Negreira - ORDENANZA SOBRE IMPOSTO SOBRE CONSTRUCCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS

Publicación provisional: 22/11/2004 BOP Nº: 269
Publicación definitiva: 30/12/2004 BOP Nº: 299
Aplicable dende: 12/11/2021

Artigo 1.º.–Fundamento e natureza.

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e dos artigos 15.1 e 59.2 do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, este Concello establece o imposto sobre construccións, instalacións e obras, que se rexerá polo disposto na devandita lei e pola presente ordenanza fiscal.

Artigo 2.º.–Feito impoñible.

1.–Constitúe o feito impoñible do Imposto a realización no termo municipal de Negreira, de calquera construción, instalación ou obra para a que se esixa a obtención da correspondente licenza de obras ou urbanística, obtivérase ou non a devandita licenza, sempre que a súa expedición corresponda a este Concello.

2.–Son construcións, instalacións e obras suxeitas ó importo todas aquelas na que a execución implique a realización do feito impoñible definido no apartado anterior; i en particular as seguintes:

a) As obras de nova planta e de ampliación de edificios, ou necesarias para a implantación, ampliación, modificación ou reforma de instalacións de calquera tipo.

b) As obras de modificación ou de reforma que afecten á estrutura, ó aspecto exterior ou á disposición interior dos edificios, ou que incidan en calquera clase de instalacións existentes.

c) As obras provisionais.

d) A construción de vaos para a entrada e saída de vehículos das fincas na vía pública.

e) As construcións, instalacións e obras realizadas na vía pública por particulares ou polas empresas subministradoras de servizos públicos, que corresponderán tanto ás obras necesarias para a apertura de calas e pozos, colocación de postes de soporte, canalizacións, conexións e, en xeral, calquera remoción do pavimento ou beirarrúas, como as necesarias para a reposición, reconstrución ou amaño do estragado coas calas mencionadas.

f) Os movementos de terra, tales como desmontes, explanacións, escavacións, terraplenados, salvo que estes actos estean detallados e programados como obras a executar nun proxecto de urbanización ou edificación aprobado ou autorizado.

g) As obras de peche dos solares ou dos terreos e dos valados, os andamios e as andamiaxes de precaución.

h) A nova implantación, a ampliación, a modificación, a substitución ou o cambio de emprazamento de todo tipo de instalacións técnicas dos servizos públicos, calquera que sexa seu emprazamento.

i) Os usos de carácter provisorio.

l) A instalación, reforma ou calquera outra modificación dos soportes ou valados que teñan publicidade ou propaganda.

ll) As instalacións subterráneas dedicadas ós aparcamentos, as actividades industriais, mercantís ou profesionais, ós servizos públicos ou a calquera outro uso a que se destine o subsolo.

m) A realización de calquera outra actuación establecida polos plans de ordenación ou polas ordenanzas que lles sexan aplicables como suxeitas a licencias municipais, sempre que se trate de construcións, instalacións e obras.

n) Derrubamentos.

ñ) Aliñacións e rasantes.

o) As que se realicen en cemiterios.

p) Calquera outra construción, instalación ou obra que precise licenza de obra ou urbanística.

3.–Quedan tamén incluídas no feito impoñible do imposto, as construcións, instalacións e obras que se realicen en cumprimento dunha orde de execución municipal ou aquelas outras que requiran a previa existencia dun acordo aprobatorio ou dunha concesión. Nestes supostos a licenza aludida no apartado 1, considerarase outorgada unha vez ditada a orde de execución, adoptado o acordo ou adxudicada a concesión polos órganos municipais competentes, con cumprimento da tramitación preceptiva, e legalmente notificado o acto administrativo ó interesado.

Artigo 3.º.–Supostos de non suxeición.

Non estarán suxeitas ao imposto regulado na presente ordenanza:

a) As obras, construcións e instalacións que, debendo ser entregadas ao Patrimonio Municipal, fosen executadas por outras administracións públicas en virtude de convenio de colaboración ou cooperación co Concello.

b) As obras, construcións e instalacións realizadas por entidades de interese público ou asociacións veciñais en bens de uso ou servizo público municipal, coa autorización previa do órgano correspondente.

c) As obras que consistan en construción e reconstrución de muros, como consecuencia da necesidade de ensanche das vías públicas se se efectuou a cesión gratuíta dos terreos polos propietarios.

d) As obras, construcións e instalacións que promovan dentro do termo municipal de Negreira a Mancomunidade de Concellos de Compostela.

e) A execución de obras de urbanización realizadas polos propietarios afectados, sempre e cando se entreguen posteriormente ao Patrimonio municipal.

f) As obras realizadas nos centros públicos e nos centros privados concertados sempre que estas se realicen nos niveis de educación obrigatoria.

Artigo 4.º.–Exencións.

Está exenta do pagamento do imposto a realización de calquera construción, instalación ou obra da que sexa dono o Estado, as comunidades autónomas ou as entidades locais, que estando suxeitas a este, sexan directamente destinadas a carreteiras, ferrocarrís, portos, aeroportos, obras hidráulicas, saneamentos de poboacións e das súas augas residuais, aínda que a súa xestión se leve a cabo por organismos autónomos, tanto se se trata de obras de inversión nova como de conservación.

A concesión ou denegación da exención será efectuada pola Xunta de Goberno Local, previo informe dos servizos económicos.

Artigo 5.º.–Suxeitos pasivos e substitutos do contribuínte.

1.–Son suxeitos pasivos deste imposto a título de contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, que sexan donos das construcións, instalacións ou obras, sexan ou non propietarios do inmoble sobre o que se realicen aquelas.

Ós efectos de este punto terán a consideración de donos das construcións, instalacións ou obras quen soporten os gastos ou costos que comporten a súa realización.

2.–Teñen a consideración de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte, no caso de que a construción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte, quen soliciten as correspondentes licencias ou realicen as construcións, instalacións ou obras.

Para a aplicación deste apartado considerarase substituto de primeiro grado ao solicitante da licenza e contra este obrigado exercitarase a acción administrativa dirixida ao cobro do imposto. Cando non exista solicitude de licenza esixirase a presentación da declaración e o ingreso, á empresa que realice a construción, instalación ou obra.

3.–O substituto poderá esixir do contribuínte o importe da cota tributaria satisfeita.

Artigo 6.º.–Base impoñible.

A base impoñible do imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra; e se entende por tal, a estes efectos, o custo de execución material de aquela.

Non formarán parte de dita base o imposto sobre o valor engadido e demais impostos análogos propios de réximes especiais, as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas, no seu caso, coa construción, instalación ou obra, nin os honorarios de profesionais, o beneficio empresarial do contratista nin calquera outro concepto que non intégreo custo de execución material.

Artigo 7.º.–Tipo de gravame e cota tributaria.

1.–A cota íntegra do imposto será o resultado de aplicar á base impoñible os seguintes tipos de gravame:

a) Tipo xeral: 2%.

b) Construcións, instalacións e obras en solo industrial:2,5%.

c) Construción de edificacións plurifamiliares, vivendas colectivas ou promocións que na solicitude de licenza conteñan máis dunha vivenda unifamiliar: 3%.

2.–A cota líquida do Imposto será, no seu caso, o resultado de aplicar á cota as bonificacións que establecesen no artigo 9.º desta ordenanza.

Artigo 8.º.–Devengo do imposto.

1.–A obriga de contribuír nace no intre de comeza-la construción, instalación ou obra, mesmo nos casos en que comece sen ter obtido a licenza que proceda.

2.–Ós efectos de este imposto, entenderanse iniciadas as construcións, instalacións e obras, salvo proba en contrario, cando fora concedida a preceptiva licenza municipal; no momento no que sexa retirada a devandita licenza polo interesado ou o seu representante, ou noutro caso, ó mes da data do Decreto ou do acordo da Xunta de Goberno Local.

Artigo 9.º.–Bonificacións.

1.–a) Establécese un beneficio fiscal do 90% da cota para as instalacións, construcións e obras promovidas directamente por outras administracións públicas e destinadas ao equipamento comunitario primeiro, sempre e cando non estea prevista a súa repercusión no prego de condicións que rexa para a contratación da obra.

b) Terán unha bonificación do 50% da cota as construcións, instalacións e obras, realizadas por asociacións sen ánimo de lucro, en centros destinados á asistencia e integración social ou desenvolvemento de actividades culturais de libre acceso e participación. Para acceder a esta bonificación será necesario acompañar á solicitude cos estatutos da asociación debidamente rexistrados, así como unha memoria explicativa da actividade que se vai desenvolver no local. A inactividade por un prazo superior a 6 meses ou o cambio de actividade nos locais dentro dos cinco anos seguintes ao outorgamento do beneficio darán lugar á perda da bonificación e liquidaranse as cantidades bonificadas coa aplicación dos xuros de demora correspondentes.

c) Establécese ademais unha bonificación do 95% a favor doutras construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico – artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración. A concesión da mesma requirirá informe ou memoria motivadora do especial interese ou utilidade municipal.

En todos os casos recollidos nas letras anteriores a concesión do beneficio fiscal, así como a declaración de especial interese ou utilidade municipal referida na letra c), corresponderá ó Pleno da Corporación por maioría simple dos seus membros.

Nos casos de construcións, instalación e obras declaradas de especial interese por circunstancias de fomento do emprego, as porcentaxes de bonificación serán as seguintes:

 Ata o 95% pola creación de máis de 20 postos de traballo.

 O 75% pola creación de entre 11 e 20 postos de traballo.

 O 50% pola creación de ata 10 postos de traballo.

2.–Establécese unha bonificación a favor das construcións, instalacións ou obras nas que se incorporen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar fotovoltaica para autoconsumo. A aplicación desta bonificación estará condicionada a que as instalacións para produción de calor inclúan colectores que dispoñan da correspondente homologación da Administración competente.

A bonificación establécese no 25% dos gastos de execución material dos sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar, a deducir da cota íntegra do imposto, sen que en ningún caso a dedución poida exceder da porcentaxe do 50% da cota.

O suxeito pasivo deberá aportar, xunto coa solicitude da licenza, o proxecto técnico visado polo Colexio Oficial correspondente, acreditativo da incorporación á construción, instalación ou obra de instalacións de enerxía solar térmica ou de enerxía solar fotovoltaica para autoconsumo, así como da homologacións dos colectores empregados para a produción de calor.

3.–Establécese unha bonificación do 30% a favor das construcións, instalacións ou obras referentes a actuacións protexidas en materia de vivenda, de conformidade co disposto no Decreto da Xunta de Galicia 199/2002, do 6 de xuño e demais normativa estatal e autonómica cobre a materia.

Para o goce da mesma, o suxeito pasivo deberá aportar, no momento previo á retirada da licenza, a cédula de cualificación provisional como VPO emitida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou declaración ou visado emitido polo mesmo Instituto considerando protexida a actuación en que consiste a construción, instalación ou obra.

4.–Establécese unha bonificación a favor das construcións, instalacións e obras que, en edificacións e instalacións xa existentes, favorezan as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados. A bonificación establécese no 10% dos gastos de execución material das obras que favorezan as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados, a deducir da cota íntegra do imposto, sen que en ningún caso a dedución poida exceder da porcentaxe do 30% da cota.

5.–As bonificacións previstas neste artigo esixirán:

a) Solicitude do interesado.

b) Informe dos Servizos municipais correspondentes (Urbanismo, Cultura, Emprego, Medioambiente) e, en todo caso, informe do Servizo de xestión, recadación e inspección tributaria do Concello.

c) Acordo da Xunta de Goberno Local e, no seu caso, do Pleno.

6.–As solicitudes de bonificacións incluídas neste artigo deberán presentarse coincidindo coa solicitude das correspondentes licencias.

7.–As bonificacións aplicaranse sobre a cota íntegra do imposto e serán compatibles, salvo as recollidas no apartado 1 deste artigo que serán incompatibles entre si, e a recollida no apartado 1 a), que será incompatible con ningunha outra. En todo caso as bonificacións aplicadas de forma acumulativa neste artigo en ningún caso poderán exceder do 75% da cota íntegra.

Artigo 10.º.–Normas de xestión.

1.–Os suxeitos pasivos virán obrigados a presentar solicitude de licenza urbanística, acompañada dos correspondentes presupostos, nos casos e modos que sinala a normativa aplicable ao solo e á edificación, tanto estatal, como autonómica e local. A solicitude de licenza urbanística terá o valor de declaración tributaria, por canto dos presupostos que acompañan a aquela deducirase a base impoñible do imposto. De non mediar solicitude de licenza antes do inicio das obras, a conduta, sen prexuízo das súas repercusións urbanísticas, constituirá unha infracción tributaria, segundo o disposto no artigo 11 desta Ordenanza.

2.–Concedida a licenza ou adoptado o acordo aprobatorio ou autorización en relación coas construcións, instalacións e obras que se realicen en cumprimento dunha orde de execución municipal e, en todo caso, no prazo máximo dun mes contado a partir do momento no que se inicie a construción, instalación ou obra, incluso cando non fose solicitada, concedida ou denegada aínda a devandita licenza, o suxeito pasivo estará obrigado a abona-la liquidación pertinente nos prazos establecidos no artigo 62.2 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria, sen que o pagamento comporte ningún tipo de acto declarativo de dereito a prol daqueles.

A base impoñible para esta liquidación determinarase en función do presuposto presentado polos interesados, sempre que o mesmo estivera visado polo Colexio Oficial correspondente cando elo constitúa un requisito preceptivo. Noutro caso, a base impoñible será determinada pola oficina técnica municipal en función dos módulos previstos na presente ordenanza, e que figuran como anexo da mesma.

3.–O pagamento da liquidación practicada terá carácter provisorio e será a conta da liquidación definitiva que se practique unha vez rematadas as construcións, instalacións ou obras.

4.–Tendo en conta a obra realizada e o seu custo real e efectivo, o Concello, previa comprobación, poderá modifica-la base impoñible a que se refiren os apartados anteriores, facendo a correspondente liquidación definitiva, e esixindo ou reintegrando ó suxeito pasivo a cantidade que resulte.

Para estes efectos, e no caso de que se modificara o proxecto inicial das construcións, instalacións ou obras e se incrementara o presuposto, unha vez aceptada a modificación pola Administración municipal os suxeitos pasivos están obrigados a facer o ingreso da liquidación complementaria pola diferenza entre o presuposto inicial e o modificado con suxeición a prazos, requisitos e efectos indicados nos apartados anteriores.

5.–No caso de que non se executen as construcións, instalacións ou obras, o interesado terá dereito á devolución do ingresado, unha vez que formule renuncia expresa á licenza ou caducara a licenza.

6.–Nos supostos de licencias concedidas en virtude da aplicación das normas sobre silencio administrativo, o pagamento do imposto deberá realizarse antes de dar comezo ás obras.

Artigo 11.º.–Infraccións e sancións.

Para todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias e a imposición das sancións correspondentes, rexerá o disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria.

Disposición derradeira

A presente Ordenanza foi aprobada de xeito provisorio polo Pleno da corporación na sesión celebrada o día 13 de setembro de 2021. Comezará a rexer a partires da publicación do seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia, e continuará vixente mentres non se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.