Cabana de Bergantiños - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA EXPEDICIÓN DAS TARXETAS DE ACCESIBILIDADE DO CONCELLO DE CABANA DE BERGANTIÑOS

Publicación provisional: 10/12/2021 BOP Nº: 233
Publicación definitiva: 20/01/2022 BOP Nº: 13
Aplicable dende: 10/02/2022

Artigo 1.-Obxecto.

Esta ordenanza ten por obxecto regular a nivel municipal a expedición das tarxetas de estacionamento de vehículos e das tarxetas de persoas usuarias, segundo o establecido na Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade e no Real Decreto 1056/2014, do 12 de decembro, polo que se regulan as condicións básicas de emisión e uso da tarxeta de estacionamento para persoas con discapacidade.

Artigo 2.-Definición da tarxeta de estacionamento de vehículos automóbiles para persoas con discapacidade que presente mobilidade reducida e da tarxeta de persoa usuaria.

1. A tarxeta de estacionamento de vehículos automóbiles para persoas con discapacidade que presenten mobilidade reducida, en adiante, tarxeta de estacionamento, é un documento público acreditativo do dereito das persoas que cumpran os requisitos previstos nesta ordenanza, para estacionar os vehículos automóbiles nos que se despracen o máis preto posible do lugar de acceso ou destino.

2. A tarxeta de persoa usuaria, acreditativa da situación das persoas con mobilidade reducida, concederáselle a estas, con carácter persoal e intransferible de cara a favorecer o uso do transporte público.

Artigo 3.-Titulares do dereito a obter a tarxeta de estacionamento e da tarxeta de persoa usuaria.

1. As tarxetas de estacionamento e de persoas usuarias poderán ser solicitadas polas persoas empadroadas no concello de Cabana de Bergantiños, que teñan recoñecida mobilidade reducida polo Equipo de Valoración e Orientación (EVO), dependente da sección de cualificación e valoración de discapacidade da Xunta de Galicia, ou que teñan recoñecida unha discapacidade visual que implique un grao das limitacións na actividade igual ou superior ao 75%.

2. Con carácter excepcional, as persoas que presenten mobilidade reducida, aínda que non fora ditaminada oficialmente, por causa de enfermidade ou patoloxía de extrema gravidade que supoña de forma fiable unha redución substancial da esperanza de vida, dentro da media da poboación de similares características, e que polo tanto impida tramitar en tempo a solicitude ordinaria da tarxeta de estacionamento, poderán solicitar unha tarxeta de estacionamento provisional. Para a obtención da tarxeta de estacionamento provisional, a acreditación dos extremos citados efectuarase mediante certificado do persoal médico dos servizos públicos de saúde, validado pola inspección dos servizos sanitarios competentes por razón de domicilio da persoa solicitante.

3. As persoas que teñan tarxeta de estacionamento, expedida polas autoridades competentes en calquera pais da Unión Europea, ou noutra Comunidade Autónoma, poderán solicitar unha tarxeta no concello de Cabana de Bergantiños que se emitira de xeito automático, previa declaración responsable na que se poña de manifesto que cumpre con todos os requisitos contemplados na presente ordenanza e normativa aplicable, isto sen prexuízo da posibilidade de que se solicite dende o concello calquera tipo de documentación que se estime precisa.

4. Poderán así mesmo, obter a tarxeta de estacionamento as persoas físicas ou xurídicas titulares de vehículos destinados exclusivamente ao transporte colectivo de persoas con discapacidade que presten servizos sociais de promoción da autonomía persoal e atención á dependencia a que se refire a Lei 39/2006, do 14 decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, así como cos servizos sociais aos que se refire o texto refundido da Lei Xeral de Dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobada polo Real Decreto Lexislativo 1/2013, do 29 de novembro.

Artigo 4.-Ámbito territorial da tarxeta de estacionamento e da tarxeta de persoa usuaria.

1. As tarxetas de estacionamento concedidas pola Concello de Cabana de Bergantiños terá validez en todo o territorio español sen prexuízo da súa utilización nos Estados membros da Unión Europea, nos termos que os respectivos órganos competentes teñan establecido en materia de ordenación e circulación de vehículos.

2. As tarxetas de persoa usuaria terán validez na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5.-Condicións de uso.

1. A tarxeta de estacionamento expedida a favor e en beneficio dunha persoa a título particular para súa utilización nos vehículos que se empreguen para o seu desprazamento será persoal e intransferible e empregada unicamente cando a persoa titular conduza o vehículo ou sexa transportada nel.

2. A tarxeta de estacionamento expedida a favor de persoa física ou xurídica a que se refire o artigo 3, será persoal e intransferible, estará vinculada a un número de matrícula do vehículo destinado exclusivamente ao transporte colectivo de persoas con mobilidade reducida e será eficaz unicamente cando o vehículo transporte de forma efectiva a persoa que se atope en algunha das situacións recollidas no artigo 3.1.

3. O emprego da tarxeta de estacionamento estará subordinado a que a persoa titular manteña os requisitos esixidos no seu outorgamento.

4. A tarxeta de estacionamento debera colocarse de xeito visible dende fora no cristal dianteiro do automóbil. Debe ser o documento orixinal.

5. A posesión da tarxeta de estacionamento en ningún caso supoñerá autorización para estacionar en zoas peonís, en pasos peonís, en lugar e supostos nos que estea prohibido parar, lugares que obstrúan os vaos ou saídas de emerxencia, zoas acoutadas por razón de seguridade pública e espazos que reduzan carrís de circulación.

Artigo 6.-Dereitos das persoas titulares.

1. As persoas titulares da tarxeta de estacionamento de vehículos beneficiaranse das seguintes facilidades:

a) Estacionamento en lugares habilitados para persoas con discapacidade.

b) Ampliación do tempo máximo de estacionamento, cando así estea contemplado.

c) Paradas en vías publicas durante o tempo imprescindible, sempre que non entorpezan a circulación peonil ou viaria, e non provoquen situacións de risco atendendo ás normas do código de circulación vixente.

2. A tarxeta de persoas usuarias dará dereito na comunidade autónoma de Galicia a:

a) Reservas de praza nos transportes públicos.

b) Bonificación nas tarifas de transportes públicos que a teñan establecida.

Artigo 7.-Obrigas das persoas titulares da tarxeta de estacionamento.

1. A persoa titular da tarxeta de estacionamento está obrigado a:

a) Emprego correcto da mesma, conforme as condicións recollidas na presente ordenanza reguladora.

b) Colocar a tarxeta de estacionamento no cadro de mandos o adherila no parabrisas dianteiro polo interior, sempre co documento orixinal, de xeito que resulte claramente visible e lexible dende o exterior.

c) Identificarse cando así o requira un axente da autoridade, acreditando a súa identidade co Documento Nacional de Identidade, Número de Identificación Fiscal, tarxeta de residencia o calquera outro documento oficial identificativo, sen ese non poderá facer emprego da tarxeta de estacionamento. Os menores de 14 anos poderán acreditar a súa identidade mediante a exhibición do documento de recoñecemento do grao de discapacidade.

d) Colaborar cos axentes da autoridade para evitar, no maior grao posible, os problemas de tráfico que se puideran ocasionar ao exercitar os dereitos que lles confire o emprego da tarxeta de estacionamento.

e) Devolver a tarxeta de estacionamento caducada no momento da renovación ou ao remate da súa vixencia.

f) No caso de subtracción, perda ou deterioro a persoa titular ou representante legal, deberá solicitar novamente a expedición da tarxeta quedando suspendidos temporalmente os dereitos inherentes á mesma.

g) As persoas titulares ou representantes legais, no seu caso, deberán comunicar ao Concello de Cabana de Bergantiños calquera modificación das condicións que deron lugar á concesión da tarxeta. Esta comunicación farase por escrito que deberá presentarse no rexistro municipal no prazo de 15 días.

h) No caso de cambio de enderezo do beneficiario dunha tarxeta de accesibilidade, deberá solicitalo traslado de expediente ao novo municipio de residencia.

2. O incumprimento destas obrigas poderá dar lugar á cancelación da tarxeta de estacionamento ou a súa retirada temporal, sen prexuízo das sancións previstas polo ordenamento xurídico.

Artigo 8.-Solicitude de tarxeta estacionamento e tarxeta de persoa usuaria.

A persoa interesada ou representante legal, no seu caso, deberá presentar a seguinte documentación:

1. Modelo de instancia segundo o anexo I, no caso de solicitar a tarxeta de estacionamento.

2. Modelo de instancia segundo o anexo II, no caso de solicitar a tarxeta de persoa usuaria.

3. DNI, tarxeta de residencia ou calquera outro documento acreditativo da identidade da persoa solicitante.

4. No caso de que a persoa solicitante sexa menor de idade:

a) Libro de familia

b) Sentencia de nulidade, separación ou divorcio e do convenio regulador, de ser o caso.

c) Resolución xudicial ou administrativa que acredite a condición de ser titor/a, acolledor/a do menor, de ser o caso e documento acreditativo da persoa que ostente a condición de titora ou acolledora.

d) Sentenza xudicial acreditativa da patria potestade prorrogada ou incapacidade xudicial e documento acreditativo da persoa que ostente a condición de titora.

5. Unha fotografía tamaño carné.

6. Volante de empadroamento.

7. Certificado de discapacidade ou informe do Equipo de Valoración e Orientación (EVO).

Artigo 9.-Solicitude da tarxeta de estacionamento provisional para persoas con mobilidade reducida.

A persoa interesada ou representante legal, no seu caso, deberá presentar a seguinte documentación:

1. Modelo de instancia segundo anexo III

2. Certificado médico facultativo dos servizos públicos de saúde, validado pola inspección dos servizos sanitarios en lugar do certificado de discapacidade.

3. DNI, tarxeta de residencia ou calquera outro documento acreditativo da identidade da persoa solicitante.

4. No caso de que a persoa solicitante sexa menor de idade:

a) Libro de familia

b) Sentencia de nulidade, separación ou divorcio e do convenio regulador, de ser o caso.

c) Resolución xudicial ou administrativa que acredite a condición de ser titor/a, acolledor/a do menor, de ser o caso e documento acreditativo da persoa que ostente a condición de titora ou acolledora.

d) Sentenza xudicial acreditativa da patria potestade prorrogada ou incapacidade xudicial e documento acreditativo da persoa que ostente a condición de titora.

5. Unha fotografía tamaño carné.

6. Volante de empadroamento.

Artigo 10.-Solicitude da tarxeta de estacionamento de vehículos para persoas físicas ou xurídicas para o transporte de persoas con mobilidade reducida.

A persoa interesada ou representante legal, no seu caso, deberá presentar a seguinte documentación:

1. Modelo de instancias segundo o anexo IV

2. Documentación do vehículo habilitado para transportar as persoas con graves problemas de mobilidade, dado que, a tarxeta deberá incluír a matrícula ou matrículas dos citados vehículos.

3. Escritura de constitución da sociedade ou estatutos.

4. Certificado de residencial fiscal da persoa física ou xurídica solicitante.

5. Documentación acreditativa da identidade da persoa que actúa como representante legal.

Artigo 11.-Competencia.

O alcalde será o órgano competente para ditar a resolución da concesión ou denegación da tarxeta de estacionamento de vehículos e da tarxeta de estacionamento, así como a potestade sancionadora neste ámbito, quen poderá delegar nun/ha concelleiro/a.

Artigo 12.-Procedemento e trámite.

1. O procedemento de concesión das tarxetas de estacionamento comprenderá os seguintes trámites:

a) O expediente iniciarase a instancia da persoa interesada, ou representante legal no seu caso, mediante impreso normalizado que, unha vez cumprimentado, será presentado no rexistro xeral do concello de Cabana de Bergantiños por calquera medio recollido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

b) O persoal de servizos sociais comprobará que a persoa solicitante reúne os requisitos establecidos na presente ordenanza e normativa de aplicación, requirido en caso contrario á persoa interesada para que no prazo de 10 días aporte a falta ou acompañe os documentos preceptivos, en caso contrario teráselle por desestimado a súa petición.

c) Unha vez comprobado polo persoal de servizos sociais que o expediente reúne os requisitos esixidos, emitirase un informe de valoración conforme ao establecido no anexo V.

d) A solicitude formulada pola persoa interesada, ou representante legal no seu caso, xunto co informe emitido polo persoal municipal, elevarase ao órgano competente, quen ditará unha resolución os respecto no prazo máximo de 6 meses dende a recepción da solicitude. Transcorrido dito prazo sen ter ditado resolución expresa, poderase entender desestimada a solicitude, sen prexuízo da obriga legal de resolver polo órgano competente.

e) A resolución adoptada, debidamente motivada, será notificada á persoa solicitante no domicilio que figure no expediente aos efectos de notificación, conforme ao establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

f) A resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá ser recorrida potestativamente en reposición no prazo dun mes, conforme ao establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, ou ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo no prazo de dous meses. Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

g) Unha vez resolta a solicitude de xeito favorable, o concello expedirá a correspondente tarxeta, e fará entrega da mesma de xeito gratuíto. A persoa beneficiaria asinará o documento de ter recibido a tarxeta xunto coa información das condicións de uso, segundo o establecido no anexo VI.

2. Nas situacións nas que a persoa con discapacidade presente un certificado no que non se recollan explicitamente dificultades para o uso do transporte colectivo, ou unha discapacidade visual que implique un grao de limitacións na actividade igual ou superior ao 75 %, o concello remitira copia da solicitude ao EVO, solicitando que informe sobre estas cuestións. O informe emitido será vinculante para a concesión ou denegación da tarxeta solicitada.

Artigo 13.-Vixencia.

1. Nos casos de que a persoa solicitante teña recoñecida unha cualificación de discapacidade de carácter permanente, as tarxetas caducarán aos 10 años da súa emisión.

2. Nos casos de que a persoa solicitante teña recoñecida unha discapacidade temporal, as tarxetas caducarán cando finalice o prazo que indique o certificado de discapacidade.

3. No caso de tarxetas de estacionamento provisional e tarxetas de estacionamento de vehículos para persoas físicas e xurídicas para o transporte de persoas con mobilidade reducida, terán unha vixencia máxima dun ano, podendo prorrogarse por un período igual sempre que se manteñan as condicións iniciais requiridas para o seu outorgamento.

Artigo 14.-Renovación.

1. No caso de tarxeta de estacionamento, da tarxeta de persoa usuaria e da tarxeta de estacionamento provisional, a renovación leva implícito o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 3 da presente ordenanza.

2. A renovación para as persoas solicitantes que teñan recoñecida unha discapacidade permanente será por dez anos. No caso de persoas con ditame de discapacidade temporal, a renovación esixirá por parte da persoa interesada, un novo ditame de mobilidade en base ao recollido no artigo 3.

3. No momento da renovación a persoa solicitante deberá presentar no rexistro xeral a seguinte documentación:

a) Solicitude normalizada segundo anexo que corresponda.

b) Volante de empadroamento da persoa solicitante ou certificado de residencia fiscal para o transporte de persoas con mobilidade reducida.

c) Certificado de discapacidade ou informe do Equipo de Valoración e Orientación (EVO), para o caso de renovación de tarxetas de estacionamento de persoas con ditame de mobilidade temporal.

d) Unha fotografía tamaño carné para as persoas que soliciten as tarxetas descritas nos tres primeiros puntos do artigo 3.

4. A persoa poderá pedir a renovación cun mes de antelación á data de caducidade, aos efectos de dispor da nova tarxeta á data de finalización da anterior.

5. En todo caso, a entrega da nova tarxeta implica a retirada da anterior.

6. A renovación da tarxeta pode producirse por subtracción, perda ou deterioro. No caso de subtracción ou perda, esixirá a presentación da xustificación da correspondente denuncia. No caso de deterioro a persoa interesada deberá presentar a tarxeta deteriorada. O concello emitirá a nova tarxeta coa mesma data de caducidade que a anterior.

Artigo 15.-Infraccións e sancións.

No suposto de que se detecte o uso indebido da tarxeta de estacionamento de maneira reiterada e debidamente probada, a citada tarxeta será retirada durante un prazo de dous anos polo órgano que a outorgase, debendo o interesado volver a iniciar o procedemento para unha nova expedición. En todo caso, darase traslado da oportuna á comisión técnica de accesibilidade segundo o establecido no artigo 70 da Lei 10/2014, do 3 de decembro de accesibilidade.

Disposicións

Disposición adicional

As tarxetas axustaranse ás características sinaladas na normativa de aplicación vixente no momento de expedición da tarxeta.

Disposicións transitorias

Primeira.-Ata a entrada en vigor do regulamento de desenvolvemento da Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade, resulta de aplicación a normativa anterior sempre e cando non se opoña ao establecido na mesma.

Segunda.-A presente ordenanza entrará en vigor ao día seguinte da publicación integra do texto no Boletín Oficial da Provincia e conforme ao disposto no artigo 70.2. da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Disposición derrogatoria

Esta ordenanza derroga expresamente a anterior da expedición da tarxeta de estacionamento para persoas con minusvalía do Concello de Cabana de Bergantiños.

ANEXOS


15981.png 

15997.png 

16011.png 

16027.png 

16041.png 

16056.png