Cerceda - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR DO CONCELLO DE CERCEDA
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A Lei 7/1985, de 2 abril, reguladora das bases de Réxime Local (BOE num. 80, do 3 de abril de 1985), establece no seu artigo 25.2k) que os concellos exercerán, en todo caso, competencias nos termos da lexislación do Estado e das Comunidades Autónomas en materia de prestación de servizos sociais e de programación e reinserción social.
A Lei 13/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, regula o dereito de tódalas persoas aos servizos sociais, correspondéndolles, aos poderes públicos, garantir este dereito, posibilitando así que as liberdades e igualdades entre individuos sexan reais e efectivas, tal e como consagra a propia Constitución Española.
A Lei 13/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece no seu capítulo II, o catálogo de servizos sociais, onde define o servizo de axuda no fogar coma un servizo consistente en ofrecerlles un conxunto de atencións ás persoas ou familias no seu propio domicilio. Para facilitar o seu desenvolvemento e permanencia no seu contorno habitual. Esta mesma lei establece no seu artigo 11.f) que é función dos servizos sociais comunitarios básicos a xestión da axuda no fogar.
Coa entrada en vigor da lei 39/2006, de 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoa e Atención ás persoas en situación de dependencia, así como a normativa estatal e galega que a desenvolve, fixo necesario establecer un marco regulador de carácter básico dos contidos, formas de prestación e aspectos procedimentais e organizativos de axuda no fogar de maneira que coa aprobación da Orde de 22 de xaneiro de 2009, pola que se regula o servizo de axuda no fogar, establecéronse pautas de carácter xeral para asegurar un nivel equitativo e atención a todas as persoas que tiñan limitada a súa autonomía persoal.
O Decreto 254/2011, de 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais de Galicia, establece no seu artigo 7.b) como requisito xeral dos centros e programas de servizos sociais, dispoñer dunhas normas de funcionamento, visadas polo órgano competente, en materia de autorización e inspección de servizos sociais, da Xunta de Galicia, que garanta o respecto ao dereito das persoas usuaria e establezan as condicións de prestación e desenvolvemento dos servizos.
Coa aprobación e publicación do Decreto 99/2012, de 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, faise preciso adaptar a normativa municipal existente, en materia de axuda no fogar co fin de dar cumprimento ao establecido na disposición derradeira primeira do citado decreto.
O Decreto 149/203, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, dálle unha nova redacción aos artigos 14.2, 59 e 61 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, polo que se fai necesario adaptar a normativa municipal existen en material de axuda no fogar ao establecido nos mencionados artigos.
O Decreto 148/2014, de 6 de novembro, polo que se modifica o Decreto 99/2012, de 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, entre outros aspectos modifica a regulación co copagamento do servizo de axuda no fogar en réxime de libre concorrencia.
A Orde de 31 de maio de 2016 polo que se modifica o módulo de financiamento do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia, modifica os criterios para o financiamento do servizo de axuda no fogar, recollidos no anexo III do Decreto 99/2012.
En consecuencia e coa finalidade de garantir unha equidade, calidade e intensidade homoxéneas nos tipos de atención e os criterios de participación económica das persoas usuarias, o Concello de Cerceda, de conformidade co marco normativo referenciado que confire aos concellos a potestade regulamentaria, e de autoorganización dentro da esfera das súas competencia, regula os requisitos e condicións de prestación do servizo de axuda no fogar municipal, a través do presente Regulamento.
CAPÍTULO I. DISPOSICIONS XERAIS
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
É obxecto da presente ordenanza establecer a regulación xeral do funcionamento do servizo de axuda no fogar desenvolvido polo Concello de Cerceda, como prestación básica do Sistema Público de Servizos Sociais. Este servizo poderá presentarse de forma indirecta por entidade debidamente autorizada, ou ben directamente polo propio concello.
Será o ámbito de aplicación o territorio municipal de Cerceda e a sede oficial estará emprazada nas dependencias do Concello de Cerceda.
Artigo 2. Natureza, definición e obxectivos do servizos.
2.1. O servizo de axuda no fogar é un servizo público de carácter local, consistentes en ofrecer un conxunto de atencións ás persoas ou unidades de convivencia no propio domicilio, para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu contorno habitual.
2.2. Poderá prestarse, a calquera persoa ou unidade de convivencia, para as cales, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención. De xeito particular, o servizo atenderá persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carezan do apoio persoal no seu entorno inmediato.
2.3. O servizo de axuda no fogar ten por obxecto prestar un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, dende unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións en que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desestructuración familiar.
Son obxectivos do servizo de axuda no fogar:
a) Mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.
b) Posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno convivencial habitual.
c) Favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio.
d) Manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social.
e) Previr situacións de dependencia ou exclusión social.
f) Retardar ou evitar a institucionalización.
g) Reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.
Artigo 3. Contido do servizo
De conformidade coa valoración técnica realizada en cada caso polos servizos sociais comunitarios do Concello de Cerceda, no programa de axuda no fogar poderán prestarse os seguinte tipos de actuacións:
3.1. Servizos de carácter básico
3.1.a. Atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria no propio domicilio, tales como:
- Asistencia para levantarse e deitarse.
- Apoio no coidado e hixiene persoal, así como para vestirse.
- Control do réxime alimentario e axuda, se é o caso, para alimentarse.
- Supervisión, cando proceda, das rutinas de administración de medicación prescritas polos facultativos.
- Apoio para cambios posturais, mobilizacións, orientación espazo-temporal.
- Apoio a persoas afectadas por problemas de incontinencia.
- Outras tarefas para favorecer a atención integral da persoa usuaria.
3.1.b. Atencións de carácter persoal na realización doutras actividades necesarias da vida diaria, tales como:
- Acompañamento fóra do fogar para acudir a consultas ou tratamentos.
- Apoio na realización de xestións necesarias e/ou urxentes.
3.1.c. Atención das necesidades de carácter doméstico e da vivenda que incidan e axuden na mellora do contorno das persoas usuarias, tales como:
- Limpeza e mantemento da hixiene e salubridade da vivenda.
- Compra de alimentos e outros produtos de uso común.
- Preparación de alimentos.
- Lavado e coidado das prendas de vestir.
- Coidados básicos da vivenda.
Este tipo de atención poderá ser facilitado en parte, se é o caso, por programas específicos de lavandaría ou xantar na casa.
3.1.d. Atencións de carácter psicosocial e educativo: intervención técnico-profesionais formativas e de apoio ao desenvolvemento das capacidades persoais, á afectividade, á convivencia e á integración na comunidade así como á mellora da estrutura familiar.
3.2. Con carácter complementario, o servizo de axuda no fogar poderá incorporar, entre outros, os seguintes tipos de atencións, unha vez garantido o nivel básico de atención:
- Actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables.
- Servizo de préstamo de axudas técnicas para persoas en situación de dependencia ou dependencia temporal. Para estes efectos enténdese por axuda técnica calquera produto, dispositivo, equipamento, instrumento, tecnoloxía sofware, fabricado especialmente ou dispoñible no mercado, para previr, compensar, controlar, mitigar ou neutralizar deficiencia ou limitacións na actividade e restricións na participación social das persoas.
- Prestacións de atención a distancia mediante dispositivos de teleseguimento, teleasistencia e similares.
- Adaptacións funcionais do fogar.
- Servizo de podoloxía.
- Servizo de fisioterapia.
3.3. Outros servizos:
Poderán integrarse, ademais, dentro do servizo de axuda no fogar, determinadas atencións e actividades que se desenvolvan fóra do marco do domicilio da persoa usuaria, sempre que, de acordo coa prescrición técnica sobre o contido do servizo, incidan de maneira significativa na posibilidade de permanencia no fogar e na mellora da autonomía e calidade de vida.
En todo caso e sen prexuízo da execución de todas as tarefas que se recollan no correspondente acordo de servizo, o conxunto de atención do programa de axuda no fogar terá un carácter de reforzo e non substituto das propias capacidades da persoa usuaria ou doutras persoas do seu contorno inmediato, de maneira que se facilite e promova a súa autonomía.
63.4. Atención excluídas do servizo
En ningún caso poderán formar parte das actuacións desenvolvidas polo servizo:
- A realización de actividades domésticas, que non fosen incluídas no proxecto de intervención e no acordo de servizo.
- Actuacións, que polo seu carácter sanitario, deban en todo caso, ser realizadas por persoas facultativo.
Artigo 4º. Persoas destinatarias
O servizo de axuda no fogar estará aberto a todas as persoas ou unidades de convivencia para as que, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención. De xeito particular, o servizo atenderá persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu contorno inmediato, así como fogares con menores, en que se conserve a necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo. Tamén poderán dar unha resposta preventiva e socializadora a diversas situacións de familiar en risco de exclusión social.
En todo caso, darse prioridade de acceso ao servizo ás persoas que teñan un dereito recoñecido de atención dentro do sistema de autonomía e atención á dependencia, segundo a Lei 39/2006, de 14 de decembro de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.
Artigo 5. Dereitos das persoas usuarias
As persoas usuarias do servizo, no marco do dereitos que con carácter xeral se lle recoñecen na lexislación aplicable de servizos sociais, se é o caso, sobre o procedemento administrativo común, terán dereito:
1. A seren tratadas con respecto debido á súa dignidade, intimidade e autonomía.
2. A accederen e utilizaren o servizo en condicións de igualdade e non discriminación.
3. A recibiren unha atención individualizada e adaptada ás súas necesidades, coa calidade e duración determinadas en cada caso.
4. A recibiren unha información de xeito áxil, suficiente, veraz e compresible sobre os recursos e as prestacións do sistema galego de servizos sociais, así como a que sexan asistidas e orientadas nos trámites necesarios de cara ao seu acceso aos demais sistemas de benestar.
5. A teren asignada unha persoa profesional de referencia que actúe como interlocutora principal e que asegura a coherencia da intervención. Así mesmo, a recibiren información precisa e clara sobre as posibles modificacións sobrevidas durante a prestación do servizo.
6. A coñeceren a organización e o regulamento do servizo,
7. Ao tratamento confidencial dos seus datos, de acordo co disposto coa Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais.
8. A coñeceren a situación do seu expediente.
9. A seren informadas, de maneira clara e precisa, sobre a intervención prevista e elixir libremente, dentro da capacidade de oferta do sistema e logo da valoración técnica, o tipo de medidas ou de recursos adecuados para o seu caso, así como a participar na toma de decisións que modifiquen o proceso de intervención acordado.
10. Á calidade dos servizos recibidos e a presentaren queixas e suxestión á persoa coordinadora do servizo.
11. Ao respecto dos seus dereitos lingüísticos, garantindo, en todo caso, o desenvolvemento da actividade do servizo dende a práctica dunha oferta positiva do idioma galego.
Artigo 6. Deberes das persoas usuarias
As persoas usuarias, no marco dos deberes que con carácter xeral se establecen no artigo 7 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, e, se é o caso, na lexislación vixente sobre o procedemento administrativo común, terán os seguintes deberes:
1. Cumprir as normas, requisitos e procedementos para o acceso aos diferentes servizos.
2. Facilitar a información precisa e veraz sobres as circunstancias determinantes para o acceso e utilización dos servizos, así como comunicar ao persoal de referencia, os cambios de circunstancias familiares, sociais ou financeiras que puideren resultar relevantes na asignación, modificación, suspensión ou extinción das prestacións ou servizos.
3. Cumprir coas condicións do servizo, facilitando e colaborando na execución das tarefas do persoal ao seu cargo e poñendo á súa disposición, cando se trate dun servizo realizado no domicilio, os medios materiais necesarios.
4. Colaborar co persoal encargado do seu caso, acudindo ás entrevistas programadas, seguindo as orientacións e participando no desenvolvemento das actividades incluídas no servizo, centro ou programa en función das súas capacidades e nos termos acordados en cada caso.
5. Manter unha actitude positiva de colaboración coas persoas profesionais que lles presten o servizo, así como respectar os límites das súas obrigas laborais.
6. Facilitar e cooperar no seguimento, avaliación e inspección do servizo.
7. Respectar a dignidade persoal e profesional das persoas que lles presten o servizo, así como respectar os límites das súas obrigas laborais.
8. Participar no pagamento dos servizos naqueles supostos concretos que se establecen no Decreto 99/2012, do 16 de marzo polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento e nas normas municipais reguladoras correspondentes que o desenvolvan.
9. Comunicar, con dez días de antelación, en circunstancias ordinarias e previsibles, calquera ausencia temporal que puidese impedir ou dificultar a execución dos servizos que, se fose o caso, se prestasen no seu domicilio.
Artigo 7. Causas de extinción e modificación do servizo
1. Son causas de extinción do servizo de axuda no fogar, as seguintes:
a. Renuncia da persoa usuaria, segundo modelo Anexo X, presentado con dez días antelación a data de extinción.
b. O cambio de programa individual de atención ou de proxecto de intervención que implique un cambio de asignación de recurso e a súa incompatibilidade co servizo de axuda no fogar.
c. Traslado definitivo da súa residencia a outro concello
d. Incumprimento reiterado dos deberes e obrigas establecidas para as persoas usuarias na prestación do servizo.
e. A falta reiterada de pagamento do servizo.
f. Desaparición das causas que motivaron a prestación do servizo.
g. A non presentación da documentación para a revisión da capacidade económica segundo o establecido no artigo 4.d) da ordenanza fiscal do servizo de axuda no fogar do Concello de Cerceda.
2. Con carácter xeral, a alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión do servizo, poderá dar lugar á modificación das condicións de prestación nas que fora concedido inicialmente. Os cambios de circunstancias, en calquera caso, deberán substanciarse no expediente individual, mediante un novo informe social.
As persoas usuarias que accederan ao servizo de axuda no fogar polo sistema de libre concorrencia e fosen valoradas con posterioridade por dependencia correspondéndolles a efectividade do dereito, poderán ver modificadas as condicións de prestación do servizo consorte ao establecido no proxecto individual de atención e a normativa de aplicación.
As modificación tamén poderán producirse por pedimento da persoa interesada, mediante solicitude subscrita por ela coa valoración da/o traballador/a social responsable do expediente, á vista dos posibles cambios de situación que motivou a concesión.
3. Cando se trate dun servizo público de axuda no fogar, asignado a persoas en situación de dependencia, na correspondente resolución do Programa Individual de Atención, consonte o Decreto 15/2010, de 14 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento do sistema para a Autonomía á Dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa Individual de Atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes a incoación por parte da entidade titular do servizo, dun expediente de extinción ou modificación das condicións de prestación do servizo deberá notificarse en todo caso, ao órgano competente para ditar a resolución do Programa Individual de Atención.
4. Con respecto aos casos de libre concorrencia, cando por necesidades do servizo sexa necesario ampliar o número de persoas usuarias e se consideren prioritarios outros casos en consideración das súas circunstancias persoais, socias, sanitarias, económicas... ou en función das dispoñibilidades económicas do exercicio poderase reducir a intensidade da prestación do servizo. Acordárase po Resolución da Alcaldía, ou concellería delegada, se é o caso, previo informe da traballadora social do Concello.
5. Precederase á revisión de horas prestadas ás persoas usuarias de libre concorrencia, cando se detecte por parte da traballadora social do Concello que o número de horas de servizo que se presta xa non proceden debido á modificación das circunstancias que motivaron a alta no servizo. O número de horas de prestación poderá incrementarse ou diminuír e será xustificado cun informe-proposta do/a traballador/a social municipal responsable do expediente que precederá á Resolución da Alcaldía, ou concellería delegada, se é o caso, que ditará a resolución da nova proposta de servizo.
6. Para revisión das circunstancias que motivaron a concesión do servizo de axuda no fogar na modalidade de libre concorrencia o traballador/a social de referencia dos servizos sociais comunitarios do concello, determinará, mediante o informe social, segundo o modelo Informe Social Unificado, a continuidade do servizo, así como a intensidade tendo en conta tódalas circunstancias de necesidade e a aplicación do baremo establecido a tal fin, segundo o modelo do anexo V. Realizarase como unha revisión de oficio con carácter anual dende o inicio o revisión do servizo.
Artigo 8. Causas de suspensión temporal do servizo
Son causas de suspensións temporais do servizo, logo da tramitación do correspondente expediente e informe razoado do persoal técnico do coordinador do servizo, que deberá incorporarse ao expediente persoal, as que seguen:
1. Ausencia temporal do domicilio: neste caso o servizo poderá suspenderse por un máximo de 3 meses para as persoas que acceden ao servizo pola sistema de libre concorrencia e por un máximo de dous meses para as persoas usuarias de dependencia, debendo acreditar a persoa usuaria as causas que motivan a súa ausencia e solicitándoo por escrito, segundo o Anexo IX.
2. Modificacións temporais das causas que motivaron a necesidade do servizo en tanto persista o cambio de circunstancias causantes da suspensión, coa excepción das prazas vinculada a un dereito exercido dentro do sistema de autonomía e a atención á dependencia, suposto no que se estará ao disposto na correspondente normativa reguladora.
3. No caso de suspensión temporal ou puntual do servizo ou ausencia do fogar, a persoa usuaria deberá solicitalo no rexistro xeral do Concello de Cerceda, segundo modelo do anexo IX, con 10 días de antelación ao inicio da suspensión, agás causas sobrevidas e xustificadas. Cando as circunstancias imposibiliten este trámite (ingreso urxente en centro hospitalario ou calquera outra causa sobrevida de xeito emerxente), queda eximido de presentar a solicitude por adiantado, se ben deberá ser xustificado co correspondente informe médico ou calquera outra documentación acreditativa que xustifique a ausencia.
4. No obstante poderá reiniciarse o servizo sen necesidade de esgotar o período de suspensión solicitado, se se comunica por escrito con cinco días de antelación ao reinicio do servizo.
CAPITULO II. DA PRESTACIÓN DO SERVIZO
Sección primeira. Disposicións xerais
Artigo 9. Formas de prestación do servizo
1. O servizo público de axuda no fogar será prestado polo concello de Cerceda, ben directamente, ou ben mediante as diversas modalidades de contratación da xestión de servizos públicos, regulados na normativa vixente sobre contratos do sector público, a través de entidades privadas debidamente autorizadas. O servizo de axuda no fogar estará integrado nos servizos sociais comunitarios do Concello e será coordinado por unha traballadora social deste entidade local.
2. No caso de entidades privadas que presten o SAF mediante financiamento total ou parcial con fondos públicos ou que atendan a persoas usuarias derivadas no sistema de autonomía persoal e atención á dependencia, manterán unha coordinación efectiva cos servizos sociais comunitarios básicos, establecendo un protocolo de comunicación de altas no servizo de cada persoas usuaria, así como unha copia do correspondente proxecto de intervención e dos informes de seguimento, dirixidos aos servizos sociais comunitarios básicos do Concello.
Artigo 10. Requisitos específicos
1. Existirá un profesional de referencia, que actuará de coordinación do servizo e que deberá estar en posición dunha cualificación mínima de diplomatura/grao universitario de traballo social . No caso de que o número de persoas usuarias sexa menor de 50, o persoal técnico mínimo esixible será de 0.02 profesionais en cómputo de xornada completa por persoa usuaria. Nos demais casos aplicarase a seguinte táboa:
Número de persoas usuarias | Persoal técnico mínimo |
50 a 99 | 1 técnico/a titulado/a a xornada completa |
100 a 199 | 2 técnicos/as titulados/as a xornada completa |
200 a 399 | 3 técnicos/as titulados/as a xornada completa |
Incrementos sucesivos | Por cada grupo de 200 persoas usuarias corresponderá un incremento de 1 técnico/a titulado/a a xornada completa |
2. O persoal que presta atención directa nos domicilios das persoas usuarias estará formado por auxiliares de axuda no fogar, que, no caso de prestar o servizo a persoas en situación de dependencia valorada, deberán estar en posesión das titulacións que establezan a normativa autonómica vixente en cada momento.
3. O seguimento da prestación do servizo nos domicilios das persoas usuarias realizarase polo persoal coordinador sempre que as circunstancias o fagan necesario e, como mínimo, con carácter bimestral. Da supervisión realizada quedará constancia no correspondente expediente individual. Mediante esta supervisión revisarase e axustarse, se fose o caso, o contido das prestacións expresado no proxecto de intervención e no acordo do servizo.
4. O concello de Cerceda, e de ser o caso, a entidade prestadora en réxime privado do servizo, abrirá un expediente por cada persoa usuaria ou por cada unidade de convivencia á que presta o servizo, no cal constará, cando menos:
a. Un informe social, asinado por un traballador/a social da entidade titular do servizo.
b. Un proxecto de intervención, asinado polo técnico responsable, segundo o anexo VII desta ordenanza.
c. Un acordo do servizo, asinado pola traballadora social e a persoa usuaria, segundo o anexo VIII deste regulamento.
d. Informes de seguimento periódicos, que terán carácter bimestral, ou extraordinarios, cando as circunstancias así o aconsellen.
En todo caso, o tratamento da información contida nos expedientes, realizarase de acordo coa normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.
Sección 2º. Da prestación do servizo
Artigo 11. Modalidades de acceso ao servizo, organización e procedemento.
O acceso ao servizo de axuda no fogar producirase a través do servizos sociais comunitarios, de acordo co seguinte:
1. Acceso por dependencia
O acceso será prioritario e directo para as persoas que, tendo recoñecida unha situación de dependencia, se lle asigne a axuda no fogar na correspondente resolución do programa individual de atención (PIA), e consonte á aplicación do programa de asignación de recursos, establecido no Título II do Decreto 15/2010, de 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedementos para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes. Para estes efectos, o concello de Cerceda, cando sexa o caso, procederá a dar de alta as persoas en agarda, de acordo coa orde de prelación establecida no programa de asignación de recursos. As persoas para que o programa individual de atención, determine o servizo de axuda no fogar como recurso principal ou idóneo terán, en todo caso, preferencia sobre aquelas ás que se lle asigne o servizo de axuda no fogar como respiro da persoa coidadora.
A temporalidade do servizo é indefinida mentres non se produzan algunha das causas de extinción recollida no artigo 7 do presente regulamento.
O horario de prestación do servizo de axuda no fogar de dependencia, con carácter xeral, será de 8.00 a 22.00 horas.
O concello de Cerceda poderá designar unha ou máis auxiliares de axuda no fogar a cada caso en función do proxecto de intervención individual e da organización xeral do servizo.
2. Acceso por libre concorrencia
Para as persoas que non teñan recoñecemento da situación de dependencia, ou non as asista o dereito de acceso efectivo ao catálogo de servizos sociais de atención á dependencia o acceso ao servizo, logo da prescrición técnica do profesional de referencia, resolverase en réxime de libre concorrencia.
As persoas solicitantes terán un prazo de 3 meses para solicitar a administración competente a valoración da dependencia, se fose o caso, e continuar o procedemento oportuno.
A temporalidade é definida e suxeita a revisión. A intensidade de atención definirase tras a correspondente valoración técnica, cun máximo de 5 horas semanais en función das tarefas asignadas. En circunstancias excepcionais e limitadas no tempo podería elevarase segundo a valoración técnica.
No acceso a libre concorrencia empregarase un baremo determinado, recollido no anexo V, do presente regulamento, no que ademais dos posibles déficits de autonomía da persoa, se valoren factores de carácter persoal e sociofamiliar, apoio social, situación da vivenda e outros que dificulten obxectivamente a súa normalización e a calidade de vida.
Dentro da modalidade de acceso por libre concorrencia, o acceso por urxencia sobrevida, permitirá iniciar a prestación do servizo de axuda no fogar nun prazo non superior a 2 días laborables, establecéndose unha alta provisional, tras a correspondente valoración técnica. Á maior brevidade posible a persoa usuaria, representante legal, gardador de feito ou coidador/a habitual, deberá facilitar a documentación precisa, así como aceptar o aboamento da taxa pública que correspondesen, se fose o caso, para manter o servizo.
A extensión da prestación, para as persoas usuarias cuxa vía de acceso ó servizo de axuda no fogar por libre concorrencia, incluído o acceso por urxencia sobrevida dentro desta modalidade, virá condicionada polas posibilidades orzamentarias do programa consignadas polo Concello de Cerceda.
Articulo 12. Procedemento: solicitudes e documentación
1. Para o acceso por dependencia:
As persoas que teñan recoñecida unha situación de dependencia. Que se lles asignara o servizo de axuda no fogar no Proxecto Individual de Atención e no Programa de Asignación de Recursos, achegarán, se fose o caso, a documentación precisa para actualizar os datos persoais e familiares.
2. Para o acceso por libre concorrencia:
O procedemento iniciarase mediante a presentación da solicitude (anexo I), en modelo normalizado, dirixida ao Alcalde no Rexistro Xeral do Concello de Cerceda, sen prexuízo do previsto na Lei de Procedemento Administrativo Común, xunto coa seguinte documentación:
- Fotocopia do DNI/NIE da persoa interesada.
- No caso de que a persoa solicitante actúe a través de representante ou coidador de feito, deberá presentar:
o Copia de sentenza de incapacitación legal e nomeamento de titor/representante legal.
o Fotocopia do DNI do titor/a ou representantes
o Declaración xurada de gardador de feito. Anexo II
- Fotocopia da tarxeta sanitaria
- Fotocopia do libro de familia no caso de que sexan menores de idade.
- Volante de empadroamento colectivo de convivencia, ou autorización para a consulta do Padrón Municipal. (Anexo III)
- Informe de saúde da persoas interesada, segundo anexo IV ou autorización para a súa solicitude, de selo caso, segundo Anexo IVBis
- Certificado de discapacidade, se é o caso, ou autorización para a consulta segundo o anexo III
- Certificado de dependencia, se é o caso, ou autorización para a consulta segundo o anexo III
- Xustificante de ingresos procedentes de salarios, pensións, subsidios e/ou outros bens que posúan tódalas persoas residentes na mesma unidade de conviviencia, por medio da seguinte documentación:
a. Declaración da renda ou autorización para consulta de datos fiscais (Aneno III)
b. Certificación de pensións ou prestacións percibidas do órgano competente, no caso de pensións ou prestacións percibidas do estranxeiro, certificación da contía percibida.
c. Certificado de bens mobles e/ou inmobles, xustificando rendementos, ganancias e perdas ou autorización para consulta de datos fiscais (Anexo III)
d. Certificación bancaria do número de IBAN bancario, ao efectos do cargo da taxa correspondente pola prestación do servizo.
e. Saldo en contas bancarias, valores e depósitos a 31 de decembro.
- Calquera outra documentación que se valore oportuna durante a tramitación do expediente en relación coa prestación solicitada
O Concello resérvase as actividades inspectoras que considere oportunas sobre os datos achegados e relacionados co servizo que se solicita.
O prazo de presentación das solicitudes será todo o ano.
As solicitudes incompletas contarán cun prazo de 10 días para emendar deficiencias, en caso de non facelo, serán arquivadas sen máis trámite tal e como se establece na lexislación que regula o procedemento administrativo.
3. Para acceso por urxencia sobrevida
Poderá iniciarse o servizo de axuda no fogar só coa solicitude presentada no Rexistro do Concello, sempre que así o valore o traballador/a social de referencia da persoa usuaria, a través do informe social. E que no prazo de 10 días hábiles, requirise a quen asinara a solicitude para que, achegue a documentación esixida no artigo 12.2. No caso de non presentala será causa de arquivo de expediente e suspensión do servizo de axuda no fogar por urxencia sobrevida.
O persoal de servizos sociais solicitará de oficio, por si mesma, a través doutros departamentos municipais ou extramunicipais, información relativa ao cumprimento dos requisitos de empadroamento ou a calquera outro indispensable que non se acredite suficientemente, sen prexuízo da obtención da correspondente autorización por parte da persoa interesada consorte a normativa vixente en materia de protección de datos.
4. Instrución e procedemento
Os servizos sociais do concello de Cerceda comprobarán que reúnen os requisitos recollidos no regulamento. De non ser así requiriráselle a persoa interesada, para que no prazo de 10 días, emende ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que non ser así, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 38/2015, de 1 de outubro, se entenderá que desiste do seu pedimento.
As solicitudes presentadas serán valoradas polo/a traballador/a social de referencia dos servizos sociais comunitarios do concello, unha vez realizada a correspondente visita a domicilio, determinará, mediante o informe social, segundo o modelo Informe Social Unificado, a idoneidade do servizo, así como a intensidade recomendable para cada caso concreto, tendo en conta tódolas circunstancias de necesidade e a aplicación do baremo establecido a tal fin, segundo o modelo do anexo V.
O traballador/a social de referencia elaborará un informe-proposta, segundo o modelo do anexo VI que será elevado ao órganos competente para ditar resolución. O prazo máximo para resolver será de tres meses. No caso de que sexa favorable, a mesma terá a consideración de alta no servizo. En caso de non existir dispoñibilidade horaria, a solicitude incluirase na listaxe de agarda, a prioridade virá determinada pola puntuación que obtivese na aplicación do baremo. No caso de empate da puntuación, atenderase por orde temporal da demanda.
A resolución de aprobación que se dite notificarase á persoa interesada ou ao seu representante legal.
Cando concorran circunstancias que aconsellen a intervención inmediata do servizo, o órgano competente resolverá o expediente, á vista do informe - proposta (anexo VI) do/a traballador/a social. Este informe conterá as causas que motiven a tramitación pola vía de urxencia. O procedemento de urxencia terá validez mentres se manteña a situación que o desencadeou. A desaparición desta levará consigo a extinción do servizo e a tramitación pola vía ordinaria.
Para o inicio da prestación do servizo será requisito previo a sinatura do acordo de servizo, a modo de compromiso de respecto ás normas do servizo que conterá como mínimo o tipo de atención, a intensidade horaria, a contribución económica correspondente ou gratuidade se procede, a aceptación domiciliación bancaria, segundo o modelo do anexo x.
As solicitudes de prestación do servizo de axuda no fogar poderán ser denegadas polo seguinte:
- Non reunir os requisitos de acceso establecidas na presente ordenanza.
- Non acadar 6 puntos da puntuación total establecida na presente ordenanza.
- Que a persoa usuaria poida satisfacer axeitadamente as súas necesidades por si mesmo/a e/ou co apoio dos seus familiares.
- Que a necesidade alegada non sexa obxecto de cobertura polo servizo de axuda no fogar.
- Que non se acepten as condicións do servizo municipal en canto á prestación e á obriga de participar no pagamento dos servizos naqueles supostos concretos que se establezan na ordenanza.
- Que persistan as circunstancias que motivaron a extinción do servizo a través dun expediente sancionador.
- Que a vivenda non reúna as mínimas condicións de habitabilidade, careza de auga, de luz... sexa unha infravivenda, chabola ou similar, segundo estableza a lexislación vixente.
- Que a persoa usuaria ou a persoa que a represente se negue a facilitar os medios oportunos e condicións para que sexa levado a cabo o servizo.
- Que a persoa usuaria ou a persoa que o representa se negue a asinar o acordo de prestación do servizo,
- Calquera outra causa, debidamente motivada.
Artigo 13. Intensidade do servizo
1. A intensidade do servizo determinarase, con carácter xeral, en horas mensuais de atención, distribuídas en función das necesidades da persoa usuaria e do informe técnico.
2. A intensidade do servizo de axuda no fogar para as persoas atendidas no marco do sistema de autonomía persoal e atención á dependencia estará predeterminada no seu programa de atención, a súa aplicación horaria será flexible e conforme co proxecto de intervención, de xeito que, cando menos, se garante a cobertura das necesidades de atención e carácter persoal na realización das actividades básica da vida diaria.
3. Nos restantes casos, a intensidade do servizo virá determinadas na prescrición efectuada polos correspondentes servizos sociais comunitarios e terá unha intensidade non superior a 20 horas/mes. Establécese como período semanal para a prestación destas horas de luns a venres, quedando excluídas as fins de semana o os días festivos. Para casos debidamente xustificados e de extrema necesidade, tanto a intensidade como o horario poderá variar, sempre que así sexa valorado pola traballadora social do concello.
Artigo 14. Desenvolvemento da prestación do servizo
1. O prazo de alta no servizo, será como máximo dunha semana, dende que a persoa usuaria se lle asigna dende o Programa de Asignación de Recursos para as persoas que acceden ao servizo na modalidade de dependencia, ou dende que se dita a resolución pola órgano competente, para as persoas que acceden ao servizo na modalidade de libre concorrencia. Para as persoas usuarias ás que se lles concede o servizo, pola vía de urxencia, o prazo de alta será como máximo de dous días.
2. Previo ao inicio do servizo, o persoal técnico realizará unha avaliación da situación e establecerá un consenso coa persoa usuaria, sobre as actuacións e tarefas e desenvolver no domicilio. Toda esta información relativa á prestación do servizo, poñerse en coñecemento da coordinadora da empresa, si é o caso e procederase a designar a persoa profesional de referencia.
3. A asignación do persoal de atención directa farase en base ó perfil requirido para cada caso concreto. Realizarase unha visita domiciliaria para a prestación do persoal de atención directa á persoa usuaria e do persoal coordinador da entidade, no caso de subcontratación do servizo.
Se a persoa beneficiaria, rexeita ao/á auxiliar de axuda no fogar que se lle asigna, sen razón suficientemente xustificada, pasará á lista de agarda ata que se lle asigne outro/a auxiliar, sempre que sexa tecnicamente posible.
Os cambios no persoal técnico asignado, así como nos horarios de prestación do servizo, que deban efectuarse por circunstancias de necesidades de organización do servizo, comunicaranse á persoa beneficiaria, seguindo en vigor o acordo asinado.
4. Para o inicio da prestación do servizo, será requisito previo, asinar un acordo da prestación do servizo, segundo o modelo establecido no anexo VIII.
5. O persoal técnico elaborará un proxecto de intervención, que deberá conter : días da semana de atención, horario concreto no que se desenvolverá a prestación, identidade de persoal de atención directa responsable da execución do proxecto, obxectivos e tarefas a desempeñar no domicilio e o seguimento efectivo da prestación no domicilio da persoa usuaria, con carácter mínimo bimestral.
6. Así mesmo entregarase á persoa usuaria e ao persoal de atención directa, o documento que conteña as tarefas a desenvolver no domicilio. Así mesmo farase entrega a cada persoa usuaria dunha copia da ordenanza municipal debidamente visada polo órgano competente.
7. Informarase ás persoas usuarias da existencia dun libro de reclamacións, que estará a súa disposición, para calquera queixa ou reclamación. No caso de queixa ou reclamación, facilitarase unha copia da queixa á persoa usuaria e remitirase o orixinal ao servizo de inspección no prazo de tres días, xunto cun informe do caso, segundo establece o artigo 6.i) do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia e a orde do 12 de xaneiro de 2021, pola que se regula a presentación e comunicación das reclamacións en material de Servizos Sociais,
8. O Departamento de servizos sociais do Concello abrirá un expediente para cada persoa usuaria ou por cada unidade de convivencia á que presta o servizo, na cal constará cando menos:
a. Un informe de avaliación inicial, segundo o modelo da Historia Social Única, asinado polo/a traballador/a social, responsable da coordinación do servizo de axuda no fogar.
b. Un proxecto de intervención, asinado polo traballador/a social, segundo o anexo VII desta ordenanza.
c. Un acordo de servizo asinado entre o concello de Cerceda e a persoa usuaria, segundo o anexo VIII desta ordenanza.
d. Informes de seguimento da prestación nos domicilios das persoas usuarias, que terán, como mínimo, un carácter bimestral ou extraordinarios, cando as circunstancias así o aconsellen.
Artigo 15.- Infraccións e sancións
As infraccións e sancións rexeranse polo disposto na Lei 13/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
Primeira. Normativa subsidiaria
No non previsto expresamente na presente Ordenanza, estarase ao disposto na Lei 12/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, Decreto 99/2012, de 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento e a Orde do 22 de xaneiro de 2009, pola que se regula o servizo de axuda no fogar.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Esta ordenanza derroga expresamente a ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar do Concello de Cerceda, aprobada polo Pleno da Corporación en data 28 de abril de 2014 e publicada no BOP núm. 154 de 14 de agosto de 2014.
DISPOSICIÓN FINAL
O presente regulamento entrará en vigor a partir da data da súa publicación integra no Boletín Oficial da Provincia de A Coruña.
ANEXOS