Vilasantar - Ordenanza fiscal núm. 10, reguladora da taxa por participación en actividades culturais

Publicación provisional: 29/12/1998 BOP Nº: 297
Publicación definitiva: 29/12/1998 BOP Nº: 297
Aplicable dende: 30/12/1998

Artigo 1.º .-Concepto

De acordo co previsto no artigo 20 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, na nova redacción dada polo artigo 66 da Lei 25/1998, do 31 de xullo, este concello establece a taxa pola participación en actividades culturais, que se rexerá pola presente ordenanza.

Artigo 2.º .-Feito impoñible

Está constituído pola participación nas seguintes actividades culturais:

- Cursiños.

- Talleres culturais.

- Organización de congresos, conferencias, etcétera.

- Mostras e exposicións

- Organización de espectáculos.

Artigo 3.º .-Suxeito pasivo

Os obrigados ao pago serán as persoas naturais ou xurídicas que participen nalgunha das actividades descritas no artigo 2.º .

Artigo 4.º .-Tarifas

Con carácter previo defínense os seguintes conceptos:

GP: é o gasto de persoal po hora aplicable á actividade. Fixarao anualmente a comisión de goberno en función do gasto de persoal do ano 1997 (4.500 pesetas) corrixido anualmente segundo o índice de inflación

H: o número de horas de duración da actividade.

GX: os gastos xerais aplicables á actividade. Fixarao anualmente a comisión de goberno, sendo o 0,1% do gasto de teléfono, electricidade e material de oficina deducidos da última liquidación dispoñible, (2.962 pesetas.) para o ano 1997.

M: os gastos directamente aplicables á actividade. (material didáctico, seguros, etcétera). Fixaraos o organizador da actividade.

A: o n.º previsto de participantes na actividade. A tarifa a aplicar será a resultante de aplicar a seguinte fórmula matemática: (GPxH + GXxH + M) / A

Artigo 5.º .-Cobranza

O pago do prezo público efectuarase nas entidades financeiras colaboradoras do concello, durante o prazo que se fixe na resolución da realización da actividade.

Artigo 6.º .-Infraccións e sancións

En todo o relativo á cualificación das infraccións tributarias, así coma das sancións que ás mesmas corresponda en cada caso, estarase ao disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei Xeral Tributaria.

Disposición final

A presente ordenanza reguladora, que consta de 6 artigos e unha disposición final, comezará a rexer despois de aprobada polo pleno e publicada integramente no BOP. A entrada en vigor producirase o día seguinte da publicación mantendo a vixencia ata que sexa derrogada ou modificada por acordo municipal ou por disposicións legais de rango superior.