Brión - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA UTILIZACIÓN DOS SERVIZOS DE ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL

Publicación provisional: 26/04/2022 BOP Nº: 78
Publicación definitiva: 15/06/2022 BOP Nº: 113
Aplicable dende: 01/09/2022

Artigo 1.-Concepto.

De conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, este concello establece a taxa pola utilización dos servizos da escola infantil municipal.

Artigo 2.-Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible a utilización dos servizos da escola infantil municipal de Brión, exceptuando o servizo de atención educativa, que se establece como gratuíto en base ao recoñecemento da necesidade de compensación económica establecida no artigo 23.Seis da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, por parte da consellería competente na materia de servizos sociais.

Artigo 3.-Suxeitos obrigados tributarios.

Están obrigados ao pagamento da taxa os pais/nais dos nenos/as en situación de alta na escola infantil municipal de Brión, e no seu defecto, os familiares ou titores legais a quen corresponda o exercicio da patria potestade.

Artigo 4.-Devengo.

O devengo producirase no momento en que os usuarios utilicen os servizos da escola infantil municipal. Todos os usuarios aboarán a contía de 11 mensualidades por curso, non devengándose o mes de agosto por tratarse do mes sinalado como vacacional.

Artigo 5.-Pagamento.

Para os efectos de cobro, os/as usuarios/as que fagan uso dos servizos da escola infantil municipal terán a obriga de presentar unha conta bancaria onde se cargarán por adiantado os recibos, nos 20 primeiros días naturais do mes a que correspondan. No caso de que o ingreso no centro se produza con posterioridade ao día primeiro de mes, a cota correspondente incluírase no padrón do mes seguinte.

No caso de utilización do servizo de comedor en días soltos, realizarase o pagamento deste servizo a mes vencido.

A falta de asistencia ao centro non supón redución nin exención algunha da cota establecida mentres non se formalice a baixa correspondente.

Non poderá renovar praza ou tomar posesión da praza xa renovada, o/a solicitante que en cada un dos momentos correspondentes teña pendente o pagamento dalgunha mensualidade de calquera dos cursos de permanencia na escola infantil municipal.

Os recibos que resulten impagados e os gastos de devolución bancaria de ditos recibos, serán obxecto de cobro polo procedemento establecido na Lei xeral tributaria unha vez que transcorra o período de pago voluntario fixado no anuncio de aprobación dos padróns mensuais.

Artigo 6.-Determinación dos importes a pagar.

Os importes a pagar veñen determinados en función da renda per cápita mensual da unidade familiar.

Para os efectos da aplicación desta ordenanza, a renda per cápita mensual da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:

a) Enténdese por unidade familiar a formada por:

- Os cónxuxes non separados legalmente, as parellas que formen un núcleo estable de convivencia, e as familias acolledoras con medidas administrativas de tutela ou garda.

- Os fillos ou menores acollidos convivintes de ambos membros da parella (comúns ou non) que sexan: menores, maiores de idade incapacitados xudicialmente e suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada, e os maiores de dezaoito anos discapacitados cun grao superior ao 33% recoñecido que carezan de rendas anuais superiores á cantidade fixada na lexislación do IRPF para aplicar o mínimo por descendente con discapacidade.

b) Entenderase por familia monoparental a unidade familiar á que se refire o apartado a) cando formase parte dela un único proxenitor/a que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal, e sempre que o outro proxenitor/a non contribúa economicamente ao seu sustento. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

c) Entenderase por renda per cápita o resultado de dividir entre o número de membros computables da unidade familiar, a suma das rendas individuais de cada membro correspondentes ao derradeiro exercicio fiscal cuxo período de presentación da correspondente declaración estivese vencido na data da presentación da solicitude. As rendas individuais calcularanse coa suma da base impoñible xeral e a base impoñible do aforro, calculadas segundo os criterios establecidos na normativa no imposto sobre a renda das persoas físicas.

d) Acreditación: o importe dos ingresos totais da unidade familiar será acreditado mediante a presentación das copias certificadas pola Administración Tributaria das declaracións do IRPF ou, de non ter obriga de presentala, coa certificación correspondente da Axencia Tributaria e as certificacións de ingresos referidos ao mesmo período (do INEM, Seguridade Social, empresa contratante, etc.).

Artigo 7.-Prezos e tarifas.

Os prezos máximos establecidos segundo os servizos son:

SERVIZOS ORDINARIOS:

- Prezo/mes do servizo de atención educativa e asistencial: 0,00 para xornada completa (8 horas), reducida (6 horas) e media xornada (4 horas).

- Prezo/mes do servizo de xantar e sesta (alumnado de 1 a 3 anos): prezo unitario do menú reflectido no correspondente contrato de xestión do servizo en cada momento, por 20 (media de días/mes lectivos). Só aplicable a xornadas completas de 8 horas.

- Prezo/mes do servizo de almorzo: 15% do prezo correspondente ao xantar.

- Prezo/mes do servizo de merenda: 15% do prezo correspondente ao xantar.

SERVIZOS EXTRAORDINARIOS:

- Prezo/mes do servizo de xantar por días soltos (a requerimento): prezo unitario do menú reflectido no correspondente contrato de xestión do servizo en cada momento, polo número de días solicitados de servizo.

- Prezo/mes do servizo de xornada ampliada (3,5 horas/día-17,5 horas/semana): 50% do importe correspondente a servizos ordinarios.

- Prezo/ano do servizo de subministro de material escolar: 10,00 €.

As tarifas a aboar polos servizos ordinarios, serán o resultado de aplicar as seguintes porcentaxes en relación á RPC familiar, sobre os prezos resultantes:

- RPC familiar entre o 0% e o 30% do IPREM: 5%

- RPC familiar entre o 30% e o 50% do IPREM: 15%

- RPC familiar entre o 50% e o 100% do IPREM: 30%

- RPC familiar entre o100% e o 150% do IPREM: 75%

- RPC familiar superior ao 150% do IPREM: 100%

As tarifas a aboar polos servizos extraordinarios serán iguais aos prezos establecidos para ditos servizos.

Artigo 8.-Bonificacións.

Segundo as circunstancias da unidade familiar, sobre o prezo resultante de aplicar o disposto no artigo anterior, aplicaranse os seguintes descontos que non son acumulables entre si:

a) 20% a crianzas que pertenzan a unha familia numerosa.

b) 20% a crianzas dunha unidade familiar monoparental.

c) 100% de desconto a familias para as que, de xeito excepcional, se emita informe dos Servizos Sociais Municipais recomendando esta medida de cara a garantir a cobertura de necesidades básicas do/a menor usuario/a ou o desenvolvemento dun proxecto de inserción para o grupo familiar, incluíndose neste suposto os casos de necesidades de horas extras puntuais en situacións urxentes ou inexcusables, debidamente xustificadas.

Así mesmo as unidades familiares cunha renda per cápita anual inferior ao 75% do IPREM, poderán diminuír esta restando ao cómputo anual xeral os importes aboados en concepto de alugueiro ou hipoteca polo uso da vivenda habitual cun límite de 3.600,00 €/ano (300,00 €/mes). A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

Artigo 9.-Variacións e suspensións temporais de pagos.

As familias terán dereito a solicitar en calquera momento a revisión das cotas individuais establecidas, por razón de variacións importantes sobrevidas que modifiquen de xeito apreciable a súa capacidade económica. A estes efectos, a variación deberá ser como mínimo dun 20% respecto da capacidade económica resultante no exercicio fiscal aplicable, e manterse no tempo durante polo menos os catro meses inmediatamente anteriores á solicitude de revisión. Do mesmo xeito, o concello terá a potestade de revisar de oficio as cotas individuais establecidas, e a solicitar canta documentación considere oportuna para verificar as posibles variacións na capacidade económica dos usuarios, tanto á baixa como á alza.

Os suxeitos obrigados ao pago, non terán a obriga de aboar as cotas correspondente aos servizos de xantar, almorzo, merenda e/ou xornada ampliada, durante os seguintes períodos:

- Primeira quincena da mensualidade correspondente a unha nova incorporación cando, por circunstancias sobrevidas (solicitude fóra de prazo, traslado de residencia, etc.) se obteña praza despois do día 15 do mes (aboarase o 50% da cota pola segunda quincena).

- Durante a totalidade ou a primeira quincena do mes de setembro (ao comezo do curso escolar), ou do mes no que se producirá o periodo de adaptación, facendo constar a petición de suspensión temporal na correspondente solicitude de praza.

- Durante o mes de vacacións anuais obrigatorias (mes de agosto), ou pola formalización de solicitude de suspensión temporal dun mes ou dunha quincena por disfrute de vacacións nun período diferente ao xeral establecido (solicitude necesariamente formalizada con 10 días de antelación).

- Durante 15 días consecutivos ao longo do curso escolar, pola formalización de solicitude de suspensión temporal por razóns distintas ás vacacións obrigatorias anuais. Neste caso, deberá xustificarse a causa da suspensión e solicitar esta cunha antelación mínima de 10 días, excepto nunha situación de urxencia debidamente acreditada, na que a solicitude de suspensión se formalizará á maior brevidade posible.

- Durante o tempo no que, por calquera motivo distinto ao período de vacacións anuais, o centro permaneza pechado por un período superior a cinco días naturais, realizándose o rateo para o desconto das cantidades correspondentes no recibo do mes seguinte a aboar.

En calquera caso a solicitude de suspensión temporal de cota debe ser solicitada formalmente ante o Concello de Brión, xuntando a documentación acreditativa das circunstancias que a motivan, e será o concello quen resolverá sobre a procedencia ou non da suspensión.

No seu caso, o desconto das cantidades xa aboadas por servizos suspendidos, e as cotas debidas por reanudación dun servizo, realizarase no recibo do seguinte mes a pagar.

A non asistencia do usuario/a por un período ou causa diferentes aos establecidos anteriormente, non da dereito á redución das tarifas correspondentes mentres non se formalice a baixa no servizo facturado ou na escola infantil. A falta de uso dos servizos contratados durante 15 días consecutivos ou alternos sen unha causa xustificada, causará a baixa inmediata no servizo, poñéndose este á disposición das persoas usuarias en lista de agarda.

Artigo 10.-Infraccións e sancións tributarias.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que ás mesmas correspondan en cada caso, estarase ao disposto nos artigos 181 e seguintes da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

Disposición derrogatoria

A presente ordenanza fiscal derroga á ordenanza fiscal reguladora da taxa pola utilización dos servizos da escola infantil municipal publicada no BOP n.º 72, do 18 de abril de 2016.

Disposición final

A presente ordenanza entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresas, e os prezos establecidos serán de aplicación desde o día 1 de setembro de 2022.