Laxe - ORDENANZA FISCAL N.º 9, REGULADORA DA TAXA POR POSTOS, BARRACAS, CASETAS DE VENDA, ESPECTÁCULOS OU ATRACCIÓNS SITOS EN TERREOS DE USO PÚBLICO E INDUSTRIAS DA RÚA E AMBULANTES E RODAXE CINEMATOGRÁFICA

Publicación provisional: 15/12/1998 BOP Nº: 286
Publicación definitiva: 15/12/1998 BOP Nº: 286
Aplicable dende: 01/01/1999

Artigo 1.º .-Fundamento e natureza.

En uso das facultades concedidas polos artigos 131.2 e 142 da Constitución e polo artigo 105 da Lei 7/1995, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, e de acordo co disposto nos artigos 15 ó 19 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, este Concello establece a taxa por postos, barracas, casetas de venda, espectáculos ou atraccións sitos en terreos de uso público e industrias da rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfica, con finalidade lucrativa, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, aténdose as súas normas ó previsto no artigo 20 - apartado 1, letra A) e apartado 3, letra n), - e no artigo 58 da xa citada Lei 39/1988.

Artigo 2.º .-Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible da taxa a utilización privativa ou o aproveitamento especial derivados da ocupación da vía pública ou terreos de uso público con postos, barracas, casetas de venda, espectáculos ou atraccións sitos en terreos de uso público e industrias da rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfica.

Artigo 3.º .-Suxeitos pasivos.

Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria, que resulten autorizadas para efectua-los aproveitamentos e as que resulten beneficiadas por ditos aproveitamentos, incluso cando non obtivesen previa autorización.

Artigo 4.º .-Responsables.

1.-Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei Xeral Tributaria.

2.-Serán responsables subsidiarios os Administradores das sociedades e os Síndicos, Interventores ou Liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei Xeral Tributaria.

Artigo 5.º .-Bases de imposición e tipos de gravame.

As bases de imposición e tipos de gravame son os comprendidos na seguinte tarifa:

- Ocupación de terreos con postos de venda, por metro lineal: 115 ptas.

Artigo 6.º .-Exencións.

Non se concederá exención nin bonificación ningunha na exacción da presente taxa, agás a prevista en normas con rango de lei ou as derivadas de aplicación dos tratados internacionais, resultando de aplicación, en todo caso, canto se dispón co artigo 9 da Lei Reguladora de Facendas Locais.

Artigo 7.º .-Período impositivo e devengo.

1.-Devéngase a taxa e nace a obriga de contribuír cando se inicie o aproveitamento.

2.-A taxa esixirase o primeiro venres do semestre natural e as cotas serán irreducibles, agás no caso de inicio no aproveitamento en data distinta ó primeiro venres do semestre natural, suposto no que a cota se calculará proporcionalmente ó número de venres que restan para remata-lo semestre, incluído o do comenzo do aproveitamento.

Artigo 8.º .-Normas de xestión.

1.-O mercadillo celebrarase durante o ano, tódolos venres de cada semana.

2.-Nos postos de venda poderanse vender todo tipo de productos, agás as carnes, aves e caza fresca, refrixerada ou conxelada; os peixes e mariscos frescos e conxelados, leite certificado e pasteurizado; os queixos frescos, o requeixo, a nata, a manteiga, o iogur e outros productos lácteos frescos, pastelería e bolería rechea ou gornecida; as pastas alimenticias frescas e recheas, as anchoas, os peixes afumados e outras semi conservas. Tampouco será posible a venda daqueles productos que polas súas características comporten risco sanitario. Malia o anterior, permitirase a venda destes productos alimenticios cando a xuízo das autoridades sanitarias se dispoña das instalacións adecuadas e cando aqueles productos estean debidamente envasados.

3.-Tódolos postos de venda deberán contar coa debida autorización municipal. As solicitudes de autorización deberán formularse no modelo normalizado que se proporcionará nas oficinas municipais, e ás que se xuntará a seguinte documentación:

- Empresario individual: fotocopia compulsada polo Secretario do Concello ou notario, do NIF, pasaporte ou documento que o substitúa.

- Persoas xurídicas: fotocopia compulsada polo Secretario do Concello ou notario da escritura de constitución ou modificación, no seu caso, inscrita no rexistro mercantil, cando este requisito fora esixible conforme á lexislación mercantil que lle forma aplicable. Se non o fora, deberá xuntar escritura ou documento de constitución, modificación, estatutos ou acto fundacional, nos que constaren as normas polas que se regula a súa actividade, inscritas, no seu caso, no correspondente rexistro oficial.

- Poderes: cando o solicitante non actúe en nome propio ou se trate de sociedade ou persoa xurídica, deberá xuntarse fotocopia compulsada polo secretario do concello ou notario do poder notarial para representar á persoa ou entidade en nome do que concorre ante a Administración, así como fotocopia do NIF do apoderado.

- Fotocopia compulsada polo Secretario do Concello ou notario, do último recibo acreditativo do pago do imposto de actividades económicas correspondente, con indicación do epígrafe ou epígrafes correspondentes e clase (municipal, provincial ou nacional).

- Declaración xurada de posuí-la condición de comerciante.

- Acreditar, se é o caso, a titulación e colexación oficial, así como a prestación das fianzas e daquelas garantías que sexan esixidas pola lexislación vixente para a venda de determinados productos ou prestación de determinados servicios. No suposto de non estar obrigado a acreditar os extremos antes expresados, presentarase declaración xurada na que se faga constar este pormenor.

- Certificación administrativa expedida polo órgano competente acreditativa de estar ó corrente no cumprimento das súas obrigas coa seguridade social.

- Declaración de quen vai se-la persoa que exercerá a venda no posto solicitado. No suposto de que esta sexa un traballador dependente do solicitante, este presentará fotocopia compulsada polo secretario do Concello ou notario do documento que acredite a alta daquel na Seguridade Social.

- Declaración expresa na que o peticionario manifeste coñece-las normas ás que debe axustar a súa actividade e o compromiso de observalas.

- Fotocopia compulsada polo Secretario do Concello ou notario do carné de manipulador en vigor, no seu caso, se se van vender productos alimenticios.

- Permisos de residencia e traballo, segundo a normativa específica vixente, no caso de que os solicitantes sexan estranxeiros.

- Xustificante de ter efectuado o ingreso da taxa.

4.-As autorizacións serán concedidas polo alcalde-presidente, previa comprobación de que concorren no solicitante as condicións e requisitos previstos nesta ordenanza. A autorización que se conceda é persoal e intransferible e non poderán ser cedidas ou subalugadas a terceiros, e terá un período de vixencia de seis meses, expresándose na mesma o nome e apelidos do titular, os productos autorizados, o emprazamento do posto de venda, o número de metros autorizados e o número de posto, sen prexuízo doutras condicións que se establezan no acordo da concesión.

A autorización para o exercicio da venda non dará dereito o seu titular a realizar ningunha ocupación superficial e só autoriza a estacionarse o tempo necesario para realiza-las operacións ou transaccións propias de industria ou oficio obxecto da autorización.

Rematada a vixencia da autorización, os interesados deberán solicitar unha nova autorización coa antelación suficiente ó inicio do novo período.

5.-As autorizacións entenderanse concedidas con carácter provisional e a precario, e xa que logo poderán ser revogadas polo alcalde-presidente cando se considere convinte, en atención á desaparición das circunstancias que a motivaron, sen que iso dea orixe a indemnización ou compensación ningunha.

É causa, entre outras, de retirada da autorización municipal, previa Resolución do Alcalde-Presidente, a non limpeza reiterada do posto e o seu entorno, unha vez rematado o mercadillo e retiradas as instalacións.

6.-Os postos que queden baleiros por abandono ou perda de dereitos quedarán a disposición do Concello que poderá adxudicalos novamente. Os postos que durante a celebración do mercado queden baleiros por ausencia do seu titular, non poderán ser ocupados por outros mentres o seu titular estea en uso da correspondente autorización.

7.-En caso de denegarse as autorizacións ou cando por causas non imputables ó suxeito pasivo o dereito á utilización ou o aproveitamento do dominio público non se realice, procederá a devolución do importe correspondente.

8.-Os titulares de licencias estarán obrigados a ocupa-lo seu posto.

9.-Previa a comunicación ó Concello, o posto poderá ser ocupado, se o titular da licencia é unha persoa física, polo seu cónxuxe ou descendentes, ou ben, se o titular da licencia é unha persoa xurídica, polos socios da mesma.

10.-Previa a comunicación ó Concello, os postos de venda poderán ser atendidos tamén por traballadores dependentes de persoas físicas ou xurídicas titulares das mesmas, se ben neste suposto estas deberán acreditar fehacentemente que aqueles figuran dados de alta na Seguridade Social.

De non se cumprir tal requisito, entenderase que o posto ocupado por persoas distintas do titular foi cedido ou subalugado irregularmente o que, agás proba en contrario, determinará a caducidade da licencia sen dereito a indemnización ningunha.

11.-Os postos do mercadillo instalaranse nas seguintes rúas:

- Marxe dereita da rúa colindante co centro de saúde.

- Marxe esquerda da Avda. Cesáreo Pondal.

- Marxe dereita da rúa colindante coa "Urbanización Mira, S.L."

- Marxe dereita da Avda. Cesáreo Pondal, dende a rúa Atalaia ata o garaxe municipal.

Na semana das festas patronais o emprazamento dos postos poderá sufrir variacións no seu emprazamento.

12.-As instalacións que se empreguen para os postos de venda terán que ser desmontables e reunirán en tódolos casos, as debidas condicións de seguridade, salubridade, limpeza e decorosa presentación, podéndose ordena-la retirada das instalacións que non reúnan as devanditas características.

As instalacións estarán dotadas de protectores que eviten o deterioro ambiental e o contacto directo das mercadorías co público.

13.-Os vendedores, ó remate de cada xornada, deberán limpia-los residuos e os desperdicios dos seus respectivos lugares de venda.

Artigo 9.º .-Liquidación e recadación.

1.-O pago da taxa realizarase por ingreso directo nas contas correntes que este Concello ten abertas nas sucursais bancarias da praza, pero sempre antes de retira-la licencia correspondente.

Este ingreso terá carácter de depósito previo, de conformidade co disposto no artigo 26.1.a da Lei 39/1988, de 28 de decembro, modificada pola Lei 25/1988, do 13 de xullo, quedando elevado a definitivo ó concede-la licencia correspondente.

Artigo 10.º .-Gastos de reconstrucción e indemnizacións.

1.-Cando a utilización privativa ou o aproveitamento especial que se conceda leve aparellada a destrucción ou deterioro do dominio público local, o suxeito pasivo, sen prexuízo do pago da Taxa a que houbese lugar, estará obrigado ó reintegro do custe total dos respectivos gastos de reconstrucción ou reparación e ó depósito previo do seu importe.

2.-Se os danos fosen irreparables, a entidade será indemnizada en contía igual ó valor dos bens destruídos ou ó importe do deterioro dos danados.

3.-O Concello de Laxe non poderá condonar, total nin parcialmente, as indemnizacións e reintegros a que se refire o presente artigo.

Artigo 11.º .-Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que as mesmas correspondan en cada caso, estarase ó previsto nos artigos 77 e seguintes de Lei Xeral Tributaria e disposicións concordantes.

Disposición final.

A presente ordenanza entrará en vigor o 1 de xaneiro de 1999, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.

Esta ordenanza foi publicada no Boletín Oficial da Provincia número ..., de data ... de ... de ...