Baña A - ORDENANZA QUE REGULA O USO E A XESTIÓN DAS ÁREAS RECREATIVAS DO CONCELLO DA BAÑA

Publicación provisional: 08/08/2013 BOP Nº: 150
Publicación definitiva: 23/09/2013 BOP Nº: 181
Aplicable dende: 09/07/2021

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A cidadanía demanda cada vez máis as áreas recreativas do Concello da Baña como lugares de ocio. Isto provoca que a Administración necesite establecer uns prezos públicos que financien os servizos de limpeza, mantemento e reparación e unhas normas de uso.

É por tanto a finalidade desta ordenanza constituír o marco de dereitos e de obrigas das persoas usuarias das áreas recreativas municipais.

TÍTULO I.-OBXECTO E ÁMBITO DE APLICACIÓN

Artigo 1.

É obxecto da presente ordenanza establecer as normas de uso, xestión, funcionamento e control das áreas recreativas municipais co fin de que se utilicen correctamente e de conservar os seus elementos constituíntes, tanto materiais como naturais.

Artigo 2.

Toda actividade das áreas recreativas municipais deberá cumprir, ademais das presentes normas, as ditadas polos demais servizos municipais nas partes que lles afecten. O ámbito de aplicación territorial destas normas circunscríbese aos terreos propiedade do Concello da Baña.

CAPÍTULO 1. NORMATIVA XENÉRICA DE USO

Artigo 3

Con carácter xeral, o Concello da Baña poderá autorizar aquelas actuacións que teñan por finalidade conservar e rexenerar a flora das áreas.

Artigo 4.

A cidadanía ten dereito a usar e gozar das áreas de acordo co establecido nas presentes normas que actúan con carácter xeral para a totalidade das áreas recreativas do municipio.

Artigo 5.

Poderán usar as áreas todas aquelas persoas que así o desexen e que cumpran as normas esixidas pola presente ordenanza. As áreas terán un uso comunitario por cantas persoas usuarias así o desexen e cumpran as normas esixidas pola presente ordenanza mais terán preferencia as persoas empadroadas neste Concello.

Para o uso da área recreativa de Cháns e para garantir o cuidado do espazo público, establecese unha fianza de 50,00 €".

Artigo 6.

O horario de uso das áreas será de 09.00 a 02.00 horas. Excepcionalmente e tras a resolución da Alcaldía suficientemente motivada poderase usar en horario distinto ao descrito.

Artigo 7.

As persoas usuarias das áreas deberán cumprir as instrucións que sobre a súa utilización aparezan nos indicadores, anuncios, rótulos e sinais existentes.

Artigo 8.

Cando por motivos de interese se autoricen actos públicos ou de numerosa asistencia de persoas, deberanse tomar as medidas necesarias para non causar detrimento nas plantas e no equipamento. Tamén se deben considerar as medidas de autoprotección e seguridade esixidas pola lexislación sectorial. En todo caso, tal autorización deberá ser solicitada con antelación suficiente para adoptar as medidas precautorias necesarias e esixir as garantías suficientes.

En calquera caso, deberán atender as indicacións que, respecto a este evento, formule o persoal municipal.

CAPÍTULO II.-USOS PROHIBIDOS, USOS AUTORIZABLES E USOS PERMITIDOS

Artigo 9.-Usos prohibidos.

Constitúen usos prohibidos todas aquelas actuacións, actividades ou prácticas que poidan supoñer un risco para conservar os valores naturais ou os elementos constituíntes da área. Especialmente os seguintes:

1. Manipulación sobre árbores, plantas, rochas, etc.

2. Cortar flores, podar, arrancar ou partir árbores e arbustos e/ou ramas e/ou calquera tipo de especies vexetais, así como pelar ou arrancar as codias, ou trepar ou subir a estes.

3. Depositar ou botar lixo, residuos, plásticos, produtos fermentables, restos de comida, ou calquera clase de residuos ou lixo así como obxectos punzantes, cortantes ou contaminantes que poidan danar as persoas usuarias, fóra dos colectores e papeleiras habilitadas para tal fin.

4. Acender lume en lugares que non estean expresamente habilitados para tal fin e utilizar materiais ou fontes de combustión, plásticos, aceites e outros combustibles que supoñan un risco potencial de propagación do lume.

5. Causarlles calquera tipo de dano aos elementos constitutivos das instalacións.

6. A posta en funcionamento de grupos electróxenos, tanto polo perigo de incendios que supoñen coma polo ruído que xeran, salvo nos supostos excepcionalmente autorizables.

7. Utilizar equipos de son eléctricos ou electrónicos, salvo nos supostos excepcionalmente autorizables.

8. Realizar acampadas e montar carpas supletorias, salvo nos supostos excepcionalmente autorizables.

9. Circular con vehículos de motor, cabalos ou similares no interior da área e estacionar fóra das zonas habilitadas para tal fin.

10. Usar as instalacións para organizar actos privados con fins lucrativos.

Artigo 11.-Usos autorizables.

Con carácter excepcional e cando se xustifique por motivos de interese xeral ou análogos, poderanse autorizar, logo da solicitude expresa, os seguintes usos:

1. Utilizar fogóns de gas para elaborar alimentos.

2. Realizar acampadas e montar carpas supletorias, sempre e cando teñan fins didácticos e lúdicos.

3. A posta en funcionamento de grupos electróxenos só será autorizable cando as molestias xeradas polo ruído non afecten os obxectivos de calidade acústica do espazo, enténdense estes obxectivos como aqueles que non perturben a estancia a outras persoas usuarias.

4. Utilizar equipos de son eléctrico ou electrónico, sempre e cando non afecten á calidade acústica do espazo e non vulneren o dereito a descansar o resto das persoas usuarias.

Artigo 12.-Usos permitidos.

Con carácter xeral considéranse usos permitidos todos aqueles que non figuran como usos prohibidos e autorizables e, en particular, todos aqueles usos que sexan compatibles co ocio e o recreo das persoas visitantes sen menoscabo dos dereitos do resto de persoas usuarias e os que non supoñan a deterioración dos elementos naturais e constituíntes das instalacións.

A colocación de antucas, toldos e mesas supletorias na zona de uso asignada estará permitida sempre e cando non se invada o espazo asignado a outras persoas usuarias.

TÍTULO III.-SOLICITUDES E AUTORIZACIÓNS

Artigo 13.

A solicitude de uso presentarase por escrito nas dependencias da Casa do Concello, cunha antelación mínima de 24 horas. Por cuestións de organización interna, non se aceptarán solicitudes que sexan presentadas cunha antelación máxima superior a 15 días.

A devandita solicitude deberá ir acompañada pola copia do recibo xustificante de ter aboado as taxas correspondentes, se é o caso, e da fotocopia do DNI.

Artigo 14.

A tramitación das solicitudes realizarase por rigorosa orde da data de presentación no Rexistro Municipal. Despois de estudar a petición e, en caso de que sexa viable, emitirase a correspondente autorización, a cal deberá estar en posesión da persoa autorizada e a disposición do persoal responsable da área ou da autoridade competente, no momento de usar a instalación.

As solicitudes que non poidan ser atendidas por exceso de demanda, pasarán se así o desexan a integrar unha lista de espera xestionada por rigorosa orde de inscrición, Esta lista de espera será pública e poderá ser consultada na páxina web do Concello.

TÍTULO IV.-RÉXIME SANCIONADOR

Artigo 15.

Correspóndelle ao Concello inspeccionar e controlar a zona, e á Alcaldía, impoñer sancións en caso de cometer algunha infracción administrativa conforme ao disposto nestas normas e demais de xeral aplicación en vigor.

O persoal municipal, como axente investido de autoridade, coas facultades e prerrogativas inherentes a esta condición, realizará a inspección e estará plenamente facultado para requirirlles ás persoas usuarias que adopten as medidas necesarias para o uso axeitado da área nos termos establecidos na presente ordenanza.

Artigo 16.

Constitúe infraccións administrativas incumprir as disposicións contidas nesta ordenanza así como vulnerar as prohibicións que nela se establecen.

As infraccións á presente ordenanza serán sancionadas pola Alcaldía dentro dos límites establecidos pola legalidade vixente.

O procedemento sancionador da ordenanza rexerase polo establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro e polo Regulamento de procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1.398/1994, do 4 de agosto.

Artigo 17.

As infraccións desta ordenanza terán a consideración de faltas leves, graves e moi graves.

Son faltas leves:

- Verter ou abandonar obxectos, residuos sólidos, etc., fóra dos lugares destinados para tal fin.

- Alterar as normas de convivencia para o común goce da área, con actuacións que prexudiquen as demais persoas usuarias.

- Utilizar os equipos de son eléctricos ou electrónicos sen a correspondente autorización.

- A presenza de mascotas.

- Os demais actos de natureza análoga que non sexan constitutivos de faltas graves ou moi graves.

Son faltas graves:

- Actos que impliquen deterioración ou menoscabo das instalacións e do equipamento da área recreativa e/ou contra os elementos naturais e/ou a flora ou fauna.

- O incumprimento, activo ou pasivo, dos requirimentos en orde á preservación da zona.

- A obstrución ou omisión da colaboración necesaria á autoridade municipal que realice a inspección.

- Estacionar fóra das zonas habilitadas para tal fin.

- Realizar acampadas, montaxe de toldos e carpas supletorias sen a correspondente autorización.

- Usar as instalacións sen a correspondente autorización administrativa.

- Utilizar materiais ou fontes de combustión, plásticos, aceites e outros combustibles que supoñan un risco potencial de propagación do lume.

- O depósito e/ou abandono de residuos contaminantes e/ou perigosos ou obxectos punzantes e/ou cortantes que puidesen causarlles riscos ás persoas usuarias.

- As que constitúan reincidencia en faltas leves.

Son faltas moi graves:

- Acender lume no lugar e na data non autorizado.

- Circular pola área con medios motorizados.

- A actividade cinexética, así como o espoliar ou deteriorar niños e tobos.

- Poñer en funcionamento grupos electróxenos, sen a correspondente autorización.

- Usar as instalacións para organizar actos privados con fins lucrativos.

- As actividades que atenten directamente contra a conservación dos elementos naturais da fauna e flora e/ou dos elementos constitutivos das áreas recreativas.

- A reincidencia en cometer faltas graves.

Artigo 18.

As sancións de aplicación ás infraccións detalladas son as seguintes:

- Faltas leves: multa ata 750 euros.

- Faltas graves: multa de 751 euros ata 1.500 euros.

- Faltas moi graves: multa de 1.501 euros ata 3.000 euros.

Para graduar as respectivas sancións, valoraranse conxuntamente as seguintes circunstancias:

- Natureza da infracción.

- Grao de perigo para os bens.

- Grao de intencionalidade.

- Reincidencia ou reiteración.

- Gravidade do dano causado.

- Outras circunstancias atenuantes ou agravantes que se consideren.

Será considerado reincidente o/a titular ou particular que fose sancionado nos doce meses precedentes polo mesmo concepto, unha ou máis veces.

Artigo 19.

En todo caso, con independencia das sancións que puidesen proceder, deberán ser obxecto de axeitado resarcimento os danos e os prexuízos que se ocasionasen nos bens de propiedade municipal, cuxa avaliación lles corresponderá efectuar aos servizos técnicos municipais.

A aplicación das sancións establecidas nesta ordenanza non exclúe, respecto aos actos de desobediencia ou resistencia ao persoal municipal e outros tipificados pola lexislación penal, a reclamación do tanto de culpa aos tribunais de xustiza, e, a reposición da situación alterada por este ao seu estado orixinario.

Artigo 20.

As infraccións moi graves prescriben aos tres anos, as infraccións graves aos dous anos e as infraccións leves aos seis meses.

As sancións impostas por faltas moi graves prescriben aos tres anos, as impostas por faltas graves aos dous anos e as impostas por faltas leves ao ano.

Artigo 21.

Para os efectos considerados na ordenanza son responsables das infraccións cometidas directamente os/as que as realicen por actos propios, ou, por aqueles dos cales se deba responder de acordo coa lexislación.

Tratándose de persoas xurídicas ou calquera tipo de asociación, teña ou non personalidade xurídica, a responsabilidade atribuirase a estas, e se é o caso, á persoa que as represente.

Nos termos establecidos na presente ordenanza, poderá esixirse a responsabilidade solidaria cando a imputación e a sanción da infracción se residencie en dúas ou máis persoas físicas ou xurídicas.

DISPOSICIÓN ADICIONAL.

Facúltase a Alcaldía para interpretar, aclarar ou desenvolver as disposicións que se recollen no texto da presente ordenanza, así como ditar as disposicións complementarias para a súa mellor aplicación, sen prexuízo dos recursos que en vía xurisdicional fosen procedentes.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA.

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ou contradigan ao contido da presente ordenanza.


DISPOSICIÓN FINAL.

Esta ordenanza entrará en vigor unha vez que transcorran 15 días tras a súa publicación definitiva no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, tal como se establece nos artigos 65.2 e 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local (BOE núm. 80, do 3 de abril de 1985).

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza dispón a súa entrada en vigor ós 15 días hábiles seguintes a súa publicación no B.O.P., pero se debe ter en conta que o artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril , reguladora das Bases do Réxime Local establece que:

¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales....." (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).

Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."

Anexo

1. INFORMACIÓN XERAL.

- O horario de uso e goce da instalación é dende as 09:00 horas ata as 02:00 horas.

- A capacidade máxima de persoas usuarias da área é de noventa (90) persoas.

- A solicitude de uso realizarase por escrito nas dependencias da casa do concello (praza do Concello, s/n; teléfono 981 886 501) e deberá presentarse cunha antelación mínima de 24 horas. Por cuestións de organización interna, non se aceptarán solicitudes que sexan presentadas cunha antelación máxima superior a quince días.

A análise das solicitudes realizarase por rigorosa orde, sobre a base da data de presentación. Tras estudar estas, e en caso de que sexa viable, emitiranse as correspondentes autorizacións, que deberán estar en posesión do autorizado e a disposición do persoal responsable da área ou da autoridade competente, no momento de goce e/ou uso da instalación.

As solicitudes que non podan ser atendidas por exceso de demanda, pasarán si así o desexan a integrar unha lista de espera xestionada por rigoroso orde de inscrición. Esta lista de espera será pública e poderá ser consultada na instalación.

2. NORMAS DE USO.

Usos prohibidos:

 Manipular árbores, plantas, rochas, etc.

 Cortar flores, podar, arrancar ou partir árbores e arbustos e/ou ramas e/ou calquera tipo de especies vexetais, así como pelar ou arrancar as codias, ou trepar ou subir a estes.

 Depositar, aínda de forma transitoria, materiais de obra ou entullos.

 Depositar ou botar lixos, residuos, plásticos, produtos fermentables restos de comida, ou calquera clase de residuos ou lixo así como obxectos punzantes, cortantes ou contaminantes que poidan danar as persoas usuarias, fóra dos colectores e papeleiras habilitadas para tal fin.

 Acender lume en lugares que non estean expresamente habilitados para tal fin e utilizar materiais ou fontes de combustión, plásticos, aceites e outros combustibles que supoñan un risco potencial de propagación do lume.

 A actividade cinexética, así como o espolio ou deterioración de niños e tobos.

 Causarlles calquera tipo de dano aos elementos constitutivos das instalacións.

 Poñer en funcionamento grupos electróxenos, tanto polo perigo de incendios que supoñen coma polo ruído que xeran, salvo nos supostos excepcionalmente autorizables.

 Utilizar equipos de son eléctricos ou electrónicos, salvo nos supostos excepcionalmente autorizables.

 Realizar acampadas e montaxe de carpas supletorias, salvo nos supostos excepcionalmente autorizables.

 As prácticas deportivas.

 A presenza de mascotas, salvo a presenza de cans guías que se encontren acompañando persoas invidentes.

 Circular con vehículos de motor, cabalos ou similares no interior da área e estacionar fóra das zonas habilitadas para tal fin.

 Usar as instalacións para organizar actos privados con fins lucrativos.

Usos autorizables:

 Utilizar fogóns de gas para elaborar alimentos.

 Realizar acampadas e montaxe de carpas supletorias, sempre e cando teñan por finalidade acoller escolares ou grupos similares e sempre vinculados a fins didácticos.

 A posta en funcionamento de grupos electróxenos só serán autorizables cando as molestias xeradas polo ruído non afecten os obxectivos de calidade acústica do espazo, enténdense estes obxectivos como aqueles que non perturben a estancia a outras persoas usuarias.

 Utilizar equipos de son eléctrico ou electrónico, sempre e cando non afecten á calidade acústica do espazo e non vulneren o dereito a descansar do resto das persoas usuarias.

3. DISPOSICIÓNS DO PERSOAL MUNICIPAL E SANCIÓNS.

A inspección sobre o correcto cumprimento das presentes normas será realizada polo persoal municipal, axente de autoridade ao exercer estas funcións, coas facultades e prerrogativas inherentes a esta condición. Este persoal requirirá as persoas usuarias para que adopten as medidas necesarias para o axeitado uso da área nos termos establecidos nas presentes normas e establecerá en caso de que fose necesario as sancións correspondentes.