Fene - ORDENANZA FISCAL Nº 22 REGULADORA DA TAXA POR OCUPACIÓN DE TERRENOS DE USO PÚBLICO POR MESAS E CADEIRAS, TRIBUNAS, TABLADOS E OUTROS ELEMENTOS ANÁLOGOS, CON FINALIDADE LUCRATIVA.

Publicación provisional: 09/06/2020 BOP Nº: 83
Publicación definitiva: 29/07/2020 BOP Nº: 118
Aplicable dende: 08/11/2021

ARTIGO 1.-FUNDAMENTO E OBXECTO.

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, este Concello establece a taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, taboados e outros elementos análogos con finalidade lucrativa, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, que atende ao previsto no artigo 57 do citado RDLex. 2/2004.

ARTIGO 2.-FEITO IMPOÑIBLE.

Constitúe o feito impoñible desta taxa as ocupacións de terreos de uso público local con mesas, cadeiras, antucas, toldos, cortaventos, xardineiras, dispositivos de climatización, parasoles, tribunas, taboados e outros elementos análogos.

ARTIGO 3.-BENEFICIOS FISCAIS.

Non se aplicarán outros beneficios fiscais que os expresamente previstos en normas con rango de lei e nos tratados internacionais.

ARTIGO 4.-OBRIGADOS TRIBUTARIOS.

4.1. Son suxeitos pasivos, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei xeral tributaria a cuxo favor se outorguen as autorizacións e se beneficien ou realicen o aproveitamento especial do dominio público local, en relación a algún dos supostos citados no feito impoñible.

4.2. Serán responsables solidarios da débeda tributaria as persoas ou entidades a que se refire o artigo 42 da Lei xeral tributaria.

4.3. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores e liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 43 da Lei xeral tributaria.

ARTIGO 5.-BASE IMPOÑIBLE.

Tomarase como base para determinar o importe da cota tributaria o número de metros cadrados de vía pública delimitada polas mesas, cadeiras e demais elementos instalados, atendendo á zonificación do viario municipal que figura no Anexo da Ordenanza Fiscal Xeral municipal.

ARTIGO 6.-TARIFAS.

Os aproveitamentos poden ser anuais, cuadrimestrais ou mensuais segundo que a autorización sexa polo ano natural ou unha parte deste, respectivamente.

As autorizacións anuais poderán ser obxecto de prórroga cando así o solicite expresamente o interesado na solicitude de aproveitamento do dominio público local.

Conforme ó disposto na Ordenanza reguladora de terrazas, os cuadrimestres obxectos de autorización serán os seguintes:

- De febreiro a maio.

- De xuño a setembro.

- De outubro a xaneiro.

Fora dos casos nos que se solicite o aproveitamento polo ano natural, os interesados non poderán solicitar un aproveitamento superior a un cuadrimestre -tal e como se definen anteriormente-, sen prexuízo de que soliciten expresamente a súa prórroga de forma análoga ó disposto para as autorizacións anuais. A prórroga entenderase feita para o períodos cuadrimestrais seguintes de xeito que exista continuidade no aproveitamento do dominio público local.

Os interesados poderán solicitar un aproveitamento inferior a un cuadrimestre (un ou varios meses). Neste caso, non se poderá prorrogar a autorización concedida.

6.1. Establécense as seguintes tarifas por cada m2 de terreo de uso público delimitado con mesas, cadeiras, antucas, toldos, cortaventos, xardineiras, dispositivos de climatización, parasoles, tribunas, taboados e outros elementos análogos:

- Para a ocupación da vía pública nas rúas situadas nas zonas 1,2,3:

Cuota mensual

Cuota cuadrimestral

Cuota anual

1,39 €/m2

5,56 €/m2

16,68 €/m2

- Para a ocupación da vía pública nas rúas situadas nas zonas 4,5,6:

Cuota mensual

Cuota cuadrimestral

Cuota anual

0,34 €/m2

1,36 €/m2

4,08 €/m2

- Para a ocupación da vía pública nas rúas situadas nas zonas 7 e 8:

Cuota mensual

Cuota cuadrimestral

Cuota anual

0,11 €/m2

0,44 €/m2

1,32 €/m2

6.2.-Para a aplicación deste artigo terase en conta o seguinte:

a) Se como consecuencia da colocación de toldos, marquesiñas, separadores e outros elementos auxiliares se delimita unha superficie maior á ocupada por mesas e cadeiras, tomarase aquela como base de cálculo.

b) Se o número de metros cadrados non fose enteiro, redondearase por exceso para obter a superficie ocupada.

c) No caso de autorizacións anuais e no referente ó primeiro ano da autorización concedida, a tarifa anual prorratearase por cuadrimestres naturais redondeándose por exceso.

No caso de autorizacións inferiores a un cuadrimestre, a tarifa cuadrimestral prorratearase por meses naturais redondeándose por exceso.

ARTIGO 7.-PERÍODO IMPOSITIVO E DEVENGO DA TAXA.

Devéngase a taxa e nace a obriga de contribuír:

1) Tratándose da autorización de novos aproveitamentos da vía pública, cando se inicie o aproveitamento especial.

2) Tratándose de aproveitamentos xa existentes, tendo en conta a posibilidade da prórroga da súa autorización establecida na Ordenanza reguladora de terrazas, o devengo prodúcese o 1 de xaneiro de cada ano -para aproveitamentos anuais- ou o 1 de febreiro, 1 de xuño e 1 de outubro -para aproveitamentos cuadrimestrais, segundo corresponda-. Deste xeito, o período impositivo comprende o ano natural ou o cuadrimestre correspondente conforme foron definidos no artigo 6.

ARTIGO 8.-NORMAS DE XESTIÓN.

1.-As persoas ou Entidades interesadas na autorización de aproveitamentos regulados nesta ordenanza, deberán solicitar previamente a correspondente licenza declarando a superficie do aproveitamento a utilizar en m2, ós efectos da presente ordenanza.

2.-Para o caso de que o dominio público efectivamente ocupado exceda do autorizado por licenza, practicarase unha liquidación provisional complementaria sen prexuízo doutras actuacións que correspondan.

3.-Tratándose de novas autorizacións de aproveitamento do dominio público, procederase a practicar liquidación unha vez autorizada ou concedida a ocupación de vía pública.

4.-Tratándose de autorizacións de aproveitamentos xa autorizados e prorrogados conforme á Ordenanza reguladora de terrazas, unha vez notificada a liquidación de alta, serán incorporados a un Padrón Fiscal, que conterá os datos necesarios para a correcta xestión da taxa. As liquidacións anuais ou cuadrimestrais sucesivas, e prazos de ingreso, notificaranse de xeito colectivo, mediante anuncios no Boletín Oficial da Provincia.

5.-As cotas devengadas e non satisfeitas en período voluntario de cobranza, esixiranse polo procedemento de prema.

6.-A presentación da baixa deberá ser comunicada ó Concello producindo efectos a partir do primeiro día do seguinte período impositivo.

7.-As variacións á baixa dos m2 de ocupación autorizados deberán ser comunicadas ó Concello producindo efectos a partir do primeiro día do seguinte período impositivo.

ARTIGO 9.-INGRESO.

O pagamento da taxa regulada nesta ordenanza realizarase:

a) Nas liquidacións de contraído previo, nas entidades financeiras onde establecese o Concello na notificación da liquidación efectuada.

b) Nas liquidacións por recibo ou censo, nas datas e entidades financeiras ou oficinas que se sinalen no edito de exposición pública do censo.

ARTIGO 10.-INFRACCIÓNS E SANCIÓNS TRIBUTARIAS.

Para a cualificación das infraccións tributarias, así como das sancións que a elas corresponden en cada caso, estarase ao disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei xeral tributaria e na Ordenanza xeral de xestión.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

A partir da entrada en vigor desta ordenanza queda derrogada a anterior ordenanza reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos con finalidade lucrativa, que fora aprobada polo Pleno do Concello en sesión celebrada o día 21 de novembro de 2006.

DISPOSICIÓN FINAL

1. A presente ordenanza, que consta de dez artigos, unha disposición derrogatoria e unha disposición final, entrará en vigor e aplicarase mentres non se acorde a súa modificación ou derrogación

2. Sen prexuízo do que antecede, suspéndese a aplicación da presente ordenanza fiscal dende o 1 de xaneiro de 2022 ata o 31 de decembro do 2022.