Valdoviño - ORDENANZA REGULADORA DA INSTALACIÓN DE TERRAZAS EN DOMINIO PÚBLICO E ESPAZOS PRIVADOS DE USO PÚBLICO, VINCULADOS A ACTIVIDADES COMERCIAIS E DE HOSTALARÍA, NO MUNICIPIO DE VALDOVIÑO.

Publicación provisional: 09/06/2021 BOP Nº: 107
Publicación definitiva: 02/08/2021 BOP Nº: 144
Aplicable dende: 23/08/2021

ÍNDICE

CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1 Obxecto

Artigo 2 Definicións

Artigo 3 Licenzas

Artigo 4 Requisitos xerais

Artigo 5 Prohibicións e limitacións

Artigo 6 Actividades incluídas

Artigo 7 Actividades excluídas

Artigo 8 Efectos

Artigo 9 Dereitos derivadas da licenza

Artigo 10 Obrigas

CAPÍTULO II. PROCEDEMENTO DE OUTORGAMENTO DA LICENZA

Artigo 11 Réxime xurídico

Artigo 12 Capacidade para solicitar a licenza

Artigo 13 Requisitos da solicitude

Artigo 14 Competencia para o outorgamento da licenza

Artigo 15 Prazo de resolución

Artigo 16 Vixencia da licenza

CAPÍTULO III. CONDICIÓNS PARTICULARES DAS LICENZAS

Artigo 17 Limitacións de emprazamento

Artigo 18 Horario da actividade

Artigo 19 Orde e limpeza diaria

Artigo 20 Remate do período de ocupación

CAPÍTULO IV. DOS MATERIAIS E MOBILIARIO

Artigo 21 Toldos, cubertas, parasoles e antucas

Artigo 22 Expositores

Artigo 23 Taboados, plataformas e elementos análogos

Artigo 24 Homologacións

CAPÍTULO V. RÉXIME FISCAL

Artigo 25 Taxas

CAPÍTULO VI. INSPECCIÓN E RÉXIME SANCIONADOR

Artigo 26 Inspección

Artigo 27 Infraccións

Artigo 28 Sancións

Artigo 29 Aplicación das sancións

Artigo 30 Persoas responsables

DISPOSICIÓN ADICIONAL

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

DISPOSICIÓN FINAL

CAPÍTULO I.-DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.- Obxecto

1. A presente ordenanza ten por obxecto regular o réxime xurídico ao que debe someterse a instalación de terrazas en terreos de uso público.

2. A presente Ordenanza é aplicable a todos os espazos (vía pública, espazos libres, zonas verdes, soportais, etc.) do Municipio, de uso público, sexan de titularidade pública ou privada. Esta condición de uso público virá determinada en función tanto da situación de feito, como por aplicación das determinacións do planeamento vixente.

3. Unicamente quedan excluídas do ámbito desta Ordenanza as terrazas situadas en espazos de titularidade e uso privados, que, en todo caso, se rexerán pola normativa que lles resulte de aplicación.

4. Cando concorran circunstancias de interese público que impidan a efectiva utilización de solo para o destino autorizado, tales como obras, acontecementos públicos, situacións de emerxencia ou calquera outras, a autorización quedará sen efecto ata que desaparezan as devanditas circunstancias, sen que se xere dereito a indemnización ningunha.

As autorizacións poderán ser revogadas unilateralmente pola administración en calquera momento por razóns de interese público, sen xerar dereito a indemnización, cando resulten incompatibles coas condicións xerais aprobadas con posterioridade, produzan danos no dominio público, impidan a súa utilización para actividades de maior interese público ou menoscaben o uso xeral.

Artigo 2.- Definicións

Para os efectos da presente ordenanza, enténdese por:

1. Actividade hostaleira : Son aqueles establecementos, públicos ou privados, que se encadran entre os locais de hostalería recollidos na normativa de Turismo da Xunta de Galicia.

2. Terraza ou velador de hostalería : É o conxunto de mesas, cadeiras e calquera outro mobiliario ou instalación que, sendo propios deste tipo de instalacións, sitúense en dominio público ou en espazos privados de uso público, e formen parte ou sirvan de complemento temporal ou continuo a un establecemento legalizado de hostalería, así como cando formen parte dun establecemento que na súa comunicación previa ou declaración responsable recolla expresamente a autorización de funcionamento da hostalería complementaria.

Poden contar cos seguintes elementos:

¿ Toldos: Instalación auxiliar dunha terraza con estrutura ancorada á fachada, con cuberta de elementos enrrollables e flexibles, non podendo contar con cerramentos laterais.

¿ Parasoles ou antucas: elementos non fixos que se recollen e pregan e se empregan para a protección do sol nas terrazas.

¿ Cubertas estables: son elementos de resgardo das terrazas formadas por cubertas distintas dos toldos, cuxas características permanezan inalterables no tempo, con estrutura independente, desmontable e autoportante que poden estar ancoradas ao solo, consonte as condicións establecidas na presente ordenanza.

¿ Tarimas ou taboados: Instalación auxiliar a unha terraza con carácter móbil ou facilmente desmontable, con estrutura ancorada ou non ao pavimento, cuxo fin é eliminar barreiras de pendente, ou desnivel derivados das especiais características dos espazos urbanos susceptibles de ocupación, permitindo o acceso ou a nivelación do solo para a ocupación de conformidade co disposto na presente ordenanza.

3. Elementos accesorios : Elementos móbiles e desmontables vinculados ás terrazas ou, no seu caso, como extensión da actividade comercial principal a espazos de uso público, que se dispoñen no exterior de establecementos de hostalería, comerciais ou de servizos, tales como caixóns, plantas, armazóns no chan para o apoio de carteleira ou propaganda, armarios expositores ou similares.

4. Outros : Calquera outra instalación vinculada de tipo similar que, a xuízo do Concello e previo informe dos servizos técnicos e xurídicos, e co as limitacións que se sinalan na presente ordenanza, poida situarse en dominio público ou en espazos privados de uso público.

Artigo 3.- Licenzas

1. A ocupación de terreos definidos no artigo 1 suxeitarase a previa licenza administrativa regulada nesta ordenanza, podendo instalarse unicamente o mobiliario expresamente autorizado.

2. A licenza obxecto desta Ordenanza é independente das demais autorizacións que correspondan en virtude de normativa sectorial ou da que regule a ocupación de solo de dominio público distinto do municipal.

3. O outorgamento da licenza en espazos de dominio público virá determinada polo previsto no Regulamento de Bens das Entidades Locais ou normativa de uso dos bens demaniais locais vixente, mentres que para os espazos de titularidade privada e uso público estarase ao previsto na lexislación urbanística autonómica e nesta Ordenanza.

4. No outorgamento das autorizacións para a ocupación do dominio público harmonizaranse os intereses públicos e privados, atendendo a criterios de compatibilidade entre os aproveitamentos especiais ou usos privativos solicitados e o uso común xeneral do dominio público, prevalecendo en caso de conflito este último por razóns de interese xeral.

Para tal efecto, teranse en conta os seguintes valores e criterios:

a) Preferencia do uso común xeneral, con especial atención ao tránsito peonil, debendo garantirse que as instalacións autorizables non mingúen a accesibilidade de todos os cidadáns aos espazos destinados ao uso público, en condicións de fluidez, comodidade e seguridade.

b) Garantía da seguridade viaria.

c) Protección da seguridade cidadá e da tranquilidade pública, en especial contra a contaminación acústica. Para tal efecto, o funcionamento das instalacións deberá respectar os límites de ruído en vivendas e locais próximos previstos na ordenanza municipal reguladora da emisión e recepción de ruídos e vibracións ou normativa equivalente que a substitúa, e demais lexislación en vigor.

d) Preservación do arboredo e vexetación da paisaxe urbana e dos ambientes e condicións estéticas dos lugares e edificios, aínda que non conten con ningún tipo de protección específica nas lexislacións sectoriais.

e) Preservación do mobiliario urbano, e de calquera elemento singular existente no espazo de uso público.

f) Protección do uso e dos dereitos e intereses dos usuarios das propiedades lindeiras.

g) Protección do Patrimonio e dos seus elementos catalogados, coa imposición das condicións de ornato e estética que garantan unha imaxe adaptada e non distorsionante.

h) Garantía do funcionamento dos servizos públicos, en especial os de emerxencia.

i) Garantía de fácil accesibilidade en todo momento aos servizos ou instalacións públicos existentes.

5. Non poderán autorizarse instalacións obstaculizando as saídas de emerxencia, así como vaos, pasos de peóns ou paradas de transporte público.

6. En caso de solicitude e instalación de terraza xunto ás vías de circulación sen banda de aparcamento, deberá instalarse unha protección de calzada para a concesión da preceptiva licenza.

7. Os plans de desenvolvemento das Normas subsidiarias de planeamento municipal de Valdoviño ou do futuro Plan xeral de ordenación municipal que deban regular a ordenación detallada do solo, aprobados con posterioridade á entrada en vigor da presente ordenanza, poderán establecer normas máis restritivas para a ocupación do dominio público nos seus respectivos ámbitos, que serán de preferente aplicación aos preceptos da presente ordenanza.

8. A autoridade municipal competente procederá a denegar a licenza para a instalación de terrazas ou veladores de hostalería, así como elementos publicitarios, elementos accesorios vinculados á mesma naqueles casos que así o esixa a normativa en vigor, o interese público por razón de trazado, situación, seguridade viaria, obras públicas ou calquera outra circunstancias.

Artigo 4.- Requisitos xerais

1. Con carácter xeral, as instalacións ás que se refire a presente ordenanza terán sempre natureza temporal, serán facilmente desmontables e ademais rexeranse polo disposto no Capítulo III.

2. Ademais do establecido no Capítulo III, os emprazamentos deberán cumprir os seguintes requisitos xerais:

a) Deberán deixarse completamente libres para a súa utilización inmediata, se fora preciso polos servizos públicos correspondentes:

- Acceso aos inmobles.

- Bocas de rego e hidrantes de incendio.

- Saídas de emerxencia.

- Paradas de transporte público regularmente establecidas.

- Aparellos de control de tráfico.

- Centros de transformación, arquetas de rexistro de servizo público e sumidoiros.

- Pasos peonís sinalizados.

- Calzadas con circulación de vehículos.

- Prazas delimitadas de aparcadoiro público.

b) Non poderá colocarse ningún elemento que dificulte a manobra de entrada ou saída de vaos permanentes de paso para vehículos.

c) En ningún caso se poderán colocar elementos fixos ou permanentes cuxa colocación ou desmontaxe requira a realización dalgunha obra especial, agás os toldos ou cubertas (no caso de terreos de titularidade privada neste último caso), que en todo caso realizaranse con elementos facilmente desmontables.

d) Prohíbese o peche lateral da terraza con elementos fixos, agás separadores ou corta-ventos móbiles, cun máximo de dous e cunha altura máxima de 1,80 metros.

Prohíbese o peche da cuberta, agás con toldos móbiles. Permitirase a cuberta de terrazas en solo de titularidade privada, cando estas se realicen con elementos facilmente desmontables, utilizando materiais que favorezan a adaptación no entorno e previo informe favorable dos servizos técnicos municipais.

No caso de instalar corta-ventos e cubertas nas condicións descritas anteriormente, deberá quedar totalmente libre a superficie entre a parte superior do corta-ventos e a cuberta.

3. Calquera elemento que forme parte da terraza que se instale sobre unha beirarrúa, deberá separarse un mínimo de 0,50 m con respecto ao bordo da beirarrúa.

Artigo 5.- Prohibicións e limitacións

1. Así mesmo queda estritamente prohibida a celebración de espectáculos ou actuacións musicais, agás autorización municipal expresa.

2. Prohíbese o almacenamento de produtos, caixas de bebida ou outros materiais na superficie de ocupación da terraza.

3. Prohíbese sacar do recinto da terraza calquera tipo de bebida en envases de plástico, vidro ou cristal.

4. Queda prohibido almacenar ou amorear xunto ás terrazas produtos, materiais e elementos móbiles (mostradores e cámaras), así como residuos propios da instalación, tanto por razóns de estética e ornato, como por hixiene.

5. Durante o horario en que permaneza instalada e en funcionamento a terraza ou calquera outra instalación autorizada por esta ordenanza, non poderán rexistrarse niveis de recepción sonoros procedentes da mesma superiores aos establecidos na lexislación vixente en materia de contaminación acústica. Do mesmo xeito non se permitirán instalacións ou actividades xeradoras de concentracións de fumes e olores que perturben a normal convivencia veciñal. Así mesmo, a utilización de aparellos reprodutores de imaxe e son limitarase ata as 23:30 no período comprendido entre o 15 de xuño ao 15 de setembro, e ata as 22:30 no resto do ano, con estrito cumprimento dos límites en materia de contaminación acústica.

Artigo 6.- Actividades incluídas

A licenza para instalar terrazas dará dereito a expender e consumir na mesma os mesmos produtos que poidan selo no interior do establecemento do cal dependan.

 Artigo 7.- Actividades excluídas

A presente ordenanza non será de aplicación aos actos de ocupación da vía pública que, sendo de carácter hostaleiro, se realicen con ocasión de feiras, festexos, actividades deportivas ou análogas, que se suxeitarán ás súas normas específicas.

Artigo 8.- Efectos

1. Todas as licenzas outorgaranse deixando a salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiros e con carácter revogable. O exercicio da actividade realizarase a risco e ventura dos interesados.

2. A licenza terá carácter persoal e non poderá ser arrendada, subarrendada nin cedida, directa ou indirectamente a terceiros, en todo ou en parte.

3. O titular da licenza quedará obrigado diante do Concello de Valdoviño ao cumprimento das obrigas derivadas do seu outorgamento.

4. A eficacia xurídica da licenza quedará vinculada ao cumprimento das súas condicións e ao pago das taxas e tributos correspondentes.

Artigo 9.- Dereitos derivados da licenza

1. O titular da licenza terá dereito a exercer as actividades nos termos previstos na propia licenza, con suxeición ás prescricións establecidas nesta ordenanza así como na lexislación sectorial e ordenanzas municipais de aplicación.

2. As terrazas poderán instalarse durante todo o período para o cal teñan autorización.

3. Como consecuencia de necesidades públicas de urbanización, implantación, supresión ou modificación de servizos públicos, o concello, poderá revocar ou suspender a licenza concedida, sen dereito a indemnización a favor do interesado. Neste caso, devolveráselle de oficio a parte do tributo que corresponda proporcionalmente ao tempo en que non poida manter instalada a terraza.

Artigo 10.- Obrigas

1. Serán por conta do titular da licenza a instalación dos elementos e, no seu caso, a realización, á súa costa, das obras necesarias para a instalación dos toldos, para o cal, en calquera caso, deberá estar en posesión da correspondente licenza.

2. Será obriga dos titulares das terrazas manter as mesmas e os elementos que as compoñen, nas debidas condicións de limpeza, seguridade e ornato. A tales efectos, estarán obrigados a dispor dos elementos de recollida e almacenamento dos residuos necesarios para manter limpo o espazo público.

3. Será obrigatorio, para poder instalar terrazas anexas a establecementos dedicados a hostalaría, estar en posesión do título habilitante de natureza urbanística e turística autonómica que ampare tal establecemento.

4. Deberán figurar en lugar visible, enmarcados e coa debida claridade, o título habilitante para a instalación da terraza, no que se especifique o número de mesas autorizadas, debendo axuntarse plano de situación selado polo concello.

CAPITULO II.- PROCEDEMENTO DE OUTORGAMENTO DA LICENZA

Artigo 11.- Réxime xurídico

1. A licenza obxecto desta Ordenanza tramitarase de acordo co previsto na lexislación de réxime local e do procedemento administrativo común.

Sen ánimo de ser exhaustivo, relaciónase a continuación a normativa que se deberá ter en conta na tramitación das licenzas de terrazas reguladas na presente ordenanza:

- Lei 33/2003, do 3 de novembro, do Patrimonio das Administracións Públicas.

- Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local.

- Real Decreto 1372/1986, do 13 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de bens das Entidades Locais.

- Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

- Decreto 143/2016, do 22 de decembro do Regulamento da Lei do Solo de Galicia.

- Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

- Real Decreto 505/2007, do 20 de abril, polo que se aproban as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación das persoas con discapacidade para o acceso e utilización dos espazos públicos urbanizados e edificacións.

- Orde VIV/561/2010, do 1 de febreiro, pola que se desenvolve o documento técnico de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos espazos públicos urbanizados.

- Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade da Comunidade Autónoma de Galicia

- Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

- Lei 10/2003, do 26 de decembro, sobre o acceso á contorna das persoas con discapacidade acompañadas de cans de asistencia.

- A lexislación ambiental, en especial, a que protexe contra a contaminación acústica.

- Lei 28/2005, de 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, o subministro, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco.

2. Para a súa concesión serán precisos os informes técnicos e xurídicos preceptivos e, en todo caso, un informe da Policía Local.

Artigo 12.- Capacidade para solicitar a licenza

Poderán solicitar a licenza os titulares das licenzas de apertura ou títulos habilitantes para o exercicio da actividade dos establecementos hostaleiros descritos no artigo 1 desta ordenanza, sempre que a actividade se desenvolva coa lexislación xeral e sectorial que regula a mesma.

Artigo 13.- Requisitos da solicitude

1. As licenzas solicitaranse ao Sr. Alcalde-Presidente do Concello de Valdoviño.

2. Ademais dos datos xerais de identificación do solicitante e do estabelecemento hostaleiro, acompañarase á solicitude a seguinte documentación:

a) Situación do establecemento aberto ao público no que se vai instalar a terraza e a descrición das características da mesma.

b) Declaración da persoa titular onde se faga constar o compromiso de contratación do seguro previsto na normativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia para o establecemento no que esté incluída a terraza, ou a documentación acreditativa da dispoñibilidade do mesmo.

c) Fotocopia do título habilitante da actividade principal, ou referencia ao seu expediente de concesión ou transmisión ou comunicación previa, agás que se acompañe fotocopia da instancia correspondente.

d) Autorización dos propietarios dos inmobles estremeiros, no caso de que a solicitude contemple unha terraza encostada á fachada do edificio e pretenda superar a porción desta ocupada polo establecemento.

e) Autorización expresa da comunidade de propietarios, cando se trate da ocupación de espazos privados de uso público.

f) Memoria descritiva dos elementos de mobiliario que se pretenden instalar na terraza, debéndose cuantificar, en todo caso, o número de mesas e cadeiras.

g) Planos a escala 1:100 ou 1:200, onde se reflictan, a situación segundo a cartografía da normativa urbanística municipal en vigor, a superficie de ocupación, a lonxitude das fachadas do establecemento, a súa superficie útil e construída, as medidas das beirarrúas e dos espazos de circulación peonil adaptados á normativa, e disposición e cotas de todos os elementos de mobiliario urbano e de servizos (árbores, rexistros, xardíns, sinais, etc), así como zonas de protección referidas aos pasos de peóns, vaos, etc.

h) Fotografías das mesas, cadeiras ou parasoles, antucas e demais instalacións que pretendan instalarse, agás que se trate de mobiliario homologado polo Concello, en cuxo caso bastará indicar este extremo, ou de outro mobiliario habitual e estándar que quede perfectamente identificado con outras referencias.

i) Memoria técnica referente ás condicións de cumprimento da normativa técnica (CTE, accesibilidade, etc), de ser o caso.

j) No seu caso, plano de instalacións eléctricas exteriores, indicando e especificando as proteccións necesarias.

k) No seu caso, autorización ou concesión de dominio público, referida á superficie da terraza, outorgada pola administración competente.

l) No seu caso, autorización turística expedida polo órgano autonómico competente.

3. Na solicitude deberase indicar o período de tempo para o cal se solicita licenza e a data de inicio da actividade.

Artigo 14.- Competencia para o outorgamento da licenza

Será competente para o outorgamento da licenza o Sr. Alcalde-Presidente ou concelleiro en quen delegue, sen prexuízo do réxime de delegación de competencias noutros órganos de goberno previsto na lexislación de réxime local.

Artigo 15.- Prazo de resolución

A tramitación da solicitude de licenza non poderá exceder do prazo 2 meses, a contar desde a presentación da solicitude e da documentación completa anexa no concello, salvo no caso de que supoña tamén a ocupación do dominio público, no cal será de 3 meses. Transcorrido devandito prazo sen que o concello notificase a resolución á persoa interesada, esta poderá entender estimada por silencio administrativo a súa solicitude en relación coa licenza de actividade.

Artigo 16.- Vixencia da licenza

1. A licenza outorgarase por período anual, cuadrimestral ou mensual e deberá solicitarse con anterioridade a súa instalación, agás no caso de instalación en terreos de propiedade privada que se darán por tempo ilimitado.

2. As autorizacións anuais poderán ser obxecto de prórroga cando así o solicite expresamente o interesado na solicitude inicial de aproveitamento do dominio público local.

3. Os cuadrimestres obxectos de autorización serán os seguintes,

- De febreiro a maio.

- De xuño a setembro.

- De outubro a xaneiro.

Fóra dos casos nos que se solicite o aproveitamento polo ano natural, os interesados non poderán solicitar un aproveitamento superior a un cuadrimestre -tal e como se definen anteriormente-, sen prexuízo de que soliciten expresamente a súa prórroga de forma análoga ó disposto para as autorizacións anuais. A prórroga entenderase feita para os períodos cuadrimestrais seguintes de xeito que exista continuidade no aproveitamento do dominio público local.

4. Os interesados poderán solicitar un aproveitamento inferior a un cuadrimestre (un ou varios meses). Neste caso, non se poderá prorrogar a autorización concedida.

5. A modificación das condicións da licenza obriga necesariamente a un novo trámite de solicitude e, no seu caso, concesión.

CAPÍTULO III.- CONDICIÓNS PARTICULARES DAS LICENZAS

Artigo 17.- Limitacións de emprazamento

1. Como norma xeral a superficie de ocupación do dominio público non poderá exceder dos seguintes parámetros e tendo en conta que as condicións de evacuación, a normativa de protección contra a contaminación acústica ou contra o lume, a contorna na que se atope a instalación, e demais normativa sectorial de aplicación o permitan:

SUPERFICIES DE OCUPACIÓN DO DOMINIO PÚBLICO POR SUPERFICIE CONSTRUÍDA DO ESTABLECEMENTO PRINCIPAL

Superficie local (m2) Superficie ocupación (%)

≤ 50 m2 80%

> 50 m2 ata 100 m2 60%

≥ 100 m2 50%

En espazos de titularidade e uso privado, excepcionalmente, poderase superar esta porcentaxe cando pola superficie do terreo, as condicións de evacuación, o cumprimento da normativa de protección contra a contaminación acústica ou contra o lume, a contorna na que se atope a instalación, e demais normativa sectorial o permitan.

2. A ocupación de beirarrúa non poderá ser nunca superior aos 2/3 de largura libre da mesma, debéndose deixar libre para paso de peóns, polo menos, unha largura de 1,80 metros.

Non obstante, o itinerario peonil libre poderá ser reducido a 1,50 metros, a xuízo dos servizos técnicos, cando o permita a intensidade habitual ou puntual do tránsito de viandantes, ou por outras circunstancias.

3. No caso de establecementos estremeiros, o espazo susceptible de ocupación distribuirase equitativamente entre os solicitantes, de acordo coa largura de fachada de cada establecemento afectado.

4. Non poderá obstaculizarse o acceso á calzada desde os portais dos predios, deixando despexados en toda a súa largura máis de 0,50 metros a cada lado, medidos desde os marcos das portas. Non se poderá dificultar a manobra de entrada ou saída nos pasos permanentes e nestes espazos non poderá colocarse tampouco mobiliario accesorio. Para colocación de corta-ventos de terrazas, esta distancia ampliarase a 1,00 metro. Garantirase a visibilidade da saída de vehículos, para o que deberá achegarse coa solicitude documentación xustificativa suficiente para que poida avaliarse polos servizos do Concello o ángulo de visión libre de obstáculos, incorporando en todo caso documentación gráfica na que se reflicta a instalación solicitada e os obstáculos que puideran impedir a correcta visibilidade.

5. Permitirase a instalación de terrazas en rúas peonís nas que existan establecementos situados en inmobles sempre que a zona peonil supere os tres metros de largura. A franxa de zona peonil ocupable non excederá do 50 % da súa largura, debéndose deixar, en todo caso, un espazo mínimo libre de 1,80 metros.

6. Non se autorizarán terrazas en beirarrúas cunha largura inferior a 2,50 metros.

7. Aos efectos de aplicación do disposto nesta Ordenanza e en relación ao cálculo de aforo, os elementos de mobiliario ao servizo da terraza que se instalen están suxeitos ás seguintes prescricións:

Mesas e cadeiras:

- O módulo tipo para as terrazas e para o cálculo de aforo para a evacuación e espazos de circulación, está constituído por unha mesa e catro cadeiras enfrontadas dúas a dúas. Considerarase unha superficie de ocupación teórica por cada mesa e catro cadeiras de 1,60 x 1,60 metros cadrados, para unha mesa e dúas cadeiras de 1,60 x 0,80 metros cadrados, para unha mesa alta con catro banquetas, de 1,20 x 1,20 metros cadrados e para una mesa alta con dúas banquetas, 1,20 x 0,60.

- As mesas e cadeiras poderán dispoñerse como mellor conveña sempre que se permita o fácil acceso a todos os módulos.

8. Non se admitirán as instalacións (terrazas, expositores, etc) afastadas do local principal cando teñan polo medio unha vía de circulación rodada e requiran para o seu servizo o cruzamento dela, agás que se trate de rúas con circulación restrinxida para residentes. En ambos casos, requirirán de informe favorable da Policía Local.

10. Estudo de evacuación: A instalación de terrazas en espazos privados deberá garantir que se cumpren as condicións de seguridade de evacuación, para o que presentará, xunto coa documentación requirida no artigo 13, un estudo xustificativo de evacuación no que se teñan en conta as dimensións, aforo, mobiliario da terraza e a súa incidencia sobre o conxunto do local, así como unha saída a un espazo seguro.

En todo caso garantirase o cumprimento da normativa sobre accesibilidade e eliminación de barreiras e o Código Técnico da Edificación, no referente á evacuación dos ocupantes, así como demais normativa que lle afecte.

Artigo 18.- Horario de actividade na terraza

1. O horario de funcionamento das terrazas será o acordado pola Corporación, non podendo en ningún caso exceder o tempo de apertura e peche do establecemento á que está vinculada.

2. O horario de peche implicará o cese efectivo de todas as actividades desenvoltas na terraza e, en consecuencia, os usuarios non poderán permanecer na terraza a partir de dito momento, polo cal o persoal do estabelecemento deberá obrigar ao desaloxo efectivo da mesma.

Artigo 19.- Orde e limpeza diaria

1. Non se permitirá deixar instalada a terraza durante o tempo de peche diario do establecemento, debendo ser recollida e amontoada ou retirada. As mesas e cadeiras poderanse amorear no exterior nunha zona onde non interfiran coa limpeza das beirarrúas, e deberán estar suxeitas de maneira que non poidan ser movidas de maneira accidental ou voluntaria, permitíndose a acumulación sobre os taboados e mantemento dentro das instalacións con peche estable. A superficie da zona de amoreamento deberá recollerse na documentación que se presente para a obtención do título habilitante, e se considerará, a todos os efectos, como superficie de ocupación.

2. En caso de peche provisional ou vacacións, e por un período previsto igual ou maior de 7 días, o mobiliario retirarase da beirarrúa, tanto a instalación como os elementos amoreados, deixándoa libre, tanto nos espazos públicos (en réxime de autorización ou concesión), como nos espazos privados de uso público.

3. Deberanse realizar os labores de limpeza necesarios no período para o que teñan concedida a correspondente licenza.

Artigo 20.- Remate do período de ocupación

1. Rematado o período de instalación autorizado por licenza, o titular da terraza deberá deixar completamente expedita a porción de superficie que viñese ocupando, retirando tódolos elementos que a ocupan ao día seguinte do remate o período de ocupación.

2. En caso de incumprimento do previsto no apartado anterior, serán retirados polo Concello mediante execución subsidiaria a conta do titular.

CAPÍTULO IV.- DOS MATERIAIS E MOBILIARIO

Artigo 21.- Toldos, cubertas, parasoles e antucas

Os toldos serán de cores acordes coa contorna urbana. Queda prohibido o peche das superficies verticais do seu perímetro, permitíndose unicamente ata 2 corta-ventos móbiles laterais de altura máxima 1,80 m, en caso de toldos de instalacións que non afecten a itinerarios peonís.

A altura exterior máxima de toldos e cubertas será de 3 metros. No interior do peche a altura mínima será de 2,50 metros. Ningún punto exterior que voe sobre o espazo público poderá ter unha altura inferior a 2,20 metros.

Permitirase a instalación de cubertas de terrazas, cando estas se instalen en solo de titularidade privada sen afección de aliñacións e se realicen con elementos facilmente desmontables, utilizando materiais que favorezan a adaptación no entorno e previo informe favorable dos servizos técnicos municipais.

En todos os casos as cores dos materiais a utilizar cumprirán co indicado na Guía de Cor e Materiais de Galicia, editado pola Xunta de Galicia (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda)

Artigo 22.- Expositores

1. Estes elementos e mobiliario soamente poderanse situar na fronte das fachadas dos establecementos. A súa colocación, espazos de circulación, e distancias serán as mesmas que o disposto para as terrazas. Excepcionalmente poderase autorizar unha situación distinta, lonxe da fronte do local, coas mesmas limitacións que se sinalan para as terrazas, en días feirais ou festas locais.

2. Soamente poderanse expoñer ou anunciar produtos ou servizos propios do local ao que pertence e dá servizo.

3. Retiraranse dos espazos públicos todos os elementos ao finalizar o horario de funcionamento do establecemento, non permitíndose o seu amoreamento no exterior.

Excepcionalmente poderanse manter sen recoller os expositores, cando polas características (tamaño, peso, etc.) non sexa doada a súa retirada diaria. Esta condición deberá incorporarse especificamente na solicitude.

Artigo 23.- Taboados, plataformas e elementos análogos

1. Instalaranse con carácter preferente e sempre que así o permita o PXOM, a normativa vixente de accesibilidade ou lexislación sectorial de aplicación e a presente ordenanza, en beirarrúas ou prazas.

2. Condicións:

a. As tarimas, plataformas ou elementos análogos, deberán instalarse aplicando solucións construtivas que permitan o cumprimento da normativa de accesibilidade e eliminación de barreiras.

b. Os taboados serán de madeira tratada para ser instalada no exterior. Permitiranse outros materiais tales como metálicos grecados, previa conformidade dos servizos técnicos municipais, en atención a criterios de seguridade, homoxeneización e ornato público, para o que se terá en consideración instalacións análogas existentes na contorna.

En todo caso, a elección do material deberá xustificarse na correspondente documentación técnica aportada coa solicitude.

Artigo 24.- Homologacións

1. O Concello poderá, en casos especiais como zonas de elementos catalogados, espazos de valor singular paisaxísticos e análogos que sexan visibles desde a vía pública, delimitar, regular e homologar o tipo de materiais e elementos a instalar, cores, deseño, publicidade, etc., mediante o procedemento que garanta a suficiente publicidade e con audiencia dos afectados.

2. Unha vez delimitada a zona de afección, os establecementos afectados poderán presentar, de forma individual ou conxunta, a proposta ou propostas concernentes á súa zona de localización ante o Concello, quen decidirá o máis adecuado aos intereses xerais e de mutuo acordo cos establecementos. De non producirse devandito acordo, o Concello terá a facultade de decidir as condicións técnicas e estéticas que deba reunir o mobiliario, expositores, etc.

3. Logo de aprobarse as características estéticas e de uniformidade das distintas zonas de afección, poderá seguir instalándose o mobiliario que fose autorizado anteriormente, debendo adaptar o novo mobiliario que se vaia instalando nas terrazas, de maneira que poidan coexistir no mesmo establecemento diferentes tipoloxías en función da súa renovación, que deberá completarse totalmente no prazo máximo de dous anos.

CAPÍTULO V.- RÉXIME FISCAL

Artigo 25.- Taxas

O titular da licenza deberá abonar as exaccións fiscais que correspondan e de conformidade coa ordenanza fiscal correspondente.

CAPITULO VI.- INSPECCIÓN E RÉXIME SANCIONADOR

Artigo 26.- Inspección

O alcalde e, no seu caso, o concelleiro en quen delegue, a través dos servizos municipais, serán competentes para controlar o estrito cumprimento das normas establecidas na presente ordenanza.

Artigo 27.- Infraccións

As infraccións das normas contidas nesta ordenanza clasifícanse en leves, graves e moi graves.

1. Son faltas leves:

a) A falta de ornato na terraza e o seu entorno.

b) O deterioro leve dos elementos de mobiliario e ornamentais urbanos, lindeiros co establecemento, que se produza como consecuencia da actividade obxecto da licenza.

c) Calquera outra infracción que non sexa cualificada como grave ou moi grave.

2. Son faltas graves:

a) A reiteración por dúas veces na comisión de faltas leves.

b) A ocupación de maior superficie da autorizada.

c) A instalación dun maior número de mesas, cadeiras ou elementos auxiliares que os autorizados.

d) Instalar elementos de mobiliario non autorizados pola licenza, así como a colocación na terraza de calquera outra clase de elementos, que non sexan mesas, cadeiras e elementos auxiliares aos mesmos, fóra do recinto do establecemento.

e) A falta de aseo, hixiene ou limpeza nos elementos do establecemento, sempre que non constitúa falta leve ou moi grave.

f) O deterioro grave dos elementos de mobiliario e ornamentais urbanos, lindantes co establecemento, que se produza como consecuencia da actividade obxecto da licenza.

g) A non exhibición das autorizacións municipais preceptivas.

h) O incumprimento do réxime de distancias mínimas de paso de peóns.

i) O incumprimento do horario de apertura ou peche da terraza.

3. Son faltas moi graves:

a) A reiteración de tres faltas graves.

b) A desobediencia aos lexítimos requirimentos dos inspectores e autoridades.

c) Non desmontar as instalacións cando así fose ordenado pola autoridade municipal.

d) A instalación na terraza de aparellos de reprodución de son ou a realización sen autorización de espectáculos e actuacións musicais.

e) Non contar coa preceptiva licenza de instalación da terraza.

f) A ocupación de maior superficie da autorizada en máis dun 10%.

Artigo 28.- Sancións

1. As faltas leves sancionaranse con multa de 100 a 150 €.

2. As faltas graves sancionaranse con multa entre 151 e 500 €, podendo ser acordada a suspensión da licenza por período máximo de dous meses.

3. As faltas moi graves sancionaranse con multa entre 501 € e 1.000 €, podendo incluso ser revocada a licenza.

Artigo 29.- Aplicación das sancións

Na aplicación das sancións establecidas no artigo anterior, atenderase ao grao de culpabilidade, beneficio obtido, entidade da falta cometida, perigosidade que implique a infracción, incidencia ambiental, reincidencia ou reiteración e demais circunstancias agravantes ou atenuantes que concorran.

Artigo 30.- Persoas responsables

Aos efectos do réxime sancionador terán a consideración de persoas responsables as persoas físicas ou xurídicas titulares do establecemento vinculado á terraza.

DISPOSICIÓN ADICIONAL

A) O Concello reservarase o dereito a esixir, con independencia do exacto cumprimento das normas contidas na presente Ordenanza, que en determinadas rúas ou prazas as terrazas deban suxeitarse ás seguintes prescricións:

1. As mesas e cadeiras serán dunha cor determinada.

2. As xardineiras e antucas deberán ter unhas características comúns que en todo caso requirirán a previa determinación do Concello. As antucas deberán ser todos eles da mesma cor, debendo igualmente ser autorizadas polo Concello.

B) Aqueles establecementos con terraza autorizada que fixeran un investimento nos elementos cuxa harmonización se regula, disporán dunha moratoria de 4 anos para adaptarse ao establecido no apartado anterior.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

Todas aquelas terrazas que no intre da entrada en vigor da presente Ordenanza tivesen autorización vixente para tempadas anteriores e non estiveran adaptadas á redacción orixinaria da mesma, deberán adecuarse á esta Ordenanza no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao de entrada en vigor da modificación da presente disposición.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente Ordenanza entrará en vigor logo de que se publique enteiramente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia e transcorra o prazo de quince días á que se refiren os artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local.