Laxe - ORDENANZA Nº 16, REGULADORA PARA A EXPEDICIÓN DE TARXETAS DE ESTACIONAMENTO PARA PERSOAS MINUSVÁLIDAS, SEGUNDO O ESTABLECIDO NA LEI 8/97, DO 20 DE AGOSTO, DE ACCESIBILIDADE E SUPRESIÓN DE BARREIRAS NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

Publicación provisional: 27/01/2000 BOP Nº: 21
Publicación definitiva: 27/01/2000 BOP Nº: 21
Aplicable dende: 27/01/2000

1.-Titulares das tarxetas.

a) Todas aquelas persoas que estando empadroadas neste municipio presenten algún tipo de minusvalidez con mobilidade reducida que afecten exclusivamente ás extremidades inferiores, e así o acrediten a través da cualificación de minusvalía actualizada.

b) Persoas minusválidas con mobilidade reducida que sexan transportados por terceiras persoas. Só se poderá facer uso da tarxeta cando se transporte ó minusválido.

2.-Documentación.

- Solicitude debidamente cumprimentada.

- DNI do titular da tarxeta.

- Certificado de empadroamento.

- Unha fotografía tamaño carnet.

- Certificado de minusvalidez actualizado polos equipos de valoración da Xunta de Galicia ou polos autorizados noutras CC.AA. e no mesmo debe figurar se se recoñecen ou non dificultades graves de mobilidade. No caso de que no certificado de minusvalidez non conste dito dato, o interesado, a través do Dpto. de Servicios Sociais, fará a petición oportuna dirixida ó equipo de valoración e orientación da Coruña, co fin de que lle sexa estimada a súa mobilidade.

3.-Procedemento.

- A solicitude farase en impreso oficial normalizado, que se axunta como anexo ás presentes normas, e que se obterá no Dpto. de Servicios Sociais do Concello.

- Presentada a solicitude no rexistro xeral do Concello, coa documentación pertinente, remitirase ó departamento de Servicios Sociais para a emisión do inoforme-proposta correspondente. Posteriormente, este informe elevarase á Alcaldía, para que dicte a resolución pertinente, concedendo ou denegando a tarxeta solicitada.

- Esta resolución será notificada ó interesado de acordo co procedemento establecido na Lei 30/92, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.

- A tarxeta, unha vez concedida, será asinada polo titular e deberá plastificarse. Cando se utilice colocarase na parte dianteira do vehículo, de maneira que unicamente o anverso da tarxeta sexa claramente visible para o seu control.

4.-Caducidade das tarxetas.

- A tarxeta de estacionamento terá unha validez de un ano de duración, agás os casos en que o certificado de minusvalidez indique prazos de revisións previos.

- Un mes antes de que caduque a tarxeta o titular deberá solicitar unha nova, tendo a obriga de entrega-la anterior no intre de recibi-la actualizada.

- O Concello terá dereito a controlar que as condicións que deron orixe á expedición da tarxeta continúan vixentes, polo que poderá requirir ós solicitantes, en calquera intre, para que acheguen probas actualizadas de ditas condicións.

- Calquera variación das condicións que deron orixe á expedición da tarxeta deberá ser comunicada ós servicios sociais municipais, no prazo máximo de un mes; de non ser así, o Concello poderá anula-la súa vixencia.

- No caso de comprobarse o uso indebido das mesmas de maneira reiterada, estas serán retiradas.

Disposición final.

A presente ordenanza entrará en vigor unha vez que sexa publicado integramente no BOP e transcorra o prazo de 15 días previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril.

Solicitude da tarxeta de estacionamento para persoas con mobilidade reducida

"D./D.ª ..., con DNI ..., maior de idade, con enderezo en ..., teléfono ...

En nome do beneficiario ...

- Que estando empadroado/a neste municipio, presento algún tipo de minusvalidez con mobilidade reducida que afecta exclusivamente ás extremidades inferiores, e así o acredito a través da cualificación de minusvalía actualizada.

- Persoa minusválida con mobilidade reducida, que precisa ser transportado por terceiras persoas.

Que se lle expida a tarxeta de estacionamento, segundo modelo establecido na Lei 8/97, da comunidade autónoma de Galicia, comprometéndose a cumpri-las normas que regulan a súa expedición.

Laxe, ... de ... de ...

Asinado."