Betanzos - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA INSTALACIÓN DE TERRAZAS EN ESPAZOS DE USO PÚBLICO

Publicación provisional: 07/12/2021 BOP Nº: 232
Publicación definitiva: 28/02/2022 BOP Nº: 40
Aplicable dende: 21/03/2022

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Concello de Betanzos conta cun abundante patrimonio, así como con tres ríos que bañan o seu territorio, Mandeo, Mendo e Mero, sendo unha zona de lecer e de afluencia de visitantes. O centro histórico da vila foi declarado conxunto-histórico artístico en 1970 e conforma unha das cidades medievais máis importantes de Galicia. Asemade, o Concello de Betanzos é coñecido pola súa gastronomía e polas súas festas e tradicións, como as Festas Patronais de San Roque, declaradas de Interese Turístico Nacional e tamén de interese cultural, ou a Feira Medieval, sen esquecer o percorrido por Betanzos do Camiño Inglés que chega a Compostela.

A singularidade de Betanzos fai da actividade hostaleira no Concello unha auténtica industria turística de significativa relevancia, sendo abundantes os bares, mesóns, restaurantes e en xeral os negocios de hostelaría existentes no Concello, que complementan a súa actividade con terrazas ao aire libre, de xeito que se aproveita o bo tempo e a beleza do entorno.

Xa no seu día, a prohibición de fumar nos locais pechados, implicou un aumento do uso das terrazas, incluso en períodos invernais, fenómeno incrementado a día de hoxe, por mor da situación de pandemia, e das recomendacións sanitarias para prevenir contaxios, entre eles, a preferencia de pasar o tempo de lecer en lugares abertos ou o aire libre, situación que debe compatibilizarse coas condición de limitacións de aforos e distancias de seguridade.

Este aproveitamento do espazo ao aire libre, que supón un importante motor económico e de cara ao fomento do emprego e que, ao mesmo tempo, redunda en beneficio dos habitantes e os visitantes da vila, debe realizarse dunha forma ordenada para preservar os dereitos dos cidadáns relativos ao uso deses espazos públicos, á seguridade vial, ao descanso da veciñanza, á accesibilidade, así como á protección do medio ambiente, da paisaxe urbana e das características propias da vila, de xeito que, de existir conflito entre o uso público e a utilización privada, debe prevalecer a utilización pública e do interese xeral. Neste senso, resulta necesario garantir o descanso veciñal, co establecemento das axeitadas medidas correctoras, o tránsito peonil en condicións de seguridade e accesibilidade, e, asemade, a protección e o fomento do medio ambiente e da singularidade do entorno e do patrimonio de Betanzos, mediante a promoción da posta en valor da paisaxe urbana, así como da instalación de elementos axardinados nas terrazas. Por último, a posibilidade de establecer ordenacións singulares, previa delimitación do ámbito zonal de ordenación, poderá determinar a superficie de ocupación e a localización das instalacións, e tamén os criterios funcionais e estéticos aos que deberán axustarse.

Precísase por tanto dar resposta normativa ás novas necesidades derivadas da ocupación do espazo público para a instalación de terrazas, e a desexable mellora da imaxe da vila a través das mesmas, coa harmonización da súa estética co entorno.

A presente ordenanza vén regular a instalación de terrazas de hostalaría no espazo de uso público do concello de Betanzos, dentro da esfera da competencia municipal e ao abeiro do establecido na Lei 7/1985, de Bases de Réxime Local e na Lei 33/2003, do 2 de novembro, de Patrimonio das Administracións Públicas, Real Decreto 1372/1986, do 13 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de Bens das Entidades Locais, Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, Decreto 143/2016, do 22 de decembro do Regulamento da Lei do Solo de Galicia, Decreto 144/2016, de 22 de septembro polo que se aproba o Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos, Lei 10/2017, do 27 de decembro, de Espectáculos Públicos e actividades recreativas de Galicia, Real Decreto 505/2007, do 20 de abril, polo que se aproban as condicions Básicas de Accesibilidade e non Discriminación das Persoas con Discapacidade para o Acceso e Utilización dos Espazos Públicos Urbanizados e Edificacións, Orden TMA/851/2021, de 23 de julio por la que se desarrolla el documento técnico de condiciones básicas de accesibilidad y no discriminación para el acceso y la utilización de los espacios públicos urbanizados, Lei 10/2014, do 3 de decembro, de Accesibilidade da Comunidade Autonoma de Galicia, Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento e execucion da Lei de Accesibilidade e Supresión de Barreiras na Comunidade Autonoma de Galicia, Lei 10/2003, do 26 de decembro, sobre o acceso a contorna das persoas con discapacidade acompanadas de cans de asistencia, e, asemande, a lexislación ambiental, en especial, a que protexe contra a contaminación acústica.

Estrutúrase en V títulos, con 31 artigos, disposición adicional, transitorias, derrogatoria e disposición final.

O Título I sobre disposicións xerais, contén as disposicións xerais relativas ao obxecto e ámbito de aplicación, definicións, tipos de instalacións e modos de ocupación do espazo e normativa aplicable.

O Título II regula os requisitos de funcionamento, e contén o articulado sobre o título habilitante para terrazas, o período das autorizacións, o horario de funcionamento, a limitación de niveis de transmisión sonora e as obrigas do titular.

O Título III, sobre condicións das instalacións, estrutúrase en tres capítulos, o primeiro deles, relativo ás condicións xerais, regula as condicións xerais de ocupación de espazos públicos, a superficie de ocupación de espazo público e as terrazas en solo privado de uso público; o segundo capítulo, regula os elementos das instalacións en espazo de titularidade pública, que veñen recollidos do artigo 13 ao 18, e o capítulo terceiro, regula estes aspecto nas terrazas privadas de uso público.

O Título IV regula o procedemento para o outorgamento das autorizacións, e consta de tres artigos, que regulan a solicitude, a tramitación e a renovación da autorización de terraza.

E, o Título V establece o réxime disciplinario e sancionador e o procedemento correspondente.

ÍNDICE

TÍTULO I.- DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.- Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 2.- Definicións, tipos de instalacións e modos de ocupación do espazo

Artigo 3.- Normativa aplicable

Artigo 4.- Accesibilidade

 TÍTULO II.- REQUISITOS DE FUNCIONAMENTO

Artigo 5.- Título habilitante

Artigo 6.- Período de autorización

Artigo 7.- Horario de funcionamento

Artigo 8.- Limitación de niveis de transmisión sonora

Artigo 9.- Obrigas do titular

 TÍTULO III.- CONDICIÓNS DAS INSTALACIÓNS

CAPÍTULO I.- Condicións xerais

Artigo 10.- Condicións xerais de ocupación de espazos de titularidade e uso público

Artigo 11.- Superficie de ocupación de espazos de titularidade e uso público

Artigo 12.- Terrazas en solo privado de uso público

CAPITULO II.- Elementos das instalacións en espazos de titularidade pública e uso público

Artigo 13.- Materiais

Artigo 14.- Cadeiras e mesas

Artigo 15.- Elementos de sombra

Artigo 16.- Mamparas, cortaventos, xardineiras e expositores

Artigo 17.- Tarimas

Artigo 18.- Aparatos de climatización, calefacción e iluminación

 CAPITULO III.- Elementos das terrazas privadas de uso público

Artigo 19.- Materiais en terrazas privadas de uso público

 TÍTULO IV.- PROCEDEMENTO PARA O OUTORGAMENTO DE AUTORIZACIÓNS

Artigo 20.- Solicitude

Artigo 21.- Tramitación

Artigo 22.- Renovación

 TÍTULO V.- RÉXIME DISCIPLINARIO E SANCIONADOR

Artigo 23.- Inspección

Artigo 24.- Reposición da legalidade

Artigo 25.- Suxeitos responsables

Artigo 26.- Infraccións

Artigo 27.- Sancións

Artigo 28.- Circunstancias modificativas da responsabilidade

Artigo 29.- Prescrición

Artigo 30.- Procedemento sancionador

Artigo 31.- Medidas cautelares

 

Disposicións adicionais

Disposicións transitorias

Disposición derrogatoria

Disposición final

TÍTULO I.- DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.- Obxecto e ámbito de aplicación

1.- A presente ordenanza ten por obxecto regular o réxime xurídico e técnico do aproveitamento dos espazos de uso público, sexan de dominio público ou privado, mediante a súa ocupación temporal con terrazas, vencelladas ou anexas a establecementos hostaleiros, que constitúan complemento da actividade que se vén exercendo no interior dos mesmos.

Os terreos de dominio público de titularidade doutras administracións, sobre os que se pretendan instalar terrazas, suxeitaranse ás determinacións da presente ordenanza, sen prexuízo das propias condicións que impoñan ditas administracións no ámbito das súas respectivas competencias.

2.- A ocupación do dominio público por quioscos, aínda cando se realicen só con elementos móbiles ou desmontables, aparte de ter que contar coa correspondente autorización municipal, réxese pola normativa sobre concesións administrativas. Non obstante o anterior, a presente ordenanza será de aplicación respecto das terrazas que instalen estes establecementos, en todo o que non se opoña á súa normativa específica.

3.- A presente ordenanza non será de aplicación aos actos de ocupación que, sendo de carácter hostaleiro, se realicen con ocasión de festas, actividades deportivas, culturais, gastronómicas e análogas, que se suxeitarán ás súas normas específicas.

Artigo 2.- Definicións, tipos de instalacións e modos de ocupación do espazo.

1.- Para os efectos desta norma, establécense as seguintes definicións:

a) Establecemento de hostalería.- Aqueles establecementos, públicos ou privados, que se encadran entre os locais de hostalería recollidos na normativa sectorial de turismo da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Terraza.- Instalación formada por todos o algúns dos seguintes elementos: mesas, cadeiras, parasoles, toldos, pérgolas ou carpas, mamparas, cortaventos, xardineiras, tarimas, expositores, estufas, ou outros elementos de mobiliario auxiliar, fixos ou móbiles e en todos os casos desmontables, situada, ou ben en espazo de dominio público ou ben en espazo privado de acceso libre e uso público, colindante ou próximo a un establecemento de hostalería, vinculada á actividade que se exerce no dito establecemento e sen barra de servizo distinta á situada no interior deste.

Asemade, aos efectos desde ordenanza, considerarase terraza a instalación que, presentando as características anteriores, supoña actividade accesoria a bares, restaurantes, cantinas ou similares de edificios tales coma hoteis, centros comerciais, centros culturais, clubes deportivos ou náuticos, etc. Nestes casos, so se poderá realizar a mesma actividade que a que realiza o establecemento do que depende.

c) Quiosco.- Establecemento de carácter permanente, aínda que estea conformado por elementos desmontables, destinado a actividade hostaleira, instalado sobre solo de titularidade e uso público, que pode dispoñer de terraza. A actividade que se pode realizar nestas instalacións será a mesma que para os establecementos de hostalería situados en edificacións, previa a preceptiva licenza municipal e a concesión pública pertinente.

2.- Os aproveitamentos temporais obxecto da presente ordenanza suxeitaranse a algún dos seguintes tipos:

a) Terraza sen pechamento estable: entendido por tal a terraza composta por elementos móbiles e desmontables, sen cuberta fixa ou estable e sen elementos de peche perimetral. Incluiranse nesta modalidade as instalacións que conten con toldo enrolable á fachada. No caso destas terrazas, é obriga do seu titular a retirada de todos os seus elementos unha vez rematado o horario de funcionamento autorizado, así coma deixar os toldos enrolados.

b) Terraza con pechamento estable: entendendo por tal a terraza composta por elementos fixos e móbiles pero, en todo caso, desmontables, delimitada ou cerrada no seu perímetro, en todo ou en parte. Inclúense nesta modalidade as terrazas con tarima. No caso destas terrazas, é obriga do seu titular a retirada de todos os seus elementos móbiles unha vez rematado o horario de funcionamento autorizado, así coma deixar os toldos enrolados.

3.- A ocupación dos espazos de uso público, poderá darse en:

-Beirarrúas en rúas con circulación rodada: As situadas xunto a viarios rodados e separadas destes por un bordo, independentemente da súa anchura. Limitan normalmente con fachada de edificio.

-Rúas peonís: As permanentemente pechadas á circulación de vehículos, salvo para labores de mantemento ou emerxencias.

-Rúas de circulación restrinxida: As que se atopen, total ou parcialmente pechadas á circulación de vehículos, desde o punto de vista do horario (temporal ou restrinxido), pero na que coexisten vehículos e peóns.

-Prazas: Os espazos con carácter peonil ou nos que coexista unha zona peonil con tráfico rodado, con configuración aberta e na que conflúen varias rúas. Trátase habitualmente de zonas pavimentadas e/ou con zonas axardinadas.

-Espazos de valor singular: Os espazos que dispoñen dun valor ambiental singular desde o punto de vista estético, paisaxístico, arquitectónico ou de Patrimonio.

Artigo 3. Normativa aplicable

As instalacións reguladas no artigo anterior quedarán suxeitas, ademais, á normativa sobre espectáculos públicos e actividades recreativas, de protección do patrimonio, accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, de protección do medio, así como calquera outra normativa sectorial que resulte de aplicación, polo que as súas determinacións serán plenamente esixibles aínda cando non se faga referencia expresa a elas nesta ordenanza.

Artigo 4.- Accesibilidade

A presente ordenanza rexerase en todo caso pola normativa de accesibilidade vixente en cada momento, e, especialmente, pola Orden TMA/851/2021, de 23 de julio por la que se desarrolla el documento técnico de condiciones básicas de accesibilidad y no discriminación para el acceso y la utilización de los espacios públicos urbanizados, e pola Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade.

Aos efectos da presente Ordenanza, defínense os seguintes aspectos:

-Acceso adaptado: Espazo que, por contar coas medidas, materiais e xeometría adaptados á normativa de accesibilidade, permite o acceso de maneira autónoma e non discriminatoria a un establecemento ou instalación.

-Itinerarios peonís: Traxectoria que garante, tanto no plano do chan como en altura, o paso, o cruzamento e o xiro ou cambio de dirección de persoas, independentemente das súas características ou modo de desprazamento, posibilitando a circulación de usuarios de cadeiras de roda, persoas invidentes ou persoas con algún tipo de capacidade limitada.

-Paso peonil: Espazo público destinado ao tránsito de peóns que, sen garantir as condicións de itinerario peonil no plano do chan, si o garante en altura e posibilita a circulación de persoas invidentes. Este paso non pode ser inferior a 1,80 metros de ancho.

A realización de accesos aos establecementos con ramplas, elevadores, monta-cadeiras, etc., ocupando solo público ou privado de uso público, adaptaranse á normativa de accesibilidade, requirindo a obtención da correspondente autorización.

TÍTULO II.- REQUISITOS DE FUNCIONAMENTO

 Artigo 5.- Título habilitante

1.- A instalación de terrazas require a previa obtención de autorización municipal nos termos recollidos nesta ordenanza e na normativa urbanística e sectorial aplicable.

2.- As instalacións das terrazas ás que se refire a presente ordenanza, so poderán ser autorizadas aos titulares dos establecementos de hostalería cos que teñan vinculación e dos que sexan complemento da súa actividade, que conten co correspondente título habilitante para a apertura e cumpran cos requisitos legais para o seu funcionamento.

Están asemade suxeitos a autorización municipal para a instalación de terraza os titulares de concesións, en terreos de titularidade pública, cuxa actividade principal sexa asimilable ao exercicio da hostalería.

3.- A solicitude de autorización de terraza requirirá:

a) Que estea en vigor ou en tramitación a autorización da actividade do establecemento principal; de estar en tramitación a actividade, non poderá concederse a autorización de terraza ata que se estea en posesión da referida autorización de actividade.

b) Non ter débedas coa Facenda municipal, o que será verificado polos servizos municipais correspondentes.

c) Dispor dun seguro de responsabilidade civil e de incendios que dea cobertura aos posibles riscos que poidan derivarse para as persoas e/ou as cousas con motivo do funcionamento, instalación e retirada da terraza e, como mínimo, durante o período de vixencia desta.

4.- A autorización de terrazas so será transmisible en caso de transmisión da concedida ao establecemento ou a o quiosco do que depende, sen que a terraza poida funcionar de maneira independente nin por distinto titular. No caso de transmisión das autorizacións relativas ao establecemento ou ao quiosco, entenderase transmitida automáticamente a de terraza para o mesmo titular.

As autorizacións para a instalación de terraza non poderán ser obxecto de arrendamento ou cesión independente para a súa explotación. O incumprimento dará lugar á perda de vixencia automática de dita autorización.

5.- Nas terrazas deberá realizarse a mesma actividade e expender os mesmos produtos que no establecemento do que dependen, e deberán atenderse exclusivamente desde os locais aos que estean vinculadas.

Coma excepción ao anterior, nos casos nos que no interior do establecemento do que depende a terraza se permita o funcionamento de aparatos transmisores de son, como televisións, fío musical, ou similar, prohíbese a instalación de aparatos de música ou emisores de son e altofalantes, así como a emisión de son ou música por calquera medio, nas terrazas. Permítese a instalación de televisión sempre sen emitir son.

6.- A eficacia da autorización de terraza queda supeditada ao mantemento do título habilitante de actividade do establecemento principal, quedando suspendida ou extinguida automáticamente no caso, respectivamente, de suspensión ou de extinción por calquera causa do título habilitante do establecemento principal.

7.- A autorización deberá incluir as dimensións do espazo sobre o que se autoriza, a súa situación, o período de ocupación (de tempada ou anual), e o número total de mesas e cadeiras autorizadas. Nas terrazas con pechamento estable indicaranse ademais as características dos elementos fixos a instalar. En todo caso, xunto coa autorización deberá figurar copia do plano de detalle da instalación que serviu de base á súa concesión, debidamente selado e rubricado polo técnico que realizou a proposta favorable, onde consten todos os elementos autorizados.

O documento de autorización e o seu plano de detalle con especificación dos elementos autorizados, ou copia auténtica dos mesmos, deberán encontrarse no establecemento a disposición dos funcionarios municipais e efectivos da Policía Municipal.

8.- Cando concorran circunstancias de interese público que impidan a efectiva utilización do solo para o destino autorizado, tales como obras, acontecementos públicos, situacións de emerxencia ou calquera outra de interés xeral, a autorización quedará suspendida e sen efecto ata que desaparezan ditas circunstancias, sen que se xere dereito a indemnización, se ben reintegrarase ao seu titular a parte proporcional da correspondente taxa municipal por ocupación de terreos de uso público por mesas e cadeiras, tribunas, tablados e otros elementos análogos con finalidade lucrativa.

9.- As autorizacións poderán ser revogadas unilateralmente pola administración concedente en calquera momento por incumprimento das condicións da autorización ou por razóns de interese público, cando resulten incompatibles coas condicións xerais aprobadas con posterioridade, produzan danos no dominio público, produzan molestias reiteradas á veciñanza, impidan a súa utilización para actividades de maior interese público, menoscaben o uso xeral ou resulten incompatibles co interese público. Procederá indemnizar ao titular da autorización, polos danos e prexuizos no seu caso xenerados, no suposto de que a revogación se fundamente na adopción de novos criterios de apreciación.

Polas mesmas razóns do parágrafo anterior, o Concello poderá modificar as condicións de emplazamento, superficie, horario ou calquera outro aspecto das autorizacións de terraza.

10.- As autorizacións concedidas outórganse sen prexuízo de terceiros e mantendo a salvo o dereito de propiedade.

11.- As autorización das instalacións en terreos de titularidade pública non outorgan dereito algún sobre dito terreo, en virtude dos principios de non alleamento e non prescrición dos bens de dominio público.

12.- En todo caso, ante unha solicitude de autorización de terrazas, o Concello de Betanzos analizará os usos concretos solicitados e a incidencia da ocupación do espazo de uso público, e so concederá a autorización no caso de que o interese público prevalente non resulte afectado. A tal efecto, teranse en conta os seguintes criterios:

a) Preferencia do uso común xeral, con especial atención ao tránsito peonil, debendo garantirse que as instalacións autorizables non limiten a accesibilidade dos cidadáns aos espazos destinados ao uso público, en condicións de fluidez, comodidade e seguridade.

b) Garantía da seguridade viaria.

c) Protección da seguridade cidadá e da tranquilidade pública, en especial, protección contra a contaminación acústica. A tal efecto, a actividade das instalacións deberá respectar os límites de ruido en vivendas e locais próximos previstos na normativa aplicable reguladora da emisión de ruidos e vibracións.

d) Preservación da arboreda e vexetación e dos ambientes e condicións estéticas dos lugares e edificios, aínda que non conten con protección específica nas lexislacións sectoriais.

e) Preservación do mobiliario urbano e de calquera elemento singular existente no espazo de uso público.

f) Protección do uso e dos dereitos dos usuarios das propiedades lindeiras, e garantía de acceso a ditas propiedades.

g) Protección do Patrimonio e dos seus elementos catalogados, coa imposición das condicións de ornato e estética que garantan unha imaxe adaptada.

h) Garantía do funcionamento dos servizos públicos, en especial, os de emerxencia.

i) Garantía de accesibilidade en todo momento aos servizos ou instalacións públicos existentes.

13.- Denegarase o outorgamento da autorización de terraza, de xeito motivado, cando así proceda en virtude de calquera norma sectorial de aplicación. En especial, denegarase cando tal uso estea prohibido pola normativa urbanística ou cando así proceda conforme a unha declaración de zona acústicamente saturada ou con acordo de iniciación do procedemento para declarala.

Especialmente, denegarase a autorización de terraza de xeito motivado, cando:

-obstaculicen saídas de emerxencia, vaos, pasos de peóns ou paradas de transporte público, ou dificulten a visión nos cruzamentos ou incorporacións a calzada.

-dificulten o tránsito peonil, á vista das características físicas do emplazamento ou por razón do nivel ou intensidade do mesmo.

-poidan incidir na evacuación dos edificios e locais próximos.

-dificulten a intervención de servizos públicos ou privados en caso de urxencia, tales como bombeiros, ambulancias etc.

-supoñan un deterioro do medio urbano ou resulten inadecuadas ou discordantes co seu contorno.

-impidan ou dificulte gravemente o uso de servizos, equipamentos e/ou mobiliarios urbanos.

-calquera outra circunstancia similar de interese público.

Artigo 6.- Período de autorización

As autorizacións poderán ser anuais ou de tempada. Entendense como autorizacións de tempada as que van desde o 1 de marzo ata o 31 de outubro, ambos inclusive; e, autorizacións anuais as que van desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro.

A autorización renovarase nas mesmas condición e termos, previa solicitude do interesado segundo o disposto no artigo 22.

Artigo 7.- Horario de funcionamento

1.- O horario de funcionamento das terrazas será o establecido para a apertura e peche de establecementos abertos ao público na Orde da Consellería competente da Comunidade Autónoma segundo o establecido no art. 17 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, ou na norma que en cada momento estea en vigor, coas ampliacións ou reducións que se permitan autorizar ao Concello de Betanzos, así como as derivadas da normativa municipal, da normativa sectorial sanitaria ou de calquera outra que resulte de aplicación.

Unha vez finalizado o horario de funcionamento da terraza, non se permitirá a presenza de clientes na mesma nin se expenderá consumición algunha, dispoñendo o persoal do establecemento de media hora máis para proceder á retirada total das instalacións e elementos móbiles que a ocupen.

O anterior horario e regulación aplicarase asemade para o funcionamento das terrazas con pechamentos estables e das terrazas anexas a quioscos.

2.- Non obstante o disposto no apartado anterior, o Concello poderá reducir o horario xeral atendendo ás circunstancias ambientais ou urbanísticas que puideran concorrer en cada caso concreto, cando se comprobase unha transmisión de ruídos molestos á veciñanza.

Nestes casos, a limitación do horario deberase reflectir expresamente na autorización como unha condición esencial e poderase establecer ou modificar con posterioridade mediante unha resolución motivada.

3.- Os horarios de funcionamento das terrazas poderán ser excepcionalmente ampliados, por circunstancias xustificadas, mediante resolución municipal motivada e dentro das marxes que conceda a lexislación vixente.

4.- Así mesmo, poderán realizarse modificacións temporais do horario das terrazas por razón de festividades, datas concretas de interese da cidade, celebración de eventos, etc.

Artigo 8.- Limitación de niveis de transmisión sonora

O funcionamento das terrazas, tanto en solo público como privado, deberá respectar os límites de ruído en vivendas e locais próximos previstos na Orde de 26 de novembro de 2018 pola que se aproba a proposta de Ordenanza de protección contra la contaminación acústica de Galicia, e, no seu caso, na ordenación municipal sobre a materia que resulte de aplicación.

Prohíbense expresamente o funcionamento de aparatos xeradores de son e altofalantes nas terrazas, aínda que estean permitidos no interior do establecemento. Exceptúase do anterior as televisións, cuia instalación permítese sempre e cando se limiten a emitir imaxes sen son.

Prohíbense asemade os espectáculos musicais en terrazas, agás autorización específica expresa.

Artigo 9.- Obrigas do titular

Sen prexuízo de que as obrigas de carácter xeral, e das que se deriven da aplicación da presente ordenanza, será obrigación do titular da instalación:

1.- Manter, o chan ocupado pola terraza e cada un dos seus elementos, nas debidas condicións de limpeza, seguridade e ornato. A estes efectos, deberase dispor dos correspondentes medios de recollida e almacenamento de residuos.

Ao remate de cada xornada, deberanse realizar as tarefas de limpeza necesarias no chan ocupado.

A limpeza que deban efectuar os servizos municipais, en substitución do titular da autorización por incumprimento desta obriga, será a costa de dito titular e liquidarase polo procedemento para as execucións subsidiarias.

2.- Velar para que os usuarios da terraza non alteren a orde nin realicen actividades ruidosas que xeren molestias e ruidos.

3.- Adoptar as previsións necesarias para que os usuarios da terraza non sobrepasen os límites do espazo autorizado.

4.- Non almacenar na vía pública o mobiliario ou calquera outro elemento da terraza, aínda cando se efectúe na porción de espazo público autorizado.

5.- Retirar, ao termo de cada xornada e do horario autorizado, todos os elementos instalados, salvo que na autorización se establecese a non obrigatoriedade de recollida de determinados elementos en caso de terraza con cerramento estable.

No seu caso, a dita retirada deberá realizarse no tempo de 30 minutos desde o remate do horario de funcionamento da terraza.

Os toldos deberán permanecer recollidos fóra do horario autorizado.

6.- Prestar especial dilixencia de coidado durante as tarefas de montaxe, retirada e manexo dos elementos da terraza; non se permitirá arrastralos e minimizarase o ruído que puider producirse.

7.- Non afectar bens, obras ou servizos públicos nin privados, sendo o titular da terraza responsable dos danos ocasionados, debendo responder polos mesmos.

8.- Ter en todo momento a disposición dos servizos técnicos e da Policía Local o título habilitante para o exercicio da actividade, a resolución de autorización para a terraza e renovación, no seu caso, xunto co plano detalle en que conste a superficie de ocupación autorizada.

9.- Retirar de forma inmediata os elementos da terraza cando resulte necesario para o acceso de vehículos autorizados ou de urxencias, recollida de residuos, rega ou limpeza de rúas e para a prestación de calquera outro servizo público ou de interese xeral que o requira.

10.- Retirar da vía pública todos os elementos da terraza, mobiliario e instalacións autorizadas, cando finalice a vixencia da autorización; o espazo deberá quedar completamente expedito e sen danos. No suposto de incumprimento destas obrigas, cumpriraas o Concello, mediante a súa execución forzosa por conta do obrigado.

 

TÍTULO III.- CONDICIÓNS DAS INSTALACIÓNS

Capítulo I.- Condicións xerais

 Artigo 10.- Condicións xerais de ocupación de espazos de titularidade e uso público

1.- A ocupación de solo de titularidade e uso público con terrazas, poderá consistir en:

a) Terrazas situadas xunto á fachada do edificio. Nestes casos, a terraza so poderá ocupar o seu fronte de fachada, podendo superar este límite aportando autorización expresa dos titulares dos negocios instalados nos locais comerciais lindeiros que poidan verse afectados pola instalación solicitada. No suposto de locais nos que non se estea desenvolvendo actividade comercial (locais vacíos), será igualmente necesaria dita autorización expresa do titular do local.

A autorización nestes casos fará constar expresamente a obriga de non ocupar e liberar inmediatamente o espazo que exceda do fronte de fachada no caso de revogación das autorizacións dos titulares dos locais lindeiros ás que se refiere o parágrafo anterior, ou en caso de que non se obteña a autorización dun novo negocio ou comercio lindeiro. Isto, sen prexuizo do dereito á solicitude de devolución da parte proporcional da taxa abonada polos metros cadrados de ocupación que deban liberar.

No caso de lindar cunha comunidade de propietarios de fincas en réxime de propiedade horizontal sen baixo comercial, non se requirirá autorización da mesma, requirindo a ampliación a estes espazos únicamente de informe favorable dos servizos técnicos.

b) Terrazas situadas na liña de bordo da beirarrúa. Nestes casos, as terrazas poderán ocupar a fronte da fachada do edificio propio e dos lindantes, ata un límite lonxitudinal de vinte metros en total.

No caso de instalacións dispostas xunto ao beirado da beirarrúa, cando existan varios establecementos que opten á instalación de terraza, o espazo repartirase, se procede, de forma proporcional.

c) Terrazas situadas tanto acaroadas á fachada do edificio, como na liña de bordo da beirarrúa. Nestes casos, a parte da terraza situada acaroada á fachada non poderá superar a fronte do edificio propio, coas excepcións e nas condicións reguladas no aparado a) deste artigo; e, a parte da terraza situada ao beirao da beirarrúa, cumprirá o disposto no apartado b) deste artigo.

En todo caso, deixarase un espazo mínimo de dous metros entre as dúas liñas de mesas e cadeiras. Excepcionalmente, poderase autorizar instalacións a menor distancia, atendendo á natureza e condicións da rúa, previo informe favorable dos servizos técnicos municipais.

d) Terrazas en zonas da calzada da vía pública sempre que se cumpran os requisitos de seguridade esixibles e que non afecten á circulación rodada ou ao tráfico de peóns. Excepcionalmente e previo informe técnico favorable, permitiranse terrazas na calzada, nos casos nos que a anchura da beirarrúa non posibilite a instalación de terraza na mesma. Nestes casos, e salvo que circunstancias obxectivas de calquera índole o impidan, colocarase unha tarima debidamente sinalizada e que cumpra requisitos de accesibilidade.

En todo caso haberá que preservar as zonas de paso de peóns.

Procederase a denegar o permiso de instalación da terraza nos casos nos que as características da rúa, do tráfico ou razóns de seguridade o aconsellen.

e) Terrazas en rúas peonís. Segundo a anchura da vía peonil, a ocupación poderá facerse, previo o pertinente informe dos servizos técnicos, no que se especificarán as distancias que deberán ser respectadas:

1. Acaroada á fachada do local, con posibilidade de estender a terraza máis alá de dita fachada, previas as autorizacións dos locais lindeiros, tal e coma se establece no apartado a) deste artigo.

2. Acaroada á fachada do edificio de enfrente, sempre que se obteñan previamente as autorización dos locais afectados.

3. Combinando as dúas posibilidades anteriores, cos mesmos requisitos do apartado c) deste artigo.

4. Instaladas lonxitudinalmente polo eixe da vía. En caso de que existan establecementos hostaleiros enfrontados, o espazo repartirase de forma proporcional á lonxitude das fachadas dos establecementos.

f) Terrazas en prazas. Nestes casos o Concello resolverá a solicitude de terraza, segundo as singularidades da zona, atendendo as circunstancias particulares do espazo, do seu ancho e demais características. En todo caso, debe quedar garantido un itinerario peonil mínimo e libre de obstáculos de forma que se permita o paso de vehículos de emerxencias e outros vehículos autorizados.

As autorizacións de terrazas en prazas deberán respectar as seguintes limitacións:

· A superficie de ocupación total establecerase, en cada caso, atendendo ao uso principal a que estea destinada a praza, así como a súa xeometría e características concretas. En todo caso, garantirase a existencia dun itinerario peonil libre de obstáculos cunha anchura mínima de dous metros.

· Cando a concentración de terrazas sobre unha praza ou espazo determinado poida supoñer a alteración do seu destino natural ou xerar un grave impacto, as solicitudes de novas instalacións o as renovacións serán resoltas conxuntamente con anterioridade ao inicio do ano natural, establecéndose as condicións o restricións que se estimen adecuadas.

· En caso de pretenderse a instalación de terrazas exentas (non adosadas á fachada) e existindo varias solicitudes de ocupación, a autorización do Concello, no seu caso, a cada unha delas será proporcional aos metros da fachada que dean fronte ao espazo público.

· No caso de verse interrompida a ocupación por un itinerario peonil existente ou requirido polo Concello, a ocupación computarase como unha unidade aos efectos da ocupación máxima.

g) Terrazas en soportais. Permítese a instalación de terrazas no interior dos soportais sempre que se garanta un itinerario peonil libre mínimo de 1,80 metros, considerándose como anchura total do soportal a existente desde a fachada á cara interior dos piares. En ningún caso se poderá cerrar o itinerario con mamparas ou mobiliario similar.

Igualmente, poderanse acaroar as terrazas á liña exterior dos soportais cumprindo, nese caso, as condicións xerais do espazo en que se sitúe.

Exceptúase da posibilidade de instalar terrazas o espazo de soportais da rúa Ferradores, pola densidade de circulación de viandantes no lugar, debendo os locais instalar as terrazas neste caso fora dos soportais, esto é, na zona da praza apta para elo.

h) Terrazas en quioscos. Nestes casos, as terrazas ocuparán o fronte dunha das fachadas do quiosco, preferentemente aquela onde esté a súa entrada principal.

2.- Aínda cando un espazo reúna todos os requisitos para a colocación dunha terraza, esta poderá non autorizarse ou autorizarse con dimensións inferiores ás solicitadas se a súa instalación dificultara o tránsito peonil, aínda que soamente sexa en determinadas horas.

3.- A ocupación das beirarrúas establecerase en proporción ao ancho total destas, sen que, en ningún caso, poidase ocupar mais do 50% do ancho da beirarrúa.

Cando existan espazos axardinados lonxitudinais formando parte da beirarrúa, a anchura sinalada do 50%, referirase a zona libre de axardinamento e destinada a transito peonil.

No caso de vías total ou parcialmente peatonalizadas, de existir non obstante dita peatonalización beirarrúas en tales vías, permitirase a ocupación da beirarrúa, sempre en cando se garanta a circulación peonil nas condicións de accesibilidade establecidas nesta ordenanza e na normativa de aplicación, así coma se respecten os accesos aos portais, garaxes, arquetas, tapas ou elementos similares das canalizacións dos subministros básicos, etc. Para dita ocupación, precisarase informe favorable dos servicios municipais.

4.- Con carácter excepcional, a ocupación poderá aumentarse cando se prevea a ocupación en espazos libres, prazas ou espazos análogos, co informe pertinente favorable.

5.- Prohíbese expresamente a instalación nas terrazas de máquinas recreativas, de xogos de azar, billares, futbolíns ou calquera outra de características análogas.

Tampouco estará permitida a instalación de barras fixas nas fachadas dos establecementos.

Asemade, prohíbense expresamente a instalación de equipos de son ou xeradores de ruido no exterior dos establecementos, así coma altofaltantes. Calquera instalación deste tipo, de maneira excepcional por mor de eventos extraordinarios, requerirá autorización previa do Concello, de conformidade co establecido la lexislación vixente en materia espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

6.- Excepcionalmente poderán autorizarse accesos adaptados (ramplas, elevadores, etc.), cando se xustifique a disponibilidade dos terreos, pola súa titularidade, amplitude ou calquera outra condicion que a xuizo do Concello estime apropiada para iso. Neste caso, o titular deberá dispoñer da documentación relativa a estes elementos, á súa homologación e as revisións que sexan preceptivas.

7.- En todo caso, na instalación do mobiliario e elementos que forman parte da terraza deberá garantirse o acceso as arquetas, tapas ou elementos similares das canalizacións dos subministros básicos, non podendo de ningún xeito obturar ou dificultar ditos accesos.

Artigo 11.- Superficie de ocupación de espazos de titularidade e uso público

1.- As superficies de ocupación en solo público estarán limitadas polas condicións de amplitude dos rueiros e largo das beirarrúas, prazas públicas ou privadas, polas condicións da súa categoría, vías de circulación rodada, peonís, ou de tráfico restrinxido.

Dita superficie deberá ter en conta as condicións de evacuación, a normativa de protección contra a contaminación acústica ou contra o lume, a contorna na que se atope a instalaciones, e demais normativa sectorial de aplicación.

2.- O módulo tipo está constituído por unha mesa e catro cadeiras enfrontadas dúas a dúas. Considerarase unha superficie de ocupación teórica por cada módulo tipo de 1,60 × 1,60 metros.

3.- Autorizaranse tamén os seguintes módulos:

A) Unha mesa e dúas cadeiras de 1,60 x 0,80 metros, que pode reducirse a 1,60 x 0,60 cando a estreitura do espazo o aconselle sempre que se deixe libre o paso mínimo para peóns de 1,80 metros.

B) Un módulo de 1,20 x 1,80 cunha mesa rectangular e catro cadeiras, con dous cadeiras a cada lado longo da mesa.

C) Unha mesa alta con catro banquetas, de 1,20 x 1,20 metros cadrados. Poderá substituírse a mesa alta por un barril tradicional de madeira e aros de forxa.

D) Unha mesa alta con dous banquetas, de 1,20 x 0,60.

4.- A disposición das mesas e cadeiras terán que permitir o doado acceso a todos os módulos.

5.- Para a obtención do número máximo de mesas e cadeiras aplicaranse os módulos descritos neste artigo, e os requisitos establecidos no artigo 10, debendo deixar entre módulos un espazo de 0,80 metros.

6.- A superficie máxima autorizada conformarase polo perímetro exterior total do conxunto de todos os elementos que haxa que instalar dispostos para a prestación de servizo e quedará delimitada no plano detalle da autorización.

7.- Non poderá obstaculizarse o acceso aos portais dos predios, nin ás pasaxes de vehículos. Cando a terraza se coloque acaroada á fachada deberán deixarse libres, cando menos, 0,50 metros desde o marco da porta ou desde o límite exterior da pasaxe para vehículos. Nestes espazos non poderá colocarse tampouco mobiliario accesorio.

Non obstante, pode non deixarse esta distancia de 0,50 metros sempre que a comunidade de propietarios afectada autorice que non se deixe esta distancia ata o seu portal.

Artigo 12.- Terrazas en solo privado de uso público

1.- As instalacións nestes espazos someteranse ás determinacións da presente ordenanza, agás no que respecta á superficie de ocupación e a necesaria homologación previa de materiais, salvo, en este último caso, que se trate de terrazas visibles desde o exterior.

2.- As terrazas situadas en espazos privados de uso público, poderán chegar ao 100% da superficie do espazo coas limitacións de separacións que a normativa sectorial esixa para cada tipo de solo, tendo en conta o sinalado na normativa urbanística de aplicación. Asemade, respectaranse as distancias entre módulos establecidas no artigo 11.

3.- Con respecto aos materias dos elementos destas terrazas, serán autorizados sempre e cando garanticen as condicións de seguridade, accesibilidade e estabilidade debidas.

En caso de que a terraza sexan visibles desde o exterior, será necesaria ademáis a previa homologación polos servizos técnicos municipais dos elementos e materiais, téndose en conta a estes efectos o disposto no Capítulo II do Título III.

4.- Poderán autorizarse tarimas nas condicións de seguridade e accesibilidade do artigo 17.

5.- A instalación de terrazas en espazos privados deberá garantir que se cumpren as condicións de seguridade de evacuación. A tal fin, presentarase, xunto coa documentación requirida no Titulo IV, un estudo xustificativo de evacuación no que se teñan en conta as dimensións, aforo, mobiliario da terraza e a súa incidencia sobre o conxunto do local, así como unha saída a un espazo seguro.

6.- Garantirase o cumprimento da normativa sobre accesibilidade e eliminación de barreiras, así como a demais normativa que lle afecte.

7.- Non se permitirán as instalacións situadas en patios de mazá e espazos pechados debido a configuración arquitectónica na que se atopan.

 Capítulo II.- Elementos das instalacións en espazos de titularidade pública e uso público

Artigo 13.- Materiais

1.- Todos os elementos a instalar nas terrazas, serán obxecto de homologación previa y preceptiva polos servizos técnicos municipais, a efectos da súa harmonización co entorno.

2.- Deberán reunir as características que se entendan precisas para a súa función, de fácil limpeza e de boa calidade. Deberán harmonizar entre si e co contorno urbano en que se sitúe en cromatismo, materiais e deseño.

Así mesmo, deberán reunir as debidas condicións de estabilidade e seguridade, sen que polas súas características, uso previsible, disposición ou modo de instalación poidan supor un risco para as persoas usuarias da instalación ou para os viandantes nin para os bens públicos ou privados.

Igualmente, deberán contar con elementos de protección que eviten a xeración de ruídos durante o seu desprazamento ou manexo.

3.- A descrición de todos os elementos que configurarán a terraza deberán figurar na solicitude de autorización da mesma, ao fin de someterse a informe previo e preceptivo dos servizos técnicos, co obxecto da súa homologación e axuste aos criterios que se establecen nos artigos 14 a 18, ambos incluidos.

4.- Permítese a publicidade visible desde o exterior da terraza nos elementos e mobiliario instalados nelas ou nos seus elementos fixos, consistente no nome comercial do establecemento ou logotipo do mesmo, de outra marca comercial, ou do propio Concello, sempre e cando resulten de pequeno tamaño.

5.- Valorarase favorablemente a instalación de vexetación e plantas nas terrazas.

Artigo 14.- Cadeiras e mesas.

1. No ámbito de aplicación do Plan Especial de Protección e Ordenación do Casco Histórico ou en espazos de valor singular, deberá instalarse mobiliario fabricado con materiais coma madeira, vimbia, ferro forxado ou materiais que imiten aos anteriores cunha calidade acordo co entorno; poderase admitir outro material de similar calidade ás anteriores previo informe favorable dos servicios técnicos municipais. Prohíbense os materiais plásticos; prohíbense asemade materiais de aceiro inoxidable e aluminio nas súas cores naturais ou acabados metalizados brillantes ou en cores fosforescentes ou rechamantes. As cores a utilizar deberán ser: beige/marrón ou negro.

As cadeiras terán topes de goma ou neopreno nas súas patas para evitar a producción de ruido no seu manexo.

Valoraranse proxectos individualizados, que pola singularidade e valor de conxunto que presenten, empreguen outros materiais que os recollidos no parágrafo anterior, tendo sempre en conta o entorno.

2. Fóra do ámbito de aplicación do Plan especial de Protección e Ordenación do Casco Histórico ou fóra dos espazos de valor singular, admítense os anteriores materiais, engadíndose outros novedosos que pola súa singularidade aporten valor ao proxecto presentado, sempre que estes teñan unha calidade adecuada co entorno. En todo caso, non se admitirán terrazas con elementos de plástico de mala calidade ou similares aos empregados para un xardín ou praia.

As cadeiras terán topes de goma ou neopreno nas súas patas para evitar a producción de ruido no seu manexo.

3. No caso de terrazas de distintos establecementos, que se instalen de forma contigua ou próxima, valorarase a sintonía entre os materiais e cores a empregar.

 Artigo 15.- Elementos de sombra

1.- Serán dunha única cor para a mesma terraza e acordes co entorno e co resto de mobiliario e elementos que compoñan a terraza e co entorno.

En ningún caso, estas instalacións impedirán a visibilidade de sinais de tráfico ou de información.

Estas estruturas deberán ser retiradas ou recollidas fóra do horario autorizado para a terraza.

2.- Os posibles elementos de sombra axustaranse aos seguintes criterios, suxeitos en todo caso a homologación previa polos servizos técnicos municipais:

a) Parasoles.

Con carácter xeral, só se autorizará a colocación de parasoles facilmente desmontables e suxeitos mediante unha base de suficiente peso, de maneira que non supoña perigo para os usuarios e viandantes e que non se produza ningún deterioro do pavimento.

Tanto o voo como o pé de apoio quedarán dentro da superficie autorizada para a terraza e deberán ter unha altura mínima de 2,20 metros.

Os parasoles serán de material téxtil ou similar, lisos e terán sempre a posibilidade de seren recollidos mediante unha fácil manobra.

b) Toldos.

Serán admisibles as instalacións de sombra nas formas de enrolable á fachada, sempre que poidan suxeitarse mediante sistemas facilmente desmontables na fachada do edificio onde se sitúa o establecemento.

Serán preferiblemente de material téxtil e terán sempre a posibilidade de seren recollidos mediante unha fácil manobra.

A altura mínima da súa estrutura será de 2,20 metros, ou, no seu caso, a fixada na normativa urbanística de aplicación.

Cando o establecemento estea cerrado, o toldo deberá permanecer recollido.

No ámbito de aplicación do Plan Especial de Protección e Ordenación do Casco Histórico, os toldos deberán ser de cor branco, beige ou negro, salvo nas terrazas da rúa Ferradores, onde as cores dos toldos deberán ser branco o beige.

c) Con carácter excepcional, cando así se solicite e se encontre xustificado polos servizos técnicos, poderase autorizar a instalación de estruturas para soporte de toldos ou cubertas téxtiles (instalación illada tipo pérgola ou carpa), atendendo ás circunstancias singulares que concorran en cada caso e fixando, así mesmo, os condicionantes que se consideren oportunos para a súa instalación (dimensións, materiais, sistemas de suxeición ou apoios etc.).

Non se autorizarán estas cubertas illadas en beirarrúas, nin en vías peonís; únicamente poderán autorizarse en prazas ou espazos abertos e sempre que se dispoña dunha superficie mínima de 40 m2, aparte da superficie necesaria para itinerarios accesibles.

Artigo 16.- Mamparas, cortaventos, xardineiras e expositores

Permitirase a colocación de mamparas, cortaventos e/ou xardineiras divisorias ou delimitadoras, que deberán harmonizar co resto dos elementos da terraza e máis co entorno, debendo terse en conta a superficie da fachada, a anchura da beirarrúa e calquera outro criterio.

Deberán axustarse ás condicións que se especifiquen nos termos da súa autorización e, en todo caso, deberán cumprir o seguinte:

-Permitir a súa identificación por persoas con discapacidade visual.

-Ser de materiais ríxidos, tales coma vidro, cristal ou metacrilato.

-Ser móbiles, para poder ser recollidas nas condicións e no horario fixados, salvo en terrazas con cerramento estable.

-Non superar o ancho autorizado para a instalación correspondente.

-Asegurar a súa detección a unha altura mínima de 0,15 metros medidos desde o nivel do chan.

-Adaptar a altura mínima á normativa de accesibilidade.

a) Mamparas e cortaventos

Estes elementos empregaranse tanto para garantir o confort das persoas usuarias das terrazas como para delimitar o seu perímetro exterior.

A súa altura non poderá ser superior a 1,50 metros, sempre tomando como referencia a rasante do pavimento.

As mamparas e cortaventos deberán presentar, en todo caso, estabilidade e rixidez suficientes e adecuarse esteticamente ao contorno en que se sitúe a instalación.

b) Xardineiras

Empregaranse e potenciaranse non só como elemento decorativo, senón tamén como elemento delimitador e protector das instalacións de terrazas.

Poden incluir mamparas.

A altura máxima, tanto nos elementos delimitadores como nos decorativos, non superará, incluídas as plantacións, 1,50 metros.

d) Expositores e elementos de apoio

Elementos móbiles e desmontables vinculados as terrazas, que se dispoñen no exterior de establecementos de hostalería, tales como caixóns, mesas ou armazóns para o apoio, que poden servir de soporte aos elementos de enxoval, sen que poidan utilizarse como barra de servizo ou mostrador de atención ao público, nin dedicarse a calquera uso que desvirtúe o seu carácter estritamente auxiliar.

Tamén poderán permitirse expositores para anunciar os produtos ou servizos propios do local ao que pertence e da servizo.

Estes elementos situaranse na fronte das fachadas dos establecementos. A súa colocación, espazos de circulación e distancias serán as mesmas que as establecidas para os restantes elementos das terrazas.

Artigo 17.- Tarimas

1.- Enténdese por tarima a instalación auxiliar a unha terraza con carácter móbil ou fácilmente desmontable, con estrutura ancorada ou non ao pavimento, cuxo fin pode ser eliminar barreiras de pendente ou delimitar espacialmente a terraza, tanto no caso de que a mesma se instale sobre o espazo destinado a peatóns, como no caso de terrazas autorizadas sobre a calzada de conformidad co artigo 10.1.d).

Poderase instalarse en espazo de uso público, previa a preceptiva homologación da tarima por parte dos servizos técnicos.

2.- As tarimas deberán instalarse de maneira que queden niveladas coa beirarrúa, ou, en todo caso, aplicando solucións que permitan o cumprimento da normativa de accesibilidade e eliminacion de barreiras.

As tarimas en zonas con pendente, colocaranse de maneira que os saltos non excedan de 0,50 metros medidos desde o pavimento da rúa ata cada unha das plataformas.

3.- Serán de materiais ignífugos, antideslizantes, no oxidantes, etc., e deberán estar tratados para ser instalada no exterior, preferentemente madeira ou materiais que imiten á madeira.

A apariencia estética terá que gardar a oportuna harmonización co resto dos elementos da terraza, así coma co entorno.

Permitiranse outros materiais tales como metálicos, previa conformidade dos servizos técnicos municipais, en atención a criterios de seguridade, minimización do ruido, homoxeneización e ornato público, para o que se tera en consideración instalacións análogas existentes na contorna.

4.- Os separadores e elementos de seguridade, como varandas, serán esixibles de conformidad e co establecido ao respecto no Código Técnico da Edificación para estes elementos e, en todo caso, estarán ancorados a tarima, e requirirán o cumprimento das condicións de seguridade que impón dito Código Técnico da Edificación.

5.- A tarima pode permanecer no espazo de uso público fóra de horario de funcionamento da terraza, sempre que se atope debidamente amarrada para evitar actos de vandalismo.

En calquera caso, a tarima deberá ser retirada cando finalice o período de vixencia da autorización.

6.- Se a consecuencia da instalación da tarima se producen danos ao pavimento, a súa reparación será obligatoria e a costa do titular da autorización.

Artigo 18.- Aparatos de climatización, calefacción e de iluminación

Nas terrazas poderán instalarse aparatos de climatización e calefacción, así coma de iluminación, sen que supoñan emisión de ruídos.

Calquera instalación destas características deberá ser expresamente autorizada e deberá cumprir coa normativa vixente de aplicación, incluida a medioambiental e a relativa a eficiencia enérxetica.

Todos os elementos deberán estar homologados conforme a normativa vixente que lles sexa de aplicación e, en particular, para o seu uso en exteriores. A documentación específica relativa ás súas características técnicas, certificados de homologación, etc., deberá ser presentada coa solicitude de autorización da terraza.

No suposto de renovación da autorización de terraza, o seu titular deberá xustificar a adaptación e cumprimento destas instalacións á normativa vixente no momento da renovación, así como xustificar a realización das correspondentes revisións. Sen prexuizo do anterior, no suposto de que a normativa que lles resulte de aplicación esixa a substitución ou a adaptación destes aparatos, o titular da autorización da terraza deberá proceder ao cumprimento desta normativa.

As instalacións realizaranse por un instalador autorizado.

A revisión da instalación realizarase conforme a normativa de aplicación; o concello poderá requirir a documentación acreditativa en calquera momento.

Ao igual que o resto dos elementos da terraza, deberán contar coa preceptiva homologación por parte dos servizos técnicos municipais.

Poderán instalarse nos peches estables non pegados a fachada do establecemento, ou consistir en elementos illados (estufas) que deberán estar colocados dentro da área da terraza.

Deberanse retirarse conforme o horario autorizado.

No caso de que se solicite autorización para colocar elementos de iluminación, estes non poderán, en ningún caso, orixinar deslumbramento nin outras molestias aos veciños/as, aos viandantes, nin aos vehículos.

 Capítulo III.- Elementos en terrazas privadas de uso público

 Artigo 19.- Materiais en terrazas privadas de uso público

No caso de terrazas en espazo privado de uso público, non se esixirán as anteriores condicións estéticas nin a homologación previa polos servizos técnicos municipais, agás no caso de que ditas terrazas sexan visibles desde o exterior, suposto no cal cumprirase co disposto nos anteriores artigos naquilo que lles resulte de aplicación.

 

TÍTULO IV.- PROCEDEMENTO PARA O OUTORGAMENTO DE AUTORIZACIÓNS

Artigo 20.- Solicitude

1.- Para as solicitudes de autorización para a nova instalación dunha terraza ou para a modificación dunha xa concedida, cubrirase un formulario normalizado, onde se fagan constar as autorizacións para consultas de datos que obren en poder da administración.

2.- As referidas solicitudes, deberá expresar:

a) Nome ou razón social da persoa interesada e indicación do domicilio.

b) Nome comercial e domicilio do establecemento hostaleiro ao que vai asociada a terraza.

c) Especificación de se a instalación que se pretende se sitúa en espazo de dominio público ou privado de uso público, así como o tipo de instalación de terraza, segundo algunha das modalidades do artigo 10.1 desta Ordenanza.

d) Período de tempo de ocupación solicitado. En caso de que non se faga constar, entenderase que o período de funcionamento ao que se opta é anual.

3.- Esas solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Referencia ao expediente de apertura e actividade do establecemento principal.

b) Plano de situación e a escala da terraza no que se reflicta: o seu emplazamiento, a superficie a ocupar, largo e ancho de beirarrúa e distancia ás paradas de autobuses, ás saídas de emerxencia, aos pasos de vehículos, aos quioscos e aos elementos de mobiliario urbano existentes, e franxas de itinerario peonil libre.

c) Plano de detalle con indicación de todos os elementos de mobiliario e o seu emplazamento, así como a súa clase, número, con especial indicación de número de cadeiras e mesas, dimensións, superficie a ocupar polos elementos e características destes, consonte determina o Título III.

d) Autoliquidación da taxa correspondente.

e) Documentación relativa ás características técnicas e medioambientais dos elementos de climatización, calefacción e iluminación, así como certificados de homologación e revisións dos mesmos.

f) Póliza de seguro de responsabilidade civil e incendios en vigor e por prazo mínimo dunha anualidade e xustificante de abono da prima.

g) Autorización, no seu caso, de colindantes.

h) Documentación relativa ás características técnicas de ramplas e elevadores, así como certificados de homologación e revisións dos mesmos.

i) Proxecto de evacuación en caso de terrazas privadas de uso público.

j) Acreditación da propiedade ou título xurídico que habilite para a utilización privativa do espazo, en caso de terrazas privadas de uso público.

4.- Nas terrazas con pechamentos estables ou con elementos permanentes, como tarimas, mamparas, peches, etc., incluirase, ademais, como documentación específica:

a) Memoria detallando:

- As características das súas instalacións.

- Superficie que se vai ocupar e elementos a instalar no interior do pechamento.

- Planos nos que se indiquen de forma inequívoca as dimensións, seccións, andares, alzados laterais, frontal e posterior.

- Sistemas de ancoraxe dos elementos ao pavimento.

b) Certificación de técnico competente, visada polo colexio profesional correspondente, acerca da suficiencia da súa estabilidade estrutural e da adecuación das súas condicións de prevención e extinción de incendios, evacuación, estabilidade e reacción ao lume. Para acceder a esta información o solicitante poderá autorizar o acceso aos datos que obren en poder da administración municipal ou doutra administración.

c) Documento acreditativo da constitución dunha garantía para a reposición do pavimento público ao estado anterior á instalación do pechamento. O importe desta garantía determinarase en función do custo de reposición do espazo ocupado.

Artigo 21.- Tramitación

A primeira instalación ou modificación desenvolverase consonte o seguinte procedemento:

1-. Iniciarase mediante solicitude, en impreso normalizado, que conterá polo menos os datos sinalados no artigo 66 da Lei 39/2015, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, ao que se xuntará a documentación prevista nesta ordenanza.

2.- Para os efectos do cómputo dos prazos de tramitación considerarase iniciado o expediente na data de entrada da documentación completa no rexistro do órgano competente para resolver.

3.- Os servizos municipais examinarán a solicitude e a documentación presentada e, no seu caso, requirirán ao interesado para que no prazo de dez días emende a falta ou presente a documentación preceptiva, indicándolle que se non o fai entenderase que desistiu do seu pedimento e que, logo da resolución, se arquivará sen máis trámite, cos efectos previstos no artigo 21.1 da Lei 39/2015, do Procedemento Administrativo Común.

4. Unha vez completada a documentación, emitirase informe técnico e xurídico que finalizará con resolución nalgún dos seguintes sentidos:

a) De denegación, motivando a súa razón de ser.

b) De outorgamento, indicando se é o caso, os requisitos ou as medidas correctoras que a instalación proxectada deberá cumprir para axustarse á normativa aplicable.

5. A resolución do órgano competente deberá producirse nun prazo non superior a 2 meses contado desde o día seguinte á data na que se considere iniciado o expediente e nela especificarase o prazo de duración da autorización. Transcorrido este prazo sen que houbese resposta, entenderase que a autorización foi rexeitada.

 Artigo 22.- Renovación

Para a renovación da autorización deberá presentarse a correspondente comunicación previa en modelo normalizado nos dez días anteriores ao prazo de vencemento da autorización ou da correspondente renovación, á que haberá que acompañar a documentación xustificativa da vixencia da póliza de seguros de responsabilidade civil e incendios por prazo mínimo da renovación pretendida, así como a documentación xustificativa das revisións nos elementos que o precisen (aparatos de climatización, calefacción, iluminación, ramplas, elevadores, etc,).

Para o caso de que o titular teña débedas co Concello de Betanzos, non se producirá a renovación da autorización.

A instalación poderá ser inspeccionada polos servizos municipais a efectos de comprobar que se manteñen nas mesmas condicións que as inicialmente autorizadas.

 

TÍTULO V.- RÉXIME DISCIPLINARIO E SANCIONADOR

Artigo. 23.- Inspección

1.- O titular da terraza, así como os seus empregados, teñen o deber de permitir e facilitar a inspección municipal para comprobar o cumprimento desta ordenanza, en calquera momento, que será levada a cabo polos funcionarios ou empregados dos servizos técnicos do Concello ou pola Policía Local.

2. Aos anteriores efectos, terán sempre no establecemento a disposición da inspección municipal o título habilitante para o exercicio da actividade, a resolución de autorización para a terraza e, no seu caso, a súa última renovación, xunto co plano detalle en que conste o emplazamento, a superficie de ocupación e o número de mesas e cadeiras.

Asemade, deberán ter a disposición da inspección municipal o xustificante do abono da póliza de seguros de responsabilidade civil e de incendios e a documentación xustificativa das revisións dos elementos que o precisen (aparatos de climatización, calefacción, iluminación, ramplas, elevadores, etc,) e os certificados de homologación dos mesmos.

Artigo 24.- Reposición da legalidade

Sen prexuizo da imposición das sancións que procedan e/ou da revogación ou modificación no seu caso da autorización, as infraccións das obrigas derivadas da presenta ordenanza ou da normativa de aplicación dará lugar á obriga para o titular da autorización da reposición da situación alterada ao seu estado orixinario, así como á indemnización polos danos e perdas causados.

Artigo 25.- Suxeitos responsables

Serán responsables das infraccións as persoas físicas ou xurídicas titulares das autorizacións.

Artigo 26.- Infraccións

O incumprimento das disposicións da presente ordenanza ou das condicións da autorización poderá dar lugar á comisión dalgunha ou varias das infraccións que se recollen a continuación, previa a tramitación de expediente sancionador, sen prexuizo da posibilidade ademáis de revogación ou modificación da autorización, segundo se dispón no artigo 5.9 desta ordenanza.

As infraccións clasifícanse en leves, graves e moi graves.

1.- Son infraccións leves:

a) O incumprimento da obriga de manter o espazo ocupado pola terraza, así coma cada un dos elementos que a compoñen, nas debidas condicións de limpeza, seguridade e ornato, tanto durante o seu funcionamento como ao termo deste, sen prexuizo no seu caso do abono do coste da limpeza por parte dos servizos municipais.

b) O deterioro leve de equipamentos, infraestruturas, instalacións ou espazo de uso público como consecuencia do funcionamento da terraza, sen prexuizo da obriga da súa reposición.

c) A ocupación de maior superficie da autorizada cando este exceso non supere o 20%.

d) A colocación da terraza en disposición diferente da autorizada.

e) A instalación de elementos de mobiliario ou auxiliares non recollidos na autorización e/ou en número maior dos autorizados, sempre que non se supere a superficie de ocupación autorizada.

f) O incumprimento de horario de inicio ou de peche en menos dunha hora.

g) A instalación de suxeicións ou ancoraxes non autorizadas, sen prexuizo da obriga de responder no seu caso dos danos producidos por ditas suxeicións.

h) O incumprimento da obriga de retirar e recoller os elementos da terraza.

i) Almacenar ou amontoar produtos, envases ou residuos na zona de terraza ou en calquera outro espazo da vía pública.

j) Tolerar que os usuarios da terraza causen molestias ou tolerar que ocupen espazos distintos dos autorizados ou atender aos que se sitúen fóra deste.

k) A non exhibición da documentación a que se refire o art. 23 aos axentes da autoridade ou servizos técnicos en labores de inspección.

l) A ausencia de notificación ao Concello da transmisión da licenza.

m) Calquera outra acción ou omisión contraria ás disposicións desta ordenanza non expresamente tipificadas como grave ou moi grave.

2. Son infraccións graves:

a) O deterioro grave de equipamentos, infraestruturas, instalacións ou espazo de uso público como consecuencia do funcionamento da terraza, sen prexuizo da obriga da súa reposición.

b) A ocupación de maior superficie da autorizada en máis dun 20% e en menos do 50%.

c) A instalación de elementos de mobiliario ou auxiliares non establecidos na autorización e/ou en número maior dos autorizados, se superan a superficie autorizada.

d) O incumprimento do horario de inicio ou de peche en máis dunha hora.

e) O incumprimento da obriga de retirar e recoller os elementos da terraza, cando se produzan tres ou máis denuncias nun período de dous meses.

f) A produción de molestias aos veciños ou transeúntes, como consecuencia do funcionamento da instalación, por incumprimento das condicións establecidas na autorización ou das obrigas derivadas desta ordenanza.

g) A superación dos límites de emisión acústica normativamente establecidos ata en 15 dBA, tanto polo funcionamento da terraza no seu horario, como polas labores de desmontaxe e recollida dos seus elementos.

h) A instalación de suxeicións ou ancoraxes non autorizadas no ámbito de aplicación do Plan Especial de Protección e Ordenación do Casco Histórico, sen prexuizo da obriga de responder no seu caso dos danos producidos por ditas suxeicións.

g) O incumprimento das condicións técnicas de instalación ou outras condicións específicas que se recollesen no documento da autorización, e a instalación de elementos non homologados o sen a preceptiva revisión, cando sexa pertinente.

i) O servizo de bebidas e produtos alimentarios non autorizados.

j) A negativa ou obstaculización á labor inspectora ou desobediencia aos lexítimos requirimentos da Policía Local.

k) A comisión de tres faltas leves ao cabo de 1 ano cando así se declarase por resolución firme.

3.-Son infraccións moi graves:

a) A instalación dunha terraza carecendo da preceptiva autorización municipal ou fóra do período autorizado.

b) O deterioro moi grave de equipamentos, infraestruturas, instalacións ou espazo de uso público como consecuencia do funcionamento da terraza, sen prexuizo da obriga da súa reposición.

c) A ocupación dunha superficie maior á autorizada en máis do 50%.

d) A instalación de elementos de mobiliario ou auxiliares non establecidos na autorización e/ou en número maior dos autorizados, aínda que non superan a superficie autorizada, sempre e cando supoñan un risco para as persoas ou para bens ou para espazos, tanto públicos e/ou privados.

e) O incumprimento do horario de inicio ou de peche en máis dunha hora, cando isto derive nunha perturbación da convivencia que afecte de maneira grave, inmediata e directa á tranquilidade dos veciños ou ao exercicio de dereitos lexítimos doutras persoas.

A estes efectos, entre outras circunstancias posibles, considerarase que se da este suposto sempre que se acumulen polo menos tres denuncias veciñais nun período de dous meses.

f) A produción de molestias graves aos veciños/as ou transeúntes derivadas do funcionamento da instalación, por incumprimento das condicións establecidas na autorización ou das obrigas derivadas desta ordenanza; ou a produción de molestias aos veciños/as ou transeúntes derivadas do funcionamento da instalación, por incumprimento das condicións establecidas na autorización ou das obrigas derivadas desta ordenanza, cando se produzan tres o máis denuncias nun período de dous meses.

g) A superación dos límites de emisión acústica normativamente establecidos en máis de 15 dBA, tanto polo funcionamento da terraza no seu horario, como polas labores de desmontaxe e recollida dos seus elementos.

h) A carencia de seguro de responsabilidade civil e de incendios a que se refire o art. 5.3.c).

i) A ocultación ou manipulación dos datos ou da documentación presentada para a obtención da autorización correspondente, cando non constitúan infracción penal.

j) Non desmontar as instalacións, unha vez finalizado o período de vixencia da autorización ou cando fora requirido pola autoridade municipal, sen prexuizo de responder do custo e dos danos producidos no suposto de retirada das mesmas por parte do Concello.

k) Non retirar de forma inmediata os elementos necesarios da terraza cando resulte necesario para o acceso de vehículos autorizados ou de urxencias ou emerxencias, recollida de residuos, rega ou limpeza de rúas, e para prestación de calquera outro servizo público ou de interese xeral que o requira.

l) O incumprimento da orde de suspensión da instalación.

m) O arrendamento ou cesión da autorización de terraza a titular diferente do establecemento principal.

n) O desenvolvemento de una actividade diferente da do establecemento principal.

ñ) O mal estado das instalacións que supoña un risco para a seguridade das persoas.

o) A instalación de instrumentos ou equipos musicais ou outras instalacións non autorizadas ou a celebración de eventos e concertos non autorizados.

p) A comisión de tres faltas graves ao cabo de 1 ano cando así se declarase por resolución firme.

Artigo 27.- Sancións

1.- As citadas infraccións serán sancionadas da seguinte forma:

a) As infraccións leves con multa de 200 ata 600 euros.

b) As infraccións graves con multa de 601 ata 1.200 euros.

c) As infraccións moi graves con multa de 1.201 ata 3.000 euros.

2.- A comisión de infraccións graves ou moi graves poderá levar aparellada a revogación da autorización municipal.

O establecido no parágrafo anterior aplicarase en atención á transcendencia social do feito e demais circunstancias que concorran, especialmente cando se produza unha perturbación da convivencia normal que afecte de modo grave, inmediato e directo á tranquilidade, ao exercicio de dereitos lexítimos doutras persoas e ao desenvolvemento normal de actividades de toda clase, conforme a normativa que resulte de aplicación.

Artigo 28.- Circunstancias modificativas da responsabilidade

Para a modulación das sancións, teranse en conta as seguintes circunstancias:

-A reposición espontánea dos feitos constitutivos de infracción ou a reparación espontánea dos prexuizos causados, por parte do responsable da infracción, con anterioridade ao inicio do expediente sancionador.

-A existencia de intencionalidade.

-A reiteración na conduta infractora, entendendo reincidencia coma a comisión ao cabo dun ano de tres infraccións da mesma natureza, cando así o declare resolución firme.

-A natureza dos prexuízos causados.

-A afección ao interese xeral.

-A afección ao patrimonio, estea o non especialmente protexido ou catalogado.

-A reincidencia na comisión da infracción.

-O beneficio obtido.

Artigo 29.- Prescrición

As infraccións leves prescriben aos seis meses, as graves aos dous anos e as moi graves aos tres anos.

As sancións impostas por infraccións leves prescriben ao ano; as sancións por infraccións graves aos dous anos; e as sancións por infraccións moi graves prescriben aos tres anos.

O cómputo do prazo de prescrición e a súa interrupción realizarase conforme o establecido no artigo 30 da Ley 40/2015, de Réxime Xurídico do Sector Público.

Artigo 30.- Procedemento sancionador

1.- A imposición das sancións establecidas na presente ordenanza requirirá a previa incoación, tramitación e resolución do procedemento correspondente, que se substanciará conforme o disposto na normativa xeral sobre o procedemento administrativo común.

2.- O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de seis meses, contados desde a notificación ao interesado do inicio do expediente.

3.- A incoación e resolución dos procedementos sancionadores corresponderalle ao órgano municipal competente para conceder a autorización correspondente.

Artigo 31.- Medidas Cautelares

1.- Tanto a efectos do restablecemento da legalidade infrinxida como do procedemento sancionador, cando a instalación impida ou dificulte o uso común xeral, perturbe ou supoña perigo de perturbación da seguridade e tranquilidade pública ou supoña calquera outro grave prexuízo aos intereses xerais, poderanse acordar medidas cautelares con carácter previo ou coetáneo á tramitación de ditos expedientes, tales coma a retirada das instalacións ilegais ou a suspensión do funcionamento da terraza, consonte o disposto na normativa sobre procedemento administrativo común.

2.- As medidas cautelares adoptadas e as ordes de reestablecemento da legalidade ditadas nos respectivos expedientes serán inmediatamente executivas, conforme o disposto na Lei 39/2015, de 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e deberán cumprirse nos prazos establecidos ou, no seu defecto, no prazo de cinco días.

Por razóns excepcionais de grave afección ao interese público ou común xeral, procederase de maneira cautelarisima aao inmediato precinto das instalacións por parte da autoridade municipal.

3.- O incumprimento polo interesado das ordes contidas nas medidas cautelares adoptadas ou nas resolucións ditadas a tal efecto, implicará a utilización administrativa dos medios de execución forzosa establecidos nos artigos 99 e seguintes da na Lei 39/2015, de 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, sen prexuízo do exercicio das accións de recuperación de oficio e demais prerrogativas municipais que, respecto do dominio público, posúe a Administración.

4.- Os elementos retirados en execución forzosa pola Administración municipal serán trasladados a almacéns habilitados a tal efecto polo concello, nos que permanecerán, por espazo dun mes, a disposición dos seus titulares, que, con carácter previo á súa recollida, deberán pagar o importe do custo da execución forzosa e a posible sanción.

Se os seus titulares non a recollesen no prazo disposto, terán a consideración de residuos urbanos e quedarán a disposición da Administración municipal.

 

DISPOSICIÓNS

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS.-

Primeira.- Habilítase á Alcaldía, ou o órgano en quen delegar, para ditar as disposicións ou instrucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación da presente ordenanza.

Segunda.- Habilítase á Alcaldía para ditar as disposicións necesarias para a aprobación de axudas ou subvecións para o cambio dos materiais das instalacións e mobiliario xa autorizados á entrada en vigor desta ordenanza, polos homologados conforme a presente.

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS.-

Primeira.- As autorizacións de terrazas existentes no momento da entrada en vigor da presente ordenanza, seguirán vixentes. No que non se opoña, rexeranse pola nova normativa.

Segunda.- Sen prexuizo do anterior, os titulares das instalacións disporán ata o ata o 31 de decembro de 2022 para substituír e/ou adaptar o mobiliario e os distintos elementos auxiliares autorizados cos que conten por outro homologado conforme a presente normativa.

Terceira.- As solicitudes para instalar novas terrazas ou para modificar as existentes nas condicións establecidas nesta ordenanza poderán presentarse en calquera momento; entenderase que a autorización se outorgará no eu caso para o tempo que reste desde a concesión ata a fin do período solicitado.

 

DISPOSICIÓNS DERROGATORIAS

Primeira.- Queda derrogado a ordenanza das Terrazas do Concello de Betanzos, publicada no BOP Nº 150 de 2 de xullo de 2004.

Segunda.- Quedan derrogadas cantas normas ou disposicións de igual ou inferior rango sexan incompatibles ou se opoñan ao establecido nesta ordenanza.

 

DISPOSICIÓNS FINAIS

Primeira.- Esta ordenanza entrará en vigor aos quince días seguintes á data da publicación no BOP da súa aprobación definitiva."

 

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza dispón a súa entrada en vigor aos quince días seguintes á data da publicación no BOP da súa aprobación definitiva, pero se debe ter en conta que o artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril , reguladora das Bases do Réxime Local establece que:

¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales....." (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).

Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."