Arzúa - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA INSTALACIÓN DE TERRAZAS E OUTROS ELEMENTOS AUXILIARES EN TERREOS DE DOMINIO PÚBLICO MUNICIPAL

Publicación provisional: 07/08/2012 BOP Nº: 149
Publicación definitiva: 08/10/2012 BOP Nº: 192
Aplicable dende: 02/08/2016

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Dende a aprobación da Lei 42/2010, de 30 de decembro, pola que se modifica a Lei 28/2005, de 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venta, o subministro, o consumo e a publicidade dos productos del tabaco, tivo aumentado sensiblemente o interese pola ocupación das vías e prazas públicas mediante terrazas e similares. Dita ocupación de terreos de dominio público debe ser compatible con outros usos, de modo que non se limite a circulación peonil nin as actividades doutros cidadáns, que as terrazas se instalen cunhas condicións estéticas que non desmerezan o seu entorno, e non se moleste aos veciños das vivendas próximas.

Neste senso, faise necesario un control por parte dos Concellos respecto desta ocupación de bens de dominio público, dirixido principalmente a:

- Regular a nova estética das nosas rúas.

- Conciliar as relacións entre os novos ocupantes cos veciños do entorno e co resto dos cidadáns.

- Establecer o procedemento e requisitos necesarios para facer posible a instalación e funcionamento das terrazas.

En definitiva, trátase de que as terrazas sexan simplemente iso, lugares de encontro e de ocio que se integren harmoniosa e discretamente nos espacios públicos, pero sen alteralos, nin distorsionalos, nin perturbar a súa función; compatibilizando todos os intereses concorrentes; pero partindo dun principio informador, cal é, que nos casos de conflicto entre o interese público e o privado, deberá darse sempre preferencia á utilización pública de ditos espacios e ao interese xeral dos cidadáns.

CONTIDO

A parte dispositiva da ordenanza divídese en 34 artigos, agrupados en 6 capítulos, conforme ao seguinte esquema:

CAPÍTULO I: DISPOSICIÓNS XERAIS

CAPÍTULO II: CONDICIÓNS DAS INSTALACIÓNS

CAPÍTULO III: CONDICIÓNS TÉCNICAS DE OCUPACIÓN

CAPÍTULO IV: RÉXIME XURÍDICO

 SECCIÓN PRIMEIRA.-PROCEDEMENTO

 SECCIÓN SEGUNDA.-AUTORIZACIÓNS

CAPÍTULO V: RÉXIME FISCAL

CAPÍTULO VI: INSPECCIÓN E RÉXIME SANCIONADOR

 SECCIÓN PRIMEIRA.-INSPECCIÓN

 SECCIÓN SEGUNDA.-RÉXIME SANCIONADOR

A parte final da ordenanza componse dunha Disposición Adicional, dunha Disposición Transitoria e dunha Disposición Final, e complétase con tres Anexos que conteñen o modelo de solicitude (ANEXO I), a documentación a presentar (ANEXO II), e os esquemas de disposición das terrazas (distancias mínimas) (ANEXO III).

CAPÍTULO I.-DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.-Obxecto.

1.-A presente ordenanza ten por obxecto regular o réxime xurídico ao que debe someterse a utilización de terreos de dominio público municipal mediante a súa ocupación temporal con terrazas anexas a establecementos de hostalería e/ou restauración.

2.-A instalación das terrazas nas vías e prazas integrantes do dominio público local, necesitará a previa autorización municipal, e rexerase polo disposto nesta norma e nas demais de xeral aplicación.

Artigo 2.-Fundamento.

A regulamentación por medio da presente ordenanza da utilización das vías e prazas públicas por parte dos titulares de establecementos de hostalería e ou restauración, mediante á súa ocupación con terrazas e os seus elementos auxiliares, fundaméntase no uso das competencias lle atribúen ao Concello os artigos 25 e 84 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local; os artigos 6, 286 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia; o artigo 1 do Regulamento de Servicios das Corporacións Locais; e os artigos 74 e seguintes do R.D. 1372/1986, do 13 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de Bens das Corporacións Locais, así como nas competencias en materia de urbanismo que veñen establecidas na lexislación sectorial aplicable.

Artigo 3.-Ámbito de aplicación.

1.-Para os efectos da presente ordenanza, entenderase por terraza, a instalación anexa a un establecemento comercial de hostalería ou restauración situado nun inmoble, asentada en espazos exteriores abertos ao uso público, composta por un conxunto de mesas coas súas correspondentes cadeiras, acompañadas, se é o caso, de elementos auxiliares, como parasoles e antucas, elementos móbiles de climatización e toldos, podendo estar dotados estes últimos de peches verticais corta ventos, pero desprovistos de ancoraxes ao chan.

2.-Terán a consideración de establecementos de hostalería ou restauración, particularmente, os restaurantes, cafés, cafeterías, cervexerías, tascas e bares, con música ou sen ela. Excepcionalmente, e logo de informe favorable dos servizos técnicos urbanísticos municipais, poderá autorizarse a instalación de terrazas a establecementos que dispoñan da correspondente licenza ou concesión administrativa para o desenvolvemento da súa actividade de hostalería en espazos exteriores abertos ao público, como quioscos-bares, fixos ou móbiles, e quioscos destinados á venda de xeados de tempada.

3.-Os establecementos cualificados como salas de festas e/ou discotecas, quedan fora do concepto de establecemento de hostalería ou restauración aos efectos de aplicación da presente ordenanza.

4.-Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta ordenanza, os actos de ocupación da vía pública que se realicen con ocasión de feiras, festas, mercados, actividades deportivas, espectáculos e similares.

5.-Queda igualmente excluída do ámbito de aplicación desta ordenanza, a regulación da instalación de quioscos ou outras instalacións permanentes en espazos exteriores de dominio público municipal.

CAPÍTULO II.-CONDICIÓNS DAS INSTALACIÓNS

Artigo 4.-Mobiliario.

1.-A instalación de mesas en terrazas axustarase á seguinte tipoloxía:

Tipo 1.-Mesa cadrada de 70 cm de lado.

Tipo 2.-Circular de 75 cm de diámetro.

En ámbolos dous casos, acompañaranse de catro cadeiras dispostas de forma reticular, en filas e columnas permitindo o paso entre as mesas, ocupando unha superficie media de catro metros cadrados e corenta e un centímetros (4,41 m2).

Tipo 3.-Velador dotado de catro tallos, con altura mínima de 1.20 m e unha superficie de ocupación de 2.25 m2.

2.-A mesa Tipo 1 considerarase como mesa estándar para os efectos das autorizacións de terrazas nos casos comúns.

3.-Non poderá exhibirse publicidade algunha en mesas, cadeiras, nin en ningún outro elemento do mobiliario instalado.

4.-O mobiliario das instalacións deberá ser axustado ás características do ámbito urbano no que se sitúe, sen que poidan colocarse elementos decorativos ou revestimentos de chan que non estean incluídos expresamente na autorización.

5.-Poderá esixirse aos solicitantes e aos titulares das autorizacións que o mobiliario se axuste a determinadas condicións estéticas e de uniformidade entre diversos establecementos ubicados nun ámbito urbano semellante.

6.-Queda expresamente prohibida a instalación nas terrazas de calquera tipo de máquinas comerciais, xa sexan recreativas, de azar, de bebidas, tabaco ou semellantes.

Artigo 5.-Toldos.

1.-Os toldos poderán ser móbiles ou ter o seu apoio en macetóns, sobre a fachada propiedade do solicitante, sobre a allea, ou sobre a de propiedade común, logo de autorización por escrito dos propietarios ou interesados afectados nos dous últimos casos.

2.-A altura mínima dos toldos que integran a terraza será de 2.20 m, e a máxima de 3.00 m, sen que en ningún caso poida voar fora do espazo autorizado para a instalación da terraza.

3.-En toldos exentos, a distancia á fachada deberá ser como mínimo de 3 m, e a altura máxima libre será de 2,50 m, sen que en ningún caso quede impedida ou restrinxida a visibilidade de sinais de circulación ou calquera outro elemento de seguridade vial.

4.-Con carácter excepcional e informe favorable dos servizos técnicos urbanísticos, debidamente motivado, poderá autorizarse a instalación de estruturas para soporte de toldos verticais curta ventos con ancoraxes ao chan, en atención as circunstancias singulares que concorran en cada caso.

Toldos verticais.-Deberán ser de material transparente (no seu 80%) e a parte opaca da mesma cor do toldo horizontal, que poderá suxeitarse mediante sistemas que apoien sobre o pavimento. Non deberán superar o ancho autorizado para a terraza.

Non poderán conter publicidade agás o nome ou logotipo do establecemento comercial.

Ancoraxe:

a) Non se permitirá a ancoraxe de ningún dos elementos da terraza ao pavimento (mesas, cadeiras, parasoles...)

b) No caso das mamparas e demais instalacións destinadas a delimitar e/ou protexer as terrazas, poderán fixarse mediante unha ancoraxe que garanta a súa estabilidade, cumprindo as medidas de seguridade e accesibilidade necesarias (e adaptándose, en todo caso, á normativa existente nestas materias).

c) No suposto de que a ancoraxe necesitase perforar o firma, o titular do establecemento deberá axuntar á documentación que aporte, o compromiso formal de restituír o firme ao seu estado anterior unha vez sexa retirada a instalación. En caso contrario, non lle será concedida a autorización. Se chegado o momento da retirada da instalación, non cumprise o compromiso o autorizado, o Concello restituirá o firme á súa costa.

5.-A instalación de toldos nas terrazas que se instalen no conxunto histórico e ao longo do Camiño de Santiago, autorizarase con carácter restrictivo, e sempre axustándose ao disposto na normativa urbanística vixente.

6.-Non poderá autorizarse a utilización de toldos en horario comercial, cando se entorpeza a visibilidade dos escaparates, nin cando poidan verse afectadas ás condicións estéticas do entorno.

7.-Non poderá autorizarse a instalación de toldos ancorados ao pavimento. Excepcionalmente, poderán autorizarse ditos toldos no suposto de terrazas a instalar en prazas públicas ou vías peonís, que se atopen a unha distancia de 3 m como mínimo do establecemento principal.

8.-Os toldos non poderán conter publicidade algunha, con excepción do logotipo ou o nome comercial do establecemento. Dito logotipo ou nome poderá colocarse unha soa vez, como máximo, en cada faldrón, ocupando unha superficie non superior a 15 cm x 80 cm en cada un deles.

9.-O Concello poderá establecer para as estruturas dos toldos as condicións que considere oportunas referidas a dimensións, materiais ou condicións estéticas.

Artigo 6.-Parasoles e antucas.

1.-A instalación de parasoles e antucas só poderán autorizarse sen ancoraxes ao pavimento.

2.-Os parasoles e antucas non poderán conter publicidade algunha, salvo o logotipo ou nome comercial do establecemento. Dito logotipo ou nome poderá colocarse unha soa vez, como máximo, en cada un dos catro puntos diametralmente opostos, ocupando unha superficie non superior a 20 cm x 20 cm en dada un deles.

Artigo 7.-Instalacións eléctricas e outras.

1.-A instalación ou execución en terrazas de instalacións eléctricas, de climatización, ou de tipo similar, poderá ser obxecto de autorización, sempre e cando se acompañe á solicitude de instalación o oportuno proxecto subscrito por técnico competente, e que previamente á súa posta en funcionamento, se incorpore ao expediente de autorización, certificado no que quede acreditado que a instalación executada se adecúa á normativa vixente e cumpre con tódalas medidas de seguridade legalmente esixibles.

2.-Os servizos técnicos urbanísticos municipais poderán esixir ao interesado que o proxecto detalle tanto as condicións estéticas coma as condicións técnicas da instalación, co fin de regular a súa correcta utilización, evitar molestias ao tráfico, ao tránsito peonil, aos veciños e aos demais establecementos.

Artigo 8.-Contaminación acústica.

Prohíbese a instalación de equipos reproductores musicais, aténdose en todo caso ao disposto na normativa vixente.

Artigo 9.-Limpeza, hixiene e ornato.

1.-Os titulares das terrazas teñen a obriga de mantelas nas debidas condicións de limpeza, hixiene, seguridade e ornato.

2.-Deberán adoptar as medidas necesarias para que a zona ocupada polas mesmas quede completamente limpa a diario, retirando puntualmente os residuos propios da instalación, utilizando para elo os elementos de recollida e almacenamento que resulten necesarios. Os residuos que resulten do varrido e limpeza das terrazas non poderán ser abandonados na rúa en ningún caso.

3.-Non se permitirá almacenar ou amorear xunto ás terrazas produtos, materiais ou residuos propios das mesmas.

Artigo 10.-Protección do arboredo e do mobiliario urbano.

Queda prohibido calquera tipo de uso instrumental do arboredo e dos elementos do mobiliario urbano municipal na instalación de terrazas ou no desenvolvemento da súa actividade.

Artigo 11.-Productos consumibles en terrazas.

A autorización para a instalación da terraza outorgará o dereito a expender e consumir nela os mesmos productos que poidan ser expedidos e consumidos no establecemento hostaleiro ou de restauración do cal dependan.

 Artigo 12.-Horarios.

1.-Con carácter xeral, as terrazas poderán instalarse dende as 9:00 da mañá ata a 1:00 da madrugada.

2.-Os venres, sábados e vésperas de festivos o horario amplíase ata as 2:00 da madrugada.

3.-En ningún caso poderán permanecer abertas as terrazas excedido o horario de peche do establecemento do cal dependen.

4.-Transcorrido o horario de peche, a terraza, con todos os seus elementos auxiliares, deberán ser completamente retirados da vía pública, depositándose no local privado e pechado destinado ao efecto.

5.-Mediante Decreto da Alcaldía e concorrendo circunstancias xustificadas, poderán ser modificados os horarios establecidos neste artigo, en función das diferentes estacións do ano, das distintas zonas da vila, da amplitude dos espazos públicos onde se instalen as terrazas, do carácter residencial do seu ámbito, do seu carácter histórico, ou de outras consideracións de interese xeral.

 Artigo 13.-Seguro de responsabilidade civil.

O titular do establecemento deberá dispor dun seguro de responsabilidade civil e de incendios do establecemento principal que estenda a súa cobertura aos riscos que puideran derivarse do funcionamento da terraza.

CAPÍTULO III.-CONDICIÓNS TÉCNICAS DE OCUPACIÓN

Artigo 14.-Disposicións xerais.

1.-Con carácter xeral, a autorización para a instalación de terrazas limitará a ocupación á zona da vía pública que confronte coas fachadas dos establecementos hostaleiros ou de restauración dos que dependan, e a súa lonxitude non poderá rebordar a porción da fachada ocupada polo establecemento.

2.-Para o outorgamento de autorizacións en vías públicas, abertas ou pechadas ao tránsito rodado, a largura libre de paso non poderá ser inferior a un 1,50 m, respectándose un itinerario de forma continua, evitando quebras.

3.-Non se concederán autorizacións para a instalación de terrazas en beirarrúas cunha anchura inferior a 2,20 m.

4.-En vías públicas peonís ou de acceso rodado restrinxido, deberá quedar garantido en todo caso o libre acceso de vehículos de emerxencia, sendo necesario informe favorable do servizo de extinción de incendios.

5.-Nos casos en que a terraza se instale na liña do bordo da beirarrúa, a súa lonxitude poderá alcanzar a lonxitude da fronte da fachada do edificio propio e dos edificios colindantes.

6.-A distancia dos elementos de mobiliario urbano ao bordo da beirarrúa será, como mínimo, de 0,30 m.

7.-Permitirase a implantación simultánea dunha terraza xunto á fachada do edificio e de outra terraza na liña do bordo no mesmo tramo da beirarrúa, sempre que se deixe un paso cunha largura mínima de 1,50 m.

8.-Non se concederán autorizacións para a instalación de terrazas que pola súa configuración ou situación menoscaben o interese de edificios ou bens catalogados de interese cultural (BIC).

9.-Aínda cando un espazo reúna todos os requisitos para a colocación dunha terraza, poderá non autorizarse a súa instalación, ou autorizarse con dimensións inferiores ás solicitadas, si a terraza ou as dimensións solicitadas dificultasen o tránsito peonil.

10.-Non poderá obstaculizarse o acceso á calzada desde os portais nin dificultar as manobras de entrada ou saída nas pasaxes permanentes.

11.-Cando a terraza se coloque adosada á fachada do edificio, deberán deixarse libres, cando menos, 0,50 m desde as couzoeiras das portas. Neste espazo non poderá colocarse ningún tipo de mobiliario.

12.-Serán de obrigado cumprimento na instalación das terrazas todas as previsións contidas na normativa específica de promoción da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

Artigo 15.-Supostos especiais.

1.-En prazas e espazos peonís nos que, pola súa configuración, resulte necesario distribuír un espazo limitado entre varios establecementos que soliciten a súa ocupación, os Servizos Técnicos Municipais delimitarán o espazo a ocupar, que poderá referirse ao total dese espazo ou só a parte del.

Para a distribución dese espazo entre os diversos establecementos, tomaranse en consideración, particularmente, os seguintes criterios obxectivos: metros de fachada do local ou establecemento proxectados sobre a praza ou espazo a repartir, aforamento, e superficie útil.

Nas prazas ou espazos peonís, a terraza poderá situarse ancorada á fachada do establecemento ou estar separada desta ata un máximo de 10 m No primeiro caso, a lonxitude da terraza será a da fachada do establecemento, podendo superar os límites desta con autorización dos propietarios colindantes.

2.-Cando o grao de inclinación da rúa o aconselle, instalaranse tarimas sobra as que deberá colocarse o mobiliario da terraza.

Estas tarimas serán de madeira tratada para ser instalada no exterior.

En ningún punto presentarán un desnivel con respecto á rúa que supere os 50 cm de alto, polo que, se a inclinación da rúa obriga a iso, poderán ser graduais.

Os biombos e elementos de seguridade estarán ancorados á tarima.

3.-Nos casos en que para atender o servizo da terraza se deba cruzar unha rúa con circulación rodada, só se autorizará a súa instalación se conta con informe favorable do servizo de tráfico.

Artigo 16.-Establecementos con dúas ou mais fachadas.

Nos casos en que o establecemento teña dúas ou máis fachadas poderá instalar terraza en calquera das rúas ou en todas elas, sempre que se cumpran en cada unha delas as condicións establecidas nesta ordenanza, e que a suma das terrazas cumpra coas condicións de capacidade fixadas na presente norma.

Artigo 17.-Supostos de concorrencia.

1.-Se máis dun establecemento dun mesmo edificio solicita autorización de terraza, cada un poderá ocupar a lonxitude da fronte da súa fachada repartíndose o resto da lonxitude da fachada propia e a dos dous lindeiros a partes iguais. Neste caso, manterase entre elas unha separación mínima de 1 metro, que se repartirá entre as dúas terrazas.

2.-No caso en que se abra un novo establecemento e que a súa fachada estea ocupada, en todo ou en parte, por unha terraza autorizada anteriormente a outro establecemento colindante, o Concello poderá proceder á súa modificación, á vista da nova solicitude presentada, para adaptar a ubicación das dúas terrazas ao disposto nesta ordenanza.

Artigo 18.-Alteracións por tráfico, obras ou por outras causas.

1. Calquera modificación que se produza na sinalización horizontal ou vertical por motivos da ordenación de tráfico que poida afectar ás ocupacións con terrazas, levará consigo a necesidade de adaptar as terrazas afectadas ás novas condicións da ordenación, logo de notificación ao interesado.

2. Ante circunstancias imprevistas ou sobrevidas de execución de obras, ou de implantación, supresión ou modificación de servizos públicos, o Concello, mediante resolución motivada, poderá modificar a autorización concedida de conformidade co previsto nesta ordenanza.

3. En ningún dos supostos a que se refiren os apartados anteriores xerarase dereito a indemnización algunha para os interesados afectados.

Artigo 19.-Períodos de ocupación.

1.-As autorizacións de ocupación poderán ser anuais ou de tempada.

2.-As autorizacións anuais comprenderán o período que vai dende o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro, ambos inclusive.

3.-As autorizacións de tempada comprenderán o período que vai dende o 1 de marzo ata o 31 de outubro, ambos inclusive.

4.-No suposto de non solicitarse a renuncia ou modificación da autorización, esta entenderase prorrogada automaticamente en iguais termos.

 Artigo 20.-Zonas libres de ocupación.

Quedarán libres da ocupación por terrazas as seguintes zonas:

a) As destinadas a operacións de carga e descarga.

b) As situadas en pasos de peóns.

c) Os vaos para paso de vehículos a inmobles.

d) Ao longo do Camiño de Santiago, o espazo de 1.20 m marcado con baldosa de pedra.

e) As paradas de autobuses urbanos, interurbanos e escolares así como de taxis, tanto en calzada coma no tramo de beirarrúa colindante. Non obstante, neste caso poderanse autorizar na beirarrúa cando a anchura desta faga compatible a súa ocupación cos servizos citados.

f) Outros espazos que puidese excluír da ocupación o Concello motivadamente, en función das condicións urbanísticas, estéticas, ambientais, de tráfico, ou de interese xeral.

CAPÍTULO IV.-RÉXIME XURÍDICO

SECCIÓN PRIMEIRA.-PROCEDEMENTO

 Artigo 21.-Solicitantes.

1.-Poderán solicitar as autorizacións:

- Quenes sexan titulares dunha licencia de apertura dun establecemento de hostalería ou restauración.

- Quenes estean tramitando a licencia de apertura, si ben neste caso, a autorización quedará condicionada á súa concesión.

2.-Os solicitantes das autorizacións deberán encontrarse ao corrente no pago dos tributos municipais.

Artigo 22.-Documentación.

1.-Nas solicitudes dos interesados, ademais dos datos relacionados no artigo 70.1 da Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común (en diante LRX-PAC), farase constar o nome ou razón social e dirección do establecemento hostaleiro ou de restauración desde o que se atenderá a terraza solicitada, a extensión da súa superficie en metros cadrados, e o período de ocupación que se pretende.

2.-No caso de terrazas sen pechamentos estables nin elementos auxiliares, a solicitude anterior acompañarase da seguinte documentación:

a) Fotocopia da licencia de apertura do establecemento á que se refire o apartado anterior, e se aínda non se conta con ela, indicación da data na que se solicitou.

b) Plano do espazo público que se pretende ocupar, con indicación do seu nome e da extensión en metros cadrados da superficie que se pretende ocupar coa terraza.

c) Memoria xustificativa da instalación en relación co ámbito no que pretende situarse, incluíndo a forma da mesma.

d) Fotografía da fachada do local e do espazo exterior onde se pretende ubicar a terraza.

e) Fotografías do mobiliario que se desexa instalar, indicando o seu tamaño e o número de unidades.

f) Póliza do seguro de responsabilidade civil ao que se refire o artigo 13, xunto con documento acreditativo da súa vixencia.

3.-No caso de terrazas con pechamentos estables ou elementos auxiliares, xunto coa documentación relacionada no apartado anterior, aportarase, ademais, a seguinte:

g) Fotografía, descrición e número dos elementos auxiliares que se pretendan instalar.

h) Homologación dos elementos integrantes da estructura que conforma o elemento auxiliar.

i) Memoria técnica detallando:

 Características da instalación.

 Superficie a ocupar e elementos a integrar no seu interior.

 Planos a escala 1:100 nos que se indiquen dimensións, seccións, andares e alzados.

 Sistemas de ancoraxe dos elementos auxiliares, nos supostos excepcionais en que poidan solicitarse.

j) Certificación emitida por facultativo habilitado legalmente e visada polo correspondente colexio profesional, acerca da suficiencia da súa estabilidade estructural e das súas condicións de prevención e extincións de incendios, evacuación, e reacción ao lume.

k) Documentación acreditativa da constitución dunha garantía para a reposición do pavimento público ao estado anterior á instalación do pechamento. O importe desta garantía determinarase en función do custo de reposición do espazo ocupado.

l) Orzamento da instalación.

m) Póliza de seguro de responsabilidade civil que cubra calquera clase de risco derivado da instalación, xunto con documento acreditativo da súa vixencia.

Artigo 23.-Tramitación.

1.-O procedemento comezará coa solicitude do interesado, que conterá todos os datos relacionados no artigo 22.1 desta ordenanza. A dita solicitude axuntarase a documentación relacionada nos apartados 2 e 3 do mesmo artigo, segundo os casos.

2.-Para os efectos do cómputo dos prazos de tramitación considerarase como data de inicio do expediente a data de entrada da documentación completa no rexistro.

3.-Os servizos técnicos urbanísticos municipais disporán dun prazo de 1 mes para examinar a solicitude e a documentación presentada e, se é o caso, requirirán ao interesado para que no prazo de 10 días enmende as faltas ou complete a documentación, indicándolle que en caso de non facelo entenderase que desistiu do seu pedimento e que, logo da resolución, se arquivará a súa solicitude sen máis trámite, cos efectos previstos no artigo 42.1 da LRX-PAC.

4.-Unha vez completada a documentación, o procedemento a seguir será o ordinario establecido na LRX-PAC.

Artigo 24.-Resolución.

1.-A resolución do órgano competente deberá producirse no prazo de 1 mes contado desde o día seguinte á data na que se considere iniciado o expediente, conforme ao establecido no apartado 2.º do artigo anterior.

2.-Transcorrido este prazo sen que tivese recaído resolución, entenderase que a solicitude foi desestimada por silencio administrativo.

3.-As resolucións haberán de ser motivadas, especialmente as denegatorias e as que introduzan limitacións ou se afasten do solicitado polo solicitante, e deberán axustarse ao disposto nesta ordenanza.

4.-En tanto non recaia a correspondente resolución está terminantemente prohibida a colocación das terrazas.

5.-Ao dictarse a resolución procederase á liquidación das taxas e ingresos complementarios que procedan de acordo co disposto na correspondente ordenanza fiscal.

6.-A notificación da resolución acompañarase dun documento que conteña as condicións particulares da autorización, no seu caso, e un plano representativo da ocupación permitida, que será o que deberá estar dispoñible no establecemento conforme ao disposto no artigo seguinte.

 SECCIÓN SEGUNDA.-AUTORIZACIÓNS

 Artigo 25.-Réxime.

1.-As autorizacións que se concedan para a instalación das terrazas supoñen un uso privativo do dominio público municipal, polo que se entenderán outorgadas a título de precario e suxeitas ás modificacións que poida decidir o Concello, que neste sentido, resérvase o dereito de limitalas, reducilas, modificalas, suspendelas ou revogalas en calquera momento, sempre que concorran razóns de interese xeral ou urbanístico.

2.-As autorizacións concederanse por unidades de superficie expresadas en metros cadrados, aínda que establecéndose nas mesmas un máximo de mesas.

3.-As autorizacións anuais poderán permitir, de así o solicitar o interesado, unha ocupación de superficie determinada para o período comprendido entre o 1 de marzo ao 31 de outubro, e unha ocupación de superficie distinta para o período que vai desde o 1 de novembro ao 1 de marzo.

4.-As autorizacións outorgaranse deixando a salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiros.

5.-O solicitante da autorización non ostenta un dereito preexistente á súa obtención, polo que a presentación da solicitude non faculta ao interesado para instalar a terraza en ningún caso.

6.-As autorizacións terán carácter temporal, e entenderanse concedidas para o tempo que reste desde a data de concesión da autorización ata o fin do período solicitado. O feito de ter sido autorizado en períodos anteriores, non xera dereito algún para o interesado en posteriores peticións, nin vincula en canto á instalación ou elementos autorizados.

7.-As autorizacións renovaranse automaticamente se non se produce modificación algunha e se ningunha das partes, Concello ou titular, comunica á outra a súa vontade contraria á renovación.

8.-Por razóns de orde público, circunstancias especiais de tráfico, ou para compatibilizar o uso da terraza con outras autorizacións de ocupación da vía pública (especialmente no caso de festas, feiras, acontecementos culturais ou deportivos) poderán modificarse as condicións da autorización temporalmente e/ou ordenar a retirada inmediata da terraza ou daqueles elementos que dificulten ou entorpezan o desenvolvemento da actividade de que se trate, sen dereito a indemnización ou compensación algunha para os afectados.

9.-A instalación de terrazas sen a preceptiva autorización ou sen axustarse á superficie autorizada ou aos períodos de ocupación autorizados, poderá dar lugar á súa retirada, sen prexuízo da liquidación das taxas que correspondan pola ocupación efectivamente realizada, nin das sancións que proceda impoñer.

10.-En caso de negativa a retirar as terrazas por parte do titular, serán retiradas estas polos servizos municipais a costa dos obrigados, que deberán aboar os gastos de retirada, transporte e depósito dos materiais nos establecementos municipais.

11.-A utilización da autorización que implique un uso abusivo da mesma, e o incumprimento das ordes municipais relativas ao axuste da instalación á autorización concedida e ás condiciones en que deba desenvolverse, poderán dar lugar á revogación da autorización.

12.-O documento acreditativo da autorización e o plano no que se reflicta a instalación autorizada deberán colocarse nun lugar visible do establecemento ao que a terraza serve de instalación anexa, e deberán exhibirse polos titulares dos establecementos á autoridade municipal, cantas veces sexa requiridos.

13.-As autorizacións transmitiranse conxuntamente coas licenzas urbanísticas dos establecementos principais, agás renuncia expresa do novo titular que deberá comunicarse ao Concello. Non poderán ser obxecto de arrendamento ou cesión independente. Os cambios de titularidade do establecemento facultan ao novo titular para continuar coa autorización da terraza, sempre que o cambio de titularidade se lle comunique ao Concello, tanto en relación co procedemento relativo á licencia de apertura como no de autorización da terraza.

CAPÍTULO V.-RÉXIME FISCAL

Artigo 26.-Taxa pola ocupación do dominio público.

1. A taxa que proceda devengarase e abonarase conforme ao disposto na Ordenanza Fiscal reguladora da taxa pola utilización de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos con finalidade lucrativa.

2. A contía da taxa será a fixada nas tarifas contidas na devandita ordenanza, atendendo á superficie ocupada, expresada en metros cadrados.

3.-En todos os supostos de ocupación sen autorización ou superando os termos desta,

tanto no relativo á superficie de ocupación como ao período de ocupación, ademais da aplicación das medidas que procedan, procederanse a liquidar e a esixir as taxas non pagadas pola superficie e/ou períodos ocupados, segundo o establecido na correspondente Ordenanza Fiscal, na lexislación de facendas locais e demais lexislación tributaria.

4.-O pago da taxa non exime en ningún caso de que a terraza teña que axustarse ao disposto nesta ordenanza.

CAPÍTULO VI.-INSPECCIÓN E RÉXIME SANCIONADOR

SECCIÓN PRIMEIRA.-INSPECCIÓN

 Artigo 27.-Competencia.

1.-Os axentes da Policía Local serán competentes para controlar o exacto cumprimento das normas establecidas na presente ordenanza.

2.-As denuncias que realicen terán valor probatorio nos procedementos aos que se incorporen segundo o disposto no artigo 137.3 da LRX-PAC.

 SECCIÓN SEGUNDA.-RÉXIME SANCIONADOR

 Artigo 28.-Infraccións.

Constitúen infraccións a esta ordenanza as accións ou omisións tipificadas como leves, graves ou moi graves, de conformidade co disposto no artigo seguinte.

Artigo 29.-Clasificación das infraccións.

1.-Son infraccións leves:

a) A falta de ornato ou limpeza da instalación ou do seu contorno.

b) A falta de exposición nun lugar visible do establecemento do documento de autorización da terraza e do plano no que se reflicta a instalación autorizada.

c) Almacenar ou amontoar productos, envases ou residuos na zona de terraza ou en calquera outro espazo da vía pública.

d) O incumprimento de calquera outra obriga prevista nesta ordenanza que non sexa constitutiva de infracción grave ou moi grave.

2.-Son infraccións graves:

a) O incumprimento do horario de apertura ou de peche da terraza.

b) A non presentación do documento de autorización e do plano da instalación aos axentes da autoridade que o requiran.

c) A carencia dos seguros obrigatorios.

d) A instalación de mesas, cadeiras ou elementos auxiliares de características distintas aos autorizados, ou cunha disposición distinta da autorizada, ou en número superior ao autorizado, aínda sen ocupar maior superficie que a permitida.

e) A ocupación dunha superficie superior á autorizada en menos dun 50 por cento.

f) A ocupación fora dos períodos comunicados, pero dentro da superficie autorizada.

g) O incumprimento da obriga de retirar e recoller o mobiliario da terraza ao finalizar o seu horario de funcionamento.

h) A reiteración por dúas veces na comisión de faltas leves nun período de 1 ano.

3.-Son infraccións moi graves:

a) A instalación da terraza sen autorización.

b) A ocultación, manipulación ou falsificación dos datos ou da documentación presentados para a obtención da correspondente autorización.

c) A ocupación dunha superficie superior á autorizada en mais dun 50 por cento.

d) O incumprimento das ordes de suspensión ou retirada da instalación.

e) A reiteración por dúas veces na comisión de faltas graves nun período de 1 ano.

Artigo 30.-Sancións.

A comisión das infraccións previstas nesta ordenanza levará emparellada a imposición das seguintes sancións:

a) As infraccións leves sancionaranse cunha multa de ata 300 euros, podendo ser acordada a suspensión da autorización por período de 1 mes.

a) As infraccións graves sancionaranse cunha multa de entre 301 e 750 euros, podendo ser acordada a suspensión da autorización por período de 3 meses.

c) As infraccións moi graves sancionaranse cunha multa de entre 751 e 1500 euros, podendo ser acordada a revogación da autorización.

Artigo 31.-Gradación das sancións.

1.-Na gradación das sancións deberase gardar a axeitada adecuación entre a gravidade da infracción cometida e a sanción aplicada.

2.-Na valoración da gravidade da infracción terase en conta a existencia de intencionalidade, a natureza dos prexuízos causados, a reiteración dos feitos e a intensidade dos danos causados a bens públicos ou das perturbacións ocasionadas aos demais usuarios da vía pública.

Artigo 32.-Órganos competentes.

1.-Será órgano competente para iniciar o procedemento sancionador o alcalde ou concelleiro en quen delegue.

2.-A función instructora exercerase pola autoridade ou funcionario que designe o órgano competente para a incoación do procedemento, sen que poida recaer en quen tivera competencia para resolver o mesmo.

3.-Será órgano competente para resolver o procedemento sancionador a Xunta de Goberno Local.

Artigo 33.-Procedemento.

A imposición das sancións requirirá a tramitación do correspondente procedemento, de conformidade co disposto nos artigos 127 a 138 da LRX-PAC e no Real Decreto 1398/1993, de 4 de agosto, polo que se regula o procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

En relación a adopción de medidas provisionais, poderanse acordar as que resulten necesarias para garantir a eficacia da resolución que puidera recaer, entre elas a suspensión das autorizacións ou a retirada das instalacións.

 Artigo 34.-Prescrición.

As infraccións e sancións previstas nesta Ordenanza prescribirán segundo o disposto no artigo 132 da LRX-PAC.

 

DISPOSICIÓNS

DISPOSICIÓN ADICIONAL

Habilítase á Alcaldía para dictar as disposicións ou instruccións que resulten necesarias para o desenvolvemento e aplicación da presente ordenanza.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

1.-Os titulares das terrazas existentes no momento da entrada en vigor desta ordenanza que carezan de autorización, deberán solicitar a mesma no prazo máximo de tres meses a contar dende a súa entrada en vigor.

2.-Os titulares das terrazas existentes no momento da entrada en vigor desta ordenanza que dispoñan de autorización, deberán axustarse ao conxunto das obrigas establecidas nela, tanto ás de tipo técnico como estético, no prazo máximo de seis meses a contar dende a súa entrada en vigor.

3.-Se os titulares das terrazas non cumprisen o disposto nos apartados anteriores o Concello poderá ordenar a retirada das terrazas.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

Quedan derrogadas cantas disposicións do mesmo ou inferior rango regulen as materias contidas na presente Ordenanza, en canto se opoñan ou contradigan ao contido da mesma.

DISPOSICIÓN FINAL

De conformidade co establecido nos artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, a presente Ordenanza entrará en vigor aos quince días hábiles da súa publicación completa no Boletín Oficial da Provincia, unha vez aprobada definitivamente polo Pleno da Corporación.

ANEXOS

ANEXO I

 

MODELO DE SOLICITUDE

 

NOME E APELIDOS _________________________________________________________­­­­­­

DNI: _____________________________________________________________________

DOMICILIO: _______________________________________________________________

CP __________ CONCELLO: ____________________ PROVINCIA: ___________________

Teléfono: _______________ Teléfono móbil: ________________ Fax: ________________

Correo electrónico/ e-mail: ___________________________________________________

REPRESENANTE / APODERADO (Para persoas xurídicas):

_________________________________________________________________________

NOME DO ESTABLECEMENTO: ________________________________________________

RAZÓN SOCIAL: ­­­­­­­­­____________________________________________________________

NIF: _____________________________________________________________________

DIRECCIÓN: _______________________________________________________________

SUPERFICIE PREVISTA A OCUPAR (METROS CADRADOS) __________ _______________­

RÚA PEONIL: SI / NON

PRAZA: SI / NON

PERÍODO DE OCUPACIÓN­­­­­­­ __________________________________________

AS SOLICITUDES ACOMPAÑARANSE DE:

 

 

 

- COPIA COMPULSADA DO DNI DO SOLICITANTE

 

 

 

- COPIA COMPULSADA DO PODER DE REPRESENTACIÓN E DNI D0 REPRESENTANTE (no seu caso)

 

 

 

- COPIA COMPULSADA DO NIF .

Arzúa, .......... de .............................. de ...............

Asdo:

A/A ALCALDE DO CONCELLO DE ARZÚA

 

ANEXO II

 

DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR

 

PARA A INSTALACIÓN DE TERRAZAS SEN PECHAMENTOS ESTABLES NIN ELEMENTOS AUXILIARES

 

 Fotocopia da licencia de apertura do establecemento, e se aínda non se conta con ela, indicación da data na que se solicitou.

 Plano do espazo público que se pretende ocupar, con indicación do seu nome e da extensión en metros cadrados da superficie que se pretende ocupar coa terraza.

 Memoria xustificativa da instalación en relación co ámbito no que pretende situarse, incluíndo a forma da mesma.

 Fotografía da fachada do local e do espazo exterior onde se pretende ubicar a terraza.

 Fotografías do mobiliario que se desexa instalar, indicando o seu tamaño e o número de unidades.

 Póliza do seguro de responsabilidade civil ao que se refire o artigo 13, xunto con documento acreditativo da súa vixencia.

 

PARA A INSTALACIÓN DE TERRAZAS CON PECHAMENTOS ESTABLES E/OU ELEMENTOS AUXILIARES

 

 Fotocopia da licencia de apertura do establecemento, e se aínda non se conta con ela, indicación da data na que se solicitou.

 Plano do espazo público que se pretende ocupar, con indicación do seu nome e da extensión en metros cadrados da superficie que se pretende ocupar coa terraza.

 Memoria xustificativa da instalación en relación co ámbito no que pretende situarse, incluíndo a forma da mesma.

 Fotografía da fachada do local e do espazo exterior onde se pretende ubicar a terraza.

 Fotografías do mobiliario que se desexa instalar, indicando o seu tamaño e o número de unidades.

 Póliza do seguro de responsabilidade civil ao que se refire o artigo 13, xunto con documento acreditativo da súa vixencia.

 Fotografía, descrición e número dos elementos auxiliares que se pretendan instalar.

 Homologación dos elementos integrantes da estructura que conforma o elemento auxiliar.

 Memoria técnica detallando:

 Características da instalación.

 Superficie a ocupar e elementos a integrar no seu interior.

 Planos a escala 1:100 nos que se indiquen dimensións, seccións, andares e alzados.

 Sistemas de ancoraxe dos elementos auxiliares, nos supostos excepcionais en que poidan solicitarse.

 Certificación emitida por facultativo habilitado legalmente e visada polo correspondente colexio profesional, acerca da suficiencia da súa estabilidade estructural e das súas condicións de prevención e extincións de incendios, evacuación, e reacción ao lume.

 Documentación acreditativa da constitución dunha garantía para a reposición do pavimento público ao estado anterior á instalación do pechamento. O importe desta garantía determinarase en función do custo de reposición do espazo ocupado.

 Orzamento da instalación.

 Póliza de seguro de responsabilidade civil que cubra calquera clase de risco derivado da instalación, xunto con documento acreditativo da súa vixencia.

A A PRESENTACIÓN DESTA DOCUMENTACIÓN NON EXIME DA OBRIGA DE PRESENTAR TODA AQUELA OUTRA QUE FOSE CONSIDERADA NECESARIA E QUE SEXA REQUIRIDA POLOS SERVIZOS TÉCNICOS URBANÍSTICOS MUNICIPAIS, SEGUNDO OS CASOS.

ANEXO III

ESQUEMAS CON UBICACIÓNS DAS TERRAZAS (DISTANCIAS MÍNIMAS)

 

15132.png 

 

 

 

15143.png 

15151.png 

15158.png 

15166.png