Miño - ORDENANZA REGULADORA DA PROTECCIÓN DE CAMIÑOS E VÍAS DE TITULARIDADE MUNICIPAL CON MOTIVO DA EXECUCION DE TALAS, DEPÓSITO, CARGA E TRANSPORTE DE MADEIRA NO TERMO MUNICIPAL DE MIÑO

Publicación provisional: 05/01/2021 BOP Nº: 2
Publicación definitiva: 29/04/2021 BOP Nº: 79
Aplicable dende: 21/05/2021

1. PREÁMBULO.

A actividade madeireira ten importancia no Concello de Miño, debido a que unha boa parte da superficie municipal está cuberta por especies arbóreas. Asemade, a industria de transformación deste sector tamén é moi importante para a economía do Concello, debido aos postos de traballo que xera e á elaboración de produtos de alto valor engadido.

Nembargantes, e necesario implantar unha normativa que, sen diminuír os dereitos que todos gozan para transitar, free o uso inadecuado ou desproporcionado dos mesmos e o conseguinte deterioro dos firmes.

O Concello, consciente da importancia do sector da madeira, pero tamén preocupado polos custos que esta actividade xera nas infraestruturas viarias locais, e polo tanto no conxunto da poboación, pretende garantir con esta ordenanza á conservación das vías públicas de titularidade municipal que poden verse afectadas polas labores de xestión forestal e ser obxecto de estragos por causa das operacións de corta e saca de madeira.

Para estes efectos, establécense unha serie de obrigas que afectan tanto ás empresas como ás persoas propietarias dos montes. Para levar o control das operacións forestais que se desenvolvan, o Concello requirirá a presentación dun escrito de comunicación previa para informar da realización de actividades extractivas de madeira, e dunha fianza, necesaria para cubrir os posibles estragos que se produzan nas infraestruturas e no dominio público local.

Tratase, en definitiva, con esta ordenanza, de facer compatible a actividade de aproveitamento forestal coa preservación do medio natural, a protección paisaxística, a conservación dos camiños e a seguridade vial.

2. TÍTULO I: HABILITACIÓN NORMATIVA, OBXECTO E FUNDAMENTO.

 

Artigo 1.-Habilitación normativa.

Esta ordenanza ditase en virtude da potestade regulamentaria municipal recoñecida nos artigos 4.º 1.a) e 84 a) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local (LRBRL) e 6.1 a) e 286.1 a) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia (LALG), e na esfera das súas competencias, entre as que se atopa, a competencia en materia de infraestrutura viaria e de conservación de camiños e vías rurais segundo o establecido nos artigos 25.2 d) da LRBRL e no artigo 80.2 d) da Lei 5/97, do 22 de xullo, de administración local de Galicia (LALG).

Asemade, en canto as vías municipais son bens de dominio público, resulta de aplicación o disposto no artigo 3.1 do Real Decreto 1372/1986, do 13 de xuño, que aproba o Regulamento de bens das entidades locais (RB).

A intervención a través de comunicación previa para a protección do dominio público viario e a regulación do procedemento de comunicación necesario e de verificación posterior fundaméntase nos artigos 39 bis e seguintes. da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

A ordenanza regula tamén o réxime sancionador que resulta de aplicación, ao amparo do artigo 139 da LRBRL e o artigo 44.2 do RB.

Artigo 2.-Obxecto.

O obxecto desta ordenanza é a protección e conservación dos camiños e vías públicas municipais, fronte aos danos e fallas que poden sufrir os mesmos como consecuencia da corta e saca de madeira e usos equiparables dentro do termo municipal. Así, esta ordenanza afecta aos actos que teñan por obxecto a obtención de madeira e o seu transporte (operacións preparatorias de corta, desprazamento de vehículos e maquinaria, construción de ramplas de acceso aos terreos, depósitos e transporte de madeira, etc.).

Artigo 3.-Definicións.

 Actividade forestal: aos efectos desta ordenanza, considérase como actividade forestal aquela que se desenvolve a partir do aproveitamento múltiple dos recursos que proporcionan os terreos nos que vexetan especies arbóreas, sexan de nacemento ventureiro, de semente ou de plantación, sempre que non sexan características do cultivo agrícola.

 Corta e saca de madeira: aos efectos desta ordenanza, por corta e saca de madeira deberá entenderse a totalidade das operacións que se desenvolvan dentro dos límites do Concello de Miño que teñan por obxecto a obtención e transporte de madeira de corta, incluíndo tanto as operacións previas ou preparatorias á corta (desprazamento dos vehículos e a maquinaria, construción de ramplas ou accesos ás fincas, etc.) como as posteriores (preparación e depósito da madeira, carga e transporte).

 Empresa madeireira: aos efectos desta ordenanza, por empresa madeireira debe entenderse a persoa física ou xurídica que realice os labores de preparación do terreo, repoboación, corta, saca, depósito e transporte da madeira. Tamén abrangue a aquelas persoas propietarias que realicen algúns destes labores nas parcelas da súa propiedade, sempre e cando non sexa para autoconsumo e teñan por destino a súa comercialización.

 Camiño: aos efectos desta ordenanza, enténdense por camiño o viario de dominio e uso público municipal con capa de rodadura de terra ou zahorra, xeralmente para tráfico local.

 Estrada: aos efectos desta ordenanza, enténdense por estrada as vías de dominio e uso público municipal asfaltadas, proxectadas e construídas para a circulación de vehículos.

Artigo 4.-Ámbito de aplicación.

O ámbito de aplicación desta ordenanza é o termo municipal do Concello de Mino, sen prexuízo das disposicións especiais que poidan rexer en zonas cualificadas como especialmente protexidas ou espazos naturais.

3. TÍTULO II: AUTORIZACIÓN E RÉXIME XURÍDICO.

 

Artigo 5.- Requisitos necesarios para as operacións de corta e saca da madeira.

1.-Para garantir a conservación dos camiños e estradas municipais e minimizar o risco de accidentes, antes de realizar os traballos de corta e saca de madeira en plantacións forestais deste Concello, será obrigatorio presentar nas oficinas do Rexistro municipal ou ben a través da sede electrónica do Concello ou en calquera dos lugares aos que se refire o artigo 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica municipal, un escrito de comunicación previa segundo os requisitos previstos nesta ordenanza. Isto farase sen prexuízo da necesaria obtención dos permisos ou autorizacións que, conforme á normativa vixente, sexan necesarios, xa foran da autoridade forestal, de conservación da natureza, de protección de augas, de preservación do patrimonio arqueolóxico, ou calquera outra, incluída a licenza municipal urbanística para os supostos previstos no artigo 142.2 i) da Lei 02/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (a corta de masas arbóreas ou de vexetación arbustiva en terreos incorporados a procesos de transformación urbanística e, en todo caso, cando dita corta derive da lexislación de protección do dominio público).

2.-O escrito de comunicación previa será asinado pola empresa madeireira, debendo constar nel a información seguinte:

 Datos identificativos da empresa madeireira.

 Especie/s de árbores obxecto da corta.

 Volume (ou peso) da madeira que se prevé extraer.

 Nome das fincas ou montes afectados, con indicación do lugar e da parroquia.

 Identificación catastral das parcelas ou montes afectados (Referencia catastral e cartografía catastral con indicación das mesmas).

 Titular ou titulares da finca ou monte afectado.

 Datas previstas de inicio e remate dos traballos.

 Lugar de depósito, camiños e estradas de titularidade municipal a empregar nos traballos e no transporte da madeira. Para estes efectos achegarase o itinerario gráfico completo que vai ser empregado e as datas da súa utilización. Indicarase o tipo de maquinaria a empregar e si se vai levar a cabo algún tipo de extracción de biomasa dos residuos forestais, no caso en que sexa coñecido pola peticionaria.

 Fotocopia compulsada da solicitude de autorización, notificación previa ou comunicación para execución de aproveitamentos forestais, segundo o previsto no Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal. En caso de que fóra precisa licenza urbanística municipal, farase referencia á data de solicitude ou ao número de resolución.

 Fotocopia compulsada do seguro de responsabilidade civil ou calquera outro similar da empresa madeireira que cubra os eventuais danos e prexuízos que poidan causarse con ocasión da corta e saca da madeira, así como do último recibo pagado, acreditativo de que o dito seguro está vixente no momento de realizarse as operacións.

 Xustificante do deposito de garantía, en base o regulado no artigo 7 da presente ordenanza.

3.-Poderase presentar un escrito de comunicación previa para varios montes e/ou parcelas cando os traballos vaian a realizarse simultaneamente. Neste caso, deberán constar no escrito de comunicación previa os seus datos identificativos, incorporando a correspondente ficha catastral.

4.-O Concello de Miño terá a disposición das persoas interesadas un modelo normalizado de escrito de comunicación previa (ver modelo no Anexo I).

5.-Se o escrito de comunicación previa ou a documentación se presentase incompleta requirirase ao interesado, ao abeiro do disposto no artigo 69 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común (LPAC), para que no prazo de 10 días hábiles a complete, emende ou aclare, coa indicación de que, namentres, queda suspendido o procedemento. Advertiráselle, ademais, de que en caso de incumprimento ou defectuoso acatamento do requirimento ditarase resolución téndoselle por desistido da súa petición, previa resolución que deberá ser ditada nos termos previstos na lei de procedemento.

6.-No caso de que se incumpra a obriga de presentar o escrito de comunicación previa establecida neste artigo, o Concello suspenderá os actos de saca de madeira que se estean realizando. Neste suposto, o Concello requirira ao madeireiro o seu cumprimento, outorgándolle o prazo que se considere oportuno en cada caso, sen que poda exceder dun mes. Cando o madeireiro non puidera ser identificado, serán responsables do cumprimento desta obriga os propietarios dos montes ou parcelas de que se trate. O disposto neste apartado, enténdese sen prexuízo da imposición das sancións que correspondan polo incumprimento desta ordenanza, conforme ao establecido nela.

7.-O Concello, excepcionalmente, poderá denegar ou limitar o acceso e/ou o depósito por calquera das vías ou zonas indicadas no escrito de comunicación previa, de forma motivada, tendo en conta o seu estado, a resistencia do seu firme, a súa ubicación, a súa utilización na data solicitada para outros fins ou calquera outra causa xustificada.

8.-O persoal adscrito aos servizos municipais de obras e servizos e/ou os axentes da policía local serán os encargados de verificar o estado das vías públicas as que se refira a comunicación previa para os efectos de acreditar o seu estado antes da saca; a tal efecto, aportarase ao expediente un informe co correspondente estudio fotográfico das vías afectadas. A ese mesmo persoal corresponderá a verificación e comprobación de que o uso do viario se axusta ao previsto nesta ordenanza e á documentación achegada xunto co escrito de comunicación previa. O resultado da súa actuación tramitarase de acordo co disposto no artigo 7.7 e 7.8 desta ordenanza.

Artigo 6.-Obrigas.

1.-A empresa madeireira estará obrigada a asumir os custes de reparación dos estragos producidos nos camiños e estradas municipais, nas estruturas anexas ou noutros elementos de domino público local.

2.-A empresa madeireira fica obrigada á limpeza e retirada dos residuos da corta de madeira, de xeito que os camiños, estradas ou espazos públicos queden en todo momento no mesmo estado de limpeza e conservación que tiñan antes de levarse a cabo as operacións de corta e saca de madeira. A obriga de limpeza deberá cumprise todos os días ao final da xornada de traballo.

3.-Os depósitos de rolla, polas e demais restos non poderán invadir as zonas de circulación viaria, nin menoscabar a funcionalidade das gabias, táxeas, canalizacións, pontes ou calquera outra infraestrutura auxiliar ou anexa aos camiños ou estradas, de cara a evitar riscos para as persoas usuarias. A estes efectos prohíbese o depósito ou acopio de lotes de madeira nas zonas de dominio público e zona de dominio público adxacente das estradas e camiños de titularidade municipal.

4.-Prohíbese que os refugallos que non sexan estritamente vexetais fiquen ou se depositen no monte, vías ou lugares non autorizados. Os residuos asimilables aos urbanos seleccionaranse e depositaranse nos contedores municipais axeitados de acordo á súa composición. Os residuos industriais, especialmente os aceites usados, entregaranse a xestor autorizado.

5.-As empresas madeireiras e/ou as persoa propietarias dos montes tratarán os restos forestais de acordo co disposto na normativa sectorial de aplicación.

6.-A empresa madeireira estará obrigada a sinalizar as vías situadas nas zonas de extracción e depósito de madeira conforme ao establecido na normativa vixente en materia de tráfico, circulación e seguridade viaria.

7.-Prohíbese o uso das vías públicas para almacén ou depósito da madeira. Entenderase por deposito irregular, para os efectos de esta ordenanza, aquel que exceda de 30 dias naturais.

8.-A empresa madeireira ou o propietario forestal deberán derrubar e repoñer ao seu estado anterior as ramplas abertas para facilitar o acceso ao terreo ou ao monte, co obxecto de que, cando chova, a auga e a terra arrastrada non asolague e cause danos nas pistas ou camiños municipais.

9.-As limpezas deberanse realizar nun prazo máximo de 72 horas a partir da retirada da madeira; as reparacións deberanse realizar no prazo máximo que para cada caso indiquen os servizos técnicos municipais; non obstante, de producírense alteracións que imposibiliten o uso dos camiños e das estradas durante a corta e/ou a saca da madeira, deberanse realizar as reparacións, inmediatas e provisionais, que posibiliten o uso compatíbel das infraestruturas por persoas, animais ou maquinaria.

10. En caso de que o madeireiro incumpra algunha das obrigas contidas nos apartados anteriores, o Concello requirirao para o seu cumprimento, outorgándolle o prazo que se considere oportuno en cada caso, sen que poida exceder dun mes. Cando o madeireiro non puidera ser identificado, serán responsables do cumprimento desas obrigas os propietarios dos montes ou parcelas de que se trate.

11.-O disposto no apartado anterior deste artigo, enténdese sen prexuízo da imposición das sancións que correspondan polos incumprimentos desta ordenanza, conforme ao establecido nela.

Artigo 7.-Garantía.

1.-As empresas madeireiras deberán depositar unha garantía a favor do Concello en calquera das formas previstas na Lei 9/2017 de 8 de novembro, de contratos do sector público, co obxecto de responder diante de posible danos no reparados voluntariamente. En ningún caso se poderán realizas as operacións de corta sen ter constituído previamente a fianza e tela depositada no Concello.

2.-Establécense dúas categorías a efectos de fixación de fianzas :

a) Vehículos con peso máximo autorizado inferior a 16 Tm, 2.500 €.

b) Vehículos con peso máximo autorizado igual o maior de 16 Tm, 4.000 €.

3.-O madeireiro deberá depositar a garantía na Tesourería Municipal, con anterioridade á data prevista para comezar os traballos de saca de madeira.

4.-No caso de que se incumpra a obriga a que se refire o apartado anterior, o Concello suspenderá o procedemento e os actos de saca de madeira que, no seu caso, se estean realizando, e procederá de conformidade co establecido no artigo 6 apartados 10 e 11 desta ordenanza.

5.-Unha vez comunicado o remate dos traballos por parte da persoa interesada, a tramitación administrativa do expediente de devolución da fianza completarase nun pazo dun mes, unha vez que os servizos municipais comproben o cumprimento das obrigas das que a garantía debe responder.

6.-En caso de cumprimento das obrigas das que a garantía debe responder, o Concello devolverá a garantía, previo informe técnico, no que quede reflexado que non se causaron danos nin fallas nas vías e infraestruturas públicas municipais e que as pistas, camiños ou espazos públicos utilizados se atopan en perfecto estado de conservación e limpeza una vez rematados os traballos.

7.-En caso de incumprimento, o Concello procederá de conformidade co establecido nos apartados 10 e 11 do artigo 6 desta ordenanza. Transcorrido o prazo outorgado no requirimento, si este foi atendido, o Concello devolverá a garantía, previo informe favorable dos servizos técnicos municipais.

Transcorrido ese prazo sen que se de cumprimento ao requirimento, o Concello acordará a realización dos traballos que sexan necesarios, a costa do obrigado, sobre o importe da garantía depositada.

8.-Cando as cantidades depositadas en concepto de garantía resulten insuficientes para sufragar os traballos mencionados no parágrafo anterior, recadarase a diferencia en concepto de ingreso de dereito público.

9.-O disposto no apartado 8.º deste artigo, enténdese sen prexuízo da imposición das sancións que correspondan polo incumprimento desta ordenanza.

Artigo 8.-Prohibicións.

O madeireiro encargado de realizar as operacións de saca da madeira deberá respectar as seguintes prohibicións:

- Iniciar os traballos de tala sen contar cos permisos e/ou autorizacións sectoriais correspondentes e/ou sen constituír a garantía esixida no artigo 7 desta ordenanza.

- Usar as vías públicas para almacén ou depósito da madeira. Os depósitos de rolla, ramas ou podalla, non poderán invadir as zonas de circulación de vehículos e persoas, nin menoscabar as infraestruturas anexas aos viais, nin supoñer un risco para os usuarios da vía.

- Efectuar desprazamentos de terra que polas súas características deban ser considerados como movementos de terra.

4. TÍTULO III: INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.

 

Artigo 9.-Infraccións.

1.-Son infraccións desta ordenanza os actos e omisións que contraveñan o establecido nela. A comisión de calquera infracción levará aparellada a imposición aos responsables das correspondentes sancións, ademais da obriga de indemnizar aos prexudicados polos danos derivados da súa comisión.

2.-As infraccións cualifícanse en moi graves, graves e leves.

3.-Constitúen infraccións moi graves:

 Realizar calquera das actividades relacionadas coa saca de madeira sen o previo depósito da garantía no importe que corresponda.

 Non presentar o escrito de comunicación previa de realización dos traballos forestais, unha vez fose requirido polo Concello e no prazo que se lle indique.

 Deixar as vías municipais nun estado de sucidade que supoña unha situación de risco para a seguridade viaria, segundo o informe municipal emitido para o caso.

 Causar danos nas estradas, pistas, camiños ou noutros elementos do dominio público local por valor superior a 6.000,00 €.

 Ocultar ou falsear os datos ou a documentación esixida no artigo 5 desta ordenanza. Cando esta conduta veña referida á falta de solicitude de autorización, notificación previa ou comunicación para a execución de aproveitamentos forestais que esixe o Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal, darase traslado ao órgano autonómico competente para o exercicio, no seu caso, da potestade sancionadora.

 Cometer, nun prazo dun ano, dúas faltas graves, firmes na vía administrativa.

4.-Son infraccións graves:

 Non presentar o escrito de comunicación previa, aínda que o achegue despois de ser requirido polo Concello.

 Deixar as vías municipais en deficiente estado de sucidade, segundo o informe municipal emitido para o caso.

 Causar danos nas estradas, pistas, camiños ou noutros elementos do dominio público local por valor inferior a 6000,00 €.

 Non demoler ou non volver ao estado orixinal as ramplas ou accesos que se abran para a entrada aos terreos forestais.

 Cometer, nun prazo dun ano, dúas faltas leves, firmes na vía administrativa.

5.-Son infraccións leves:

 Calquera outro incumprimento desta ordenanza que non estea cualificado como moi grave ou grave e cuxa sanción corresponda ao Concello.

Artigo 10.-Sancións.

1.-As infraccións desta ordenanza serán sancionadas coas seguintes multas:

 Infraccións moi graves: multa de contía comprendida entre 1.500,01 € e 3.000,00 €.

 Infraccións graves: multa de contía comprendida entre 750,01 € e 1.500,00 €.

 Infraccións leves: multa de ata 750,00 €.

2.-A imposición das sancións requirirá a tramitación do correspondente procedemento, de conformidade co disposto na lei 39/2015, de 1 de outubro.

3.-O importe das multas será graduado tendo en conta as circunstancias concorrentes e de acordo co establecido na normativa vixente.

4.-As multas e sancións impostas ao amparo desta ordenanza reduciranse na súa contía nun 50% no caso de seren aboadas no prazo de 15 días a partir da notificación da multa ou sanción, e se a persoa infractora mostra por escrito a súa conformidade con estas, renunciando expresamente ao exercicio de toda acción de impugnación no citado prazo.

5.-O pagamento das multas poderase esixir pola vía administrativa de constrinximento, sen prexuízo da esixencia, se for o caso, das correspondentes responsabilidades civís e penais.

6.-As sancións serán independentes da reparación do dano causado e da indemnización de danos e perdas a que houbese lugar.

7.-A resolución do expediente sancionador corresponderá á Alcaldía.

Artigo 11.- Responsables.

1.-A empresa madeireira será responsable directamente de todos os danos e prexuízos a persoas e bens que se produzan ou ocasionen con motivo da corta, depósito e transporte da madeira, debendo reparar o dano causado. O Concello das Pontes velará especialmente para que ditas operacións de corta e saca de madeira non ocasionen danos nas vías públicas municipais e estas queden nun estado axeitado de conservación, limpeza e seguridade.

2.-A obriga recollida no punto anterior será esixible non só polos actos ou omisións propios, senón tamén polos cometidos por calquera persoa que, sen ser empregada ou traballadora da empresa madeireira, interveña nas operacións de corta, saca e transporte por conta, consentimento ou aquiescencia da empresa madeireira e, en xeral, polos cometidos por aquelas persoas de quen deba responder.

3.-Os propietarios das parcelas de monte nas que se efectúen actividades de extracción de madeira serán responsables nomeadamente cando a corta se faga a feito en zonas con pendentes elevadas, de tomar as medidas precisas para previr tanto os risos erosivos sobre o terreo como as posibles consecuencias da erosión sobre os bens públicos.

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

Primeira.-En cumprimento do disposto no artigo 70.2 da LRBRL, esta ordenanza entrará en vigor unha vez que se publique o seu texto integramente no Boletín Oficial da Provincia e transcorra o prazo de quince días hábiles previsto no artigo 66.2 do citado texto legal.

Segunda.-O modelo normalizado de escrito de comunicación previa manteranse permanentemente publicado e actualizado na paxina web municipal.

O anexo que se incorpora a esta ordenanza non ten carácter regulamentario e tanto o seu número como o seu contido poderá ser adaptado, modificado ou ampliado por resolución da Alcaldía ou órgano delegado.

Terceira.-A Alcaldía queda facultada para ditar cantas ordes ou instrucións resulten necesarias para a adecuada interpretación, desenvolvemento e aplicación desta ordenanza.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

A partir da entrada en vigor desta Ordenanza municipal queda derrogada definitivamente a Ordenanza Municipal reguladora de prantación e tala de arbolado de 29 de decembro de 1999 (Publicacion definitiva BOP).

ANEXO

COMUNICACIÓN PREVIA DAS OPERACIÓNS DE CORTA E SACA DE MADEIRA

DATOS DA EMPRESA MADEIREIRA

Denominación:

 

 

CIF/ N.I.F.:

 

Enderezo:

 

Teléfono:

 

Correo electrónico:

 

Persoa/s de contacto:

 

N.º de rexistro

 

DATOS DA PROPIEDADE

Especie/s de árbores obxecto da corta:

 

 

Volume ou peso total a extraer (m3 ou t):

 

Nome dos montes / lugar / parroquia:

 

Identificación catastral (aportar plano):

 

Titular/es das parcelas afectadas:

 

 

DATOS DO APROVEITAMENTO

Datas previstas de inicio e remate:

 

 

Lugar onde se depositará a madeira:

 

Tipo de maquinaria a empregar

 

Extracción de biomasa dos residuos forestais (indicar o que proceda).

 

En aplicación da Ordenanza municipal reguladora da protección dos camiños e vías públicas municipais do Concello de Miño en relación coas actividades forestais, comunico o inicio de actividades forestais nas parcelas indicadas previamente.

Documentación que se achega (marque o que corresponda):

 Fotocopia compulsada da solicitude de autorización, notificación previa ou comunicación para execución de aproveitamentos forestais, segundo o previsto no Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal.

 En caso de que fora precisa licenza urbanística municipal: data de solicitude:¿.. ou número de resolución¿¿¿¿¿..

 Fotocopia compulsada do seguro de responsabilidade civil ou similar.

 Fotocopia compulsada do último recibo pagado do seguro de responsabilidade civil.

 Itinerario completo que vai a ser empregado (con plano explicativo).

En Miño , ............ de .......................... de 20.....

Asdo.: .......................... (representante da empresa).

De acordo co disposto na Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, infórmaselle de que os datos facilitados a través desta instancia serán tratados de xeito confidencial. Estes datos serán incorporados aos ficheiros do Concello de Miño relacionados con este trámite. Os datos utilizaranse para as xestións municipais derivadas dos procedementos e consultas que vostede inicia con esta solicitude.

Así mesmo, infórmaselle de que en calquera momento poderá exercitar os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición comunicándoo mediante escrito que deberá presentar no Rexistro Xeral do Concello.

SR. ALCALDE DO CONCELLO DE MIÑO