Neda - TEXTO REFUNDIDO DA ORDENANZA REGULADORA DAS ACTIVIDADES EXTRACTIVAS DE MADEIRA NOS MONTES E ESPAZOS FORESTAIS DO CONCELLO DE NEDA

Publicación provisional: 29/07/2013 BOP Nº: 142
Publicación definitiva: 29/01/2014 BOP Nº: 19
Aplicable dende: 29/04/2021

LIMIAR

A actividade madeireira ten suma importancia no Concello de Neda debido a que boa parte da superficie municipal está cuberta por especies forestais. Pero asemade, o 25% da poboación galega é propietaria de parcelas forestais, polo que a incidencia do monte nas economías familiares é moi importante, e cómpre darlle o valor que lle corresponde.

Igualmente, a industria de transformación da madeira tamén é esencial para a economía de Neda, debido ós postos de traballo que xera, e á elaboración de produtos de maior valor engadido.

Ademais, o monte galego posúe unha elevada produtividade, grazas ó noso clima e á nosa terra, e isto xera unha manchea de potencialidades, que ben aproveitadas, poderían incrementar a produción de madeira, facer medrar as rendas das persoas propietarias, mellorar a xestión das empresas madeireiras, achegar produto de calidade para a industria transformadora, e con todo isto xerar máis valor, máis rendas, máis emprego e máis calidade de vida.

Nembargantes, para lograr todo isto é preciso virar a actual situación e camiñar cara a un novo paradigma de xestión sustentable do monte galego. E iso pasa por eliminar ou reducir os graves problemas que ten hoxe en día o sector, como son, entre outros, a escasa cualificación da man de obra, unha distribución de parcelas minifundista e irregular, ou os importantes impactos sobre a rede viaria municipal causados pola maquinaria forestal e os labores de extracción e carga da madeira.

O Concello, consciente da importancia do sector, pero tamén preocupado polos custos que esta actividade xera nas infraestruturas locais, e polo tanto no conxunto da poboación, pretende regular con esta ordenanza os labores de xestión forestal en Neda, no que atinxa á conservación das vías e así promover unha xestión racional e sustentable dos espazos forestais. E faino con base nas competencias que posúen os municipios nos ámbitos da prevención e extinción de incendios, o medio ambiente ou o urbanismo, establecidas pola Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, e pola Lei 5/1997, de administración local de Galicia, entre outras.

Nomeadamente, esta ordenanza pretende acadar a adecuada protección dos recursos naturais e paisaxísticos, así como velar pola debida conservación das vías públicas de titularidade municipal, que poden ser obxecto de estragos por causa das operacións de plantación, corta e saca da madeira.

É por iso que esta ordenanza vén regular a actividade extractiva de madeira no termo municipal, agás aquela que poida considerarse de autoconsumo. Neste senso créase un rexistro de empresas madeireiras, para levar control das entidades que realizan actividades forestais no termo municipal, e se establecen unha serie de obrigas de xestión que afectan tanto ás empresas como ás persoas propietarias dos montes explotados.

Para levar control das operacións forestais que se desenvolvan, o Concello requirirá a presentación dunha comunicación previa, para informar da realización de actividades extractivas de madeira, e dunha fianza, para cubrir os posibles estragos que se produzan nas infraestruturas e no dominio público local.

Por último a ordenanza recolle un apartado de infraccións e de sancións.

TÍTULO PRELIMINAR.-OBXECTO E FUNDAMENTO

Artigo 1.-Obxecto e fundamento.

1. Consonte ao disposto nos artigos 591 do Código civil e 25, 28 e 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, o Concello de Neda establece a presente ordenanza reguladora das cortas forestais.

2. A presente ordenanza ten por obxecto a regulación da actividade forestal consistente na corta e saca de madeira dentro do termo municipal, mais non como actividade en si mesma senón na medida na que afecte ao medio natural, aos bens municipais e á seguridade viaria, aspectos sobre que o Concello ten o deber de preservar. Así, esta ordenanza afecta ás actividades que se desenvolvan como consecuencia da obtención de madeira e o seu transporte (operacións preparatorias da corta, desprazamentos de vehículos e maquinaria, construción de ramplas de acceso aos terreos, depósitos de madeira, transporte da madeira, etc.), sempre que como consecuencia das operacións descritas se vaian utilizar vías de titularidade deste municipio. Con isto quérese facer compatible a liberdade de empresa e o desenvolvemento do sector forestal, tan importante no noso Concello, coa preservación do medio natural, a conservación dos camiños e pistas municipais e coa seguridade viaria.

Artigo 2.-Definicións.

1. Para os efectos de aplicación desta ordenanza considérase como actividade forestal aquela que se desenvolve a partir do aproveitamento múltiple dos recursos que proporcionan os terreos nos que vexetan especies arbóreas, sexan de nacemento ventureiro, de semente ou de plantación, sempre que non sexan características de cultivo agrícola.

2. Por corta e saca de madeira deberá entenderse, para os efectos desta ordenanza, a totalidade das operacións que se desenvolvan dentro do municipio de Neda que teñan por obxecto a obtención e transporte de madeira de corta, incluíndo tanto as operacións previas ou preparatorias á corta (desprazamento de vehículos e maquinaria, construción de ramplas ou accesos ás fincas, preparación do terreo etc.) como as posteriores (preparación e depósito da madeira, cargamento e transporte).

3. Por empresa madeireira debe entenderse a persoa física ou xurídica que realice os labores de preparación do terreo, repoboación, corta, saca, depósito e/ou transporte da madeira. Tamén abrangue a aquelas persoas propietarias que realicen algúns destes labores nas parcelas da súa propiedade, sempre e cando non sexa para o autoconsumo de madeira e teñan por destino a súa comercialización.

Artigo 3.-Ámbito de aplicación.

O ámbito de aplicación desta ordenanza é o termo municipal de Neda, sen prexuízo das disposicións especiais que poidan rexer en zonas cualificadas como especialmente protexidas ou espazos naturais.

TÍTULO I.-REXISTRO, AUTORIZACIÓNS E RÉXIME XURÍDICO

 Artigo 4.-Rexistro de empresas madeireiras.

As persoas físicas ou xurídicas que realicen actividades madeireiras no Concello de Neda poderán inscribirse nun Rexistro establecido para controlar o desenvolvemento destas actividades, no que se fará constar a denominación da empresa, NIF, enderezo, teléfono, correo electrónico e persoa/s de contacto. Recóllese o modelo de solicitude de inscrición no Anexo I.

Artigo 5.-Requisitos para as operacións de corta e saca de madeira.

1. Para realizar traballos de corta e saca de madeira en plantacións forestais deste Concello, cun volume estimado superior a 20 metros cúbicos, será obrigatorio presentar no Rexistro do Concello, a través de calquera dos medios previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, unha comunicación previa por escrito, cunha antelación mínima de dez días hábiles ao comezo das actividades, xunto coa documentación esixible. Isto farase sen prexuízo da acreditación da declaración responsable, comunicación previa ou calquera título habilitante que, conforme á normativa vixente, sexa necesario, xa foren da autoridade forestal, de conservación da natureza, de protección de augas ou de preservación do patrimonio arqueolóxico, ou calquera outro que resulte esixible.

2. O escrito de comunicación previa será asinado pola empresa madeireira, que deberá achegar a documentación e os datos seguintes:

 Datos identificativos da empresa madeireira e, de ser o caso, do empresario subcontratado que vaia a facer os traballos (denominación, número do NIF, enderezo postal e electrónico e teléfono, nome e apelidos da persoa encargada ou responsable da empresa).

 Identificación dos vehículos (marca, modelo, matrícula e peso máximo autorizado) cos que se desenvolverán os traballos.

 Especie de madeira obxecto da corta.

 Volume aproximado de madeira que se prevé extraer.

 Nome das fincas ou montes afectados, lugar ou sitio e parroquia.

 Identificación catastral da finca ou monte afectado (polígono e parcela/s).

 Identificación da última vía pública de titularidade deste Concello pola que se vai acceder a elas.

 Datas previstas de inicio e remate dos traballos.

 Lugar onde se depositará a madeira á espera da súa carga.

 Fotocopia compulsada da declaración responsable, comunicación previa, solicitude ou do permiso, autorización ou licenza ou calquera título habilitante que sexa esixible, expedido pola autoridade competente.

 Fotocopia compulsada do seguro de responsabilidade civil ou calquera outro similar da empresa madeireira ou, de ser o caso, do empresario subcontratado que vaia a realizar os traballos, que cubra os eventuais danos e prexuízos que poidan causarse con ocasión da corta e saca de madeira, así como do último recibo pagado, acreditativo de que o dito seguro está vixente no momento de realizarse as operacións.

 Fianza prestada nos termos e na contía que resulte desta Ordenanza.

3. O Concello de Neda terá a disposición das persoas interesadas un modelo normalizado de escrito de comunicación previa, tal e como se recolle no Anexo II.

4. Despois de presentar unha comunicación previa de acordo coas formalidades previstas no número 2 deste artigo, a empresa madeireira poderá presentar novas comunicacións para engadir máis parcelas, sen que se teña que prestar unha nova fianza, sempre que se cumpran as condicións seguintes:

a) Que se atopen nas condicións do artigo 8.1 desta Ordenanza, é dicir, que se trate de parcelas contiguas ou, se non o son, que o último acceso público rodado se realice pola mesma vía e que se atopen no mesmo polígono catastral que as que xa foron obxecto da anterior comunicación.

b) Que se xustifique a presentación da declaración responsable ou o título habilitante autonómico que proceda, e sempre que este sexa de data posterior á primeira comunicación previa presentada ante o Concello.

De non darse algunha destas condicións, aplicarase o réxime xeral da prestación da fianza.

5. De estaren realizándose os traballos sen que a empresa madeireira ou á persoa propietaria do monte ou predio forestal cumprisen coa obrigación a que se refire este artigo o Concello lles requirirá para que no prazo de 24 horas presenten un escrito de posta en coñecemento das actividades, co mesmo contido que o de comunicación previa, e poderá ordenar a súa inmediata suspensión.

De estaren realizándose os traballos e da comunicación previa presentada resulta a inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato, manifestación ou documento achegado, se requirirá ao interesado para que a emende no prazo de 24 horas, sen prexuízo de que o Concello poida ordenar a súa inmediata suspensión.

6. De non cumprir co previsto no número anterior se ordenará, no primeiro caso, o cese definitivo da actividade e, no segundo, logo da audiencia do interesado, a declaración de ineficacia da comunicación coa prohibición definitiva do exercicio da actividade, e todo sen prexuízo da sanción que corresponda.

7. Exceptúase do disposto na presente ordenanza a realización de cortas para usos propios domésticos, entendendo como tales os que non teñan fins comerciais e teñan un volume máximo de 20 m3.

Artigo 6.-Responsables.

1. A empresa madeireira será responsable directamente de todos os danos e prexuízos a persoas e bens que se produzan ou ocasionen con motivo da corta, depósito e transporte da madeira, debendo reparar o dano causado. O Concello de Neda velará especialmente para que as ditas operacións de corta e saca de madeira non ocasionen danos nas vías públicas municipais e estas queden en adecuado estado de conservación, limpeza e seguridade.

2. A obriga recollida no punto anterior será esixible non só polos actos ou omisións propios, senón tamén polos cometidos por calquera persoa que, sen ser empregada ou traballadora da empresa madeireira, interveña nas operacións de corta e saca de madeira por conta, consentimento ou aquiescencia da empresa madeireira, e, en xeral, polos cometidos por aquelas persoas de quen deba responder.

3. As persoas propietarias das parcelas de monte nas que se efectúen actividades de extracción de madeira serán responsables, nomeadamente cando a corta se faga a eito en zonas con pendentes elevadas, de tomar as medidas precisas para previr tanto os riscos erosivos sobre o terreo como as posibles consecuencias da erosión sobre os bens públicos.

Artigo 7.-Obrigacións.

1. A empresa madeireira estará obrigada a asumir os custes da reparación dos estragos producidos nas vías, nas estruturas anexas ou noutros elementos do dominio público local.

2. A empresa madeireira fica obrigada á limpeza e retirada dos residuos da corta de madeira, de xeito que as pistas, camiños ou espazos públicos queden en todo momento no mesmo estado de limpeza e conservación que tiñan antes de levarse a cabo as operacións de corta e saca de madeira. A obriga de limpeza deberá cumprirse todos os días ao final da xornada de traballo.

3. Os depósitos de rolla, pólas, podalla ou demais restos non poderán invadir as zonas de circulación viaria, nin menoscabar a funcionalidade das cunetas, gabias, canalizacións, pontellas ou calquera outra infraestrutura auxiliar ou anexa ós camiños ou vías, de cara a evitar riscos para as persoas usuarias.

4. Prohíbese que os refugallos que non sexan estritamente vexetais fiquen ou se depositen no monte, vías ou lugares non autorizados. Os residuos asimilables ós urbanos seleccionaranse e depositaranse no contedor municipal adecuado. Os residuos industriais, especialmente, aceites usados, entregaranse a un xestor autorizado de residuos.

5. As empresas madeireiras e/ou as persoas propietarias dos montes tratarán os restos forestais de maneira que minimicen o risco de incendio, dando prioridade ós tratamentos que supoñan a incorporación dos ditos restos ó ciclo produtivo agroforestal ou ó aproveitamento de biomasa forestal residual nas súas distintas variantes.

6. A empresa madeireira estará obrigada a sinalizar as vías situadas nas zonas de extracción e depósito de madeira conforme ao establecido na normativa vixente en materia de tráfico, circulación e seguridade viaria.

7. Prohíbese o uso das vías públicas para almacén ou depósito irregular da madeira. Entenderase por depósito irregular, para os efectos desta ordenanza, aquel que exceda de 30 días naturais.

8. A empresa madeireira ou o propietario forestal deberán derrubar e repor ao seu estado anterior as ramplas abertas para facilitar o acceso ao terreo ou ao monte, co obxecto de que, cando chova, a auga e a terra arrastrada non asolague e cause danos nas pistas ou camiños municipais.

9. As limpezas ou reparacións deberanse realizar nun prazo máximo de 72 horas a partir da retirada da madeira.

 Artigo 8.-Fianza.

1. As empresas madeireiras deberán depositar unha fianza en favor do Concello, co obxecto de responderen diante dos posibles danos non reparados voluntariamente, segundo se recolle nesta ordenanza. A constitución da fianza, que poderá prestarse en metálico, mediante aval bancario ou seguro de caución e que deberá acreditarse coa presentación da comunicación previa, será por importe de 3.000 € por cada comunicación, que cubrirá todos os traballos que se vaian a desenvolver en parcelas contiguas ou, se non o son, en todas aquelas cuxo último acceso público rodado se realice pola mesma vía e se atopen no mesmo polígono catastral, independentemente do volume de madeira a extraer e do número de parcelas nas que se vaia a traballar.

2. As empresas madeireiras poden optar, se lles convén, por depositar unha fianza por importe de 21.000 €, que se imputará a todas as comunicación previas que se presenten para o ano natural, sen que proceda ningún afianzamento ou aval máis por este concepto. Se a opción se solicita a partir do día 31 de agosto, a fianza a depositar será de 12.000 € e se imputará a todo o que quede para rematar o ano natural en curso.

Artigo 8 bis.-Obrigación de comunicar o remate dos traballos.

O interesado está obrigado a comunicar o remate dos traballos nun prazo máximo de 7 días naturais ao momento no que os termine. Unha vez feita a anterior comunicación a tramitación administrativa do expediente da devolución da fianza completarase nun prazo de 30 días naturais, logo de que os servizos municipais comprobaren a inexistencia de danos nas vías, nas infraestruturas, no dominio público local ou en calquera clase de bens ou intereses sobre os que o Concello teña o deber de velar.

 Artigo 9.-Normas comúns no uso da fianza non devolta e execución subsidiaria.

1. Se o Concello constatase a produción de danos dos que deba facerse cargo a interesada, incluída a acumulación de restos procedentes das operacións de carga e almacenamento, lle requirirá para que os repare coa advertencia de que, transcorrido un prazo de 7 días naturais contados dende o requirimento sen que o faga, o Concello poderá realizar subsidiaria e primeiramente con cargo á fianza, as operacións de reparación, corrección e/ou retirada de restos, sen prexuízo da sanción que proceda.

No caso de desatención do requirimento anterior ou de cumprimento defectuoso e logo de obter os antecedentes que se estimen oportunos, os Servizos Técnicos Municipais elaborarán un informe para determinar a liquidación provisional dos custos a realizar polo Concello, que no seu momento serán repercutidos ao interesado para que satisfaga o importe con cargo á fianza depositada ou ben na contía que, de ser necesario porque esta sexa insuficiente, a supere. O interesado disporá dun trámite de audiencia polo prazo de 10 días para efectuar as alegacións e valerse dos medios de proba que estime pertinente, logo do cal o Concello adoptará a resolución que proceda. A cantidade fixada nesta resolución deberá ser ingresada a favor do Concello nos termos, condicións e prazos da normativa reguladora das facendas locais polo que, no caso de incumprimento, poderá facerse efectiva pola vía de constrinximento.

2. A responsabilidade regulada neste precepto é independente da apertura do expediente sancionador que corresponda por mor dos incumprimentos en que incorran os interesados.

TÍTULO II.-INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

Artigo 10.-Infraccións.

1. Son infraccións da presente ordenanza os actos e omisións que contraveñan o establecido nela. A comisión de calquera infracción levará aparellada a imposición das correspondentes sancións aos responsables, ademais da obriga de facer a reparacións dos danos, do mantemento e de limpeza das vías, así como a de indemnizar a quen resulte prexudicado polos danos derivados da súa comisión.

2. As infraccións a esta ordenanza cualifícanse en moi graves, graves e leves.

3. Constitúen infraccións moi graves:

 Realizar os traballos forestais sen presentar, no prazo que se lle indicou unha vez que foi requirido polo Concello, o escrito de comunicación previa ou o de emenda da comunicación defectuosamente presentada.

 Deixar as vías municipais nun estado que supoña unha situación de risco para a seguridade viaria, segundo o informe municipal emitido para o caso.

 Causar danos nas estradas, pistas, camiños ou noutros elementos do dominio público local por valor de 6.000 € ou máis.

 Non comunicar en prazo o remate dos traballos, cando ademais se causen danos nas estradas, pistas, camiños ou noutros elementos do dominio público local por valor de 6.000 € ou máis.

 A reincidencia, pola comisión no prazo dun ano de máis dunha infracción grave cando así se teña declarado por resolución firme en vía administrativa.

4. Son infraccións graves:

 Realizar os traballos forestais sen ter presentado o escrito de comunicación previa, aínda que o achegue despois de ser requirido polo Concello.

 Realizar os traballos forestais sen presentar a comunicación previa coa antelación prevista no artigo 5.1 desta Ordenanza, se aquela se presentou co incumprimento dos requisitos previstos no artigo 5.2, aínda que se emendase despois de ser requirido polo Concello.

 Deixar as vías municipais en deficiente estado, sempre que non supoña unha situación de risco para a seguridade viaria, segundo o informe municipal emitido para o caso.

 Causar danos nas estradas, pistas, camiños ou noutros elementos do dominio público local por valor inferior a 6.000,00 €.

 Non comunicar en prazo o remate dos traballos, sempre que o Concello constate que se causaron danos nas estradas, pistas, camiños ou noutros elementos do dominio público local por valor inferior a 6.000 €.

 Non demoler ou non repor ao seu estado orixinal as ramplas ou accesos que se abriran para acceso aos terreos forestais.

 A reincidencia, pola comisión no prazo dun ano de máis dunha infracción leve cando así se teña declarado por resolución firme en vía administrativa.

5. Considéranse infraccións leves calquera outro incumprimento desta ordenanza que non estea cualificado como moi grave ou grave e cuxa sanción corresponda ao Concello.

 Artigo 11.-Sancións.

1. As infraccións desta ordenanza serán sancionadas coas seguintes multas:

 Infraccións leves: multa de ata 750,00 €.

 Infraccións graves: multa de contía comprendida entre 750,01 e 1.500,00 €.

 Infraccións moi graves: multa de contía entre 1.500,01 € e 3.000,00 €.

2. A tramitación do procedemento sancionador, non previsto nesta ordenanza, rexerase pola normativa xeral na materia e, en todo caso, coa audiencia e demais garantías procesuais para a persoa interesada.

3. O importe das multas será graduado tendo en conta as circunstancias concorrentes e de acordo co establecido na normativa vixente.

4. As multas e sancións impostas ao amparo da presente ordenanza reduciranse na súa contía nun 50% no caso de seren aboadas no prazo de 15 días a partir da notificación da multa ou sanción, e se a persoa infractora mostra por escrito a súa conformidade con estas, e renuncia expresamente ao exercicio de toda acción de impugnación no citado prazo.

5. O pagamento das multas poderase esixir pola vía administrativa de constrinximento, sen prexuízo das correspondentes responsabilidades de calquera outra índole, tanto administrativas como civís ou penais en que puidese incorrer.

6. As sancións serán independentes da reparación do dano causado e da indemnización de danos e perdas a que houber lugar.

7. A resolución do expediente sancionador corresponderá á Alcaldía.

Artigo 12.-(Suprimido).

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS (suprimidas)

1. A presente ordenanza entrará en vigor logo dun mes dende a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

2. A Alcaldía queda facultada para ditar cantas ordes ou instrucións resulten necesarias para a adecuada interpretación, desenvolvemento e aplicación desta ordenanza.

ANEXOS

ANEXO I

 

SOLICITUDE DE INSCRICIÓN NO REXISTRO DE EMPRESAS MADEIREIRAS DO CONCELLO DE NEDA

Datos da empresa madeireira

Denominación

 

NIF

 

Enderezo

 

Teléfono

 

Correo electrónico

 

Persoa/s de contacto

 

A empresa dicha solicita a súa inclusión no REXISTRO DE EMPRESAS MADEIREIRAS DO CONCELLO DE NEDA

Neda, ¿. . de ¿¿¿¿¿¿¿¿¿. de 20.....

Asdo.

Nome:

Representante da empresa

 

ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE NEDA

 

ANEXO II

 

COMUNICACIÓN PREVIA PARA ACTIVIDADE DE DEPÓSITO, CARGA E TRANSPORTE DA MADEIRA PROCEDENTE DA CORTA FORESTAL

Datos da empresa madeireira

Denominación

 

NIF

 

Enderezo postal

 

Enderezo electrónico

 

Teléfono

 

Nome da persoa encargada

 

Datos de quen vaia a facer os traballos (por exemplo, de ser o caso, o subcontratista)

 

Vehículos que se van a utilizar (marca, modelo, matrícula e peso máximo autorizado)

 

Datos da propiedade forestal

Especie de madeira obxecto da corta

 

 

Volume aproximado total da madeira a extraer (m3)

 

 

Nome das fincas ou montes afectados, lugar ou sitio e parroquia

 

 

Identificacións catastrais

Polígono:

Parcela/s:

Identificación da última vía pública pola que se vai acceder ás parcelas

 

 

Datos do aproveitamento forestal

Data prevista de inicio

 

 

Data prevista de remate

 

 

Lugar onde se depositará a madeira

 

 

En aplicación da Ordenanza reguladora das actividades extractivas de madeira nos montes e espazos forestais do Concello de Neda, comunico o inicio de actividades forestais nas parcelas indicadas previamente.

Documentación que achega (marque o que corresponda):

 Fotocopia compulsada da comunicación previa, declaración responsable, solicitude ou do permiso, autorización ou licenza de corta.

 Fotocopia compulsada do seguro de responsabilidade civil ou calquera outro similar.

 Fotocopia compulsada do último recibo pagado do seguro de responsabilidade civil.

 Non posúe ningún seguro de responsabilidade civil.

 Fotocopia compulsada da fianza ou aval bancario.

 

 O INTERESADO DECLARA COÑECER A OBRIGA PREVISTA NO ART. 8 BIS DA ORDENANZA REGULADORA, DE COMUNICAR AO CONCELLO O REMATE DOS TRABALLOS NUN PRAZO MÁXIMO DE 7 (SETE) DÍAS NATURAIS CONTADOS DENDE QUE OS TERMINE

 

Neda, __ de ___________ de 201__.

Asdo.

ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE NEDA

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza dispón a súa entrada en vigor ó mes da súa publicación no B.O.P., pero se debe ter en conta que o artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril , reguladora das Bases do Réxime Local establece que:

¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales....." (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).

Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."