Rianxo - ORDENANZA FISCAL NUMERO 11 REGULADORA DA TAXA POLA UTILIZACIÓN PRIVATIVA OU APROVEITAMENTO ESPECIAL DO DOMINIO PÚBLICO LOCAL POLA OCUPACIÓN DO SOLO CON POSTOS, CASETAS DE VENDA, INDUSTRIAS DE RÚA E AMBULANTES

Publicación provisional: 07/12/2021 BOP Nº: 232
Publicación definitiva: 28/02/2022 BOP Nº: 40
Aplicable dende: 28/02/2022

Artigo 1.-Fundamento e natureza.

De conformidade co disposto nos artigos 4 e 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e nos artigos 15 a 19 e 57 do texto refundido da lei reguladora das facendas locais (TRFL) aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, este Concello establece a taxa pola utilización privativa e o aproveitamento especial do dominio público municipal, que se rexerá polo disposto nos artigos 20 a 27 do TRFL, na normativa tributaria municipal e na demais normativa municipal reguladora da ocupación do dominio público municipal.

Artigo 2.-Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible desta taxa a utilización privativa do dominio público local polas ocupacións do solo con postos, casetas de venda e industrias de rúa e ambulantes.

Artigo 3.-Supostos de non suxeición.

Con independencia da obriga ou non da tramitación da licenza ou autorización correspondente, non están suxeitos a esta taxa as utilizacións privativas e os aproveitamentos especiais do dominio público local que se detallan de seguido:

a) as ocupacións do dominio público local que, en aplicación do principio de especialidade, están suxeitas a outras taxas pola ocupación do dominio público municipal.

b) a ocupación da vía pública para actividades publicitarias realizadas por entidades sen ánimo de lucro, partidos políticos e outras entidades veciñais e asociativas para informar, difundir e facer promoción dos seus actos propios de carácter social, político, cultural, de participación cidadá, de fomento de valores cívicos e condutas humanitarias, de concienciación e sensibilización social e similares, previo acordo da Xunta de Goberno Local.

Artigo 4.-Obrigados tributarios.

Son suxeitos pasivos da taxa en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas, así como as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria (LXT), que gocen, utilicen ou aproveiten especial ou de xeito privativo o dominio público municipal en beneficio particular.

Artigo 5.-Deivindicación e período impositivo.

1. O período impositivo coincidirá co bimestre natural, salvo nos casos de alta ao longo do mesmo, en que se iniciará no momento da ocupación, e nos casos de baixa, en que rematará o día natural mo que se produza o cese da ocupación.

A taxa deivindicarase periodicamente o primeiro día de cada bimestre natural, salvo no caso de inicio do aproveitamento, en que se producirá no momento da ocupación.

2. Para os efectos do disposto no apartado anterior, tomarase como referencia da data de inicio e da duración da ocupación a que figure na correspondente autorización administrativa, ou, no seu caso, os que resulten da correspondente comprobación administrativa, si difiren daquela ou si existise ocupación efectiva sen autorización previa.

3. Nos aproveitamentos realizados por días, o período impositivo é por día. Neste suposto, a taxa deivindicarase o día ou días declarados de ocupación.

Artigo 6.-Cota tributaria.

1. Ocupacións con carácter permanente.

A cota tributaria bimensual obterase tras a aplicación da seguinte fórmula:

Cota tributaria = 11 €/m² * s * t

s, superficie ocupación (m² expresados en metros lineais de fronte do posto).

t, coeficiente corrector de tempo de uso:

asistencia dous días á semana con carácter permanente = coeficiente 2;

asistencia un día á semana con carácter permanente = coeficiente 1;

2. Ocupacións temporais.

A cota tributaria obterase tras aplicar a seguinte fórmula:

Cota tributaria = 11 €/m² * s * t

s, superficie ocupación (m² expresados en metros lineais de fronte do posto).

t, coeficiente corrector de tempo de uso:

.....ratearase en función dos termos da autorización, si a ocupación é de ata 16 días; si excede .....de 16 días aplicarase coeficiente multiplicador > 2, proporcional aos días da ocupación.

3. Nos supostos nos que con motivo da declaración dalgún dos estados previstos no artigo 116 da Constitución Española e regulados na Lei Orgánica 4/1981, do 1 de xullo, dos estados de alarma, se limitase a ocupación do dominio público e a liberdade de circulación de persoas, a cota reducirase proporcionalmente aos días que dure a limitación da ocupación."

Artigo 7.-Normas de xestión.

7.1.-Ocupacións temporais:

a) Con carácter xeral, a taxa pola utilización ou aproveitamento do dominio público municipal esixirase en réxime de autoliquidación simultaneamente coa solicitude da licenza ou autorización de ocupación correspondente. A autoliquidación considerase un ingreso a conta da liquidación que, no seu caso, practique en función da ocupación efectivamente concedida. Os departamentos municipais competentes para a tramitación da autorización correspondente notificarán á Tesourería municipal os acordos de concesión e denegación de ocupación para a aprobación da liquidación correspondente no suposto de que o importe ingresado mediante autoliquidación sexa inferior ou superior ao que corresponda.

b) No suposto de que o Concello actúe de oficio, e unha vez notificado o acordo polo departamento municipal competente, a Tesouraría xirará a liquidación correspondente ao interesado.

7.2.-Ocupacións permanentes e de tempada:

a) As ocupacións permanentes e de tempada xestionaranse a partires do censo da taxa, que se formará pola Tesourería municipal en base aos datos aportados polo departamento municipal competente para a tramitación das licenzas ou autorizacións de ocupación. A exacción será bimensual.

b) Nos supostos de inicio da utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público municipal, o suxeito pasivo está obrigado a presentar e ingresar a autoliquidación simultaneamente coa solicitude da autorización de ocupación. O departamento municipal competente para a tramitación da autorización comunicará á Tesouraría municipal os acordos de concesión de autorizacións para a súa inclusión no padrón do período de cobro seguinte, e para a aprobación da liquidación correspondente no suposto de que o importe ingresado mediante autoliquidación fora inferior ao que corresponda segundo o acordo de ocupación concedida, ou para a devolución de ingreso, no suposto de que o importe autoliquidado e ingresado fora superior.

c) No caso de baixa, revogación ou modificación das autorizacións concedidas, o departamento municipal competente para a súa tramitación comunicarao á Tesouraría municipal para a modificación ou exclusión do censo da taxa, con efectos tributarios a partires do período impositivo seguinte.

d) Nas ocupacións permanentes e de tempada, os suxeitos pasivos teñen a obriga de declarar os cambios que se produzan no uso e goce do aproveitamento e demais circunstancias con efectos fiscais nas taxas correspondentes. O prazo para declarar é de dez días desde que se produza o cambio, ou demais circunstancias con efectos fiscais.

e) Nos supostos de cambios de titularidade manténdose a autorización inicial, a cota será irredutible e o obrigado ao pagamento será o que figure como titular o primeiro día do período impositivo.

Artigo 8.-Responsabilidade por destrución ou deterioro.

Cando as utilizacións privativas ou os aproveitamentos especiais do dominio público municipal comporten a súa destrución ou deterioro, o beneficiario estará obrigado ao reintegro do custe total dos gastos de reconstrución ou deterioro e ao depósito previo do seu importe, sen prexuízo do pago da taxa correspondente.

Se os danos son irreparables, o Concello será indemnizado en todo caso en contía igual ao valor dos bens destruídos ou ao importe do deterioro producido.

Artigo 9.-Infraccións e sancións.

1.-Para todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias e imposición das sancións correspondentes, estarase ao disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria (LXT) e a normativa de desenvolvemento.

2. O incumprimento do deber de declaración á que se refire o artigo 7.2 c) desta ordenanza cualificarase como infracción tributaria nos termos sinalados na LXT e demais disposicións aplicables.

Disposición derradeira

A presente Ordenanza foi aprobada de xeito provisorio polo Pleno da Corporación na sesión celebrada o día de vinte e cinco de de novembro dous mil vinte e un.