Paderne - Ordenanza reguladora de plantación de corta de arboredo
Artigo 1.-Obxecto e xustificación da ordenanza.
Complementando o establecido no artigo 591 do Código civil e no Decreto 2061/1967, do 19 de outubro, e de acordo cos artigos 4.1.a) e 25.2.d) e h), da Lei 7/1985, do 2 de abril, das bases do réxime local, este Concello adopta unha ordenanza xeral, sen carácter fiscal, reguladora de diversos aspectos da xestión forestal que afectan ós seguintes bens protexidos:
Medio natural.-Convivencia veciñal-Bens municipais (vías públicas e outros).
Artigo 2.-Distancias e plantacións.
1.-No municipio de Paderne establécense as seguintes distancias mínimas de plantación das árbores, segundo a especie, lugar e veciñanza afectada:
Distancias | Eucaliptos | Piñeiros | Frondosos | Frutais |
Vivendas | 50 m | 25 m | 10 m | 6 m |
A prados e terreos agrícolas | 12 m | 8 m | 6 m | 3 m |
Ó eixe do camiño | 3 m | 2,5 m | 2,5 m | 2,5 m |
Ó eixe das pistas | 4 m | 4 m | 4 m | 4 m |
Ós mananciais | 25 m | 10 m | 10 m | 6 m |
No relativo ás pistas e camiños, a plantación deberá respectar un mínimo de 1 m, ó carón dos mesmos e do límite do propio terreo.
2.-Nas zonas do núcleo rural e do solo non urbano común prohíbese a plantación de especies forestais.
3.-Nos terreos con prohibición de plantación respectaranse as existentes, pero unha vez cortados prohíbese a repoboación, incluíndo os propios renovos; o aproveitamento do terreo dedicarase a explotación agrícola ou gandeira.
4.-Co fin de garanti-lo efectivo cumprimento da ordenanza, establécese a obrigatoriedade da comunicación previa da plantación de superficies forestais superiores a 500 m2; na comunicación identificarase ó propietario, o terreo da plantación, así como a especie e densidade.
5.-Protección da zonas fluviais e marítimo-terrestre:
Dende o leito ata unha distancia de 100 metros a cada unha das marxes dos ríos Lambre, Mandeo, Zarzo e Maizoso, unicamente poderán plantarse especies frondosas. Todo isto sen prexuízo do disposto na Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas, en canto á protección do dominio público hidráulico.
Establécese a mesma lonxitude, no que se permite unicamente a plantación de frondosas, que se contará dende o límite interior da zona de dominio público marítimo terrestre, sen prexuízo do disposto na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.
Artigo 3.-Corta de plantacións.
1.-Para garati-la preservación do medio natural e a conservación dos camiños e pistas rurais, e sen prexuízo da necesaria obtención doutros permisos da corta das plantacións forestais, cando superen as 20 toneladas.
2.-A comunicación da corta será efectuada polo madeireiro, debendo constar na mesma o seguinte:
- Identificación do propietario e madeireiro.
- Especie de madeira obxecto da corta, así como Tm a extraer.
- Nome do monte afectado ou identificación nun plano da normativa urbanística.
- Lugar do depósito e vías a utilizar para o transporte da madeira.
3.-O madeireiro encargado da corta será responsable directamente dos desfeitos ocasionados nas vías públicas municipais como consecuencia do depósito e transporte da madeira, quedando obrigado á reparación dos mesmos, incluíndo a limpeza e retirada dos residuos.
4.-As vías públicas non poderán usarse para almacén da madeira, aínda que se autoricen as operacións para a súa carga; sabendo que as gabias sempre quedarán limpas e en bo estado de utilización.
5.-O madeireiro establecerá unha fianza a prol do Concello, con obxecto de responder dos posibles desfeitos non reparados voluntariamente, na contía fixada polo servicio técnico municipal.
Artigo 4.-Infraccións.
Con carácter xeral, calquera incumprimento das obrigacións formais ou do contido da presente ordenanza reputarase como infracción leve.
Reputarase infracción grave a reiteración na comisión de infraccións leves (máis de 2 en 2 anos), así como cando a estimación económica do volume da madeira afectada supera 1.000.000 de pesetas.
Artigo 5.-Sancións.
As infraccións á presente ordenanza serán sancionadas, por medio de acordo plenario, do xeito seguinte:
- Comisión de infracción leve: 5.000 pesetas de multa; adicionalmente establécense as seguintes contías segundo a natureza da infracción.
- 100 pesetas por cada árbore incorrectamente plantada, coa obrigación da súa retirada.
- 500 pesetas por tonelada de madeira cortada e transportada sen comunicación previa.
- Comisión de falta grave: 25.000 pesetas.
Artigo 6.-Requirimentos.
Advertido o incumprimento da presente ordenanza, e de forma paralela ó expediente sancionador, requirirase ó responsable da infracción para que se axuste á normativa, outorgándolle un prazo máximo dun mes. Transcorrido este prazo sen que se dea cumprimento ó requirimento, sen necesidades de novas notificacións procederase á execución subsidiaria do mesmo, cargándolle os custos da mesma á persoa responsable.
O que se fai público para os efectos de vixencia e coñecemento xeral.
Contra o acordo de aprobación definitiva pode interpoñerse o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses.