello poderá retirar dos espazos públicos e depositar de oficio no establecemento adecuado, sen necesidade de requirimento previo, a aqueles animais potencialmente perigosos en que se aprecie unha situación de abandono ou perigo para os usuarios das vías e espazos de uso común ou circulen por estes sen a debida protección ou control do seu propietario ou posuidor.
5.- Igualmente, o concello poderá retirar e depositar en establecemento adecuado aqueles animais potencialmente perigosos que non dispoñían da correspondente tarxeta de identificación no municipio de orixe ata tanto se acredite tal circunstancia polo seu titular.
Capítulo III. Do rexistro municipal de animais potencialmente perigosos
Artigo 9- Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.
1.- Créase o Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos, no que se inscribirán os animais potencialmente perigosos que teñan a súa residencia habitual no concello de Sobrado.
2. O propietario ou titular dos animais potencialmente perigosos deberá inscribilos no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos, no prazo máximo de quince días dende a obtención da licenza correspondente. Para o caso do segundo e posteriores animais, o dito prazo comezará a computarse desde a adquisición do animal.
3.- O rexistro terá un tratamento será informatizado, no que se farán constar, de acordo co disposto no Decreto 90/2002, do 28 de febrero, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e se crean os rexistros galegos de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos e de Adestradores Caninos., a seguinte documentación:
-Código identificador do animal/N.º de microchip.
-Zona de aplicación.
-Nome do animal (se procede).
-Especie.
-Raza. En cruzamento de primeira xeración especificarase as razas de procedencia.
-Sexo.
-Características externas (Descrición da capa, tipo e cor da pel...)
-Data de nacemento da animal
-Aptitude (función do animal): compañía, garda, defensa, caza...
-Enderezo habitual do animal.
-Outros signos identificatorios non definitivos (tales como unha tatuaxe ou un número de chapa se o animal foi censado nun censo municipal anteriormente).
-Causa de inclusión no Rexistro (supostos art. 2.2. do decreto 90/2002).
-Nome e apelidos do propietario do animal.
-DNI ou CIF.
-Enderezo do propietario do animal.
-Teléfonos de contacto do propietario do animal.
-Licenza: n.º data e concello de expedición.
-Nome, dirección, número de colexiado e número de veterinario colaborador que realiza a marcaxe.
-Data na que se realiza a implantación da identificación e a entrega do documento ao propietario.
-Data de alta no rexistro.
-Certificado sanitario, expedido por un veterinario, que acredite con periodicidade anual, a situación sanitaria do animal e a inexistencia de enfermidades ou síntomas que poida facerlo potencialmente perigoso, así como unha certificación de que o animal carece de lesións ou cicatrices que puidesen estar relacionadas coa utilización do animal en pelexas ou outras actividades prohibidas.
-Cartilla sanitaria actualizada nos tratamentos preceptivos e preventivos propios da especie e idade. Na cartilla sanitaria figurará a catalogación de animal potencialmente perigoso.
-Copia da licenza municipal de tenza de animais potencialmente perigosos, a nome do propietario. Acompañarase de copia da póliza que xustifique ter formalizado o seguro de responsabilidade civil e o último recibo en vigor.
-Datos do centro de adestramento, se fose o caso.
-Incidentes de agresión, se fose o caso. Os propietarios, serán os responsables de identificar os animais e de sufragar os gastos que isto ocasione, independentemente do lugar de residencia das devanditas persoas. A identificación definitiva supoñerá un requisito previo e obrigatorio para realizar calquera transacción do animal.
4.- O rexistro municipal é un rexistro de carácter público, ao que terán acceso as administracións públicas e autoridades competentes, así como aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten ter interese lexítimo no coñecemento dos datos que nel constan. Para estes efectos considerarase, en todo caso, interese lexítimo o que ostenta calquera persoa física ou xurídica que desexe adquirir un animal destas características, así como aquelas que sufrisen calquera tipo de agresión polo animal e desexen exercer as accións correspondentes en calquera vía xurisdicional, para o que deberán acreditar previamente a interposición da correspondente denuncia.
5.- O concello remitirá os datos do rexistro municipal ó Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos (Regiac), no prazo máximo de 15 días, contados desde o momento da inscrición dun animal potencialmente perigoso.
6.- En todo caso, o uso e tratamento dos datos contidos no rexistro farase de acordo co disposto na Lei orgánica 3 /2018 de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Artigo 10.- Inscrición no rexistro.
1.- Os titulares da licenza administrativa están obrigados a efectuar a inscrición do animal no rexistro municipal do concello da residencia habitual do animal, no prazo de 15 días contados a partir da obtención da licenza, tal e como se recolle no artigo 17 da Lei 4/2017, do 3 de outubro.
2.- Tamén será obrigatoria, por solicitude do propietario, a inscrición do animal no rexistro municipal do concello correspondente, cando se efectúe o seu traslado dun concello a outro por período superior a tres meses.
3.- Estimarase que se efectuou un traslado de animal potencialmente perigoso, salvo acreditación expresa en contra polo interesado, nos casos de cambio de residencia do titular deste, nese caso será preciso a acreditación da obtención da licenza no municipio de orixe anterior, procedendo á renovación da licenza nos casos previstos nesta ordenanza.
Artigo 11.- Baixa no rexistro municipal.
1.- A baixa no rexistro municipal de animais potencialmente perigosos efectuarase por solicitude do interesado, con acreditación previa da venda, traspaso, cesión ou morte do animal (esta última certificada por veterinario ou autoridade competente).
2.- Igualmente, procederase á baixa no rexistro no caso de traslado de residencia habitual do animal a municipio distinto, que así quede acreditado por solicitude do interesado. Neste caso o propietario deberá dar de alta ao animal no novo concello de residencia.
3.- A perda ou subtracción do animal, por un prazo superior a tres meses, considerarase baixa definitiva do animal no rexistro.
Artigo 12- Comunicacións do propietario de animal ao Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos.
1.- O propietario do animal deberá comunicarlle ao rexistro calquera variación dos datos que figuran nel, no prazo de 15 días desde que se producise a modificación.
2.- Deberá comunicarse ao rexistro municipal a venda, traspaso ou doazón do animal.
3.- Calquera incidente producidos por animais potencialmente perigosos ao longo da súa vida, coñecidos polas autoridades administrativas ou xudiciais, faranse constar na folla rexistral de cada animal, tal e como se recolle no artigo 6.4º da Lei 50/99 do 23 de decembro. No caso de agresións recollerase, como mínimo, a seguinte información: data da denuncia, descrición dos feitos e consecuencias xurídicas.
4.- A subtracción ou perda do animal deberá ser comunicada polo titular do animal ao rexistro municipal, no prazo máximo de 48 horas desde que se teña coñecemento destes feitos.
5. O propietario ou titular dos animais potencialmente perigosos disporá dun prazo máximo de 15 días para comunicar: a morte (mediante certificado veterinario), venda, doazón, traslado, roubo (mediante denuncia), perda do animal, esterilización ou calquera variación nos datos do rexistro, excepto nos casos de agresión, nos que a comunicación será inmediata.
Capítulo IV. Obrigas e prohibicións
Artigo 13.- Obrigas dos propietarios de animais potencialmente perigosos.
1. As persoas propietarias ou posuidoras de animais potencialmente perigosos teñen que tomar as medidas necesarias para evitar posibles molestias e prexuízos a persoas, animais e bens, e terán que cumprir todos os requirimentos previstos na lexislación vixente de animais potencialmente perigosos.
2. Os propietarios, criadores ou posuidores de animais potencialmente perigosos terán o deber de cumprir todas as normas de seguridade cidadá, establecidas na lexislación vixente e na lexislación sobre protección animal de Galicia, de xeito que garantan a excelente convivencia destes animais cos seres humanos e se eviten molestias á poboación, e en particular as seguintes:
As instalacións destinadas a albergar animais potencialmente perigosos deberán reunir como mínimo as seguintes medidas de seguridade:
¿As paredes e valados serán suficientemente altos e consistentes e deberán estar fixados co fin de soportar o peso e a presión do animal, evitando as fuxidas.
¿As portas das instalacións deben ser resistentes e estar deseñadas para evitar que os animais poidan abrir os mecanismos de seguridade, sen producirlles danos.
¿O recinto estará sinalado coa advertencia de que se atopa dentro un animal potencialmente perigoso, indicando a especie de raza deste. Queda totalmente prohibido que o animal poida sacar parte do seu corpo, tales como a cabeza ou as patas, feitos que poidan causar danos ou alarma. Os propietarios dos inmobles onde se alberguen os animais potencialmente perigosos deberán realizar os traballos e obras precisos para manter neles, en todo momento, as condicións imprescindibles de seguridade adecuadas á especie e raza dos animais, sendo este requisito necesario para a obtención das licenzas administrativas que se regulan nesta ordenanza. A autoridade municipal poderá ordenar en todo momento os traballos e obras necesarios para a devandita finalidade, e no suposto de non dar cumprimento a isto, procederá á revogación da licenza tras o expediente administrativo instruído respecto diso.
4. Quen teña en propiedade ou posúa un animal potencialmente perigoso que agrida persoas ou outros animais causándolles feridas de mordedura será responsable de que o animal sexa sometido a recoñecemento dunha veterinaria ou dun veterinario en exercicio libre da profesión en dúas ocasións dentro dos quince días seguintes á agresión. Neste recoñecemento o veterinario ou a veterinaria responsable emitirá un certificado no que conste se o animal presenta ou non síntomas de doenza infecto-contaxiosa, que comunicará ás autoridades competentes en sanidade animal no caso de sospeita.
5. Os cans potencialmente perigosos terán que circular, nas vías públicas e nos lugares e espazos de uso público en xeral, atados con correa non extensible de menos de dous metros de longo, provistos da correspondente buceira homologada e axeitada para a súa raza.
6. A esterilización dos animais potencialmente perigosos, ademais de se poder facer por vontade das persoas propietarias, realizarase obrigatoriamente por mandato ou resolución das autoridades administrativas ou xudiciais.
7. Os propietarios e as propietarias deste tipo de animais deberán comunicar ao Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac) a súa castración ou esterilización, coa remisión da copia da certificación veterinaria acreditativa do devandito feito no prazo de tres días, contados desde que a esterilización ou castración se levase a cabo.
8. As autoridades municipais poderán practicar a incautación daqueles animais potencialmente perigosos nos casos en que non se reúnan os requisitos establecidos nesta ordenanza, recluíndoos ata que estes se cumpran. O propietario, ou responsable do animal no momento da incautación, deberá sufragar os gastos ocasionados e derivados da retirada e manutención do animal.
9. Deberán presentar no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos antes do final de cada ano o certificado correspondente á revisión veterinaria anual, así como copia cotexada do seguro e da prima de responsabilidade civil que se formalice para cubrir os riscos derivados da tenza deste tipo de animais.
10. O traslado dun animal potencialmente perigoso ao concello de Sobrado, sexa con carácter permanente ou por período superior a tres meses, obrigará ao seu propietario para efectuar as inscricións oportunas no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos. Se a estancia do animal é por período menor de tres meses, o seu posuidor deberá acreditar o cumprimento da normativa vixente sobre animais potencialmente perigosos no seu lugar habitual de residencia, e adoptar as medidas hixiénico-sanitarias e de seguridade cidadá adecuadas.
11. En xeral, deberán cumprir con todas as obrigas relacionadas coa tenza de animais. O prazo para cumprir estas obrigas é o que se sinale en cada suposto, e no caso de que non se previse un prazo concreto, será de quince días.
Artigo 14.- Obriga de identificación.
Os propietarios, criadores ou posuidores dos animais terán o deber de identificalos cun microchip nos seus tres primeiros meses de vida ou nun mes despois da súa adquisición. A identificación consistirá na implantación dun microchip ou transponder portador dun código alfanumérico de número de díxitos tal que sexa único para cada animal. A implantación do código será efectuada por un veterinario, nomeado para o efecto pola Consellería de Medio Ambiente e realizarase na forma e maneira que establecen a Lei 4/2017, do 3 de outubro e normativa concordante.
Artigo 15.- Medidas de seguridade en espazos públicos.
1.- Os propietarios, criadores ou posuidores deberán manter os animais que estean baixo a súa custodia en idóneas condicións hixiénico-sanitarias e cos coidados e atencións necesarios de acordo coas necesidades fisiolóxicas e características propias da especie ou raza do animal, en cumprimento da Lei 4/2017, do 3 de outubro
2.- A presenza de animais potencialmente perigosos en lugares ou espazos públicos esixirá que a persoa que os conduza e controle leve consigo a licenza municipal e a certificación acreditativa da inscrición do animal no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos.
3.- Os cans potencialmente perigosos, en lugares e espazos públicos, deberán levar obrigatoriamente bozo apropiado para a tipoloxía racial de cada animal.
4.- Os cans potencialmente perigosos deberán ser conducidos e controlados con cadea ou correa non extensible de menos de 2 metros, sen que poida levar máis dun destes cans por persoa. Non poderán ser conducidos por menores de 16 anos.
Capítulo V. Réxime sancionador
Artigo 16.- Infraccións e sancións.
As infraccións administrativas en materia de animais potencialmente perigosos se sancionarán de conformidade co establecido na Lei 50/1999, de 23 de decembro , sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos a excepción das infraccións en materia de identificación de estos animais, as cales se sancionarán de conformidade co establecido na Lei 4/2017, de 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia.
Artigo 17.- Procedemento sancionador
O procedemento sancionador aplicable rexerase polo establecido na disposición adicional terceira da Lei 50/1999, do 23 de decembro, de tenza de animais potencialmente perigosos, no artigo 46 da Lei 4/2017, de 13 de outubro da Comunidade Autónoma de Galicia, así como pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións públicas e normas de desenvolvemento.
Capítulo VI. Ficheiro automatizado para o rexistro
Artigo 18.- Protección de datos de carácter persoal.
De acordo co disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, infórmase: Que, á entrada en vigor desta ordenanza, existirá ¿Rexistro de Actividade de Tratamento dos solicitantes de licenza de tenza de animal perigoso" onde constarán os datos de carácter persoal dos solicitantes, co fin de rexistrar aos propietarios ou posuidores de animais potencialmente perigosos. A súa finalidade é que o Concello de Sobrado cumpra coas obrigas que a Lei 50/1999, de 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos e a Lei 4/2017, de 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia, atribúe aos concellos.
Este Rexistro de Actividade de Tratamento, será de uso exclusivo do Concello de Sobrado. É obrigatorio a subministración dos datos de carácter persoal que se sinalan nesta ordenanza, por ser o tratamento de ditos datos necesario para o cumprimento dunha obriga legal aplicable ao Responsable (Concello de Sobrado), de acordo co disposto no artigo 6.1 c) do Regulamento Xeral de Protección de Datos RGPD 679/2016.
As persoas que estean rexistradas no arquivo teñen posibilidade de exercitar os dereitos de acceso, rectificación, supresión, limitación e oposición.
Disposición final.
Esta ordenanza entrará en vigor coa súa publicación íntegra no BOP e transcurso do prazo establecido ao artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local continuando en vigor ata a súa derrogación.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:
¿El requerimiento deberá
ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en
el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del
acuerdo."
Ó no ter coñecemento da
fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia
Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo
de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.