Laxe - Ordenzanza reguladora das licenzas de instalacións de terrazas do Concello de Laxe

Publicación provisional: 24/02/2021 BOP Nº: 36
Publicación definitiva: 16/04/2021 BOP Nº: 70
Aplicable dende: 07/05/2021

LIMIAR

O artigo 41.1,b) da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competividade económica de Galicia, dispón que en atención á concorrencia de razóns de orde pública, seguridade pública e protección do medio ambiente será precisa a obtención de licenza municipal para a instalación de terrazas ao aire libre ou na vía pública anexas ao establecemento aberto ao público.

O artigo 42 ter da devandita Lei regula a tramitación básica da solicitude de licenza dirixida ao concello, con carácter previo á instalación da terraza e no caso de que se ubique en dominio público municipal, solicitarse conxuntamente coa autorización para a ocupación do dominio público. Dita norma establece un contido básico para a tramitación, que precisa dun desenvolvemento adicional para conceder seguridade xurídica aos distintos operadores.

A ocupación do dominio público con carácter comercial experimentou na vila de Laxe un crecemento importante. A instalación de terrazas, veladores ou elementos análogos configúranse como alternativas de lecer cada vez máis demandadas pola cidadanía, constituíndo espazos de convivencia cidadá e dinamizando a vida pública dos núcleos de poboación onde se asentan.

Ademais, desde o 11 de marzo de 2020, data na que a Organización Mundial para a Saúde (OMS) declara a emerxencia sanitaria mundial pola Pandemia do coronavirus ¿Covid-19", adoptáronse diversas medidas preventivas en materia de saúde pública que afectaron ás condicións de apertura dos establecementos dedicados á restauración e hostelaría. Esta situación propiciou un aumento da demanda de ocupación de espazos públicos ao aire libre para o uso de establecementos comerciais para compensar as limitacións ás actividades de restauración no interior los locais, que será prolongada durante un período de tempo dado que a persistencia da epidemia está a comportar unha volta á actividade (a denominada ¿nova normalidade") de forma progresiva e baixo condicións que reducen a ocupación ou aforo máximo permitidos.

A aprobación dunha nova norma que regule a concesión de licenzas de terrazas e o uso común xeral dos espazos públicos do concello de Laxe cos supostos de usos especiais coa instalación no dominio público de terrazas vinculadas a establecementos de hostalería ou restauración (ou situacións asimiladas) é, polo tanto, inaprazable nestes momentos. Tanto desde a perspectiva de dotarse dun procedemento uniforme e claro para os interesados, como pola necesidade de contar con pautas para autorizar formatos e condicións, ante a proliferación de terrazas de estética diferente e morfoloxías variadas na vía pública. E finalmente, como é obvio, para asegurar unha axeitada conciliación destes usos e aproveitamentos especiais, co disfrute das vías públicas e espazos públicos pola veciñanza e os visitantes, de xeito que estas lexítimas ocupacións para usos especiais non afecten de forma drástica ao uso común xeneral para desprazamentos, paseos, circulación, estacionamento ou asueto da poboación.

O concello de Laxe non pode mostrarse por máis tempo alleo a esta realidade, polo que atendendo aos principios de necesidade e boa regulación, pretende dotarse desta ordenanza que acolle un marco normativo amplo onde se regulan as posibilidades e modalidades destes tipos de ocupación destinada a fins comerciais (sobre todo no que atinxe a este concello para actividades de restauración e hostalaría), que ha de ter unha resposta de ordenación normativa local máis urxente ante a necesidade causada pola realidade actual, e sen prexuízo de que no futuro o concello poida abordar dun modo conxunto a regulación de todos os usos e aproveitamentos sobre o dominio público local.

O obxectivo principal desta nova norma céntrase en ordenar e sistematizar o réxime xurídico das autorizacións para instalación con terrazas vinculadas a establecementos de hostalería e restauración e situacións asimiladas e para o caso de aproveitamentos especiais en espazos públicos serán outorgadas por autorización demanial. Todo iso atendendo o principio xeral de uso común xeneral pola cidadanía que debe gozar dunha protección prioritaria á hora de regular os usos e aproveitamentos no dominio público local.

Así mesmo, tamén son obxectivos da presente ordenanza:

- A mellora da calidade urbana, permitindo elementos de ocupación que contribúan á creación de espazos ao servizo da veciñanza así como á dinamización económica da zona, xerando entornos amables, acolledores e prácticos.

- Dar cumprimento á nova normativa en accesibilidade para unha ordenada convivencia entre estes espazos e a boa circulación dous viandantes polo espazo público.

- A regulación e ordenación dos procedementos de solicitude e obtención das licenzas en base ao cumprimento da Lei 39/2015, de procedemento administrativo común das administracións públicas e Lei 40/2015, de Réxime xurídico do sector público.

En virtude do principio de proporcionalidade, esta Ordenanza contén a regulación imprescindible para atender a necesidade que se pretende cubrir coa mesma. Asemade, en virtude do principio de seguridade xurídica, na redacción da presente ordenanza tense en consideración -con ánimo de integrar as distintas regulacións que afectan a este tipo de aproveitamentos -e, sen ánimo de ser exhaustivos, o disposto na seguinte normativa:

 

- Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia

- Lei 33/2003, do 3 de novembro, do Patrimonio das Administracións Públicas.

- Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local.

- Real Decreto 1372/1986, do 13 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de bens das Entidades Locais.

- Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

- Decreto 143/2016, do 22 de decembro do Regulamento da Lei do Solo de Galicia.

- Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

- Real Decreto 505/2007, do 20 de abril, polo que se aproban as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación das persoas con discapacidade para o acceso e utilización dos espazos públicos urbanizados e edificacións.

- Orde VIV/561/2010, do 1 de febreiro, pola que se desenvolve o documento técnico de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos espazos públicos urbanizados.

- Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade da Comunidade Autónoma de Galicia.

- Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

- Lei 10/2003, do 26 de decembro, sobre o acceso á contorna das persoas con discapacidade acompañadas de cans de asistencia.

TÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1. Obxecto

A presente Ordenanza ten por obxecto a regulación do réxime xurídico ao que deben someterse as autorizacións para instalación con terrazas vinculadas a establecementos de hostalería e restauración e situacións asimiladas, así como as ocupacións do dominio público municipal e do espazo libre privado de uso público, fixando os procedementos para o outorgamento das autorizacións que fagan posible compatibilizar o seu uso común xeral co uso común especial que poidan ser autorizables con carácter comercial.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. A presente ordenanza é aplicable a todos os espazos abertos de uso público, sexan de titularidade pública ou privada, para o uso comercial non festivo.

2. Coa finalidade de sistematizar os modos de ocupación dos espazos de uso público, os espazos urbanos clasifícanse nas seguintes categorías.

-Beirarrúas en rúas con circulación rodada: Son aquelas beirarrúas situadas xunto a viarios rodados e separadas destes por un bordo, independentemente da súa anchura. Limitan normalmente con fachada de edificio.

-Rúas Peonís: Aquelas rúas de carácter peonil que se atopen permanentemente pechadas á circulación de vehículos, salvo para labores de mantemento ou emerxencias.

-Rúas de circulación restrinxida: Son aquelas rúas que se atopen, total ou parcialmente pechadas á circulación de vehículos, desde o punto de vista do horario (temporal ou restrinxido), pero na que coexisten vehículos e peóns.

-Espazos libres e prazas: Son aqueles espazos con carácter peonil ou de espazo libre que, pola súa configuración, non corresponden a rúa peonil nin de coexistencia. Trátase habitualmente de zonas pavimentadas e/ou con zonas axardinadas.

-Espazos de valor singular: Son aqueles espazos que dispoñen dun valor ambiental singular desde o punto de vista estético, paisaxístico, arquitectónico ou de Patrimonio.

Artigo 3. Exclusións

Quedan excluídos do ámbito de aplicación da presente ordenanza aqueles usos ou actividades que se atopen regulados pola súa propia ordenanza, así como os usos e actividades que non estean expresamente recollidos.

Artigo 4. Definicións

Para os efectos da presente ordenanza, enténdese por:

1. Actividade hostaleira: Son aqueles establecementos, públicos ou privados, que se encadran entre os locais de hostalería recollidos na normativa sectorial de turismo da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Terraza ou velador de hostalería: É o conxunto de mesas, cadeiras e calquera outro mobiliario ou instalación -estea ou non homologada- que, sendo propios deste tipo de instalacións, estean situadas en dominio público ou en espazos privados de uso público, e sirvan de complemento temporal ou continuo a un establecemento legalizado de hostalería, así como cando forme parte dun establecemento maior, sempre que a súa licenza, comunicación previa ou declaración responsable recolla expresamente a autorización de funcionamento da hostalería complementaria.

Poden contar cos seguintes elementos:

-Toldos: Instalación auxiliar dunha terraza con estrutura ancorada á fachada, podendo ter cerramentos extensibles e flexibles.

-Cubertas estables: son elementos de resgardo por encima das terrazas, formadas por toldos ou materiais translúcidos, cuxas características permanezan inalterables no tempo, con estrutura independente e autoportante que poden estar ancoradas ao solo, consonte as condicións establecidas na presente ordenanza.

-Tarimas ou taboados: Instalación auxiliar a unha terraza con carácter móbil ou facilmente desmontable, con estrutura ancorada ou non ao pavimento, cuxo fin é eliminar barreiras de pendente, ou desnivel derivados das especiais características dos espazos urbanos susceptibles de ocupación, permitindo o acceso ou a nivelación do solo para a ocupación de conformidade co disposto na presente ordenanza.

3. Expositores: Elementos móbiles e desmontables vinculados ás terrazas ou, no seu caso, como extensión da actividade comercial principal a espazos de uso público, que se dispoñen no exterior de establecementos de hostalería, comerciais ou de servizos, tales como caixóns, plantas, armazóns no chan para o apoio de cartelería ou propaganda, armarios expositores ou similares.

Artigo 5. Accesibilidade

A accesibilidade universal é a calidade de fácil acceso para que calquera persoa, mesmo aquelas que teñan limitacións na mobilidade, na comunicación ou o entendemento, poida chegar a un lugar, obxecto ou servizo, en condicións de seguridade, comodidade e da forma máis autónoma e natural posible.

A presente ordenanza rexerase en todo momento polo que regula a normativa de accesibilidade:

- Orde VIV/561/2010, do 1 de febreiro, pola que se desenvolve o documento técnico de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos espazos públicos urbanizados.

- Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade.

- E calquera outra lei ou norma que posteriormente se publique e afecte ou modifique as anteriores.

Aos efectos da presente Ordenanza, tamén se definen os seguintes aspectos:

-Acceso adaptado: Aquel espazo que, por contar coas medidas, materiais e xeometría adaptados á normativa de accesibilidade, permite o acceso de maneira autónoma e non discriminatoria a un establecemento ou instalación.

-Os itinerarios peonís garanten, tanto no plano do chan como en altura, o paso, o cruzamento e o xiro ou cambio de dirección de persoas, independentemente das súas características ou modo de desprazamento. Posibilitan a circulación de usuarios de cadeiras de rodas ou persoas invidentes.

-Paso peonil: É o espazo público destinado ao tránsito de peóns que, sen garantir as condicións de itinerario peonil no plano do chan, si o garante en altura e posibilita a circulación de persoas invidentes. Este paso non pode ser inferior a 1,80 metros de ancho.

A realización de accesos aos establecementos con ramplas, elevadores, monta-cadeiras, etc., ocupando solo público ou privado de uso público, adaptaranse á normativa de accesibilidade, requirindo a obtención da licenza de ocupación.

Artigo 6. Sometemento a licenza

1. As autorizacións e ocupacións ás que se refire a presente ordenanza unicamente serán lícitas cando conten con licenza municipal e só na medida en que sexan conformes co autorizado expresamente nelas.

2. En ningún caso o pago das taxas polo aproveitamento especial, nin ningún outro acto ou omisión, incluso municipal, distinto do outorgamento expreso da licenza, permitirá a instalación ou mantemento das terrazas, que seguirán sendo ilícitas para todos os efectos mentres non conten coa preceptiva licenza.

3. Ademais das condicións sinaladas na presente ordenanza, as instalacións autorizables quedarán suxeitas á normativa sobre espectáculos públicos e actividades recreativas, protección do patrimonio, ás condicións urbanísticas establecidas no PXOM e a calquera outra normativa xeral ou sectorial que lles sexa esixible, sen prexuízo das maiores limitacións que deriven da aplicación da presente ordenanza.

Artigo 7. Requisitos subxectivos para a obtención de licenza de terraza

1. Só poderá outorgarse licenza para a instalación de terraza e elementos vinculados aos titulares de actividades de hostalería situados nun local próximo que conten con título habilitante municipal de apertura e que cumpran os demais requisitos legais para o seu funcionamento.

2. Igualmente, estarán suxeitos á licenza para a instalación de terraza as persoas ou entidades titulares doutras concesións, en terreos de titularidade pública de calquera tipo, cuxa actividade principal sexa asimilable ao exercicio da hostalería.

3. A terraza atenderase exclusivamente desde os locais aos que se refiren os apartados anteriores, e nelas non se poderán realizar actividades de hostalería distintas ás que legalmente poidan realizarse no local que as serve. En concreto, só se expenderán os mesmos produtos que sexan propios do establecemento do que dependen, debendo solicitarse a modificación da actividade principal no caso de pretender realizar distinta actividade ou servizo.

4. A eficacia da licenza de terraza queda supeditada ao mantemento do título habilitante de actividade do establecemento principal.

Artigo 8. Outorgamento da licenza: criterios xerais e límites.

1. As licenzas outorgaranse previa emisión dos informes preceptivos que comproben o cumprimento da normativa de aplicación. No caso de que a solicitude leve aparellada a solicitude de ocupación do dominio público local serán actos discrecionais municipais. Facultarán ás persoas ou entidades autorizadas situar as instalacións que se determinen, no seu caso ocupar o dominio público local, e realizar a actividade solicitada nas concretas condicións que se establezan polo Concello.

2. Cando a licenza leva aparellado ademais o outorgamento das autorizacións para a ocupación do dominio público local harmonizaranse os intereses públicos e privados, atendendo a criterios de compatibilidade entre os aproveitamentos especiais ou usos privativos solicitados e o uso común xeneral do dominio público, prevalecendo en caso de conflito este último por razóns de interese xeral.

Para tal efecto, teranse en conta os seguintes valores e criterios:

a. Preferencia do uso común xeral, con especial atención ao tránsito peonil, debendo garantirse que as instalacións autorizables non limiten a accesibilidade de todos os cidadáns aos espazos destinados ao uso público, en condicións de fluidez, comodidade e seguridade.

b. Garantía da seguridade viaria.

c. Protección da seguridade cidadá e da tranquilidade pública, en especial contra a contaminación acústica. Para tal efecto, o funcionamento das instalacións deberá respectar os límites de ruído en vivendas e locais próximos previstos na normativa aplicable reguladora da emisión de ruídos e vibracións.

d. Preservación do arboredo e vexetación da paisaxe urbana e dos ambientes e condicións estéticas dos lugares e edificios, aínda que non conten con ningún tipo de protección específica nas lexislacións sectoriais.

e. Preservación do mobiliario urbano, e de calquera elemento singular existente no espazo de uso público.

f. Protección do uso e dos dereitos e intereses dos usuarios das propiedades lindeiras.

g. Protección do Patrimonio e dos seus elementos catalogados, coa imposición das condicións de ornato e estética que garantan unha imaxe adaptada.

h. Garantía do funcionamento dos servizos públicos, en especial os de emerxencia.

i. Garantía de fácil accesibilidade en todo momento aos servizos ou instalacións públicos existentes.

3. Denegarase o outorgamento da licenza de terraza cando así proceda en virtude de calquera norma sectorial de aplicación. En especial, denegarase cando tal uso estea prohibido polos instrumentos de planeamento urbanístico que resulten de aplicación ou cando así proceda conforme a unha declaración de zona acusticamente saturada ou con acordo de iniciación do procedemento para declarala.

4.Non poderán autorizarse instalacións obstaculizando as saídas de emerxencia, así como vaos, pasos de peóns ou paradas de transporte público, ou dificultando a visión nos cruzamentos ou incorporacións á calzada.

5. En caso de solicitude e instalación de terraza xunto ás vías de circulación sen banda de aparcamento, deberá instalarse unha protección de calzada para a concesión da preceptiva licenza.

6. O órgano municipal competente poderá denegar a licenza para a instalación de terrazas ou veladores de hostalería, así como elementos publicitarios, naqueles casos que así o esixa a normativa en vigor, o interese público por razón de trazado, situación, seguridade viaria, obras públicas ou calquera outra circunstancias.

Artigo 9. Características da licenza

1. As licenzas outorgaranse salvo dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiros.

2. As licenzas só autorizan a ocupación durante o tempo determinado nelas e sen que do seu outorgamento se derive para o seu titular ningún dereito nin expectativa lexítima a obtelas por un novo período, nin impida a súa denegación motivada en futuras ocasións.

3. A ocupación autorizada coa licenza non implicará en ningún caso a cesión das facultades administrativas sobre os espazos públicos nin a asunción polo Concello de responsabilidades de ningún tipo respecto ao titular do dereito á ocupación ou a terceiro. O titular da licenza será responsable dos danos e prexuízos que poida ocasionar á Administración e a suxeitos privados, salvo que teñan a súa orixe nalgunha cláusula ou imposición administrativa imposta de ineludible cumprimento para o seu titular.

4. As licenzas para instalación de terrazas en dominio público local entenderanse outorgadas a título de precario e supeditadas á súa compatibilidade en todo momento co interese xeral. En consecuencia, poderán ser revogadas, modificadas ou suspendidas sen xerar dereito a indemnización, aínda que si á devolución da parte proporcional da taxa que corresponda.

5. Coa licenza regulada na presente ordenanza valórase exclusivamente a conveniencia da ocupación do espazo pola terraza ou instalacións que regula e autorízase a instalación e, no seu caso, a ocupación do dominio público local cando sexa procedente, sen prexuízo do deber de cumprir as demais normas que regulen a actividade e instalacións e de obter as demais autorizacións e títulos administrativos que no seu caso sexan necesarios.

6. En especial, a licenza aquí regulada non permite a realización na terraza de actuacións musicais ou espectáculos, nin a reprodución de música ou sons amplificados por ningún medio, agás naqueles casos de actividades extraordinarias reguladas na lexislación vixente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, onde se autorice coas limitacións e autorizacións previstos na normativa sobre limitación acústica en vigor.

Artigo 10. Tramitación conxunta

No caso de que a solicitude de licenza de terraza se incorpore á comunicación previa da actividade, a tramitación para outorgar o correspondente título habilitante a cada unha delas efectuarase de maneira conxunta e o Concello ditará unha única resolución que se pronuncie sobre a autorización da instalación cos elementos a instalar e o aproveitamento e utilización do solo, no seu caso sobre a autorización de ocupación do dominio público local e as instalacións coas que se pretenda levar a cabo a utilización do mesmo, a actividade para desenvolver; sen prexuízo de que, a tal fin, o órgano encargado da tramitación do expediente solicite dos distintos servizos municipais cantos informes se estimen oportunos para o outorgamento da licenza.

Artigo 11. Transmisibilidade das licenzas de terrazas

1. A licenza outorgada só será transmisible en caso de cambio de titularidade do establecemento hostaleiro desde o que se atenda e para o que se outorgou aquela, e só en tanto se transmita o correspondente título habilitante de apertura vixente cos requisitos esixidos. En todo caso, non poderán ser transmitidas nin cedidas a terceiros, agás que o Concello outorgase ou seu consentimento expreso.

2. Neste caso, a transmisión da licenza de terraza será obrigatoria e entenderase implícita coa transmisión do título habilitante de apertura do establecemento, sen que en ningún caso poda disociarse a titularidade de unha e outra.

3. A ausencia de notificación da transmisión da licenza implicará a extinción da licenza de terraza, quedando tanto o transmitinte como o adquirinte suxeitos ás responsabilidades propias do titular, sen prexuízo da incoación, no seu caso, do correspondente expediente disciplinario e sen prexuízo da imposición das sancións que correspondan de conformidade co disposto no Título V da presente ordenanza.

Artigo 12. Prazo de duración

1. As licenzas de terrazas e elementos vinculados haberán de outorgarse por tempo determinado, que non poderá ser superior a catro anos nin inferior a un mes.

2. Co prazo máximo solicitado polo interesado, a licenza concederase por algún dos seguintes períodos:

¿ Por anos naturais completos, isto é, do 1 de xaneiro ao 31 de decembro.

¿ Por tempada, entendendo por tal o período comprendido entre o 1 de xuño ao 30 de setembro do mesmo ano.

¿ Por un ou varios meses naturais completos e consecutivos, é dicir, do día 1 dun mes ata o último do mesmo mes ou doutro posterior.

Por razóns de interese público, debidamente motivados, poderá outorgarse a licenza por un período inferior ao solicitado, pero sempre dentro do establecido no apartado anterior.

3. Outorgada a autorización, os datos relativos á mesma incorporaranse á oportuna matrícula ou padrón fiscal a efectos do pago correspondente.

4. Tanto nos supostos de extinción ou revogación da licenza, a persoa ou entidade titular da licenza estará obrigada a suprimir as marcas de sinalización previstas no artigo seguinte. O prazo para elo será de un mes dende a comunicación da revogación ou modificación da ocupación.

O incumprimento desta obriga dará lugar á apertura de expediente disciplinario, sen prexuízo da imposición das sancións que correspondan de conformidade co disposto na presente ordenanza.

Artigo 13. Modificación da licenza

1. A persoa ou entidade titular da actividade poderá solicitar ao Concello, unha vez ao ano como máximo, a modificación da superficie ocupada pola terraza e, no seu caso, dos toldos e elementos xeradores de calor e frío ou elementos vinculados, previo pago das taxas correspondentes de conformidade co artigo 17.

2. A autorización da modificación da superficie ocupada pola terraza implicará a obrigación da persoa ou entidade titular daquela de modificar os elementos necesarios para axustarse á modificación autorizada e, especialmente, a sinalización da zona ocupada sobre o pavimento mencionada no artigo 19 da presente ordenanza. En caso contrario, procederase consonte o previsto no Título V da presente ordenanza.

3. O Concello poderá modificar as licenzas en canto á localización, extensión, mobiliario, horario ou calquera outro aspecto nos mesmos supostos que nos recollidos para a revogación no apartado seguinte e nos termos recollidos no artigo 9.4 da presente ordenanza.

Artigo 14. Extinción das licenzas

1. As licenzas reguladas na presente ordenanza extínguense polas seguintes causas, debendo ditarse resolución na que así se declare:

a. Falecemento ou incapacidade sobrevida da persoa física ou extinción da personalidade xurídica das persoas ou entidades titulares da licenza.

b. Falta de consentimento previo expreso do Concello nos supostos de transmisión da licenza nos termos dispostos no artigo 11, ou nos de modificación por fusión, absorción ou escisión da personalidade xurídica da entidade autorizada ou concesionaria.

c. O vencemento do prazo para o que foron outorgadas as licenzas produce a súa extinción sen necesidade de resolución municipal e sen que exista prórroga tácita ou presunta, polo que, ao chegar ao seu termo, o titular non poderá seguir ocupando o espazo agás que obteña renovación ou nova licenza.

d. Revogación da autorización. En especial, procederá a revogación cando resulten incompatibles coas normas ou criterios aprobados con posterioridade, produzan danos ao espazo público, impidan a súa utilización para actividades de maior interese público, menoscaben ou dificulten o uso xeral, altérense os supostos determinantes do seu outorgamento ou sobreviñesen circunstancias, que de existir naquel momento, xustificarían a denegación.

e. Falta de pago da taxa pola ocupación ou do canon da concesión ou exaccións municipais, ou calquera outro incumprimento grave ou moi grave das obrigacións declarado polo Concello.

f. Ter débedas co Concello, de calquera natureza, que se atopen en período executivo, durante o período de ocupación autorizado.

g. Desafectación do ben.

h. A extinción ou suspensión da licenza de apertura ou o peche por calquera causa legal do local ou establecemento desde o que se deba atender a terraza ou instalación determinará igualmente a automática extinción ou a suspensión da licenza sen necesidade de resolución administrativa.

i. Calquera outra causa prevista nas condicións xerais ou particulares polas que se rexa a licenza de ocupación.

2. Extinguida a licenza por calquera causa, o titular está obrigado a retirar todos os elementos desta e a non volver instalala. En caso contrario, procederase consonte o previsto no Título V da presente ordenanza.

Artigo 15. Suspensión das licenzas

Quedará automaticamente suspendida a eficacia da licenza pola celebración de procesións, cabalgatas, feiras, mercados, espectáculos, acontecementos deportivos, manifestacións ou eventos similares de interese preferente, así como pola realización de obras, esixencias dos servizos públicos ou outras actividades, sempre que requiran ineludiblemente que quede expedito o espazo ocupado pola terraza. A suspensión terá a duración imprescindible, recobrando a licenza a súa eficacia en canto desaparezan as circunstancias que a xustificaron, en todo caso sen necesidade de resolución administrativa. Nestes casos non haberá dereito á devolución de taxas agás que a suspensión sexa superior a 15 días naturais.

TÍTULO II. RÉXIME E CONDICIÓNS XERAIS DAS OCUPACIÓNS

 

CAPÍTULO I. DAS OBRIGAS DOS TITULARES DAS LICENZAS

Artigo 16. Deberes xerais do titular da licenza

1. O titular da licenza terá, ademais dos deberes xa establecidos noutros preceptos desta ordenanza e dos que se impoñan na resolución que a outorgue, con carácter xeral os seguintes deberes:

a) Velar para que en ningún momento se ocupen espazos distintos dos autorizados na licenza.

b) Non atender ás persoas usuarias que se sitúen fora do espazo permitido.

c) Velar para que as persoas usuarias non alteren a orde nin realicen actividades ruidosas que xeren molestias á veciñanza ou a os demais usuarios da vía pública.

d) Manter o mobiliario en perfectas condicións de seguridade, hixiene e ornato.

e) Retirar da vía pública todo o mobiliario cando finalice o horario de utilización da terraza e recollelo no local desde o que se sirve ou noutro disposto a tal efecto, de conformidade coa resolución da licenza, así como durante os períodos de peche regulados no artigo 25 da presente ordenanza.

f) Manter permanentemente limpa a zona ocupada pola terraza e as zonas adxacentes en canto resulten afectadas polo uso da terraza, debendo especialmente proceder á súa limpeza completa tras cada xornada de utilización.

g) No caso das terrazas cubertas con toldos, parasoles e antucas, ou naquelas nas que existan elementos desmontables na instalación tales como tarimas ou calquera outra das reguladas na presente ordenanza, proceder no prazo máximo de cinco días hábiles desde a extinción ou revogación da licenza a desmontar as instalacións e a repoñer ao seu estado anterior o pavimento, así como a reparar calquera outro dano causado ao dominio público. No resto das ocupacións, unha vez extinguida a licenza de ocupación ou tras a súa revogación, deberase retirar con carácter inmediato o mobiliario da instalación, así como as sinalizacións ás que se refire o artigo 19.

h) Cumprir as normas e medidas hixiénico-sanitarias aprobadas polas autoridades sanitarias para evitar ou prever a propagación de enfermidades e infeccións, debendo manter un cumprimento estrito no espazo de terraza.

i) Indicar nun lugar visible o aforo máximo vixente permitido na terraza.

O incumprimento destas obrigas dará lugar á incoación de expediente disciplinario, sen prexuízo da imposición das sancións que correspondan de conformidade co disposto na presente ordenanza. No caso de que algún dos incumprimentos afecte á seguridade das persoas ou á saúde en xeral, deberán adoptarse no acordo de incoación as medidas cautelares necesarias para evitar a continuidade da actividade durante a tramitación, incluíndo a clausura temporal da terraza.

Artigo 17. Deberes económicos do titular e prestación de garantía

1. O titular da licenza, ademais de deber de satisfacer as taxas que graven a expedición da mesma pola actividade administrativa desenvolta e, no seu caso, polo aproveitamento común especial do dominio público que corresponda, ten o deber de sufragar á súa costa todos os gastos que comporten os deberes impostos e a obrigación de indemnizar os danos e prexuízos que ocasione á Administración e a terceiros.

2. Ademais, a satisfacción das taxas reguladas no apartado anterior serán compatibles coas taxas que poidan liquidarse pola resolución de outorgamento ou expedición de licenza urbanística, no caso de que as instalacións solicitadas requiran obra, e no seu caso, do ICIO.

3. Nos casos que veña xustificado tecnicamente polos riscos de causar danos sobre o dominio público a ocupación solicitada, poderá esixirse ademais a prestación dunha garantía por parte do solicitante, a prestar en efectivo, aval ou seguro de caución.

Artigo 18. Deberes formais para permitir o control administrativo e público

1. O titular da terraza, así como o seu persoal empregado, teñen o deber de permitir e facilitar a inspección municipal para comprobar o cumprimento desta ordenanza.

2. En especial, terán sempre no establecemento desde o que se atenda e a disposición da inspección municipal o documento que acredita o outorgamento da licenza, así como o documento acreditativo do pago da taxas que correspondan ao período en curso e copia do seguro de responsabilidade civil.

Artigo 19. Sinalización dos límites da ocupación

1. A persoa ou entidade titular da autorización virá obrigada a manter os límites do espazo autorizado, mediante sinalización autorizada polos servizos técnicos en atención ás circunstancias específicas. Cando se conceda por primeira vez a autorización, procederase á sinalización en presenza de axentes da Policía Local e/ou dos Servizos Técnicos Municipais, quen comunicará á persoa ou entidade titular da autorización o día e hora para levala a termo, levantando acta da actuación e adoptando todas as medidas necesarias para que a sinalización se axuste estritamente ao contido da autorización. O mantemento da sinalización será de conta do titular da actividade.

2. Será obrigación da persoa ou entidade titular da autorización, durante a vixencia desta, realizar o mantemento de calquera das sinalizacións reguladas no presente artigo, debendo proceder á conservación e mantemento das mesas tantas veces como sexa preciso para que os límites do espazo autorizado permanezan claramente visibles.

3. A preexistencia da sinalización da zona para ocupar sobre o pavimento non implica dereito algún para a súa ocupación, sendo en todo caso preceptivo dispoñer da correspondente autorización en vigor.

Artigo 20. Seguro de responsabilidade civil

As persoas ou entidades titulares da licenza deberán dispoñer dun seguro de responsabilidade civil que deberá estender a súa cobertura aos posibles riscos para os bens e as persoas que puidesen derivarse do funcionamento da instalación exterior, manténdoo durante todo o prazo de vixencia da licenza outorgada. Dita cobertura poderá estar incluído dentro do seguro de responsabilidade civil xeral do establecemento principal, pero deberá ser reflexado con suficiente detalle.

O incumprimento deste requisito conlevará, en cada caso, a denegación ou revogación da licenza.

Artigo 21. Deber de estar ao corrente de pagos co Concello

As persoas físicas ou xurídicas que soliciten autorización para ocupar o dominio público local de conformidade co regulado na presente ordenanza, deberán estar ao corrente nos pagamentos ao Concello por calquera concepto, non podendo ter débedas de ningunha natureza que se atopen en período executivo. Deberán manter esa condición durante todo o período de ocupación, dando lugar o incumprimento da devandita obrigación á denegación da solicitude ou, no seu caso, revogación da licenza previa resolución ditada ao efecto.

A estes efectos, deberá incorporarse ao expediente certificado acreditativo negativo de débeda dos servizos económicos do concello.

Artigo 22. Limpeza, seguridade e ornato

1. Será deber dos titulares das autorizacións de instalacións obxecto da presente ordenanza a de mantelas nas debidas condicións de limpeza, seguridade e ornato. Esta obriga esténdese tanto ao espazo autorizado para a ocupación como aos espazos adxacentes, así como ao mobiliario ou elementos propios da instalación ou mobiliario urbano, nos termos recollidos na presente ordenanza.

2. Non se permitirá almacenar ou amorear produtos ou materiais xunto ás instalacións, así como residuos propios das mesmas.

3. Prohíbese a suxeición ou amarre dos elementos das terrazas, veladores ou demais instalacións autorizables que se amoreen na vía pública a elementos de mobiliario urbano, sinais de tráfico, árbores ou instalacións públicas.

Artigo 23. Conservación do dominio público e reposición dos danos

As licenzas que se outorguen obrigan aos seus titulares a conservar en perfecto estado de salubridade, hixiene, e ornato o dominio público municipal; así como a repoñer todos os danos que poidan ocasionarse como consecuencia da ocupación ou actividade desenvolta.

O Concello, tras apercibimento ao obrigado, poderá proceder á execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas reiterables trimestralmente de 600 a 6.000 € ata a completa reparación polo obrigado; ou ben executar subsidiariamente as obras de restitución e reparación con cargo á garantía prevista no artigo 17.3, no caso de terse esixido na concesión da licenza, reclamando ao responsable polo exceso dos gastos que se xeren non cubertos pola garantía.

As multas coercitivas non teñen natureza sancionadora, polo que serán independentes da posible sanción que poida derivar das infraccións cometidas de conformidade coa presente ordenanza.

Artigo 24. Deberes dos titulares de licenzas de ocupación en zonas verdes e axardinadas

As ocupacións do dominio público municipal que afecten a zonas verdes ou axardinadas, deberán de cumprir as seguintes condicións:

1. Queda prohibida calquera acción que poida danar estes espazos e os elementos, plantas ou vexetación existente neles, non podendo utilizar as redes de servizos (hidrantes, redes de rega e demais elementos das mesmas) sen contar coa autorización municipal. Calquera elemento, ou maquinaria a instalar que poida prexudicar estas zonas deberá contar con autorización municipal.

2. Deberán permanecer en todo momento libre de ocupación as arquetas e elementos de rexistro en superficie de calquera servizo público, e en particular da rega.

3. Queda prohibida a utilización de plantas e árbores como soportes para colocar, ancorar ou cravar calquera tipo de elemento, sinal ou instalación, así como a suxeición dos mesmos ao seu tronco e ramas.

CAPÍTULO II. HORARIOS E CONDICIÓNS XERAIS DE SITUACIÓN, OCUPACIÓN E COMPOSICIÓN DAS TERRAZAS

Artigo 25. Horarios

1. O horario de funcionamento das terrazas será o xeral establecido de apertura e peche de establecementos abertos ao público por Orde da Consellería competente da Comunidade Autónoma segundo o establecido no artigo 17 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, coas ampliacións ou reducións que se permitan autorizar ao concello de Laxe, así como as derivadas de normativa sectorial sanitaria ou calquera outra que sexa aplicable.

2. Unha vez finalizado o horario de funcionamento da terraza, non se permitirá a presenza de clientes na mesma nin se expenderá consumición algunha, dispoñendo a persoa ou entidade titular do establecemento de media hora máis para proceder á retirada total das instalacións e elementos que a ocupen.

Artigo 26. Condicións xerais de ocupación

1.O solicitante de licenza de terraza poderá ocupar unicamente a súa fronte de fachada. Con carácter excepcional, a ocupación poderá aumentarse cando se prevea a ocupación en espazos libres, prazas ou espazos análogos, quedando sometido en todo caso ao criterio dos servizos técnicos municipais.

2. O espazo de ocupación proxectado pola terraza deberá dar fronte a algunha das fachadas do establecemento que a serve.

3. Calquera modificación de materiais, mobiliario, pavimentos, sinais ou elementos decorativos do orixinalmente autorizado, requirirá a correspondente modificación da licenza municipal.

4. Queda prohibida a instalación nas terrazas de máquinas recreativas, de xogos de azar, billares, futbolíns ou calquera outra de características análogas. Tampouco estará permitida a instalación de barras fixas nas fachadas dos establecementos.

5. Respectaranse as distancias que se sinalan nas condicións particulares no Título III desta ordenanza aos distintos elementos de mobiliario urbano, sinais de tráfico e báculos de iluminación, garantindo a súa función e permitindo os labores de mantemento.

6. Prohíbese expresamente a instalación de equipos de son ou xeradores de ruído no exterior dos establecementos. Calquera instalación deste tipo, e de maneira excepcional por mor de eventos extraordinarios, requirirá autorización previa do Concello, de conformidade co establecido la lexislación vixente en materia espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

7. Excepcionalmente poderán autorizarse accesos adaptados (ramplas, elevadores, etc.), cando se xustifique a dispoñibilidade dos terreos, pola súa titularidade, amplitude ou calquera outra condición que a xuízo do Concello estime apropiada para iso.

8. En todo caso, na instalación do mobiliario e elementos que forman parte da terraza deberá garantirse o acceso ás arquetas, tapas ou elementos similares das canalizacións dos subministros básicos, non podendo de ningún xeito obturar ou dificultar ditos accesos.

9. Con carácter xeral, toda instalación sexa de mobiliario, tarimas, elementos accesorios sexa con carácter estable, deberá ser desmontable parcial ou totalmente para poder acceder aos elementos correspondentes ás infraestruturas subterráneas, elementos de sinalización ou calquera outra instalación susceptible de ser revisada.

Artigo 27. Superficie de ocupación

Con carácter xeral as superficies de ocupación de instalacións de terrazas deberán respectar as seguintes condicións:

1. As superficies de ocupación, tanto do solo público como de solo privado de uso público, estarán limitadas polas condicións de amplitude dos rueiros e largo das beirarrúas, prazas públicas ou privadas, polas condicións da súa categoría, vías de circulación rodada, peonís, ou de tráfico restrinxido.

2. Para a ocupación de solo con elementos pechados en solos de titularidade privada, ou privada de uso público, deberá xustificarse o cumprimento das ordenanzas do PXOM.

Artigo 28. Posición das instalacións

Con carácter xeral a posición das instalacións de terrazas deberán respectar as seguintes condicións:

1. Non se admitirán as instalacións (terrazas, expositores, etc) afastadas do local principal cando teñan polo medio unha vía de circulación rodada e requiran para o seu servizo o cruzamento dela, agás que se trate de rúas con circulación restrinxida para residentes. Quedan exceptuadas tamén as ocupacións excepcionalmente autorizadas de conformidade co disposto no artigo 26.1.

En ambos casos, requirirán de informe favorable da Policía Local.

2. Cando a ocupación se sitúe na liña límite da beirarrúa, a súa lonxitude poderá alcanzar a da fronte de fachada do edificio propio nas condicións que permita a licenza concedida en base ao disposto no artigo 26.

3. En caso de instalacións en zonas de estacionamento situadas a distinto nivel da beirarrúa, e agás que circunstancias obxectivas de calquera índole o impidan, poderase autorizar a colocación dun taboado debidamente sinalizado, que cumpra os requisitos de accesibilidade, e que deixe libre o discorrer das augas pluviais. Esta instalación contará cos requisitos de seguridade esixibles e non afectarán a circulación rodada ou ao tráfico de peóns.

4. A ocupación fronte a fachada autorizarase sempre que quede unha banda libre peonil de polo menos 1¿80 metros nas zonas urbanas consolidadas, permitindo un tránsito peonil accesible lindeiro ou adxacente á liña de fachada ou elemento horizontal que materialice fisicamente o límite edificado a nivel do solo; e sempre que non existan na devandita banda elementos do mobiliario urbano ou outros obstáculos ao tránsito de viandantes.

5. Non poderá obstaculizarse o acceso á calzada desde os portais dos predios, deixando despexados en toda a súa largura máis de 0,90 metros a cada lado, medidos desde os marcos das portas. Non se poderá dificultar a manobra de entrada ou saída nos pasos permanentes e nestes espazos non poderá colocarse tampouco mobiliario accesorio. Para peches de terrazas ou veladores, esta distancia ampliarase a 1,20 metros. Garantirase a visibilidade da saída de vehículos, para o que deberá achegarse coa solicitude documentación xustificativa suficiente para que poida avaliarse polos servizos técnicos do Concello o ángulo de visión libre de obstáculos, incorporando en todo caso documentación gráfica na que se reflicta a instalación solicitada e os obstáculos que puideran impedir a correcta visibilidade. No caso de que a instalación estea próxima a cruzamentos de vía, deberá garantirse que non se dificulta a visibilidade, e non poderán existir peches en altura superior a 1 metro.

6. As instalacións e terrazas non impedirán o libre discorrer da auga en caso de choiva, polo que preferiblemente serán elevadas, ou no seu defecto, o promotor propoñerá unha solución alternativa para evitar o estancamento de auga.

Artigo 29. Condicións das subministracións

1. Cando sexa necesaria a instalación de subministracións de electricidade ou de datos, as canalizacións deberán ser sempre soterradas, excepto imposibilidade manifesta. Neste caso, excepcionalmente, poderá autorizarse unha instalación alternativa sempre que se xustifique a súa idoneidade. Prohíbense expresamente as canalizacións, condutos ou mangueiras á vista polo chan.

2. Os contratos de servizos para estas acometidas correrán por conta do titular da autorización ou concesión e deberán estar executadas por empresas homologadas e supervisadas por técnicos titulados.

3. Presentarase a documentación técnica e xustificativa que garanta a idoneidade da instalación (boletíns, certificados, etc.).

4. As empresas subministradoras terán que verificar e acreditar que o titular dispón da correspondente autorización e licenza municipal para poder prestar a subministración.

CAPÍTULO III. DOS MATERIAIS E MOBILIARIO

Artigo 30. Toldos, parasoles e antucas

Os toldos serán de cores acordes coa contorna urbana, e non poderán ter unha altura inferior a 2,25 metros medidos desde a beirarrúa.

Artigo 31. Mesas e cadeiras

1. O módulo tipo para as terrazas e para o cálculo de aforo para a evacuación e espazos de circulación, está constituído por unha mesa e catro cadeiras enfrontadas dúas a dúas. Considerarase unha superficie de ocupación teórica por cada mesa e catro cadeiras de 1,80 x 1,80 metros cadrados, para unha mesa e dúas cadeiras de 1,80 x 0,80 metros cadrados e para unha mesa alta con catro banquetas, de 1,20 x 1,20 metros cadrados.

2. As mesas e cadeiras poderán dispoñerse como mellor conveña sempre que se permita o fácil acceso a todos os módulos.

3. As mesas e cadeiras poderanse amorear no exterior nunha zona onde non interfiran coa limpeza das beirarrúas, e deberán estar suxeitas de maneira que non poidan ser movidas de maneira accidental ou voluntaria, permitíndose a acumulación sobre os taboados e mantemento dentro das instalacións con peche estable. A superficie da zona de amoreamento deberá recollerse na documentación que se presente para a obtención do título habilitante, e se considerará, a todos os efectos, como superficie de ocupación.

4. En caso de peche provisional ou vacacións, e por un período previsto igual ou maior de 7 días, o mobiliario retirarase da beirarrúa, tanto a instalación como os elementos amoreados, deixándoa libre, tanto nos espazos públicos (en réxime de autorización ou concesión), como nos espazos privados de uso público.

Artigo 32. Expositores

1. Estes elementos e mobiliario soamente poderanse situar na fronte das fachadas dos establecementos. A súa colocación, espazos de circulación, e distancias serán as mesmas que o disposto para as terrazas. Excepcionalmente poderase autorizar unha situación distinta, lonxe da fronte do local, coas mesmas limitacións que se sinalan para as terrazas, en días de feiras ou festas locais.

2. Soamente poderanse expoñer ou anunciar produtos ou servizos propios do local ao que pertence e dá servizo.

Artigo 33. Taboados, plataformas e elementos análogos

1. Instalaranse con carácter preferente e sempre que así o permita o PXOM, a normativa vixente de accesibilidade ou lexislación sectorial de aplicación e a presente ordenanza, en beirarrúas ou prazas.

2. Poderanse instalar tarimas, taboados, plataformas e elementos análogos nos espazos destinados a aparcamento coas seguintes condicións:

a. As instalacións de tarimas, taboados, plataformas, en zonas con pendente, colocaranse de maneira que os saltos non excedan de 0,50 metros medidos desde o pavimento da rúa ata cada unha das plataformas.

b. As tarimas, plataformas ou elementos análogos, deberán instalarse de maneira que queden niveladas coa beirarrúa, ou, en todo caso, aplicando solucións construtivas que permitan o cumprimento da normativa de accesibilidade e eliminación de barreiras.

c. Os taboados serán de madeira tratada para ser instalada no exterior. Permitiranse outros materiais tales como metálicos grecados, previa conformidade dos servizos técnicos municipais, en atención a criterios de seguridade, homoxeneización e ornato público, para o que se terá en consideración instalacións análogas existentes na contorna. En todo caso, a elección do material deberá xustificarse no proxecto.

d. Os separadores e elementos de seguridade, como varandas, estarán ancorados á tarima, e requirirán o cumprimento das condicións de seguridade que impón o Código Técnico da Edificación para estes elementos.

e. O material dos separadores, paraventos e elementos de seguridade será transparente deixando ver o interior da terraza e podendo combinarse con outros materiais. Autorízase a inserción de publicidade, sempre garantindo o ornato e decoro, e a instalación de elementos verdes, tales como xardineiras ou plantas. Neste caso garantirase que a separación á calzada impide a posibilidade de incidencias coa circulación rodada.

TÍTULO III. CONDICIÓNS ESPECIAIS EN ATENCIÓN AOS ESPAZOS DE OCUPACIÓN SOLICITADA E TIPOLOXÍA DA INSTALACIÓN

 

CAPÍTULO I. INSTALACIÓNS EN ÁREAS PEONÍS, PRAZAS E ESPAZOS LIBRES DE TITULARIDADE OU USO PÚBLICO

Artigo 34. Limitacións da ocupación

1. Sen prexuízo do contido nos artigos 27, 28 e 29, nas rúas peonís, prazas e espazos libres de titularidade ou uso público, as solicitudes de ocupación resolveranse segundo as peculiaridades de cada caso en concreto, atendendo ás circunstancias particulares do espazo, do seu ancho e demais características. Disporanse de maneira que exista un itinerario peonil mínimo e libre de obstáculos de forma que se permita o paso de vehículos de emerxencias e outros vehículos autorizados.

2. As solicitudes de autorización para a instalación de terrazas nestes espazos resolveranse pola administración municipal segundo as singularidades da zona e a instalación poderá situarse preto da fachada do establecemento ou estar separada desta. No caso de verse interrompida a ocupación por un itinerario peonil existente ou requirido polo Concello, a ocupación computarase como unha unidade aos efectos da ocupación máxima. No primeiro caso, a lonxitude máxima da terraza será a da fachada do establecemento.

3. Se máis dun establecemento dun mesmo edificio solicita autorización de terraza con peche estable, cada un poderá ocupar a lonxitude do ancho que dá fronte á súa fachada. As condicións da instalación veñen recollidas no artigo 44 e seguintes da presente ordenanza.

Poderán acaroarse sempre que exista acordo entre os lindantes e que as instalacións garden homoxeneidade no seu deseño e materiais.

4. Os peches estables en espazos ou prazas peonís, con carácter xeral, manterán as mesmas condicións de afastamento que as terrazas.

CAPÍTULO II. INSTALACIÓNS EN ESPAZOS PRIVADOS DE USO PÚBLICO

Artigo 35. Aplicabilidade das condicións en solo de dominio público

As instalacións nestes espazos someteranse, ademais das determinacións sinaladas para o solo público naquilo que lle afecte, ás que se conteñen no presente Capítulo e ás determinacións do PXOM de Laxe e demais normativa urbanística de aplicación.

Artigo 36. Ocupación

Cando as instalacións descritas nesta ordenanza se sitúen en espazos privados de uso público, poderá chegar ao 100% da superficie do espazo coas limitacións de separación aos lindeiros que a normativa sectorial esixa para cada tipo de solo, tendo en conta tamén o sinalado no PXOM respecto de os usos e instalacións nos espazos privados de uso común e nos patios.

Artigo 37. Estudo de evacuación

A instalación de terrazas en espazos privados deberá garantir que se cumpren as condicións de seguridade de evacuación, para o que presentará, xunto coa documentación requirida nos artigos 54, 55 e 56, un estudo xustificativo de evacuación no que se teñan en conta as dimensións, aforo, mobiliario da terraza e a súa incidencia sobre o conxunto do local, así como unha saída a un espazo seguro.

Garantirase o cumprimento da normativa sobre accesibilidade e eliminación de barreiras, así como demais normativa que lle afecte.

Artigo 38. Limitacións por condicións acústicas

Non se permitirán as instalacións situadas en patios de mazá e espazos pechados debido á configuración arquitectónica na que se atopan.

CAPÍTULO III. INSTALACIÓNS CON PECHES ESTABLES

Artigo 39. Número de peches

Soamente permitirase o peche para a instalación de terrazas con mesas e cadeiras anexo a un establecemento de hostalería, e unicamente un peche estable por local ou establecemento. Con todo, admitirase a implantación simultánea dunha terraza sen peche e doutra cun peche estable para un mesmo establecemento.

Para a instalación destes elementos de peche estable valorarase a súa incidencia sobre os establecementos colindantes ou próximos.

Artigo 40. Patrimonio

Aqueles peches que se sitúen en zonas de especial sensibilidade paisaxística, ou preto ou afectados por elementos ou zonas catalogadas, requirirán a homologación previa por parte do concello da tipoloxía do peche para instalar, e contar coa autorización sectorial que sexa necesaria.

Artigo 41. Tránsito peonil

Nas rúas, paseos e prazas peonís o ancho mínimo de espazo de tránsito peonil será igual ou superior a 3,00 metros, sempre que exista un peche (itinerarios principais). Entre distintos peches veciños, cando non afecten a itinerarios peonís, a separación entre eles será como mínimo de 1,00 metro, podendo acaroarse con acordo entre titulares lindeiros, e sempre que o deseño e materiais sexan homoxéneos e os servizos técnicos da corporación dean a súa conformidade. A ocupación terá unha aliñación constante evitando crebas ao longo das liñas de fachada.

Artigo 42. Alturas

A altura exterior máxima da estrutura será de 3 metros. No interior do peche a altura mínima será de 2,50 metros. Ningún punto exterior que voe sobre o espazo público poderá ter unha altura inferior a 2,25 metros.

No caso de estar próxima a cruzamentos de vías ou saídas de predios ou garaxes con incorporación ás vías, limitarase a altura para garantir a seguridade viaria, de acordo cos informes técnicos municipais e da Policía Local.

Artigo 43. Situación

1. Cumpriranse as condicións de emprazamento sinaladas con anterioridade para as terrazas. As condicións de seguridade, tanto do inmoble como da contorna, non se verán afectadas pola presenza da instalación.

Deberá garantirse:

a. Os peches estables retranquearanse das paradas de transporte público regulamentariamente establecidas, e dos pasos de peóns en toda a súa lonxitude.

b. As saídas de emerxencia quedarán libres en todo o seu ancho, retranqueándose o peche a unha distancia maior de 1,00 metro a cada lado das devanditas saídas.

c. Os peches retranquearanse como mínimo 0,50 metros dos pasos de vehículos, medido desde os seus extremos na aliñación do bordo da beirarrúa.

d. A distancia dos elementos do peche ao borde da beirarrúa, cando este exista, será como mínimo de 0,50 metros, podendo ser ampliada por razóns de interese público. En todo caso, cando os peches se sitúen próximos a zonas de aparcamento a separación ao borde será de 0,80 metros, ampliándose en caso de coincidir con aparcamentos reservados segundo a normativa de accesibilidade, nese caso estarase ao disposto pola normativa correspondente. Os maceteiros e elementos axardinados existentes no espazo en que se instale o peche estarán totalmente libres e serán accesibles, para ese fin existirá unha franxa mínima de 0,50 metros ao seu ao redor totalmente despexada, medida desde o seu bordo exterior, que pode ser ampliada cando o interese público así o xustifique.

2. Manterase unha distancia de 1,00 metro en todo o seu perímetro aos distintos elementos do mobiliario urbano, sinais de tráfico, báculos de iluminación e outros servizos municipais, de modo que queden totalmente libres, garantindo en todo momento a súa función e permítanse os labores de mantemento.

3. Nas zonas obxecto de especial protección polas súas características paisaxísticas, arquitectónicas, ambientais, de patrimonio ou calquera outra de conformidade coa normativa urbanística e sectorial vixente, o concello poderá establecer as condicións de homologación das instalacións autorizables, previo informe favorable do organismo sectorial competente e sen prexuízo do disposto no artigo 52.

4. Toda aquela instalación que poida afectar o tráfico rodado deberá contar co informe favorable da Policía Local, en particular no referente aos cruzamentos de vías.

Artigo 44. Peches estables pegados a fachadas

1. Con carácter xeral, non se permitirá o peche de terrazas pegadas ás fachadas dos locais que dean a rúas de circulación rodada, ás fachadas principais dos edificios, ou naqueles lugares que distorsionen a imaxe da contorna.

2. Exceptúanse os que se sitúen en prazas públicas, espazos públicos ou privados de uso público ou en vías de circulación restrinxida que polas súas características (pendente, posición, etc) non sexan aptas para ser considerados como itinerarios peonís e, polo tanto, non lles sexa de aplicación a normativa de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas, sempre que posúan dimensións suficientes para garantir o correcto uso dos espazos en cumprimento do fin para o cal se crearon e sempre que se cumpran, ademais, as seguintes condicións particulares:

a. Calquera punto dunha instalación pechada distará mais de 0,50 metros de calquera oco de entre-solos e primeiras plantas do edificio mais próximo.

b. As separacións e retranqueos serán os sinalados no artigo 43.

Nos peches estables pegados ás fachadas, no caso de ser autorizados de conformidade co disposto neste artigo, admítese a instalación de reixas de conduto de aire acondicionado con prolongación dos condutos interiores, cumprindo o réxime de distancias recollido na normativa vixente. Poderán dispoñer de climatización e calefacción.

Artigo 45. Instalacións e acometidas nos recintos con peche estable

As terrazas con peches estables non pegadas á fachada do establecemento poderán dispoñer da correspondente acometida subterránea para o abastecemento de enerxía, de acordo co artigo 30 desta ordenanza, tomando como orixe desta a do local. Quedan prohibidas as acometidas de gas, auga ou saneamento e a utilización de aparellos que requiran como combustible materias susceptibles de explotar ou inflamarse, ou que xeren substancias desa natureza.

Os equipos de aire acondicionado instalaranse no seu interior e as reixas cumprirán coa normativa vixente en materia ambiental. Poderán dispoñer de climatización e calefacción.

Artigo 46. Instalación eléctrica

A instalación eléctrica de iluminación para a terraza deberá reunir as condicións que establece o Regulamento electrotécnico para baixa tensión. Os condutos adaptaranse ao exposto no artigo 29 desta ordenanza. En ningún caso a iluminación poderá cegar ou producir molestias á veciñanza, viandantes ou vehículos.

Artigo 47. Extintores

As terrazas con peches estables, deberán cumprir a normativa contra lumes do Código Técnico da Edificación, dispoñendo dos extintores necesarios e adecuados, alumeado de emerxencia e de sinalización, que deben contar cun contrato de mantemento e revisión por empresa autorizada.

Artigo 48. Ancoraxes

Prohíbese a ancoraxe do mobiliario e das instalacións complementarias ao solo público, excepto as cubertas estables e proteccións laterais e perimetrais que cumpran as condicións establecidas na ordenanza.

Artigo 49. Condicións xerais

1. As ocupacións previstas no presente Título terán as mesmas limitacións que as establecidas para as terrazas no Título II da ordenanza e serán obxecto de autorización nos mesmos termos establecidos para aquelas, salvo o indicado nos apartados seguintes.

2. Non obstante o anterior, as solicitudes que se formulen para estas ocupacións en rúas peonís, prazas e outros espazos de características singulares, requirirán en cada caso un estudo individualizado atendendo á morfoloxía específica de cada un deles, a súa funcionalidade peonil, a compatibilidade con outros usos.

3. Os elementos e instalacións cos que se ocupe o dominio público non poderán ser de carácter fixo e deberán quedar recollidos no interior do establecemento unha vez finalizado o horario de apertura do mesmo.

4. A persoa ou entidade titular da autorización será responsable diariamente de manter en condicións de seguridade, salubridade, limpeza e ornato o espazo ocupado, o mobiliario ou elementos vinculados e a súa zona de influencia.

Artigo 50. Máquinas expendedoras

A instalación de máquinas e dispositivos automáticos expendedores de bebidas e alimentos autorizados, e de toda clase de produtos, unicamente poderán situarse dentro dos recintos da actividade principal, quedando excluída calquera ocupación da terraza, sexa espazo privado ou dominio público, para ditas finalidades.

TÍTULO IV. PROCEDEMENTO COMÚN DE OUTORGAMENTO DE LICENZAS

Artigo 51. Solicitudes

1. A licenza de terraza, e no seu caso a de ocupación do dominio público municipal, poderá ser instada polas persoas ou entidades interesadas que cumpran os requisitos subxectivos do artigo 7 da presente ordenanza, mediante solicitude que se presentará por calquera dos medios legalmente admitidos, á que se acompañarán os documentos que se indican na presente norma ou os específicos detallados nos formularios facilitados para os efectos polo Concello de Laxe para cada tipo de ocupación.

2. No caso de solicitude por persoa xurídica, deberá aportarse xunto coa solicitude a acreditación da representación por calquera medio válido en Dereito, debendo tramitar a solicitude obrigatoriamente a través de medios telemáticos de conformidade co previsto nos artigos 5 e 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

Artigo 52. Autorizacións, denegacións e outras limitacións.

1. As licenzas outorgaranse directamente á persoa ou entidade solicitante que reúna os requisitos ou condicións que se establezan para cada suposto concreto. Maila o anterior, o cumprimento por peticionarios dos devanditos requisitos non implica dereito algún ao seu favor, podendo o Concello conceder ou denegar as peticións de maneira motivada, atendendo de forma especial ao interese xeral fronte o particular.

2. A implantación das instalacións reguladas na presente ordenanza requiren en todo caso a previa obtención da licenza municipal nos termos previstos na mesma. Cando sexa necesario a obtención de previas autorizacións sectoriais, estas serán vinculantes.

3. As autorizacións quedarán condicionadas a que se garanta o acceso para a utilización regular ou reparación das bocas de rega, tapas e rexistros e outras instalacións que estivesen na súa área de ocupación.

4. A autoridade municipal competente poderá, de maneira suficientemente razoada, denegar a solicitude destas instalacións temporais en base a incumprimentos regulados nesta ordenanza ou na normativa aplicable para as actividades que se desenvolven nelas.

5. As autorizacións poderán ser revogadas unilateralmente polo Concello en calquera momento por razóns de interese público, sen xerar dereito a indemnización, cando resulten incompatibles coas condicións xerais aprobadas con posterioridade, produzan danos no dominio público, impidan a súa utilización para actividades de maior interese público, exista incumprimento sistemático das condicións da autorización, ou menoscaben o uso xeral.

6. O Concello poderá limitar ou condicionar as instalacións de terrazas, taboados, expositores, e demais elementos autorizables por esta ordenanza, nos lugares afectos á protección do patrimonio, elementos catalogados, espazos de valor singular, de paisaxe aberta, ou calquera outro que a xuízo do concello requira un tratamento especial, de maneira que as condicións estéticas, de publicidade, dos materiais, cores e demais características, sexan apropiados para os devanditos elementos ou contornas.

7. Aínda cando un espazo reúna todos os requisitos para a colocación dunha instalación, esta poderá non autorizarse ou autorizarse con dimensións inferiores ás solicitadas cando a súa instalación concorra con outras ocupacións do dominio público -sexa para a mesma instalación ou doutro tipo- que conten coa autorización pertinente ou teñan tan só formulada solicitude con carácter previo.

8. Durante o horario en que permaneza instalada e en funcionamento a terraza ou calquera outra instalación autorizada por esta ordenanza, non poderán rexistrarse niveis de recepción sonoros procedentes da mesma superiores aos establecidos na lexislación vixente en materia de contaminación acústica.

No caso de que se presenten reiteradas queixas ou reclamacións por molestias habituais debidas ao ruído procedente da terraza dun establecemento, que conleven perturbación grave do descanso nocturno, afectando á tranquilidade e ao exercicio de dereitos lexítimos doutras persoas, e sexan debidamente acreditadas e constatadas pola Policía Local, o
Concello poderá, previa audiencia ao titular da instalación, limitar o horario de funcionamento, así como o número de mesas autorizadas, podendo mesmo revogarse a autorización concedida.

No caso de que no transcurso dun ano desde que a redución de horario se fixese efectiva e se non se produciron máis queixas ou reclamacións por ruído, o titular da autorización poderá solicitar que o horario autorizado para a instalación sexa o que dispón o artigo 25 da Ordenanza.

9. Así mesmo, tampouco non se permitirán instalacións ou actividades xeradoras de concentracións de fumes e olores que perturben a normal convivencia veciñal.

Artigo 53. Procedemento xeral

De conformidade co artigo 42 ter da Lei Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competividade económica de Galicia, e no caso de ocupación de dominio público, nos artigos 92.1 da Lei de Patrimonio das administracións públicas, e o artigo 74.1. e 77 do Regulamento de bens das entidades locais, as licenzas de terrazas se outorgarán directamente aos peticionarios que reúnan as condicións requiridas tras seguir o procedemento establecido nos seguintes artigos e de conformidade co previsto na normativa básica de procedemento administrativo das administracións públicas, así como as que poidan conterse nas normas reguladoras da tramitación doutras autorizacións administrativas que puidesen ser esixibles.

Artigo 54. Contido mínimo da solicitude e prazo para a súa presentación

1. O procedemento iniciarase mediante solicitude formulada en soporte físico ou electrónico, debendo conter, ademais dos datos identificativos adecuados segundo a normativa de procedemento administrativo, a documentación descritiva e gráfica suficiente para definir a instalación a realizar, de conformidade co establecido no artigo seguinte da presente ordenanza.

2. Se a solicitude de iniciación non reunise os requisitos que se establecen na presente ordenanza ou a documentación estivese incompleta, requirirase á persoa ou entidade solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou acompañe os documentos, con indicación de que se así non o fixese, teráselle por desistido da súa petición, arquivándose a mesma previa resolución municipal en tal sentido.

3. As solicitudes deberán presentarse cunha antelación mínima de dous meses ao inicio da ocupación pretendida.

Artigo 55. Documentación

1. As solicitudes de autorización que se presenten para unha nova instalación ou para a modificación dunha xa concedida, sempre por medios electrónicos cando así o esixa a normativa, irán acompañadas da seguinte documentación:

a. Nome ou razón social e dirección do local do establecemento hostaleiro desde o que se atenderá a terraza solicitada.

b. No seu caso, acreditación da representación mediante calquera medio válido en Dereito que deixe constancia fidedigna da súa existencia.

c. Fotocopia do título habilitante da actividade principal, ou referencia ao seu expediente de concesión ou transmisión ou comunicación previa, agás que se acompañe fotocopia da instancia correspondente.

d. Planos onde se reflictan con detalle suficiente: a situación segundo a cartografía do PXOM, a superficie de ocupación, a lonxitude das fachadas do establecemento, a súa superficie útil e construída, as medidas das beirarrúas e dos espazos de circulación peonil adaptados á normativa, e disposición e cotas de todos os elementos de mobiliario urbano e de servizos (árbores, rexistros, xardíns, sinais, etc), así como zonas de protección referidas aos pasos de peóns, vaos, etc.

e. Fotografías das mesas, cadeiras, parasoles ou antucas e demais instalacións que pretendan instalarse, agás que se trate de mobiliario habitual e estándar que quede perfectamente identificado con outras referencias.

f. Documento acreditativo da vixencia e de estar ao corrente no pago da póliza de seguros de responsabilidade civil, ou declaración onde faga constar o compromiso de contratación dos seguros que esixe a Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

g. Documentación técnica que permita avaliar polos servizos técnicos do Concello o espazo libre de obstáculos mínimo regulado nesta ordenanza. De ser o caso, tamén deberá achegarse Memoria técnica referente ás condicións de cumprimento da normativa de obrigado cumprimento (CTE, accesibilidade, etc).

h. Autorizacións sectoriais que sexan preceptivas.

i. Documento de autoliquidación e ingreso da taxa polo aproveitamento especial pretendido segundo resulte da aplicación da correspondente ordenanza fiscal, en concepto de depósito previo, a conta da liquidación definitiva que efectuarase na resolución do outorgamento de licenza.

j. No caso de solicitarse ocupación en solo privado de uso público, a acreditación da titularidade da propiedade privada.

2. No caso de instalacións situadas en solo de titularidade e uso privado incluirase, ademais, como documentación específica:

a. Acreditación da propiedade ou título xurídico que habilite para a utilización privativa do espazo.

b. Calquera outro documento gráfico que defina a contorna dos edificios próximos (vista aérea 3D, etc.)

c. Estudo de evacuación de conformidade co disposto no artigo 37 da presente ordenanza.

Artigo 56. Documentación adicional das solicitudes de terrazas con cubertas estables, carpas e instalacións eventuais análogas

1. As licenzas de terrazas, sexan en espazos privados ou ocupacións do dominio público, mediante cubertas estables, carpas ou outras estruturas ou instalacións análogas de carácter eventual, portátil ou desmontable, estarán suxeitas ao outorgamento de previo título urbanístico habilitante municipal.

A tramitación da solicitude do título habilitante urbanístico está suxeito á previa autoliquidación e ingreso da taxa por expedición de licenzas urbanísticas; e a execución da obra ou instalación estará suxeita ao imposto sobre construción, instalación e obras.

2. A documentación que se presente incluirá proxecto de instalación subscrito por técnico competente; salvo nos supostos de instalacións de escasa complexidade técnica ou que polas súas características non o requiran, nese caso o citado proxecto substituirase por:

a. Declaración responsable, subscrita polo técnico asinante do certificado final de montaxe, na que manifeste, baixo a súa responsabilidade, que as instalacións son de escasa complexidade técnica e/ou polas súas características non requiren proxecto de instalación, e que se cumpre toda a normativa urbanística de aplicación.

b. Memoria coa descrición detallada e especificacións técnicas de todos os elementos e instalacións que se prevexan utilizar e planos dos mesmos.

3. Unha vez outorgado o título habilitante urbanístico e concluída a montaxe das instalacións, a persoa promotora deberá presentar un certificado final de montaxe subscrito por técnico competente, no que se acredite que aquelas se axustan ao proxecto ou memoria presentados e reúnen as medidas necesarias que garantan a adecuada solidez, resistencia, estabilidade, flexión e demais condicións técnicas esixibles, xunto cunha medición acústica, de ser necesaria.

A falta de presentación da anterior certificación deixará sen efecto o título habilitante urbanístico, previa resolución do órgano competente, e levará a prohibición de poñer en funcionamento as instalacións correspondentes.

Artigo 57. Instrución do procedemento

1. Presentada a solicitude, os servizos municipais competentes realizarán unha primeira comprobación de cumprimento formal dos requisitos da solicitude.

2. Ademais de requirir á subsanación da solicitude cando non reúna os requisitos esixidos, poderase requirir ao solicitante a modificación ou mellora voluntaria dos termos daquela, de conformidade co artigo 68.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

3. Poderá acordarse a comprobación da veracidade dos datos reflectidos na solicitude, a adecuación da ocupación instada aos intereses xerais e da ordenanza, así como ao resto do ordenamento xurídico de aplicación. Como regra xeral, incorporará informe técnico e xurídico.

4. Previamente ao outorgamento ou denegación da autorización, o servizo municipal encargado da tramitación poderá solicitar informes da Policía Local respecto dos datos que obren nos mesmos sobre o funcionamento da actividade de que se trate e, no seu caso, dos antecedentes existentes acerca da ocupación con terraza no mesmo emprazamento, atendendo, en especial, ás sancións firmes por incumprimento das normas reguladoras das ocupacións regulada pola presente ordenanza, durante o ano en curso e o exercicio inmediatamente anterior á solicitude de ocupación por un mesmo titular.

Aos mesmos efectos, tamén poderá tomarse en consideración a existencia de reiteradas denuncias veciñais acerca do funcionamento da actividade ou da súa terraza, sempre que as mesmas fosen contrastadas e valoradas coas debidas garantías polos servizos municipais competentes.

5. O informe-proposta de resolución elevarase ao órgano competente, pronunciándose de maneira motivada a favor ou en contra de outorgar a licenza e sinalando todas as limitacións ás que deba quedar sometida, especialmente cando se aparten do pedido polo solicitante.

Artigo 58. Resolución

1. A resolución que se dite poñerá fin ao procedemento administrativo e habilitará, se é o caso, ao seu titular para a ocupación do dominio público ou espazo privado de uso público nas condicións e cos requisitos que nela establézanse.

2. As resolucións serán en todo caso motivadas, especialmente as denegatorias e as que introduzan limitacións ao pedido polo solicitante.

3. As resolucións que outorguen a licenza conterán as seguintes condicións particulares:

a) Titular da licenza e nome ou razón social, dirección do local do establecemento hostaleiro desde o que atenderase á terraza., así como descrición da actividade autorizada.

b) Localización e delimitación exacta do espazo que autorízase a ocupar con mención do nome da vía, número do edificio máis próximo e todos os demais datos identificativos necesarios.

c) Extensión da superficie da terraza autorizada en metros cadrados.

d) O tipo de instalación (cuberta ou con desmontable).

e) Número de mesas, cadeiras, parasoles ou antucas, así como -no seu caso -os toldos e elementos xeradores de calor e frío ou outros auxiliares que se autorizan e, cando fose necesario, a súa situación.

f) Período para o que se autoriza a terraza.

g) Adicionalmente, as licenzas para os peches estables indicarán o aforo máximo, así como a referencia á prohibición de colocación de ningún elemento no exterior do peche.

4. A notificación da resolución conterá o texto íntegro desta e, ademais, unha indicación dos principais deberes, obrigacións e condicións xerais á que queda sometida a licenza.

5. Á notificación da resolución, aos efectos do disposto en apartados anteriores, acompañarase do documento que conteña as condicións particulares, que deberá estar dispoñible no establecemento segundo o establecido no artigo 18.2.

6. Sen prexuízo de que subsista a obrigación de resolver, transcorridos tres meses desde a presentación da solicitude, poderase entender desestimada para os efectos de interpoñer os recursos que procedan.

7. Ao ditarse resolución, procederase á liquidación definitiva das taxas e aos ingresos complementarios ou devolucións que procedan de acordo co disposto na correspondente ordenanza fiscal. Así mesmo, axustarase a garantía presentada ao que resulte da anterior liquidación definitiva.

Artigo 59. Procedemento abreviado no caso de renovación

1. Nos supostos en que a persoa solicitante sexa titular de licenza de terrazas, e no seu caso de ocupación do dominio público, en períodos anteriores e rematara o prazo de autorización, poderá solicitar a renovación da licenza e autorización de ocupación para sucesivas anualidades seguintes con idénticas características en todos os seus extremos.

2. A estes efectos, a persoa solicitante deberá presentar unha solicitude que irá acompañada da seguinte documentación:

a. Nome ou razón social e dirección do local do establecemento hostaleiro desde o que se atenderá a terraza solicitada.

b. No seu caso, acreditación da representación mediante calquera medio válido en Dereito que deixe constancia fidedigna da súa existencia.

c. Fotocopia do título habilitante da actividade principal, ou referencia ao seu expediente de concesión ou transmisión ou comunicación previa, agás que se acompañe fotocopia da instancia correspondente.

d. Declaración responsable onde se manifeste que a documentación técnica presentada con anterioridade será a mesma que sirva de base para a renovación da licenza, e no seu caso ocupación do dominio público, e que non se varía a superficie de ocupación, a lonxitude das fachadas do establecemento e a súa superficie útil e construída.

e. Documento acreditativo da vixencia e de estar ao corrente no pago da póliza de seguros de responsabilidade civil, ou declaración onde faga constar o compromiso de contratación dos seguros que esixe a Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

f. No seu caso, acreditación de que as autorizacións sectoriais preceptivas seguen vixentes.

g. Documento de autoliquidación e ingreso da taxa polo aproveitamento especial pretendido segundo resulte da aplicación da correspondente ordenanza fiscal, en concepto de depósito previo, a conta da liquidación definitiva que efectuarase na resolución do outorgamento de licenza.

h. No caso de que a ocupación afecte a solo de titularidade privada, na declaración responsable deberá expresarse que se mantén vixente a mesma acreditación da titularidade da propiedade privada contida no expediente orixinal.

3. Cando se refira a instalacións relativas ao artigo 56 da presente ordenanza, ademais deberá achegarse:

a. Declaración responsable asinada por técnico competente onde se manifeste a vixencia da documentación técnica, o correcto estado da instalación e montaxe referidos á documentación inicial presentada.

b. Memoria que conteña a vixencia da descrición detallada e especificacións técnicas de todos os elementos e instalacións que se seguirán a utilizar, xunto coa planimetría.

c. Certificado subscrito por técnico competente sobre o mantemento das condicións da montaxe, onde se que se manteñen as medidas necesarias que garantan a adecuada solidez, resistencia, estabilidade, flexión e demais condicións técnicas esixibles, xunto cunha medición acústica, de ser necesaria.

TÍTULO V. RESTABLECEMENTO DA LEGALIDADE E RÉXIME SANCIONADOR

 

CAPÍTULO I. RESTABLECEMENTO DA LEGALIDADE

Artigo 60. Inspección e control

1. O Concello estará facultado en todo momento para a inspección e control das ocupacións, instalacións e actividades que leven a cabo ou se sitúen no dominio público ou nos espazos privados de uso público do termo municipal de Laxe.

2. A Policía Local, ou aquel persoal do Concello de Laxe habilitado para a realización das labores de inspección, levantará acta das incidencias que se produzan.

3. As actas ou denuncias que se realicen polo persoal do Concello previsto no apartado anterior, terán valor probatorio nos procedementos a que se incorporen segundo o disposto no artigo 77.5 da Lei 39/2015 de procedemento administrativo común. Poderanse achegar con igual valor probatorio fotografías e demais documentos e material gráfico que reflictan a situación da terraza e demais feitos relevantes para as actuacións administrativas que deban seguirse.

Artigo 61. Advertencias e requirimentos de corrección

1. Cando se detecten incumprimentos que non comporten prexuízo grave dos intereses xerais aquí protexidos e que non demostren unha manifesta vontade de transgresión, a Administración, se o estima adecuado ás circunstancias, poderá optar inicialmente por limitarse a advertir ao infractor da súa situación irregular e a requirirlle para que no prazo breve que se sinale realice as modificacións ou actuacións necesarias.

2. Estas advertencias e requirimentos realizaraos a Policía Local, ou quen realice as funcións de inspección, sen máis requisito que deixar constancia escrita do seu contido e da data en que se pon en coñecemento do interesado. A estes efectos, bastará a entrega de copia da acta de inspección en que conste, ou simple comunicación escrita debidamente notificada.

3. Contra estas advertencias e requirimentos, que non son executivos nin executorios, non caberá recurso ningún, con independencia de que o interesado, se o desexa, poida facer por escrito as alegacións que teña por convenientes.

4. Posteriormente farase un seguimento para comprobar se se realizaron os cambios indicados e, se non se atendeu voluntariamente o requirimento ou se o interesado discrepa do seu contido, procederase conforme o disposto nos artigos seguintes.

Artigo 62. Ordes de cumprimento inmediato

1. A instalación dunha terraza sen licenza ou excedendo claramente do autorizado, conlevará a inmediata retirada da mesma e dos elementos perturbadores en caso de existir.

2. De non darse cumprimento rápido e dilixente á orde, procederase directamente polos servizos municipais a realizar as actuacións necesarias para evitar a perturbación dos intereses xerais. En particular, alén doutras accións que resulten pertinentes e proporcionadas, como medida de policía o Concello poderá retirar e intervir preventivamente os elementos da instalación non autorizada, deixando en depósito os elementos que se retiren, sendo en todo caso a conta dos solicitados o custo de mantemento nas dependencias municipais e da súa retirada.

3. En igual forma á indicada no apartado anterior, procederase cando non poida coñecerse quen realizou a instalación e ninguén se faga responsable dela.

4. Destas actuacións levantarase a correspondente acta.

Artigo 63. Restablecemento ordinario da legalidade

1. Cando se detecten incumprimentos que non reúnan os requisitos do artigo anterior, o servizo municipal competente ordenará, segundo proceda, o cesamento da instalación da terraza con retirada de todos os seus elementos ou só dos elementos contrarios a esta Ordenanza e á licenza, ou a corrección das deficiencias ou actuacións que procedan.

2. O procedemento seguirase conforme as regras xerais do Título IV da Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das Administración Públicas, e terá unha duración máxima de seis meses. Nel, consonte o artigo 56 da devandita Lei, adoptaranse as medidas provisionais necesarias para asegurar durante a tramitación os intereses xerais.

No suposto en que o incumprimento constitúa algunha infracción urbanística de conformidade coa normativa en vigor, estarase ao procedemento disposto na Lei 2/2016 do solo de Galicia e o seu Regulamento, sen prexuízo do disposto nos artigos 74 e 75.

3. Con todo, as ordes ás que se refire este artigo, poderán tamén adoptarse no procedemento sancionador que se siga polos mesmos feitos ou no de revogación da licenza por incumprimento das súas condicións.

4. Se durante a tramitación do procedemento se realizaran polo obrigado todas as actuacións necesarias para a plena adaptación á legalidade, incluída, no seu caso, a obtención da correspondente licenza, a resolución declararao así.

5. As medidas adoptadas, incluso as provisionais, serán de contado executivas e, agás que se acorde a súa suspensión en vía de recurso, deberán cumprirse polo titular da terraza no prazo sinalado na resolución ou, na súa falta, en dez días, transcorrido o cal procederase á execución forzosa, alén da incoación do procedemento sancionador.

6. A execución forzosa realizarase, como regra xeral, por execución subsidiaria. Con todo, poderanse impoñer previamente multas coercitivas nos casos e contías permitidos polas Leis que resulten de aplicación a determinados supostos.

7. No caso de transmisión da titularidade da licenza, unha vez iniciado o procedemento, o novo titular só adquirirá a condición de interesado desde o momento en que iso se comunique aos servizos de urbanismo do concello.

8. O disposto neste artigo e nos dous anteriores enténdese sen prexuízo das prerrogativas municipais respecto á recuperación posesoria dos seus bens de dominio público recoñecidas polas leis e regulamentos, tales como as de recuperación de oficio, particularmente cando coas terrazas, pola forma en que se instalen e ocupen o espazo, prodúzanse verdadeiras usurpacións.

CAPÍTULO II. INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

Artigo 64. Compatibilidade

As responsabilidades administrativas que resulten do procedemento sancionador serán compatibles coa esixencia ao infractor da reposición da situación alterada ao seu estado orixinario, así como coa indemnización polos danos e perdas causados.

Artigo 65. Procedemento

O exercicio da potestade sancionadora requirirá o procedemento e aplicación dos principios que prevé a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Artigo 66. Suxeitos responsables

Serán responsables das infraccións as persoas físicas ou xurídicas titulares das instalacións.

Artigo 67. Clasificación das infraccións

Serán infraccións contra esta ordenanza as accións ou omisións que contraveñan o disposto nela. As infraccións desta ordenanza clasifícanse en leves, graves e moi graves.

1. Son infraccións leves:

a. A falta de ornato ou limpeza da instalación ou da súa contorna, así como ter acumuladas tres advertencias e requirimentos de corrección das reguladas no artigo 61 da presente ordenanza.

b. Almacenar ou amontoar produtos, envases ou residuos na zona de terraza ou en calquera outro espazo da vía pública sen autorización, así como a colocación de máquinas e dispositivos expendedores.

c. Atender aos usuarios da terraza ocupen espazos distintos dos autorizados.

d. A realización de ancoraxes ao solo, salvo nos casos autorizados expresamente pola licenza.

e. A non presentación do documento de autorización aos axentes da autoridade ou funcionarios competentes que o requiran no caso de inspección.

f. Incumprimento de calquera outra obrigación prevista nesta ordenanza que non sexa constitutiva de infracción grave ou moi grave.

2. Son infraccións graves:

a. A comisión de tres faltas leves no período de 1 ano cando así se declarase por resolución firme.

b. A instalación de elementos de mobiliario urbano non previstos na autorización ou en número maior dos autorizados.

c. A ocupación dunha superficie maior á autorizada en máis do 25 por cento e en menos do 75 por cento, ou o incumprimento doutras condicións da delimitación.

d. A carencia do seguro obrigatorio.

e. A instalación de elementos prohibidos na presente ordenanza, instrumentos ou equipos musicais ou calquera outra instalacións non autorizadas pola licenza ou fóra do horario.

f. A ocultación, manipulación ou falsificación dos datos ou da documentación presentados para a obtención da correspondente autorización.

g. A instalación de terrazas sen autorización ou fóra do período autorizado, cando disto derive unha perturbación relevante da convivencia que afecte de maneira grave, inmediata e directa á tranquilidade; ou ao exercicio de dereitos lexítimos doutras persoas; cando dificulte o uso ou funcionamento dun servizo público ou supoña unha deterioración grave de equipamentos, infraestruturas, instalacións de servizos públicos, espazos públicos ou calquera das súas instalacións.

h. A celebración de espectáculos ou actuacións non autorizadas de forma expresa, cando disto derive unha perturbación relevante da convivencia que afecte de maneira grave, inmediata e directa á tranquilidade; ou ao exercicio de dereitos lexítimos doutras persoas; cando dificulte o uso ou funcionamento dun servizo público ou supoña unha deterioración grave de equipamentos, infraestruturas, instalacións de servizos públicos, espazos públicos ou calquera das súas instalacións.

i. Incumprir o deber de limpar a terraza, os seus elementos vinculados e zonas adxacentes, con dano para a hixiene ou ornato públicos.

j. Causar danos ao dominio público por valor inferior a 3.000 euros.

3.Son infraccións moi graves:

a. A ocupación dunha superficie maior á autorizada en máis do 75 por cento.

b. A alteración da sinalización contemplada no artigo 19, cando isto derive nun exceso da ocupación autorizada pola licenza ou non permita o correspondente control da legalidade municipal polos axentes inspectores.

c. Incumprimento da orde de suspensión inmediata da instalación cando disto derive unha perturbación relevante da convivencia que afecte de maneira grave, inmediata e directa á tranquilidade; ou ao exercicio de dereitos lexítimos doutras persoas; cando dificulte o uso ou funcionamento dun servizo público ou supoña unha deterioración grave de equipamentos, infraestruturas, instalacións de servizos públicos, espazos públicos ou calquera das súas instalacións.

d. O incumprimento das ordes acordadas en virtude do artigo 62, sen prexuízo de que, ademais, constitúa infracción a transgresión que deu orixe a que se produciran tales ordes.

e. Causar danos ao dominio público por importe superior a 3.000 euros.

Artigo 68. Sancións

A comisión das infraccións previstas nesta ordenanza levará emparellada a imposición das seguintes sancións:

a. As infraccións leves sancionaranse cunha multa de 150 € a 400 €.

b. As infraccións graves sancionaranse cunha multa de 401 € ata 800 € e coa revogación da autorización se concorren as circunstancias agravantes previstas no artigo seguinte.

c. As infraccións moi graves sancionaranse cunha multa de 801 € ata 2.500 € e conlevará en todo caso a revogación da autorización, impedindo a obtención da mesma autorización polo mesmo titular por un período mínimo dun ano natural a contar desde a resolución firme da sanción.

Artigo 69. Circunstancias agravantes ou atenuantes da responsabilidade

Para a modulación das sancións atenderase ao principio de proporcionalidade e, en especial, á existencia de intencionalidade ou reiteración no incumprimento do disposto na presente ordenanza, a natureza dos prexuízos causados, o beneficio obtido coa súa realización e a reincidencia na comisión no prazo dun ano de tres infraccións da mesma natureza cando así o declare resolución firme.

Igualmente, terase en conta a vontade de adecuarse inmediatamente á legalidade tras as advertencias e requirimentos previstos no artigo 61 ou, pola contra, a continuación na infracción tras ser efectuados.

Artigo 70. Prescrición das infraccións e sancións

As infraccións e sancións previstas na presente ordenanza prescribirán segundo o disposto no artigo 30 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público.

Artigo 71. Sancións en caso de concurso de infraccións

Ao responsable de dúas ou máis infraccións, xa sexan as tipificadas nesta Ordenanza ou noutras normas, e mesmo aínda que as realizase cun só acto, impoñeránselle todas as sancións correspondentes a cada unha delas.

Artigo 72. Concurso de normas sancionadoras

1. Non poderá sancionarse dúas ou máis veces ao mesmo suxeito polo mesmo feito e pola mesma lesión a idéntico interese xeral, aínda que a conduta estea tipificada en dúas normas. Nestes casos de concurso de normas, a única aplicable elixirase conforme ás seguintes regras:

a) Serán en todo caso de preferente aplicación as normas sancionadoras da lexislación estatal ou autonómica respecto ás deste Capítulo.

b) Cando se trata de distintas normas sancionadoras desta Ordenanza, aplicarase a que comporte maior contía.

c) No caso de normas sancionadoras desta Ordenanza, e doutras de diferentes Ordenanzas, aplicarase a que comporte maior sanción.

2. Aínda que en virtude do apartado anterior non cheguen a impoñerse as sancións previstas nesta Ordenanza, acordaranse as demais medidas non sancionadoras establecidas nela, como a de revogación da licenza de terraza e as necesarias para o restablecemento da legalidade.

Artigo 73. Reclamación das taxas

En todos os supostos de ocupación sen licenza, ou superando os termos desta, alén das multas e demais medidas que procedan, procederase a liquidar e a esixir as taxas non pagadas correspondentes ao período en que se veu producindo o aproveitamento do dominio público, segundo o establecido na correspondente ordenanza fiscal, a lexislación de facendas locais e demais lexislación tributaria. Así mesmo, no seu caso, procederá impoñer as sancións tributarias que resulten pertinentes.

DISPOSICIÓN ADICIONAL ÚNICA

Facúltase á Alcaldía-Presidencia para ditar as disposicións ou instrucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación da presente ordenanza.

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

Primeira. As autorizacións concedidas con anterioridade á entrada en vigor desta ordenanza para a instalación de terrazas quedarán suxeitas ao réxime vixente no momento da concesión, ata a finalización do prazo previsto nas mesmas.

Segunda. En todo caso, as autorizacións e licenzas concedidas con anterioridade á entrada en vigor desta ordenanza para a instalación de terrazas terán un prazo de duración máxima de 4 anos desde a entrada en vigor desta ordenanza, debendo tramitarse cando se cumpra dito prazo unha solicitude adaptada a esta ordenanza.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta ordenanza.