Pontedeume - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA XESTIÓN DA BIOMASA E DISTANCIAS DAS PLANTACIÓNS DO CONCELLO DE PONTEDEUME.

Publicación provisional: 08/07/2021 BOP Nº: 127
Publicación definitiva: 07/09/2021 BOP Nº: 170
Aplicable dende: 28/09/2021

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS.

De conformidade coa potestade regulamentaria atribuída polos artigos 4.1 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora do Réxime Local e 6.1 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración Local de Galicia, o Concello de Pontedeume por medio da presente Ordenanza propoñe a regulación da xestión da biomasa e da distancia das plantacións, no solo urbano, de núcleo rural e urbanizable no ámbito das súas competencias co obxecto de conseguir as axeitadas condicións de salubridade e seguridade para previr e evitar os incendios, protexendo dos mesmos as infraestruturas e equipamentos sociais, as zonas edificadas e as áreas forestais e naturais de valor especial.

CAPÍTULO I: DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.- Fundamento

A presente Ordenanza é de aplicación no marco do disposto na Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia, na Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e tamén na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e o Decreto 28/1999, polo que se aproba o Regulamento de Disciplina Urbanística.

Artigo 2- Finalidade

Está Ordenanza ten natureza non fiscal, e a súa finalidade é establecer as condicións para levar adiante a xestión da biomasa e a fixación das distancias para plantacións nos terreos clasificados como urbanos, de núcleo rural ou urbanizables sitos no termino municipal de Pontedeume.

Artigo 3.- Ámbito de aplicación

A presente Ordenanza é de obrigado cumprimento para as persoas responsables conforme ao definido no artigo 4, que teñan o seus terreos dentro do termo municipal de Pontedeume

Conforme o disposto no artigo 4.2 da Lei 5/1997, de 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, a presente Ordenanza será de aplicación en todo o non previsto pola lexislación básica.

Artigo 4.- Persoas responsables

A efectos desta Ordenanza, entenderase como persoas responsables ás persoas físicas ou xurídicas titulares ou no seu caso aos titulares do dereito de aproveitamento sobre os terreos afectados pola mesma, así como as administracións, as entidades ou as sociedades que teñan encomendada a competencia sobre a xestión, ou cedida esta en virtude dalgunha das formas previstas legalmente, das vías de comunicación e das liñas de transporte de enerxía eléctrica

Cando pertenza a unha persoa o dominio directo dun terreo ou construción e a outra o dominio útil, a obrigación recaerá sobre aquela que teña o dominio útil. A persoa responsable de realizar a xestión da biomasa será a persoa propietaria dos terreos edificados, para o cal disporá dunha servidume de paso forzosa para acceder á faixa establecida.

Este acceso farase durante o tempo estritamente necesario para o labor de xestión da biomasa, e polo punto menos prexudicial ou incómodo para os terreos gravados e, de ser compatible, polo máis conveniente para o beneficiario.

A retirada de especies arbóreas será realizada polo seu/súa propietario/a.

Artigo 5.- Definicións

Aos efectos desta Ordenanza, defínense os seguintes termos:

Monte ou terreo forestal: todo terreo no que vexetan especies forestais arbóreas, arbustivas, de matogueira ou herbáceas, sexa espontaneamente ou procedentes de sementeira ou plantación, que cumpran ou poidan cumprir funcións ambientais, protectoras, produtoras, culturais, paisaxísticas ou recreativas. Teñen tamén a consideración de monte ou terreo forestal os demais terreos descritos no artigo 5 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, e na Lei de montes de Galicia. Non terán a consideración de monte ou terreo forestal os terreos dedicados ao cultivo agrícola, o solo urbano, os núcleos rurais e o solo urbanizable, incluíndo a canle e a zona de dominio público hidráulico destes solos, e os excluídos pola normativa vixente, así como os terreos rústicos de protección agropecuaria. Non obstante, e para os únicos efectos do cumprimento das obrigas establecidas nesta ordenanza, poderán ter a consideración de monte aquelas superficies que estean clasificadas como terreo rústico de protección agropecuaria que reúnan as características previstas no artigo 5.1º da Lei 43/2003, mentres subsista o seu uso forestal.

Repoboación forestal: introdución de especies forestais nun terreo mediante sementeira ou plantación.

Zona de influencia forestal: as áreas estremeiras que abranguen unha franxa circundante dos terreos forestais cunha largura de 400 metros, excluíndo o solo urbano, de núcleo rural e o urbanizable.

Xestión de biomasa: a creación e mantemento da descontinuidade horizontal e vertical da carga de combustible no terreo forestal e na súa zona de influencia, a través do control ou eliminación parcial ou total da biomasa vexetal por medio do emprego das técnicas máis recomendadas e coa intensidade e frecuencia adecuadas para o cumprimento dos obxectivos Previstos.

Tendo en conta que os terreos situados en solo urbano, de núcleo rural ou urbanizable teñen unha natureza residencial ou habitacional, os riscos para os bens e as persoas por motivos de incendios forestais, deben reducirse ao mínimo e primar a seguridade. Os criterios para levar a cabo a xestión da biomasa son os establecidos na Orde de 31 de xullo de 2007, que se recolle como o Anexo III desta ordenanza.

Rede de faixas de xestión de biomasa: o conxunto de parcelas lineais do territorio estratexicamente localizadas, onde se garante o control e a eliminación total ou parcial da biomasa forestal, mediante técnicas silvícolas axeitadas, co obxectivo principal de reducir o risco de incendio.

Redes secundarias de faixas de xestión de biomasa: teñen un ámbito municipal e posúen a función prioritaria de protección dos núcleos poboacionais, das infraestruturas, dos equipamentos sociais, das zonas edificadas, dos parques e dos polígonos industriais.

Redes terciarias de faixas de xestión de biomasa: localízanse nos terreos forestais e nas zonas de influencia forestal e están vinculadas ás infraestruturas de uso público, así como ás seguintes infraestruturas de prevención e defensa contra os incendios forestais: camiños, vías, pistas forestais, devasas, faixas auxiliares de pista, áreas cortalumes e outras infraestruturas ou construcións relacionadas coa prevención e defensa contra os incendios forestais.

Solo urbano, de núcleo rural e urbanizable: para os efectos desta ordenanza terán a consideración destes tipos de solo os terreos que o planeamento urbanístico de aplicación cualifiquen como tales ou os que reúnan as condicións que sinala os artigos 16, 23 e 27da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Interface urbano forestal: Zona na que as edificacións entran en contacto co monte. Zona onde se atopan o mesturan vivendas e outras estruturas antrópicas con vexetación forestal e outros combustibles vexetais, o que require un modelo de protección contra incendios distinto do que se aplica no terreo forestal.

CAPÍTULO II. DA XESTIÓN DA BIOMASA

Artigo 6.- Xestión da Biomasa

As persoas responsables terán a obriga de xestionar a biomasa das súas fincas conforme aos criterios establecidos nesta Ordenanza, así como mantelas nas debidas condicións de seguridade e salubridade, debendo proceder a súa desinfección e desratización periódica.

Segundo a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, na súa última redacción, existirán unha serie de obrigas de xestión da biomasa aplicables aos terreos situados no monte e na súa zona de influencia forestal, de acordo cos criterios estipulados na presente ordenanza.

Artigo 7.- Criterios de Xestión da Biomasa

1- Consonte ao disposto na Lei 3/2007, de Prevención e Defensa contra os incendios Forestais de Galicia, as persoas responsables dos terreos ubicados en solo urbano, urbanizable ou núcleo rural deberán acometer os criterios de xestión da biomasa establecidos neste artigo para cada clase de terreo, en todo caso, antes do 30(1) de xuño de cada ano.

(1) A data é unha previsión conforme ao estipulado na Lei. En todo caso, o concello pode fixar unha data anterior se así o estima conveniente.

2- Nos terreos clasificados como solo urbano, solo de núcleo rural e solo urbanizable as persoas responsables deberán facer a xestión da biomasa na totalidade da parcela conforme aos seguintes criterios:

a) Roza para a eliminación do estrato herbáceo e arbustivo sempre que supoña un mínimo risco para a propagación dos incendios incontrolados de vexetación.

b) Poda e rareo do estrato arbóreo de forma que se manteña unha descontinuidade horizontal entre as copas das árbores e vertical entre estas e os estratos herbáceo e arbustivo. Este criterio non serán aplicable en parques e xardíns municipais, árbores senlleiras ou aquelas que cumpran funcións ornamentais ou se atopen illadas e non supoñan un mínimo risco para a propagación de incendios incontrolados de vexetación.

3- Obrigas nas faixas secundarias: Segundo o artigo 21 da Lei 3/2007, as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa estarán formadas polos espazos previamente definidos como tales no plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais de Pontedeume.

Nelas será obrigatorio para as persoas responsables, xestionar a biomasa vexetal, de acordo os criterios estipulados, nunha franxa de 50 metros:

a) Perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable

b) Arredor das edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte

c) Arredor das edificacións illadas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte.

Con carácter xeral, na mesma franxa de 50 metros mencionada no punto anterior non poderá haber árbores das especies sinaladas no Anexo II desta ordenanza.

As distancias mencionadas neste artigo mediranse, segundo os casos:

a) Desde o límite do solo urbano, de núcleo rural e urbanizable

b) Desde os paramentos exteriores das edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, ou os límites das súas instalacións anexas.

c) Desde o límite das instalacións no caso dos depósitos de lixo gasolineiras e parques e instalacións industriais.

d) Desde o peche perimetral no caso dos cámpings.

4- Obrigas nas faixas terciarias: Segundo o artigo 21 bis da Lei 3/2007, redes terciarias de faixas de xestión de biomasa estarán formadas polos espazos previamente definidos como tales no plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais de Pontedeume.

Nelas será obrigatorio para as persoas responsables:

a) Xestionar a biomasa vexetal na totalidade da superficie das infraestruturas de uso público ou áreas recreativas, así como nunha franxa perimetral de 50 metros.

b) Xestionar a biomasa vexetal na totalidade das parcelas que se atopen dentro dunha franxa circundante de 50 metros arredor de zonas forestais de alto valor, cando así sexan especificamente declaradas por orde da consellería competente en materia forestal.

c) Nas vías e nos camiños forestais, a xestión da biomasa vexetal farase no estrato arbustivo e subarbustivo, na plataforma de rodadura do camiño e nos 2 metros desde a aresta exterior da vía ou do camiño.

d) No resto de infraestruturas de prevención e defensa contra os incendios forestais (devasas, faixas auxiliares de pista, rozas, áreas cortalumes e outras infraestruturas de prevención e defensa contra incendios forestais), a xestión da biomasa vexetal farase de acordo co planeamento de prevención e defensa contra os incendios forestais do distrito.

5- Novas edificacións: Segundo o artigo 23 da Lei 3/2007, as novas instalacións destinadas a explotacións agrícolas, gandeiras e forestais e as vivendas vinculadas a estas, así como as novas urbanizacións e edificacións para uso residencial, comercial, industrial ou de servizos resultantes da execución de plans de ordenación urbanística que afecten zonas de monte ou de influencia forestal, e que non teñan continuidade inmediata coa trama urbana e que resulten estremeiras con monte ou con zonas de influencia forestal, terán que cumprir coas seguintes medidas de prevención:

a) Asegurar a existencia dunha faixa perimetral de protección para a xestión da biomasa e retirada de especies de 50 metros de largo, arredor da urbanización, edificación ou instalación, computada desde o límite exterior da edificación ou instalación destinada ás persoas, libre de vexetación se cae coa masa arbórea rareada, que en ningún caso conterá especies do Anexo II desta ordenanza, consonte os criterios que se establecerán mediante orde da consellería competente en materia forestal.

b) No caso de urbanizacións e edificacións para uso industrial deberán dispoñer de xeito perimetral dunha rede de hidrantes homologados para a extinción de incendios ou, na súa falta, de tomas de auga, de acordo co que se estableza regulamentariamente.

c) Presentar ante a administración municipal un proxecto técnico de prevención e defensa contra incendios forestais que garanta o cumprimen todo que establece a citada lei e a normativa que a desenvolva, así como o cumprimento do plan municipal de prevención e defensa contra incendios forestais, no momento de se aprobar.

CAPÍTULO III DAS DISTANCIAS DAS PLANTACIÓNS

Artigo 8.- Prohibicións e distancias das repoboacións forestais e plantacións.

1_ Prohibicións e distancia das repoboacións forestais: De conformidade co disposto no artigo 67.1 da Lei 7/2012 de Montes de Galicia, quedan prohibidas as repoboacións forestais nos terreos clasificados como solo urbano, urbanizable, de núcleo rural e no rústico de especial protección agropecuaria.

Non se permiten plantacións das especies indicadas no Anexo II desta ordenanza, en solo de núcleo rural, solo urbano nin solo urbanizable, en toda a superficie do concello. Así mesmo, prohíbese a sementeira ou a plantación con exemplares dos xéneros Acacia (acacia negra, mimosa), Robinia (falsa acacia) e Eucalyptus, mesmo de pés illados, en toda a superficie do concello.

As distancias mínimas que deben respectar as novas repoboacións forestais, veñen recollidas na Lei 7/2012, de Montes de Galicia, segundo a seguinte táboa:

a) Con parcelas forestais 2 metros.

b) Con terreos situados en solo rústico de especial protección agropecuaria 10 metros.

c) Con zonas dedicadas a labradío, cultivo, prados ou pastos non clasificados de especial protección agropecuaria 4 metros cando se empreguen as especies frondosas do Anexo I, e 10 metros no resto de especies.

d) Desde o límite do dominio público das vías (autoestradas, autovías, corredores, vías rápidas e estradas convencionais) ou do ferrocarril 4 metros cando se empreguen as especies frondosas do Anexo I, e 10 metros no resto de especies.

e) Con pistas forestais principais 2 metros cando se empreguen as especies frondosas do Anexo I; no resto de especies, 4 metros en xeral, e 6 metros nos concellos declarados como zona de alto risco.

f) Desde a proxección do condutor máis externo, considerando a súa desviación máxima producida polo vento segundo a normativa aplicable a cada caso, da infraestrutura eléctrica 5 metros para todas as especies.

g) Con canles fluviais de máis de 2 metros de ancho, 5 metros cando se empreguen as especies de frondosas do Anexo I, e 15 metros no resto de especies, contados dende o dominio público. Non será aplicable en actuacións de recuperación ambiental.

h) Con edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte ou fóra de solo urbano e de núcleo rural e con vivendas illadas en solo rústico, independentemente da súa distancia ao monte: 15 m cando se empreguen especies de frondosas do Anexo I e 50 m no resto de especies.

i) Con solo urbano, solo de núcleo rural e solo urbanizable: 2 m cando se empreguen especies do Anexo I e 50 m para o resto de especies.

j) Con campings, gasolineras e industrias ou instalacións preexistentes nos cales se desenrolen actividades perigosas con arranxo ao estabrecido na Lei 1/1995, de 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, ou na súa norma de desenrolo: 15 metros para especies de frondosas do Anexo I e 50 m, para o resto de especies.

2_ Distancias das novas plantacións de especies frondosas, froiteiras ou árbores ornamentais: En solo de núcleo rural, solo urbano e solo urbanizable permitirase a plantación de especies frondosas (agás, segundo o recollido no artigo 10, as dos xéneros Acacia, Robinia e Eucalyptus,), froiteiras ou árbores ornamentais, sempre que a distancia entre os pés das plantas sexa, como mínimo, de 10 metros e que as polas das árbores e/ou arbustos non se acheguen a menos de 15 metros das edificacións principais nin a menos de 2 metros do linde da parcela contigua. As copas das árbores nunca se poderán proxectar sobre o tellado das vivendas.

O cálculo das distancias das plantacións forestais e pés illados realizarase desde o punto máis próximo da plantación respecto do plano sobre o que se proxecta a superficie ocupada pola edificación.

Non se terán en conta as edificacións dedicadas á garda de apeiros agrícolas ou forestais, así coma as restantes edificacións e instalacións menores.

En todo caso, os pés das árbores deberán gardar unha distancia mínima de 5 metros respecto do dominio público viario, das conducións municipais de abastecemento e evacuación de augas, ou do alumeado público, sen que as polas poidan invadir o seu voo. Exceptuaranse desta prohibición as árbores ornamentais situadas nas beirarrúas, zonas verdes e xardíns de xestión pública ou áreas equivalentes.

3_ Distancias das plantacións arbustivas, sebes e plantacións en medianeira e lindeiros: As distancias que deberán gardarse ao facer plantacións de especies arbustivas, sebes, en medianeiras e lindeiros, sobre calquera tipo de solo en toda a superficie do concello, serán as indicadas na seguinte táboa:

** A VIVENDAS: Arbustos de ata 2 metros de altura: 1 metro. Arbustos de máis de 2 metros de altura: 7 metros.

** A EDIFICIOS NON VIVENDA (arbustos de máis de 2 metros de altura): 7 metros.

** A PRADEIRAS E FINCAS DE LABOR: Arbustos de ata 2 metros de altura: Sen limitación Arbustos de máis de 2 metros de altura: 3 metros.

** A CAMIÑOS PÚBLICOS: 5 metros desde o eixo e 2 metros desde o borde.

** A CONDUCIÓNS MUNICIPAIS DE ABASTECEMENTO OU EVACUACIÓN DE AUGAS: 5 metros.

** A OUTRAS PLANTACIÓNS: Arbustos de ata 2 metros de altura: Sen limitación. Arbustos de máis de 2 metros de altura: A mesma distancia das plantacións existentes, cun máximo de 3 metros.

No suposto de que se pretenda realizar unha pantalla ou barreira vexetal xunto ao límite da propiedade, ademais de considerar as distancias en función da altura da plantación arbustiva, só poderán utilizarse especies adecuadas para esta finalidade (aligustre, buxo, Photinia, Edra¿) e, en ningún caso, se plantarán especies que ao medrar puideran causar coas súas raíces danos nas paredes ou no chan. Tampouco se deberán realizar plantacións a modo de pantalla de caracter pirófito nas zonas de interface urbano- forestal como exemplo: Loureiros (Laurus Nobilis), Cipreses (sobre todo Cupresus.arizonica, C.sempervirens), Romeu (Rosmarinum sp), Tuias (Thuja plicata). Etc.

Artigo 9.- Licenzas e permisos para talas

1. As talas e os abatementos de árbores que constituían masa arbórea, espazo boscoso, arboreda ou parque a excepción das autorizadas polos órganos competentes da Comunidade Autónoma en materia forestal, estarán suxeitas á obtención da previa licenza municipal por parte deste Concello.

2. Así mesmo segundo o establecido na disposición transitoria 5ª da lei 7/2012 de montes, o aproveitamento das masas forestais existentes no momento da entrada en vigor da lei 7/2012 en solos urbanizables estará sometido á o réxime de autorizacións da citada lei ata o desenvolvemento urbanístico dos citados solos, momento en que precisarán da licenza municipal descrita no punto 1 deste artigo.

3. Para vertedoiros, residuos forestais, limpeza de soares e distancias de plantación: As obrigas recollidas nesta ordenanza deben cumprirse de xeito permanente.

No caso de detección de incumprimento dalgunha desas obrigas, ben de oficio ou mediante denuncia previa de particulares, realizarase unha inspección e levantamento de actas nos lugares afectados, á fin de comprobar os feitos, así como a situación real dos terreos, e darase comezo ao procedemento regulado nesta ordenanza.

4. Procedemento de orde de execución

Unha vez que o Concello se atope en posesión da acta de inspección o Alcalde poderá ben arquivar o expediente, se a persoa responsable cumpriu as súas obrigas, ou ben acordar a iniciación dun expediente de orde de execución, notificándollo á persoa responsable.

A resolución que acorde a iniciación do expediente será notificada á persoa responsable concedéndolle, ao abeiro do artigo 82 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, un prazo de audiencia de dez días desde a notificación do acordo, para que formule as alegacións que considere oportunas.

Para o caso de persoas responsables descoñecidas ou ilocalizables publicarase un edicto nos Boletíns Oficiais. No suposto de non se formular alegación ningunha ou se as presentadas fosen desestimadas, o Alcalde ditará orde de execución, que se efectuará no prazo máximo de quince días desde a súa notificación á persoa interesada. Este prazo poderase ampliar, por causa xustificada, noutros quince días.

Rematado este prazo o Concello efectuará unha nova inspección co obxecto de comprobar o cumprimento da orde de execución.

No caso de non se ter cumprido, o mesmo órgano que a ditou poderá acordar, de acordo o artigo 103 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o outorgamento dun novo prazo, a execución subsidiaria a custa do infractor ou a execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas. As multas coercitivas serán independentes e compatibles coa sanción, poderán reiterarse mensualmente ata lograr o cumprimento do ordenado, e cada unha delas por separado non poderá superar o 20% da multa fixada pola sanción.

A contía fixarase tendo en conta os seguintes criterios:

a) O retraso no cumprimento da obriga a reparar.

b) A superficie do predio.

c) O número de predios afectados.

d) A existencia de intencionalidade ou reincidencia no cumprimento No caso de execución subsidiaria notificaráselle á persoa responsable o día e hora en que se levarán a cabo os traballos, estando esta obrigada a facilitarlles os necesarios accesos ás entidades responsables dos traballos, que non requirirán de ningunha autorización para a súa execución.

Os custos derivados deses traballos serán repercutidos, se é o caso, ás persoas responsables procedendo ao cobro dos gastos que se ocasionen ao concello a través do procedemento executivo de apremio, se fose preciso.

As tarifas que se usarán para o cobro dos gastos derivados da execución subsidiaria dos traballos serán os recollidos no Anexo IV desta Ordenanza.

5. Realización de tarefas extractivas.

a) Obrigatoriedade da comunicación previa da tala.

Para garantir a preservación do medio ambiente e a conservación dos camiños e pistas rurais, e sen prexuízo da necesaria obtención doutros permisos ou autorizacións establecidos, establécese a obrigatoriedade da comunicación previa da tala de plantacións forestais cando superen as 5 toneladas ou procedan dunha superficie superior a 500 m2.

A comunicación da corta será efectuada pola persoa física ou xurídica responsábel da mesma, como mínimo15 días antes da data prevista para o comezo dos traballos debendo constar nela o seguinte:

- Identificación do propietario e madeireiro.

- Especie de madeira obxecto da tala así como Tm a extraer.

- Nome do monte afectado e identificación en plano.

- Lugar de depósito e vías a utilizar para o transporte da madeira.

- Deberase achegar ademais copia do permiso de corta expedido pola autoridade competente.

b) Responsable da tala

A persoa encargada da tala será responsable directa dos danos ocasionados nas vías públicas municipais como consecuencia do depósito e transporte da madeira, quedando obrigado á reparación destes, incluso con limpeza e retirada de residuos.

c) Almacenamento, limpeza e sinalización

As vías públicas non poderán usarse para almacén de madeira, aínda que se autorizan as operacións imprescindibles para a súa carga; en todo caso, as cunetas quedarán no estado que tiñan antes da tala.

As limpezas ou reparacións deberanse realizar nun prazo de 48 horas, a partir da retirada da madeira, ou en 48 horas cando coincida en fin de semana.

As vías situadas na zona de extracción e depósito deberán estar debidamente sinalizadas, conforme á lexislación viaria vixente, e vixiadas co fin de previr aos usuarios destas da realización da actividade e dos riscos derivados dela.

d) Restos de tala

Os restos ou depósitos de materiais procedentes de tala, poda ou entresaca, non poderán invadir as vías, tanto na zona de circulación de vehículos como de peóns, nin menoscabar a funcionalidade das gabias, canalizacións, pontes ou calquera outro tipo de canle ou paso de auga, como de calquera outra infraestrutura auxiliar ou anexa ás vías, nin supoñer risco para os usuarios da vía.

e) Retirada de restos

Igualmente, a persoa física ou xurídica que figure como titular na solicitude de autorización de corta estará obrigada a retirar da zona de extracción e xestionar de acordo coa normativa vixente en materia de residuos todo o lixo que puidese xerarse durante a actividade (latas combustible, recipientes de bebidas, etc.).

CAPÍTULO IV: RÉXIME SANCIONADOR

Artigo 10.- Competencia

Corresponde ao Concello de Pontedeume a través da alcaldía ou concelleiro no que delegue, a inspección e sanción das infraccións, previa a instrución do correspondente expediente, das obrigas reguladas nesta Ordenanza.

Cando se detecten infraccións de índole penal ou de competencia doutras Administracións darase conta inmediata das mesmas a autoridade ou organismo que corresponda.

Artigo 11.- Clasificación das infraccións

Considéranse infraccións administrativas en relación coas materias as que se refire esta Ordenanza, os actos u omisións que contraveñan o establecido nas normas que integran o seu contido.

As infraccións clasificaranse en leves, graves e moi graves.

Artigo 12.- Infraccións leves

a) Constitúe infracción leve as condutas constitutivas de infracción reguladas nesta ordenanza cando non deban cualificarse como graves ou moi graves.

b) Non proceder á xestión da biomasa cos criterios regulados nesta Ordenanza.

Artigo 13.- Infraccións graves

a) Non proceder á xestión da biomasa cos criterios establecidos nesta Ordenanza, unha vez notificada a súa obriga e despois de serlle notificada a valoración do custo das mesmas, cando exista risco inminente de incendio para as vivendas e persoas.

b) Non permitir o acceso ao persoal de vixilancia a inspección dos terreos.

c) A negativa a subministrar información a autoridade municipal, funcionarios e axentes en cumprimento das súas funcións.

d) A realización de plantacións sen gardar as distancias establecidas na presente ordenanza.

e) A realización de plantacións nos lugares expresamente prohibidos na presente ordenanza.

f) A reincidencia en infraccións leves. Enténdese que existe reincidencia pola comisión no termo dun ano dunha infracción leve, cando así fose declarado por resolución firme.

Artigo 14.- Infraccións moi graves

a) Cando houbese grave repercusión nos recursos naturais.

b) A reincidencia en infraccións graves. Enténdese que existe reincidencia pola comisión no termo dun ano dunha infracción grave, cando así fose declarado por resolución firme.

c) A resistencia, coacción ou ameaza a autoridade municipal, funcionarios e axentes.

Artigo 15.- Sancións

1. As sancións aplicables serán as seguintes:

a) Por infraccións leves, multa dende 100 a 600 euros.

b) Por infraccións graves, multa dende 601 a 1.500 euros.

c) Por infraccións moi graves, multa de 1.501 a 3.000 euros.

2. As sancións graduaranse en función dos seguintes criterios:

a) Grado de intencionalidade.

b) Contía do beneficio obtido.

c) Natureza dos prexuízos causados.

Artigo 16.-Prescrición

As infraccións e sancións prescribirán segundo o disposto nas leis que as establezan. Se estas non fixan os prazos de prescrición, as infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as graves aos dous anos e as leves aos seis meses.

As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as impostas por faltas graves aos dous anos e as impostas por faltas leves aos seis meses.

O prazo de prescrición das sancións comezará a contarse desde o día no que a infraccións se cometese. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento das persoa interesada, do procedemento sancionador, renovándose o prazo de prescrición se o expediente sancionador estivese paralizado máis dun mes por causas non imputables ao presunto responsable.

O prazo de prescrición das sancións comezará a contar desde o día seguinte a aquel no que adquirira firmeza a resolución pola que se impón a sanción. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento das persoas interesadas, do procedemento de execución, renovándose o prazo de prescrición se o expediente de execución estivese paralizado máis dun mes por causas non imputables ao presunto responsable.

Disposicións Adicionais

Primeira. Como Anexo I desta ordenanza, inclúese o listado de especies de crecemento lento recollida no Anexo I da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia.

Segunda. Como Anexo II desta ordenanza, inclúese o listado de especies recollidas na Disposición Adicional Terceira da Lei 3/2007 de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Terceira. Como Anexo III desta ordenanza inclúense os criterios para a xestión da biomasa recollidos na Orde de 31 de xullo de 2007.

Cuarta: Como Anexo IV desta ordenanza inclúese as tarifas polo custo de execución dos traballos de xestión da biomasa.

Quinta. Estarán excluídos da aplicación desta ordenanza os exemplares vexetais e formacións recollidos no Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, modificado polo Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro, así como aqueloutros exemplares vexetais e formacións que, polo seu valores ecolóxicos, estéticos, históricos ou culturais, merezan ser conservados.

ANEXOS

ANEXO I: Especies autóctonas de crecemento lento recollidas no Anexo I da Lei 7/2012 de montes de Galicia.

- Coníferas

Piñeiro silvestre: Pinus sylvestris L.

Teixo: Taxus baccata L.

- Frondosas

Ameneiro: Alnus glutinosa (L.) Gaertn.

Pradairo: Acer pseudoplatanus L.

Bidueiro: Betula sp.

Freixo: Fraxinus excelsior L

Freixa: Fraxinus angustifolia Vahl.

Castiñeiro: Castanea sativa Mill.

Castiñeiro híbrido: Castanea x híbrida (resistente tinta)

Cerdeira: Prunus avium L.

Carballo: Quercus robur L.

Cerquiño: Quercus pirenaica Will.

Sobreira: Quercus suber L.

Carballo albar: Quercus petraea (Matts) Liebl.

Aciñeira: Quercus ilex L. ssp. ballota (Desf.) Samp.

Quercus rotundifolia Lam.

Abeleira: Corylus avellana L.

Faia: Fagus sylvatica L.

Umeiro: Ulmus glabra Huds., Ulmus minor Miller.

Loureiro: Laurus nobilis L.

Sorbeira do monte: Sorbus aria L.

Capudre: Sorbus aucuparia L.

Nogueira: Juglans regia L.

Érbedo: Arbutus unedo L.

 

ANEXO II:

Especies recollidas na Disposición Adicional Terceira da Lei 3/2007 de incendios de Galicia.

¿ Piñeiro do país, piñeiro galego: Pinus pinaster Ait.

¿ Piñeiro silvestre: Pinus sylvestris L.

¿ Piñeiro de Monterrey: Pinus radiata D.

¿ Piñeiro de Oregón: Pseudotsuga menziesii Mirb.

¿ Mimosa: Acacia dealbata Link.

¿ Acacia negra: Acacia melanoxylon R. Br.

¿ Eucalipto: Eucalyptus sp.

¿ Queiruga: Calluna vulgaris (L.) Hull

¿ Carqueixa: Chamaespartium tridentatum L

¿ Xesta: Cytisus spp.

¿ Uz, carpaza: Erica spp.

¿ Xesta, piorno: Genista spp.

¿ Fento: Pteridium aquilinum (L.) Kuhn

¿ Silva: Rubus sp.

¿ Toxo: Ulex europaeus L.

 

En todo caso, poderán conservarse árbores das especies sinaladas en calquera clase de terreos incluídos nas redes primarias e secundarias de xestión de biomasa no caso de que se trataren de árbores senlleiras, ou aquelas que cumpran funcións ornamentais ou se atopen illadas e non supoñan un risco para a propagación de incendios forestais.

 

ANEXO III:

Criterios para a xestión da biomasa

Nas zonas onde sexa obrigatorio xestionar a biomasa, esta realizarase, ao abeiro da Orde de 31 de xullo de 2007, cumprindo acumulativamente os seguintes criterios xerais.

¿ 1. No estrato arbóreo, as masas serán mixtas ou de frondosas caducifolias e a distancia entre plantas será, como mínimo, de 7 metros e mantendo as copas tanxentes. A poda debe ser do 35% da altura da árbore ata que esta atinxa os 11,4 metros, altura a partir da cal a poda debe alcanzar o mínimo de 4 metros por riba do chan.

¿ 2. No estrato arbustivo e herbáceo, a carga total non pode exceder os 2.000 m3/hectárea, debendo simultaneamente ser cumpridas as seguintes condicións:

¿ a) Debe ser garantida a descontinuidade horizontal dos combustibles entre a infraestrutura e o límite externo da faixa de xestión da biomasa.

¿ b) A altura máxima da vexetación, arbustiva e herbácea ,é a que consta no cadro adxunto, variando en función da porcentaxe de cobertura do solo. % do solo arbóreo cuberto/ altura máxima da vexetación (cm)

Inferior a 20 ¿. 100

De 20 a 50¿.¿ 40

Superior a 50.¿ 20

¿ 3. Os estratos arbóreo, arbustivo e herbáceo remanentes deben ser organizados espacialmente de maneira que se evite a continuidade vertical dos diferentes estratos combustibles.

As copas das árbores e dos arbustos deberán estar distanciadas un mínimo de 10 m da edificación e nunca se poderán proxectar sobre o seu tellado.

Non poderá haber ningunha acumulación de sustancias altamente inflamables, excepto no previsto na lexislación sectorial para depósito de combustibles.

 

ANEXO IV:

Tarifas para o cobro dos custos de execución

As tarifas que se aplicarán para o cobro dos custos por execución subsidiaria serán as seguintes:

¿ Tractor (desbroce, uso de remolque con pluma e calquera traballo con tractor): 50 €/ hora Tractor de cadeas; 100 € Tractor de martelos.

¿ Traballos pa mixta: 40 €/hora

¿ Utilización de furgón: 30 €/hora

¿ Roza manual: 15 €/hora

¿ Motoserras: traballos a nivel do chan: 15 €/hora

¿ Traballos en altura: 30 €/hora

¿ Persoal que utilice material de limpeza (coitelas, fouciñas e outros): 12 €/hora

Uso material auxiliar:

¿ Coche motobomba (30 €/hora)

¿ Coche (15 €/hora)

¿ Coche con remolque (25 €/hora)

¿ Maquinaria manual: 10 €/hora

¿ Uso de maquinaria alugada polo concello: o seu custo mais gastos

¿ Prestación do servizo fóra do termo municipal: 30 €/hora, máis 0,63 €/km.

Disposición Transitoria

As plantacións forestais existentes á entrada en vigor da presente Ordenanza que, como consecuencia da súa aplicación, atopáranse a unha distancia menor a regulada disporán dun período máximo de dous anos para adaptarse a citada disposición, agás autorización do órgano competente da Xunta de Galicia en materia forestal.

Disposición Derrogatoria

Queda, derrogadas todas as disposicións municipais que contraveñan o disposto na presente Ordenanza.

Disposición derradeira

Unha vez cumprida a tramitación descrita, a presente entrará en vigor, segundo prescribe o artigo 70.2 en relación co 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, aos quince días da súa completa publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.